O champiñón na Rede


Data inicio: 01/04/2008 - Data fin: 25/04/2008

Obxectivos e Repercusión

Con motivo da festa do champiñón que se celebra en Ordes os días 26-27 abril elaborouse un pequeno libro de receitas sacadas da rede para elaborar pratos usando como ingredente principal o champiñón.

O obxectivo é que as persoas coñezan as posibilidades que lles ofrece a rede e extender o seu uso na vida cotiá como un elemento máis de consulta e disfrute.

Descrición

No libreto que se repartirá os usuarios dos vindeiros obradoiros de novas tecnoloxías e dos cales deixarei copias tanto na Casa da Cultura do Concello de Ordes coma no Centro Comarcal, se recollen 5 receitas para o champiñón e unha serie de consellos á hora de compralos e cociñalos. Tamén aparece unha lista de diferentes páxinas webs sobre receitas de cociña que poden visitar.

A presentación do Windows Vista en galego terá lugar o vindeiro 8 de abril en Santiago


Funcionalidade Flip 3D en Windows VistaA Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (INEO) vén de anunciar a presentación do Windows Vista en galego que organiza en colaboración coa Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento e que terá lugar o vindeiro 8 de abril no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

O acto, que contará coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Toriño e coa da presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García, ofrecerá información de primeira man con respecto ás novidades do sector TIC, e desvelará a estratexia de Microsoft para Galicia de xeito directo e a través das declaracións da propia presidenta da firma.

A participación na devandita presentación é de balde e os interesados en acudir deberán inscribirse antes do vindeiro 3 de abril na seguinte ligazón: http://www.f5interactiva.com/clientes/microsoft/galicia/.

Agestic celebra unha Xornada de Dinamización en Lugo


A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías (Agestic) vén de anunciar a celebración dunha Xornada de Dinamización da I+D+i entre empresas e investigadores do campus de Lugo que terá lugar o vindeiro 2 de abril no edificio Cactus da cidade da Muralla.

Agestic colabora coa Consellaría de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela-Campus Lugo e a consultora Serviguide para a celebración deste evento que contará coas intervencións de:

.D. Agustín Merino. Vicerreitor Adxunto de Investigación USC- Campus de Lugo
.D. José María López Bourio Presidente AGESTIC
.Dª Xulia Guntín Araújo. Subdirectora Xeral de Xestión do PGIDIT - Dirección Xeral I+D+I-Consellería de Innovación
.Dª Natalia Nogueira López Responsable Area Innovación Serviguide.

Esta xornada pretende aclarar as dubidas existentes sobor da colaboración entre os grupos de traballo da USC e as empresas, a fin de presentar proxectos ás convocatorias inminentes da Consellería de Innovación no eido da I+D+I, asemade, expertos en innovación da consultora Serviguide explicarán as deduccións fiscais ás que poden acollerse as empresas e os apoios cos que poden contar para a presentación dos seus proxectos, a fin de que obteñan éxito.

Asemade, o devandito acto servirá para presentar a Revista Dixital de Innovación así como o Manual Guía de Innovación editado por Agestic do que se entregraá un exemplar aos asistentes.

A inscrición é de balde e débese formalizar mediante o envío do formulario cumprimentado ao enderezo electrónico tecnicos@agestic.org ou por fax ao número: 982 873 903.

Política Lingüística promoverá o galego na nenez a través das novas tecnoloxías


A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a priorizar a promoción do galego na infancia a través de diversos produtos de lecer, entre os que cómpre salientar a dobraxe de películas dirixidas aos máis novos, a organización de campañas de animación á lectura, a posta á disposición das familias de música en galego e a difusión de novas ferramentas tecnolóxicas na nosa lingua.

A secretaria xeral, Marisol López, vén de expoñer recentemente no Parlamento de Galicia estas e outras medidas destinadas ao fomento do fala entre a infancia e a mocidade, en resposta a unha pregunta formulada na Comisión de Educación e Cultura de Cámara galega.

Entre outras cousas, a estratexia da Secretaría Xeral neste senso céntrase en “investir na dobraxe de filmes ao galego, facer campañas de animación á lectura, distribuír música en galego para as familias e localizar en galego os programas informáticos”.

Asemade, e en resposta á demanda de información sobre as accións previstas para incorporar o galego aos aparellos informáticos, López anunciou que a primeiros de abril se vai presentar a versión galega dos programas Windows Vista e Office 2007, que contaron coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Servizo de Terminoloxía Galega Terminal.

Tamén no ámbito das novas tecnoloxías, explicou que se están mantendo reunións con empresas fabricantes e tamén con operadores de telefonía móbil para incrementar o espazo do galego nun sector con grande incidencia no público xuvenil.

Unha recomendación de cine IX

La noche es nuestra

Dirixida por James Gray esta película conta cun reparto repleto de estrelas: Joaquin Phoenix, Mark Wahlberg, Robert Duvall, Eva Mendes, Alex Veadov

No ano 1988 en New York un novo tipo de droga invade a cidade, seguida por unha oleada criminal sen precedentes. Os policías perden homes case tódolos meses. É unha guerra encarnizada entre os policías e os gánsteres. Bobby Green (Joaquin Phoenix) está no medio deste fogo cruzado. É o encargado dunha discoteca frecuentada por gánsteres como Vadim Nezhinski (Alex Veadov). Bobby garda un secreto, o seu irmán é o tenente de policía Joseph Grusinsky (Mark Wahlberg), que seguíu os pasos do seu pai, o lexendario xefe de de policía Burt Grusinsky (Robert Duvall). Non se levan ben e todo empeora cando o pai advirtelle a Bobby de que é a guerra e ten que escoller un bando. Non se pode ser neutral cando firen a Joseph e descubre que o seu pai podería ser o seguinte. Bobby comprende que a organización de Nezhinski debe ser destruida e únise a Joseph.

A sede da SGAE en Santiago estréase con varios cursos abertos ao público

Logo de varios meses intrigando aos turistas que se achegaban á capital galega e incluso aos composteláns aos que lles cadraba de pasar pola finca de Vista Alegre, o edificio da sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), con esa fasquía de monumento megalítico, vén de ser estreado coa súa primeira actividade aberta ao público: un curso titulado Iniciación á propiedade intelectual.

Ademais desta actividade, que pechará as súas portas hoxe venres 28 de marzo, a SGAE ten programados para o vindeiro mes de abril outros tres cursos de formación e que, segundo afirma o xornal El Correo Gallego, versarán sobre “os contratos de música, os medios audiovisuais, e as artes escénicas” e, asemade, terá lugar un “Obradoiro de guións de ficción para TV”.

Os interesados aínda están a tempo de inscribirse neles a través dos teléfonos 981 569 173 e 636 574 911 ou ben no enderezo de correo electrónico kdominguez@sgae.es.
O director desta entidade, Javier Vidal, xa declarou no seu día que a idea era converter o edificio nun “foco creativo e nun axitador cultural”; neste senso, “foco creativo” aínda non podemos afirmar que o sexa, pois a súa andaina non fixo máis que comezar e é cedo para atreverse a confirmar tal declaración, pero “axitador cultural” xa o é dende o día no que se puxo a primeira pedra para erguer este edificio de 3.000 metros de superficie que precisou preto de 10.000 euros para ser o que é hoxe.

Ó remate dos devanditos cursos, é posible que xa esteamos en condicións de xulgar se efectivamente esta morea de pedras é o “foco creativo” que pretendía ser ou se só se queda en “axitador cultural” e recadador local de comisións de artistas.

A Wikipedia recibe a dotación monetaria máis importante da súa historia


Se hai algo que nos axuda eficazmente no día a día do noso traballo sen pedirnos a cambio nada máis que volver a consultala cando teñamos algunha dúbida iso é a Wikipedia (coa ben equipada versión en galego). Esta xigantesca enciclopedia construída na Rede dende o ano 2001 axuda sen reparo a estudantes, investigadores, xornalistas, blogueiros, mestres e unha chea de profesionais que botan man dela para aclarar as súas dúbidas respecto a temas que se lles veñen grandes nalgún aspecto ou que descoñecen na súa totalidade, e todo sen pagar nada por facelo e sen ter que pasar polo traballo de rexistrarse para acceder.

Agora, logo de 7 anos de traballo de voluntarios espallados polo mundo, a Wikipedia vén de ver en boa medida recompensados os seus esforzos ó recibir a doazón máis grande xamais pensada: 3 millóns de dólares adxudicados pola Alfred P. Sloan Fundation.

Así o vemos na web barrapunto.com, onde tamén se engade que a suma será entregada en tres partes iguais durante os vindeiros tres anos que servirán, segundo os seus fundadores, “para acadar algúns obxectivos fundamentais como ofrecer maior calidade, ampliar a participación e distribuír contidos educativos para a xente sen conexión a Internet”.

A Wikipedia é considerada pola comScore Inc a sétima web máis popular nos Estados Unidos e a oitava máis popular do mundo a pesares de contar con tan só 15 empregados a tempo completo. Agardamos que con esta dotación o traballo se lles faga máis levadeiro e sigan contribuíndo como ata o de agora a manternos ben documentados en todo aquilo que precisamos no día a día.

Segue aberta a convocatoria de axudas para a compra de ordenadores ao alumnado non universitario

Aínda hai tempo, até o 10 de abril, para solicitar as axudas de 300 euros para a adquisición de ordenadores persoais para o alumnado non universitario. En total, a Consellaría de Educación dedica 800.000 euros para 2.666 beneficiarios, que poden cumplimentar as solicitudes na web do departamento.

As axudas van destinadas a sufragar a compra dun ordenador persoal de primeira man, ben sexa de escritorio ou portátil, entre o 1 de xaneiro e o 20 de setembro de 2008. O computador de escritorio deberá estar composto, como mínimo, por CPU, teclado, rato e pantalla.

A solicitude, que se debe cubrir na web https://www.edu.xunta.es/axudasord/, máis os anexos e a documentación pódense presentar no rexistro da Consellaría, nos das delegacións provinciais de calquera consellaría, nos portelos únicos dos concellos e nos gobernos civís.

A medida contribúe a cumprir o punto INCL-LA1 do PEGSI -Inclusión na sociedade da información-.

A FEUGA organiza un seminario de Excel para xestión empresarial

A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) repite esta semana unha nova edición do curso Excel Bussines Solutions: Aplicaciones avanzadas de Excel para la gestión empresarial. O motivo non é outro que a necesidade de atender o gran número de solicitudes de inscrición na activdade, impartida por Kiko Rial (director delegado para Galicia do Instituto de Empresa) e da que xa falamos hai uns días nesta web. Desta volta, a Aula de Formación de FEUGA acollerá o seminario os días 26 e 27 de marzo, ás 9.30.

PuntoGal conseguiu 700 novos apoios durante o Xuventude Galiza Net

A asociación PuntoGal, que promove a consecución dun dominio de internet para a cultura galega, conseguiu máis de 700 sinaturas durante o encontro Xuventude Galiza Net. Co número de apoios que recibiu no posto instalado no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, PuntoGal xa supera os 8.000 apoios individuais ao dominio.


A asociación estivo presente durante os tres días do encontro informático. Polo seu posto, situado á entrada do recinto, pasaron máis de 1.500 persoas de todas as idades. Moitos deles interesáronse pola iniciativa de PuntoGal e recibiron material informatvo. Os asinantes recibiron como agasallo camisetas co lema "Estouche a punto.gal" e adhesivos co logo "eu.gal".

Obradoiros para o mes de maio

MECANOGRAFIA

Nº de prazas: 10
Duración: 14 horas
Datas: 12, 14, 16,19,21,23, 26 maio
Horario: 11:30 - 13:30


ORGANIZA A TÚA VIAXE CON INTERNET

Nº de prazas: 10
Duración: 2 horas
Datas: 26 maio
Horario: 18:00-20:00


CREA A TUA CONTA
DE CORREO ELECTRONICO

Nº de prazas: 10
Duración: 6 horas
Datas: 5-6-7 maio
Horario: 17:00 -19:00


OFFICE: WORD

Nº de prazas: 10
Duración: 10 horas
Datas: 12-16 maio
Horario: 17:00-19:00



INFORMACION E INSCRIPCION

CENTRO COMARCAL DE ORDES
N-550 KM 37

TELEFONO: 981 68 83 86

HORARIO
Luns a venres de
11:00 - 15:00
16:30 - 19:30

PRAZO DE INSCRIPCION
1-11 abril

LUGAR DE REALIZACION
Aula de informatica da
Casa da Cultura de Ordes

Comeza a novena edición do encontro Xuventude Galiza Net



Tras a apertura de portas e a identificación dos participantes ás dez e media da mañá, case todos os 1.500 internautas que participan na novena edición do Xuventude Galiza Net están xa conectados. Foi suficiente pouco máis de media hora para que todos os mozos e mozas ocuparan os postos nos que permanecerán durante as vindeiras 52 horas no Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, en Santiago de Compostela.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, deu hoxe a saída a este encontro informático consolidado xa como un dos máis importantes a nivel estatal. Quintana destacou o Xuventude Galiza Net como foro que busca facer partícipe á mocidade dos avances tecnolóxicos, de xeito que poidan afondar nos seus coñecementos e desenvolver a súa creatividade no campo da programación, o deseño gráfico ou os contidos multimedia. Pero máis alá deste primeiro papel, salientou que o encontro «busca tamén humanizar as novas tecnoloxías», abríndoas a novos usuarios como os maiores e as persoas con discapacidade. Neste senso, apostou por «poñer as novas tecnoloxías ao servizo das persoas e do benestar, como mecanismo favorecedor da igualdade de oportunidades e de loita contra a exclusión».

Como novidade, Xuventude Galiza Net 2008 incorpora este ano á intranet a 26 mozos con algún tipo de discapacidade procedentes de Lugo e de Mos, a través da colaboración coa Confederación Galega de Minusválidos (Cogami) . Trátase de mellorar a súa integración e interacción cos demais participantes, fomentando o uso das novas tecnoloxías neste colectivo.

Para rachar coa fenda dixital, existe ademais un espazo dedicado especialmente ás persoas maiores, que poderán acceder ao mundo da informática a través de actividades específicas deseñadas para eles. Cen maiores procedentes de centros dependentes da Vicepresidencia, que durante o ano participan nas Ciberaulas, estarán conectados a internet entre as 12,00 e as 18,00 horas do sábado e do domingo. O obxectivo é promover un intercambio interxeracional entre os mozos e os maiores, facendo das novas tecnoloxías un nexo de unión e non unha barreira de separación.

Avanza PEME: solucións de negocio e factura electrónica

Prazo de presentación de solicitudes: até o día 17 de abril de 2008

Organismo convocante: Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad Información

Obxecto da convocatoria: Subvencións para a realización de proxectos e actuacións de desenvolvemento e incorporación de solucións de negocio e facturación electrónicos adaptadas ás necesidades das pequenas e medianas empresas de xeito que, de forma progresiva, estas vaian incorporando as tecnoloxías da información e as comunicacións aos seus procesos de negocio, a fin de contribuír á súa competitividade. Enténdese por negocio electrónico o uso produtivo das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións nos procesos de negocio das empresas, tanto nos procesos de produción e xestión internos de cada empresa como nas relacións entre empresas no ámbito do aprovisionamento e vendas, así como as infraestruturas tecnolóxicas necesarias para iso.

Os tipos de proxectos e accións susceptibeis de axuda deberán pertencer a un ou varios dos tipos que se sinalan a seguir:

- Proxectos de innovación para PEME.

- Accións de modernización da PEME do sector TIC

Convocatoria: B.O.E. 07/03/2008

Prazo de presentación de solicitudes: desde 18/03/2008 até 17/04/2008

Data de resolución: de outubro a novembro

A Consellería de Traballo edita dous manuais sobre novas tecnoloxías e busca de emprego

Estas publicacións están dispoñibles para a súa consulta en todas as oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego

A Consellería de Traballo vén de publicar dous manuais sobre busca de emprego e novas tecnoloxías e traballo, coa finalidade de presentar unha guía de axuda para todas aquelas persoas que desexen mellorar os seus recursos e acadar un emprego. Outro dos obxectivos é dar a coñecer as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e a súa relación co mundo laboral ás persoas que se atopan en situación de desemprego.

Estas dúas publicacións elaboradas pola Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, están dispoñibles para a súa consulta na rede de oficinas do Servizo Público de Emprego.

De maneira inicial, o departamento que dirixe Ricardo Varela decidiu distribuír unha tirada de 2.000 exemplares por cada título. Cómpre sinalar que nos libros ofrécese unha referencia e relación de enderezos de interese para o cidadán, como o enderezo das administracións públicas, oficinas de emprego, centros de información xuvenil, cámaras de comercio, organizacións empresariais e enderezos de portais de internet.

Como atopar emprego
O libro Como atopar emprego é unha publicación-guía para todas as persoas que están inmersas no mundo laboral, pero que queren mellorar os seus recursos ou cambiar de actividade profesional e para aquelas que desexen ingresar no mercado de traballo, xa sexan estudantes que buscan traballo por primeira vez ou desempregados. De feito, para a súa elaboración pensouse nos diferentes pasos que un persoa pode dar para acadar o seu obxectivo: a inserción no mercado de traballo.

Nesta publicación resáltase a importancia da actitude persoal e do coñecemento, tanto da persoa coma do mercado laboral, á hora de afrontar un proceso de busca de emprego. Ao longo de 100 páxinas explícanse os pasos que se deben seguir para unha óptima busca de emprego ou para a redacción e presentación do currículo. Tamén se fai unha descrición das entrevistas ás que hai que enfrontarse nos procesos de selección de persoal, dos test de personalidade e da importancia da linguaxe corporal nas entrevistas.

Tal e como se recolle na publicación, hai que ter en conta que o mercado de traballo está sometido a continuos cambios, como o incremento da poboación activa, a aparición de avances tecnolóxicos que crearon novas profesións e novas formas de organizar o traballo. Por último, fai fincapé en que a internacionalización dos mercados, supón unha economía máis aberta, con maior movemento de traballadores e de capital.

Novas tecnoloxías e emprego
O obxectivo desta publicación é informar ás persoas que se atopan en situación de busca de emprego sobre que son as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), a súa relación co mundo laboral, que profesións as empregan en maior ou menor medida e que traballos dependen totalmente destas. Ao longo das súa páxinas tamén se aborda a relación que teñen as TIC coa sociedade. De feito, un dos temas nos que se afonda é o teletraballo, como exemplo e fenómeno da capacidade das TIC de crear emprego e de facilitar a introdución no mercado de traballo.

Tamén destaca un capítulo dedicado a enumerar as profesións enmarcadas dentro das TIC. Neste apartado, ademais de describilas, ofrécese información sobre os cursos e rutas de acceso para conseguir un emprego nesas profesións.

A modo de exemplo, un especialista en microelectrónica é un profesional da electrónica, que debe ter unha visión bastante completa dos circuítos básicos, a partir dos cales se fabrican todos os aparatos electrónicos, como radios, televisores ou amplificadores. Os eidos da rama de electrónica nos que pode atopar traballo son: a radio, a televisión, a alta fidelidade, a electrónica do automóbil ou os microprocesadores.

Por outro lado, os deseñadores de portais na internet teñen como misión optimizar enlaces e o rendemento das páxinas web. A súa formación debe basearse nos coñecementos de html, programas de deseño web e marketing. Outras das profesións que xeraron as novas tecnoloxías foi a de formador en liña. Esta ocupación ofrece servizos a clientes e difunde coñecementos a través da rede.

Por último, outra nova ocupación derivada da introdución das novas tecnoloxías é a de websurfer. Trátase dunha persoa encargada de rastrexar a rede na busca de contidos para a súa posterior clasificación. Tamén recolecta enderezos en índices temáticos.

Unha recomendación de cine VIII

Los falsificadores

Berlín, 1944. O falsificador Salomon Sorowitsch é feito prisioneiro e levado ao campo de concentración de Sachsenhausen. Son tempor dificiles para Alemania. A guerra leva demasiado tempo e esforzo. Os nazis idean a "Operación Bernhard", para desgastar o inimigo. Trátase dunha estafa monetaria a escala mundial para inundar os paises inimigos de billetes falsos. Sorowitsch e outros expertos aceptan colaborar, sabedores de que están ante unha cuestión de vida e morte, pero tamén de honor.

Esta película foi a gañadora do Oscar 2008 como mellor película extranxeira, é un drama austríaco que se centra nun dos episodios nazis sobre os que máis se escribíu.


Todo preparado para que o venres comece Xuventude Galiza Net 2008


Este venres 14 arranca no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela a novena edición do encontro informático Xuventude Galiza Net, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta. As portas do recinto abrirán ás dez da mañá, para que os 1.500 participantes poidan acceder á Intranet e instalar os seus equipos. Pero as xornadas en si non comezarán oficialmente até o mediodía, cun relatorio de presentación da festa.

Despois do xantar, ás catro da tarde, darán comezo os torneos de xogos, unha das actividades favoritas dos participantes en Xuventude Galiza Net. A esa mesma hora terá lugar un novo relatorio sobre a mesma temática: o novo concepto de xogo WAM-UP que incorpora o 'resucitado' Navy Moves. Ás cinco e media será o momento de falar de realidade virtual e de prototipado rápido nas ferramentas avanzadas de deseño en automoción.

Ás seis da tarde, Goretoxo, responsábel de Blogaliza, impartirá un obradoiro sobre este sistema galego de creación de blogs. Unha hora despois, o último relatorio da xornada analizará o despregamento da TDT en Galiza. Ás oito comezará a competición de debuxo rápido Fast 2D, que terá como límite de entrega as dez da noite. Á medianoite terá lugar o acendido oficial.

Durante o sábado 15 continuarán as competicións de xogos, coas segundas eliminatorias a partir das dez da mañá. Desenvolverase un obradoiro de robótica a cargo da Asociación de Usuarios de Linux da USC, de once a doce e a partir das seis da tarde, e outro de tradución de software co Grupo de Usuarios de Linux de Galicia e o proxecto Trasno, ás catro.

Os relatorios do sábado serán sobre o presente e o futuro das aplicacións da robótica móbil, ás once; sobre experiencias de emprendedores galegos arredor do software libre, ás 12:30; sobre a versión 6 do protocolo de internet, ás catro, e sobre mundos virtuais, ás cinco e media.

Durante a xornada sucederanse concursos, como unha competición de Case-Mod (algo así como 'tuning' de computadores), a partir das 16:30; o popular lanzamento de disco, ás seis e media, e a Real Time Battle, a partir da medianoite. Tamén será o límite de entrega dos certames de animación, páxina web, gráficos 2D e 3D, e o comezo das semifinais dos xogos.

O encontro rematará o domingo. Pola mañá terán lugar as finais dos xogos. Ás doce desenvolverase un relatorio sobre reciclaxe informática e proxectaranse os vídeos da competición de Case-Mod. Á unha da tarde continuará o obradoiro de robótica e ás dúas rematará o prazo para entregar os traballos de vídeo XNG e Descubre Santiago. A clausura e a entrega de premios será ás seis da tarde.

A CRTVG renova a súa web na procura da opinión directa dos internautas


A Compañía de Radio Televisión de Galicia está a dar pasos cara a adaptación plena da súa web ós novos tempos da Internet, e cando falamos de “novos tempos” falamos principalmente do seguinte: agora, xa non vale con habilitar un espazo en liña e informar das túas actividades e obxectivos de xeito unilateral e a través dun único sentido, o de ti para os demais. Hoxe, por riba de todo o demais, o que importa é acadar participación activa e diálogo.

O caso é que a CRTVG vén de anunciar novidades neste senso para o seu espazo en liña, que inclúe na feitura un redeseño e no fondo unha serie de servizos destinados á comunidade internauta, como por exemplo foros (cos que a Compañía quere afondar, precisamente, na interacción co cidadán, mesmo dándolle a opción de opinar sobre a grella da cadea ou suxerir trocos).

En termos da CRTVG, do que se trata, en definitiva, é de “reforzar as ligazóns entre a nosa sociedade e os seus medios públicos de comunicación que son a TVG e a Radio Galega”.

Para ir dándolle corpo a esta nova liña, a Compañía xa lanzou unha serie de propostas: debater sobre estreas recentes como Buscando estrelas ou Padre Casares ou sobre a nova programación e contidos musicais da Radio Galega.

Estréase a primeira ciberserie galega


Un grupo de estudantes de Produción Audiovisual da Escola de Imaxe e Son da Coruña está a crear o que consideran que é a primeira ciberserie galega na Rede, Oculta Identidade, que se poderá seguir dende hoxe e durante 12 capítulos a través de YouTube.

A historia está inspirada na serie de televisión Motivos Personales e ten como eixe a Cristian Pazos, un estudante que desaparece en estrañas circunstancias, e que buscarán os seus amigos.

A serie está dirixida por Bruno Nieto, quen xa dirixira a serie de 10 capítulos Nada es lo que parece, que tamén se pode ver en YouTube, aínda que neste caso se trata dunha serie gravada en español.

Para a gravación de Oculta Identidade se contou coa colaboración da Escola de Imaxe e Son, que cedeu os recursos técnicos (cámaras miniDV e material de son).

A estrea da serie estaba programada para as 21:00 horas do día de onte, pero finalmente se demorou ata a pasada madrugada por problemas técnicos. A espectación creada podería dar a entender que durante os vindeiros 3 meses captará a atención dos que queiran desvelar o misterio que se agocha na desaparición de Cristian Pazos, nunha historia da que xa podemos ver a súa primeira entrega

A directora xeral participa no encontro "Empresa TIC Galega: talento, calidade e identidade"

Este mércores desenvólvese na Coruña, no Hotel Finisterre, o encontro "Empresa TIC Galega: talento, calidade e identidade", organizado por Softtek coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria. Na xornada amosaranse experiencias e estratexias para aproveitar as capacidades de Galiza na prestación de servizos TIC, reforzar a súa industria e mellorar a súa imaxe no exterior, ao tempo que se reteñen os talentos que existen no noso país.

O encontro inaugúrao ás dez da mañá a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela. A continuación, Jaime García, director de análise de IDC, expón o panorama xeral da industria do software no Estado Español e en Europa e as oportunidades que se presentan para Galiza.

Na seguinte intervención, prevista para as 11:15, Helena Veiguela explica as estratexias impulsadas dende o Goberno para promover o desenvolvemento das industrias TIC, entre as que se atopa o PEGSI. Xusto antes da pausa do mediodía, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, fala da visión da institución universitaria sobre a industria do software en Galiza.

O resto da mañá, até a hora de xantar, estará dedicado á presentación de casos prácticos: Richard Wolf, director de compras para o sur de Europa de General Electric, contará o caso dunha empresa global que emprega un centro radicado en Galiza para as súas operacións en toda Europa. José Valiño, director de sistemas de Caixa Galicia, amosará a súa visión sobre o futuro dos centros de entrega en Galiza e de como reter o talento galego. Por último, Blanca Treviño, presidenta de Sofftek, explicará o éxito dunha multinacional que escolle Galiza para situar a súa sede para Europa.

Despois das preguntas e conclusións que desenvolverá Jaime García Cantero, analista de IDG, e da clausura, a cargo de Ricardo Valencia, director de Sotffek España, terá lugar un xantar dos participantes no encontro.

Santiago acolle este xoves un novo encontro TIC de mulleres empresarias

O ciclo de xuntanzas promovido por Agestic para procurar solucións ós atrancos que afastan en Galiza ás redes das mulleres, e sobre todo no eido rural, está a piques de chegar á seu fin. Como colofón, os responsables dos encontros ultiman neste intre os detalles dunha sesión que resuma ós anteriores, tanto dende o punto de vista cuantitativo como no cualitativo. O lugar elixido é Santiago, concretamente a Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia, o vindeiro xoves 13 de marzo.

A idea de Agestic é reunir a meirande cantidade de mulleres emprendedoras vinculadas á Rede, o maior número de empresas TIC e o máis variado abano de procedencias.

Deste xeito, está prevista xa a participación de representantes de empresas e entidades diversas como Microsoft, APD Noroeste, Omega, a Cátedra Mocidade Emprendedora da Universidade de Santiago, Prooficce CN, AJE Vigo ou o Grupo de Automoción Caeiro. Asemade, contarase coa presenza das directamente implicadas nesta loita por normalizar do uso das redes entre as mulleres, as mulleres mesmas. Así, segundo informa Agestic, intervirán –entre outras- na xuntanza a deseñadora de moda María Freyre ou a presidenta do Grupo de Comunicación El Progreso, Blanca García Montenegro.

A reunión de Compostela encádrase dentro dun proxecto do Plan Avanza que estivo a promover Agestic as pasadas semanas en Galiza: o proxecto Nin Máis nin Menos, do que xa falamos polo miúdo nesta web e que logrou reunir xa a 300 mulleres arredor dunha cuestión que lles afecta de xeito especial: os obstáculos no camiño de igualdade de oportunidades empresariais e laborais con respecto dos homes e, tamén, no camiño da íntegra participación na Sociedade do Coñecemento.

Un sistema permitirá aprender a lingua de signos na rede

Un equipo da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou un método innovador para mellorar a aprendizaxe da lingua de signos a través de internet e achegala á sociedade. Empregará ferramentas como a videoconferencia e o vídeo dixital, pola importancia que ten o aspecto visual neste tipo de lingua.

Segundo indicaron os impulsores do sistema, a metodoloxía será "flexíbel e adaptada a cada alumno", con titorías persoais e sesións de videoconferencia en pequenos grupos por medio dunha plataforma virtual accesíbel en todo momento. Para a súa programación empregarase software libre.

Consideran que representa "unha innovación" fronte a outros cursos que "aínda que están na internet non favorecen moito a interacción" e fronte a outros presenciais que son "moi exhaustivos no tempo, o que representa un impedimento para moita xente".

Unha recomendación de cine VII

10.000 A.C

Na época na que os homes e os mamuts ainda compartían o mundo transcorre esta historia. A historia dun xoven cazador de mamuts que ten como misión guiar un e´xército a través dun deserto descoñecido e cheo de perigos para descubrir unha civilización perdida e poder rescatar a muller que ama.

Está dirixida polo director Roland Emmerich, director de "Independence day" e "El día de mañana".


Concurso Fotográfico Fundación Caixa Galicia

Como unha iniciativa máis en favor divulgación das artes, da imaxe e a cultura, Caixa Galicia convoca o "II Concurso fotográfico Fundación Caixa Galicia". Poderán participar no presente concurso todas as persoas físicas interesadas no eido da fotografía, que non obteñan desta actividade unha remuneración continuada, con obras que non fosen premiadas con anterioridade.

Poderán presentar entre 1 e 7 imaxes, xa sexa en cor, en branco e negro ou co tratamento de cor que considere o participante. As fotografías deberán reflectir dun modo subxectivo o traballo que Caixa Galicia desenvolve nos eidos social, deportivo e cultural.

Unha información máis ampla sobre estas actividades pódese obter nas páxinas www.caixagalicia.es,www.obrasocialcaixagalicia.org e www.fundacioncaixagalicia.org
Non se admitirán imaxes de montaxes, nin manipulacións que non sexan exclusivamente tratamentos de cor ou axustes referentes á calidade ou procesado da imaxe. En ningún caso se aceptarán nin poderán ser presentadas imaxes alleas.

As fotografías deberanse enviar en formato .jpg e RGB modo cor, cun peso entre 1 Mb e 3Mb e un tamaño mínimo de 21 x 29 cms con calidade 100% de compresión. Non se premiará ningunha foto que non teña calidade ou resolución suficiente. Os traballos aloxaranse na web www.caixagalicia.es, www.caixagalicia.es, www.obrasocialcaixagalicia.org e/ou www.fundacioncaixagalicia.org previa cumprimentación do formulario pertinente e aceptación expresa destas bases.

Dende a sección "Participa no concurso" o participante rexistrará os seus datos de contacto e recibirá no correo electrónico a súa clave de acceso. Unha vez validado poderá comezar a subir as súas fotografías.

O prazo de admisión de orixinais remata o día 18 de abril de dous mil oito. EEntregaranse 3 premios distribuídos da seguinte maneira: Primeiro Premio de 1.500 € e Segundo e Terceiro Premios de 500 € en metálico.

Greenpeace convida ós internautas a denunciar nun mapa todas as agresións ó medio


Greenpeace segue a botar man da Rede para facer tamén nela o que leva anos facendo coa axuda de buques ecoloxistas, pancartas, altofalantes, montaxes e (malia os erros que puído ter cometido) afouteza abonda. O caso é que a Internet, tanto para esta como para outras organizacións (pensemos por exemplo na intensa actividade xerada en liña por colectivos da nosa terra como Adega ou Verdegaia), semella facilitar a achega de mensaxes, tanto polo que representa como polo que inclúe: ferramentas que melloran a comunicación e a participación.

Nesta liña de tirar partido da Rede a día de hoxe (que non é a mesma cá de onte) é onde se insire Fotodenuncia, un espazo aberto para as achegas informativas de calquera cidadán e co que Greenpeace pretende mellorar a súa capacidade de observatorio das agresións á natureza.

A idea non é outra que botar man dos internautas para chegar a onde non sería posible chegar doutro xeito: a denunciar o máximo número de agresións. Segundo apunta a organización ecoloxista, calquera cidadán pode contribuír ó proxecto empregando súa cámara dixital, o seu móbil e un acceso á Rede.

Logo, o lugar exacto e a natureza da agresión (sexa da índole que sexa: ó mar, ós ríos, ó monte, etc.) será localizada xeograficamente nun mapa habilitado na devandita web.

Mobuzz TV estrea 2 novos programas


Mobuzz TV, a plataforma de podcasts de vídeo máis popular de España, está a medrar, de xeito que á súa coñecida Dosis Diaria (con versións en español, francés e inglés) engade agora dous novos podcasts, El Punto Gilton e El Noticiero.

El Punto Gilton é un programa dedicado ó mundo rosa, que ten coma musa a Paris Hilton, aínda que El Noticiero supón todo un cambio para Mobuzz TV, pois en vez de contar con conductores descoñecidos aposta por Javier Capitán coma presentador, sumándose a Miriam Reyes (quen presentaba o espazo en solitario).

Agora, os internautas poderán ver de balde unha pílula diaria con información de actualidade tingida de sátira e humor, da man dun profesional de longa traxectoria en radio e televisión, que podería marcar un momento histórico na aposta polo vídeo na Internet en España.

Cogami reúnese estes días con expertos europeos en inserción e novas tecnoloxías

Os días 7 e 8 de marzo, a sede en Santiago da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) vai acoller unha serie de sesións encamiñadas a atopar novos vieiros de integración para estes colectivos a través do emprego das novas tecnoloxías. Os traballos faranse no marco do proxecto 32 LL Clubs financiado polo Fondo Social Europeo e neles participarán representantes desta entidade e de outras semellantes de sete países da UE.

Segundo informa Cogami, a finalidade destas sesións é “asentar o traballo en rede entre as entidades promotoras da idea (compartindo recursos, prácticas, ferramentas, etc) e tirando partido no posible das posibilidades que achegan as novas ferramentas”.

En realidade, as sesións de Cogami forman parte do programa de actividades dunha rede de colaboración que recibe o nome de “LLL Clubs” (Clubs de Aprendizaxe Continuo) e nela colaboran entidades con experiencia na creación de emprego. Por certo que o 32 LLL Clubs ten como gran obxectivo a medio prazo a posta en marcha dunha gran rede europea que posibilite o intercambio de información e que xire arredor dunha páxina web que inclúa todas as ferramentas e métodos que levan subministrado o proxecto e o seus integrantes.

Innovación e Industria potenciará o software libre a través do Cesga


A Consellaría de Innovación e Industria apoiará a realización de actividades que promocionen o software libre en Galiza. O departamento dirixido por Fernando Blanco transferirá ao Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA), dependente da Consellaría, 675.000 euros para o desenvolvemento destas actuacións.

O Consello da Xunta deste xoves aprobou a medida da Consellaría, que ademais servirá para promover o desenvolvemento dun Centro de Referencia e Servizo de software libre que sexa capaz de aglutinar e colaborar na xestión das distintas iniciativas para a promoción do software libre promovidas polo departamento, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os recursos e servizos que caracterizan a sociedade da información.

Innovación e Industria anunciou que promoverá todas aquelas actividades destinadas a promover a localización de software libre en galego co obxectivo de manter actualizada como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia completamente funcional en galego; reforzar o actual repositorio de software libre e documentación en galego, a Forxa (localizado no portal web de Mancomun.org), levando a cabo accións directas de dinamización en contornos empresariais e universitarios; facilitar e incrementar a implantación de software libre e de estándares abertos con especial atención ao entorno empresarial; e acometer accións de formación divulgativa sobre os conceptos do software.

Por outra parte, a Consellaría de Innovación e Industria impulsará o uso das ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros na comunidade de desenvolvemento do software libre; apoiar os labores de observación e prospección estatística sobre estudos de software libre realizadas polas entidades e institucións galegas competentes; promover a participación e co-organización de sesións de traballo con comunidades de desenvolvemento de software libre para facilitar e fomentar a integración da comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede e fornecer un servizo de soporte técnico de primeiro nivel como apoio á posta en marcha de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese.

La Gran Guía de los Blogs 2008 xa se pode descargar de balde en formato PDF


Páxinas interiores do libroO libro La Gran Guía de los Blogs 2008, de Rosa Jiménez Cano e Franciso Polo, editado na Colección Planta 29 de Ediciones El Cobre, naceu o pasado decembro coa vocación de servir de anuario da blogosfera hispana, e os interesados que non puideron facerse coa edición impresa poden agora descargala da Internet en formato PDF, tanto completo coma por capítulos, aínda que por desgraza se trata dunha versión escaneada (o que limita a calidade da copia).

A publicación inclúe uns primeiros capítulos introductorios sobre o fenómeno dos blogs e as visións que dan sobre o mesmo distintos analistas, completándose cunha guía na que se dedica media páxina a cada un dos blogs referenciados.

A Feuga ofrece en marzo dous novos cursos sobre innovación no empresarial

A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) segue adiante cos seus cursos de formación empresarial. Estas actividades, que van encamiñadas a que a innovación se dea dun xeito tan doado coma as restantes actividades dunha empresa, xirarán arredor de cuestións como as ferramentas de xestión informática ou a procura de novos negocios ou mercados. Desta volta, os cursos da Feuga para este mes de marzo na súa sede de Santiago son dous: un a desenvolver do 11 ó 14 en colaboración con Aenor sobre as chaves que prenden a innovación e outro para os días 26 e 27 sobre ferramentas informáticas de optimización dos recursos dunha firma.

A primeira das actividades, baixo o título Cómo implantar un sistema de gestión de I+D+i na empresa, constitúe a apertura dunha serie de catro cursos que Feuga vai impartir con Aenor ó longo deste ano. Vai dirixido a consultores, persoal docente e investigador, profesionais, directivos e empresarios. A súa duración é de 21 horas e será impartido por Natalia Nogueira e Marta Bravos.

Polo que respecta á segunda das iniciativas para este mes de marzo, o curso Excel Business Solutions: Aplicacións avanzadas de Excel para a xestión empresarial, dicir que é a repetición dunha actividade previa que se viu rebordada polo número de persoas inscritas, polo que a Feuga decidiu poñela de novo en marcha. O curso vai ser impartido por Kiko Rial, director delegado para Galiza do Instituto de Empresa e vai dirixido a achegar ferramentas de mellora na xestión empresarial a través do programa de follas de cálculo Excel. Como dixemos, celebrarase os días 26 e 27.
As persoas interesadas en inscribirse en ámbalas actividades poden facelo a través da web da Feuga ou solicitando información no teléfono 981 534 180.

54 blogueiros galegos publican un libro colaborativo


Da colaboración de 54 blogueiros galegos sae o Proxecto Identidade, que se concreta nun líbro de 198 páxinas en formato cadrado (18 x 18 centímetros) que saiu á venda o pasado sábado a través da Internet a 29,95 dólares (13,15 euros) grazas ó servizo de Blurb, que permite de xeito doado a autoedición de iniciativas interesantes coma esta.

O libro é un compendio de identidades, que presenta relatos, poemas, fotografías, ilustracións… toda unha mestura de contidos que pretende servir de reflexo dos eus dos distintos autores, e dos que podemos ver un adianto nun ficheiro PDF no que se recollen as 15 primeiras páxina do texto para animarnos ás súa adquisición en formato físico.

Cursos ON-LINE gratuitos

Pincha aquí para máis información.

Zapatero convida á blogueira galega de máis idade a visitar a Moncloa


Zapatero conversando con María AmeliaMaría Amelia, a muxiá que entrou na blogosfera con 95 anos e que gañou a pasada edición dos premios BOBs, foi recibida a pasada semana por José Luis Rodríguez Zapatero, na súa visita á cidade herculina, mantendo unha conversa entre ambos, que pechou cunha invitación á blogueira galega a visitar a Moncloa.

Co breve encontro a considerada socialista de máis idade de España puido coñecer de preto ó seu admirado político, do que recibiu unha insignia do partido.

Narratopedia: novo obradoiro literario na Rede con feitura de rede social

A idea do obradoiro literario na Rede non é nova: hai unha chea deles en activo, e van dende a sinxeleza dun foro ou un blog até propostas máis elaboradas como por exemplo as que ten achegado Escueladeescritores.com. A novidade, polo tanto, tería que vir da man dos engadidos e das ligazóns con outras iniciativas web. Nesta liña de mestura de ideas e formatos é onde se inscribe a Narratopedia, un proxecto que segundo Efe nos medios ten “corpo de wiki, face de blog e alma de Second Life”. Porén, a proposta, que inclúe como ingrediente final (ese que lle dá consistencia ó prato) a seria vontade de facer rede social, está a piques de arrancar cun mal paso que agardamos que se corrixa ó coller un algo de pulo: vai encamiñado só a escritores en liña castelán falantes.

Con todo, ten unha serie de detalles ó seu favor: poderanse empregar todo tipo de soportes (vídeos, sons, fotos ou deseños) e os propios internautas seremos os encargados de editar e cualificar logo os textos. Isto último, que bebe das fontes da Rede participativa na que estamos metidos, vai dirixido a tirarlle partido no literario a unión libre de talentos. Dito doutro xeito: ninguén que o mereza ficará sen unha mala crítica e, no caso do traballo de tipo colectivo, é probable que a onde non chegue o cerebro dalgúns dos participantes cheguen o dos demais, e viceversa. A proposta vén da man do mestre colombiano de literatura Jaime Alejandro Rodríguez, quen xa ten unha experiencia nisto de facer relatos para canles dixitais. Ó seu xuízo, o obradoiro estará listo para entrar en funcionamento nas vindeiras semanas, aínda que en fase de probas.