As axudas convocadas por Innovación e Industria poderanse tramitar integramente por internet


A Consellaría de Innovación e Industria pon ao dispor da cidadanía e das empresas do país novos servizos de tramitación telemática. O conselleiro, Fernando Blanco, presentou hoxe estes novos servizos, que introducen a posibilidade de cursar todas as tramitacións de subvención das novas convocatorias da Consellaría a través de internet e amplían as funcións electrónicas do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta, rexistro que depende de Innovación e Industria. Deste xeito, o departamento sitúase á cabeza na implantación da administración electrónica neste tipo de prestacións.

O conselleiro explicou que a partir de hoxe funciona o sistema telemático para a totalidade das novas ordes de axuda que convoque a Consellaría de Innovación e Industria. Os cidadáns e cidadás e as empresas que opten a estas axudas poden xa cursar as súas solicitudes sen desprazarse do seu domicilio. Até o momento unicamente era posíbel realizar parte desta tramitación telemática (a solicitude da axuda) nalgunhas das ordes convocadas por dúas das direccións xerais da Consellaría, a de I+D+i e a de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

Por outra parte, segundo informou Fernando Blanco, 3.000 empresas inscritas no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta poden tamén a partir de hoxe obter notificacións telemáticas con plena validez xurídica, recibindo estas notificacións por internet de xeito gratuíto en lugar de en soporte papel. Asemade, as empresas tamén poderán enviar ao devandito Rexistro de Contratistas os documentos requiridos anualmente para renovar a súa inscrición.

Innovación e Industria investiu 160.000 euros na posta en marcha destas medidas, que poden supoñer o aforro de deixar de imprimir 5.000 notificacións cada ano, contribuíndo a unha mellor economía na xestión dos recursos públicos. O novo servizo vai na liña de cumprimento do PEGSI e mais da Lei para o Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos (LAECSP), publicada no BOE do 23 de xuño de 2007.

A galega Pexego achega recursos formativos en liña a nenos e nenas hospitalizados


A nova iniciativa da empresa: de desenvolver contidos de apoio para nenos que non poden asistir ás clases. Neste senso, a firma está a traballar co Hospital Xeral de Lugo e co Cíes de Vigo, e conta co apoio tecnolóxico Fujitsu e da Universidade de Santiago.

O obxectivo é o seguinte: manter o ritmo de estudos para nenos e nenas que teñen que pasar moito tempo hospitalizados. A iniciativa, dirixida polo de agora a rapaces de Primaria e dos dous primeiros cursos de ESO (entre 6 e 14 anos), está a beneficiar xa a pequenos ingresados no dito complexo de Lugo e, en breve, ficará tamén a disposición dos de Vigo.

A través deste proxecto achégaselles un material educativo que non pretende substituír as clases tradicionais, segundo din os responsables de Pexego, senón que constitúe un apoio temporal mentres os nenos non poden ir ó colexio.

Deste xeito, cada alumno que participa na iniciativa conta xa cun ordenador portátil Tablet PC, unha conexión a Internet de banda larga e máis a posibilidade de comunicarse cos seus mestres a través de vidoeconferencia. O proxecto de Pexego, que conta co respaldo do Ministerio de Industria e dos Concellos de Lugo e Vigo, está a piques de ser adaptado a outros centros galegos e estatais interesados nos importantes servizos que achega, segundo sinala a empresa de Lugo.

Gasofa.es amosa sobre o mapa os prezos do carburante en toda España


Os prezos do carburante e a posición dos radares se poden consultar no mapa en Gasofa.esOs mashups que empregan os servizos de Google Maps son moi frecuentes, e non só resultan moi atractivos esteticamente e son doados de utilizar, senón que son sumamente prácticos, como é o caso de Gasofa.es, a na web que amosa a localización das estacións de servizo de toda España asociada aos prezos dos carburantes que subministran, o que resulta moi práctico á hora de decidir a cal das gasolineiras máis próximas debemos acudir a encher o depósito do noso coche.

Para complementar esta web, tamén hai unha información moi interesante para os condutores, que é a localización dos radares nas estradas. O servizo foi desenvolvido por Nicenova Consulting, a mesma compañía que o pasado outono nos achegaba Quetiempo.es.

O Día Galego do Emprendedor terá como miolo as grandes posibilidades da Rede


Non é que todos os internautas sexan emprendedores, pero si que é certo que para ser o segundo, hai que ter un control e un coñecemento fondo (agora máis que nunca) dos segredos da Rede. O abano de pasos que se poden dar con ela é tan grande como nos poidamos imaxinar, e van dende o asentamento da primeira pedra do negocio até a elaboración da axenda de actividades a medio e longo prazo. Polo medio, todo é desenvolvible na Internet: así de sinxelo. Tendo en conta isto, case era de supoñer que a terceira edición do Día Galego do Emprendedor (a celebrar en Santiago o 15 de maio) non só se apoiase na Internet senón que tamén a tivese presente no seu miolo. E así é.

A xornada, promovida polo Ministerio de Industria en todas as Comunidades Autónomas e impulsada en Galiza polo IGAPE e BIC Galicia, contará coa presenza de representantes do sector das novas tecnoloxías para falar polo miúdo das súas experiencias e abrir camiños aos que comezan (tal e como se pode ver no programa).

Alfons Cornellá, Roberto Moreda (Igalia), o blogueiro Juan Freire ou Juan Carlos Cubeiro (socio director de Eurotalent e un dos máis recoñecidos expertos en talento) son algúns dos convocados. Asemade, tamén está no programa o Proxecto de Next-Pedra (que vincula o sector do granito ó dixital) ou a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), para quen o feito de concorrer nunha xuntanza desta índole significa unha boa oportunidade de ofrecerlles ás mozas e mozos galegos interesantes vieiros de acceso á cultura emprendedora arredor do software libre.

Asemade, tamén se lle dará cabida á presentación de iniciativas de organización e cooperación empresarial en liña ou de proxectos de procura de financiamento para un negocio apoiado en código aberto, tal e como sinala mancomun.

As diferentes vías para o financiamento de proxectos emprendedores en xeral, ou un seminario achegado polo ICEX sobre como facer presupostos de plans de promoción no marco da internacionalización, son outras das propostas programadas.

Por outra banda, está programada tamén unha actividade de carácter lúdico da man do grupo teatral Mofa e Befa, que representará as principais dificultades que se atopan os emprendedores no camiño ata a creación da súa empresa.

O Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia estrea páxina web

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presentou en rolda de prensa a páxina web do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (OCTUGA)Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, presentou hoxe a páxina web do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (OCTUGA) nun acto no que tamén participaron Julio Abalde, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), e Rogelio Conde-Pumpido, director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

A nova páxina web foi desenvolvida coa participación das 3 universidades galegas, ACSUG, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia e o Instituo de Xestión da Innovación e o Coñecemento de Valencia, e permite acceder a datos coma o gasto en I+D do sector do ensino superior respecto do PIB, que en Galicia era en 2006 do 0,35% e en España do 0,33%.

Unha recomendación de cine XIII

Cobardes


Este é o título da película dirixida por José Corbacho e Juan Cruz. A película reflexa o acoso dos xovenes nun instituto. Aborda o tema de foma valente, reflexando fielmente o proceso de acoso ate o punto de ver como se confunden os papeis entre o acosador e a vítima.

Gaby é un rapaz de 14 anos que ten medo de ir o colexio. Este medo é provocado por Guille, un compañeiro de clase, que pola súa banda ten medo de defraudar o seu pai. Pero os pais dos rapaces teñen os seus propios medos. Altamente recomendable.

Ir Indo estrea unha versión web do seu dicionario de galego


Co gallo do Día do Libro, a editorial galega Ir Indo colgou na web unha edición electrónica do seu novo dicionario de galego, con máis de 65.000 entradas e recollendo todas as modificacións das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003.

Cada unha das entradas no dicionario incorpora as etimoloxías e as equivalencias en portugués, español e inglés, e en breve contará tamén con sinónimos, antónimos e frases feitas.

Para mellorar a dispoñibilidad do texto, tamén conta cunha versión WAP (wap.digalego.com/) para facer doada a súa consulta dende case calquera móbil do mercado, e tamén se pode mercar a súa edición impresa.

A publicación desta ferramenta en liña corrixe así unha situación actual lamentable, xa que o dicionario de galego que actualmente está dispoñible na web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aínda non contempla as modificación da RAG aprobadas en 2003 e, polo tanto, ten unha utilidade moi limitada.

Xa se poden presentar vídeos en MÍVICO, o certame da imaxe dixital de Ponteareas

Xa está aberta a convocatoria dun dos encontros do audiovisual e do dixital de máis proxección de Galiza: a Mostra Independente de Videocreación do Condado, MÍVICO 08. O certame, que xa enfía cara a súa segunda convocatoria, manterá aberto o prazo para presentación de obras até o 3 de agosto, nas tres categorías que abranguen as súas bases: videocreación, curtametraxe e documental.

Segundo apunta a organización, a firma Quadra Producións, poderá participar na mostra toda persoa e produtora que así o desexe. Asemade, aceptaranse todos os formatos cunha calidade óptima para a súa reprodución (videocámaras profesionais, telefonía móbil, cámara de fotos, webcam).

As obras presentadas ó certame, que se vai desenvolver en Ponteareas, terán que ser posteriores ao 1 de xaneiro de 2006. O certame, por certo, tamén ten sitio en MySpace.

Arranca a convocatoria máis dixital de Redondela en Curto


Xa está en marcha a cuarta convocatoria do Festival Nacional de Curtametraxes Redondela en Curto, concurso encamiñado a ofrecer un espazo físico de presentación á meirande cantidade posible de obras galegas feitas e distribuídas con ferramentas do dixital (aínda que non necesariamente). O certame, que xa deu comezo este xoves 24 baixo a batuta do actor e presentador Xosé Barato (que participou na serie Os Atlánticos e presenta a día de hoxe o programa Historias de Galicia que emite a TVG), incluirá até o día 25 algo máis que unha longa listaxe de proxeccións: haberá sesións informativas e mesas redondas con distintos actores e directores do eido do cinema, a nivel galego e internacional.

O concurso abrangue dous apartados: Curtametraxes de Ficción e Premio do Público.
Como novidade nesta edición, os organizadores decidiron deixar no camiño a sección documental, debido a que a achega de filmes deste tipo que se achegaban era cada vez menor. Pola contra, apostouse máis pola ficción, seleccionando un número maior de curtas neste apartado.

De entre tódalas obras recibidas, o xurado (seleccionado entre profesionais, xornalistas e creadores relacionados co medio audiovisual) escolmará as 15 mellores.
O público asistente terá a posibilidade de outorgar o Premio do Público á súa película favorita, votando trala exhibición da mesma. O prezo para asistir a cada sesión será de 1,50 euros.

Asemade, nesta cuarta edición, a organización tratará de introducir a longametraxe no festival, a través da sección Máis minutos, para ir consolidándoa en anos vindeiros; deste xeito, o público que o desexe poderá asistir á proxección dunha longametraxe que contará coa presenza do seu director ou directora para, posteriormente, manter unha charla coloquio con el ou ela sobre a súa obra.

Os premios serán de 800 euros máis estatuíña para a mellor curtametraxe e de 300 euros máis estatuíña para a máis votada polo público.

O software libre e en galego ofrecido por Mancomún chega ás cen mil descargas

A descarga máis popular é o Open Office, con perto de 67 mil peticións. Ademais, repartíronse en formato físico máis de trinta mil cedés e dvd's.

Case 100.000 descargas dende a web e 31.200 CDs de DVDs distribuídos de xeito físico dos máis de 10 programas traducidos. A actividade de difusión do software libre realizada por Mancomun.org ten que ser avaliada necesariamente como un éxito. O maior 'éxito' de Mancomun.org é con claridade o OpenOffice, que acumula un total de 67.530 descargas relacionadas con este paquete: 56.000 para o propio programa e as restantes correspondentes a complementos, traducións de interface e correctores.

O seguinte programa libre con máis popular é a tradución ao galego do Firefox, descargada 10.500 veces. Outras aplicacións tiveron unha difusión menor, como o propio Thunderbird (1.500), Sunbird (500) e o software para os bancos de tempo Cyclos (360).

Agestic afonda este xoves nas vantaxes das redes para os autónomos


Este xoves 24 de abril, Feaga e Agestic celebran en Lugo unha xornada de difusión das vantaxes das novas tecnoloxías información para os autonómos. A cita será a partir das 19.00 horas no número 66 da rúa Montero Ríos, e trataranse temas como a Administración Electrónica, a banca dixital para a empresa, a procura de información na Rede, as compras en liña, o correo electrónico, a xestión con clientes e provedores vía Internet, os trámites para a Seguridade Social ou a implantación de Software Libre.
O encontro, que tamén vai encamiñado a afondar no papel da Rede como instrumento para a competitividade, será dirixido por profesionais da consultoría e da enxeñería tecnolóxica. A inscrición é gratuíta, se ben se debe formalizar mediante o envío do formulario cuberto ó enderezo tecnicos@agestic.org ou ao fax: 982 873 903.

O maqueiros galegos xuntaranse en Compostela

O Grupo de Usuarios de Mac de Galicia celebrará por segunda vez una xuntanza en Santiago de Compostela para tratar temas de actualidade sobre os produtos de Apple, que estará aberta a todos os que queiran aprender un pouco máis deste mundo da man de usuarios veteranos.

O encontro terá lugar o vindeiro 26 de abril ás 19:00 horas no m* (local na rúa Fonte de Santo Antón, 15).

O CESGA deseñará un curso de formación en liña para persoal de recursos humanos de toda Europa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellaría de Innovación, vai desenvolver, no marco do Proxecto YES (Youth Employment Support), un contorno virtual de formación baseado no software libre, que está implementado e adaptado para ofrecer formación ao persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas en Europa.

O departamento encargado de desenvolver este contorno virtual será a Área de e-Learning, que levará a cabo a formación do persoal a través de sete cursos piloto nos que se combinará a formación presencial coa formación a distancia (seguindo a denominada metodoloxía blended-learning).

O YES é un proxecto educativo financiado pola Comisión Europea no marco do programa Sócrates-Leonardo que está orientado a formar a persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas encargados de seleccionar e introducir a mozos e mozas aos seus postos de traballo nas empresas.

A formación que se vai impartir a través destes sete cursos prestará especial atención á dificultade que teñen para atopar emprego os mozos e mozas que non completan os seus estudos obrigatorios así como aqueles grupos de xoves con desvantaxes persoais ou socioeconómicas.

A Xuntanza Blogueira de Agolada incluirá música, relatorios e visitas guiadas polo contorno


Unha reunión blogueira no centro de Galiza (o vértice mesmo dun mapa dobrado en catro partes) e que, amais de servir para afianzar os fíos que unen ó colectivo, faga de altofalante para reivindicar un dos espazos de máis valor etnográfico e histórico de Galiza. Esta é máis ou menos o obxectivo da primeira Xuntanza de Blogueiros de Agolada, o 31 de maio, encontro do que xa falamos hai uns días pero que agora colle aínda máis corpo coa publicación na Rede do programa de actividades.

A iniciativa, promovida por Manuel Busto para facer máis fronte común arredor da rede galega e de Galiza mesma (simbolizada neste caso polos Pendellos de Agolada), dará comezo ás 11.30 horas cun primeiro encontro na Praza do Concello, tal como se sinala no caderno habilitado para dar conta da xuntanza.

Nel semella que fica definitivamente claro que non estamos perante unha comida sen máis: haberá todo tipo de material axeitado para relatorios e mesas redondas, música (de Bico da Balouta, Maruxa de Fuxan os Ventos) e mesmo unha ruta (primeiro en autobús e logo xa a pé) cara a un dos espazos de máis valor natural do contorno e de Galiza: o Sobreiral de Arnego en Carmoega.

Incluímos agora o programa de actividades case definitivo (poden xurdir novidades ou cambios) do encontro, organizado e promovido pola Asociación Amigos dos Pendellos en colaboración con D’Agolada, As Beiras do Arnego, A Lareira de Santiso, A Chousa da Alcandra, Ao pé do Farelo e Aquam Latam (blogs de Agolada e das veciñas terras de Santiso e Antas de Ulla).

· 11.30 Chegada á Praza do Concello de Agolada. Recepción con música do grupo de gaitas Bico da Balouta e da Charanga Infantil da Banda0.

· 12:00 Nos Pendellos:

Saúdo e benvida a cargo da Asociación.

Intervencións libres dos blogueiros (saúdo, autopresentación, motivacións relacionadas coa xuntanza, lectura de poemas, etc.)

Relatorio sobre a actualidade dos blogs a cargo dunha ou varias persoas con experiencia neste tema.

Intervencións musicais de Bico da Balouta, Charanga Infantil e A Zanfonista. Viños e petiscos.

Visita guiada polo recinto de Os Pendellos (Espazo que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural).

· 14:30 Xantar de confraternidade no restaurante Agolada (estrada de Melide).
Proxección multimedia durante os postres.

17:30 Desplazamento en autobús ata o Sobreiral do Arnego en Carmoega (11 Kms de autobús). Percorrido a pé polo Sobreiral (máximo 4 quilómetros), zona protexida pola Rede Natura 2000 e declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC).

· 19:30 Regreso aos Pendellos onde haberá varias actuacións musicais intercaladas coas palabras dos blogueiros que teñan a ben intervir.

Actuarán: Maruxa de Fuxan os Ventos, acompañada ao piano por Pablo Vázquez, director da Coral Polifónica de Agolada.

A Zanfonista.

Almudena Vidal (Guitarra) e Blanca Vello (violín), ambas profesoras de música e intérpretes na Xove Orquestra de Galicia. (Pendentes de confirmalo).

Preséntase a campaña de promoción da videoconferencia nos centros de ensino


A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, presenta esta semana nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, unha campaña didáctica para fomentar o uso da videoconferencia entre o alumnado de secundaria galego. O proxecto presentarase aos responsábeis dos IES interesados no mesmo.

A campaña forma parte do proxecto de dinamización de telecentros de comunicación no que está a traballar a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual co obxectivo de converter os telecentros en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.

A Secretaría Xeral de Comunicación poñerá a disposición dos IES a súa Rede de Telecentros de Comunicación, de tal xeito que os alumnos dos centros integrantes no proxecto poidan utilizar as videconferencias dos telecentros como unha ferramenta máis de traballo colaborativo e incluso lúdico e poidan experimentar as posibilidades de comunicación que ofrecen.

Incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá

Trátase de que os escolares perciban os telecentros como un espazo onde se lles vai a orientar e a facilitar información para incorporar as novas tecnoloxías na súa vida cotiá. Con esta campaña preténdese complementar o proxecto Audiovisual nas Aulas achegando os telecentros aos rapaces dos IES que forman xa parte deste proxecto

A FECYT acolle a 1.600 nenos galegos nos seus obradoiros de robótica


A Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) vén de por en marcha o obradoiro divulgativo Descubre a Robótica, que se levará a cabo en 9 comunidades autónomas e máis de 150 centros educativos de primaria de toda España, co obxectivo de espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía dos seus alumnos, a través dun programa no que eles mesmos constrúen, preparan e poñen en marcha robots.
Descubre a Robótica, que se desenvolve no programa Ciencia nos Centros, baséase nunha metodoloxía avalada pola experiencia positiva da súa posta en marcha en numerosos países e, aquí en España, estará a disposición de máis de 15.000 alumnos de Educación Primaria.

O obradoiro, que se leva a cabo nos mesmos colexios sen necesidade de desprazar aos alumnos, ten unha duración de 1 hora e inclúe portátiles, robots de última xeración con tecnoloxía bluetooth, campo de xogo e dous monitores especialmente formados para desenvolver as actividades prácticas no centro de ensino dos alumnos.

En total, ata o vindeiro 15 de xuño, data na que remata o proxecto, levaranse a cabo máis de 600 obradoiros en todo o país que tentarán que os escolares se acheguen á ciencia dun xeito máis atractivo que o tradicional.

En Galicia, a experiencia desenvolverase entre o 21 de abril e o 23 de maio e participarán nela máis de 1600 nenos de Primaria das localidades de Santiago de Compostela, Ourense e Vigo.

Esta nova proposta do FECYT enmárcase na liña de divulgación do coñecemento en materia de ciencia e tecnoloxía, coa fin de “contribuír á cultura científica e tecnolóxica entre os máis pequenos”.

O proxecto compleméntase co portal de recursos Descubrelarobotica.es que contén ferramentas para poder traballar na aula antes e despois da realización do obradoiro, aspectos relacionados coa robótica, imaxes, fotografías tomadas nas clases prácticas e información detallada do proxecto.

Eganet convoca a quinta edición dos seus premios


Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) abriu o prazo de presentación de candidaturas para os seus premios, que este ano chegan á súa quinta edición. As destinatarias son todas aquelas empresas do país que axudan coa súa actividade ao desenvolvemento do sector TIC en Galiza.

Desta volta, EGANET estabeleceu nove categorías diferentes que cobren todos os ámbitos da internet e das novas tecnoloxías: E-emprendedores, Software Libre, Cultura Dixital, Comunicación Web Empresarial, Sociedade Web, Aplicación on-line, E-Commerce, Publicidade online e Tecnoloxía Accesible e Segura, aos que se sumará un premio especial. Outra novidade é que haberá catro finalistas por categoría, fronte aos tres das anteriores edicións.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 2 de maio, e a gala de entrega dos premios terá lugar o día 22 do mesmo mes no Hotel Monumento San Francisco de Compostela. As bases da convocatoria pódense consultar na web PremiosEganet.com.

Unha recomendación de cine XII

Fuera de carta

Maxipensa que a súa vida é perfecta: é un cociñeiro de prestixio, propietario dun restaurante de moda en Chueca e vive a sua homosexualidade sen complexos. Pero a aparición dos seus fillos, fruto dun matrimonio de escaparate, e do seu novo veciño, un atractivo ex futbolista arxentino, dinamitarán a súa vida e lle farán replantearse a súa escala de valores.

Reparto

Javier Cámara (Maxi), Lola Dueñas (Alex), Fernando Tejero (Ramiro), Benjamín Vicuña (Horacio), Luis Varela (Jaime), Chus Lampreave (Celia), Cristina Marcos (Marta), Alexandra Jiménez (Paula), Junio Valverde (Edu).

O Dicionario E-SignoVisual recibe o premio da Asociación de Redes de Telecentros


O Dicionario E-SignoVisual, espazo web desenvolvido pola Consellaría de Innovación e Industria, recibiu o premio da Asociación de Redes de Telecentros durante o congreso anual que se está a desenvolver en Fuerteventura. A coordinadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, Carme Suárez, recolleu este premio en nome da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.

E-SignoVisual é un dicionario virtual de termos tecnolóxicos que fai máis accesíbel a linguaxe tecnolóxica ás persoas xordas, para que poidan achegarse ás novas tecnoloxías, que supoñen para elas unha fonte de novas oportunidades de integración. Asemade, conxuga a linguaxe de signos, a lingua galega e o software libre.

Resulta de especial importancia que o galego teña presenza nesta ferramenta, pois abre a linguaxe de signos ao noso idioma, algo novidoso para este colectivo é novidoso. Este dicionario foi posto en marcha a través das páxinas web da Asociación de Persoas Xordas de Lugo e da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, o que permitirá estender os seus beneficios a toda a colectividade de xordos de Galiza.

No seo do Congreso de Telecentros, desenvolveuse en Fuerteventura a reunión da Asociación de Redes de Telecentros, na que se afondou na situación actual das redes de telecentros, o fortalecemento das redes de colaboración, e a posta en común de experiencias de boas prácticas que sexan aptas para implantar noutras redes. Por outra banda, o congreso estase a centrar moi especialmente na exposición de experiencias de impulso da Sociedade da Información que se están desenvolvendo en Latinoamérica e en África. Ademais, tamén se están a realizar no 7º Congreso de Telecentros e Redes de Telecentros presentacións de proxectos especificamente desenvolvidos para estas redes.

O CXG organiza un curso para exercer de relacións públicas pola Rede


O Consello da Xuventude de Galicia vén de anunciar o comezo dos novos cursos formativos dirixidos a mozos e mozas galegas que promove a entidade e que terán lugar, coma tódolos anos, a través da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), antes chamado Rede de Aulas Multimedia, en tres accións formativas distintas, con inicio en maio, finais de setembro e novembro.

O primeiro dos cursos, Como ser Relacións Públicas na Rede, dará comezo o vindeiro día 6 de maio e realizarase nos telecentros de comunicación de Santiago (CMG), Lugo (APL), A Coruña (BPMGG), Vigo (Concello) e Monterroso.

Tódolos cursos formativos, que son de balde, terán unha duración total de 120 horas en aula, con horario de luns a xoves, de 9:00 a 14:00 horas. En tódalas sesións establecerase unha titoría en liña, que continuará un mes máis posterior ao remate de cada curso.

As competencias que se traballarán nos ditos talleres integran perfís profesionais de responsable de relacións públicas na rede, xestor de imaxe en contornos virtuais, técnico auxiliar de márketing electrónico e webmaster de contidos para Internet.
Segundo a presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso, “este proxecto nace coa vocación práctica de mellorar a empregabilidade, cualificando os participantes en funcións propias de novos xacementos de emprego de crecente demanda relacionadas co desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC)”.
Os interesados en participar deberán inscribirse na web do Centro Multimedia de Galicia, no apartado de cursos.

A Rede de Dinamización participa nun encontro de telecentros nas Illas Canarias


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información vai estar presente na sétima edición do Congreso Nacional de Telecentros e Redes de Telecentros, que se vai desenvolver o 17 e 18 de abril no Auditorio de Corralejo do municipio de La Oliva, en Fuerteventura. O Congreso pretende converterse nun espazo adicado ao intercambio e á difusión do coñecemento por parte dos participantes, tentando chegar a novas liñas de investigación que permitan avanzar no xeito de achegar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación a toda a cidadanía e facela así partícipe das vantaxes da Sociedade do Coñecemento.

A Rede de Dinamización vai presentar a candidatura de E-SignoVisual para o concurso da mellor iniciativa levada a cabo durante o 2007. Esta iniciativa do dicionario tecnolóxico signado presentarase na xuntanza da Comunidade de Telecentros do día 16 de abril en Lanzarote. Ademais, unha representación da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información formará parte da mesa redonda sobre boas prácticas e experiencia de desenvolvemento da Sociedade da Información que terá lugar o venres día 18 de 9:00 a 10:10.

O Congreso contará coa asistencia de representantes de numerosas redes de todo o estado e mesmo de Latinoamérica a traveso de múltiples relatorios e catro obradoiros simultáneos na tarde do día 16 sobre compartir coñecemento, software libre nos telecentros, novos xeitos de conexión á rede en zonas afastadas e empresas.

Un congreso en Santiago analizará este venres o valor das TIC na inserción laboral de discapacitados

As novas tecnoloxías da información, se cadra máis que calquera outra porta de acceso, poden dar tantas oportunidades de inserción laboral como atrancos. Todo depende de entender o seguinte: non todos temos porqué ver o mesmo tamaño de letra, empregar o mesmo rato ou teclear no mesmo teclado. Sobre todo, se o que está en xogo é algo tan valioso como a información e, polo tanto, as posibilidades de acadar un posto de traballo. Avaliar todo isto e procurar novos xeitos de botar abaixo as barreiras (neste caso, as virtuais) é o obxectivo das II Xornadas sobre Emprego e Discapacidade Intelectual.

A cita será este venres 18, na Escola Galega de Administración Pública de Santiago, e está prevista a participación de representantes de institucións (a Xunta, o Concello de Santiago), empresas (Banco Popular, Caja España) ou entidades sen arela de lucro (FADEMGA FEAPS Galicia).

Un dos grandes obxectivos das xornadas (amais do devandito) é continuar coa información achegada na anterior edición celebrada en abril de 2007.

Ata o día de hoxe hai rexistradas unhas 120 inscricións de máis de 28 asociacións diferentes, entre elas, FAXPC (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia), CIG, AFEXDI (Asociación de Formación e Emprego de Xóvenes Discapacitados), Concello de Boiro, Concello de Arzúa, UGT, AFEM (Asociación FEAPS para o Emprego) ou a Fundación ADCOR; así como varias das 41 asociacións federadas a FADEMGA FEAPS GALICIA.

Nace Planeta Pontevedra

A semana pasada nacía Planeta Santiago coma un agregador de blogs composteláns, e inspirándose en tal iniciativa hoxe nace Planeta Pontevedra, para agrupar a blogs escritos na cidade ou que falen da mesma.

Marcos Esperón, JoseATE e Rick son os responsables deste novo agregador que procura xuntar ao maior número de blogueiros posible.

Mancomún publica 4 informes sectoriais sobre o software libre en Galicia

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, publicou 4 informes sectoriais sobre o uso do Software Libre en Galicia, analizando a evolución entre os anos 2006 e 2007 na PEME, na PEME TIC, nos centros de ensino non universitario e nos concellos.

Con esta información complétase o apuntamento anterior, non que se destacaba o crecemento espectacular do software libre nas empresas galegas, aínda que nos centros de ensino aínda é máis destacable a evolución (triplicándose a presenza do software libre).

Un relatorio sobre a vida conmove a máis de 10 millóns de internautas

Nada lle facía sospeitar ó profesor de Ciencias da Computación, Randy F. Pausch, que a súa última conferencia, pronunciada na prestixiosa universidade Carnegie Mellon University, chegaría a oídos de máis de 10 millóns de persoas grazas a Internet.

De xeito paradoxal neste relatorio (ao que chegamos vía ElPaís.com), Pausch non falou de informática, nin da Rede nin de nada que tivera que ver coas novas tecnoloxías que, ao fin, eran o fío condutor da súa vida dende que, sendo neno, soñou con ser un gran informático; o último relatorio deste pai de tres fillos ao que os médicos lle diagnosticaron un cancro de páncreas terminal, versou sobre a vida, os soños, as ambicións e “todas aquelas cousas que lle dan sentido á existencia” e que por desgraza nunca lles poderá transmitir en persoa aos seus descendentes.

Este profesor falou perante un amplo auditorio coa intención de facer un resume de consellos sobre a vida que algún día lle puidera ser útil a Dylan, Logan e Chloe, os seus tres fillos, máis sen agardalo, o relatorio foi filmado e pendurado na Rede pasando a converterse nun acontecemento virtual sen precedentes: foi visto por máis de 10 millóns de persoas, foi traducido a sete idiomas e dou lugar a un libro titulado The last lecture, que explica a orixe deste relatorio.

Nel, Pausch describe os soños que tiña de neno e aconsella aos pais que permitan que os seus fillos debuxen na parece porque “foi onde el plasmou as súas primeiras ilusións”.

Este profesor de universidade aproveitou, asemade, o poder da súa inesperada fama para facer unha chamada de atención sobre o cáncer pancreático, unha doenza á que apenas se destinan recursos en investigación.

Innovación e Industria pon en marcha dous portais para pemes

A Consellaría de Innovación e Industria amplía a oferta de servizos dixitais coa posta en marcha do portal GaliciaPMS, un espazo destinado especificamente a dotar de ferramentas de información e servizos TIC ás pequenas e medianas empresas galegas. O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, presentou esta mañá o novo portal, que nace dentro do espazo GaliciaXa, no que se agrupan de todas as iniciativas on-line que a Consellaría pon a disposición do tecido empresarial, e ao que se seguirán engadindo portais de referencia nesta materia.

Segundo explicou o conselleiro, GaliciaPMS ponse en funcionamento co fin de contribuír ao desenvolvemento de negocio das PEMES e á posta a disposición destas de servizos de información e comunicación que as fagan máis competitivas a nivel internacional. O rexistro gratuíto en GaliciaPMS oferta ao usuario ou empresa a posibilidade de acceder a un amplo abano de servizos.

Punto de encontro empresarial
O portal dispón dun espazo virtual para o encontro das pequenas e medianas empresas, denominado "Enterpemes", que ofrece servizos de videoconferencias, chats e foros, integrando todas as ferramentas de contacto entre empresas. Outra das seccións da web GaliciaPMS, "Oportunidades de negocio", oferta servizos de taboleiro virtual de anuncios, directorio e buscador de PEMES con datos e contacto de máis de 70.000 pequenas empresas galegas, con localización a través de Google Maps, e información específica de provedores TIC galegos, tanto de equipos coma de programas informáticos e tecnolóxicos.

Información e software
Un apartado de "Programas e Servizos" ofrece ampla información sobre axudas, subvencións e concursos aos que poden acceder as PEMES; programas europeos de interese; un Laboratorio PEME con biblioteca de artigos, conferencias, iniciativas e guías de recursos centrados en iniciativas emprendedoras, formación, divulgación tecnolóxica e promoción da innovación; directorio de ligazóns a enlaces públicos para axuda á creación de empresas, á Unión Europea e información estatística; unha sección de actualidade comunitaria e a posibilidade de descargar ferramentas informáticas de acceso libre, que serven para a xestión integral das pequenas e medianas empresas con programas variados, dende paquetes básicos de contabilidade e nóminas, loxística, terminais de puntos de venda ou paquete ofimático, entre outros.

Outro dos apartados de información básica e especializada para as empresas é o de "Temas empresariais", actualizado diariamente, de temática variada, que recolle todos os asuntos de interese para o sector como fontes de financiamento, márketing, calidade, dirección, internacionalización e patentes, entre outras. Ademais, as PEMES disporán no portal dunha sección de "Servizos de información e participación" con foros especializados e con información diaria de eventos, feiras e encontros empresariais. GaliciaPMS ofrece a posibilidade de recibir un boletín semanal actualizado con novas, eventos e axudas de interese para o seu labor diario.

Guía de parques empresariais de Galiza
O titular de Innovación e Industria repasou outra das novidades do portal GaliciaPMS, a Guía dos Parques Empresariais Galegos que sistematiza toda a información relevante para as PEMES. Esta información inclúe datos exactos de localización, accesos, infraestruturas coas que conta o parque, empresas ubicadas e espazo libre para a instalación de novas empresas.

GaliciaXa
GaliciaXa é a páxina contedor que mostra e acolle os diferentes proxectos postos en marcha pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información que serve como agrupador de todos os proxectos da Consellaría de Innovación e Industria en materia empresarial e das novas tecnoloxías, ao que se seguirán engadindo portais de referencia nesta materia.

Este proxecto está desenvolvido na súa totalidade en software libre e instalado nunha plataforma IBM dotada de software básico libre tamén na súa totalidade interoperábel e multimedia. Segundo destacou o conselleiro, cumpre a dobre función de, por unha banda, dar servizo ás PEMES galegas e, por outra, cumprir co acordo de goberno de impulsar a implantación do software libre no noso país.

Luz Darriba e José Lemur propoñen no MUPEGA unha viaxe multimedia pola educación libre

O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago vai albergar a partir deste venres unha serie de actividades vinculadas ó emprego das novas tecnoloxías. A proposta, que tamén constitúe unha reflexión mesma sobre os puntos nos que se toca a creación artística e a innovación tecnolóxica, vén da man da artista uruguaia (e galega de adopción) Luz Darriba e enmárcase dentro dunha iniciativa aínda máis ampla do MUPEGA, chamada Maestras, unha biografía repleta de soles.

A achega de Darriba ten dúas faces complementarias: por unha banda contribúe cunha instalanción chamada LibroLibre (que consiste nun libro multimedia de 16 páxinas coma unha viaxe no tempo pola educación das mulleres) e, pola outra, con LibroVivo (unha performance que se apoia e se nutre nas novas tecnoloxías non só para o desenvolvemento audiovisual da obra, senón tamén para o diálogo entre a performer e unha serie de imaxes animadas).

Para a vertente narrativa e sonora de LibroLibre, que se inaugura o venres 11 ás 17 horas, contarase coa achega do artista José Lemur (na imaxe, nun autorretrato).
Polo que respecta a LibroVivo, desenvolverase o mesmo día, de xeito paralelo á apertura da dita

Planeta Santiago agrupa nunha web a distintos blogs creados en Compostela


O pasado verán naceu CoruBlogs coma un punto de encontro para os blogueiros coruñeses e, na mesma liña, onte naceu Planeta Santiago, un agregador de blogs composteláns creado tras un encontro de blogueiros coñecido coma Blogs & Beers & Grelos, e que xuntou a distintos creadores de bitácoras de Internet para compartir experiencias.

Calquera persoa que conte cun blog que se faga dende Santiago de Compostela pode solicitar a súa incorporación nesta nova web, de xeito que se replicarán na mesma as súas anotacións. Tamén aceptan a presenza de infiltrados, ou sexa, de blogueiros que aínda que non escriban dende Santiago si participen nos encontros presenciais.
Este novo espazo sería a consolidación dunha iniciativa anterior de José Manuel Rodríguez, que inspirado en Planet Granada intentou replicar a idea dende Santiago hai cousa de 2 anos. Desta volta parece que terá máis éxito, aínda que sorprende a pouca presenza de blogs en galego, dando a impresión de que está comunidade está máis orientada á blogosfera que ao blogomillo.

Unha recomendación de cine XI

21 Blackjck


Ben Campbell (Jim Sturgess)é un brilante estudante do MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) que, debido a necesidade de pagar o seguinte ano universitario, atopa os cartos que busca xogando as cartas. Ben é reclutado por un grupo de rapaces da universidade que van a Las VEgas a xogar. Con un profesor de matemáticas (Kevin Spacey)pouco ortodoxo que é un xenio nas estadísticas liderando o grupo atoparán a fórmula para gañar cartos sempre. Seducido polo xogo, os cartos e Las Vegas, Ben comeza a traspasalos límites.

YouTube renova a súa interface gráfica

YouTube enriquece a información sobre os seus vídeos na súa nova aparenciaYouTube é un servizo de vídeo que nos últimos meses está a integrar moitas características que cambiaban lixeiramente a súa interface, pero nas últimas horas estreou unha nova aparencia que converte os botóns de Compartir, Favoritos, Listas de reprodución e Marcar en pestanas, baixo as que tamén incorpora unha nova pestana na que podemos alternar entre os comentarios aos vídeos e os seus datos e estatísticas, que resultan de sumo interese para coñecer as webs que integran estes clips de vídeo e cando un vídeo acada un éxito histórico, chamado galardón e que destacaría a boa posición do vídeo nalgunha categoría (o máis comentado, o máis engadido a favoritos ou o máis visto).

A nova interface tamén fai doada a publicación dun vídeo de YouTube en MySpace, Facebook, Live Spaces ou outros servizos, así como a súa incorporación a listaxes de reprodución (o que resultaba bastante complexo no pasado).

Microsoft promociona cun concurso a 'galeguización' do seu sistema operativo


A multinacional do software Microsoft presentou este martes a campaña "Faille un clic ao galego", que busca fomentar o uso do seu sistema operativo Windows a nosa lingua. A iniciativa inclúe un concurso para que os 6 usuarios que consigan que máis xente descargue as traducións ao galego poidan gañar computadores e outros premios.

Microsoft España habilitou unha web específica que lles facilita aos usuarios que desexen empregar o galego como lingua principal na interface dos seus computadores nos paquetes ofimáticos Office 2003 e 2007 e os sistemas operativos Windows XP e Vista.

O concurso posto en marcha para promocionar a instalación do Windows en galego desenvolverase do 9 de abril ao 9 de maio, e conta coa colaboración das marcas Dell, HP e Investrónica, que achegarán computadores de nova xeración con Windows Vista en galego preinstalado.

No acto de presentación, que serviu para dar a coñecer publicamente a tradución de Windows Vista ao galego, estiveron presentes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. A secretaria xeral sinalou que "o futuro das linguas ten nas novas tecnoloxías un novo factor para medir a súa vitalidade e a súa saúde. A familia, a escola, a empresa, a administración, -que son os espazos nos que convencionalmente se lles toma o pulso ás linguas-, teñen por forza que atender hoxe ás novas tecnoloxías nesa diagnose, como elemento transversal a todas elas".

Música ao Vivo crea unha nova web máis funcional e informativa

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) vén de crear un novo sitio web no que lle ofrece aos internautas información renovada sobre a axenda de concertos e dos grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) en colaboración con Clubtura maila Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo.

Ademais dunha nova publicación de periodicidade semestral que se distribúe de balde nas salas da RGMV, a organización conta dende este mes de abril co devandito sitio web Musicaovivo.info, que recolle o calendario anual de concertos xunto con información detallada sobre as bandas e as salas. Asemade, conta cun apartado de documentación dende o que, entre outras cousas, se pode acceder ás imaxes dos grupos, consultar a normativa de funcionamento da Rede ou descargar a versión electrónica de Ao vivo música (a publicación impresa) e outro material.

Ao igual que a web Culturavai.info, carteleira electrónica da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas, a web Musicaovivo.info ofrécelle aos usuarios a posibilidade de subscribirse para recibir de balde a axenda de concertos ou valorar os grupos programados (nunha escala do 1 ao 5) a través dunha votación que queda plasmada na páxina para comparala coa de outros usuarios.

Un total de 81 grupos e solistas -75 deles galegos- de diferentes estilos musicais actuarán en 2008 no marco da Rede Galega de Música ao Vivo, que chega ao seu segundo ano de funcionamento cun total de 576 concertos previstos en 47 locais de toda Galiza.

A partir de 2008, ademais, esta programación leva o nome de Carlos Humberto Díaz Pérez, en recoñecemento e memoria dun dos seus principais impulsores.

Este venres celébrase en Ourense a II Xornada de Software Libre no FP de Caixanova


A Asociación Cultural Ourensá de Software Libre (OuSLi) organiza este venres 11 de abril pola mañá a segunda xornada sobre código aberto no FP Caixanova, un encontro encamiñado a encher baleiros educativos e informativos relativos á programación aberta (baleiros que como sinalou Roberto Vieito hai días en Código Cero son aplicables a todos os ámbitos da sociedade, mesmo ó sector público, malia ser o software libre máis antigo có privativo).

A xornada de OuSLi, que se desenvolverá coa axuda do devandito centro de FP e da entidade mancomun.org, apóiase en boa medida na difusión das vantaxes do software libre como ferramenta no eido educativo: é máis libre e máis barata para institucións e colexios e posibilita a participación activa de mestres e alumnos en labores de deseño e adaptación.

O programa das xornadas é o seguinte:

8:30 - Wiki: Uso de ferramentas colaborativas a través de web. Descrición: Tralo auxe da web 2.0, cada vez son máis empregadas as ferramentas colaborativas, exemplo diso é a Wikipedia. Na charla amosarase o proceso de instalación, configuración e uso dun sistema wiki.
Relator: Enrique Estévez Fernández.

9:30 – Seguridade en GNU/LinuxDescrición: A seguridade é un punto clave da informática e que ten unha especial relevancia e actividade no mundo de GNU/Linux. Na charla exporase distintas técnicas para garantir a seguridade en sistemas empregando software libre.
Relator: David Martínez Carballo.

11:30 - Tradución de software libre ó galego.Descrición: Unha das vantaxes do software libre é a posibilidade de personalizalo e adaptalo ás distintas culturas e idiomas. Durante a charla ensinarase a traducir software libre ó galego a través de casos prácticos.
Relator: Manuel Varela.

12:10 - Filtrado de correo SPAMDescrición: Na charla exporanse distintas técnicas de filtrado de correo SPAM, e amosarase o funcionamento dos protocolos SMTP, POP e IMAP.
Relator: Jose Ramón Méndez Reboredo.

13:20 - Ferramentas de Software Libre para a PEME.Descrición: Mancomun.org lanzou o CD “Ferramentas informáticas para a PEME”, no cal se recompila software libre enfocado a PEME. Na charla presentarase o CD e faranse demos sobre o mesmo.
Relator: Manuel Varela.

14:00 - Achegando o mundo de GNU/LinuxDescrición: ¿Que é o software libre? e o seu estado actual. Como alguén pode iniciarse neste campo a partir de diferentes distribucións e live-CDs. Diferentes contornos de escritorio existentes na actualidade. Uso de aplicación gráficas habituais, como poden ser programas ofimáticos, reprodutores de música...
Relator: Antonio Martínez Carballo.

As xornadas están abertas a calquera que queira achegarse polo centro situado en Finca Sevilla Nº2, ó carón de Expourense.

O ITG organiza un curso para directivos e técnicos sobre a seguridade na información

Aenor Formación e o Instituto Tecnolóxico de Galicia van organizar un curso na Coruña sobre métodos eficaces de protexer os datos no eido corporativo. Esta actividade, que se desenvolverá de xeito presencial ó longo de 21 horas entre o 5 e o 7 de maio, ten o título seguinte: Como implantar un sistema de xestión da información, novo modelo ISO 27000.

O curso, dirixido sobre todo a directores, responsables e técnicos ligados á protección de sistemas de información, abrangue os obxectivos que citamos a continuación: dar a coñecer fundamentos e conceptos xerais sobre a protección dos datos, achegar unha visión xeral da devandita norma e avaliar as vantaxes de implantar unha ferramenta de xestión que vele pola integridade e privacidade do coñecemento interno.

O importe do curso, subvencionado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, é de 555 euros, IVE incluído. Na web do ITG xa podemos consultar as bases da inscrición.

Microsoft confirma o seu compromiso co galego

Para máis información fai clic aquí.

Máis de 2,6 millóns de persoas xa dispoñen de historia clínica electrónica

A Consellería de Sanidade anunciou que vai apostar pola consolidación dun sistema de información para o conxunto do Sistema Público de Saúde de Galicia, apoiado no uso intensivo das tecnoloxías da información, coa historia clínica electrónica como elemento vertebrador. Actualmente máis de 2,6 millóns de cidadáns galegos dispoñen xa de información clínica no historial electrónico.

O Goberno puxo xa en marcha a prescrición electrónica en todas as súas áreas de Atención Primaria, con máis de 15 millóns de receitas xeradas por medios electrónicos, e superando xa o 40 por cento da prescrición total no último mes.

Así o indicou a conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio Vidal, na súa intervención inaugural do VII Foro de Sistemas de Información para o Sistema Nacional de Saúde, que reúne en Baiona representantes de todas as comunidades autónomas e do Ministerio de Sanidade para impulsar os sistemas de información como instrumentos de medición e avaliación do Sistema Nacional de Saúde.

Rubio Vidal deu conta de todas as achegas producidas dende que, en xuño de 2006, o Goberno galego presentase o Plan de Tecnoloxías da Información Rede Saúde. "Unha información precisa vainos permitir avaliar de maneira exhaustiva o funcionamento da nosa sanidade", aclarou a conselleira de Sanidade.

En relación coa receita electrónica, Rubio Vidal explicou que "estamos en pleno proceso de conexión" entre as oficinas de farmacia e rede pública en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos. Fixo balance tamén do proxecto Ianus, salientando que actualmente no país máis de 2,6 millóns de persoas dispoñen dunha parte importante da súa información clínica integrada no seu historial clínico electrónico, e máis de 13.000 profesionais xa foron formados e dotados de tarxeta chip para garantir un acceso seguro á mesma, o que supón un de cada tres integrantes do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde. "A existencia dunha historia clínica normalizada e única, na que se recolle todo o coñecemento sobre un paciente, implica, non cabe dúbida, unha maior eficacia e axilidade na atención sanitaria", indicou a conselleira.

Ademais, a imaxe radiolóxica xa é dixital en nove dos 14 hospitais públicos galegos, contando actualmente con máis de 15 millóns de imaxes dixitalizadas; e está planificada a extensión do proceso a toda a rede do Servizo Galego de Saúde neste ano.

Unha recomendación de cine, e van 10

La familia Savages

A historia familiar dos irmáns Savage da pé a unha intensa historia dramática que permite o lucimento dos seus protagonistas. Estivo nominada a dous Oscars na pasada cerimonia.

O film de Tamara Jenkins fala sobre os dous irmáns Savage que tras varios anos fora da casa viven o mellor que poden as súas vidas. Wendy (Laura Linney) é uha autora de teatro que se esforza por sair adiante e Jon (Philip Seymour Hoffman) é un profesor de facultade algo neurótico que escribe libros. Mentres o pai enferma pouco a pouco os fillos deciden deixalo todo atrás e vivir xuntos de novo para coidar do proxenitor.


Galizaelectronica.com, novo espazo informativo na nosa terra sobre música alternativa


Co primeiro de abril xurdiron unha serie de importantes novidades na nosa Web, coma se estivesen en espera do bo tempo para agromar. Un destes lanzamentos en liña vén da man dun grupo de seareiros/as galegos/as da música electrónica, para quen estaba claro que un dos moitos ocos que ficaba por encher no panorama dixital da nosa terra era este, precisamente, o da actividade musical alternativa despregada por DJs, músicos en xeral, artistas, salas de baile, pubs e afeccionados.

Foi deste xeito como colleu corpo a páxina Galizaelectronica.com, un espazo que é un xeito de encher o devandito baleiro e tamén unha ponte (porque nace con vontade de unir ós seareiros e seareiras de todo o país) e mesmo unha plataforma de normalización do galego nestes ambientes.

Máis non fica aí a cousa: quen queira estar informado polo miúdo dos sitios e das activades onde máis e mellor música electrónica se escoite, xa pode ir gardando esta web en Favoritos.

A páxina, posta en marcha e mantida por Alberto (webmaster), Lorena, Iker, Estela e Gatinha (as tradutoras de textos ó galego) e Brath, ten o seu miolo no foro en liña, que non é outra cousa un espazo para establecer diálogo cos restantes internautas galegos afeccionados á electrónica. Amais de todo isto, a web inclúe interesantes seccións como reportaxes sobre artistas ou festivais senlleiros, guía de establecementos, novas, chat e mesmo un apartado para dar acubillo a biografías de DJs galegos e galegas.

As novas redes de comunicación analizaranse nunha xornada en Compostela

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, e a Plataforma Tecnolóxica das TIC, Vindeira, organizan o luns 8 de abril un evento que leva por título Xornada Proxecto Sfera: Capacidades tecnolóxicas no campo das comunicacións sen fíos e por satélite e contará coa presenza de numerosos expertos de empresas galegas no mundo das comunicacións e co cordinador do Proxecto Sfera entre outros.
O acto desenvolverase no Hotel Porta do Camiño en Santiago de Compostela, e será inaugurado por Helena Veiguela Martínez, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información; Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de I+D; e Manuel Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual.

O programa completo da xornada pódese descargar en formato PDF e a inscrición ao evento pode realizarse por correo electrónico.

Un informe analiza a usabilidade das webs autonómicas


A consultora Biko2 desenvolveu un estudo de usabilidade sobre 17 páxinas web de administracións autonómicas españolas, para analizar as prácticas actuais e identificar os aspectos máis críticos a mellorar, quedando a web de Asturias coma modelo de excelencia, seguido polas comunidades de Baleares, Cataluña, Navarra, Castela e León e a Rioxa, mentres que Galicia quedou na media xunto con Madrid, Murcia, Andalucía e Eusakadi.

Mirando á web da Xunta, dende Biko2 recoñecen que ten un nome sinxelo (xunta.es) e doado de lembrar, acadando tamén un bo posicionamento nos buscadores. A súa estética e a xerarquía da información tamén están moi coidadas na web da Xunta, que presenta unha estrutura de navegación consistente e con poucos niveis, o que facilita a navegación por parte do usuario.

Unha vez entrado a detectar carencias da web da Administración galega, dende Biko2 se ven na obriga de destacar que deixaron fóra do informe as webs de Turgalicia e Cultura e Deporte, polo que a axenda cultural e a información turística estaría mellor tratada do que se pode pensar nun primeiro momento.

A consultora tamén detectou moitos contidos que non se integran ben co resto da web, así coma o feito de que na portada do sitio aparezan moitos contidos destacados en forma de banner, o que resta credibilidade ó espazo virtual.

Un detalle que tamén destacan no informe é que, pese a que o formulario web para a realización de consultas é sinxelo e efectivo, a atención recibida non está ao mesmo nivel, xa que unha consulta remitida en español se respondeu en galego e a dúbida prantexada non se resolveu, remitindo ao interesado «ao departamento de Benestar Social, a pesar de que este departamento forma parte da Xunta».

Encontro cultural de blogueiros nos Pendellos de Agolada

Un grupo de blogueiros e blogueiras do país reunirase nos Pendellos de Agolada nun acto de confraternidade e que servirá para compartir as súas experiencias na rede. O encontro está promovido por Manuel Busto, autor de Aquam Latam.

Segundo informa a edición do Deza de La Voz de Galicia, a idea xurdiu no nadal, con vistas a desenvolver a xuntanza de confraternidade na primavera. Actualmente, está aberto un blog colectivo para organizar a xuntanza, onde se poden achegar suxestións e votar as propostas.

Os organizadores aspiran a xuntar medio cento de internautas no lugar, declarado Conxunto Histórico e Ben de Interese Cultural. Haberá megafonía, canón de vídeo e todo tipo de material e esperan contar coa experiencia dalgúns dos blogueiros máis veteranos.

Ademais da temática exclusivamente tecnolóxica, haberá un xantar e unha ruta turístico-cultural pola zona. O encontro contará tamén cunha parte musical, pois os membros do grupo Fuxan os Ventos xa se ofreceron para ofrecer un concerto en Agolada, actuará unha blogueira zanfonista e poderían intervir outro tipo de agrupacións.

O acto servirá, asemade, para reivindicar a posta en valor do lugar.

Corcubión dispón do primeiro sistema de información xeográfica da Costa da Morte

O Concello de Corcubión presentou unha campaña de promoción turística que inclúe, como principal novidade, un sistema de información xeográfica (SIG) pioneiro na bisbarra. O rueiro dixital permitiralles aos usuarios localizar nun mapa as zonas de interese do municipio.

Ao servizo pódese acceder a través da páxina web do concello, segundo explicou a alcaldesa en funcións, Gema Freire, ao xornal La Opinión A Coruña.

Segundo o responsábel de Turismo do Concello, Óscar Insua, Corcubión pretende converterse nun referente turístico a nivel internacional, polo que afirmou que é necesario un "forte investimento".

Presentación da segunda edición do concurso Lingua de Amor

Terá lugar mañá, ás 12.00 h, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6, 15704, Santiago de Compostela)

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet, o Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, presenta a segunda edición de Lingua de Amor.

Lingua de Amor é un concurso de declaracións de amor a través da rede que ten como obxectivo principal dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación.

O acto de presentación do concurso será conducido pola presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso. A este acto acudirán os representantes dos entes colaboradores nesta edición: a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as concellerías de Cultura e Xuventude do Concello de Lugo, a Libraría Couceiro e Viaxes Viloria. Así mesmo, tamén estará presente Filipe José Da Silva Rodrigues, mozo portugués autor do cartel do concurso.