BaGoNiX.net achega varias traducións de software ao galego


Dende Mancomún dan a coñecer ao grupo de usuarios de GNU/Linux do Val Miñor, BaGoNiX.net, que nace «coa intención de traballar coa xente que ten máis dificultades en migrar por causa da fenda dixital, como é a xente do rural, incluíndo á xuventude, mulleres e persoas maiores» para o que fan uso das ferramentas propias da web e aglutina a linuxeiros de Oia, A Guarda, Tomiño, O Rosal, Tui, O Morrazo, Valença, Caminha ou Viana do Castelo, aos que xa podemos agradecer traducións ao galego de aplicacións coma Ipernity, Adblock Plus e Zotero.

Novo videoblog sobre o sector móbil


A Asociación Española de Comunicacións Móbiles (AECOMO) quere aproveitar os medios que brinda a Web 2.0 para cumprir cos seus obxectivos como asociación, polo que publica o videoblog Movilcast.com, no que se publican entrevistas a empresas de novos servizos móbiles ou de aplicacións para dispositivos móbiles, así como reportaxes sobre eventos ou feiras ás que asista a Asociación.

O novo espazo non se limita á publicación de vídeos (hospedados en Blip.tv, de xeito que están accesibles para a súa descarga en distintos formatos e mesmo permite a subscrición dende aplicacións coma iTunes ou Miro), senón que tamén acollerá podcasts, fotografías e mesmo unha plataforma de rede social baseada en Ning.

Nun principio Movilcast se anuncia coma un webshow sobre estilo de vida, lecer, traballo e sociedade móbil, aínda que polo momento se limita a presentar un limitado catálogo de vídeos de arquivo polo que haberá que agardar para ver se este espazo electrónico consegue tecer unha rede social ao seu redor, pois permite empregar a súa plataforma para a creación de blogs, canles ou grupos de interese, publicación de vídeos e fotografías e relacionarse con outros usuarios.

Catoira estrea telecentro de comunicación


Manuel Conde Mouzo, subdirector xeral de Telecomunicación e Audiovisual, e Alberto García García, alcalde de Catoira, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do concello para converter o local nun espazo axeitado para iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e alfabetización dixital, mentres que dende Ribeira o alcalde José Luis Torres Colomer daba a benvida ao concello de Catoira á Rede de Telecentros de Comunicación.

A posta en marcha deste telecentro de comunicación tivo un orzamento de 120.000euros, co que se dotou á sala da Biblioteca Pública Municipal con 20 equipos informáticos, aínda que dende a Xunta tamén promoven a dinamización deste tipo de infraestruturas, para que permitan o desenvolvemento de proxectos que permitan aproveitar as sinerxías que xorden da administración autonómica e da local.

O Centro Dramático crea unha web para a difusión de textos teatrais


O Centro Dramático Galego presentou este xoves unha web onde se difundirán os textos escritos polos autores de teatro galego actuais. A iniciativa conta con escasos precentes no Estado Español e está dispoñíbel no dominio dramaturxiasdaactualidade.org.

O servizo é unha actividade máis das xeradas polo Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC), dependente do CDG, e ten o dobre obxectivo de ser vía de acceso de referencia para a escrita dramática galega actual e de servir de plataforma de lanzamento de creadores.

A súa estrutura combina un depósito con acceso público de textos dramáticos e un foro de lectura teatral. Tamén se pode converter nun lugar na rede onde atopar materiais, suxestións e informacións sobre a actualidade da creación dramática galega.

Incluirase un número ilimitado de textos escritos polos membros do laboratorio Pistas para unha dramaturxia da actualidade, dirixido por Cándido Pazó, xunto a obras de autores emblemáticos da dramaturxia galega que desexen usar o medio como un vehículo de exhibición das súas propostas. Hai tamén espazo para títulos actuais en calquera lingua e para obras en reposición e textos de espectáculos producidos nos últimos anos.

O acceso aos documentos é libre e gratuíto e conta coa autorización dos autores, que seguen a ter reservada a propiedade intelectual, de tal xeito que será preciso solicitarlles permiso para usar publicamente as obras.

Cada texto, en formato PDF, vai acompañado dunha ficha técnica con información da obra. Para facilitar a súa localización, incorporouse un motor de busca por distintas categorías. Hai, ademais, un foro de intercambio de opinións e de xeración de debates arredor das obras.

A internet sen fíos chegará aos polígonos de Guitiriz, Xove, Muimenta e Castro de Ribeiras de Lea


Os polígonos industriais de Guitiriz, Xove, Cospeito e Castro de Rei contarán proximamente con redes sen fíos de acceso a internet. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou cadanseu convenio de colaboración con representantes dos catro concellos para a posta a disposición da Consellaría dos terreos para a instalación do equipamento necesario.

O investimento ascende a 364.421 euros. Deste xeito, os parques empresariais de Guitiriz, Xove, Muimenta e Castro de Ribeiras de Lea súmanse aos 32 polígonos de todo o país que contarán con banda larga, cun orzamento total de 4,6 millóns de euros.

Segundo explicou Fernando Blanco, a cobertura de rede sen fíos farase mediante o sistema Wimax. Ademais, os convenios asinados contemplan que estean en funcionamento antes do 15 de xuño. Deste xeito, as 63 empresas instaladas nos polígonos e as máis de 200 vivendas das zonas colindantes poderán dispoñer do servizo nun breve prazo.

Estas actuacións encádranse no PEGSI, dentro do plan da consellaría de dotar de acceso á internet de banda larga de calidade a totalidade dos polígonos industriais do país. Coas actuacións desenvolvidas ou en marcha, o 92,5% dos parques industriais de Galiza poderán xa acceder ao servizo de banda larga, coa previsión de que se acade o 100% en 2009.

O galego convértese definitivamente en lingua oficial do navegador Mozilla Firefox

A Fundación Mozilla xa incluíu o galego como tradución oficial do navegador Firefox 3. Despois duns meses en que estivo en fase de proba, a nosa lingua xa forma parte da listaxe de versións definitivas do software. Para chegar a este punto, foi fundamental o apoio prestado pola Consellaría de Innovación e Industria.
O proxecto de localización ao galego de Firefox levaba cinco anos en punto morto. A intervención de Innovación e Industria conseguiu desbloquear a situación. A Fundación Mozilla respondeu positivamente abrindo unha vía de traballo conxunta coa comunidade galega de tradución de software coordinada polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún.

Grazas a esta iniciativa, xa é posíbel descargar Firefox en galego dende a páxina oficial de Mozilla, en versións para Windows, Mac e Linux, sen necesidade de instalar extensións engadidas. O navegador forma parte tamén do sistema operativo Galinux, presentado hai uns días en Compostela, e que permite un uso do computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas.

A Consellería de Innovación e Industria presenta Galinux, un sistema operativo libre, gratuíto e en galego


Nos diferentes puntos da Rede de Dinamización estarán dispoñíbeis copias do sistema, que tamén se pode descargar xa de balde desde a páxina web de Mancomún

Xa é posíbel traballar nun ordenador completamente en galego, grazas a Galinux, un sistema operativo libre e no noso idioma. O novo sistema nace dunha iniciativa da Consellería de Innovación e Industria a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, en coordinación coa comunidade galega de software libre.

Galinux xa está á disposición de todos aqueles usuarios que desexen instalalo na páxina na Internet de Mancomún (http://galinux.mancomun.org). Ademais, repartiranse por toda Galicia 5.000 copias en CD. Delas, unhas 2.500 distribuiranse a través de case cen puntos distintos, entre os que se atopan aqueles pertencentes á Rede de Dinamización da Sociedade da Información, así como diversas asociacións e oficinas de software libre.

O novo sistema non require ningunha modificación para ser probado no computador, xa que pode executarse dende un CD ou un USB sen necesidade de ser instalado no ordenador, e tampouco require coñecementos técnicos específicos. Galinux baśease en Ubuntu, a distribución de Linux, e poderá ser actualizado de xeito periódico sen ningún custo. Ademais de todas as funcións típicas dun sistema operativo, inclúe aplicacións como o navegador Firefox, as aplicacións ofimáticas incluídas no OpenOffice (follas de cálculo, presentacións multimedia ou editor de textos), un programa de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo e, entre outros, un corretor ortográfico en lingua galega.

A importancia de Galinux, como sinalou na súa presentación ao público o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, é que ademais de ofertar a posibilidade de traballar en galego, axuda a potenciar o software libre. Deste xeito créanse oportunidades no actual panorama de crise económica a través da innovación empresarial, a internacionalización, a competitividade e o potenciamento do sector das TIC.

A Consellería de Innovación está a apostar forte nesta dirección, e entre os anos 2008 e 2009 vai dirixir un total de 2,3 millóns de euros a iniciativas de software libre. Este esforzo vese reflectido nos datos do INE do mes de outubro, que sitúan a Galicia como líder de implantación de sistemas operativos gratuítos nas PEMES a nivel estatal: mentres que a nivel do Estado a media se sitúa nun 7,8%, no noso país a cifra sobe ata un 8,2%. E atendendo aos datos do Observatorio Galego da Sociedade da Información, son xa un terzo das PEMES galegas as que dispoñen dalgún tipo de software libre, que se incrementou nun 48% no último ano e que se viu triplicado dende o 2006. Outro punto importante a salientar é que este avance prodúcese especialmente nas pequenas empresas.

Esta aposta polas tecnoloxías libres e os estándares gratuítos é un paso imprescindíbel de cara a implantación dun sistema sustentábel para acadar un desenvolvemento social e económico baseado nas TIC, así como para o avance cara a independencia tecnolóxica, tal e como se explica no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información. En último termo, Galinux nace para dar resposta a unha necesidade crecente nos últimos tempos: a de poder traballar cun computador integramente en galego.

O novo centro da Rede de Dinamización en Camariñas estréase hoxe ás 11.30 horas

Ademais entrégase o premio do apartado de "Maiores" do II Concurso de Iniciativas da Rede, no que se alzou co galardón "Outros fíos na Rede"

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información é hoxe protagonista en Camariñas por un dobre motivo: por unha banda, farase entrega neste concello dun dos premios do II Concurso de Iniciativas da Rede, o correspondente á categoría de "Maiores", no que se alzou vencedor o proxecto "Outros fíos na Rede". Ademais, o de hoxe é un día de estrea, posto que a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración co concello de Camariñas, inauguran un novo centro para a Rede.

O novo espazo situarase no Centro de Iniciativas Empresariais da rúa Do Río do Prado, s/n, no primeiro andar. Tras o acto de apertura deste, que será ás 11.30 horas, procederase á entrega de premios ás 12, no Salón de Actos da Casa da Pedra (praza de Insuela, s/n). Nesta estarán presentes Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Sandra Insua, tenente de alcalde de Camariñas, Sergio Caamaño, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Encaixe, Turismo e Traballo e Mª del Carmen Linares, edila de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde.

Neste acto recibirán o seu galardón os credores do proxecto "Outros fíos na Rede", un blog onde os seus creadores, todos maiores de 60 anos, escribiron ao longo do mes de maio as súas lembranzas e reflexións sobre algo ben coñecido por todos eles: o encaixe. O obxectivo do proxecto, como ben recolle o seu nome, era pór as Novas Tecnoloxías ao servizo dunha tradición con tanto arraigo na zona. O dinamizador responsábel da iniciativa, Óscar Fernández Clapés, recibirá tamén o seu premio correspondente.

E no que respecta ao novo centro da Rede na vila, cabe destacar que estará equipado coa tecnoloxía máis avanzada e integramente con software libre. Un total de dez ordenadores, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, diversas webcams e nove lectores de DNI estarán dende hoxe mesmo á disposición de toda a poboación que precise e desexe utilizalos.

Esta nova apertura débese ao éxito colleitado pola Rede de Dinamización desde que se iniciara a súa actividade en Camariñas, en xaneiro do 2007. Desde esa data puxéronse en marcha 29 obradoiros ao longo dun total de 295 horas, nos cales participaron máis de 148 usuarios/as, sendo un 57% mulleres. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital, aínda que tamén se realizaron outros obradoiros sobre ocio e servizos da Rede ou ofimática. Estes datos reflicten a boa acollida que tiveron as actividades programadas pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información neste concello, que hoxe inaugura unha nova aula para seguir por este bo camiño de achegar as Novas Tecnoloxías á poboación. Tamén resulta ilustrativo o feito de que, á marxe destas actividades, houbese máis de 280 usuarios/as que empregaron as instalacións de xeito libre, para levar acabo xestións particulares ou actividades de índole académica, entre outros.

Gañador do Certame Comarcal de Fotografía Dixital


Roberto Prado pola "Soledad"

Carne p’ra Canhão, a mafia do bacalhau en 'webisodios'


Alumnos da Universidade de Aveiro crean unha orixinal serie en internet, que achega episodios de cinco minutos.

Un futuro ficticio no que se aproba unha polémica lei que prohibe o consumo de bacallau, e este comeza a ser obxecto de tráfico no mercado negro a prezos esaxerados. Na cidade de Obscurém comezan entón a acontecer crimes violentos e mortes misteriosas. O protagonista, Alheiras, recibe un día un envío que o leva a iniciar unha investigación que remata por introducilo no escuro mundo das mafias onde a xente está "disposta a matar por uma salgada posta de bacalhau".

Velaí teñen a sinopse do espectacular proxecto que argallaron alumnos do curso de comunicación e multimedia da Universidade de Aveiro. Os rapaces armaron así 'Carne pra Canhão', pioneira serie audiovisual deseñada para a web e filmada en estudio con escenarios virtuais e unha orixinal e innovadora estética. As pezas, bautizadas webisodios, e de apenas cinco minutos, poden verse na bitácora creada para contar do desenvolvemento da idea.

Flocos.tv nace como a fiestra á Internet do audiovisual galego


Onte comezaron as emisións en proba do cineclub da Axencia Audiovisual Galega, Flocos.tv, que nace coa ilusión de converterse na pantalla da produción da industria audiovisual galega na que convivan tanto a Industria coma os creadores individuais.
Flocos.tv é unha canle de vídeo para a difusión de producións galegas repartidas nas categorías de ficción, animación, documental, experimental e ciclos, que pódense ver en calidades normal, alta e HD (esta última non dispoñible na meirande parte das pezas) e tamén é posible incrustar os clips en webs e blogs, cunha aposta pola Web 2.0 que permite espallar o noso audiovisual por toda a Rede de xeito natural, grazas aos traballo de A Navalla Suíza (tamén detrás de proxectos de éxito coma Quin.tv).

Preténdese que Flocos.tv conte cunha estrea diaria e, cada 15 días, un ciclo en base a un criterio específico de programación, ocupando así un lugar destacado nas labores de promoción dos produtos audiovisuais galegos.

Google Books incorpora revistas ao seu buscador


A plataforma desenvolvida en Google Books para dixitalizar publicacións impresas saltou dos libros aos xornais e agora tamén se estende ás revistas, e seguindo a filosofía de iniciativas anteriores, está a incorporar tanto publicacións históricas como modernas, con bastante diversidade.

Entre as revistas que xa se poden consultar en Google Books están o New York Magazine, Popular Mechanics, Popular Science, o Bulletion of Atomic Scientist ou Ebony, o que incrementa a utilidade deste servizo de busca, que de continuar a medrar a este ritmo vai facer posible que Google teña nos seus servidores case todas as representacións culturais dos últimos séculos, o que agradecerán dende curiosos ata investigadores, aínda que polo momento se limite a revistas norteamericanas.

O Congreso sobre Turismo e TIC remata hoxe coa intervención do managing director de Google Travel Spain

A segunda edición do congreso sobre Turismo e novas tecnoloxías que promove a Consellaría de Innovación e Industria e que dende onte se está a celebrar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, prosegue a súa xornada de hoxe con información de interese dirixida ao eido de comercialización e posicionamento do produto turístico.

O director de marketing de Transhotel, o xerente de CN Travel e o managing director de Google Travel Spain serán algúns dos relatores expertos nesta temática que se achegarán á capital galega para intervir na xornada de hoxe mércores, 10 de decembro.

O obxectivo deste segundo (e último) día é que os asistentes coñezan as claves sobre as accións de promoción e posicionamento na Rede ou recursos tan útiles como aprender a facer atractiva a web dunha empresa turística.

Arrinca a campaña E logo! coa distribución de material dixital e descargas de balde na Rede

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe a segunda edición da Xeración E logo!A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, vén de presentar a segunda edición da Xeración E logo!, unha iniciativa encadrada na campaña xeral de promoción da lingua galega que pretende fomentar a transmisión deste idioma entre pais e nais cos seus bebés.

Logo da boa acollida acadada o ano pasado, nesta ocasión os responsables teñen previsto chegar a unhas 15.000 familias cuns materiais que se van distribuír a través da rede de centros do Servizo Galego de Saúde para todas as mulleres embarazadas.

Na consulta do seu médico, as futuras nais recibirán un maletín con información, consellos para o embarazo, un caderno de xestación, unha escolma de nomes galegos de neno e de nena, recitativos para o bebé e un CD que este ano se renova respecto do que se entregou na anterior edición. En Aloumiños de seda, Abe Rábade púxolles música a seis poemas doutros tantos autores galegos. Ademais, o maletín inclúe outra novidade, un adhesivo deseñado polo debuxante Kiko Da Silva para lles pedir precaución aos condutores e sinalizar a presenza no coche do bebé.

Este novo CD co que se agasalla ás familias, Aloumiños de seda, inclúe seis pezas musicais orixinais compostas polo pianista Abe Rábade, para os poemas Flor de Liño, de Anxo Angueira e María do Cebreiro, Canción das tres culleres, de Luís Pimentel, Trigo e Estrelas, de Helena Villar e Xesús Rábade, Auga Limpa, de Rosalía de Castro, Onde vai a miña nena, de Manuel Leiras Pulpeiro e o poema popular Non hai berce como o colo. Nas voces participaron Guadi Galego, que interpretou na presentación de hoxe varios temas con Abe Rábade ao piano, Ramón Bermejo, Joana Machado e Terela Gradín. Ademais, participan os músicos Perico Sambeat, Virxilio da Silva, Nelson Cascais, Bruno Pedroso e Marcos Vázquez.

“Anenotario” e participación na web

Todos os materiais escritos que se entregan neste maletín da Xeración E logo! 2008 están dispoñibles para a descarga na web da campaña www.palabrasencadeadas.com. Dentro deste sitio web, e asociado a esta iniciativa, ponse en marcha o Anenotario, un espazo de participación para que pais e nais compartan as anécdotas dos seus cativos. As mellores “anénotas” terán premios en forma de libros, música e materiais para o lecer infantil en galego.


A Fundación Mozilla e Zazzle chegaron a un acordo a través do cal abriron a Mozilla Community Store, unha tenda en liña na que se poden adquirir produtos personalizados coa imaxe dos produtos de Mozilla con deseños elaborados polos usuarios, de xeito que se fai doado vestir camisetas (o principal produto da tenda) con debuxos inspirados no Firefox, o Thunderbird ou outras plataformas de código aberto.

Na nova tenda só temos que elixir o deseño dos que máis gustemos (ou propor un propio) e logo o tipo de prenda na que queremos que se estampe, partindo de prezos de 15 dólares e contando con camisetas dende a talla S ata a 6XL, de xeito que podemos contribuír coa Fundación Mozilla á vez que vestimos as súas distintas marcas e logotipos.

A revista en liña Foeminas celebra o seu aniversario nun número especial

A Revista Virtual de Xénero Foeminas vén de editar xa o seu número 31, no que, celebrando o seu terceiro aniversario e conmemorando o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, achega un completo reportaxe sobre as VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero, que se enmarcan no I Plan de Igualdade de Oportunidades de Lugo.

A publicación en liña, que edita a Concellaría de Muller e Servizos Sociais de Lugo, tamén achega diversos artigos de actualidade como a primeira parte da vida da pintora Maruja Mallo ou a crítica do libro de poemas Esencia de Trementina, de Cristina Corral Soilán, realizada por Esperanza Robles.

Na sección habitual Contemporáne@ dedícase un apartado especial á frautista galega Alicia Val Lasanta así como unha entrevista á recoñecida cociñeira Beatriz Sotelo Sequeiros, quen acaba de recibir un premio polo seu traballo.

Outros contidos habituais da publicación virtual que se poden volver a gozar neste último número son Viaxeiras, Foeminas panorámica, Mullerecetario e Noticias “con novas e renovadas achegas”.

Eganet participa no Cultur.gal cun foro sobre innovación e coñecemento


A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) vén de anunciar que participará na Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal 2008, prevista para os días 4, 5, 6 e 7 de decembro na Coruña, coa II Edición das Xornadas Coñecer e Innovar.

O obxectivo do encontro, que se desenvolverá os vindeiros xoves 4 e venres 5, é, segundo anunciaron os seus responsables, “promover un foro de debate e reflexión no que abrir posibilidades de cooperación a prol da creación de sinerxías entre empresas do sector con negocios alleos ás novas tecnoloxías”. Preto de 50 entidades empresariais confirmaron xa a súa participación na iniciativa.

Eganet, disporá, asemade, dun expositor propio na Feira, no que distribuirá material informativo dos seus novos proxectos e das empresas asociadas. Deste xeito, as persoas que se acheguen a este punto informativo poderán coñecer o novo programa divulgativo dirixido a centros de ensino co obxectivo de paliar o déficit de profesionais adaptados ás necesidades que demandan as empresas do sector TIC. Eganet potenciará tamén a información dirixida ao tecido empresarial galego para dar a coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, aplicadas segundo as características reais de cada empresa. Esta campaña centrarase nos concellos como canle para chegar a todas as asociacións empresariais de Galicia.

Unhas xornadas europeas buscaranlle solucións á fenda dixital

Erisa, a Asociación Rexional Europea da Sociedade da Información, organiza, con motivo do seu décimo aniversario, un obradoiro aberto sobre 'Banda larga rexional: a obriga de servizo universal e o acceso de nova xeración, discusión sobre tendencias futuras'. Desenvolverase do 9 ao 10 de decembro en Bruxelas.

As xornadas pretenden acabar coa nova fenda dixital que fai que máis dun terzo da cidadanía europea non poida acceder aos beneficios da Sociedade da Información, polo custo, falta de educación, discapacidade ou idade. Ademais, as redes de banda larga, por ADSL, cable ou fibra óptica, non están ao alcance de todo o mundo.

Segundo os cálculos do informe do foro da fenda dixital, no ano 2013 haberá, cando menos 4,7 millóns de persoas na UE excluídas das redes de banda larga, polo que recomenda "a intervención pública" como algo "desexábel ou necesario". A Comisión Europea abriu o debate de se a definición de obriga de servizo universal se debe estender a banda larga "básica".

E, a pesar de que a fenda dixital segue a medrar, a tecnoloxía continúa a progresar. Xorden redes de nova xeración de banda moi larga. Esas novas redes terán moito impacto na competitividade, tendo en conta que Europa xa está por detrás dos Estados Unidos e de Asia. O obradoiro achegará relatores expertos neses campos e dará a oportunidade de escoitar os seus puntos de vistas e de debater con eles en coloquios e en mesas redondas.

Carballo acolle conferencias sobre administración electrónica

O Concello de Carballo, coa colaboración do Plan Avanza e da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, organiza esta semana as súas primeiras xornadas sobre administración electrónica, enmarcadas no programa Carballo porta aberta. Serán, en total, dous días de relatorios en que se darán a coñecer os novos proxectos de administración dixital do concello.

A xornada do mércores 3 de decembro está dedicada á administración dixital e conectividade. Despois dunha apertura a cargo de representantes do Goberno e da Consellería de Innovación e Industria, danse a coñecer, en primeiro lugar, os servizos de administración electrónica do Concello de Carballo.

Ao longo da mañá presentaranse o servizo Carballo SMS, o DNI electrónico e un proxecto de conectividade a internet por banda larga. A segunda metade da xornada matinal estará dedicada a coñecer as leis de Servizos da Sociedade da Información e de Acceso Electrónico, ademais dos servizos de administración dixital da Xunta de Galicia.

Pola tarde do mércores, permitirase que os usuarios se dean de alta no servizo de Administración Electrónica do Concello de Carballo, con recollida de agasallos.

O xoves 4 estará dedicado á xestión territorial, dinamización e formación. Presentarase a Guía Municipal e Urbamap, a xestión urbanística de Carballo. Seguiranlles demostracións sobre a xestión de ocupacións da vía pública e do mobiliario urbano a través das TIC e mais a xestión das incidencias no mobiliario urbano co uso de dispositivos móbiles.

A segunda parte da sesión irá dedicada aos novos proxectos tecnolóxicos do concello carballés, a unha presentación dos pagos online coa plataforma Red.es, e darase a coñecer a Rede de Dinamización da Sociedade da Información e o telecentro de Carballo. Ás dúas da tarde procederase á clausura das xornadas e entregaranse os trofeos das primeiras Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo, actividade que se desenvolveu do 28 de novembro ao 3 de decembro.

Elena Espinosa preside hoxe o primeiro aniversario da web Alimentacion.es


Hoxe cúmprese o primeiro aniversario da web Alimentacion.es e para celebralo, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, responsable da páxina en cuestión, vai levar a cabo un acto conmemorativo ás 12:00 horas na súa sede, en Madrid, que será presidido pola ministra, Elena Espinosa.

Para conmemorar este primeiro ano de vida, realizarase un repaso das principias accións desenvolvidas no portal navegando en conxunto polo mesmo e daranse a coñecer as novidades coas que se lle quere dar un pulo a esta aplicación web.

Unha das estreas principias que se darán a coñecer nesta presentación será a “Mascota”, un simpático paxaro que na nova imaxe da web contará unha sección de consellos diarios para os visitantes.

Os asistentes tamén coñecerán de primeira man unha ferramenta de xeorreferenciación de produtos de calidade diferenciada e novas seccións tales como un blog de alimentos con monográficos de produtos (arroz, cordeiro, alcachofa…), receitas de cociña…

No evento presentaranse, asemade, as novas campañas institucionais do MARM; Selos con Garantía de Orixe e Tradición, Verdura, tamén Ultraconxelada e Froitas e verduras de Tempada.