Milleiros de internautas únense ao grupo de Facebook que acusa de homofobia a un xurado de Vigo

Un veciño de Vigo Rober Bass logo de dar conta do seu malestar pola decisión tomada por un xurado popular de Vigo ante un caso de asasinato acontecido na cidade galega: o xurado declarou non culpable ao home que lles asestou 57 coiteladas aos seus anfitrións homosexuais porque, sostivo, actuou baixo o medo a ser violado. Bass, indignado logo ser informado deste veredicto e atopando nunha boa parte das persoas que o rodeaban a mesma reacción, animouse finalmente a botar man da Rede para facer aínda máis fronte común.

Segundo informa estes días La Voz, este é precisamente o xermolo dun novo grupo na rede social Facebook, o espazo Tod@ contra o tribunal popular homófobo de Vigo, que, como o seu propio nome indica, vai encamiñado a buscar unha nova resolución coa axuda das ferramentas dixitais e dos usuarios.

A nova fronte en Facebook, que a día de hoxe conta con case 6.000 membros de toda España, atopou en poucos días unha chea de mostras de apoio dende todos os recantos do país. Por certo que o espazo está a servir tamén de punto de unión e mobilización para amigos das vítimas, que xa están a sentar os alicerces dunha manifestación cidadá en toda regra. O éxito do grupo é aínda máis salientable se temos en conta que responde á indignación social no seu estado máis puro, sen intereses aparentes de asociacións ou ideoloxías: simplemente estamos a falar dun colectivo de internautas que comparten a mesma arela de xustiza. Por certo que a actividade de rexeitamento cara á decisión do xurado vigués non só se reflectiu na Rede: colectivos a prol da defensa dos dereitos dos gais e das lesbianas xa tomaron posicións.

O Colexio Oficial de Telecomunicacións publica un decálogo sobre o futuro do sector


O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) elaborou o Decálogo das Telecomunicacións, un documento que recolle as súas principais propostas en materia TIC para os vindeiros catro anos.

Un dos puntos dese informe, publicado no último suplemento A Nosa Rede (PDF), faise eco da defensa levada a cabo polo colexio para que Galiza se converta na sede da Axencia Estatal das Radiocomunicacións, que situaría o país no mapa mundial das telecomunicacións.

O decálogo tamén contempla a creación dunha unidade de alto nivel das telecomunicacións e da Sociedade da Información que poida guiar e coordinar o futuro das TIC en Galiza, e a incorporación dos proxectos das telecomunicacións ao mapa de infraestruturas, acompañados dun obrigado visado profesional. Tamén se mencionan o despregamento de redes, o impulso de novos servizos, a alfabetización dixital e a e-administración, que permitirá situar a administración pública do país á vangarda e ao servizo da cidadanía.

Asemade, o informe considera as TIC como ferramenta clave para o desenvolvemento sustentábel, coa pretensión de converter o PEGSI nun programa tamén víabel, asumíbel economicamente e materializábel logrando que cubra as necesidades e as aspiracións de Galiza en materia TIC, fomentar o uso das TIC nas pemes e desenvolver unha industria propia forte do sector.

Blusens organiza este venres un encontro para blogueiros

A empresa galega Blusens terá este venres unha xornada de portas abertas para diversos profesionais dos medios de comunicación dixitais de todo o país co obxectivo de darlles a coñecer, de primeira man, algún dos segredos mellor gardados pola súa sede de I+D no Polígono de Costa Vella en Santiago de Compostela. Máis polo miúdo, a expedición estará constituída por blogueiros especializados no eido das tecnoloxías do lecer procedentes de todos os recantos de España, que comezarán a súa xornada compostelá no edificio da sede central (CNL) da compañía galega (onde serán recibidos por José Ramón García, CEO de Blusens, e Miguel Silva, vicepresidente executivo) para logo trasladárense ao emprazamento da innovación Blusens propiamente dita: o edificio CST.

A chegada a esta sede, prevista para as 10.00 horas, terá continuidade con diversas visitas guiadas, actividades e demostracións baseadas en produtos presentes e futuros da compañía. Máis en detalle, está programados encontros coas seccións de Marketing e I+D+i ou explicacións pormenorizadas sobre as funcionalidades do sistema Blubrain (concepto, aplicacións, hardware, software, etc).

Rede de Dinamización fai balance das súas actividades e anuncia novos obradoiros


A falta de tres días para que remate este mes, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, vén de facer balance do que dou de sí Febreiro, este ano.

A entidade segueu a apostar neste periodo pola inmersión da sociedade galega nas novas tecnoloxías e, neste senso, impartiu un total de 177 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formaron a un total de 795 persoas ao longo de 1.424 horas.

Os obradoiros máis impartidos foron Iniciación á Internet e Iniciación á Informática; seguidos moi de preto por Iniciación á Informática: Linux e Creación dunha conta de correo electrónico.

Os seguintes na listaxe dos obradoiros máis impartidos foron, Xogos de mesa en Internet, Saúde en Internet e Manexo do teléfono móbil, que poñen de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede na actualidade.

Asemade, un total de 971 persoas inscribíronse como usuarios e usuarias da Rede para poder aproveitar as instalacións e as iniciativas que se ofertan nas horas de aula aberta, que como de costume, seguen a ser de balde.

En canto aos números xerais da Rede, dende que botara a andar en xaneiro de 2007 foron xa, segundo veñen de afirmar, 20.645 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 4.047 obradoiros nos que se formou a 25.967 participantes.

Programación para marzo

Para o vindeiro mes de marzo, a Rede tén planeado organizar de novo numerosos obradoiros e iniciativas que se van levar a cabo en distintos centros, como por exemplo no de Arzúa, onde se desenvolverán, entre o 16 e o 31 de marzo, distintos obradoiros sobre Videomontaxe e Elaboración dun blog, cos que se dotará aos participantes dos coñecementos necesarios para desenvolver unha peza audiovisual coa temática: Memorias da festa do queixo.

En Boiro, tamén está prevista a realización dunha Iniciativa sobre o día do pai, na que participarán cativos e cativas de entre 6 e 10 anos, que crearán un blog onde introducirán fotografías deles e delas cos seus proxenitores.

En Betanzos, xa hai dúas semanas que se puxo en marcha a Web da semana, un proxecto que seguirá a desenvolverse ata o mes de maio e que consiste en ir presentándolles aos usuarios, unha páxina web interesante e coñecida cada semana, que eles poderán puntuar en función da súa estética e funcionalidade.

Por outra banda, os usuarios da aula de Poio, están a crear un arquivo de fotografías antigas da vila, de grande interese histórico, dentro dun proxecto que se fai chamar, Poio, vivencias dun pasado.

A Rede de Dinamización inclúe máis información sobre distintos obradoiros e iniciativas que se van levar a cabo próximamente, na súa páxina web.

Qimo, Linux para os pequechos


Qimo é un sistema operativo de escritorio deseñado para nenos e nenas a partir de 3 anos. Está baseado en Ubuntu, e trae instalados varios xogos educativos.

A interface de Qimo deseñouse para ser intuitiva e fácil de usar, con iconas grandes para tódolos xogos instalados. Así, ata os máis pequenos poderán seleccionar a actividade que queren sen ningún problema.

Nesta ligazón podemos ver algunha captura de pantalla dos programas que Qimo trae instalados. Estes programas inclúen GCompris , Childsplay , eToys , entre outros aplicativos educativos.

A organización creadora de Qimo, QuinnCo, Incorporated foi fundada por Michael e Michelle Hall. Trátase dunha organización sen ánimo de lucro, deseñada para axudar a nenos e nenas con necesidades educativas especiais ou aqueles de poucos recursos económicos, ofrecéndolles sistemas informáticos totalmente funcionais.

QuinnCo recolle calquera tipo de ordenadores e partes de ordenadores doados, e constrúen con eles os seus sistemas. Eliminan completamente calquera dato anterior que conteña, e logo instalan Qimo. Finalmente, doan eses equipos a rapaces e rapazas con necesidades especiais.

Obradoiros para o mes de marzo en Betanzos

PRAZO DE INSCRIPCION: 2 de marzo e ata cubrir prazas
PRAZAS: 10 persoas por obradoiro
LUGAR: Telecentro, Emilio Romay Nº 1 – Betanzos

Para máis información www.rededinamizacion.eu

Iniciación á Informática
Duración:7 horas
Data inicio: 09/03/2009 - Data fin: 12/03/2009
Horario:Tardes: 18:30 - 20:15 Días: 9, 10, 11, 12

Recursos de interese na Internet
Duración:5 horas
Data inicio: 23/03/2009 - Data fin: 26/03/2009
Horario: Tardes: 18:30 - 20:15 Días: 23, 25, 26

Mecanografía
Duración:5 horas
Data inicio: 16/03/2009 - Data fin: 18/03/2009
Horario: Tardes: 16:00 - 17:45 Días: 16, 17, 18

Procesador de textos: Writer
Duración:6 horas
Data inicio: 17/03/2009 - Data fin: 20/03/2009
Horario: Mañás: 10:30 - 12:30 Días: 17, 18, 20

Mecanografía
Duración:10 horas
Data inicio: 23/03/2009 - Data fin: 27/03/2009
Horario: Mañás: 10:30 - 12:30 Días: 23, 24, 25, 26, 27

Uso seguro de Internet para menores
Duración:3 horas
Data inicio: 30/03/2009 - Data fin: 31/03/2009
Horario: Tardes: 18:30 - 20:15 Días: 30, 31

Gmail cae e a rede entra en pánico


O servizo de correo de Google sufriu este luns un fallo que deixou sen acceso a millóns de internautas de todo o mundo.

O servizo de correo electrónico de Google, Gmail, sufriu este martes unha caída do sistema que deixou millóns de persoas de todo o mundo sen a posibilidade de consultar as súas mensaxes. Segundo informa dende a súa páxina de axuda, o problema comezou arredor das 10:30 (hora galega), polo que Gmail xa se desculpou polas molestias que poida causar este fallo.

Google non ofreceu información sobre a causa deste problema, que está a desvelar a dependencia que moitos usuarios teñen dos seus servizos. Xa non é a primeira vez que acontece algo semellante. O 31 de xaneiro, un fallo humano provocou que todos os resultados das buscas de Google aparecesen como webs maliciosas.

Cando internet obriga a mudar o nome da túa vila

Eu, un concello francés, está a estudar a posibilidade de modificar a súa denominación porque non sae entre as primeiras entradas dos buscadores da rede.

Con máis de oito mil habitantes e situada na Alta Normandía, a vila de Eu suma máis de mil anos de historia. Malia contar cun importante atractivo turístico, o seu nome está a ser un lastre para o seu coñecemento, fundamentalmente a través de internet. A cuestión é que "Eu", ademais de ser a denominación do histórico concello, é o participio pasado do verbo francés avoir (ter), o que relega as entradas referentes á vila aos últimos lugares de calquera buscador.

Se non saes en internet, non existes
A cuestión é que o turismo é unha das actividades que maiores ingresos reporta á vila e o goberno local estima que se poderían triplicar cun acceso máis doado dende a rede. Así as cousas, as opcións que formula a alcaldesa, Marie-Françoise Gaouyer, son dúas: ou ben pagar aos grandes buscadores, como Yahoo e Google, para que a localidade de Eu estea entre as súas primeiras entradas, ou ben mudar o seu nome.

Ambas as dúas opcións serán sometidas a referendo, de xeito que sexan os veciños os que opten por unha ou outra vía. Con todo, a alcaldesa xa dixo que lle parecía máis sensato o cambio de denominación, para o que propuxo variantes como Ville d'Eu, EU-le-Château ou EU-en-Normandie. Con todo, a proposta tamén conta con detractores, que lamentan a perda de identidade que leva canda si o cambio e apelan á historia do concello que atrae a tantos visitantes.

Curso de introdución a Galinux en Sada

O vindeiro 13 de marzo o centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información de Sada acollerá un relatorio sobre Galinux, o Linux en galego e de balde, no que os dinamizadores do concello, Víctor González e Lucía Sanz, amosarán aos asistentes as características e vantaxes do Galinux, así coma o seu funcionamento dende o punto de vista dun usuario normal.

O propósito deste obradoiro é que os asistentes saían sendo capaces de manexar con certa soltura os obxectos (ficheiros, cartafoles, ferramentas…) e funcionalidades básicas que ofrece un ordenador baseado en Galinux, distribución baseada en Ubuntu que conta con aplicacións libres de referencia coma o navegador web Firefox ou a suite ofimática OpenOffice.org, e está traducido completamente ao galego en boa medida grazas ao traballo de Mancomún.

Integración do turismo rural e activo na sociedade da información


AGADER PRESENTA O PROXECTO INTEGRACIÓN DO TURISMO RURAL E ACTIVO NA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN DIRIXIDO A CASAS DE TURISMO RURAL E EMPRESAS DE TURISMO ACTIVO

Agader lidera o proxecto "Integración do turismo rural e activo na sociedade da información", co obxectivo de obter un produto adaptado ás necesidades de cada casa de turismo rural e empresa de turismo activo. Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Avanza (2006-2010) para o Desenvolvemento da Sociedade da Información e a Converxencia con Europa e entre as Comunidades Autónomas.

A participación nesta iniciativa é totalmente gratuíta para as casas de turismo rural e as empresas de turismo activo.

GNU/Linux en tódalas escolas do Brasil

A empresa canadiense Userful e a brasileira ThinNetworks veñen de anunciar que foron seleccionadas para fornecer con 356.800 terminais de clientes lixeiros a todas as escolas dos 5.560 concellos que ten o Brasil.

Esta iniciativa fornecerá de acceso a un computador a millóns de cativos e adolescentes ao longo de todo o país. Este é un récord histórico en número de terminais lixeiros ata hoxe, un novo récord mundial de implantación de terminais con GNU/Linux, e tamén un récord en canto ao custo por terminal, por debaixo dos 40€.

A decisión de instalar esta solución de virtualización baseada en sóftware libre corresponde ao Ministerio de Educación do Brasil, e mostra a gobernos e institucións de todo o mundo un modelo a seguir no achegamento das novas tecnoloxías da información e do coñecemento aos seus cidadáns, usando tecnoloxías libres, económicas e máis respetuosas co meio ambente.

Mercado Galego


Mercadogalego.eu é un proxecto da Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Innovación e Industria, e consiste na posta en marcha dunha plataforma de venda en liña a través da que promocionar e vender os produtos dos comercios retallistas galegos. Esta iniciativa está pensada segundo expuxo a Directora Xeral, Dona Ana Rúa, para “poñer a disposición do conxunto do pequeno comercio de toda Galiza unha marca común con respaldo da Administración, baixo a que comercializar a súa mercadoría a través de Internet apostando ao mesmo tempo pola introdución das novas tecnoloxías e a modernización do sector”.

A Consellería de Innovación e Industria poñerá a disposición deste proxecto o sistema de xestión, a promoción da marca, así como a prestación de asesoramento continuo aos comerciantes que se sumen ao proxecto. Correrá por parte das tendas o compromiso de apoio e implicación con esta iniciativa, tendo en conta que o obxectivo primeiro deste proxecto é conseguir que os comerciantes dean o primeiro paso de achegamento ao comercio electrónico, e por iso o custo é cero e o seu uso moi sinxelo, xa que non hai que instalar nada nin ter coñecementos informáticos avanzados para formar parte.

Este proxecto está orientado tanto á venda de proximidade como para fóra de Galiza, pensando en atender as necesidades dos novos consumidores aos que lles gusta comparar prezos e calidade antes de mercar. A plataforma ponse a disposición tanto daqueles establecementos que queiran dar os seus primeiros pasos na comercialización en rede como daqueles outros que xa teñan a súa tenda en liña e queiran aproveitarse desta iniciativa.

O sistema permitiría introducir información da tenda, poñer unha serie de produtos á venda, facer campañas de promoción ou empregar tarxeta de crédito, entre outras facilidades.

Este pioneiro proxecto ten como obxectivo final que os comerciantes poidan probar se o comercio electrónico é unha boa ferramenta para dar saída aos seus productos, e co tempo se decidan a contactar cunha empresa que lle deseñe a súa propia presencia e estratexia na rede.

Desde a Dirección Xeral de Comercio espérase que esta importante aposta sirva para que o comercio estea preparado para o importante reto de adaptarse aos distintos hábitos de consumo que se están implantando e aos cales o comercio galego non pode ser alleo.

Nace o portal GaliciaXa.tv, con contidos multimedia de diversas entidades galegas


A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, vén de por en funcionamento a web GaliciaXa TV, que recolle dintintas canles con contidos multimedia relacionados co mundo empresarial e Internet.

A entidade pública confioulle o deseño de GaliciaXa.tv ao provedor de produtos e servizos LambdaStream, empresa responsable doutras webs como Touriño.tv ou Mundosdigitales.tv, que empregan o sistema VoKDA para a distribución dos seus contidos, un potente servidor de streaming multimedia proporcinado por LambdaStream.
Os usuarios desta plataforma poden visualizar contidos das canles de GaliciaPMS, Mancomun, Rexistro de Nós, Rede de Dinamización, Sociedade da Información e Bygalicia, que conteñen entre outras cousas, entrevistas, eventos, xornadas, anuncios... e todo tipo de material audiovisual de interese para os internautas interesados na actualidade tecnolóxica galega.

As devanditas entidades que teñen presenza neste novo portal, recolleron ao longo dos últimos meses, diverso material audiovisual que se presenta aberta a través desta webTV nas súas canles específicas.

Entre os contidos que se poden visualizar ata o de agora os internautas destacan:
Información sobre a Responsabilidade Social Empresarial
As TIC en diferentes sectores empresariais
Memoria de muller
Galinux
Entrevista a Isaac Díaz Pardo
Entrevista a Elena Colmeiro
Entrevista a Maria Xosé Queizán
Entrevista a Xoán Bouzada Fernández
Entrevista a Antonio Abril. Secretario Xeral de Inditex
Entrevista a Xosé Domínguez. Presidente do Clúster do Naval Galego

Danba, a ferramenta española que controla a navegación dos menores na Rede



Danba é un servizo que lle permite aos pais e familiares dos nenos e nenas que navegan pola Rede, controlar os sitios nos que se meten e vetar a súa entrada se así o ven conveniente.

O servizo, que se contrata por un prezo de 60 euros ao ano, informa puntualmente e coa urxencia requerida polos seus clientes, cada vez que os cativos e as cativas da casa accedan a unha páxina non recomendada ou con contidos perxudiciais para a súa integridade física ou moral.

Asemade, a ferramenta envialle aos seus clientes un correo electrónico detallando a navegación realizada no ordenador familiar e permítelle acceder ás súas contas sempre que queiran para ver con detalle os sitios visitados en todo momento.
Os responsables da ferramenta ofrecen máis información sobre a contratación do servizo a través desta ligazón (arquivo en formato PDF) e inclúen, na web oficial, diversas seccións con información de profesionais que aconsellan como enfocar os distintos problemas producidos por un uso indebido de Internet por parte dos e das menores.

Un cambio nas condicións de uso de Facebook, alerta aos seus usuarios


A comunidade de usuarios de Facebook leva uns días en alerta logo de que a rede social levara a cabo un cambio nas condicións de uso da mesma, pasando a converterse nunha “licenza perpetua e mundial” sobre todo o contido publicado no sitio.

Respecto disto, o fundador de Facebook, Marck Zuckenberg, quixo tranquilizar aos seus usuarios e, a través do blog do grupo, emitiu un comunicado afirmando non querer compartir a información “dunha maneira non axeitada”, senón para ser “coherente” co xeito de compartir fotos e mensaxes no sitio.

Zuckenberg asegurou que se un usuario decidía cancelar o servizo e darse de baixa no sitio, a súa información desaparecería da páxina, máis non para aqueles ás que xa lla tiña enviado antes.

Baixo os termos de uso, Facebook ten agora dereito a empregar libremente todos os contidos do sitio, incluso se unha persoa elimina un documento ou pecha a súa conta, “o cal non significa que a rede social poida facer unha mini-serie da súa vida ou que poida escribir un libro coa súa información”, apuntou Jules Polonetsky, experto en intimidade e director do Foro El futuro de la privacidad, senón que se “curan en saúde” á hora de administrar os arquivos, máis respectan as restriccións impostas polo usuario na difusión dos seus contidos.

Na opinión de Polonetsky, “estas disposicións permítenlle a Facebook innovar constantemente sen que se enfronten con obstáculos legais”.

Publícanse no BOE as liñas de axudas do Plan Avanza2

Este mércores publicouse no Boletín Oficial do Estado a convocatoria de axudas do Plan Avanza2 de impulso da Sociedade da Información que leva a cabo o Ministerio de Industria. Serán, en total, 1.516 millóns de euros só para 2009.

As partidas asignadas polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para este plan durante o ano 2009 ascenden a 1.516 millóns de euros. Financiaranse directamente as actuacións da administración estatal e cofinanciaranse as que se desenvolvan coas comunidades autónomas, concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas.

As iniciativas de Avanza2 agrúpanse en cinco eixes de actuación:

Desenvolvemento do sector TIC (663 millóns de euros en 2009): Ten como obxectivo apoiar empresas para que desenvolvan novos produtos, procesos, aplicacións, contidos e servizos TIC, promovendo a participación industrial na construción da internet do futuro e o desenvolvemento de contidos dixitais. Financiaranse programas de innovación ligados á Sociedade da Información que permitan seguir avanzando na mellora da competitividade do sector TIC e do conxunto da economía. As pemes verán reforzado o seu papel prioritario como destinatarias destas axudas e iniciativas.

Capacitación TIC (548 millóns de euros): Persegue incorporar masivamente á Sociedade da Información tanto á cidadanía como ao empresariado, cunha prioridade reforzada nas pemes e no seu persoal. Neste eixe, reforzarase a prioridade de incorporación á Sociedade da Información dos colectivos especiais, persoas con discapacidade e maiores, ademais de microempresas.

Servizos Públicos Dixitais (186 millóns): Mellorarase a calidade dos servizos prestados polas adminstracións públicas en rede, con énfase especial no apoio ás entidades locais e o desenvolvemento do DNI electrónico. Así mesmo, apoiarase a creación de novas plataformas e contidos no eido da educación e no sanitario a partir dos logros de Avanza.

Infraestruturas (89 millóns): Reforzará o impulso ao desenvolvemento e á implantación da Sociedade da Información en contornos locais, mellorando a prestación dos servizos públicos electrónicos á cidadanía e ás empresas mediante o uso das TIC. Ademais, estenderase a adopción da TDT de cara á plena substitución da televisión analóxica pola dixital, no marco do Plan Estatal de Transición á TDT. Reforzarase o desenvolvemento e aplicación da nova normativa de infraestruturas comúns de telecomunicacións en edificios e canalizacións en dominio público.

Confianza e Seguridade (11 millones de euros en 2009): Persegue o dobre obxectivo de reforzar a confianza nas TIC entre a cidadanía e o empresariado, mediante políticas públicas de seguridade da información e fomento da accesibilidade dos servizos TIC.

As bases e o orzamento de cada un dos apartados deste plan atópanse ao dispor do público nestas páxinas do BOE (en PDF) e na web do Plan Avanza2.

A blogueira Palmira Castro dános conta da súa experiencia abríndolle portas á Rede no rural


Palmira Castro, natural de Sardiñeiro (Fisterra), é a responsable dun dos cadernos virtuais galegos de máis complicada pronuncia, insomniorizar.blogspot.com, feito que non lle ten impedido situarse entre os máis senlleiros dos escritos na nosa lingua. Ou, o que vén sendo o mesmo: entre esas árbores virtuais que non caen nin cun temporal de forza 8 coma o sufrido hai días. O blog de Palmira, até hai ben pouco responsable da Rede de Dinamización da Sociedade do Coñecemento en Castrelo de Miño, concíbese como un blog-baliza: ten feitura de diario persoal e, tamén, de guía para petar na porta da restante comunidade internauta galega. A súa experiencia como blogueira e sobre todo como dinamizadora dixital na localidade ourensá valeulle entre outras cousas para amosar que nin sequera a Rede, de por si nova, se libra dos tópicos. Por exemplo: a vella teima de incluírnos (dende fóra pero tamén dende dentro) aos galegos e galegas entre os menos interesados por vivir na Sociedade da Información. A cousa máis ben apunta ao contrario: interese hai de abondo, máis do que todas e todos criamos.

-Como definirías o termo "dinamizadora" da Rede dun concello rural sen incluír o termo "dinamizadora"?
-Pois é unha persoa, é un axente social próximo á poboación que tenta achegar aos veciños e veciñas a Sociedade da información a través de diferentes actividades e iniciativas, favorecendo o emprego das novas tecnoloxías na súa vida diaria, atopando utilidade e servizos axustados aos seus intereses, pero sobre todo o que se vén pretendendo é converter a este axente na persoa de referencia para consultar preguntas, dubidas, inquietudes sobre a Internet.

-Como foi a resposta das veciñas e veciños de Castrelo de Miño logo destes meses de actividade da aula?
-Eu persoalmente creo que a resposta foi moi boa. Castrelo acolleu moi ben esta iniciativa dende o primeiros momentos, e esa acollida produciuse por parte dos veciños e veciñas, pero tamén por parte da propia administración local, que estivo aberta a tódalas propostas implicándose na iniciativa, e iso para min foi todo un pulo e facilitoume moito moito as cousas.

-Cres que é unha mentira máis sobre as galegas e os galegos iso que se di de que non nos importa para nada vivir no dixital?
-Quen di iso? Pois unha vez máis non me gusta xeneralizar, pero o que é unha realidade na aula de Castrelo de Miño é que esta afirmación non é certa. Todo o contrario, interese hai e moito por coñecer en gran medida o mundo dixital e a Rede e por empregar as ferramentas, aplicacións e servizos. Claro está que uns recursos teñen mais demanda ca outros. Nesta aula, por exemplo, tiveron moito éxito servizos como o Sixpac, os blogues como primeiro paso para a creacións de webs persoais e profesionais, a busca de información na Rede, ou os cursos de iniciación ao sistema operativo Ubuntu.
Moita xente deste concello participou nos obradoiros, pero tamén moita foi a xente que acudiu a aula, na procura de información e asesoramento acerca de diversos temas relacionados coa Internet, cos equipos e co software libre. Incluso é moi salientable un grupo estable de xente que participou moi activamente no día a día na aula, acudindo a obradoiros, participando en iniciativas e propoñendo actividades e contidos.
Interese hai, e eu considero que moito, incluso tiven ocasión de decatarme de que moito de ese interese non estaba a ser cuberto pola localización xeográfica da aula. Hai que lembrar que o concello de Castrelo de Miño é moi amplo, así que coido que a nova etapa do Centro virá cun movemento cara ás parroquias, onde moita xente demandou formación e charlas.

-É certo que as mulleres amosan máis interese en poñerse ao tanto de todo o que lles ofrece Internet?
-Pois nesta pregunta eu teño algo que engadir. Si, é certo que segundo as estatísticas de usuarios e usuarias das aulas da Rede de Dinamización son as mulleres as que maioritariamente acoden e participan nas aulas, mais na de Castrelo de Miño esta regra non se cumpre, xa que é maior o numero de usuarios có de usuarias. E en canto aos asistentes a obradoiros, claramente animáronse máis os homes cás mulleres. É dicir, aínda que as estatísticas sinalen que as mulleres teñen mais interese, supoño que ben, hai que ter en conta moitas cousas, é depende do concello, e do sector de idade.

-En que cres que puído mellorar a vida do concello no que traballas logo da posta en marcha da aula?
-Como dicía na primeira pregunta, a acollida no concello foi moi boa, a xente coñece, emprega e demanda que aula funcione, para os veciños a aula supuxo un espazo para atopárense, un espazo de lecer tanto para a mocidade como para os maiores, e tamén un espazo de información. Para os maiores, significou todo isto, e amais tiveron a oportunidade de atopar na aula un escenario principalmente dedicado a eles e que rachou coa súa rutina diaria. Houbo unha chea de persoas que amosaron estes meses moita ilusión pola aula.

Despedida

A dinamizadora da S.I de Ordes despídese de todas aquelas persoas que leeran ou pasaran por este blog. A partires de agora a labor da Rede en Ordes está suspendida e a dinamizadora foi destinada a outro Concello.

De todas formas este blog seguirá en marcha para que a xente de Ordes poda consultalo e para que a xente do novo concello, Betanzos, tamén.

Benvidos aos betanceiros a este blog e un saudo ben grande para os ordenses.

Este mércores preséntanse os actos do Día de Internet


O auditorio da SETSI de Madrid acolle este mércores a presentación das actividades preparadas para un festexo que nos toca de preto: a do Dia de Internet 2009. O acto contará coa presenza do secretario de Estado de Telecomunicaicóns, Francisco Ros. O fío argumental desta quinta edición do festexo será o translado á sociedade da importancia que teñen as novas tecnoloxías para superar os atrancos económicos e sociais que estamos a vivir.

A Deputación da Coruña renovará os equipos de 52 aulas de informática municipais

52 concellos de A Coruña renovarán os equipos das súas aulas informáticas grazas a un acordo coa Deputación Provincial que destina 293.000 euros cos que se pretende financiar a compra de 462 ordenadores, 73 pantallas e 10 impresoras láser, para repor o material destes espazos impulsados pola administración provincial.

Todo sobre o DNI electrónico en tres minutos

O blog oficial de Red.es publicou un vídeo en YouTube onde explica, en tres minutos, as vantaxes do DNI electrónico, como se usa, canto custa e cales son as súas vantaxes con respecto ao documento tradicional.

Segundo se informa na bitácora, xa son máis de oito millóns de persoas as que posúen un documento electrónico de identidade no Estado Español. O 1 de decembro de 2008 deixouse de emitir o cartón tradicional e xa só se expiden os DNI dotados con chip.

Ademais do vídeo, Un blog en Red.es fornece unha ligazón cara á web oficial do DNI-e, á da solicitude de cita previa para a renovación do documento e unha guía básica en PDF.

O vídeo pódese ver nesta ligazón.

Convócase o sétimo premio Galicia Innovación Júnior


Este luns, o Diario Oficial de Galicia publica as bases do sétimo Premio Galicia Innovación Júnior, convocado pola Consellaría de Innovación e Industria. O certame premiará os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que acheguen solucións innovadoras a situacións cotiás e se interesen polo coñecemento científico e tecnolóxico.

O prazo para a presentación de propostas remata o 14 de marzo. Haberá dúas categorías: de 12 a 15 e de 16 a 18 anos, e poderán participar tanto candidaturas individuais como grupos de até tres persoas. Deberanse presentar memorias coa descrición da proposta, os seus destinatarios, a súa utilidade social e o xeito de levala a cabo. O xurado valorará a orixinalidade, a aplicación, a innovación e o grao de desenvolvemento do produto.

As persoas autoras dos traballos gañadores recibirán un ordenador portátil e un lote de material divulgativo, mentres que o segundo premio será un ordenador portátil. Tamén se entregarán mini-portátiles para as propostas que merezan un accésit. Se se acredita a participación do profesorado no traballo, o docente levará como premio un Tablet PC.

Na pasada elección presentáronse 168 candidaturas. Como novidade, este ano só se poderá efectuar a inscrición a través da aplicación telemática situada en www.xunta.es/presentacion-electronica, clicando no procedemento IN822C.

Máis información sobre a convocatoria na web de galiciainnovacion.com e no propio DOG. As persoas interesadas poden inscribirse no servizo de novas para recibir información no teléfono móbil sobre o concurso. Ademais, entre todas as inscritas sortearase un reprodutor de MP3 Apple iPod nano de 8 Gb.

Innovación e Industria presenta un sistema de visado telemático para colexios oficiais

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou en Ourense un sistema de visado electrónico desenvolvido pola Consellaría de Innovación e Industria para o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense. O sistema poderase configurar para os visados de calquera colexio oficial e permite efectuar o trámite a través da internet. A aplicación hospédase no servidor Alicerce do Cesga.

As persoas colexiadas teñen a posibilidade de solicitarlle ao colexio o visado dos seus traballos a través da zona privada da web da institución. Mediante un formulario xerarán unha solicitude de visado dun proxecto e introducirán, en formato PDF, todos os documentos que o compoñen. Os documentos terán que ir asinados electronicamente para que teñan validez legal.

Segundo explicou Helena Veiguela, a aplicación fará posíbel que os colexiados saiban en cada momento en que estado se atopa a súa solicitude. O colexio realizará o proceso de verificación dos documentos e procederá ao seu rexistro e revisión. No caso de que se lle dea conformidade, o sistema introducirá no documento os selos correspondentes cos datos do visado e asinarao electronicamente.

Esta ferramenta estará ao servizo de calquera colexio profesional que o solicite. A directora xeral explicou que responde a tres liñas de acción: obxectivos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), aposta pola creación de plataformas e desenvolvementos en Software Libre e colaboración cos diferentes organismos e colectivos.

Centro de coñecemento en novas tecnoloxías

Ademais, Helena Veiguela participou no acto de presentación do proxecto de centro de coñecemento en novas tecnoloxías desenvolvido polo seu departamento en colaboración co Concello de Ourense. O centro, situado na praza da Ferrería, estará dirixido á cidadanía en xeral, ás empresas que poderán usar os seus laboratorios de fabricación en 3D e a institucións colaboradoras.

O centro, explicou a directora xeral, permitiralle ao concello ourensán anticiparse ás realidades tecnolóxicas que estarán presentes nos vindeiros anos no medio laboral. Conterá sistemas de visualización avanzado e interactivo que permitirán mergullar os visitantes en experiencias innovadoras mediante contidos audiovisuais en 3D, infografía, multimedia e realidade virtual. Veiguela fixo tamén unha mención especial ao Hardware Libre como o seguinte paso ao Software Libre.

A Rede de Dinamización dá a coñecer as súas novas instalacións en Cambados

O sábado 7 de febreiro a Rede de Dinamización da Sociedade da Información deu a coñecer de xeito oficial un novo centro integrante: a aula de acceso e formación de Cambados, situada no Paseo da Calzada da vila arousá. O acto de apertura destas instalacións, que prolongarán e ampliarán as actividades xa postas en marcha previamente pola Rede e o Centro Comarcal do Salnés neste último espazo, contou coa presenza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; o xerente da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, Emilio Manuel Martínez e mailo delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla. Segundo fai saber a Dirección Xeral, a nova infraestrutura conta con 12 computadores, seis cámaras web, nove lectores de eDNI, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner e un canón. Todos os ordenadores teñen acceso sen fíos á Internet, máis polo miúdo mediante unha liña de datos de máxima capacidade. As veciñas e veciños que queiran facer uso da aula ou participar nas distintas actividades poden chamar xa ao número de teléfono 986 526 013.

Como dixemos, o centro de Cambados non xorde de nada: amais do propio respaldo da Rede de Dinamización e do seu equipo humano (en activo dende hai dous anos), a aula conta coa experiencia conxunta levada a cabo pola Rede e o Centro Comarcal do Salnés na sede desta entidade, que deu acollida a 74 obradoiros ao longo dun total de 634 horas e nos que participaron finalmente case dous milleiros de usuarias e usuarios.

CENATIC aposta polas redes sociais para dar a coñecer o software libre

Un dos principais obxectivos de CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicacións das TIC baseadas en software de fontes abertas é, segundo os seus responsables, “dar a coñecer” este tipo de ferramentas libres a toda a sociedade; e que mellor maneira de facerse ver en Internet que a través das redes sociais?.
As comunidades virtuais tipo Hi5, Facebook ou Twenti son, a día de hoxe, as máis frecuentadas polos internautas e onde estes pasan máis tempo fozando e interactuando cos seus achegados en liña.

Agora, a firma vén de facer unha aposta forte polas redes de carácter libre xa que, segundo afirman, son comunidades que lles permitirán “chegar a aqueles sectores da sociedade que aínda non son coñecedoras das oportunidades que xera o software libre”.

CENATIC, que xa contaba co seu propio espazo en Facebook, tamén terá presenza, dende esta semana, en identi.ca, a rede social baseada en software libre que lle permite aos usuarios comunicarse cos demais en tempo real con mensaxes curtas de non máis de 140 caracteres, que poden ser vistas polo resto de usuarios.

Segundo anunciaron os responsables desta acción, que poderiamos denominar de marketing promocional, CENATIC tamén estará presente “nos agregadores de contidos máis empregados para fotografía e vídeo, como son Flickr e YouTube”; onde contará coas súas propias canles para subir contidos e poñelos a disposición dos seus usuarios.

Este tipo de canles de comunicación tamén lle servirán a este Centro para darse a coñecer e facerse oco de tódalas actividades que leva a cabo no ámbito do software libre.

A bidireccionalidade destas ferramentas de comunicación permítenlle á entidade o intercambio de información e contidos tales como experiencias, información sobre as súas actividades… e, sobre todo, axúdalle a “construír de xeito conxunto coñecemento e contidos que xeren valor engadido ao sector”.

A distribución en papel do New York Times custaría o dobre que a través do Amazon Kindle

Os últimos resultados financeiros publicados polo The New York Times dan a coñecer que o xornal gasta 644 millóns de dólares ao ano el gastos de envío aos seus 830.000 subscritores, o que correspondería a uns 775 dólares por subscritor, de aí que dende Alleyinsider.com se apresuren a destacar que o lector de libros electrónicos de Amazon, Kindle, custa 359 dólares, polo que custaría a metade repartir este dispositivo entre o lectores habituais do xornal (aos que achegaríase o mesmo nunha edición dixital mediante a rede de telefonía móbil e sen custo para o usuario).

Esta descuberta non vai forzar ao xornal norteamericano a apostar polo Kindle, pero si chama á reflexión sobre unha das causas que está a provocar a crise no modelo de negocio da prensa, pois as edicións dixitais (sexa baseadas en tinta electrónica ou na web) teñen unha relación de custos moi diferente á dos soportes tradicionais, o que resulta innegable

Mércores tecnolóxicos en Vigo

A Obra Social de Caixanova vai iniciar no mes de febreiro os "Mércores tecnolóxicos", sesións gratuítas de iniciación nos recursos que ofrece internet e nas diferentes ferramentas informáticas. Os obradoiros deenvolveranse nas Aulas de Novas Tecnoloxías do Centro Social Caixanova de Vigo.
A iniciativa súmase a outras que xa efectúa a entidade no mesmo eido, como cursos de iniciación, de retoque de fotografía dixital, creación de páxinas web ou vídeo. Desta volta, trataranse temas como a creación dun blog ou dunha páxina web, a compra de billetes de avión a través da internet, crear unha conta de correo electrónico, organizar arquivos ou crear DVD.

Os obradoiros desenvolveranse en febreiro, marzo e abril en horario de 18:30 a 19:30 horas. A inscrición é de balde e pódese efectuar dende a web da Obra Social Caixanova. A oferta é a seguinte:

Febreiro

11: Como organizar os teus arquivos e cartafoles nun ordenador
18: Gravación de CD e DVD
25: Como descargar e organizar as túas imaxes dixitais
Marzo

4: Creación e organización dunha conta de correo electrónico
11: Crea un blog gratuíto con Blogger
18: Comprar un billete de avión por internet
Abril

1: Comparte os teus vídeos en YouTube
15: Fala de balde con outras persoas utilizando internet
22: Retoca as túas fotos con Picasa
29: Crea unha páxina web Google Sites

Inaugúrase un novo centro da Rede de Dinamización en Lugo

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información conta cun novo centro en Lugo dende este luns. As instalacións, situadas na praza da Milagrosa, 7, foron inauguradas polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o delegado da Consellaría en Lugo, Ramón Cortés, e o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante.

O centro supuxo un investimento de 227.144 euros e está equipado con 18 ordenadores con lectores de e-DNI e cámaras web, dúas impresoras, un proxecto, unha pantalla de proxección, unha cámara de fotos dixital e un escáner. O equipamento está configurado con software libre e a conexión á internet faise mediante wifi.

O centro acollerá obradoiros de temática diversa para achegar a poboación ás Novas Tecnoloxías. Até o momento da inauguración do centro, a Rede de Dinamización estaba presente en Lugo a través da súa asociación con Asorlu, coa que ten levado adiante diversas iniciativas, como o galardoado E-Signovisual, dicionario virtual de termos tecnolóxicos en Lingua de Signos que legou o premio á mellor iniciativa tecnolóxica no VII Congreso Nacional de Telecentros.

Entrega de premios

Despois da inauguración entregáronse dous dos premios do II Concurso de Iniciativas. Na categoría de Poboación xeral resultou gañador Tradición dos ferreiros de Riotorto, levada a cabo pola Rede en colaboración co concello de Riotorto, e da que se encargaron Vanesa Pérez Álvarez, Alejandro Rancaño Herrán e Mª del Camino Rando García. Consistiu na realización dun documental sobre a tradición histórica dos ferreiros en Riotorto, despois de participar en varios obradoiros, e a súa publicación nun blog.

Pola súa banda, na categoría de Persoas con discapacidade, o premio foi parar a Conciencia-T: Coñecendo e rachando as barreiras, levada a cabo pola Rede en colaboración con Asorlu (Asociación de Persoas Xordas de Lugo) e coordinada por María Francisca García Correa e Emilio González Carballo, dinamizadores da Rede. Consistiu na creación dun espazo web sobre as barreiras de comunicación que existen na sociedade, amosadas mediante unha montaxe visual.

A Rede de Telecentros de Comunicación estrea nova web


A Secretaría Xeral de Comunicación vén de pór en marcha un novo portal web para dar mellor acollida virtual á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), co que se quere potenciar o traballo en liña e achegar á RTC novas canles de comunicación que lle dean pulo á colaboración a modo de “comunidade social virtual”.

Os usuarios desta web terán dende agora a opción de acceder á Comunidade RTC, o que permite que cada Telecentro de Comunicación poida promover as súas actividades particulares e poñelas en coñecemento dos demais centros e usuarios.

Polas súas características, esta comunidade permite, asemade, a interacción entre os seus membros dun xeito doado, co obxectivo de aproveitar as sinerxías entre os concellos participantes da Rede de Telecentros de Comunicación e permitir que xurdan proxectos comúns “extensibles a calquera destes puntos de conexións”.

Por outra banda, a comunidade conta cun blog que será alimentado por todos e cada un dos telecentros integrantes na rede. Esta ferramenta abrirá unha nova canle de comunicación cos usuarios aos que van dirixidas as propostas de actividade e de formación da rede e será unha iniciativa moi útil entre os concellos integrantes da RTC. Os eventos e a actividade neste blog poderá ser seguida a través de subscrición RSS aportando presenza galega en Internet.

Asemade, a zona de busca da páxina permite localizar os ditos puntos de conexión pola provincia ou polo nome do concello no que se atopan, facilitando o acceso á información de cada un deles.

Na actualidade, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña, Abegondo, Arzúa, Boiro, Betanzos, Carballo, Ribeira, Santa Comba, Muros, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Quiroga, Melide, Monforte de Lemos, Monterroso, Sarria, Viveiro, Santa Comba, Chantada, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, A Cañiza, Ponteareas, Pontevedra, Marín, Redondela, Tui e Vigo.