A miña Mascota


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co OMIX do concello de Betanzos, presenta o Concurso De Fotografía e Relato “A miña mascota”

Obxectivos
1. Promover o emprego das Novas Tecnoloxías.
2.Fomentar o uso das cámaras dixitais.
3. Fomentar a creatividade.
4. Fomentar o uso do correo electrónico, como unha vía máis de comunicación rápida e efectiva.
5. Fomentar o uso do galego.

Descrición

“El amor por todas las criaturas vivientes
es el más noble atributo del hombre”
Charles Darwin

Se tes unha mascota tes un tesouro. Iso o saben todos aqueles que comparten a súa vida e o seu tempo xa sexa co seu can, gato, periquito, hamster, furón... as nosas mascotas son fieis amigos, proporcionan cariño e conforto, axudan a que nos relacionemos, a que sexamos máis activos e por iso queremos contar a súa historia, facelos protagonistas por un día.

Para este concurso cómpre escribir un relato real ou ficticio que teña como protagonista a nosa mascota e acompañar dito relato cunha fotografía da mesma.

Normas
1.A extensión máxima do relato é de dous folios escritos en fonte Times New Roman 12 e a dobre espazo.
2.O relato debe estar escrito en galego e a fotografía debe ser como máximo de 1 Mb.
3.As fotografías deben ser orixinais, exclusivas do autor.
4.Admitiranse fotos en cor e en branco e negro.
5.A fotografía e o relato deben ser enviados co nome da mascota e o do dono, co seguinte formato: Sparky-Juan ao seguinte enderezo: rebeca.ordes@dinamiza.sociedadedainformacion.eu antes do día 11 de maio xunto cos datos persoais do autor/a (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto, enderezo de correo electrónico)
6.Calquera relato e fotografía que non reúna estas condicións non se admitirán.
7.Tanto o relato como a fotografía serán publicados no blog: www.betanzosdinamiza.blogspot.com
8.Tódalas obras presentadas quedan en poder dos organizadores, podendo publicalas no xeito que consideren convinte, figurando sempre o nome do autor/a.
9.A participación neste concurso significa a aceptación total das bases.
10.O xurado poderá considerar desertos os premios.

Participantes
Poderán participar todas as persoas que así o desexen sen límite de idade.

Datas
O período de participación para o concurso “A miña mascota” empeza o día 13 de abril e remata o día 11 de maio. Non se admitirán obras fóra dese prazo.

O fallo do xurado darase a coñecer a partires do día 14 de maio no seguinte enderezo: www.betanzosdinamiza.blogspot.com

Premios
Haberá dous premios, un outorgado á mellor fotografía e outro outorgado ao mellor relato. O fallo de ámbolos dous premios será inapelábel.

Os premios consistirán na entrega dun lote de productos da Rede de Dinamización (memoria USB, camiseta, porta CD´s).

Vitaevision, novo servizo para potenciar a busca de emprego

A madrileña Raquel Hernando e o canario Juan Luis Martín, crearon unha nova plataforma en Internet para desenvolver contactos profesionais interactivos, de xeito que facilitaría a localización de candidatos ideais para un emprego valéndose das posibilidades que achega a web.

Vitaevision trata de ofrecer «a máis dinámica e interactiva tarxeta de visita» profesional con imaxes, artigos e mesmo «un vídeo-currículo en tempo real» do candidato (que tamén pode incluír no sistema o seu currículo tradicional).

Esta plataforma integra opcións como a publicación dun blog, galerías fotográficas ou videopresentacións, de xeito que cada profesional pode elixir entre as distintas opcións dispoñibles para darse a coñecer ante potenciais ofertantes de emprego. Tamén permite establecer videoconferencias entre usuarios, xuntanzas con colaboradores ou entrevistas de traballo.

Para rematar o produto, Vitaevision incorpora unha bolsa de emprego.

120 telecentros galegos axudan a achegar aos cidadáns á Administración electrónica


Galicia conta xa cun total de 120 telecentros dende os que os cidadáns, sobre todo a poboación rural, poden ter acceso ás distintas ferramentas que facilita a Administración electrónica. Un total de 45 persoas axudarán aos usuarios a utilizar ese tipo de medios que teñen por obxectivo axilizar o traballo da Administración. A web do 060, un portal que está a funcionar dende o 2006, ofrécelles máis de 1.200 servizos.

A iniciativa, financiada polos ministerios de Industria e Administracións Públicas, foi presentada esta semana en A Coruña polo delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras; a subdirectora xeral adxunta de Innovación do Ministerio de Administracións Públicas, Eloísa Paredes, e o voceiro de red.es, Rafael Chávarri. Entre os trámites que poden realizarse a través desta web, segundo explicou o delegado do Goberno, está a renovación do carné de conducir, acceder a información sobre pensións, desemprego ou seguridade social, denuncias de violencia machista ou asuntos laborais. En total son uns 700 trámites da Administración Xeral do Estado e outros específicos da comunidade autónoma como acceder ao portal de Turismo, pedir cita médica ou información sobre accesos virtuais.

No novo Xuventude Galiza Net participarán 1.800 persoas

O 3, 4 e 5 de abril, 1.800 mozos e mozas de 16 a 35 anos participarán no encontro Xuventude Galiza Net, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e que chega este ano á súa décima edición.

Por primeira vez, o punto de encontro será o multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, onde os participantes terán a súa base de actividade durante os tres días que dura o encontro.

Xuventude Galiza Net é un evento que se presenta como unha referencia no mundo das novas tecnoloxías e convértese así nun punto de encontro neste eido tanto para todos os mozos e mozas que participan activamente nel como para os milleiros de persoas que poden achegarse ata o recinto para participar nas actividades exteriores programadas no marco do encontro.

Intranet e extranet

Hai dous xeitos de participar no Xuventude Galiza Net: por unha banda está o eido dirixido exclusivamente aos mozos e mozas de 16 a 35 anos que están inscritos para acceder á intranet do evento, situada na pista central do multiusos. Alí estarán situadas 1.800 persoas cos seus ordenadores, conectados por máis de 40.000 metros de cable, a unha velocidade de 1 xigabit. Estes mozos e mozas poden participar ademais en diversas actividades lúdicas, creativas, conferencias e talleres arredor da actualidade informática.

Outro xeito de participar neste evento informático é entrando ao espazo aberto, libre e totalmente gratuíto habilitado no vestíbulo do multiusos. Nesta extranet situaranse os stands da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, organizadora do evento, e das distintas empresas patrocinadoras; espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas; zonas de obradoiros; e outras actividades lúdicas para xente de todas as idades. Todas as persoas que se acheguen ata a extranet do Xuventude Galiza Net poderán participar en diversos concursos, asistir ás conferencias programadas e tamén á proxección da película Pérez 2, o ratiño dos teus soños, unha produción cinematográfica que será proxectada de forma gratuíta por Filmax Animation.

Novidades

Nesta edición do Xuventude Galiza Net as novidades xiran arredor da robótica. Se o pasado ano se fixo unha breve incursión no mundo da robótica nesta ocasión levarase a cabo, coa colaboración da organización IEEE, a primeira edición do Campionato Internacional de Robótica XGN-IEEE. Neste campionato competirán máis de 100 robots chegados principalmente de Galicia, Madrid, Valencia, Reino Unido, Italia, Francia e Portugal. Estes robots realizarán diversas probas polas que serán puntuados para proclamar aos gañadores.

Así, os robots tomarán parte en probas de loitas de sumo; circuíto de velocidade; circuíto de habilidade; labirinto coñecido; e labirinto descoñecido. Ademais, participarán nunha carreira de Fórmula 1, emulando á carreira que terá lugar no circuíto de Malasia o domingo 5 de abril ás 8 horas.

Outra das novidades máis salientables é a visita do Embaixador de LEGO en España, que visitará o Xuventude Galiza Net para presentar as últimas novidades internacionais da marca, aínda nos dispoñibles no mercado español. Deste xeito, todas as persoas que se acheguen ata o Multiusos Fontes do Sar poderán ver as exposicións de creacións realizadas por artistas de LEGO e participar en obradoiros de robots centrados na plataforma MIndstorm de LEGO e en obradoiros de deseño, empregando o deseñador dixital de LEGO e as pezas orixinais de LEGO.

Ademais, a organización do Xuventude Galiza Net seguirá a liña iniciada en edicións anteriores de potenciación do software libre a través de conferencias e obradoiros de Linux, coa colaboración de asociacións xuvenís, e da potenciación do uso do galego co obxecto de realizar a normalización do idioma entre a xuventude, vencellando o galego á mocidade e ao eido vangardista das novas tecnoloxías. Ademais, a lingua, a cultura e o patrimonio galego terán tamén un espazo destacado dentro dos contidos deste importante evento informático.

Eris@ dedicará a súa conferencia anual á innovación e a creatividade


A conferencia anual da Asociación Europea da Sociedade de Información Rexional (eris@) vai desenvolver a súa próxima xuntanza anual a partir do 6 de maio en Cáceres. No encontro falarase de temas clave da innnovación e a creatividade dende o punto de vista dos métodos, as tecnoloxías e os proxectos.
Erisa

Do 6 ao 8 de maio, Cáceres será a sede da 15ª edición da conferencia anual de iniciativas rexionais da Sociedade da Información e a décima de eris@. A axenda das xornadas terá como obxectivo asegurar que as novas tecnoloxías aseguren a inclusión da cidadanía na Sociedade do Coñecemento. Ademais, forma parte dos actos do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación.

O evento ofrecerá oportunidades para a mellora das relacións interrexionais. O día de apertura contará cunha cea-conferencia, mentres que na segunda xornada haberá presentacións mesas redondas relacionadas non só coas TIC senón tamén coa innovación, laboratorios e clusters, ademais de novos dispositivos tecnolóxicos, como RFID, Web 2.0 e banda larga.

A xornada de clausura, a sesión principal estará dedicada aos servizos TIC para a poboación, cunha especial énfase na inclusión das mulleres, da mocidade e das persoas maiores.

Red Hat impartirá cursos no Centro de Novas Tecnoloxías

A empresa Red Hat, multinacional especializada en solucións de código aberto, asinou este luns un convenio coa Consellaría de Traballo para impartir cursos especializados sobre o ámbito das TIC no Centro de Novas Tecnoloxías, en Compostela. O acordo asinárono o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, e o director xeral para a Península Ibérica de Red Hat, Santiago Madruga.

Madruga salientou que se trataba do primeiro convenio deste tipo que asina cunha administración pública en Europa, e que pretende contribuír a que a tecnoloxía sexa más coñecida, "máis económica e de máis calidade". Fuenteseca comentou que o convenio supón un "elemento de calidade", e que beneficiará tanto a persoas empregadas como desempregadsa, con formación impartida por profesionais de Red Hat aproveitando as instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías a través de "formación específica de alto nivel".

O representante de Red Hat garantiu un control de calidade "exhaustivo" no proceso de formación, que será fundamentalmente práctico, e entregarase unha certificación ao final do mesmo. Os cursos organizaranse en función da "demanda real" de formación, segundo explicou o director do Centro, Alfonso Blasco.

Dende o pasado mes de setembro impartíronse 50 cursos aos que asistiron mil persoas. A cada un deles asistiron entre 15 e 25 alumnos e alumnas. Os cursos que impartirá Red Hat estarán baseados en estudos previos de demanda e centraranse en tecnoloxía en crecemento e punteira.

En abril novos obradoiros en Betanzos


Cinco novos obradoiros levaranse a cabo no Centro de Dinamización desta vila

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten programados diversos obradoiros para o mes de abril, dirixidos tanto a maiores coma aos máis pequenos. Os obradoiros realizaranse no Telecentro da vila. Estes obradoiros súmanse a oferta formativa da Rede de Dinamización no Concello de Betanzos. O prazo de inscrición xa está aberto.

Os obradoiros que se van realizar, así como as datas, horarios e público ao que se dirixen son os seguintes:



* Mecanografía


Datas: 1, 2, 3, 6, 7, 8

Horario: 10:30 -12:30

Prazas: 20

Duración: 12 horas


* Obradoiro de alfabetización dixital para a terceira idade


Datas: 13, 14, 15, 16, 17, 20, 21, 22, 23, 24

Horario: 10:30 - 12:30

Prazas: 12

Duración: 20 horas




* Debuxa con Disney (5 - 7 anos)


Datas: 15, 16

Horario: 18:00 - 19:00

Prazas: 15 nenos/as acompañados dun adulto

Duración: 2 horas



* Exprésate: crea e xestiona o teu propio blog (14-18 anos)


Datas: 20, 22, 23

Horario: 18:00-20:15

Prazas: 12

Duración: 6:45 horas


* Aprende a comunicarte a través do correo electrónico


Datas: 27, 28, 29, 30

Horario: 10:30 - 12:30

Prazas: 12

Duración: 8 horas





* Aprende a comunicarte a través do correo electrónico


Datas: 27, 28, 29, 30

Horario: 10:30 - 12:30

Prazas: 12

Duración: 8 horas

Tamén queremos recordar que a aula do telecentro xa está dispoñíbel para o seu uso e que todas as persoas que así o desexen poden disfrutar deste equipamento situado na Rúa Emilio Romay s/n, a carón do OMIX do concello de Betanzos.

YouTube celebra o Día de San Patricio vestindo de verde o seu logotipo


Que visitase nas últimas horas o portal de vídeos de Google vería que o logotipo de YouTube mudaría a súa cor vermella polo verde, o que non responde a un cambio de imaxe da compañía, senón que é o seu xeito especial de rememorar o Día de San Patricio, festa nacional da República de Irlanda, e que celebran os irlandeses espallados por todo o mundo (especialmente nos EE.UU.).

O Vicedo inaugura Centro de Dinamización


O Vicedo contará a partir deste martes cun Centro de Dinamización da Sociedade da Información. As instalacións, que se suman á Rede de Dinamización, estarán situadas na rúa Cidade de Mondoñedo, 23. O acto inaugural terá lugar ás 19 horas.

O Centro que comeza a funcionar no Vicedo está totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización lle poida achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. O novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á Informática ou a outras ferramentas.

A Consellaría de Innovación e Industria dotou este centro cun equipamento de oito ordenadores, catro cámaras web, sete lectores de DNI electrónico, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner, un canón proxector e unha cámara de fotos dixital.

A Rede xa estaba presente no Vicedo dende febreiro de 2007. Desde esa data, foron xa 175 as persoas usuarias das instalacións da Rede. Un 56% destas son mulleres. Se atendemos ás idades, un 22% teñen entre 25 e 34 anos, un 17% están entre 35 e 44 e un 16% entre 16 e 24.

Dende xaneiro do 2008 fixéronse 1.340 usos das instalacións da Rede en horario de aula aberta -no que se pode acceder libremente ao uso dos computadores-. Tamén hai que destacar que se levan realizados 55 obradoiros, nos que se formou a 216 persoas ao longo de 503 horas. A composición destes participantes foi dun 58% de mulleres. Mirando as idades, un 22 tiñan entre 55 e 64, un 21% eran maiores de 65 e un 15% situábanse entre os 35 e 44 anos.

O OGSI confirma un importante aumento no uso das TIC dos fogares galegos

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) publica este luns, por terceiro ano consecutivo, a Enquisa á poboación sobre a Sociedade da Información en Galiza. O estudo analiza polo miúdo o equipamento e o uso das TIC e a súa evolución nos fogares galegos. Un dos datos máis salientábeis é que no ano 2008 o 62,3% da poboación dispoñía de computador no fogar, o que supón converxer coa media estatal, do 63,6.

Este dato medrou seis puntos con respecto ao ano 2007. Tamén foi significativa a evolución da contratación de internet e de banda larga nos fogares do país. O 41% da poboación galega ten contratada algunha conexión á rede, fronte ao 30,2% de 2007. Isto supuxo un crecemento relativo do 35,8%, fronte ao 14,3% que se rexistrou no Estado.

As conexións de banda larga tamén medraron espectacularmente, do 23,1% de 2007 ao 35,4% de 2008. O ADSL é a tecnoloxía de acceso á rede maioritaria, co 53% dos fogares galegos. A velocidade máis frecuente é de entre 2 e 4 megas, mentres que a metade das conexións superan eses dous megas de capacidade de transmisión de datos.

No que se refire ao equipamento tecnolóxico en sentido amplo, destaca o relacionado coas actividades de lecer. Así, tres de cada catro persoas enquisadas dispón de DVD e máis da metade ten cámara de fotos dixital. Os reprodutores de mp3 e mp4 están presentes no 40% dos fogares.

Tamén medraron de xeito importante os indicadores de uso das TIC: o 55,3% da poboación utilizou un ordenador nos últimos tres meses, o que supuxo un incremento de 7,6 puntos con respecto a 2007. Iso tamén supuxo unha converxencia coa media do Estado: en Galiza medrou un 34,9% fronte ao 26,3% estatal. Pola súa banda, máis da metade da cidadanía usou internet nos últimos tres meses, oito puntos máis ca no ano anterior, o que tamén reduce a distancia coa media estatal.

O uso da internet aumentou tamén en frecuencia. Das persoas que accederon á rede no último trimestre, máis da metade fixérono diariamente e o 85,7% cunha frecuencia diaria ou semanal. As conexións foron de máis de cinco horas á semana para o 32,7% das persoas usuarias, fronte ao 26,3% do ano 2007. A rede úsase máis nos fogares (68,7%) ca no centro de traballo (42,5%).

Porén, séguese a detectar fenda dixital entre diferentes niveis socioeconómicos e xeográficos da poboación. O máis amplo dáse segundo o nivel académico: o 15,4% das persoas con estudos primarios fixo uso da rede nos últimos tres meses, fronte ao 97,2% das con estudos superiores.

Todos os informes e documentos do OGSI distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio.

Datos do estudo

O Observatorio, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é unha das actuacións contempladas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e ten como obxectivo avaliar a difusión e uso das tecnoloxías da información e as comunicacións en Galiza e medir a eficacia e o impacto das políticas públicas nesta materia.

O traballo de campo para a elaboración deste estudo conta coa realización de 1.200 enquisas presenciais; unha cifra que permite unha análise detallada dos factores xeográficos e socioeconómicos que inflúen na inmersión de Galiza na Sociedade da Información. Ademais, o estudo conta co maior número de indicadores sobre a implantación das novas tecnoloxías na sociedade galega.

A EGAP convoca un curso telepresencial a través da internet

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en colaboración coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, pon en marcha unha experiencia pioneira de formación telepresencial en tecnoloxías da información, ofimática e idiomas. A iniciativa, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), forma parte da colaboración entre os dous departamentos para a innovación formativa vencellada ás TIC.
EGAP

Os cursos destínanse a empregados públicos da Administración local de Galiza que se encontren en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos en cada unha das convocatorias. A plataforma usa ferramentas multimedia para ofrecerlle ao alumnado todas as vantaxes da formación presencial pero aproveitando as características da educación a distancia. O ensino pódese efectuar en directo ou en diferido para os cursos de inglés, ofimática e tecnoloxía.

As actividades en directo son cursos de formación telepresencial que precisarán de webcam, micrófono e chat, entre outras ferramentas. Os cursos en diferido emitiranse nuns días e horas concretas. O alumnado poderá visualizar as gravacións das sesións emitidas anteriormente, coas explicacións do profesorado e dos compañeiros, aínda que non poderá interactuar con eles.

Segundo se indica no DOG, os requisitos técnicos para acceder á plataforma son dispoñer de acceso á internet de banda larga, dispositivos de entrada e saída de audio, un computador cun mínimo de 512 Mb de memoria RAM e sistema operativo Windows. Ademais, existen dúas modalidades de seguimento deste curso: con certificado de aproveitamento ou sen el. A EGAP só expedirá certificado a aquelas persoas que soliciten esta modalidade, asistan ao curso un mínimo do 85% das horas establecidas e superen o sistema de avaliación presencial que se determine.

O importe da matrícula é de 50 euros para aqueles alumnos que opten á modalidade de curso con expedición de certificado de aproveitamento. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 30 de marzo. Máis información na páxina web da Escola: http://egap.xunta.es/

Facebook permite incrementar a visibilidade dos perfís de usuario


Dende Facebook amplían as opcións de configuración da privacidade dos seus perfís, de xeito que os usuarios que desexen unha maior difusión da súa persoa poden optar a abrirse a calquera persoa (non só aos seus amigos e xente relacionada) mentres o resto poden protexer a súa actividade na rede social das miradas alleas.

As configuracións actuais do servizo non se modificarán, polo que os usuarios máis preocupados por manter a súa intimidade poden seguir facéndoo, mentres que a actividade de figuras públicas (coma os políticos, que ultimamente fixeron bastante campaña nesta plataforma) podería seguirse sen ter que facerse amigos deles.

A apertura de moitos perfís tamén pode ter como utilidade que facilita a súa localización por parte de vellos amigos e compañeiros, que poden comprobar rapidamente se detrás dun nome e apelido está a persoa que esperan.

De todos os xeitos, o control da visibilidade das contas continúa a ser elección dos usuarios, libres de elixir entre un uso máis ou menos público de Facebook.

Suso de Toro volve bloguear


O escritor Suso de Toro foi todo un pioneiro na blogosfera hai case unha década, pero o seu espazo Botelha ao mar perdeuse no esquecemento (a súa web baixo o dominio susodetoro.com non está dispoñible actualmente, aínda que conserva copia en Archive.org) e agora retoma a súa andaina cun novo espazo na Blogaliza do que deu conta no seu blog David de Ugarte.

Suso de Toro levou o seu anterior blog durante uns 3 anos, pero tivo que deixalo por non poder dedicarlle o tempo necesario, e agora volve cun maior ritmo de publicación (antes só publicaba un ou dous textos ao mes) aínda que cos comentarios pechados, pois o autor prefire manter unha certa distancia cos seus lectores, pero será unha boa achega ao actual panorama do Blogomillo.

O colectivo Nosotras Intramuros visita a Ciberaula de Caixa Galicia


No verán de 2007, un grupo de mulleres presas no centro penitenciario de Teixeiro estrearon un blog no que trasladaban á Rede as súas inquedanzas e vivenzas diarias, compensando dese xeito, a falta de liberdade á que estaban sometidas detrás das portas dos seus módulos.

Estas Chicass 10 (que é como se chama a súa bitácora), pertencen á asociación Nosotras Intramuros, e levan dende entón exercendo o seu dereito á información e á liberdade de expresión dende dentro do cárcere, servíndose das novas tecnoloxías para “abrirse portas, cruzar muros e facer posible a reinserción na sociedade do coñecemento global”.

Este colectivo, que entre outras actividades, organiza obradoiros e cursos para as internas, puido acudir onte a Ciberalia, a aula de informática de Caixa Galicia, dende onde colgaron unha nova entrada no seu blog que normalmente realizan dende o cárcere.

Nela, o tema principal é “Somos libres, somos bloguer@s” e dende alí agradecen publicamente esta segunda oportunidade que lles brindou a vida e valoran moi positivamente a experiencia que están a vivir con este proxecto virtual que levan a cabo dende o centro penitenciario.

Mostra da intensidade destas vivencias, o colectivo publica posteriormente outra entrada coas imaxes máis destacadas do día, cando, despois da visita a Ciberalia, toman un café antes de volver á dura realidade do cárcere.

Un vídeo do Courel arrasa en YouTube

Alá van xa dous anos dende que uns voluntarios da asociación ecoloxista Adega, co obxectivo de reivindicar a creación dun parque natural na Serra do Courel, publicaron en YouTube un vídeo promocional deste paraxe idílico, que pronto superaría as 450.000 visitas.

O film, duns seis minutos de duración, non tardou nin medio ano en converterse “nun dos maiores fenómenos do ciberespazo en Galicia”, tal e como expoñen na edición de hoxe de La Voz de Galicia, e na actualidade segue a atraer a curiosidade dos e das internautas, que acceden en masa á ligazón pendurada na sección Viajes y eventos do YouTube español, para velo.

Tal é a popularidade deste vídeo que, a día de hoxe, está preto de superar o millón de visitas, unha cifra que o sitúa entre os seis máis vistos da devandita sección na que se atopa e nun dos máis coñecidos do ciberespazo galego.

As imaxes, que segundo explican no xornal dixital, proceden do programa de TVG, Galicia para o mundo, foron montadas por uns voluntarios, que escolleron como banda sonora, moi acertadamente, o tema musical Terra, de Luar na Lubre, case tan bonito como o “paraíso máis perdido de Galicia”.

Mancomún e os GGULs avanzan algunhas das novidades a presentar en Xuventude Galiza Net

Na cuestión da programación aberta, Xuventude Galiza Net é en boa medida unha das moitas faces visibles que adopta. De feito, e para complicar un pouco máis as cousas, case se podería dicir que se dá o caso contrario: que o software libre tamén se deixa querer e dar forma por eventos como XGN. Sexa como sexa, a situación semella moi propicia para poñer de relevo as vantaxes dunha cultura de intercambio de coñecemento e colaboración, un xeito de ver e entender os asuntos dixitais que non se entendería sen a achega de moitos/as. Unha vez máis, e tirando o máximo proveito deste enxalzamento da colectividade e da información que é Xuventude Galiza Net, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre Mancomún asume os labores de coordinación de todos os eventos vinculados ás novas tecnoloxías e aos estándares abertos que se levan a cabo no marco da party.

Dito doutra maneira: Mancomún (mancomun.org), que está a avanzar unha boa parte do programa malia non telo cen por cen pechado, será a porta na que debemos petar para entrar nun espazo máis grande e enriquecer os nosos computadores de programas libres, útiles e en galego.

Máis polo miúdo, e segundo sinalan fontes do propio Centro, a idea é actuar nesta nova edición como canalizador das propostas achegadas por todos os axentes integrantes da comunidade de usuarios e deseñadores de software libre, a título individual, de empresa ou de asociación. Ou sexa, que nesta convocatoria 2009 refórzase o papel integrador de Mancomún como nexo de unión dos esforzos levados a cabo na nosa terra para mellorar o panorama da informática aberta. Con todo, este sistema de organización non é novo e, para quen quixera velos, á vista estiveron os froitos en anteriores convocatorias.

Un bo exemplo desta liña de traballo foi a exposición dos moitos proxectos informáticos postos en marcha polos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGULs) e que se levou a cabo en XGN 2008, entre os que se incluíu a tradución ao 100% da interface do OpenOffice.org 3.0 (finalizada en boa medida grazas aos esforzos dos participantes).

No que se refire ás actividades preparadas para este ano, o obxectivo é afondar na liña acadada previamente en dúas direccións: cara ao fondo e cara ás beiras (ampliando o abano temático). Que ninguén se estrañe se se volve tirar partido da potencial man de obra reunida para finalizar un novo reto como o da tradución do OpenOffice.org.

Malia estar suxeita a cambios de última hora, podemos facernos unha idea do miolo do programa grazas a esta listaxe achegada por Mancomún.

Obradoiros

A. Obradoiro de tradución (Leandro Regueiro): Obradoiro no que se realizaría unha pequena charla introdutoria sobre a localización de software, seguida dunha parte práctica para traducir algún material previamente escollido.

B. Obradoiro sobre control Automático e Robótica con Ferramentas Open Source (AULUSC): Obradoiro no que se tratará o uso de ferramentas open source para o control automático coa solución de open hardware Arduino. O obradoiro está orientado á construción de mini robots móbiles baseados no Arduino e á explicación de como aproveitar a potencia desta plataforma co uso do PC e de software de control robótico aberto.

C. Introdución á programación móbil: jme (Alexandre González): Un obradoiro sobre programación con jme en móbiles. Trataríanse temas como formularios e canvas (de forma introdutoria).

Relatorios

A. Instalación Automatizada de sistemas Debian e derivados (Adrián Boubeta): Pequena introdución a instalación automatizada mediante o uso de PXE, DHCP, TFTP e as utilidades do proxecto Debian.

B. Relatorio sobre a rede virtual galega (Lareta.net, Chuza, Blogaliza...)/ (Fran Diéguez): “Dende o staff de www.lareta.net, que é un sistema de microbloguexo en galego e proxecto do GLUG, queremos facer unha presentación en público deste sistema, demostración e demais para ser moitos máis persoas usuarias e aumentar así a masa de galegos que navegan na chamada e recoñecida "rede virtual galega". Nel tamén falaremos das distintas mashups que estamos facendo, alén de chamar a máis desenvolvedores que pola XGN estarán. Lareta.net é un proxecto licenciado con GNU Affero General Public License e os contidos dos usuarios en Creative Commons Attribution 3.0”.

Actividades na zona libre/intranet

A. Stepmanía/DDR


B. Tron/Armagetron
Dando exemplo: espazo colectivo e compartido
Co fin de facer máis fronte común e reforzar pola vía do real o papel colaborativo do virtual, Mancomún, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e os representantes dos devanditos grupos de usuarios e deseñadores galegos de software libre compartirán un espazo propio de seu na zona libre para dar a coñecer o seu traballo a todas as persoas que se acheguen por XGN. Neste senso, a estrutura é a mesma cá do ano pasado ou cá posta en práctica na Conferencia Internacional de Software Libre desenvolvida este ano en Málaga, pero reforzada. Por certo, que segundo informa o Centro Mancomún, o espazo destinado a todo este tecido galego de deseñadores de programación aberta presentarase baixo o mesmo lema co que xa o fixera na devandita cidade andaluza: Co Software Libre xogamos todos en Galiza. Precisamente con esta estrutura e esta campaña, Mancomún sorprendera na CISL expoñendo unha estrutura colaborativa pouco común no resto de comunidades e que atraeu a un gran número de interesados.
Os espazos da Dirección Xeral e os axentes (sobre todo Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre, GGUL) en XGN, terán como obxectivo fornecer un espazo que facilite a loxística interna; que permita a difusión de todas as actividades/materiais que se están a facer no eido do software libre; pero, e o que é máis importante, que faga visible o apoio institucional ao software libre a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.

Galinux, protagonista indiscutíbel

A caseta que a Dirección Xeral de Promoción Industrial habilitará no XGN terá como protagonista indiscutíbel ao Galinux. Este completo sistema operativo libre e en galego, desenvolvido por Mancomún, despregará toda a súa imaxe gráfica para atraer ao maior número de xente a coñecer as vantaxes deste sistema. O fondo do stand da Dirección Xeral centrarase na mascota do Galinux, AraOS, e seguirá a mesma liña da campaña de medios que se lanzou durante mes de febreiro para a promoción deste sistema. Ademais haberá un AraOS xigante (2,5 metros de alto) para diversión dos cativos e cativas.

Como iniciativas promovidas dende Mancomún, está prevista a organización do certame de vídeo Eu son un Galinux, que se integrará como apartado dentro da proposta de vídeo-creación promovida dende a propia dirección do XGN.

O concurso, na liña da iniciativa promovida pola Linux Foundation, convoca a calquera participante no XGN a ofrecer a súa particular visión dos anuncios televisivos Eu son un Mac, eu son un PC de Apple, aos que agora se engadiría o terceiro participante Eu son un Galinux.

O obxectivo, sinalan fontes de Mancomún é promover na medida do posible o uso do Galinux sinalando o que esta distribución significa para os que a coñecen, ao tempo que permita inspirar a moitos a probala. O software libre é resultado da colaboración de toda a comunidade, e quen mellor para explicar as vantaxes do Galinux que os integrantes, facéndoo dun xeito desenfadado e ameno. Asemade, habilitarase no propio stand varios computadores con xogos libres e un servidor de descargas dos mesmos aplicativos.

O Play-Doc cumpre cinco anos cunha coidada selección de 31 filmes


A sección informativa céntrase este ano en dous aclamados directores: o lituano Audrius Stonys e o polaco Bogdan Dziworski.

Son 31 títulos, procedentes de Xapón, Reino Unido, Eslovaquia, Irán, México, EE.UU, Lituania, Israel, China e Polonia, ademais dunha destacada representación do cinema galego. Un xurado internacional encabezado por Georgi Lazarevski, un dos directores favoritos do público de Play-Doc, encargarase de repartir os 9.000€ en premios para as tres categorías a competición dentro da Sección Oficial. A Sección Informativa centrarase este ano en dous aclamados directores, o lituano Audrius Stonys e o polaco Bogdan Dziworski, unha autentica 'delicatesen' cinematográfica. O festival abrirase o 18 de marzo ás oito da tarde coa proxección de Cianose, Biatlón (Bogdan Dziworsk) e Amores cegos (Juraj Lehotský). Os premios entregaranse nunha gala que terá lugar o domingo 22 e na que actuará Uxía.

O realizador Lech Kowalski, estrela convidada á edición 2008 do festival, escribe que ""Este é un momento importante na Historia. O fracaso do capitalismo occidental (estadounidense), como puxo de manifesto a caída virtual de Wall Street o outono pasado, ofrece unha oportunidade sen precedentes de dirixilo «TODO» nunha nova dirección. O cine independente, así como as webs independentes e os medios de comunicación independentes son poderosas armas para poder levalo a cabo". Kowalsky conclúe "máis ca nunca Play-Doc é precisamente o que necesitamos para reunirnos. É pequeno e local (...) Todo no festival está feito a escala persoal, cun ambiente informal (...) Play-Doc está na vanguarda da guerra cultural contra o dominio das grandes empresas".

Proxectaranse seis documentais na sección oficial: Amores cegos (Juraj Lehotský, Eslovaquia), Intimidades de Shakespeare e Víctor Hugo (Yulene Olaizola, México), Xapón: Unha historia de amor e odio (Sean McAllister, Reino Unido-Xapón), A ponte das flores (Thomas Ciulei, Romanía), Os amores do Sr. An (Yang Lina, China), e Z32 (Avi Mograbi, Israel-Francia).

Entre os participantes galegos, destaca o documental Mulleres na Raia, de Diana Gonçalves, primeiro traballo desta ex alumna de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, Eloxio da Distancia (Felipe Vega e Julio Llamazares), París #1 (Óliver Laxe) ou o filme Afranio, de Víctor Coyote, que conta a aventura vivida por Alonso Ríos na súa fuxida da represión fascista. Ademais, poderánse ver os filmes Cantos Rodados, de Xoel Méndez, sobre o grupo Xerock, e Manuel e Elisa, unha das sorpresas máis agradábeis do 2008, unha sinxela película sobre a vida cotiá dun matrimonio do Rosal.

Actividades paralelas
O festival multiplica as súas actividades, co cine como centro, pero procurando abranguer outro ámbitos e implicando á poboación de Tui, onde o Play-Doc xa se converteu nunha cita obrigada ano a ano. Nesta edición realizarase un particular obradoiro no que os habitantes de Tui serán os protagonistas. Baixo o título O Retrato Filmado, un pequeno número de realizadores retratará a algúns habitantes da comarca mediante unha peza documental de curta duración que se proxectará durante o festival. Como parte do exercicio os cineastas serán acollidos polas persoas a retratar e convivir, por uns días, xunto a eles nos seus fogares. O seminario está coordinado por polo multipremiado director lituano Audrius Stonys e Marta Andreu, produtora e coordinadora académica do Master de Creación Documental da UPF de Barcelona.

As redes sociais baten o correo electrónico nos usos de internet

Segundo o estudo, efectuado no Reino Unido, as persoas maduras son cada vez máis asiduas a este tipo de contidos.

O éxito das redes sociais está a facer que este tipo de contidos superen xa o uso que se fai do correo electrónico, segundo unha enquisa de Nielsen. O estudo de hábitos dos internautas concluíu que o 67% desas persoas pasaban o seu tempo en liña visitando redes sociais e blogs.

O informe, publicado pola BBC, asegura que este tipo de contidos están a medrar catro veces máis ca as outras catro principais áreas de interese dos internautas. No Reino Unido, un de cada seis minutos de navegación media empréganse nunha rede social.

Segundo a clasificación que fai Nielsen, a audiencia das "comunidades de membros", que abranguen redes sociais e blogs, é do 66,8% dos internautas, por diante do correo electrónico, que queda no 65,1%. Desas webs sociais, Facebook é na que os usuarios pasan máis tempo.

Ademais, este tipo de portais están a atraer un sector cada vez máis amplo do público. De feito, o grupo de idade que máis se uniu ás redes sociais é o de persoas de entre 35 e 49 anos, segundo o mesmo estudo. É máis, case unha cuarta parte dos usuarios de Facebook teñen máis de 50 anos. A actualización vía móbil tamén se está a popularizar: no Reino Unido medrou un 249% no último ano.

A web Patrimonio.org reúne na Rede a información sobre o patrimonio cultural galego


A Consellaría de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha Patrimonio.org, a plataforma en Internet da Dirección Xeral de Patrimonio que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego. A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.

A web nace coas fichas de 122 dos máis destacados elementos do patrimonio cultural galego. Castelos, pazos, pontes, igrexas, mosteiros, patrimonio etnográfico, castros, gravados rupestres, megálitos, patrimonio industrial, museos, arquivos e demais elementos do patrimonio forman parte desta base de datos de bens patrimoniais.

Cada ficha incorpora unha descrición do ben, con información sobre os seus valores históricos e artísticos, fotografías, o grao de protección do ben e outros datos de interese. Achégase ademais información práctica sobre a súa localización a través das coordenadas e da súa posición nun mapa. As fichas de bens patrimoniais están en continua actualización, polo que a diario iranse incorporando novos elementos patrimoniais á web. Desde Patrimonio.org pódense enviar por Internet como postais as imaxes dos elementos patrimoniais presentes nas fichas.

Para facilitar a busca dos elementos do noso patrimonio cultural, a web incorpora un buscador que permite localizalos atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección.

A web reserva un espazo para rutas culturais. Trátase de propostas de percorridos por varias comarcas galegas para coñecer os seus elementos patrimoniais máis destacados. As rutas están pensadas para ser descargadas como PDF e acompañar aos viaxeiros, ademais de poder descargar a ruta en formato GPS.

Actualidade e información práctica

Ademais das fichas dos xacementos, museos, arquivos e monumentos, Patrimonio.org constitúese como centro de recursos na Rede para achegarse á actualidade e acceder a información práctica sobre o patrimonio cultural de Galiza. A web incorpora as últimas novas da Dirección Xeral, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias (premios, subvencións, etc.) relacionadas co patrimonio cultural.

A web conta cun apartado dedicado ao marco normativo, no que se pode descargar a lexislación galega do patrimonio cultural. Pódense descargar tamén publicacións da Consellaría de Cultura e vídeos sobre o patrimonio. Outro apartado está dirixido aos escolares, con información sobre patrimonio deseñada para público infantil, xunto con unidades didácticas pensadas para os diferentes niveis educativos.

A información práctica da web inclúe o organigrama e directorio da Dirección Xeral de Patrimonio. Outro apartado presenta a relación dos principais axentes relacionados co patrimonio cultural galego. Cunha breve descrición e os datos de contacto, lístanse os principais axentes patrimoniais divididos en organismos públicos; colexios, asociacións profesionais e fundacións; outras institucións; e entidades dedicadas á protección do patrimonio cultural.

Patrimonio.org pretende tamén ser unha ferramenta para que os cidadáns e cidadás poidan advertir sobre calquera incidencia ou agresión ao patrimonio. Para iso localízase na web un formulario de contacto para informar sobre accións contra o patrimonio.

Intervida remodela a súa web infantil, facéndoa máis atractiva e navegable


A web SOL, que así se fai chamar, preséntase a modo de xogo, cunha interface moi divertida para os máis cativos da casa, e tén como obxectivo, espertar a curiosidade dos e das menores “cara o coñecemento de realidades distintas ás súas”, facendo que se habitúen a adoptar posturas de reflexión e diálogo “como vía para a resolución de conflitos”.

Con esta iniciativa, o departamento de Educación para o Desenvolvemento (EPD) da organización, pretende conseguir, mediante un enfoque lúdico, que os cativos e as cativas “sexan capaces de analizar o seu entorno e construir unha actitude crítica e responsable cara a sociedade”. É por isto que, os seus responsables directos, remodelaron a web para presentala de xeito máis dinámico, atractivo e con maior riqueza de contidos facendo que a súa navegación fora moito máis que un xogo.

O portal SOL, que forma parte dun proxecto de maior envergadura que inclúe unha revista en liña e outra impresa, permítelle aos seus usuarios (por cativos que sexan) navegar polas distintas seccións da web, tales como xogos, bibliotecas ou obradoiros, para ir descubrindo por si mesmos cal é a situación do mundo actual.
Asemade, o portal inclúe unha sección destinada aos docentes e, dentro de pouco, segundo anunciaron, incorporarase a posibilidade de acceder á sección Club, “unha comunidade específicamente deseñada para os usuarios habituais”.

O proxecto SOL conta cunha serie de personaxes que, a través das súas viaxes polo mundo, dan a coñecer a diversidade cultural e achegan aos nenos e nenas temas tan polémicos como a desigualdade, a pobreza, a alfabetización, a interculturalidade, os dereitos humanos, a explotación laboral infantil e a protección do medio.

Preto de mil obras da USC incorporaranse a Google Books

A Universidade de Santiago de Compostela chegou a un acordo con Google para difundir 700 libros e 246 teses de doutoramento a través do servizo Google Books. O acordo presentouse este martes na capital do país.

O vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, cualificou o acordo entre as dúas entidades de "imprescindíbel" para acadar o obxectivo de difusión do coñecemento e da cultura que ten a universidade compostelá.

Por mor do acordo, Google Books dixitalizará as 700 obras e 246 teses de doutoramento editadas polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC para que os internautas poidan atopar calquera dato nos contidos destes documentos. Tamén se poderá acceder a un 20% da obra, que seguirá protexida polos dereitos de autor.

Google correrá cos gastos de dixitalización e terá como obxectivo incluír nos seus fondos toda a bibliografía da USC para "contribuír á difusión do labor investigador e de divulgación da universidade".

Pola súa banda, o responásbel de Google Books na Península Ibérica, Luis Collado, salientou a importancia de que calquera persoa poida acceder aos documentos a través da rede "e coñeza que a USC é tamén unha fonte de coñecemento".

Citasonnet.com: servizo de balde para formalizar citas médicas


Citasonnet.com, un servizo de balde dirixido a facer o máis doada posible a visita médica, poñendo aos usuarios en liña directa cos especialistas. A páxina web ten vontade de ser práctica: inclúe ferramentas para facer buscas de distinta natureza (por nome do centro sanitario, polo nome do médico, pola súa especialidade) que logo achegan listaxes de profesionais dispoñibles.

A idea é basicamente a de centralizar recursos illados (médicos e centros até o de agora dispersos na plataforma web) e darlle a todo un toque de Internet 2.0, participativa: cada facultativo inclúe unha ficha con datos persoais nas que a comunidade internauta pode achegar valoracións de diversa índole e comentarios.
Asemade, a web incorpora mapas para que localicemos o emprazamento da consulta e calendarios para elixir o día e a hora da cita.

Nace unha web que cataloga centos de hórreos galegos


Co obxectivo de que os hórreos galegos “non caian no esquezo” e que se lle recoñeza “a súa importancia dentro da cultura galega”, a etnógrafa marinense Beatriz de la Torre Rey vén de presentar a súa web, www.horreosdegalicia.com, a meirande guía deste tipo de construccións elaborada ata a actualidade que recolle o froito de máis de cinco anos de estudos en torno a este elemento imprescindible na nosa xeografía.

En colaboración co fotógrafo Fernando Rodríguez Rodríguez, a autora catalogou centos de hórreos distintos en función das súas medidas, partes e localización, que agora mostra nesta web con cadansúas fotografías e información de interese adicional.

Cada hórreo leva adxunto, asemade, os datos básicos máis relevantes, un mapa indicativo da súa ubicación e algunhas indicacións que non deixan de ser, canto menos, curiosas, como o xeito de chegar ata el.

A clasificación que esta autora fai dos hórreos galegos inclúe unha relación dos mesmos por provincias e outra en función da súa estrutura.

Neste último caso, a web clasifica estas construccións nas seguintes categorías: con tres pés frontais, de varas, os máis longos, os de maior capacidade, os máis altos, os máis estreitos, pés e tellados e adornos.

Pecha a web francesa que facía tarefas escolares


O seu impulsor, Stéphane Boukris, recoñece que o servizo ía en contra da súa suposta utilidade pedagóxica.

A polémica web francesa FaisMesDevoirs.com tivo que pechar ás poucas horas da súa apertura. Nunha breve nota publicada no portal, o seu creador, Stéphane Boukris, recoñece que non foi unha boa idea propoñer que os estudantes pagasen por que lles fixesen as tarefas escolares.

"Hai case un mes, tivemos a idea de poñer á disposición dos internautas unha utilidade pedagóxica innovadora", explica. "Témoslles que presentar todas as nosas escusas na medida en que nos decatamos hoxe de que esta web vai en contra dos nosos propios valores".

A mensaxe conclúe afirmando que "queremos asegurar que as xeracións futuras serán mellores que as precedentes, algo ao que FaisMesDevoirs.com non pode contribuír de ningún xeito. As novas tecnoloxías débennos servir para mellorarnos e non para axudarnos". O equipo da web tamén se compromete a reembolsar os pedidos nun prazo de oito horas a quen llo solicite nun enderezo de correo electrónico.

Os concellos únense a Facebook

O goberno local de Brión é o último en incorporarse á rede social, ao tempo que renova a súa páxina web.

O Concello de Brión
acaba de renovar a súa web e de inaugurar a súa presenza na rede social Facebook. A pretensión do executivo municipal é reforzar a súa presenza na rede e ofrecer un punto de encontro para as persoas do concello, tanto residentes como emigrantes.

O lanzamento coincide coa remodelación da páxina municipal, que incorporou información sobre o transporte metropolitano, ligazóns a especiais sobre festas e un portal da mocidade. A web recibe unha media mensual de arredor de mil visitas de todo o mundo.

O Facebook do Concello de Brión
conta xa con máis dun cento de amigos, e segue a liña marcada por outros concellos do país que figuran como "persoas" na rede social. É o caso do Concello do Porriño, con 6 amigos; o departamento de Xuventude de Foz, aínda sen amizades, e o de Turismo de Muros, con 19 persoas engadidas.

Tamén aparece como "páxina", é dicir, que ten seareiros e non amigos, o concello de Castroverde (66 seguidores), e figuran como "grupos" moitos outros, entre eles o de Poio, Pol e Samos, aínda non teñen necesariamente relación cos seus respectivos gobernos locais.

Vieiros pon os untos a ferver


Volve Ferve a Rede, o certame de microrrelatos eróticos para poñer a rede a ferver, para andar pinachos e pinachas, chocas e chocos, axaneirados todos e todas agora que chega a primavera. O pasado ano recibimos case que trescentos relatos en catro semanas, textos necesariamente curtos pero intensos: máis ou menos eróticos, máis ou menos porcos ou humorísticos, tranqueiros e retranqueiros. O relato gañador, Mírote, valeulle a Mercedes Folgueira unha viaxe a Venecia.

Nun vaivén de suor núa, alzo a mirada para te ollar mellor.
Quéresme? Disme docemente.
Eu arqueo as cellas...
...nunca souben falar coa boca chea.

Este ano mudamos a Venecia do sur pola Venecia do norte, a feiticeira Bruxas, cruzada tamén por canais e cun centro histórico declarado patrimonio da humanidade. Ademais, entre todos aqueles que participen sortearase unha estadía dunha fin de semana en Amarante, á beira do río Támega. Mudamos os premios, e tamén aumentamos a extensión máxima dos relatos (pasamos de 550 a 690 caracteres con espazos), para deixarlle máis lugar á vosa imaxinación. Polo demais, o concurso é o mesmo e o obxectivo tamén. Incitarvos a dar coas imaxes máis eróticas que poidades, coas verbas que poñan a ferver a quen as escoite ou as lea. Algo conseguimos o pasado ano. A lingua hai que empregala en todos os lugares, e hai que saber usala.

Bruxas, a máis fermosa cidade flamenca, ben vale un relato. Flandres, espazo de desamor na literatura medieval (é o lugar que na tradición occitana separaba a Guillem da súa namorada, Flamenca). A través do soño o noso Cunqueiro xunta aos amantes de volta no seu poema Dona Flamenca, publicado en Herba aquí ou acolá, o libro que leva décadas sendo fonte ineludíbel para quen faga por ver se son como dicían os poetas a lúa, o lume, os espellos. O libro do feitizo.

Dona Flamenca (Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou acolá)
Alguén que vén coa noite a preguntarme
por ti, e ensinarme quere a túa torre
que eu soamente maxinei e nunca vin
e que te pecha, oh Flamenca de meu!
acolá lonxe, mais aló dos montes.
Pro prefiro seguir o fío do meu soño
que é un prado verde cunha pomba branca
e o áer cheo de fitas de cores
e don Galaz me leva da man onde sorrís
como a Xinebra levou a Lanzarote,
e bícote na luz, que se desfai en rosas,
Ab cest baiser mon cor vos liure,
dices, e todo o que é vidro quebra,
caen das ponlas as mazás ao chan,
baixan as estrelas a beber nas fontes
e as rulas da mañán póusanse nos lombos
dos cervos que veñen dende o mar
de escoitar o enorme silencio das sereas.
E eu dígoche que en vez do meu o teu corazón tomo.
Flamenca, como cortesa,
vaise co fino amor sob o arco-da-vella,
e déixamos pra mañán a carne e o que é dela.
Cando esperto e sallo ao mundo,
a xente dime qué me pasa, que teño outra sorrisa.
¡O teu bico, Flamenca, que florece!

Firefox 3 supera a Explorer 6

Os usuarios do software de Microsoft son máis reacios a actualizar o seu navegador á última versión.

Segundo a web de estatísticas StatCounter, a versión 3 do navegador Mozilla Firefox xa superou en número de usuarios o Internet Explorer 6, que foi durante varios anos líder do mercado. A seguinte versión do navegador de Microsoft mantén o liderado.

Ao analizar os datos de StatCounter, pódese comprobar como as persoas que usaban o Firefox 2 se pasaron moito máis rapidamente ao Firefox 3 ca as que usan o Explorer 6 ao 7. Aínda así, está a piques de saír o Explorer 8, e pouco falta para o Firefox 3.5 (que finalmente non se chamará Firefox 3.1).

Os datos amosan que, na actualidade, o Internet Explorer 7 acumula unha cota do 40,69% fronte ao 24,4 do Firefox 3.

Recomendacións aos menores para unha navegación segura por Internet

Internet é como queiramos que sexa: o uso que lle deamos e como nos comportemos determinará a súa propia natureza. Se de algo é culpable a Rede é de favorecer a cuestión do anonimato, pero nin sequera isto depende cen por cen dela: en realidade, non fai máis que reproducir as cousas malas e boas da sociedade que lle deu acubillo.

Sen deixar de lado a necesidade de informar polo miúdo de todo aquilo que ten de positivo (coñecemento, comunicación, lecer), para o Valedor do Pobo hai unha realidade que se impón: cómpre non deixar nunca de lado o feito de que pola Rede tamén se coa o que de negativo ten o sistema social actual para os máis pequenos. Neste senso, e sen caer no recurso doado de identificar a Internet con delito, calquera iniciativa de sensibilización que se faga é pouca.

Precisamente nesta liña de dar a coñecer a realidade polo miúdo da Rede é onde se insire a nova proposta do Valedor para os colexios galegos: a distribución entre alumnos de Infantil e Primaria de 100.000 exemplares dun tríptico dirixido a fomentar o emprego seguro das novas tecnoloxías por parte dos menores.

O material en cuestión, que segundo apunta a oficina do Valedor vén escrito na linguaxe máis directa posible, achega recursos e consellos para aplicar ás máis diversas ferramentas: chats, correos electrónicos ou redes sociais.

A idea básica da iniciativa, neste senso, é informar de que é principalmente nesas ferramentas onde, do mesmo xeito que se achega información propia, tamén é requirida por outros usuarios, e estes non sempre teñen a mellor das intencións. A guía, que tamén vai dirixida a concienciar a pais, mestres e titores, informa polo miúdo dos riscos de navegar pola Rede sen contar coa supervisión familiar axeitada ou do profesorado, e mesmo dá conta do perigo de facilitar datos persoais ou de terceiros por medio da Rede. Entre outros consellos, a guía ofrece os seguintes: fuxir do intercambio de datos con estraños, preservar en segredo claves e contrasinais de emprego particular, pedir sempre o asesoramento de pais ou mestres ou solicitar a axuda dos maiores á hora de facer un rexistro en redes ou chats.

O tríptico tamén recomenda o uso de nicks ou pseudónimos para preservar a intimidade dos usuarios.

A través desta proposta, informa a oficina do Valedor, os alumnos e alumnas poderán aprender que a descarga de arquivos ou programas que non se coñecen é tamén perigosa, ao existir aplicacións espía que se instalan nos ordenadores “para roubar o que hai neles e para cometer delitos”. A guía tamén fai fincapé no coidado que hai que ter á hora de colgar fotos sen permiso dos retratados ou de abrir webs persoais ou blogs sen coñecemento dos pais ou dos titores. Para rematar, o Valedor aconsello aos usuarios máis pequenos da Rede que informen polo miúdo e decontado de calquera cousa estraña que localicen durante as súas sesións en Internet.

A RDSI inaugura mañá un novo Centro de Dinamización en Mondoñedo


A aula está equipada con 12 computadores, lectores de DNI, cámaras web, 2 impresoras, escáner, canón e pantalla proxectora, entre outros

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información inaugura mañá un novo centro en Mondoñedo, ubicado na Praza da Catedral, 37, 27740, Mondoñedo. O acto celebrarase ás 20 horas.

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Cambados está totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. O novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á Informática ou a outras ferramentas.

A Consellaría de Innovación e Industria dotou este centro cun equipamento informático conformado por 12 ordenadores, 11 cámaras web, 11 lectores de DNI electrónico, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner, un canón e unha pantalla proxectora e unha cámara de fotos dixital.

Cabe destacar que, antes da inauguración deste centro, a Rede xa estaba presente en Mondoñedo, onde iniciou a súa actividade en abril de 2008. Desde esa data un total de 107 usuarios e usuarias fixeron o carné da Rede para poder acceder de forma libre e gratuíta ás súas instalacións. 742 foron os usos que se fixeron nas horas de aula aberta e impartíronse un total de 33 obradoiros, nos que se formou a 134 persoas ao longo de 200 horas.

A Fundación Calidade presenta o proxecto Reutiliz@

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia pon en marcha Reutiliz@, un proxecto de achega de valor sobre a base da reutilización da información pública, dentro do Plan Avanza.

O proxecto Reutiliz@: aportación de valor sobre a base da reutilización da información do sector público, está a ser desenvolvido pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia dentro do Plan Avanza, na convocatoria realizada no ano 2007, sobre contidos dixitais.

A reutilización da información do sector público consiste no uso de documentos que foron xerados polos organismos das Administracións Públicas no desenvolvemento da súa actividade por parte das persoas físicas ou xurídicas, con fins comerciais ou non comerciais.

O sector público produce unha gran variedade de información relativa a diferentes materias, como información social, económica, xeográfica, meteorolóxica ou turística e sobre empresas, patentes, etc., que é potencialmente reutilizable pola cidadanía e pola industria xeradora de contidos dixitais e accesible pola sociedade dadas as posibilidades de acceso que proporcionan os medios telemáticos.

A actividade de reutilización vense realizando para fins moi profesionais, información xurídica e empresarial dende hai tempo, mais para facilitaren o seu desenvolvemento noutros campos a Unión Europea publicou a Directiva europea (2003/98/CE) sobre reutilización de la información del sector público que xa está transposta á lexislación estatal española, na Lei 37/2007, de 16 de novembro.

O fomento da reutilización da información pública ten impacto económico ao facilitar e crear novos produtos utilizables polo sector das tecnoloxias da información e da comunicación para engadirlle valor e ademais para promover a transparencia da actividade pública, a cultura democrática e a transferencia de coñecemento a sociedade.

Esta iniciativa, está integrada dentro Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que establece directrices claras para potenciar o libre acceso ao coñecemento e a documentación xerados polas administracións públicas galegas a través de iniciativas específicas como IeCA-LA2-I2: Estandarización e etiquetado dos contidos públicos e CES-LA2-I4: Acceso libre aos contidos de orixe pública.

Entre os obxectivos do proxecto están os de identificar, definir un modelo de posta en práctica de reutilización da información xerada polas Administracións Públicas, para aproveitar ao máximo o seu potencial de valor así como desenvolver un piloto de implantación na propia na Fundación.

Unha radio en liña retransmitirá toda a secuencia do ADN humano

DNA Radio tardará 23 anos en medio en transmitir por completo todo o xenoma, a un ritmo de tres nucleótidos por segundo.

O proxecto DNA Rainbow, que creou imaxes a partir do código do ADN humano, decidiu dar un paso máis e lanzar a DNA Radio, unha emisora en liña que retransmite todas as bases (A, C, G, T) dos cromosomas humanos, unha detrás da outra.

A radio, que se pode escoitar en directo vía streaming, está a emitir xa o cromosoma 1. O proxecto rematará cando se reproduzan todos os cromosomas, o que se calcula que acontecerá dentro de 23 anos e medio, coa lectura de tres caracteres por segundo. Deste xeito, agora, ademais de poder ver o xenoma tamén se pode escoitar, aínda que sexa mediante unha voz sintetizada que le cada inicial dos nomes dos nucleótidos.

Este novo servizo na rede non promete ser especialmente entretido, sobre todo se o comparamos coas imaxes sacadas a partir das secuencias xenéticas, onde se poden atopar mesmo patróns xeométricas ou áreas onde predominan determinadas cores sobre outras.

O Bloco de Esquerda convida a elaborar en liña o programa electoral

Un proceso de "discusión aberta" co que a formación política portuguesa quere afondar na relación co tecido social do país.

"Nunca ningún partido en Portugal promoveu un proceso de discusión aberta deste tipo", subliñan desde o Bloco da Esquerda ao tempo que presentan a iniciativa. O espazo na rede Igualdade.bloco.org será o que canalizará inicialmente as propostas dos internautas.

O Bloco convida non só á militancia, senón tamén a activistas de movementos sociais diversos, especialistas en áreas temáticas e en xeral a todo o ámbito da esquerda portuguesa a contribuíren coas súas ideas e opinións. A partir das achegas, a formación actualmente liderada por Francisco Louça elaborará as bases do seu programa electoral.

Un obradoiro achegará o proceso de creación do Queixo de Arzúa a blogueiros

Co gallo da 34ª Festa do Queixo de Arzúa entre os días 13 e 15 de marzo, Marina Oural, Ramón Roldán e Rodrigo Varela organizan un obradoiro de queixo con editores de blogs en colaboración con Queixería Bama, de xeito que un grupo de blogastrónomos galegos (confirmando xa a súa asistencia os responsables de La cocina Delokos, Laconada, Nueva cocina de aldea, Maxamanías, Cerveceando e Borralleira) poidan seguir o proceso de creación do queixo de Arzúa en primeira persoa, facendo o seu propio queixo na Queixería Agrodespensa, unha pequena queixería con pouco produción, orientada á divulgación.

Esta iniciativa terá un especial valor polo feito de que, previsiblemente, os blogueiros que asistan cubrirán a súa experiencia dende os seus respectivos cadernos virtuais, polo que servirán de amplificador da xornada, servindo tamén para promocionar o Queixo de Arzúa-Ulloa e a súa festa.

A Rede celebra o Día da Muller Traballadora estreando a páxina web de Memoria de Muller

En www.memoriademuller.eu están xa dispoñíbeis vintesete vídeos, que irán aumentando proximamente

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta hoxe a páxina web de Memoria de Muller que, ao igual que este proxecto no seu conxunto, está adicada á memoria das mulleres rurais galegas. As videomontaxes que nela se poden ver foron realizadas por principiantes no mundo das Novas Tecnoloxías, e naceron dunha iniciativa da Rede para achegar as galegas ao mundo informático e para recuperar a memoria persoal e histórica de todas esas anónimas que, non por ser descoñecidas, deixan de ser fundamentais na historia do noso país. Este domingo día 8 celébrase o Día da Muller Traballadora, e desde a Rede quéreselles render homenaxe coa presentación desta web.

Actualmente están dispoñíbeis en www.memoriademuller.eu vintesete vídeos, pero iranse subindo máis, até deixar á disposición dos e das internautas todas as videomontaxes realizadas polas máis de cen mulleres que participaron na iniciativa. Os que xa se poden ver son os realizados en Curtis, Chantada, San Sadurniño, Boiro, Ribadeo, ASORLU e algúns dos feitos en Pontevedra.

Flocos.tv inaugura un ciclo adicado a Memoria de Muller


"Identidade de muller xorda", "Memoria dunha nai", "Loita pola ría", "Historias de aldea", "O loro", "Os anos mozos", "O maior agasallo da avoa" e "A vida dunha nai no 1955" son as pleículas seleccionadas


Flocos.tv
estrea hoxe un novo ciclo audiovisual, desta volta adicado á memoria das mulleres rurais galegas a través das videomontaxes realizadas polas participantes de "Memoria de Muller", a iniciativa da Rede de Dinamización posta en marcha para propiciar un achegamento das mulleres maiores de 50 anos ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información. Ao mesmo tempo pretende producir unha recuperación da memoria histórica, persoal, social e/ou cultural de cada concelloa través dos relatos persoais das participantes, que son as auténticas artífices e protagonistas de todo o proceso de elaboración destas videomontaxes que hoxe se presentan.

Esta iniciativa, que se levou a cabo en 23 concellos galegos, nos que máis dun cento de mulleres plasmaron as súas historias, consistiu en que cada unha delas, despois de ter recibido a formación tecnolóxica básica para crear un vídeo, fixera o seu propio, contando o que cada unha considereou oportuno sobre as súas vivencias persoais, a través de imaxes antigas, a súa propia voz para narrar a historia e música.

Os vídeos dispoñíbeis en flocos.tv e as súas autoras son:

- Identidade de muller xorda, de Milagros Vázquez, no que a autora nos conta cómo foi a infancia e a mocidade dunha rapaza xorda no rural de Galicia. Este vídeo, nacido froito da colaboración entre a Rede de Dinamización e ASORLU (Asociación de Persoas Xordas de Lugo) están tamén acompañado do making of, para que os e as internautas coñezan de primeira man o proceso de elaboración dunha "memoria de muller".

- Memoria dunha nai, de Pilar Sánchez, muller de Curtis que rinde homenaxe á súa filla, falecida en accidente de tráfico cando aińda era moi nova.
- Loita pola ría, no que Estrella nos relata a loita, en 1965, entre as mulleres de Ponte Sampaio e Arcade pola ría.

- Historias de aldea, na que a señora Casimira describe a importancia dos animais para unha muller labrega nunha aldea remota de Galicia.

- O loro, de Inés Fernández. Narra unha anécdota sucedida en Barciademera, vila próxima a Vigo nos anos 50.

- Os anos mozos, de Cándida Rodríguez González, quen rememora os seus anos mozos en Chantada.

- O maior agasallo da avoa, de Fina Casal Santesteban, habitante de San Sadurniño que en conseguir que fiar na lá sexa considerado un oficio artesán legalmente un dos seus maiores obxectivos, pois non quere que se perda esta herdanza que recibiu da súa avoa.

- A vida dunha nai no 1955, de Manola González Segade. A nai da protagonista tivo que pasar moitos apuros para sacar aos seus fillos adiante, xa que o seu pai marchou para a emigración e, xa fóra do noso país, refixo a súa vida con outra persoa, mentres que ela pasaba apuros aquí.

A iniciativa a web da semana continúa

Xa levamos tres semanas promocionando diferentes páxinas webs entre os usuarios/as da Rede de Betanzos.

Esta iniciativa, A Web da Semana pretende:

Dar a coñecer Internet e as súas posibilidades

Descubrir novas páxinas web e contidos

Fomentar a curiosidade dos usuarios/as

Descrición

Durante tres meses cada semana darase un pequeno cartel informativo sobre unha web, nese cartel verase o enderezo, unha imaxe da web e unha descripción dos seus contidos. Todo isto complétase cun pequeno panel para poder vota (0-10) a páxina en cuestión, este panel sitúase na Aula de Informática, ainda que os que así o desexen poden votar deixando neste blogs un comentario sobre a páxina e a súa puntuación.

Finalizados os tres meses farase un reconto dos votos que cada web conseguíu para ver cales foron as preferidas dos usuarios e usuarias do Concello de Betanzos.

Polo de agora fóron tres as webs promocionadas:

Fogonazos

Un geek en Japón


Photos that changed the world

Anímate a participar e vota a túa web favorita.

Hoxe preséntase Memoria de Muller no Grove


"Que tempos aqueles", "Unha nena da posguerra", "Unha muller con un pé no mar e outro fóra", "Unha vida dedicada á cultura" e "Historia dunha muller nacida na Toxa" son as historias que se poderán ver

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, presenta hoxe no Grove a iniciativa Memoria de Muller. O acto celebrarase na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, R/ Monte da Vila, 11, ás 20 horas.

As historias que se presentan e as súas autoras son:

- "Que tempos aqueles", de María González Prol, na que se conta cómo unha muller de 93 anos que traballou 30 anos no Gran Hotel da Toxa, e despois emigrou a Venezuela 6 anos.

- "Unha nena da posguerra", de María Prieto Magdalena, muller costureira, que nos fala da súa infancia e da historia dos talleres de costura no Grove.

- "Unha muller con un pé no mar e outro fóra", de María Jesús González Rey, muller mariñeira para a que a pesca é a súa vida, explícanos cómo se iniciou neste mundo.

- "Unha vida dedicada á cultura", de Carmen Barreiro Costas. Esta muller adicou a súa vida aos demais, como profesora nun colexio de Irmáns da Caridade e como bibliotecaria da vila.

- "Historia dunha muller nacida na Toxa", de María Torres Abalo, quen traballou na fábrica de xabóns da Toxa, así como no Gran Hotel. A través do seu vídeo relátanos algunhas das experiencias máis destacábeis da súa vida.

Este proxecto foi coordinado por Ana María Rosales García, dinamizadora da Sociedade da Información neste concello.


Memoria de Muller

Memoria de Muller naceu coa intención de propiciar un achegamento das mulleres, todas maiores de 50 anos, ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información e amosarlles a súa utilidade, reducindo deste xeito a fenda dixital que se fai máis evidente neste colectivo. Ao mesmo tempo pretende producir unha recuperación da memoria histórica, persoal, social e/ou cultural de cada concello a través dos relatos persoais das mulleres participantes, que se revelan como auténticas artífices e protagonistas de todo o proceso.

A iniciativa Memoria de Muller, que se levou a cabo en 27 concellos galegos, consiste en que cada muller cree un vídeo empregando imaxes antigas, a súa propia voz para narrar a historia e música. O proceso seguido por estas mulleres, no cal empregaron constantemente as Novas Tecnoloxías e o Software Libre, foi o seguinte: primeiro escolleron a historia que cada unha delas quería contar e, coa axuda do procesador de textos Writer, elaboraron un guión. Logo escolleron as fotografías e retocaron aquelas que o necesitaban coa ferramenta Gimp. O seguinte paso foi escoller unha música axeitada a través das múltiples posibilidades que ofrece a Rede para atopar música libre de dereitos. Unha vez que realizaron isto, procederon a narrar e gravar coa súa propia voz en formato dixital a historia que previamente escribiran. O derradeiro proceso foi o da montaxe, no cal ensamblaron todas as pezas anteriores e onde lle deron o aspecto final.

Coa proxección destes vídeos neste acto quérese agradecer a estas mulleres a participación nesta actividade, a través da que quixeron abrir o caixón das súas lembranzas para compartir a súa memoria con todos e todas nós.

Referencia

Aquí.

Unha recomendación de cine (retomando esta sección)

Facía moito tempo que non actualizaba Unha recomendación de cine pero volveremos a recomendar un estreno cada semana como xa fixera o ano pasado. Esta vez presentamos Watchmen, trátase do traslado ao cine duns dos cómics máis importantes que existen, creado por Alan Moore alá nos anos oitenta.

Levantouse moita espectación en torno a esta película e promete ser un dos grandes estrenos deste ano 2009. Dirixida por Zack Snyder (300, El amanecer de los muestros) e interpretada por actores non moi coñecidos, estamos ante unha película de máis de dúas horas e media que parte da premisa de ¿quen vixila aos vixilantes?. Moi recomendable.

Sete rexistros civís delegados comezan o proceso de dixitalización

A Consellaría de Presidencia, en colaboración co Ministerio de Xustiza, inicia este mes de marzo o proceso de informatización dos rexistros civís delegados, adscritos aos xulgados de paz. Será a segunda fase do programa Rexistro civil en liña, que forma parte do Plan Avanza. O programa ten por obxecto conectar todas as oficinas que o rexistro posúe en cada municipio cunha base de datos central en Madrid.
Xustiza

A segunda fase de informatización abranguerá experiencias piloto nos rexistros de Ames, Arteixo, Bueu, Guitiriz, Nigrán, Sada e Teo. Despois da aplicación do rexistro civil en liña nestes concellos, seleccionados polo comité de seguimento da implantación do programa en Galiza, irase incorporando ao resto dos civís delegados, até os 270 que existen no país.

Entre novembro de 2007 e marzo de 2008 informatizáronse os 45 rexistros civís principais, correspondentes ás sete cidades galegas e ás 38 vilas cabeceiras de partido xudicial atendidas por un xulgado de primeira instancia. O goberno español, que mantén a competencia sobre o Rexistro civil, dotou de equipamento informático as oficinas, mentres que a consellaría se ocupou de instalalos e conectalos á rede corporativa da Xunta de Galicia e, á súa vez, á aplicación INFOREG 4, residente no Ministerio de Xustiza, onde se almacenan os datos sobre o estado civil de toda a poboación española.

Dixitalización

Ademais, a segunda fase do programa pretende dixitalizar todas as inscricións de nacemento, matrimonio e defunción dende 1950, como xa se fixo nos 45 rexistros civís principais de marzo a decembro de 2008. Co escaneo de 6.480 libros de inscricións, realizado baixo a dirección de Red.es e accesíbel xa no INFOREG 4, Galiza converteuse nunha das primeiras comunidades autónomas en finalizar o proceso.

O sistema de informatización permite, así mesmo, facer as inscricións en calquera das dúas linguas oficiais, a escolla das persoas interesadas. De todos os xeitos, a lingua escollida no momento da inscrición non será obstáculo para que as certificacións se poidan obter na outra lingua, pois todos os rexistros quedan almacenados no sistema de información tanto en galego como en castelán.

Fases de informatización dos xulgados de paz

O proceso de dixitalización do resto dos Rexistros civís vaise realizar en dúas fases. A primeira afectaralles aos situados en xulgados de paz dos concellos de máis de 15 mil habitantes e está prevista para os meses de abril a xullo de 2009, até completar 74 oficinas delegadas. A segunda fase, de setembro de 2009 a outubro de 2010, comprenderá os 196 xulgados de paz restantes, con concellos de menos de sete mil habitantes e atendidos por secretarios "idóneos" designados pola corporación local. A continuación dixitalizaranse as inscricións até 1950, competencia de Red.es.

A informatización dos rexistros, xunto coa dixitalización e a gravación dos libros, posibilitarán unfuncionamento máis eficaz do servizo e supoñen a incorporación da xustiza de paz á Sociedade da Información. Con esta actuación, os xulgados de paz quedarán conectados á rede co resto da administración de xustiza de Galiza e do Estado Español, e poderán prestarlle servizos telemáticos á cidadanía. Ademais, os xulgados de paz poderán acceder aos servizos da intranet da Dirección Xeral de Xustiza, do Ministerio de Xustiza e do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Pola súa banda, a cidadanía poderá solicitar certificados a través do correo electrónico ou da web, posibilidade que xa existe no portal mjusticia.es. Doutra banda, os distintos organismos das Administracións Públicas, como a Seguridade Social e o Instituto Nacional de Estatística, recibirán directamente por vía telemática a información que na actualidade lles remiten todos e cada un dos xulgados de paz.

Notificacións telemáticas

Ademais, nove xulgados a provincia da Coruña xa teñen implantado o sistema de notificacións telemáticas LEXNET, realizado a través dun convenio de cooperación tecnolóxica asinado entre o Ministerio de Xustiza e a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A función principal deste sistema é o intercambio instantáneo de documentos xudiciais en formato electrónico que garante a seguridade e a fiabilidade de comunicación entre todos os membros que participan na Administración de xustiza.

Facebook desvela como podería ser a súa futura renovación


Os responsables de Facebook veñen de anunciar que a partir dos cambios, será posible organizar máis fácilmente as actualizacións que aparecen na páxina de inicio dos usuarios, filtrándoas por grupos de amigos ou “acalando” a aqueles que actualicen demasidado o seu perfil ou que non interesen que aparezan.

Tamén prevén cambiar o que cada usuario conta de si mesmo e a sección Que estás a facer agora? pasa a chamarse Que che está a pasar pola cabeza?, máis moderna e acorde coas preferencias dos seus usuarios posto que permitirá colgar unha frase enxeñosa, un vídeo ou unha imaxe que identifique cada un dos pensamentos que queiran facer públicos.

Segundo afirman no ’’The Washington Post’’, estes cambios poderían ir dirixidos a “facerlle fronte a Twitter”, unha web que se asemella moito no seu funcionamento á descrición que fan os responsables de Facebook sobre como será despois da súa renovación.

O directivo desta última, Zuckerberg, quen anunciou estar aberto ás opinións e suxerencias dos seus usuarios sobre este tema, afirmou que se trata dun “cambio de filosofía” e que lle vai permitir a tódolos rexistrados ter a mesma presenza na web.

Sanidade reforza as posibilidades de cidadanía dixital das súas webs


A Consellería de Sanidade segue a reforzar a súa achega web cun duplo obxectivo que se complementa a si mesmo: subministrar máis información á sociedade e facer máis doado o acceso a esa información. Nesta liña é onde se insiren os novos servizos incluídos dende hoxe nas páxinas web www.galiciasaude.es e www.sergas.es, recursos entre os que se inclúe unha canle para formalizar encontros co persoal médico e probas en hospitais. Neste novo apartado, amais da posibilidade de consultar información persoal de citas e consultas (tanto as confirmadas como as rexistradas pendentes de data e hora), o internauta terá ao seu alcance tecnoloxía avanzada para garantir a confidencialidade dos datos: o acceso será controlado mediante o emprego dun certificado dixital que achega a garantía da identidade do usuario que accede.

Segundo informa Sanidade, a canle de comunicación entre o servidor e o equipo que fai a consulta está tamén encriptada para asegurar a confidencialidade dos datos. Por certo que este recurso é en certa maneira unha ampliación e unha mellora do posto en marcha en decembro de 2007, que posibilita a comunicación en liña cos pacientes para consultar a súa situación persoal na listaxe de espera cirúrxica.

O paquete de novidades incluídas nos devanditos espazos da Consellería de Sanidade complétase cun portal específico orientado á cidadanía (dende o que se pretende facer o máis doada posible a comunicación coa sociedade e a achega de recursos, todos eles clasificados e ofrecidos dun xeito moito menos disperso) e un apartado en liña para o envío de suxestións e queixas relacionadas cos centros e unidades onde estea implantado o Sistema de Xestión denominado QUERES. Subliñar que QUERES é un programa dirixido a asegurar o cumprimento dos dereitos sanitarios das galegas e dos galegos, e para facer uso del só teremos que cumprimentar o formulario electrónico que se incorporará ao respecto.

Polo que respecta ao portal para a cidadanía, dicir que entre outras cousas inclúe unha Oficina virtual destinada a servir de punto de unión entre a sociedade e administración sanitaria: nela, estaremos en disposición de facer os trámites máis comúns relacionados coa saúde como son a cita en Atención Primaria, o cambio de médico, ou a solicitude de tarxeta sanitaria.

Convocan un Concerto de Internet para o vindeiro 17 de maio

Co gallo do Día de Internet o vindeiro 17 de maio anuncian o primeiro Concerto Mundial on-line e o Concurso Internacional de Composición, que no primeiro caso consiste na coordinación dun concerto con músicos de todo o mundo coordinados a través da Internet e o segundo buscaría a creación dun repertorio de obras inspiradas na Internet (premiando á mellor con 3.000 euros).

Nestas iniciativas participan os directores da orquestra Carlos Escudero (profesor de violín e director da Camerata de San Nicolás) e Pedro Vázquez Martín (director da Orquestra Nova de Aljarafe) xunto coas Asociacións de usuarios de Internet de nove países da comunidade iberoamericana de nacións, buscando que o vindeiro 17 de maio se retransmita un grande concerto coas achegas realizadas polos participantes no concurso, instando dende a organización a que os participantes de cada vila ou cidade se xunten e toquen nun lugar público este Concerto de Internet, aínda que é todo un enigma cómo será a resposta desta iniciativa da que non hai precedentes.

Últimos días para inscribirse ao Xuventude Galiza Net

Entre os vindeiros días 7 e 9 de marzo pecharase o período de inscrición para Xuventude Galiza Net, o meirande encontro informático de Galicia que entre o 3 e o 5 de abril xuntará a 4.000 mozos de entre 16 e 35 anos no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela.

Este edición do certame destaca por un cambio de situación que lle permite ampliar considerablemente o seu aforo.