Os Centros de Betanzos e Vilasantar dan conta das actividades TIC que levaron a cabo en xullo


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, na súa teima por seguir achegándolle as TIC a tódolos veciños e veciñas galegas do rural, titorizando á cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para rachar coa fenda dixital existente no noso país, continuou en xullo coa súa labor de difusión das novas tecnoloxías, e vén de dar conta das actividades que levou a cabo nos centros de Vilasantar e Betanzos.

Durante este mes de xullo foron 26 os novos usuarios que se uniron á Rede de Dinamización en Betanzos, 8 homes e 18 mulleres, que aproveitaron o seu tempo libre para achegarse un pouco máis á Sociedade da Información.

En total, leváronse a cabo 5 obradoiros nos que participaron 50 persoas, na súa maioría mulleres. Os obradoiros máis demandados foron o de Procesador de textos e o de Alfabetización dixital, cun total de once participantes cada un. Foron 52 horas de formación que se desenvolveron na aula do Telecentro do concello betanceiro.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información tamén continuou en xullo co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas novas tecnoloxías en Vilasantar, concello que remata o mes logo de impartir un total de 4 obradoiros tecnolóxicos, que se estenderon ao longo de 30 horas e a través dos que se formou a 20 persoas.

Os obradoiros impartidos este mes foron Debuxa co ordenador, Mecanografía, Wikipedia e Ferramentas TIC de apoio educativo. Asemade, levouse a cabo unha charla na que se formou aos asistentes para atopar traballo a través de Internet, na que se puxo de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede de Telecentros da man dos 51 dinamizadores e dinamizadoras que traballan de xeito incansable para formar á cidadanía en materia de novas tecnoloxías.

Asemade, 5 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada nun total de 169 ocasións.

En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Vilasantar en febreiro de 2008, foron xa 222 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 46 obradoiros nos que se formou a 259 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 7 charlas e 3 iniciativas, nas que participaron 48 persoas.

Durante o vindeiro mes de agosto, os centros de dinamización da Rede permanecerán pechados por vacacións, polo que non levarán a cabo ningún tipo de acción formativa, porén abrirán de novo as súas portas o vindeiro día 1 de setembro, cando retomarán as súas actividades en prol da inmersión da cidadanía galega na Sociedade da Información.

Os ministerios de Sanidade e Industria impulsarán as novas tecnoloxías no Sistema Nacional de Saúde

A ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, e o de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, subscribiron un convenio marco de colaboración para desenvolver a segunda fase do programa Sanidade en Liña, que ten como obxectivo implantar os servizos públicos dixitais no Sistema Nacional de Saúde (SNS), dentro do eixe de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza2.

O convenio dálle continuidade ao programa Sanidade en Liña. A súa primeira fase desenvólvese no período 2005-2010 e permite completar a dotación de infraestruturas e a posta en marcha de novos servizos. O obxectivo final é mellorar a atención sanitaria grazas ás novas tecnoloxías, cun reforzamento da calidade, da eficiencia e da seguridade da atención no SNS en calquera circunstancia e punto xeográfico.

En particular, o convenio vén implantar os proxectos de Historia Clínica Dixital no SNS, xunto coas historias clínicas autonómicas, e a Receita Electrónica do SNS, como elementos esenciais de interoperabilidade. Os dous proxectos oriéntanse a poñer a disposición da cidadanía en situación de mobilidade a información clínico-asistencial que exista sobre ela, o que beneficiará aos 4,5 millóns de persoas que reciben atención médica nunha comunidade autónoma distinta da súa.

Pódense sumar ao programa as comunidades autónomas que o desexen a través da sinatura de convenios específicos co Ministerio de Sanidade e coa entidade pública empresarial Red.es. O convenio estará vixente até o 31 de decembro de 2012 e prevé un investimento estatal de 101,60 millóns de euros. Se se suman todas as comunidades autonómas, engadiranse 93,60 millóns de euros máis ao programa.

Máis información na web do Ministerio de Industria.

Messenger celebra o seu 10º aniversario


O servizo de mensaxería instantánea de Microsoft, o MSN Messenger, cumpre hoxe 10 anos de vida, chegando a imporse como plataforma de comunicación en tempo real en boa parte do mundo (coma en España, onde a aplicación coñécese directamente coma Messenger obviando a existencia de alternativas de Yahoo! ou AOL, entre outros).

O Windows Live Messenger (nome que recibe actualmente o servizo) conta actualmente con 323 millóns de usuarios en todo o mundo (16 millóns en España) e agora celebra a súa primeira década de actividade dende unha páxina web creada para a ocasión, na que os usuarios poden compartir as súas experiencias, descargar emoticonas de balde e facer un repaso da vida do servizo.

Inicialmente o Messenger limitábase a comunicación de texto, pero pouco a pouco foi medrando en posibilidade, incorporando funcionalidades propias do Netmeeting e doutras aplicacións, de xeito que agora serve tamén para establecer conferencias de audio e vídeo, compartir arquivos, xogar ou tomar o control remoto do escritorio (para axudar a resolver problemas puntuais) e incluso desligouse do escritorio, contando con versións móbiles.

In-TIC achega ás persoas con diversidade funcional ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación


Esta mañá o Salón de Actos do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acolleu a presentación do proxecto In-TIC (Integracación das TIC nos colectivos de persoas con discapacidade) que posibilita ás persoas con diversidade funcional (física, cognitiva ou sensorial) a mellora da súa autonomía funcional grazas a un sistema de apoio que facilita o uso de das funcionalidades e programas de ordenador a través da creación e configuración de teclados virtuais, de xeito que abre o acceso á Rede, á execución de aplicacións, xogos, etc.

O sistema pode empregarse tanto en ordenadores de sobremesa coma en portátiles, Tablet PC e teléfonos móbiles, e estará dispoñible de balde para a súa descarga a través da Internet.

Esta iniciativa foi impulsada pola Fundación Orange, e o seu desenvolvemento íntegro foi obra do Centro de Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico da Universidade de A Coruña, participando na súa presentación o director co Centro de Novas Tecnoloxías, Antonio Blasco; a secretaria xeral de Benestar (Consellería de Traballo e Benestar), Susana López Abella; a vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxía da UDC, Mª Elena Sierra Palmeiro; o director do Grupo RNASA-IMEDIR, Alejandro Pazos Sierra; e o director xeral da Fundación Orange, Manuel Gimeno.

A campaña da CiberIrmandade a prol de Mancomún.org consigue o apoio de milleiros de internautas

A campaña en liña posta en marcha pola CiberIrmandade da Fala para recoller apoios a prol da supervivencia do Centro Mancomún segue adiante e a bo ritmo. Segundo informa o dito colectivo, apenas tres xornadas despois de terse presentado a iniciativa (dirixida en última instancia a lograr que a Xunta siga apostando polo software libre e, tamén, polo seu desenvolvemento en galego), xa se teñen contabilizado varios milleiros de participacións, tanto no que atinxe ás lecturas dos datos publicados sobre o tema (o futuro incerto do Centro Mancomún) como á colaboración activa en si mesma no envío masivo de correos individuais aos responsables tecnolóxicos da Xunta.
Correos nos que se lles pide, de xeito respectuoso en clave positiva, a pervivencia do devandito Centro e do traballo que se viña a desenvolver a prol da programación aberta na nosa terra, máis económica para usuarios, institucións e empresas (non se requiren grandes pagos de licenzas) e ao mesmo tempo máis produtiva para nós mesmos, xa que se trata en gran medida de ferramentas feitas dende aquí.

“A este gran éxito”, sinala a CiberIrmandade, “están a contribuír as asociacións de software libre galegas máis comprometidas, que comezan a amosar a súa adhesión á iniciativa a través das súas webs, como é o caso de MeLISA ou Agnix, así como unha longa relación de webs de información xeral e especializadas, blogs, prensa dixital e innumerabeis cruces de correos electrónicos”.

O proxecto In-TIC levará as novas tecnoloxías ás persoas con diversidade funcional

Este mércores preséntase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o proxecto In-TIC (Integración das Tecnoloxías de la Información e das Comunicacións nos colectivos de persoas con discapacidade), que vai facer posíbel que persoas con diversidade funcional poidan mellorar a súa autonomía funcional, grazas a un sistema de apoio que permite personalizar o uso de todas as funcionalidades e programas do ordenador.

Mediante a creación e a configuración de teclados virtuais, é posíbel que persoas con diversidade funcional (física, cognitiva ou sensocial) poidan utilizar o computador, acceder a internet, comunicarse, executar aplicacións específicas... Este sistema tamén se pode utilizar como comunicador tanto en ordenadores convencionais como portátiles, tabletPC e móbiles e estará dispoñíbel de balde na intenret.

In-TIC foi impulsado pola Fundación Orange e realizado integramente polo Centro de Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico da Universidade da Coruña. As características de personalización, acceso ao ordenador e comunicador para teléfonos móbiles, xunto coa súa distribución gratuíta, fano único, pois non existe hoxe en día ningunha outra aplicación con estas características.

Na presentación estarán presentes Ana Díaz López, directora xeral de Formación e Colocación; Susana López Abella, secretaria xeral de Benestar; M.ª Elena Sierra Palmeiro, vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC; Alejandro Pazos Sierra, director do Grupo RNASA-IMEDIR e catedrático de Ciencias da Computación da UDC; Manuel Gimeno, director xeral da Fundación Orange.

A Rede de Dinamización estrea nova páxina de Memoria de Muller


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta hoxe a páxina web de Memoria de Muller que, ao igual que este proxecto no seu conxunto, está adicada á memoria das mulleres galegas. As videomontaxes que nela se poden ver foron realizadas por principiantes no mundo das Novas Tecnoloxías, todas maiores de 50 anos. Estas nacen dunha iniciativa da Rede para achegar as galegas ao mundo informático e para recuperar a memoria persoal e histórica de todas esas anónimas que, non por ser descoñecidas, deixan de ser fundamentais na historia do noso país.

Actualmente están dispoñíbeis en www.memoriademuller.eu cincuenta vídeos, pero iranse subindo máis, até deixar á disposición dos e das internautas todas as videomontaxes realizadas polas máis de cen mulleres que participaron na iniciativa e as que participarán no futuro, pois o proxecto segue en marcha. Os que xa se poden ver son os realizados na Bola, ASORLU, Boiro, Celanova, Chantada, Curtis, Fundación CEL, Pontevedra: Ponte Sampaio, Ribadeo, San Sadurniño, Valdeorras e Vilasantar .

Ademais dos vídeos realizados polas protagonistas e narradoras, nesta nova páxina hai moita máis información dispoñíbel, como imaxes das participantes, a transcrición das súas historias, vídeos de cómo se levaron a cabo as iniciativas e fotografías das súas presentacións públicas, entre outros.

Memoria de Muller

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten os seus obxectivos fundamentais promover o uso das Novas Tecnoloxías na poboación. Dentro desta tarefa, a Rede fai especial fincapé naqueles colectivos onde a fenda dixital é máis evidente. Un destes grupos particularmente sensíbel son as mulleres de máis idade e, sobre todo, do rural. Memoria de Muller nace coa intención de propiciar un achegamento de ditas mulleres ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información.

Esta iniciativa consistiu en que cada muller, despois de ter recibido a formación tecnolóxica básica para crear un vídeo, fixera o seu propio, contando o que cada unha considerou oportuno das súas vivencias persoais. O esquema que se seguiu foi o propio dunha creación audiovisual: primeiro escolleron a historia que cada unha delas quería contar e, coa axuda do procesador de textos Writer, elaboraron un guión. Logo escolleron as fotografías e retocaron aquelas que o necesitaban coa ferramenta Gimp. O seguinte paso foi escoller unha música axeitada a través das múltiples posibilidades que ofrece a Rede para atopar música libre de dereitos. Unha vez que realizaron isto, procederon a narrar e gravar coa súa propia voz en formato dixital a historia que previamente escribiran. O último proceso foi o da montaxe, no cal ensamblaron todas as pezas anteriores e onde lle deron o aspecto final que os vídeos presentan na páxina.

O día 31 terá lugar un encontro de blogueiros coruñeses


O blogueiros coruñeses celebrarán o vindeiro día 31 a partires das 5 da tarde un encontro no Coffee Breaks do boulevar do Papagayo, local no que os asistentes poderán gozar dunha oferta de 2x1 nas súas consumicións e incluso instalarán unha consola de videoxogos na pantalla do establecemento para que os blogueiros máis rockeiros poidan amosar as súas habilidades no Guitar Hero.

Os autores de blogs que desexen asistir a este beers & blogs organizado por CoruBlogs deberán apuntarse no correspondente grupo de Facebook ou nos comentarios do LordMaX Blog.

A blogosfera italiana protesta contra a censura

Os blogs fixeron folga para amosar o seu descontento contra un proxecto de lei que pretende impoñer a rectificación forzosa.

Un proxecto de lei en Italia provocou que a blogosfera se declarase en folga. O denominado proxecto Alfano supoñería, segundo os convocantes da protesta, "unha mordaza á información na rede".

Os blogs que se uniron á convocatoria non publicaron este martes ningún artigo e, no seu lugar, penduraron o Manifesto polo Dereito á Rede e o logotipo da protesta: "Este blog ergue a voz. Contra a mordaza do PDL Alfano". Así mesmo, manifestáronse amordazados na Piazza Navona de Roma.

O proxecto de lei imponlles aos internautas a rectificación forzada, algo que os organizadores da protesta aseguran que foi "pensada hai 60 anos para a prensa e imposta a todos os blogs, con duras sancións económicas". Na práctica, aseguran, supoñería silenciar as conversas na rede e impedir a liberdade de expresión.

Segundo informa Público, os afectados pola medida cren que é unha escusa e unha coartada para "facerlle a vida imposíbel ao blogueiro" debaixo dunha "falsa aparencia de responsabilidade". Consideran que os posíbeis delitos de inxurias e de difamación xa abondan, en termos penais, para que lles teñan que engadir aínda multas de máis de 10 mil euros se non se retira unha determinada información.

A comunidade Minube.com achégalles aos internautas guías de viaxe personalizadas


A rede social de viaxes Minube.com vén de facer público un servizo que podería contribuír á creación dunha Internet un pouco máis fiable en materia de recursos para o turismo. É dicir: menos dominada polo corporativo e o seu punto de vista interesado de cara a onde ir e onde aloxarse, e con maior presenza da opinión dos internautas, en ocasións (non sempre), moito máis de fiar có devandito. Máis polo miúdo, a innovación posta en xogo por Minube.com consiste en guías de viaxe personalizadas que teñen o seu xermolo en itinerarios reais dos internautas. Segundo conta Baquia.com, a dita rede social (que se aproxima ao millón de usuarios únicos ao mes) quere con esta iniciativa tirar o máximo partido á nada desprezable cifra de internautas que reúne compartindo recursos, consellos e información variada sobre os seus desprazamentos.

Neste sentido, Minube.com é case como unha versión multiplicada até o infinito da vella teima que teñen os viaxeiros de amosar aos demais coas súas fotografías, só que aquí dun xeito máis libre (non hai ninguén que che impida apagar o ordenador e liscar). De feito, no que vai de vida da rede social, xa se fixeron públicas case 400.000 fotos e 3.000 vídeos. Tendo en conta isto, e tendo en conta que a través de Minube podemos obter información pormenorizada de case todas as cidades do mundo, os responsables da rede social consideran que as guías son un xeito inmellorable de sacarlle rendemento a tanto potencial. Haberá dous tipos de guías: as de Destinos ou as Guías Persoais, que son recursos postos en marcha a partir dos recantos preferidos que os internautas foran gardando nos seus perfís.

Isto parece que se acaba

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan TIC de Medidas Urxentes (PMU) a través do que se destinarán 8,34 millóns de euros ata finais de 2010 para garantir a aplicación efectiva das TIC na Administración autonómica, establecendo como prioridades as actuacións específicas no eido da Xustiza, a definición do modelo de e-Goberno de Galicia e a ordenacións das actuacións en materia de telecomunicacións.
O PMU é o primeiro paso na planificación estratéxica global no ámbito tecnolóxico da Xunta de Galicia, tendo en conta mecanismos de control que permitan optimizar o investimento e o gasto en tecnoloxía nun marco de austeridade e mellora na eficiencia dos fondos públicos.

Identifícanse 6 proxectos estratéxicos para esta lexislatura, sobre os cales xa se está a traballar, e que se inician de xeito inmediato, fixan as prioridades de actuación: o modelo de e-Goberno de Galicia, os servizos multicanle e as plataformas de colaboración, o Plan de sistemas de Xustiza, o sistema de información e xestión de persoal da Administración autonómica, a consolidación dunha plataforma corporativa de sistemas e continuidade de servizo e, finalmente, o Plan director de telecomunicación de Galicia.

En relación coa aplicación das TIC na Xunta, o plan prevé medidas orientadas a establecer modelos de coordinación en materia tecnolóxica; a optimizar e fortalecer as infraestruturas tecnolóxicas que dan soporte ao funcionamento dos diferentes departamentos; á definición dunha estratexia corporativa de portais web e plataformas de colaboración; ao deseño dun modelo de e-Administración coordinado cun plan de modernización da Administración pública; e ao deseño no eido da xustiza dun Plan TIC sectorial que dea resposta a un novo modelo de oficina xudicial.

¿Adeus ao Software Libre?
Pese a que non coñecemos con profundidade o PMU, dende a Ciberirmandade da Fala adiántanse a denunciar que os proxectos tecnolóxicos do bipartito desaparecen completamente sen alternativas concretas que os substitúan, de xeito que se diría adeus a iniciativas coma Mancomún, Galinux ou a Rede de Dinamización, pois a derrogación do PEGSI a favor do Plan Estratéxico Global (que se licitará este mes) podería condenar á desaparición ás iniciativas a prol do software libre mencionadas.

De todos os xeitos, estas apreciacións parecen ser precipitadas, xa que aínda non está publicado o Plan Estratéxico Global, así como a postura que tomará a Xunta con respecto do software libre, pois o único que se desprender polo momento é que o PEGSI non cumprirá o seu plan de execución ata 2012.

NOVAS RELACIONADAS
A NOSA TERRA

CIBERIRMANDADE DA FALA

VIEIROS

Miguiapractica.com: rede social galega para compradores e vendedores


O servizo, de nome Miguiapractica.com, foi posto en marcha por un grupo de emprendedores galegos coa idea de facilitar o día a día dos consumidores (que verán na web unha guía de produtos e servizos feitos e desenvolvidos dentro da nosa xeografía), e tamén dos responsables dos negocios (que poderán tirarlle partido para acurtar toda a distancia posible cos compradores).

O xeito de actuar que se lles achega aos primeiros é semellante á de calquera rede social: teñen liberdade para buscar produtos, probalos e dar logo a súa opinión. Este punto de vista persoal será logo un dos principais valores da web, ao ser tida en conta (de maneira individual e máis en conxunto) como guía de consumo feita, precisamente, polo consumidor. Polo que respecta aos emprendedores, terán marxe de abondo para entrar no xogo con todos os riscos que este achega: se o produto que promoven gusta, os clientes xa se encargarán de facelo saber, sendo unha fonte de promoción inmellorable. Pola contra, se o produto non gusta, terán que asumilo e afrontalo con melloras sobre este ou ben con novas estratexias.

Ao tratarse dunha rede social, o único requisito que se nos pide é efectuar un rexistro. As súas vantaxes son obvias: para os usuarios da Rede facilita o camiño de compra ou aluguer dun servizo ou produto, e para os empresarios supón un pulo importante ao seu labor de marketing (os clientes contribúen a isto en gran medida). Polo que respecta as opinións vertidas polos usuarios, dicir que se expresarán en clave multicanle: a través de etiquetas, imaxes ou mesmo vídeos.

A Xunta aprobará esta semana un Plan de medidas urxentes no ámbito das TIC

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, anunciou a elaboración dun Plan de medidas urxentes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, que será abordado no Consello da Xunta do xoves. Segundo avanzou Mar Pereira, este plan "marcará a folla de ruta no curto prazo" no tocante ás TICs, establecendo "as actuacións que se acometerán de xeito inmediato, así como a identificación de proxectos claves na lexislatura, que fixarán as prioridades nos próximos meses de goberno nesta materia".

Na presentación do evento La solución es digital, organizado por AETIC-Galicia, a secretaria xeral de Modernización salientou, ademais, que neste mesmo mes de xullo se iniciará a licitación do Plan estratéxico global da Xunta de Galicia, un instrumento que requirirá a participación activa dos diferentes axentes sociais: cidadanía, administración, sindicatos, universidades, empresas dos distintos sectores produtivos e asociacións e empresas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación de Galicia.

"Partimos do firme convencemento de que o investimento en novas tecnoloxías é rendible para a sociedade, sendo un instrumento esencial para promover a equidade, a sustentabilidade e a calidade dos servizos públicos", subliñou Mar Pereira.

Estes plans englóbanse dentro das actuacións desta nova Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e cumpre co seu obxectivo prioritario de calidade, racionalización das actuacións e mellora da eficiencia na xestión das tecnoloxías da información e da comunicación, así como de impulsar a incorporación plena da sociedade galega no mundo tecnolóxico.

"A administración buscará aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías como dinamizador económico e xerador de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos", así como utilizar estas tecnoloxías como "elemento de vertebración dixital", engadiu a secretaria xeral.

Poranse en marcha, apuntou Pereira Álvarez, "actuacións para fomentar a innovación, a iniciativa emprendedora, as vías de cooperación e especialización, e as explotación dos novos modelos". Todo sen esquecer as propias capacidades dinámicas deste sector e a influencia no mesmo das tres universidades galegas, capaces de formar a excelentes profesionais nas súas diferentes disciplinas, concluíu.

Axudas a autónomos para a compra de ordenadores

Hoxe saiu un publicada a Orde de axudas pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para que os traballadores autónomos poidan tramitar axudas para a compra de ordenadores persoais através das entidades colaboradoras coa Consellería de Economía e Industria.

Nesta ligazón, poderedes atopar a publicación no DOG de hoxe. E nesta outra podedes completar a información (interesante porque trae un google maps coa localización das entidades colaboradoras).

A modo de resume:

BENEFICIARIOS:

- Traballadores dados de alta no Réximen Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social con domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galicia

- Acudir a unha entidade colaboradora co seu DNI e o recibo do último pago mensual á SS (TC1). No caso de que no DNI non figure domicilio en Galicia poderá aportar certificado de domicilio fiscal da Axencia Tributaria.

- Quedan excluidos das axudas os comerciantes retallistas.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES:

- 45% da base imponible do coste do ordenador (portátil ou de sobremesa) ata un máximo de 350 €.

ENTIDADES COLABORADORES

- Na propia orde de axudas, na páxina 11753, podereres atopar a listaxe de entidades colaboradoras, a onde poden acudir os autónomos para
beneficiarse desta orde.

Os pais españois descoñecen as redes sociais

Máis da metade dos pais españois (o 54%) descoñece as redes sociais e o seu funcionamento e un 86% non controla totalmente o que fan os seus fillos na Internet, segundo se desprende do informe de seguridade 'Menores en Rede' da compañía Panda Security.

Este estudo, no que participaron 2.300 pais e máis de 1.100 mozos, reflexa que cerca da metade dos mozos de entre 15 e 18 anos, “utiliza diariamente Internet”. Ademais recolle que o 67 por cento deles afirma ter intentado 'hackear' (piratear) contas de mensaxería instantánea ou de redes sociais dos seus coñecidos nalgunha ocasión e, nun 30 por cento dos casos, utilizaron ferramentas especialmente deseñadas para elo.

Para os proxenitores os “principais perigos” que ameazan aos menores na Rede son os contactos con descoñecidos (32 por cento dos enquisados) e o acceso a información inapropiada como pornografía ou drogas (35 por cento). Sen embargo, ningún dos enquisados contemplou a posibilidade de que o seu fillo levase á práctica accións ilícitas, un aspecto que, segundo o informe, “demostra que non son conscientes de que os mozos dispoñen desta capacidade”.

Como “aspecto positivo”, resalta o coñecemento dos proxenitores sobre algunha das formas máis comúns de distribuír o software prexudicial, especialmente o correo electrónico. Neste aspecto o 86 por cento dos pais asegurou que non permitiría ao seu fillo abrir un correo electrónico de procedencia descoñecida.

Necesitan ampliar os seus coñecementos

O informe tamén desprende que o 63 por cento dos adultos recoñece ter falado algunha vez cos seus fillos sobre seguridade en Internet e o 65 por cento sinala que é capaza de controlar “en parte moito” o que fan os máis novos cando “navegan”. Segundo os autores do informe isto querer dicir que a intención dos pais por educar no uso adecuado de Internet aos seus fillos “é boa”, pese a que “deben facer un esforzo maior por ampliar os seus coñecementos e fortalecer o control”.

Listarobinson.es permite inscribirnos para non recibir publicidade non desexada


A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) presentou un servizo de Lista Robinson por Internet desenvolvido pola Federación de Comercio Electrónico e Marketing Directo (FECEMD) que permite aos consumidores inscribirse para non recibir comunicacións comerciais non desexadas por correo postal, correo electrónico, teléfono fixo e móbil (incluso por SMS).

Esta listaxe pretende converterse nun ficheiro de referencia e apóiase no regulamento aprobado en decembro de 2007 que obriga ás empresas, institucións e organizacións a consultar os ficheiros de exclusión antes de lanzar unha campaña publicitaria que utilicen datos persoais que figuren en fontes públicas (coma directorios telefónicos ou censos). O servizo será de balde para os consumidores, mentres que as empresas que desexen consultalo deberán pagar entre 150 e 550 euros.

Hai que destacar que a efectividade do ficheiro non se percibirá ata 3 meses despois da inscrición (xa que as compañías non consultan as listaxes de exclusión en tempo real), e non suporá unha blindaxe absoluta fronte á publicidade que recibimos hoxe en día (especialmente a través da Internet, onde non hai fronteiras) e incluso existe o temor de que os datos do servizo rematen empregándose de xeito perverso.

A revista 'Obradoiro de Artesanía' salta á rede


Presentouse o terceiro número da revista Obradoiro de Artesanía que, dende este momento, conta tamén coa súa versión electrónica na web obradoirodeartesania.com. A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, deu a coñecer esta publicación, que edita semestralmente a Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño como un "escaparate da heteroxeneidade da artesanía en Galicia, así como unha ferramenta de comunicación, de cohesión, desenvolvemento e de promoción do propio sector artesán".
Presentación da web

O feito de contar cunha páxina web supón unha "forte aposta" por parte da Consellería de Economía e Industria. O novo sitio permitirá un acceso masivo a todos os contidos da revista, tanto na súa versión en galego como na versión en inglés. Outra das novidades é que, a partir do terceiro número da publicación, distribuirase, ademais de entre artesáns, en 118 tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, centros públicos de ensino relacionados, museos e galerías de arte de Galicia e centros de artesanía do resto de España.

Segundo indicou Nava Castro, "a nosa intención é abrir a artesanía cara á sociedade e cara ao exterior e, ao mesmo tempo, ampliar a presenza do noso sector nos mercados". Ao mesmo tempo, permítelles ás propias persoas que se dedican á artesanía coñecer o traballo que se está a realizar en Galicia, ofrecerlles un espazo de exhibición da artesanía e darlles a posibilidade de coñecer as relacións entre a artesanía e outros ámbitos artísticos que forman parte dos contidos de Obradoiro de Artesanía.

A Rede de Dinamización supera as 24 mil persoas usuarias


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información acaba de anunciar que superou o fito de 24 mil persoas usuarias durante o pasado mes. En concreto, son xa 24.136 os cidadáns e cidadás que dispoñen de carné da RDSI, grazas ao importante incremento de altas que se produciu en xuño: 586.

Nas últimas catro semanas rexistráronse tamén 11.304 usos diarios das instalacións da Rede, nas que se impartiron 183 obradoiros. A estes acudiron 1.022 participantes ao longo das 1.673 horas nas que se estenderon. É asemade salientábel a realización de dúas iniciativas nas que participaron 55 persoas. De xuño destaca tamén a posta en marcha, en numerosos Centros de Dinamización, de Memoria dos Oficios, que segue executándose actualmente en moitos deles.

En canto aos datos globais da RDSI, desde xaneiro de 2007, data da súa posta en funcionamento, os obradoiros levados a cabo foron 4.908, nos que se formou a 31.865 participantes durante as 40.670 horas formativas que supuxeron. O número de iniciativas non quedou atrás, pois rexistráronse 352, todas elas cun grao alto de participación que elevou a cifra total a 14.352 persoas.

Gmail optimiza o seu sistema de etiquetas

Os usuarios que hoxe accederon a Gmail atopáronse cun importante cambio no servizo de correo electrónico de Google, que mellorou considerablemente o seu sistema de etiquetas, que adoptan unha nova ubicación (xusto debaixo dos cartafoles do servizo, tomando unha aparencia semellante aos mesmos), poden agocharse (nun principio a web amosará só as etiquetas máis utilizadas, deixando o resto ocultas, aínda que é posible personalizar este comportamento) e permiten a cualificación de mensaxes con etiquetas cunha mera operación de arrastrar e soltar.

Con estes cambios entendemos que as etiquetas compórtanse cada vez máis coma cartafoles, deixando de estar aloxadas nun recadro moi diferenciado, o que achega unha estética máis limpa e cómoda.