O Centro de Dinamización de Betanzos presenta o seu programa para xaneiro


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Betanzos vén de anunciar máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xaneiro na localidade coruñesa.

Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

- Mecanografía: o horario será de 18:00-20:00, os días 18, 19, 20, 21, 25, 26 e 27 de xaneiro.

- Iniciación ao procesador de textos Writer: os días 18, 19, 20 e 21 de xaneiro pola mañá en horario de 10:30-12:30 horas.

- Creación de contas de correo electrónico: terá lugar os días 4, 5, 7, 11 e 12 de xaneiro de 18:00-20:00.

- Alfabetización dixital: informática e internet: desenvolverase os días 4, 5, 7, 11, 12 e 13 de xaneiro de 10:30-12:30

Asemade, está prevista a realización de dúas charlas; a primeira levarase a cabo a partir das 11:30 do venres 8 de xaneiro e tratará sobre as posibilidades da formación en liña que ofrece a Rede de Dinamización e o día 22 de xaneiro a partir das 11:30 darase unha charla sobre o Google Earth e as súas posibilidades. Ambas as dúas teñen límite de prazas por “rigoroso” orde de inscrición.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas e outras actividades organizadas polo Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Betanzos, poden dirixirse ao enderezo: rúa Emilio Romay s/n, chamar ao teléfono 981 77 13 00 ou mandar un correo electrónico a rebeca.betanzos@dinamiza.fundacioncalidade.org

Twitter entra en beneficios por venderlles as súas mensaxes aos buscadores

A rede social de mensaxes curtas obtén 17 millóns de euros a cambio de facilitarlles as súas mensaxes en tempo real a Google e a Microsoft.

A rede social Twitter xa se pode considerar rendíbel despois dos acordos asinados con Google e con Microsoft para que os seus contidos poidan aparecer nos dous principais buscadores da internet. En total, Twitter recibirá 25 millóns de dólares (uns 17 millóns de euros), dos que 15 proceden de Google e 10 de Microsoft.

Este diñeiro permitiralle á compañía con base en San Francisco rematar o exercicio 2009 cun lixeiro beneficio, despois de pagar uns custos operativos de entre 20 e 25 millóns de dólares. Twitter conta, segundo a súa propia web, con 105 persoas empregadas.

Dende o seu nacemento en 2006, a compañía reuniu 155 millóns de dólares en investimento privado. Porén, até este ano carecía de ingresos e, polo tanto, de beneficios. Os millóns de usuarios que se uniron ao servizo gratuíto de Twitter, que permite compartir mensaxes de até 140 caracteres, fixeron eses contidos moi gorentosos para os buscadores.

Tanto Google como Microsoft consideraban que os resultados das súas buscas estaban incompletos sen os millóns de mensaxes de Twitter, que se incorporarán en tempo real aos buscadores.

A Xunta promove a creación de proxectos tecnolóxicos relacionados co Xacobeo 2010

Se ata o de agora a celebración do Ano Santo nos servía a todos os galegos e galegas para levar o nome do noso país por todo o mundo e para dar a coñecer a nosa cultura alén das nosas fronteiras, o Xacobeo 2010 vai ser, se cadra, un dos máis proveitosos para nós, os que ficaremos aquí despois da agardada oleada de visitas, posto que servirá para deseñar e desenvolver novos produtos e servizos tecnoloxicamente innovadores dos que sacar proveito unha vez rematado todo o axetreo.

Esta é a intención da Consellería de Economía e Industria: dar pe á creación de iniciativas tecnolóxicas relacionadas co Ano Santo coas que darlle soporte aos turistas, peregrinos e público en xeral que se achegan á nosa terra á procura de novas emocións e paraxes, unhas ferramentas tecnolóxicas que, pasado este ano, nos servirán a nós no noso día a día.

Para iso, esta entidade vén de resolver axudas por valor de un millón de euros para proxectos levados a cabo por 10 empresas galegas, unha convocatoria extraordinaria de axudas destinada a fomentar proxectos que, co Xacobeo como punto de partida, contribúan ao obxectivo a longo prazo de cimentar o crecemento socioeconómico de Galicia no desenvolvemento das súas capacidades científico-tecnolóxicas, en especial as promovidas polo tecido produtivo. Por este motivo, esta liña de axudas está enmarcada no Programa de Innovación Empresarial do Plan Galego de I+D+I.

As aplicacións baseadas en dispositivos móbiles para localización ou xeorreferenciación e as ferramentas baseadas na Internet participativa ou web 2.0, tales como as redes sociais, son o eixe dalgúns dos proxectos aprobados, que se valoraron positivamente polos servizos de alto valor engadido que ofrecían. Porén outros dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder as axudas foi a innovación tecnolóxica relacionada coa creación de contidos e plataformas virtuais especificamente vinculados á promoción do Xacobeo 2010 e á posta en valor do patrimonio artístico, histórico e cultural.

Asemade, segundo se indica no DOG, contan con apoio económico os proxectos relacionados coas infraestruturas tecnolóxicas e ferramentas destinadas á creación, difusión ou mellora de servizos audiovisuais de interese para a promoción ou soporte das actividades do Xacobeo 2010; as actuacións que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración, inventario e estudo dos elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Ano Santo; e aqueles proxectos que, con base nas TIC, permitirán darlle pulo á innovación e á mellora da competitividade e da calidade da oferta turística relacionada co Xacobeo: a promoción dixital do sector, a mellora das relacións cos clientes, o incremento da oferta de servizos e a diferenciación...

O Centro de Novas Tecnoloxías recibe o novo ano formando ao empresariado galego

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, non quere deixar de traballar en prol das TIC no vindeiro ano 2010 e xa vén de anunciar que para o mes de xaneiro, durante os días 19, 20 e 21, vai dar acollida a un laboratorio práctico orientado a formar a profesionais en ferramentas que permitan incorporar á empresa solucións de seguridade corporativa.

O curso vai dirixido a persoal ocupado, dos sectores público e privado, e responsables técnicos dos sistemas de seguridade, que obterán un coñecemento amplo sobre os sistemas de solucións en “situacións de risco”.

En total, terá un máximo de 15 participantes, que se poderán inscribir ata o próximo 31 de decembro, e que recibirán cadanseu certificado emitido polo Centro.

A selección, segundo veñen de anunciar os responsables do curso, “realizarase priorizando as solicitudes dos responsables que proporcionen un servizo cun amplo número de usuarios e aplicacións, e responsables de entidade de tamaño medio ou grande”.

Este tipo de sistemas sobre os que se impartirá o curso, segundo informan dende o Centro de Novas Tecnoloxías, “son unha necesidade nas organizacións en que a súa dimensións ou capacidade de crecemento deben manexar un alto número de usuarios e servizos, e cando esta xestión de contas se complica debido ao número de usuarios, a frecuencia dos cambios e a gran cantidade de aplicacións corporativas”.

Por exemplo, este sistema da solucións a situacións “de risco” para a empresa como a existencia de contas non asociadas a identidades, existencia de varias contas por identidade ou datos distintos nos diferentes sistemas de seguridade, referíndonse, por exemplo, á mesma persoa.

Polo tanto, a xestión de identidades permite obter un coñecemento profundo e inmediato de que e quen ten acceso aos recursos da empresa, evitando así accesos non desexados e usos incorrectos e ofrecendo, ao mesmo tempo, un maior coñecemento dos usuarios aos que se lles poderá ofrecer unha información máis axeitada e segura.

A Xunta anuncia a fusión da Rede de Dinamización e da de Telecentros nun só organismo


A Xunta de Galicia, segundo vén de anunciar hoxe mesmo Mar Pereira, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai por en marcha unha nova Rede Integral de Centros para dinamizar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no noso país, que fusione as antigas Rede de Dinamización e Rede de Telecentros, dous organismos que funcionaban co anterior Goberno e que tamén tiña como finalidade achegarlle as TIC á cidadanía con cadanseus recursos e maneiras de traballar.

Será unha rede que, segundo explicou, “garanta o uso racional dos recursos” e que, a través de profesionais e formadores especializados involucren á cidadanía na Sociedade da Información rachando coa fenda dixital existente nalgúns sectores e lugares.

Pereira, que interviu hoxe no Parlamento de Galicia, avanzou que en 2010 poranse en funcionamento os novos centros de Sarria, Ourense, O Barco de Valdeorras, Teo e Ribadavia, os dous últimos, engadiu, “inaguraranse o vindeiro mes”.

A secretaria de Modernización explicou que, “coa chegada do novo Goberno á Xunta existían dúas redes totalmente independentes e autónomas que sen embargo tiñan os mesmos obxectivos e estaban financiadas pola Xunta: a de telecentros, 56 aulas que dependían de Presidencia, e os da Rede de Dinamización, 60, da Consellería de Innovación e Industria”.

de forma eficiente e racional” a totalidade dos recursos dispoñibles. Neste sentido, Mar Pereira asegurou que, para o seu deseño, “foi necesario realizar un estudo en profundidade da situación de cada un dos centros e das duplicidades existentes, e analizar a demanda en cada localización”.

Esta nova Rede, segundo as verbas de Pereira, promoverá de forma “efectiva e real” o uso das TIC na poboación, e moi especialmente naqueles colectivos nos cales a fenda dixital é máis evidente, ademais de adicar unha especial atención ás pemes, micropemes e autónomos.

Asemade, a nova Rede, segundo engadiu Pereira, colaborará cos concellos galegos a través da FEGAMP, “para que acheguen o coñecemento da realidade local, o que permitirá cubrir 227 dos 315 concellos de Galicia”.

Por outra banda, Mar Pereira explicou que a Xunta enriquecerá a nova Rede co “apoio estreito e permanente” do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, deste xeito, engadiu, “a Rede terá a capacidade de proporcionar servizos de alfabetización dixital da poboación e dos colectivos onde a fenda dixital é mais evidente como o caso de mulleres, maiores, desempregados, dispacitados ou inmigrantes”.

Pereira engadiu que a nova Rede ofertará servizos de alto nivel a profesionais, con formación moi especializada e un Sistema de Certificación de Competencias no uso das TIC que, segundo explicou, “acreditarán as capacidades dunha persoa no ámbito da Sociedade da Información”.

Mar Pereira avanzou, por último, que o novo modelo de Rede despregará unha carteira de servizos axeitada e con capacidade para achegarse a toda a poboación, unha carteira de actividades formativas, de difusión e de alfabetización dixital que se presentará en xaneiro e estará presente en 2010 en 94 concellos de Galicia.

Industria ofrecerá 200.000 lectores de DNIe nos centros comerciais de Carrefour

O DNI electrónico está cada vez máis espallado entre a poboación español (chegando xa a máis de 13 millóns de cidadáns), pero o uso das súas prestacións avanzadas está limitado a un grupo moi reducido de usuarios, de aí que o Ministerio de Industria lanzase distintas iniciativas promocionais, entre as que está o reparto de lectores de DNIe de balde, que durante os últimos meses desenvolveuse a través da Internet en colaboración con distintos medios coma Código Cero, e que finalmente tamén terá unha contrapartida no mundo real, posto que dende hoxe mesmo distribuirán de balde máis de 200.000 packs que inclúen o mencionado lector e un CD co software necesario para o seu uso en máis de 70 establecementos de Carrefour.

Esta iniciativa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e conta coa colaboración de empresas privadas coma Tractis, Jazztel, Acens e Caixa Galicia.

A Rede de Dinamización fai balance en Betanzos


Durante este ano os obxectivos da RDSI para Betanzos foron os seguintes:

* Integrar os elementos tecnolóxicos na vida dos usuarios/as.
* Promover o uso da aula de informática do concello como lugar de encontro, traballoe ocio.
* Coñecer os aspectos máis básicos do ordenador.
* Manexar con soltura o paquete OpenOffice e o navegador Mozilla Firefox.
* Recoñecer as diferentes vantaxes que nos ofrece Internet como ferramenta para anosa vida diaria (correo electrónico, teleformación, compras on-line....)
* Acercase á Internet dun modo responsable coñecendo as súas posibilidades comoferramenta de traballo e de ocio.
* Descubrir o mundo das redes sociais e as súas posibilidades como novas formasde comunicación .


Un total de 200 novos usuarios, dos cales 75 eran homes e 125 mulleres achegaronse a aula este ano 2009.

Realizáronse un total de 35 obradoiros cun total de 245 participantes, máis mulleres que homes. Estes obradoiros representan 295 horas de formación gratuita.

A Dinamizadora quere dar as gracias a todos aqueles que confiaron na Rede de Dinamización como ferramenta de aprendizaxe e anima a todas as persoas que así o desexen a participar nos novos obradoiros que se levarán a cabo a partires de xaneiro do 2010.

O blogomillo non morreu, mudouse para as redes sociais

Tres anos despois do anunciado pasamento, o número de bitácoras na nosa lingua segue a medrar e a comunidade coordínase arredor da web 2.0.

Dende que, xa hai máis de tres anos, Xabier Cid anunciase a morte do blogomillo, a comunidade internauta do país mudou, mais segue viva. Aquela estrutura creada arredor das bitácoras evolucionou, como evolucionou a rede en si, e as redes sociais van substituíndo ou, cando menos, complementando, os xa case clásicos blogs.

Naquel ano 2006 nacía Chuza, a web galega de novas escollidas mediante un control editorial non xerárquico. A partir dese momento, foise convertendo nun punto de encontro para o blogomillo ou, cando menos, para os internautas do país, aínda que non deixou de recibir queixas por sufrir un certo grao de endogamia que, lonxe de diminuír co paso do tempo, foi aumentando. Este ano 2009 superou as 21 mil novas publicadas, fronte ás 18.500 de 2008 e as 16.200 de 2007. Porén, a porcentaxe de informacións enviadas polo grupo de usuarios máis activo -que foi variando co tempo- é cada vez maior. Cada ano fóronse sumando a Chuza aproximadamente unha cifra constante de persoas usuarias, arredor de 1.400.

A suposta "morte do blogomillo" tampouco é tal, se temos en conta as estatísticas da 'araña' de Blogaliza. No seu último percorrido pola rede atopou 144 novos blogs, que elevan a listaxe do blogomillo até as 8.704 bitácoras. Tamén gozan de boa saúde no que se refire ás actualizacións, con máis de 160 blogs actualizados no último día e case mil na última semana. Pola contra, 5.774 levan máis de seis meses sen actualizar, o que deixaría a cifra de blogs activos en algo menos de tres mil.

Parece evidente que, coa incorporación de cada vez máis poboación á "era dixital", tamén medrará o número de blogs. Porén, nos últimos tempos, novas fórmulas de participación na rede están a compartir espazo coas bitácoras. Por unha banda, as redes sociais están a servir en moitos casos como porta de entrada aos blogs, ou mesmo chegan a substituír a súa función. As que teñen máis uso no país son Facebook, con interface en galego dende xa hai tempo; de Tuenti, na nosa lingua dende hai só unhas semanas, e mais a rede social autóctona, Cabozo. As facilidades que ofrecen para compartir textos, imaxes ou vídeos á nosa rede de contactos instantaneamente superan as que ofrecen os blogs e o seu sistema de comentarios.

O mesmo acontece cos mini e microblogs, representados por plataformas como Tumblr ou Twitter, e a súa versión galega, Lareta, que permiten publicar todo tipo de contidos dun xeito sinxelo e inmediato. Por unha banda, Tumblr acabouse por converter nunha sorte de bitácora breve e rápida, coa posibilidade de publicar entradas de texto, vídeo, audio ou fotografías e redifundilas dun xeito sinxelo.

A nivel microblogs, ademais de existir a nosa Lareta, o internacional Twitter ten o galego entre as 20 linguas máis empregadas, segundo un estudo, o que demostraría que existe unha comunidade de usuarios moi activos en Galiza que contan a diario as súas experiencias e achados mediante breves mensaxes de texto. Con todo, os novos medios non van matar os blogs, ou cando menos non o blogomillo, pois son só un medio máis de expresión da blogosfera do país.

Unha empresa galega de deseño web recibe o recoñecemento da UE

A galega Factoría Eurodigital, unha empresa con sede en Pontevedra con máis de dez anos de experiencia no campo do deseño e do desenvolvemento de produtos audiovisuais en liña, vén de recibir un importante recoñecemento ao seu labor por parte da Unión Europea, que logo dunha década facendo reais os proxectos de outras empresas, chega nun momento de auxe para esta entidade.

A firma, á que lle debemos a creación de portais tan interesantes como www.descubregalicia.com e www.virtualplanet360.com, foi distinguida pola Unión Europea de entre máis de 1.500 proxectos pola súa faceta innovadora e creativa, dúas características que definen á perfección as ferramentas creadas polos seus deseñadores.

Esta distinción aínda adquire máis relevancia se temos en conta que 2009 foi declarado Ano Europeo da Creatividade e Innovación e que xunto a Factoría Eurodixital unicamente outras 16 empresas españolas foron recoñecidas no marco dun programa destinado precisamente ao fomento de iniciativas innovadoras e creativas.
Un grupo de expertos independentes responsables do desenvolvemento dos programas da Comisión Europea no ámbito da innovación foron os encargados de seleccionar as propostas que máis se axeitaban ao programa marco, entre os que saíu escollida a iniciativa galega.

Para José Manuel García Fernández, director de Factoría Eurodixital, este recoñecemento por parte da Unión Europea representa o “colofón a unha traxectoria que se iniciou fai agora 10 anos, cando un grupo de mozos entusiastas das novas tecnoloxías puxeron en marcha este proxecto con máis vontade que medios”.

A Xunta evitará duplicidades e porá en marcha un modelo territorial único de recursos para a sociedade da información

O obxectivo é poñer a traballar en sintonía a todos os telecentros de Galicia, cunha planificación conxunta e optimizando recursos

O Goberno galego buscará o consenso coa Fegamp e os concellos para deseñar un financiamento que garanta a sostenibilidade no tempo do proxecto

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, avanzou hoxe no Parlamento que o Goberno galego integrará nunha soa rede as diferentes redes de telecentros existentes, de tal xeito que por primeira vez Galicia terá un modelo territorial único de recursos para a sociedade de información.

En resposta a unha interpelación parlamentaria, o conselleiro recordou que ata agora coexistían a Rede de Dinamización da Sociedade da Información –dependente da anterior Consellería de Innovación e Industria- e a Rede de Telecentros de Comunicación da Xunta –da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual-, o que producía duplicidades e ineficiencias, xa que non había nin planificación conxunta, nin traballo compartido nin coordinación algunha.

Fronte a iso, Alfonso Rueda destacou que a Xunta daralle continuidade á Rede de Dinamización da Sociedade da Información cun proxecto global que unifique, baixo unha mesma marca e un mesmo modelo de xestión, ao conxunto de centros destas características existentes a día de hoxe en Galicia.

Unha auténtica rede de redes que permitirá integrar aos axentes implicados cunha estratexia definida e optimizar recursos, a partir dunha planificación e xestión unificadas. Na primeira fase deste proxecto contémplase o funcionamento conxunto dos centros existentes de titularidade da Xunta, un obxectivo que conta con máis de dous millóns de euros nos orzamentos autonómicos para o vindeiro ano 2010.

Coordinación coa Fegamp
En paralelo, e segundo anunciou o conselleiro, establecerase unha coordinación cos concellos e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para abrir a rede aos municipios e conseguir un despregue racional do sistema. Tamén coa Fegamp se traballa para artellar un esquema de financiamento consensuado cos concellos, para o sostemento do persoal en todos os centros da rede e con vocación de continuidade, xa que ata agora estes traballadores non tiñan estabilidade laboral.

O obxectivo do proxecto, que capitaliza a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, é poñer a traballar en sintonía todos os telecentros que existen en Galicia -329 entre as distintas redes-, planificando un modelo de rede único que funcione baixo as premisas da eficiencia e a austeridade, coa idea de xerar valor engadido na aposta polo coñecemento e sobre a base da colaboración entre todos os axentes, institucións e administracións.

Nese sentido, o deseño do modelo garantirá o exercicio dun liderado transversal do Goberno galego no impulso dun modelo de colaboración estable coas entidades locais. Ademais, permitirá definir unha carteira de servizos, actividades e recursos para toda a rede, buscando a súa especialización e complementariedade. Así mesmo, facilitará a integración na rede de novos recursos de valor engadido sobre os xa existentes.

O Goberno español destina 8,7 millóns de euros a promover o acceso das mulleres á Sociedade da Información

O Plan de Acción para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Sociedade da Información destinará máis de 8,7 millóns de euros até 2011 a fin de reducir a fenda de xénero no acceso ás novas tecnoloxías, estimada actualmente en dez puntos porcentuais.

O plan, proposto polos Ministerios de Igualdade, de Industria, Comercio e Turismo, e de Educación, persegue "incidir directamente na participación máis equilibrada de mulleres e homes na utilización das novas teconologías e ferramentas de comunicación" e evitar así unha "nova fenda dixital".

Para iso, o Plan articulará "recursos de formación, información e acceso ás novas tecnoloxías" para "aumentar o acceso das mulleres a estas ferramentas e estimular o seu protagonismo nos sectores tecnolóxicos da información e a comunicación" cun orzamento total de 8.712.000 euros.

En concreto, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo achegará seis millóns; o de Igualdade, 1,9 millóns e o de Educación, 744.000 euros. A execución, seguimento e avaliación do mesmo será responsabilidade do Ministerio de Igualdade, que anualmente valorará a idoneidade e cumprimento do Plan, segundo informou o Consello de Ministros.

Os fondos empregaranse en campañas de aprendizaxe dixital adaptadas a mulleres afastadas dos usos do TIC; reforzo da oferta formativa a colectivos femininos en situación de vulnerabilidade; apoio financeiro ao desenvolvemento de espazos web que visibilicen as achegas das mulleres en todos os campos do coñecemento e ao desenvolvemento de software libre de estereotipos de xénero que sensibilice e promova valores de igualdade, entre outras medidas.

Ademais, porase en marcha un observatorio permanente de estudo e avaliación sobre a presenza, usos, necesidades e demandas de homes e mulleres na Sociedade da Información.

A posible regulación de Internet provoca unha polémica en EE.UU.

As novas medidas do Goberno

O "spam" crecerá no ano 2010


As predicións sobre a evolución do spam para 2009 non se cumpriron e lonxe de decrecer, este tipo de ataques incrementáronse notablemente. A brecha dixital é a principal explicación pois pon nunha situación máis vulnerable a aqueles usuarios con menos experiencia na Rede e nas súas trampas, informa Revista de Internet.

Spamfighter recompilou un conxunto de ameazas que cobrarán protagonismo o vindeiro ano, co fin de advertir aos usuarios da importancia de estar alerta ante posibles fraudes. Martin Thorborg, cofundador de SPAMfighter, explica ademais que " o 2010 será peor xa que os spammers están constantemente desenvolvendo novos métodos".

Entre as principais ameazas identificadas estarían o timo nixeriano ou phishing. Uns ataques cada vez máis sofisticados grazas ao envío de correos personalizados que se aproveitan dos hábitos dos consumidores en Internet (bancos que se visita, ou artigos nos que está interesado). As estafas relacionadas con mensaxes de redes sociais tamén serán máis frecuentes en 2010.

A estas prácticas sumaríase o bombardeo publicitario a través do móbil. Este continuará, xa que a protección non é tan boa como nun computador e con todo son dispositivos cada vez máis usados para conectarse. Os avisos falsos sobre Windows 7 tamén serán aproveitados polos spammers. Hai que ter especial coidado cos posibles corres electrónicos fraudulentos pois os tradutores en rede son cada vez mellores e os erros menos frecuentes, aínda que sempre haxa algún e sexan estes os indicativos máis frecuentes de que o que se está lendo é unha mensaxe falsa. A compañía de seguridade tamén alerta de enlaces a dominios perigosos pola súa similitude cos máis coñecidos, esta práctica incrementarse sobre todo nas mensaxes escritas en chinés.

Os galegos utilizan cada vez máis internet para pedir cita co seu médico de atención primaria


Un total de 1.573.421 citas médicas foron tramitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) durante os once primeiros meses deste ano (xaneiro a novembro incluídos).

Cada día son máis os cidadáns galegos que solicitan unha cita co seu médico de Atención Primaria a través desta ferramenta informática e, de feito, as citas xestionadas polo departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía aumentaron en máis de 500.000, comparando co mesmo período do ano anterior, ao pasar das 1.065.180 dos once primeiros meses de 2008 ás 1.573.421 anteriormente sinaladas.

Segundo as áreas sanitarias, dende a de Vigo se realizaron máis de 388.000 solicitudes nestes primeiros once meses, seguida da de Coruña con máis de 269.000. A continuación situouse Santiago, con preto de 246.000; Pontevedra, con máis de 213.000; Ourense, con preto de 175.000; Lugo, con máis de 168.000; e Ferrol, con máis de 113.000.

No que atinxe aos meses do presente ano, o de novembro é no que máis citas se pediron a través da web, concretamente as peticións superaron as 162.000; seguido de outubro con máis de 157.000; marzo, con máis de 152.000; abril, con preto de 149.000; e xuño, con máis de 145.000. O meses nos que menos citas se pediron foron agosto, con máis de 115.000, e febreiro, con preto de 132.000.

Galicia, pioneira no conxunto do Estado
A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a Consellería de Sanidade perseguía o obxectivo de facilitar aos cidadáns as interacción e relacións coa Administración sanitaria.

Dende o seu inicio, o Servizo Galego de Saúde garantiu que todas as transacións efectuadas mediante este procedemento nas que interveñen datos de carácter persoal son feitas coas máximas garantías de seguridade.

Para realizar a solicitude de cita previa a través de Internet, os cidadáns deben entrar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) e dirixirse ao apartado de Cita de Atención Primaria, onde o paciente debe introducir os datos da súa tarxeta sanitaria e seleccionar as modalidades de cita que desexe. Tamén existe a posibilidade de consultar citas pendentes, así como anular ou cambiar calquera delas.

Ademais, a través da páxina www.sergas.es ofrécese un amplo catálogo de servizos, entre os que se inclúe a petición de cita previa, pero tamén outros como cambiar de médico, ou realizar trámites de tarxeta sanitaria. Tamén se pode coñecer o abano de facultativos dispoñibles e os lugares e horarios de consulta de cada un dos centros de saúde.

Política Lingüística confirma que Windows 7 estará en galego

O lanzamento da versión en galego non ten aínda data, pero será nun prazo máis breve do que tivo a versión na nosa lingua do Vista.

Windows 7 estará en galego dentro duns meses, segundo confirmou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O lanzamento do sistema operativo de Microsoft na nosa lingua chegará ao mesmo tempo cá versión en éuscaro, como acontecera co Windows Vista.

A versión en catalán de Windows 7 presentouse este martes, confirmando a especial atención que ten Microsoft cara ao mercado catalanfalante, pois dispón mesmo dunha web .cat nesa lingua. Ademais de Windows, atópanse en catalán o Microsoft Office -paquete ofimático-, o Windows Mobile -sistema operativo para móbiles-, o Internet Explorer -navegador- ou a plataforma de servizos web Windows Live.

Política Lingüística confirmou que xa se está a traballar no desenvolvemento da versión galega de Windows 7, polo que Microsoft continuará a liña marcada nas anteriores versións do sistema operativo, con Imaxin como socio tecnolóxico e co apoio terminolóxico do Termigal. Segundo explicaron dende a secretaría xeral, o lanzamento non será inmediato nin ten unha data exacta, por ser preciso facer unha revisión do vocabulario, aínda que se reducirán considerabelmente os tempos con respecto ao Windows Vista, por xa existir un traballo previo feito.

En marcha o proxecto PARNET-TIC para fomentar a sociedade da información no medio rural

A Deputación da Coruña lidera o proxecto Parnet-TIC, destinado ao fomento da sociedade de información nos territorios rurais, en colaboración coa Deputación e o Concello de Lugo, ademais doutras institucións de Francia e Portugal.

Este proxecto desenvolverase a partir das xornadas que se celebrarán na cidade de Lugo os próximos días 15, 16 e 17 de decembro. Nestas xornadas analizaranse as accións a desenvolver a través do programa Parnet-TIC, que ten como obxectivo o impulso das TIC nos territorios rurais.

A Parnet-TIC configúrase como unha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais. No proxecto colaboran 8 administracións territoriais de España, Francia e Portugal que comparten unha situación xeográfica e demográfica similar. Así, integran o proxecto a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo a través do INLUDES, a Deputación Provincial de Huesca, a de Almería, o Concello de Lugo, a Cámara Municipal de Agueda (Portugal), o municipio Ville de Pau (Francia) e a Pole Universitarie Europèen de Monpellier (Francia).

O proxecto vai ter unha duración total de 2 anos e conta cun orzamento de 1.888.321 euros, cos que se desenvolverán utilidades e servizos destinados á cidadanía do medio rural, para contribuír ao desenvolvemento equilibrado do territorio.

Este proxecto está integrado no programa de cooperación territorial Espazo Sudoeste 2007-2013 da UE que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial.

O proxecto conta con tres eixos básicos:

1. Deseño dunha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais

2. Servizos dixitais para a cidadanía

3. Plataforma para a participación cidadá

Este grupo de tarefas constitúe a primeira fase de execución do proxecto que ten como obxectivo o deseño do plan para a creación dunha rede transnacional de participación e servizos dixitais en territorios rurais. Neste grupo de tarefas implantaranse nos distintos territorios participantes as propostas do plan relativas a servizos dixitais de e-administración. O outro piar do proxecto é o fomento e mellora da participación cidadá nos gobernos locais (e-democracia) por medio da creación dunha plataforma transnacional de Participación Cidadá.

Xa está en liña o dicionario galego das TIC


O Dicionario Galego das Tecnoloxías da Información, digaTIC, desenvolvido dende a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia co financiamento da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, xa está dispoñible a través da web, de xeito que facilita á comunidade tecnolóxica a consulta dun amplo léxico técnico en galego que facilite a utilización e a propagación da nosa lingua nese ámbito, aglutinando un traballo conxunto de tecnólogos das TIC, deseñadores de aplicacións, docentes, lexicógrafos… que dende novembro de 2008 colaboran na procura dun conxunto de termos de proveito para todas as áreas técnicas do coñecemento.

Esta versión dixital conta con 4.000 termos e vai presentarse oficialmente o vindeiro día 15 no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.

Filtran o contrasinal de máis de 3.800 contas de Tuenti

Advirten de que máis de 3.800 contas de usuarios activos de Tuenti veñen de seren filtradas xunto co seu contrasinal, no que parece ser un caso de phishing que lembra á recente publicación de milleiros de contas de correo de Hotmail (filtradas por mor de que contaban cun contrasinal no feble).

Dende Tuenti están a reaccionar á situación conxelando as contas afectadas (remitindo información por e-mail de cómo proceder para a súa reactivación cun novo contrasinal), pero habería que lembrar aos usuarios vítimas da filtración que cambien os contrasinais do seu correo electrónico e doutros servizos web no caso de que coincidisen cos que empregaban en Tuenti.

Ícaro Moyano, director de comunicación de Tuenti, asegura que en menos de hora e media lograron protexer as contas afectadas e dar de baixa as páxinas web fraudulentas que suplantaban a Tuenti para captar os datos de acceso dos seus usuarios.

Obradoiro sobre Xestión de Identidades e Control de Accesos [CNTG, 19, 20 e 21 de xaneiro de 2009]

Prazo de inscrición: até o 31 de nadal de 2009

Data e lugar de celebración: os días 19, 20 e 21 de xaneiro nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela.

Organiza: Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia coa colaboración de Oracle.

Os laboratorios son gratuítos e están dirixidos a profesionais ocupados dos sectores privado e público con responsabilidades de xestión ou administración de numerosos usuarios ou aplicacións, responsables, en todo caso, de entidades de tamaño medio ou grande.

Contidos:

- Xestión de numerosos usuarios e/ou clientes a nivel de fornecedor de servizo ou Micro informática: Aprovisionamento de usuarios (altas, baixas, cambios de departamento,...), administración delegada, etc.

- Xestión dun amplo número de aplicacións ou políticas de seguridade: centralización de políticas de seguridade, Single Sign On, etc.

Máis información: folleto informativo

Inscricións: até o 31 de decembro na web do CNTG

Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior gasto en innovación tecnolóxica

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de presentar os resultados da Enquisa sobre Innovación nas Empresas 2008. Segundo este estudo, o gasto en actividades para a innovación tecnolóxica correspondente ao conxunto de empresas españolas ascendeu a 19.919 millóns de euros no ano 2008, o que supón un incremento do 10,1% respecto ao ano 2007. Isto representa o 1,9% da cifra de negocios das empresas con actividades para a innovación tecnolóxica correspondente ao ano 2008.

Entre as actividades innovadoras destacaron as de I+D, interna ou externa (que representaron o 53,2% do total do gasto en actividades para a innovación tecnolóxica) e a adquisición de maquinaria, equipo e software para innovación tecnolóxica (que supuxo o 31,1%).

O 34,8% das empresas españolas foron innovadoras no período 2006-2008, incluídas innovacións tecnolóxicas (de produto ou proceso) e non tecnolóxicas (organizativas ou de comercialización).

O 20,8% das empresas españolas foron innovadoras de produto ou proceso no período 2006-2008. Esta porcentaxe elévase ao 23,6% si adicionalmente considéranse as empresas con innovacións tecnolóxicas en curso ou non exitosas. A innovación de produto no período 2006-2008 representou o 12,7% das vendas de todas as empresas. Esta porcentaxe redúcese ao 5,7% en caso de considerar os produtos exclusivamente novos para o mercado.

Pola súa banda, a cifra de negocios debida a produtos sen alterar ou lixeiramente modificados significou o 87,3% do total.

Resultados por comunidades autónomas

En Galicia, o gasto en actividades para a innovación tecnolóxica ascendeu a 1.003 millóns de euros, o que representa o 5% sobre o total de gastos e sitúa ás empresas galegas na sexta posición no ranking de comunidades con maior porcentaxe de gasto en innovación tecnolóxica. As comunidades autónomas que tiveron maiores gastos en innovación tecnolóxica no ano 2008 foron a Comunidade de Madrid (38,5% sobre o total de gastos), Cataluña (19,0%) e País Vasco (9,0%).

Pola súa banda, as que presentaron os maiores crecementos respecto de 2007 foron Estremadura (48,1%), Comunidade de Madrid (32,8%) e Aragón (17,9%). A taxa de crecemento experimentada polas empresas galegas foi do 3,8%.