
Unha aplicación informática deseñada para nenos autistas estará axiña dispoñíbel na nosa lingua. O software, denominado Zac Browser, foi creado por un avó de Las Vegas para o seu neto. O feito de ser software libre facilitou a súa localización. O enxeñeiro Iago Seara, co apoio de Tadega, é o encargado da tradución.
Segundo informa o xornal Galicia Hoxe, un avó de Las Vegas (EUA), informático e cun neto autista, decatouse de que internet podería ser unha boa ferramenta para a rehabilitación do seu neto de seis anos. Con todo, o único que conseguiu foi o desánimo tras constatar que para o pequeno Zac Villeneuve a gran cantidade de cores, os banners e os contidos estridentes da rede non o axudaban en nada. Cos seus dotes de programador, John LeSieur deseñou un navegador web específico para cativos autistas, que simplifica a procura de contidos e elimina os elementos que afectan á mente de quen sofren o autismo.
Así, este informático estadounidense uniu os seus coñecementos aos de pedagogos e especialistas psiquiátricos para incorporar numerosas prestacións que fixesen adecuado o seu navegador ao autismo. O bloqueo dalgunhas teclas e funcións do computador para que o pequeno non se distraia con elementos secundarios, como o botón dereito do rato ou a tecla Imprimir pantalla; e outros elementos do navegador, como as iconas simplificadas e o seu gran tamaño, axudan ao neno a acceder de forma directa a xogos, contos ou exercicios mentais.
Aproveitando a súa pequena empresa de software chamada People CD Inc., deuse á tarefa de proxectar o navegador. Pronto, do obxectivo primixéneo de axudar a Zackary, LeSieur pasou a recibir noticias de centos de pais de fala inglesa de todo o mundo que probaran con éxito o Navegador Zac para Nenos Autistas (www.zacbrowser.com), colgado en internet. A aplicación de software ten agora unha versión en castelán e en breve estará dispoñíbel en galego grazas ao traballo do informático Iago Seara e á colaboración do colectivo Tadega (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega).
En canto o enxeñeiro informático Iago Seara soubo do traballo de John Lesieur quixo contactar con el. Así, o galego alzouse de motor dun equipo de especialistas que iniciaron o proceso de traducir a aplicación ao castelán. E o fixeron en menos de dúas semanas. "Admiro a filosofía de John porque quere levar o proxecto o máis lonxe posíbel para axudar a canta máis xente mellor. Iso paréceme precioso", apunta Seara. Así, sen ánimo de lucro e a través de software libre, ofrecen o navegador zac para quen o precise de xeito gratuíto, cunha simple descarga. "O software libre é moi importante cando o que se quere é chegar a moita xente. Neste sentido, a John insistíronlle en que debía cobrar e moita xente quixo facelo para subvencionar o proxecto, pero el sempre se negou", comenta. "De todos xeitos, é máis doado cando un dispón dos medios económicos ao alcance porque hai proxectos que carecen dun apoio monetario para sair", puntualiza.
Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega
Hace 2 semanas


0 comentarios:
Publicar un comentario