Un blog feito por maiores en Galicia, gañador do II Concurso Nacional de Mayores cON Iniciativa 2009

As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminino, gañadora do certame organizado pola fundacion Fundetec

A dinamizadora e participantes da iniciativa, promovida desde o concello de Allariz, recolleron o premio en Madrid da man de David Cierco, Director director general para el Desarrollo de la Sociedad de la Información

O certame recoñece o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais para fomentar a inclusión das persoas maiores na sociedade da información, así como a predisposición destas a aprender algo novo e perder o medo ás tecnoloxías.

Na iniciativa gañadora, impulsada polo Concello de Allariz, participaron 150 mulleres de ámbitos rurais que recompilaron os usos e tradicións das diferentes herbas medicinais da zona, realizando fotografías destas e colgando toda esta información nun blog. Deste modo, estes coñecementos transmitiranse ás xeracións futuras a través das novas tecnoloxías.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia colaborou de forma activa na convocatoria do certame ao terse adherido ao mesmo, no marco da Estratexia Galega para a Sociedade da Información, co obxectivo de incentivar a participación no concurso nesta Comunidade Autónoma.

O resultado é que Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa desta segunda convocatoria: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promovidas a través da rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información.

En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas habilidades no uso de Internet e do ordenador grazas a estas accións. A nivel estatal as actividades impulsadas por Maiores cON Iniciativa achegou as novas tecnoloxías a preto de 4.000 persoas maiores de dez comunidades autónomas diferentes. Xunto coa iniciativa de Allariz, Galicia concorreu á final nacional con outros dous proxectos, ambos lanzados dende a Rede de Dinamización:

* Memoria de Muller de Ribadeo, do Centro de Dinamización desta localidade no que participaron cinco mulleres que relatan en varias gravacións audiovisuais aspectos persoais, sociais e culturais da súa vida, mesturados con imaxes e música

* O blog Bergantiños: pasado e presente, do Centro de Dinamización de Carballo no que un grupo de maiores plasmaron as súas vivencias, recordos e tradicións relacionadas coa súa terra.

Yahoo! alíase con Twitter para ofrecer as súas actualizacións en tempo real

O buscador de Internet Yahoo! maila rede social Twitter, dúas aplicacións que van respectivamente á sombra de Google e Facebook na Rede, veñen de asinar un acordo de colaboración global polo que integran as actualizacións en tempo real dos máis de 600 millóns de usuarios que ten Twitter nos sitios de Yahoo!. Concretamente, esta alianza virtual permitirá que os internautas poidan ver e escribir tweets (mensaxes de 140 caracteres creados polos usuarios de Twitter) directamente nos sitios web de Yahoo!, así como publicar as súas propias mensaxes de Twitter sen sair do portal. Os responsables do buscador afirman que este acordo enmárcase dentro do obxectivo de Yahoo! de ser “o centro da vida online das persoas, e de ofrecerlles información relevante a nivel persoal de todas as fontes de Internet”, e únese ao asinado recentemente con Facebook, a outra gran rede social por excelencia. Estes acordos, segundo afirman os responsables de Yahoo!, transformarán ao buscador “nunha experiencia social persoalizable” que lle permite aos usuarios unificar a actividade de todas as súas experiencias sociais en Internet sen ter que ir abrindo unha e outra ferramenta. A compañía, asemade, planea mostrar procuras en tempo real de tweets ordeados por categorías como deportes, entretenemento e finanzas a finais deste ano, porén iso dependerá de como evolucione este novo servizo de dubidosa utilidade. Malia que Yahoo! non quixo comentar os termos financieiros do acordo asinado con Twitter, algunhas fontes aseguran que Microsoft e Google pagaron conxuntamente un total de 25 millóns polo dereito de incluir datos de Twitter nos seus resultados de procuras.

Fillos de Galicia ofrece a xestión e dirección dos seus proxectos na Rede

A asociación responsable da principal rede social da emigración galega en Internet, Fillos de Galicia, unha comunidade virtual que ten como obxectivo manter e divulgar a galeguidade entre os descendentes da diáspora galega, vén de anunciar que ten intención de traspasar os seus proxectos na Rede a outras entidades ou particulares que poidan xestionalos e melloralos, entre eles o máis coñecido, Fillos.org.

A decisión foi tomada logo dun ano de interinidade na dirección desta asociación cultural, e logo de comprobar que malia os repetidos intentos de promocionar o proxecto Fillos.org, o portal máis coñecido da entidade, o número de usuarios que entraron para formar parte do grupo, non superou o 1 por cento.

Fillos.org, unha rede social con máis de 6.800 galegos e descendentes adscritos, foi creada en 1997 por Manuel Casal Lodeiro, un informático fillo de galegos emigrados a Biscaia, que posteriormente dou lugar á creación da asociación Fillos de Galicia para darlle soporte legal e “organizar un grupo de xente comprometida coa galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”.

Agora, tras 13 anos de actividade na Rede, os responsables deste proxecto reclámanlle a algunha persoa ou entidade privada que se faga cargo da mesma xa que, segundo palabras do seu creador, “sen unha dirección eficaz é inútil”.

Casal Lodeiro afirma que prolongou a súa adicación ao proxecto “canto puiden” pero logo de varios anos advertindo que o proxecto dependía demasiado do seu compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos persoais a seguir nos postos directivos da asociación, algo que tamén anunciou o seu presidente un ano atrás.

A suma de “circunstancias persoais e económicas” levan agora á asociación a recoñecer que “non é quen de continuar cos proxectos”, e pídenlle a terceiras persoas que o intenten xa que “o noso público é importante e está aí, na Rede, agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”.

É por isto que a asociación vén de publicar unha convocatoria aberta a toda a cidadanía, á procura dun relevo na xestión e dirección dos seus sitios web, tanto de Fillos.org, como de Galeguidade.net, eTIqueTAL.com, Debulla.info, Nome-Galegos.info e Planeta-Galego.info entre outros dominios.

Mais iso si, os responsables da iniciativa lembranlle ás persoas interesadas en dirixir o proxecto que Fillos.org “é xa o sétimo centro galego do mundo en número de usuarios”, máis non así en solvencia económica, claro está.

O Dalai Lama estrea conta en Twitter


O microblogging está a converterse nunha moda que chega a case todos os ámbitos, e o último en sumarse á febre do Twitter non é outro que o Dalai Lama, que estrea conta verificada en tal plataforma, de xeito que garántese que estea actualizada polo propio Dalai Lama ou por xente da súa confianza, pois hai que lembrar que anteriormente existía un suplantador desta popular figura pública.

Polo momento a conta do Dalai Lama en Twitter emprégase para promocionar os contidos da páxina web oficial do Lama e das súas aparicións en medios de comunicación, de xeito que os interesados no seu día a día poden estar ben informados, e no momento de escribir estas liñas xa superou os 66.000 seguidores, aínda que dificilmente conseguirá o seguimento masivo doutros persoais, pois parece quedar claro que é un gabinete de comunicación o encargado de actualizar este espazo, de xeito que non é de agardar que haxa interacción cos seguidores, o que limita moito o atractivo de seguir a este líder relixioso a través da Internet.

Gadis lanza a web Bebegadis.com, con consellos de profesionais para as familias


A cadea de supermercados Gadis, coñecida por levar o peculiar estilo de vida dos galegos alén das nosas fronteiras, así como por facer famoso o noso lema por excelencia: “malo será”, vén agora de estrear unha peculiar iniciativa, a acción Bebé Gadis, que consiste entre outras cousas en lanzar unha web con consellos de profesionais e información de interese para os pais novatos, nunha nova acción de apoio ás familias.

Gadis puxo en marcha este proxecto para as familias de Galicia e O Bierzo as cales, se teñen un fillo ou unha filla ao longo deste ano, recibirán unha canastiña con produtos de alimentación e de hixiene para o coidado do bebé e da nai, así como unha práctica bolsa, consolidando a súa filosofía de cercanía ao cliente nun momento tan especial.

A entidade galega lanza a web Bebegadis.com, con consellos e información de utilidade sobre o coidado dos bebés, un novo espazo en Internet que se caracteriza pola súa interactividade cun foro habilitado para os pais, e pola posibilidade de plantexar dúbidas e consultas a un profesional, o cal resolverá todas as cuestións relacionadas coas necesidades dos acabados de nacer.

As persoas que accedan a esta web, segundo veñen de informar dende a compañía, poderán participar no sorteo quincenal dun portabebés, sempre e cando se rexistren previamente.

A acción Bebé Gadis xa comezou e para recibir a canasta cos agasallos, é preciso entregar un formulario en calquera dos 172 supermercados Gadis de Galicia, Ponferrada, Astorga e Bembibre, adxuntado unha fotocopia do DNI e do libro de familia.

Unha web revela cando non estás na casa


Please rob me' (en galego, por favor róubame) divulga todas as mensaxes dos usuarios de twitter que utilizan unha aplicación para móbiles chamada Foursquare.

Cargando Please Rob Me localiza a casa dun usuario que di estar fóra Please Rob Me localiza a casa dun usuario que di estar fóra

Foursquare permítelles aos usuarios dicir onde están nese momento, outorgándolles "medallas" no caso de que sexan os primeiros en "colonizar" un lugar determinado, por exemplo un restaurante. De seu isto podería resultar perigoso dado que se está revelando a dirección exacta de onde un se atopa.

Pero os creadores de Please Rob Me van máis aló e revelan a todo o mundo que usuarios están fóra da casa. Aínda que ese caso podería verse como extremo, non é estraño que moitas persoas divulguen en Facebook e demais redes sociais que saen de vacacións, ou que non van estar na casa todo o día.

Tampouco é raro atopar en Twitter diversos usuarios revelando a súa posición exacta. Na imaxe desta nota pode verse como un usuario revelou a dirección do seu domicilio en Nova York e como entón esa información é pública na internet, se non se toman as precaucións necesarios.

Os creadores da páxina aclararon que só tentan alertar os usuarios sobre como utilizan certos servizos da arañeira dixital e non facilitarlle o traballo aos ladróns.

Chantada inaugurará as catas por multivideoconferencia

Media ducia de telecentros do país dispoñibilizarán unha cata guiada onde comprobar da calidade da colleita da Ribeira Sacra no último ano.

A vila de Chantada acolle a vindeira fin de semana do 13 e 14 de marzo a súa tradicional Feira do Viño, evento que como cada ano inaugura o calendario de citas enolóxicas da Ribeira Sacra.

E desta volta, a exaltación do viño bota man das novas tecnoloxías para unha orixinal iniciativa que coordinará o Centro Multimedia de Galicia (CMG): unha cata guiada que poderá seguirse a través dunha multivideoconferencia. Participan, ademais do CMG de Santiago, os telecentros de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Catoira, Carballo, Tui e Oroso, ademais do propio local chantadino.

En cada un dos telecentros dispoñibilizarase todo o material preciso, desde os propios viños até as copas e cuspideiras. Desde o telecentro en Chantada, un enólogo coordinará o acto e dará paso a unha cata guiada. Haberá praza para 229 persoas, e as inscricións poden realizarse desde o luns 22 de febreiro a través da web do CMG.

Xornada sobre redes sociais na delegación coruñesa do ICOIIG

A delegación coruñesa do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) organiza para o vindeiro mércores, 24 de febreiro, de 18:00 a 21:00 horas, unha xornada sobre Márketing en Redes Sociais, impartida polo enxeñeiro industrial Alberto Lázaro Araújo, profesor na Escola de Negocios Caixanova, no local da delegación local sito na rúa Alameda nº 30, 7º andar. A inscrición para este relatorio é libre e de balde, debendo comunicarse con anterioridade por teléfono (981 225 826), fax (981 210 216) ou correo electrónico (cingalc@icoiig.es)

Con esta iniciativa preténdese que os empresarios coñezan os cambios tecnolóxicos e sociais que están a acontecer ao redor das redes sociais, entendan a oportunidade que representan para os negocios en xeral e servizos profesionais en particular, identifiquen as principais plataformas de redes sociais e dispoñan dunha metodoloxía para o deseño dunha estratexia de redes sociais.

A galega Buscadestinos.com promove a Rede participativa coa súa oferta de hoteis a 1 euro


A páxina galega Buscadestinos.com, especializada en aforrarlles tempo e esforzos aos usuarios da Rede que anden procurando un lugar ao que desprazárense, vén de anunciar o lanzamento dunha interesante oferta dirixida a poñerlles as cousas aínda máis doadas (e máis baratas tamén) aos internautas, tanto aos que viaxan longas distancias como aos que non. Máis polo miúdo, trátase da promoción X1EURO, lanzamento que consiste en pór cada semana, ao alcance de 15 membros da comunidade en liña, unha noite de hotel polo prezo de 1 euro. A oferta vén con dúas peculiaridades. Primeira: a estancia levarase a cabo nun hotel da cidade na que reside o gañador. Segunda: á volta da estancia, os gañadores teñen que completar un comentario sobre o establecemento en cuestión e dos lugares que recomenda visitar da cidade, amais de pasarlle a Buscadestinos dúas fotos e un vídeo da experiencia.

A canle para elixir a quen se vai facer con esta promoción é a seguinte: a través dun concurso que se desenvolve cada luns (e os venres no caso de haber repesca) na páxina do servizo galego no Facebook. Segundo apuntan os responsables desta iniciativa, a resposta da xente está a ser moi boa, acadándose un amplo nivel de participación (sobre todo de internautas galegos) e de repercusión, sendo moitos os usuarios que logo dan conta da súa experiencia en cadanseu blog ou espazo de rede social (Twitter, Facebook, etc), favorecendo o “boca a boca”. Para facérmonos unha idea, a día de hoxe xa hai máis de 2.000 persoas inscritas na promoción.

“O mellor de todo isto”, sinala José Alcañiz dende Buscadestinos.com, “é que tamén beneficia aos usuarios da nosa web, que deste xeito contan con comentarios de máis calidade sobre os hoteis, ademais de valoracións de persoas que residen na cidade de destino, que sempre son valoradas”. Podemos consultar as bases da promoción nesta ligazón, e nesta outra algúns dos comentarios dos internautas gañadores.

Facebook xa non permite en España o acceso a menores de 14 anos

A plataforma de redes sociais Facebook, atendendo ás esixencias das Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) elevou de 13 a 14 anos a idade mínima para poder abrir unha conta no seu sistema no caso de usuarios españois, o que supón «un paso significativo na adecuación dunha empresa multinacional de Internet ás esixencias de lexislacións nacionais como a española en garantía da privacidade», segundo un comunicado da AEPD (descargable en formato PDF).

España é o primeiro país no que impiden o acceso a Facebook a menores de 14 anos, de xeito que no resto do mundo a barreira está establecida nos 13 anos, evitando que os máis cativos déanse de alta en plataformas deste tipo porque enténdese que non son quen de tomar decisións legais como a cesión de datos á que accédese ao darse de alta en certas páxinas web.

De todos os xeitos, polo momento non hai sistemas fiables para determinar a idade dos internautas, polo que os menores de 14 anos continuarán a poder finxir ser maiores para darse de alta en certas páxinas web, e unha das poucas solucións a este problema sería a normalización do DNIe, que si garantiría a idade do interlocutor a través da web, pero que só pode aplicarse a España e goza dunha aplicación reducida polo momento.

O CMG acolle un curso destinado a profesores a distancia da plataforma PLATEGA

O Centro Multimedia de Galicia (CMG) que nas últimas semanas está a organizar diversos cursos de formación a distancia especializados en distintas temáticas, tales como cursos para instaladores de TDT vía satélite, cursos de iniciación a Internet, cursos de iniciación á informática... que aproveitan as vantaxes da videoconferencia para desenvolverse con éxito por toda a Comunidade, vén de anunciar a celebración, mañá venres día 19, dunha nova actividade de teleformación, desta volta dirixida a titores de actividades formativas a distancia na Plataforma de Teleformación de Galicia (PLATEGA).

Este curso está organizado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo de Formación do Profesorado, e impartirase en horario de 18:00 a 20:30 horas na Sala Audiovisual Access Grid do CMG, en Santiago.

Ao igual que ocorre con outras actividades formativas, este modulo poderá ser seguido a través de videoconferencia desde os Telecentros de Comunicación de Lugo (Centro Social Lamas de Prado), Vigo (Edificio do Concello), Ourense (Delegación da Xunta), A Coruña (Biblioteca Pública Miguel González Garcés) e no da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

Estes cursos, que se volverán a celebrar os días 5 e 26 de marzo, teñen como obxectivo analizar a función titorial desenvolvida nas actividades de teleformación, coñecer recursos e posibilidades das mesmas e formular novos deseños e estratexias metodolóxicas que poidan ser empregadas por estes profesores nas actividades desenvolvidas no marco de PLATEGA.

A Plataforma de Teleformación de Galicia está orientada a aproveitar a facilidade de distribución de materiais formativos e as ferramentas de comunicación das redes informáticas para crear un contorno de ensino e aprendizaxe. Deste xeito, e mediante unha conexión á Internet, os usuarios poden realizar actividades interactivas, acceder aos materiais precisos para adquirir o coñecemento, recibir axuda, realizar comunicacións ou avaliar o seu progreso.

Esta iniciativa segue a liña das actividades do Centro Multimedia de Galicia que se realizan para contribuír na formación de profesionais e potenciar, deste xeito, o sector audiovisual e multimedia galegos.

Imaxes de Betanzos


Un par de enlaces que me pasaron.

Unha usuaria de Flickr.

Un grupo tamén de Flickr.

Unha bitácora recolle todos os movementos e fichaxes das orquestras do país, así como as súas próximas actuacións.

"Festa a festa... e sigo porque me presta" é o título dun blog que recolle todos os lercheos relacionados coas orquestras do país e, en xeral, co mundo das verbenas e dos espectáculos ao vivo. A bitácora, elaborada "de maneira altruísta por un afeccionado ás festas e verbenas galegas" dispón dun apartado multimedia e dun calendario de festexos.

Como exemplo das últimas novas, Festa a festa infórmanos da fichaxe sorpresa do cantante Jonathan Enrique pola orquestra Panamá, procedente da Versalles. Tamén podemos coñecer os próximos actos da Panorama, o mesmo día en Vilagarcía e en Compostela, e a nova imaxe do grupo Master, que estrea integrantes.

En definitiva, o blog pódese converter nun punto de encontro para toda a comunidade verbeneira, e ademais en galego.

YouKioske.com permite o acceso de balde a centos de publicacións impresas


Cando dende DivX ofrecían a plataforma Stage6 para cargar vídeos na web utilizando o seu popular formato moitas foron as páxinas web que vampirizaban tal servizo para ofrecer contidos audiovisuais vulnerando os dereitos de autor, e esa mesma práctica trasládase agora ás publicacións impresas, de xeito que espazos coma YouKioske.com aproveitan a infraestrutura de Issuu para amosar publicacións en papel dun xeito atractivo a través dun reprodutor en Flash para achegar revistas, libros, comics e xornais escaneados de balde, á vez que inclúen numerosa publicidade no sistema.


Aínda que os contidos ofrecidos por YouKioske.com están dispoñibles en Issuu.com, a súa localización directa é bastante difícil, de xeito que este servizo facilita enormemente o acceso ás revistas e xornais que están actualmente no quiosco, sumando máis de 3.500 publicacións, o que podería provocar un importante dano ás industria editorial.

O servizo podería entenderse coma un «YouTube de revistas e xornais», por estar alimentado polos seus usuarios, aínda que neste caso destaca a ausencia absoluta de control do respecto aos dereitos de reprodución das obras difundidas.

Os blogs chegan á Universidade como ferramenta de ensino-aprendizaxe

Un grupo de docentes da Universidade Rey Juan Carlos veñen de atoparlle a utilidade que merecen as novas tecnoloxías aplicadas ao ensino, e acaban de adoptar o blog como método habitual na súa docencia, unha ferramenta en liña que lle engade creatividade e orixinalidade aos días lectivos dos universitarios.

A novidade deste proxecto, no que a entidade académica é pioneira, radica en que non só lle permite aos estudantes facer entradas nunha determinada web, senón que os profesores e profesoras poden ter en conta, á hora de poñer a nota, as puntuacións que os compañeiros de clase se deron entre sí.

Uns 350 estudantes de media ducia de asignaturas xa levan catro anos participando nesta experiencia, que puxo en funcionamento o Departamento de Sistemas Telemáticos e Computación, para levalo a cabo en asignaturas de carácter non técnico.

O sistema, segundo explican os seus responsables, é moi doado: os estudantes dunha determinada asignatura teñen que crear un blog e sindicarse a un planeta, unha web na que as entradas que fan os estudantes nas súas propia bitácoras se van agregando por orde cronolóxico inverso, como se formasen parte dun único blog.

Pese a que os blogs xa se empregan de maneira moi frecuente noutras universidades, o que fai diferente a esta iniciativa é que lle permite aos estudantes puntuar e valorar as aportacións dos seus compañeiros nun único planeta, repartindo os puntos dos que dispoñen (que teñen un límite) entre as entradas que consideren mellores.
A principal vantaxe desta ferramenta radica en que os estudantes vense na obriga de crear os seus propios contidos e non ser meros consumidores do que lles colgan os seus profesores e isto permite que se impliquen máis no proceso de ensino-aprendizaxe.

Outra das vantaxes que sinala o profesor Gregorio Robles, un dos precursores da iniciativa, é que “como os alumnos son libres tamén para comentar dende un punto de vista persoal aspectos da asignatura, ao final consegues crear lazos entre eles baseados na materia e que se coñezan pese a estar en campus distintos”.

O departamento de Sistemas Telemáticos e Computación é moi activo no uso das novas tecnoloxías na metodoloxía docente. Case todas as materias que imparte en diferentes graos e masters están en Internet en aberto, o que supón que calquera pode descargarse os contidos (PDFs, vídeos, etc). Ademais do material do profesor, pódese consultar toda a actividade da clase en foros e chats.

Carballo, Ribadeo e Allariz, gañadores do Concurso Mayores con Inicativa Galicia 2009

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausurou a entrega de premios ás mellores iniciativas galegas

Un proxecto que prentende recopilar e transmitir os beneficios das tradicionais herbas medicinais, un testimonio audiovisual de mulleres que narran lembranzas da súa vida desde unha prespectiva de xénero e un blog que recolle a historia dunha comarca a través das experiencias dos seus habitantes, son as tres iniciativas gañadoras do I Concurso 'Mayores cON Iniciativa' Galicia 2009.

O certame está organizado pola fundacion Fundetec para recollecer o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais que fomentan a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como, a predisposición dos maiores que se animan a participar nestas actividades coa ilusión de aprender algo novo e perder o medo ás Novas Tecnoloxías.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia colabora de forma activa no proxecto, ao adherirse ao mesmo no marco da Estratexia Galega para a Sociedade da Información, co obxetivo de incentivar a participación no concurso nesta comunidade autónoma.

O resultado é que Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa desta segunda convocatoria do certamen: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promidas a través da Rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información. En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas destrezas no uso de Internet e o ordenador gracias a estas accións.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou durante a clausura do acto a importancia das Novas Tecnoloxías, que "multiplican á promoción das habilidades e, por suposto, á igualdade". Estas posibilidades, subliñou a titular de Benestar, son "especialmente relevantes" para as persoas maiores.

A tres mellores iniciativas de Galicia son:

* As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina. do Concello de Allariz. Nesta iniciativa participaron 150 mulleres de entornos rurais que recuperaron os usos tradicionais das diferentes herbas medicinais da zona, realizando fotografías das mesmas, e colgando toda esta información nun blog. De este modo, estos coñecementos transmitiranse ás xeracións futuras a través das Novas Tecnoloxías.

* Memoria de Muller de Ribadeo. do CDSI de Ribadeo. O proxecto de Memoria de Muller desenvolveuse en diferentes centros de Dinamización co obxectivo de recuperar a memoria histórica da muller galega e transportar as súas lembranzas cara o futuro. No caso de Ribadeo, participaron cinco mulleres que gravaron cadanseu vídeo no que relatan aspectos persoais, sociais e culturais da súa vida, misturados con imaxes e música. Estes vídeos están accesibles na web de Memoria de Muller.

* Bergantiños: pasado e presente. do CDSI de Carballo. Mediante esta iniciativa un grupo de maiores, ten plasmado, nun blog, as súas vivencias, lembranzas e tradicións relacionadas coa súa terra, publicando os seus textos e as súas fotografías para poñelas a disposición de calquera persoa que queira coñecer mellor a historia da comarca de Bergantiños.

Ademáis de recibir como premio un trofeo tecnolóxico, estas tres iniciativas pasarán á final nacional, xunto coas mellores iniciativas do resto das comunidades autónomas participantes, e poderán optar ao Premio do II Concurso Nacional de Mayores con Iniciativa 2009, que se resolverá o 25 de febreiro en Madrid.

A UNED organiza en Viveiro un curso de e-learning 2.0

O Concello de Viveiro, en colaboración coa Universidade a Distancia (UNED) en Lugo, vén de anunciar a celebración, o vindeiro 23 de febreiro, dunha xornada sobre Tecnoloxías da Información e da Comunicación de última xeración, E-learning 2.0, que impartirá o profesor Manuel Gromaz Campos na Aula Universitaria de Viveiro.
O curso, que ten como obxectivo propocionarlle ás persoas asistentes as destrezas e competencias necesarias para empregar entornos virtuais open source de última xeración dende un punto de vista didáctico, ten un custe de 5 euros e outorgaralle 1 crédito UNED de Libre Configuración e 0,5 créditos ECTS a tódolos asistentes.
A xornada consta de dúas sesións, unha primeira sesión presencial, de catro horas de duración e outra sesión virtual, de 21 horas, baseada na aprendizaxe a distancia e na interactividade virtual cos alumnos, é dicir, o que se coñece como metodoloxía Blended-learning.

Os alumnos e alumnas asistentes, que recibirán cadanseu diploma acreditativo, traballarán fundamentalmente con tecnoloxías de software libre de última xeración, tales como Webminars, LMS, ePorfolios, Redes Sociais, Entornos Virtuais 3D…
Os contidos que se van tratar na sesión teórica son, entre outros, unha introducción ao que é o e-learning e unhas nocións básicas sobre o que é o software comercial e o software libre.

Tamén se tratará o tema da e-learning na empresa e na administración para logo, no obradoiro virtual, aprender a crear, administrar e xestionar cursos virtuais a través de sistemas de xestión da aprendizaxe.

O temario tamén inclúe, nesta sesión virtual, o emprego de ferramentas de comunicación sincrónica (tutorías en liña), así como o emprego de ferramentas de comunicación asincrónica, como son os debates e o traballo en grupo.
Por último, as pesoas asistentes iniciaranse no deseño en liña de contidos.

Bota a andar a páxina web sobre o Plan de Ordenación do Litoral


A Xunta de Galicia activa hoxe unha páxina web sobre o Plan de Ordenación do Litoral, publicación web que é unha das medidas potenciadas polo Goberno galego para cumprir co compromiso de máxima transparencia no deseño e definición deste proxecto de ordenación territorial. O Plan de Ordenación do Litoral ten por obxecto establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a habilitar unha oficina de información nas dependencias da Consellería en San Lázaro, na que a partires da vindeira semana estará dispoñible a totalidade da cartografía impresa do POL, a disposición dos concellos e dos cidadáns, así como un sistema avanzado de consultas de análise territorial e dous técnicos para solucionar dúbidas e recoller suxestións.

Por outra banda, dende a páxina web pódense descargar e consultar todos os contidos do Plan do Litoral para que os concellos e os cidadáns teñan acceso directo a información relativa ao plan do litoral, que actualmente está en fase de audiencia por parte dos concellos e das entidades e organismos relacionados coa ordenación do territorio. Este período de audiencia é un tempo no que se busca a participación das entidades locais para que formulen as dúbidas e propostas que consideren oportunas sobre os obxectivos que suscita o plan.

Os contidos que se poden consultar nesta páxina están relacionados coa metodoloxía empregada, a síntese territorial, a normativa do plan, pero sobre destaca toda a documentación gráfica, particularmente a cartografía territorial con todo o ámbito de xestión do plan e todas e cada unha das máis de 400 unidades de paisaxe nas que se dividiu a costa de Galicia.

Plan de Ordenación do Litoral

Dende o Goberno galego defínese o Plan de Ordenación do Litoral (POL) como o documento necesario e inaprazable para a constitución dun marco normativo estable que protexa de forma efectiva o litoral de Galicia. Sen dúbida, tamén é un instrumento de xestión que xorde dende o convencemento de que protexer no é só prohibir, senón que consiste en xestionar un territorio ordenando os seus usos e atendendo á súa configuración natural e antrópica así como a os seus procesos e dinámicas, no marco dun novo modelo territorial. Un terceira definición deste instrumento de ordenación pivota no feito de que é un proxecto que recoñece as singularidade e elementos identitarios da costa e a sociedade de Galicia.

Filosofía de goberno

A Xunta de Galicia asume como filosofía de goberno o principio de que o desenvolvemento da Comunidade autónoma debe fundamentarse nun crecemento harmónico cos valores do noso territorio. Nese sentido, o litoral de Galicia presenta un diverso número de paisaxes e oportunidades, que entre todos debemos poñer en valor.
Neste contexto, o Plan de Ordenación do Litoral xorde como un instrumento capaz de favorecer unha xestión integral do territorio, un instrumento eficaz para dirixir os usos do chan co obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e competitiva pero ao mesmo temo máis comprometida coa sustentabilidade e a paisaxe.