
O informe 'As TIC na Administración Local do futuro', presentado por Telefónica, analiza a implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos concellos do Estado. A Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos obriga ás Administracións Públicas a que os servizos electrónicos sexan accesíbeis para todos os cidadáns a partir do 1 de xaneiro de 2010.
O informe, que analiza polo miúdo o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), pon de manifesto un desenvolvemento desigual da Administración Electrónica no Estado. Así, mentres algúns servizos teñen enorme éxito e até recoñecemento internacional, como é o caso da Axencia Tributaria, a Seguridade Social, o catastro ou o DNI electrónico, hai outras parcelas nas que hai que facer un maior esforzo, concretamente na Administración local. Ademais, o nivel de desenvolvemento das TIC neste ámbito presenta tamén importantes diferenzas, derivadas do tamaño dos concellos.
Un 85% dos municipios do Estado ten menos de 5.000 habitantes e son entidades que dispoñen de recursos limitados para abordar a implantación das TIC. Nese sentido, o informe inclúe un mapa de boas prácticas para aplicar as TIC á xestión local que reducirían o problema da fragmentación.
Tamén se atopa por debaixo da media das Administracións a taxa de computadores por cada cen empregados, con 57 equipos. Aínda así, o 82,45% dos terminais da Administración local están conectados a internet.
A porcentaxe de cidadáns con máis de 15 anos que contactan coa Administración a través de Internet está aumentando de forma moi significativa trimestre a trimestre. Así, no terceiro trimestre de 2007 xa era do 19,3%, fronte ao 16,9% do primeiro do 2006. Lideran a e-administración os servizos de petición de documentos e pago de impostos, ambos os dous por riba do 30%.
Un de cada cinco cidadáns do Estado xa fai uso da e-administración
7/7/08 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza
O DOG publica a convocatoria de axudas do programa Concellos Dixitais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde do 25 de xuño da Consellaría de Innovación e Industria que convoca as subvencións do programa Concellos Dixitais 2008-2009 no marco do PEGSI e do Plan Avanza que desenvolve a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
A convocatoria xorde a raíz da addenda ao convenio marco do Plan Avanza entre a Consellaría e o Ministerio de Industria para a posta en marcha do programa. Os seus obxectivos son, especificamente, implantar a Administración electrónica, fomentar a dispoñibilidade e uso dos servizos municipais dirixidos aos cidadáns e ás empresas, ofrecer servizos básicos dixitais e fomentar a aplicación de actuacións relacionadas coa cultura, turismo e ocio mediante o uso das tecnoloxías da información.
As súas actuacións financiaranse coa participación do Feder, polo que están condicionadas ao cumprimento da normativa europea na materia. As subvencións van dirixidas a concellos que desenvolvan proxectos no ano 2008 ou que se inicien no 2008 e rematen no 2009.
Pódense consultar os prazos e a documentación que se debe presentar nas páxinas do DOG.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Subvencións e axudas
Entrevista a Encarna, usuaria
Encarna é unha das moitas persoas que se achegaron os obradoiros de novas tecnoloxías que se están levando a cabo en Ordes grazas a colaboración da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, o Centro Comarcal de Ordes e o Concello da vila. Dende o pasado febreiro véñense realizando obradoiros de acercamento o mundo dixital. A afluencia é masiva e a experiencia moi boa. Falamos con Encarna e expresounos a súa opinión. Encarna ten 53 anos e durante 32 traballou aquí en Ordes na empresa Viriato.
¿Qué che parece a iniciativa da Rede de Dinamización?
A min paréceme moi bo porque sempre que haxa cousas novas que aprender, e saber un 
pouco máis sobretodo no de informática é importante porque é imprescindible sobretodo para a xente da nosa idade que non temos coñecementos do tema.
¿Sácacheslle partido?
Eu diría que si, porque non sabía nada. Terei que practicar pero deume unha base para desenvolverme.
¿Gustouche, paréceche interesante?
Paréceme moi interesante, gustoume moito. A profesora ten moita paciencia, moi clara e precisa. Calquera cousa que lle preguntes está ahí para clarexala.
¿Cantos obradoiros levas?
Pois xa van seis, e teño pendentes dous que me interesan.
¿Entón repetirás?
Si, consideroos interesantes. Gústame aprender cousas novas e isto apórtame coñecemento e iso é estupendo.
¿Algo que che chamara a atención?
Internet. Oira falar del pero ver que non ten límites é incrible.
¿Decepcións?
Exactamente nada, algúns camiños son largos. Os pasos que hai que seguir son as veces largos e confúndome as veces. Pero para iso continúo para aprendelos.
¿Algo que che gustaría que fixeran?
Gustaríame seguir practicando para aprender ben.
¿Que lle dirías a xente?
Hai moita xente que está na casa soa e triste, que saliran e se animasen a vir a estos cursos que aprenderan cousas novas que é moi gratificante.
3/7/08 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Entrevista
Publícase no DOG a resolución das axudas á implantación das TIC nas empresas

A Consellaría de Innovación e Industria vén de resolver a convocatoria de apoio ao tecido industrial galego para o seu desenvolvemento tecnolóxico coa concesión dun total de 331 axudas para a execución doutros tantos proxectos vinculados coa implantación das TIC nas empresas. A orde publícase este martes no DOG.
As devanditas axudas pódense consultar tamén na páxina web da Consellaría de Innovación e suman un investimento total de 5 millóns de euros, convocado polo departamento de Fernando Blanco para investimentos das empresas en materia de sociedade da información. Esta cantidade supera nun 66,6% o orzamento destinado ao desenvolvemento das TIC na industria o pasado exercicio e nesta ocasión as axudas chegan a cubrir o 70% dos investimentos dos proxectos, fronte ao 50% do ano anterior.
A maioría dos proxectos subvencionados (181) encádranse na implantación de aplicacións informáticas baseadas en código aberto e na adquisición de aplicacións de carácter produtivo, para os que se destina tamén a maior parte do crédito (2,65 millóns de euros). Outra das liñas de actuación con grande aceptación foron as axudas destinadas á mellora da infraestrutura interna, é dicir, a adopción e utilización máis eficiente por parte das empresas de melloras substanciais nos seus sistemas de información, como pode ser a implantación ou mellora da rede de datos internos dos negocios, liña na que se subvencionarán 89 proxectos cun orzamento global de 1 millón de euros.
Preto doutro millón de euros destínase a 38 proxectos de empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e das telecomunicacións, coa finalidade de xeraren novos produtos e servizos mediante o desenvolvemento de aplicacións informáticas baseadas en código aberto. Por último, 150.000 euros dentro desta convocatoria subvencionarán a formación técnica e promoción do sector TIC facilitando a presenza dos profesionais en foros especializados de comercialización, formación tecnolóxica e estandarización, así como a asistencia a cursos de formación específica e especializada nos medios de produción necesarios para o desenvolvemento da súa actividade. Neste campo subvenciónanse 23 proxectos.
2/7/08 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Subvencións e axudas
Dende a Asociación PuntoGal detallan que os novos gTLD deberán cumprir con condicións estritas para a súa creación
Representantes da Asociación PuntoGal nunha pasada xuntanza de ICANNA pasada semana a ICANN presentou na súa 32ª xuntanza internacional en París un breve programa actualizado sobre a introdución dos novos dominios xenéricos de primeiro nivel (gTLD) a través da GNSO (Organización de Apoio de Nomes Xenéricos), que elaborou unha política para guiar a introdución destes novos dominios que inclúen unha serie de criterios de selección, que os solicitantes deberán cumprir para conseguir a creación dun novo dominio, como serían a demostración da súa capacidade organizativa, técnica, operativa e financeira para poder levar a cabo as operacións de rexistro de dominios. As candidaturas tamén deberían ter que contar co respaldo unánime das comunidades ás que representan.
Todo isto o detallan dende a Asociación PuntoGal, que queren así desmentir as informacións que daban a entender que os novos gTLD se poderían rexistrar libremente, cando o proceso real é moi diferente. Tamén indican que os requisitos que se deberán cumprir non se coñecerán ata finais de 2008, e incluirán o pago dunhas taxas de solicitude nun proceso que se podería iniciar na primavera de 2009.
Durante o encontro parisino, os representantes da Asociación PuntoGal xuntáronse con Karla Valente, directora do programa de dominios xenéricos, para presentarlle persoalmente a iniciativa dun dominio de Internet para a lingua e a cultura galega; así como tamén mantiveron conversas con membros doutras candidaturas lingüísticas e culturais asistentes á xuntanza de ICANN.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: PuntoGal
Google homenaxea á Selección Española de fútbol
1/7/08 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo
O novo Bacharelato inclúe unha materia TIC e perde outra sobre literatura galega
O novo Bacharelato dará para o ano unha de cal e outra de area. Segundo informa o Consello da Cultura Galega, a partires do vindeiro curso será obrigatorio que todos os centros teñan a disposición dos rapaces unha materia de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) de natureza optativa. Por certo que esta incorporación, encamiñada a afianzar entre os nosos mozos e mozas o uso racional das redes do coñecemento, virá acompañada doutras iniciativas a nivel estatal como a posta en marcha dun portal web da escola 2.0 para a comunidade educativa (con mestres e estudantes interactuando e participando dun xeito semellante aos internautas que traballan man con man para facer programas e webs ou para enchelas de contidos).
Pola contra, e a xuízo de CIG-Ensino, os cambios aplicados na oferta dos institutos tamén ten lados negativos. Por exemplo, coa supresión da Literatura Galega do Século XX como materia a elixir de xeito libre. A medida, que o sindicato esixe que se retifique (para que se manteña non só a dita materia, senón tamén as de Literaturas Hispánicas e Literatura Universal Contemporánea), non significa segundo a Consellería de Educación que se deixen de impartir os ditos contidos, senón que estes virán inseridos xa noutras partes do programa formativo. Por exemplo: na propia materia de Literatura Galega.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza, Tecnoloxía
ViaMichelin tamén se apunta á Web 2.0 coa apertura dos seus Cadernos de Viaxe

A web de viaxes de Michelín, que naceu como un xestor de rutas de estrada de moito éxito e eficaz abondo, vén agora de apuntarse á tecnoloxía da Internet 2.0 coa estrea da súa propia rede social na que os internautas poderán compartir as súas experiencias con outros viaxeiros a través da Rede sen ter que cambiar de sitio.
A nova versión desta popular páxina inclúe agora a sección Cadernos de Viaxe, un espazo común que lle permite aos visitantes integrar e compartir calquera tipo de contidos cos demais internautas, tales como fotografías, espazos web, textos, vídeos...
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Webs
O Servizo Galego de Igualdade impulsará as TIC entre as mulleres do rural

O Servizo Galego de Igualdade (SGI) desenvolverá este ano unha novidosa iniciativa, no marco do Programa Emega, para dotar de novas tecnoloxías de información e comunicación a varias explotacións agrarias que sexan de titularidade ou de co-titularidade feminina.
Ademais, esta axuda incorpora a dotación en infraestruturas informáticas ás explotacións agrarias seleccionadas e achegaralles a estas mulleres emprendedoras a formación precisa no eido das TIC e da xestión empresarial, favorecendo así a mellora na xestión das súas explotacións.
A incorporación do programa Ainfogra, cuxo anuncio saiu publicitado no DOG do pasado venres 27 de xuño, nas explotacións agrarias lideradas por mulleres é unha das múltiples iniciativas programadas polo SGI para o ano 2008, e foi aprobado hoxe no marco do plan anual de actividades do 2008, no decurso da xuntanza do SGI que se desenvolveu este luns en Santiago, presidida polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza
A USC implanta a internet como único método para matricularse
Por primeira vez, dende este ano a matrícula na Universidade de Santiago só se poderá xestionar a través da rede. O proceso de matriculación comeza o 7 de xullo e estenderase até o 17 de outubro, con diferentes prazos dependendo de se as titulacións son con ou sen límite de prazas.
O único sector do alumnado que poderá aínda efectuar a matrícula de modo presencial nas Unidades de Xestión Académica correspondentes será o estudantado de primeiro ano. Tamén poderán optar por presentar a documentación por correo certificado ou ben na web usc.es/matricula.
O reitor da USC, Senén Barro, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, e a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja presentaron a oferta docente e o proceso de matrícula para a universidade compostelá do curso 2008-2009.
No curso que está a piques de rematar, o número de matriculados por primeira vez volveu crecer con respecto ao anterior período docente, o que en opinión do reitor permite falar dunha estabilización. Mentres que en 2006-2007 os matriculados por primeira vez ascendía a 5.526, un ano despois esta cifra aumentou até os 6.652.
Durante os dous últimos cursos promocionouse a utilización das TICs para a formalización da matrícula, mediante o sorteo de agasallos. Dese xeito chegouse, no curso que agora remata, a que preto do 60% do estudantado se matriculase por internet.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza


