Xuventude Galiza Net 08

Esta edición celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela os días 14, 15 e 16 de marzo de 2008. O espazo que segundo a organización máis e mellores requisitos cumpre de cara a albergar durante tres días a 1.500 rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos e con acceso de alta velocidade á Rede, xogos, consolas e todo tipo de actividades á súa disposición e, tamén, á disposición dos visitantes en xeral. Polo que respecta ó programa, vai collendo corpo devagar, pero de xeito continuo. Polo de agora, podemos constatar a continuidade dunha boa parte das actividades que máis éxito tiveron nas edicións anteriores (case-mod, concursos de fotografía, deseño web, animación ou 3D) e un afondamento en novos achados, como por exemplo no pulo ó software libre ou nas pontes xa tendidas o ano pasado con colectivos non moi familiarizados co uso das redes (se cadra máis necesitados de lan partys cá mocidade, que xa está case toda ela en liña) como por exemplo o colectivo da terceira idade.

Asemade, e para todos aqueles e aquelas que non consigan ou non desexen participar nas tres xornadas de rede de XGN, cómpre indicar que unha vez máis haberá extranet, ou, o que é o mesmo: un espazo semi-externo do encontro, de libre acceso á Internet de alta velocidade, e onde se dará cabida a expositores, patrocinadores, charlas, relatorios, mesas redondas e ás consolas e ós xogos máis requiridos a día de hoxe no mercado.

0 comentarios: