Arranca a convocatoria máis dixital de Redondela en Curto


Xa está en marcha a cuarta convocatoria do Festival Nacional de Curtametraxes Redondela en Curto, concurso encamiñado a ofrecer un espazo físico de presentación á meirande cantidade posible de obras galegas feitas e distribuídas con ferramentas do dixital (aínda que non necesariamente). O certame, que xa deu comezo este xoves 24 baixo a batuta do actor e presentador Xosé Barato (que participou na serie Os Atlánticos e presenta a día de hoxe o programa Historias de Galicia que emite a TVG), incluirá até o día 25 algo máis que unha longa listaxe de proxeccións: haberá sesións informativas e mesas redondas con distintos actores e directores do eido do cinema, a nivel galego e internacional.

O concurso abrangue dous apartados: Curtametraxes de Ficción e Premio do Público.
Como novidade nesta edición, os organizadores decidiron deixar no camiño a sección documental, debido a que a achega de filmes deste tipo que se achegaban era cada vez menor. Pola contra, apostouse máis pola ficción, seleccionando un número maior de curtas neste apartado.

De entre tódalas obras recibidas, o xurado (seleccionado entre profesionais, xornalistas e creadores relacionados co medio audiovisual) escolmará as 15 mellores.
O público asistente terá a posibilidade de outorgar o Premio do Público á súa película favorita, votando trala exhibición da mesma. O prezo para asistir a cada sesión será de 1,50 euros.

Asemade, nesta cuarta edición, a organización tratará de introducir a longametraxe no festival, a través da sección Máis minutos, para ir consolidándoa en anos vindeiros; deste xeito, o público que o desexe poderá asistir á proxección dunha longametraxe que contará coa presenza do seu director ou directora para, posteriormente, manter unha charla coloquio con el ou ela sobre a súa obra.

Os premios serán de 800 euros máis estatuíña para a mellor curtametraxe e de 300 euros máis estatuíña para a máis votada polo público.

0 comentarios: