Encontro cultural de blogueiros nos Pendellos de Agolada

Un grupo de blogueiros e blogueiras do país reunirase nos Pendellos de Agolada nun acto de confraternidade e que servirá para compartir as súas experiencias na rede. O encontro está promovido por Manuel Busto, autor de Aquam Latam.

Segundo informa a edición do Deza de La Voz de Galicia, a idea xurdiu no nadal, con vistas a desenvolver a xuntanza de confraternidade na primavera. Actualmente, está aberto un blog colectivo para organizar a xuntanza, onde se poden achegar suxestións e votar as propostas.

Os organizadores aspiran a xuntar medio cento de internautas no lugar, declarado Conxunto Histórico e Ben de Interese Cultural. Haberá megafonía, canón de vídeo e todo tipo de material e esperan contar coa experiencia dalgúns dos blogueiros máis veteranos.

Ademais da temática exclusivamente tecnolóxica, haberá un xantar e unha ruta turístico-cultural pola zona. O encontro contará tamén cunha parte musical, pois os membros do grupo Fuxan os Ventos xa se ofreceron para ofrecer un concerto en Agolada, actuará unha blogueira zanfonista e poderían intervir outro tipo de agrupacións.

O acto servirá, asemade, para reivindicar a posta en valor do lugar.

0 comentarios: