Galizaelectronica.com, novo espazo informativo na nosa terra sobre música alternativa


Co primeiro de abril xurdiron unha serie de importantes novidades na nosa Web, coma se estivesen en espera do bo tempo para agromar. Un destes lanzamentos en liña vén da man dun grupo de seareiros/as galegos/as da música electrónica, para quen estaba claro que un dos moitos ocos que ficaba por encher no panorama dixital da nosa terra era este, precisamente, o da actividade musical alternativa despregada por DJs, músicos en xeral, artistas, salas de baile, pubs e afeccionados.

Foi deste xeito como colleu corpo a páxina Galizaelectronica.com, un espazo que é un xeito de encher o devandito baleiro e tamén unha ponte (porque nace con vontade de unir ós seareiros e seareiras de todo o país) e mesmo unha plataforma de normalización do galego nestes ambientes.

Máis non fica aí a cousa: quen queira estar informado polo miúdo dos sitios e das activades onde máis e mellor música electrónica se escoite, xa pode ir gardando esta web en Favoritos.

A páxina, posta en marcha e mantida por Alberto (webmaster), Lorena, Iker, Estela e Gatinha (as tradutoras de textos ó galego) e Brath, ten o seu miolo no foro en liña, que non é outra cousa un espazo para establecer diálogo cos restantes internautas galegos afeccionados á electrónica. Amais de todo isto, a web inclúe interesantes seccións como reportaxes sobre artistas ou festivais senlleiros, guía de establecementos, novas, chat e mesmo un apartado para dar acubillo a biografías de DJs galegos e galegas.

0 comentarios: