O CESGA deseñará un curso de formación en liña para persoal de recursos humanos de toda Europa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellaría de Innovación, vai desenvolver, no marco do Proxecto YES (Youth Employment Support), un contorno virtual de formación baseado no software libre, que está implementado e adaptado para ofrecer formación ao persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas en Europa.

O departamento encargado de desenvolver este contorno virtual será a Área de e-Learning, que levará a cabo a formación do persoal a través de sete cursos piloto nos que se combinará a formación presencial coa formación a distancia (seguindo a denominada metodoloxía blended-learning).

O YES é un proxecto educativo financiado pola Comisión Europea no marco do programa Sócrates-Leonardo que está orientado a formar a persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas encargados de seleccionar e introducir a mozos e mozas aos seus postos de traballo nas empresas.

A formación que se vai impartir a través destes sete cursos prestará especial atención á dificultade que teñen para atopar emprego os mozos e mozas que non completan os seus estudos obrigatorios así como aqueles grupos de xoves con desvantaxes persoais ou socioeconómicas.

0 comentarios: