Primeira festa informática do Concello de Narón: a Naronline 2008


O Concello de Narón vén de anunciar a celebración da súa primeira festa informática, a Naronline 2008, que organiza coa axuda da Universidade da Coruña, da Fundación Tecnolóxica Río do Pozo e de diversas empresas relacionadas co sector das novas tecnoloxías da zona.

Os responsables deste evento, pensado para o lecer, a diversión, a aprendizaxe e o intercambio de experiencias entre os seus participantes, pretende dar acollida a unhas 400 persoas procedentes de toda a comarca e do resto de Galicia e España para, por uns días, animalos a dedicárense a realizar todo tipo de actividades relacionadas coa Rede, os videoxogos e as novas tecnoloxías en xeral.

O encontro terá lugar na Praza do Concello de Narón do 18 ao 20 de xullo e, amais de actividades “lúdico-festivas”, os asistentes poderán participar en obradoiros, competicións e relatorios baseados no futuro das comunicacións e no “novo negocio baseado nas TIC”.

I fin de semana tecnolóxico de Narón
Coincidindo coa celebración da súa primeira “Party”, o Concello ferrolán tamén vai celebrar o I Fin de Semana Tecnolóxico da vila, orientado ao mundo empresarial da comarca, que pretende ser un nexo de unión dos empresarios TIC da zona onde poidan “comentar as súas inquedanzas” e “atopar solucións” aos seus problemas técnicos máis comúns.

0 comentarios: