Santiago acolle este martes unha xornada sobre I+D nas cooperativas galegas


Este martes 17 a Consellería de Traballo organiza un encontro encamiñado a promover as vantaxes da innovación tecnolóxica en toda a cadea de xestión das cooperativas galegas. A xornada de I+D+i, que dá comezo ás 9.45 horas no Hotel Os Abetos de Santiago, contará coa presenza de Pilar Cancela, directora xeral de Relacións Laborais do dito departamento da Xunta. Máis polo miúdo, a idea que sostén o encontro (que conta co apoio do Consello Galego de Cooperativas) é evitar que no tecido económico e empresarial do noso país o eido das explotacións en réxime colaborativo fique de costas a un proceso máis que inevitable: a chegada da innovación a todos os niveis.

Asemade, daranse a coñecer as vantaxes dese proceso (maior competitividade, máis axilidade na xestión, etc) e avaliarase a situación do sector cooperativa na nosa terra.

A xornada, que inclúe no seu programa unha mesa redonda e tres casos de éxito en relación a iniciativas de I+D no sector, servirá tamén para presentar a web desenvolvida como instrumento de apoio e recollida de datos para os e as cooperativistas. Asemade, faráselle entrega aos presentes das dúas publicacións elaboradas coa temática da I+D.

0 comentarios: