Caja Madrid e Fademga integrarán as persoas con discapacidade intelectual nas TIC

A Obra Social Caja Madrid e Fademga Feaps Galicia asinaron un convenio polo que a entidade financeira achegará 95.750 euros a prol da inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual do país. Desa cantidade, 42.000 euros van destinados ao 'II Plan integral de formación de persoas con discapacidade intelectual para a súa capacitación laboral a través das Novas Tecnoloxías'.

As accións formativas terán como beneficiarios nesta convocatoria a preto de 250 persoas con discapacidade intelectual, ademais das súas familias organizando seminarios que melloren as súas posibilidades de empregabilidade. Grazas aos bos datos, tanto de acollida como de resultados, do primeiro plan, desenvolvido no ano 2007, engádese unha mellora: a utilización do ordenador dentro do programa formativo, como ferramenta fundamental no mundo laboral que é.

O principal obxectivo do II plan de formación é achegar o mundo da informática e o uso das TIC ás persoas con discapacidade intelectual de Galiza. Con isto, preténdese abrir novas vías para a súa integración laboral, xa que internet e as novas tecnoloxías supoñen un poderoso instrumento de cohesión social e territorial.

Pero, para que non se convertan, do mesmo xeito, nunha fonte de desigualdade, dende Fademga Feaps Galicia e Caja Madrid preténdese dar unha formación axeitada e especializada sobre o mercado de traballo e o acceso ao emprego, evitando a ‘infoexclusión’.

0 comentarios: