A Xunta activa a web das Eleccións ao Parlamento de Galicia


O vindeiro día 1 de marzo, todos os galegos maiores de 18 anos teremos a oportunidade de exercer o noso dereito a voto para elexir aos representantes do parlamento galego que nos gobernarán nos vindeiros catro anos.

A fin de ofrecer a meirande información posible sobre este proceso, a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de activar unha páxina web sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia na Rede.

O sitio está dispoñible en galego e castelán e, entre outras cousas, ofrécelle ao elector, datos sobre o proceso electoral, resultados de anos anteriores, calendarios… así como a posibilidade de recibir por SMS os avances de resultados en tempo real.

A web, á que tamén se pode acceder dende unha ligazón directa na páxina oficial da Xunta, conta con varios apartados nos que se organiza a información sobre os distintos aspectos do proceso electoral; de modo que en Información ao elector, por exemplo, pódense atopar datos sobre a acreditación do dereito a voto, os métodos de votación (presencial, por correo, accesible, do electorado temporalmente no estranxeiro, dos inscritos no censo especial de residentes ausentes no estranxeiro, do persoal embarcado ou en situacións excepcionais vinculadas á defensa nacional e dos electores en penitenciarías), as mesas e locais e a posibilidade de recibir os resultados por SMS.

Sobre isto, o cidadán que o desexe poderá solicitar a recepción no seu móbil dos resultados de avances e o reconto provisional mediante o envío de SMS durante a xornada electoral. Poderase pedir a información dun momento preciso do reconto ou mediante unha subscrición na que se darán os datos do reconto en cada fase do mesmo (ao 25%, 50%, 75% e 100%). A mensaxe conterá os porcentaxes de escrutinio e de abstención e o número de cargos obtidos por cada candidatura.

0 comentarios: