Mercado Galego


Mercadogalego.eu é un proxecto da Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Innovación e Industria, e consiste na posta en marcha dunha plataforma de venda en liña a través da que promocionar e vender os produtos dos comercios retallistas galegos. Esta iniciativa está pensada segundo expuxo a Directora Xeral, Dona Ana Rúa, para “poñer a disposición do conxunto do pequeno comercio de toda Galiza unha marca común con respaldo da Administración, baixo a que comercializar a súa mercadoría a través de Internet apostando ao mesmo tempo pola introdución das novas tecnoloxías e a modernización do sector”.

A Consellería de Innovación e Industria poñerá a disposición deste proxecto o sistema de xestión, a promoción da marca, así como a prestación de asesoramento continuo aos comerciantes que se sumen ao proxecto. Correrá por parte das tendas o compromiso de apoio e implicación con esta iniciativa, tendo en conta que o obxectivo primeiro deste proxecto é conseguir que os comerciantes dean o primeiro paso de achegamento ao comercio electrónico, e por iso o custo é cero e o seu uso moi sinxelo, xa que non hai que instalar nada nin ter coñecementos informáticos avanzados para formar parte.

Este proxecto está orientado tanto á venda de proximidade como para fóra de Galiza, pensando en atender as necesidades dos novos consumidores aos que lles gusta comparar prezos e calidade antes de mercar. A plataforma ponse a disposición tanto daqueles establecementos que queiran dar os seus primeiros pasos na comercialización en rede como daqueles outros que xa teñan a súa tenda en liña e queiran aproveitarse desta iniciativa.

O sistema permitiría introducir información da tenda, poñer unha serie de produtos á venda, facer campañas de promoción ou empregar tarxeta de crédito, entre outras facilidades.

Este pioneiro proxecto ten como obxectivo final que os comerciantes poidan probar se o comercio electrónico é unha boa ferramenta para dar saída aos seus productos, e co tempo se decidan a contactar cunha empresa que lle deseñe a súa propia presencia e estratexia na rede.

Desde a Dirección Xeral de Comercio espérase que esta importante aposta sirva para que o comercio estea preparado para o importante reto de adaptarse aos distintos hábitos de consumo que se están implantando e aos cales o comercio galego non pode ser alleo.

0 comentarios: