A Rede de Dinamización dá a coñecer as súas novas instalacións en Cambados

O sábado 7 de febreiro a Rede de Dinamización da Sociedade da Información deu a coñecer de xeito oficial un novo centro integrante: a aula de acceso e formación de Cambados, situada no Paseo da Calzada da vila arousá. O acto de apertura destas instalacións, que prolongarán e ampliarán as actividades xa postas en marcha previamente pola Rede e o Centro Comarcal do Salnés neste último espazo, contou coa presenza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; o xerente da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, Emilio Manuel Martínez e mailo delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla. Segundo fai saber a Dirección Xeral, a nova infraestrutura conta con 12 computadores, seis cámaras web, nove lectores de eDNI, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner e un canón. Todos os ordenadores teñen acceso sen fíos á Internet, máis polo miúdo mediante unha liña de datos de máxima capacidade. As veciñas e veciños que queiran facer uso da aula ou participar nas distintas actividades poden chamar xa ao número de teléfono 986 526 013.

Como dixemos, o centro de Cambados non xorde de nada: amais do propio respaldo da Rede de Dinamización e do seu equipo humano (en activo dende hai dous anos), a aula conta coa experiencia conxunta levada a cabo pola Rede e o Centro Comarcal do Salnés na sede desta entidade, que deu acollida a 74 obradoiros ao longo dun total de 634 horas e nos que participaron finalmente case dous milleiros de usuarias e usuarios.

0 comentarios: