Grande éxito de Xuventude Galiza Net 2009

A décima edición de Xuventude Galiza Net, que se celebrou por primeira vez no Multiusos Fontes do Sar en Santiago, pechou o domingo coa participación de 1.800 persoas e novidades como as conferencias, talleres e competicións de robótica.
XGN X

Segundo a organización do evento, superáronse as expectativas e respondéronse aos obxectivos de formación, socialización, emprego e coñecemento. Así, houbo presenza internacional con asistentes de Francia, Holanda, Inglaterra, Portugal e Italia.

A nivel de conferencias, estiveron presentes representantes de empresas como Microsoft, BluSens ou as compañías de videoxogos Pyro Studios e FX Interactive. Ademais, existía a posibilidade de ser escollido por algunha destas empresas para formar parte do seu equipo.

Robótica

En relación ao entretemento, en Xuventude Galiza Net os asistentes puideron programar os seus propios robots para participar, por exemplo, en loitas sde sumo ou escapar dun labirinto. Nas competicións de robótica tamén se incluíu unha carreira coincidindo co premio de Malaisia de Fórmula 1.

Entre as persoas gañadoras das diferentes competicións e concursos repartíronse discos duros multimedia, reprodutores de DivX, MP3, MP4 e ordenadores portátiles e de escritorio, achegados polas marcas patrocinadoras.

Novo espazo

Outra das novidades máis destacadas foi a visita do Embaixador de Lego, que presentou os últimos artigos da marca, aínda non dispoñíbeis no mercado español. Ademais, a lingua, a cultura e o patrimonio galegos tiveron un espazo relevante.

Un xeito alternativo de participar estivo dispoñíbel na entrada do Multiusos. Nesa Extranet situáronse os postos da Dirección Xeral de Xuventude, organizadora do evento, das distintas empresas patrocinadoras, ou a representación da Dirección Xeral da Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través de Mancomún. Tamén se dispuxo de espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas, zonas de obradoiros e outras actividades lúdicas relacionadas coa informática.

0 comentarios: