As redes sociais contribúen á creación de contidos na internet


As redes sociais son as plataformas dominantes e integrais en internet para a creación de contidos, e estanse convertendo nunha parte cada vez máis importante do consumo nos medios dixitais, segundo revelou hoxe un estudo realizado entre 22.729 internautas de 38 países. O estudo Wave.4 sobre o uso global das redes sociais, elaborado por Universal Mccann, reflicte que o 33 por cento dos usuarios activos de redes sociais soben vídeos desde estas páxinas, e non mediante a web de aloxamento de vídeos.

Segundo o estudo, o 64 por cento dos usuarios activos de internet empregan tempo en actualizar regularmente a súa rede social, sobre todo a actividade máis común é a subida de fotos para mostralas neses espazos virtuais, segundo o 76 por cento dos enquisados.

O director de contas de Universal Mccann Madrid, Idelfonso Tébar, explicou que a importancia das redes sociais radica en que os internautas activos entre 16 e 54 anos "úsanas como un navegador, todo o que necesitan téñeno alí".

No estudo tamén se apreciou un ascenso na utilización de "widgets" (aplicacións de contido), xa que o 34 por cento dos usuarios intégranas nas súas redes sociais, e o 24 por cento faio para "impresionar os seus amigos".

Os responsables do estudo informaron de que dous terzos dos usuarios actualizan cada día a súa rede social e que o 71 por cento empregan "moito tempo en visitar os perfís dos demais".

"As redes sociais son multimedia, xa non son tanto ferramentas para contactar con xente, senón tamén son unha ferramenta de expresión de gustos e afeccións", afirmou Tébar.

Ademais, destacou que o emprego do móbil en internet segue en aumento, chegando ao 50 por cento dentro dos usuarios activos, e dentro desta porcentaxe, o 17 por cento usa o móbil para actualizar a súa rede social en calquera momento e lugar.

Por último, o estudo estimou que unha de cada trece persoas é usuario de internet (625 millóns de persoas), e destes, un de cada tres é un usuario activo, é dicir, que se conectan a diario a internet.

0 comentarios: