Chega á Coruña a exposición dixital Movemento Avanza


A Rede tamén viaxa, e máis se do que se trata é de informar polo miúdo das súas vantaxes para empresas, institucións e cidadáns de a pé. Nisto precisamente consiste a iniciativa móbil que vén de arribar á Coruña da man do Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia: o evento itinerante Movemento Avanza, arestora na súa segunda fase.

Máis polo miúdo, trátase dunha exposición tecnolóxica sen base fixa e encamiñada a acurtar a distancia que afasta ás vantaxes das novas canles do coñecemento dunha boa parte da sociedade. Amais da exposición en si mesma, a iniciativa dá acubillo a todo tipo de actividades participativas, entre obradoiros e conferencias encamiñados a afondar na utilidade práctica das novas tecnoloxías. A día de hoxe, calcúlase que xa participaron na mostra arredor de 150.000 persoas de todo o Estado español.

Na inauguración desta etapa galega da iniciativa, que ficará na dita cidade até este 29 de novembro, participaron representantes do Goberno central e máis da Xunta, como por exemplo Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen aproveitou a oportunidade para enumerar os esforzos que o seu departamento está a desenvolver no impulso á Sociedade da Información, esforzos como por exemplo o Plan director de telecomunicacións, o afianzamento da Administración Electrónica ou o pulo ás novas tecnoloxías no eido empresarial.

Nun plano máis concreto, a secretaria xeral sinalou que o orzamento do programa global de telecomunicacións (abranguendo iniciativas como o devandito Plan director ou o despregamento da TDT) do Goberno galego é de máis de 260 millóns de euros para esta lexislatura. Dentro deste programa, engadiu, cobra especial importancia o impulso ao e-goberno, ou, o que é o mesmo, un novo tipo de relación -a través do dixital- entre as institucións públicas e os cidadáns. Neste senso, salientou a posta en marcha da nova face virtual da Xunta (un primeiro paso de cara á converter o portal “na ferramenta de referencia na Administración fronte á sociedade”, puntualizou) ou o desenvolvemento da páxina imit.xunta.es, un espazo habilitado para informar polo miúdo das accións que a Xunta leva a cabo en materia de Sociedade da Información.

0 comentarios: