Presentado por videoconferencia un titorial para protexer á nenez na Rede

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta vén de presentar unha nova ferramenta dixirida a fomentar unha Rede segura para a nenez. Máis polo miúdo, trátase do titorial A protección dos menores no acceso aos medios de comunicación, e, como o seu propio nome indica, pon en xogo unha serie de recursos para que os nosos cativos saiban identificar de xeito doado de que maneira se poden dar riscos ou ameazas no acceso ás canles da información. O manual, que foi dado a coñecer no Centro Multimedia de Galicia de Santiago e, a través de videoconferencia, en telecentros da nosa xeografía (Vilagarcía, A Cañiza, Oroso, O Barco, Lugo e Betanzos), ficará dispoñible para todas e todos os interesados nos diferentes espazos de conexión que a Rede de Telecentros da Secretaría Xeral ten espallados por toda a nosa terra.

Sobre a súa feitura, dicir que o titorial foi desenvolvido en Flash, e, como tódolos outros recursos semellantes que puxo en xogo a campaña Comunícate da Secretaría, está pensado para formar e informar a un público con escasos coñecementos informáticos.

0 comentarios: