Twitter entra en beneficios por venderlles as súas mensaxes aos buscadores

A rede social de mensaxes curtas obtén 17 millóns de euros a cambio de facilitarlles as súas mensaxes en tempo real a Google e a Microsoft.

A rede social Twitter xa se pode considerar rendíbel despois dos acordos asinados con Google e con Microsoft para que os seus contidos poidan aparecer nos dous principais buscadores da internet. En total, Twitter recibirá 25 millóns de dólares (uns 17 millóns de euros), dos que 15 proceden de Google e 10 de Microsoft.

Este diñeiro permitiralle á compañía con base en San Francisco rematar o exercicio 2009 cun lixeiro beneficio, despois de pagar uns custos operativos de entre 20 e 25 millóns de dólares. Twitter conta, segundo a súa propia web, con 105 persoas empregadas.

Dende o seu nacemento en 2006, a compañía reuniu 155 millóns de dólares en investimento privado. Porén, até este ano carecía de ingresos e, polo tanto, de beneficios. Os millóns de usuarios que se uniron ao servizo gratuíto de Twitter, que permite compartir mensaxes de até 140 caracteres, fixeron eses contidos moi gorentosos para os buscadores.

Tanto Google como Microsoft consideraban que os resultados das súas buscas estaban incompletos sen os millóns de mensaxes de Twitter, que se incorporarán en tempo real aos buscadores.

0 comentarios: