Nace unha web que cataloga centos de hórreos galegos


Co obxectivo de que os hórreos galegos “non caian no esquezo” e que se lle recoñeza “a súa importancia dentro da cultura galega”, a etnógrafa marinense Beatriz de la Torre Rey vén de presentar a súa web, www.horreosdegalicia.com, a meirande guía deste tipo de construccións elaborada ata a actualidade que recolle o froito de máis de cinco anos de estudos en torno a este elemento imprescindible na nosa xeografía.

En colaboración co fotógrafo Fernando Rodríguez Rodríguez, a autora catalogou centos de hórreos distintos en función das súas medidas, partes e localización, que agora mostra nesta web con cadansúas fotografías e información de interese adicional.

Cada hórreo leva adxunto, asemade, os datos básicos máis relevantes, un mapa indicativo da súa ubicación e algunhas indicacións que non deixan de ser, canto menos, curiosas, como o xeito de chegar ata el.

A clasificación que esta autora fai dos hórreos galegos inclúe unha relación dos mesmos por provincias e outra en función da súa estrutura.

Neste último caso, a web clasifica estas construccións nas seguintes categorías: con tres pés frontais, de varas, os máis longos, os de maior capacidade, os máis altos, os máis estreitos, pés e tellados e adornos.

0 comentarios: