Pecha a web francesa que facía tarefas escolares


O seu impulsor, Stéphane Boukris, recoñece que o servizo ía en contra da súa suposta utilidade pedagóxica.

A polémica web francesa FaisMesDevoirs.com tivo que pechar ás poucas horas da súa apertura. Nunha breve nota publicada no portal, o seu creador, Stéphane Boukris, recoñece que non foi unha boa idea propoñer que os estudantes pagasen por que lles fixesen as tarefas escolares.

"Hai case un mes, tivemos a idea de poñer á disposición dos internautas unha utilidade pedagóxica innovadora", explica. "Témoslles que presentar todas as nosas escusas na medida en que nos decatamos hoxe de que esta web vai en contra dos nosos propios valores".

A mensaxe conclúe afirmando que "queremos asegurar que as xeracións futuras serán mellores que as precedentes, algo ao que FaisMesDevoirs.com non pode contribuír de ningún xeito. As novas tecnoloxías débennos servir para mellorarnos e non para axudarnos". O equipo da web tamén se compromete a reembolsar os pedidos nun prazo de oito horas a quen llo solicite nun enderezo de correo electrónico.

0 comentarios: