Xa se poden elixir os mellores blogs do mundo

Desta volta non hai bitácoras galegas finalistas. En anteriores ocasións, tres publicacións do país obtiveron o premio organizado por Deutsche Welle.

Esta semana abriuse o prazo de votación da sexta edición dos BOBs, os premios internacionais de blogs organizados por Deutsche Welle. Na web dos premios pódense elixir as mellores bitácoras nun total de 17 categorías, entre elas o máis distinguido en 11 linguas -entre elas non o galego-. En total, compiten 187 blogs, podcasts e videoblogs dun total de 8.408 suxestións recibidas.

A novidade deste ano é a inclusión da categoría Premio Especial Cambio Climático, para recoñecer as mellores publicacións dixitais arredor da materia. Ademais, en xuño, o Foro Global dos Medios de Deutsche Welle estará relacionado coa mudanza climática.

Desta volta, dos 11 finalistas de cada categoría seleccionados polo xurado -formado por "blogueiros prominentes-, non hai ningún blog galego. As anteriores edicións dos BOBs xa tiveran protagonismo do país, cos premios que recibiron o coruñés Nacho de la Fuente, con La huella digital; o betanceiro Juan Varela, con Periodistas21, e mais María Amelia, finada en 2009.

Eroski Center achega a Galicia os seus pedidos en liña

Os establecementos de Eroski Center levan tempo cunha ampla presenza en Galicia, pero agora trasladan tamén o seu servizo de vendas á Internet, de xeito que dende a súa páxina web xa permiten facer pedidos aos centros de Vigo, Santiago, Ourense, A Coruña e Lugo e ás súas áreas de influencia, podendo o cliente elixir entre máis de 8.000 produtos e marcas habituais, cunha interface multilingüe (en español, inglés, alemán, éuscaro, catalán e galego) e gastos de envío de balde para pedidos de máis de 80 euros realizados antes do remate do mes (o resto de pedidos deberán engadir 5,98 euros en concepto de gastos de preparación e servizo).

Este novo servizo resulta moi cómodo para o usuario, que pode realizar a súa compra dun xeito moi visual e intuitivo, podendo elixir incluso a hora na que recibir o pedido no seu domicilio (dentro dunha marxe de 2 horas).

Máis de 160 persoas participaron na primeira cata de viños por multivideoconferencia que se fai en España

Oito Telecentros de Comunicación galegos conectáronse hoxe simultaneamente para degustar viños da subzona de Chantada. Esta actividade celebrouse con motivo da XXVIII edición da Feira do Viño da localidade luguesa.

Máis de 160 persoas participaron hoxe na cata guiada de viños a través de multivideoconferencia que acolleu o Centro Multimedia de Galicia (CMG), en Santiago, e outros sete Telecentros de Comunicación das catro provincias, con motivo da celebración da Feira do Viño de Chantada, que este ano celebra a súa XXVIII edición.

Desde o TC chantadino, a enóloga Mar Vilanova de la Torre, investigadora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), foi a encargada de guiar aos asistentes na cata de viños da subzona de Chantada: Viño do Fortes (branco), Quinta de Alborada (tinto) e Vía Romana (Tinto de barrica). Vilanova estivo acompañada polo responsable do TC, Segundo Navaza, moderador do evento; e por Roberto Iglesias Delgado, membro da Comisión organizadora da Feira do Viño de Chantada.

Esta iniciativa, pioneira en España, puido ser seguida tamén a través dunha multivideoconferencia desde os Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Carballo, Tui, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos, onde se deron cita, ademais dos participantes no acto, representantes das distintas corporacións municipais. Varios deses TC rexistraron máis solicitudes que prazas dispoñibles, o que dá conta do éxito que tivo esta actividade.

Todos os asistentes dispuxeron do material necesario para a degustación: mantel de cata, cuspideira, cataviños, sacarrollas, baetas, caldos... Trala cata, empregaron a videoconferencia para formularlle á enóloga as súas dúbidas e comentar as súas experiencias nesta materia.

A primeira edición da Feira do Viño de Chantada desenvolveuse no ano 1983 e, segundo os datos da época, achegáronse ata ela preto de dez mil visitantes. Desde entón, tense asentado coma unha das feiras máis importantes da provincia, converténdose, a finais dos anos 90, na Feira do Viño máis representativa do noroeste peninsular.

Esta iniciativa desenvolveuse no marco da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), encargada de coordinar as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a Internet da comunidade.

A USC acollerá en abril unha nova edición do maratón galeguizador de software libre

Logo do éxito de participación acadado o ano pasado co maratón de adaptación á nosa lingua de diverso software aberto, a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago decidiu repetir este ano a experiencia colectiva de galeguización. A idea, unha vez máis, é reunir baixo un mesmo teito a usuarios de ferramentas informáticas do máis diverso (estudantes, mestres, investigadores) para traballar na tradución de aplicacións de emprego común dentro da Escola. A tarefa, á que calquera pode ter acceso, constitúe un xeito rápido e eficaz de adaptación de software galego, xogando ao seu favor o bo ambiente que se crea e a concorrencia simultánea de tódolos contribuíntes ao proceso. Este ten un obxectivo multicanle: favorecer o traballo informático en común, impulsar a presenza do galego no eido do software libre e nas ferramentas de uso común e favorecer a achega educativa da Escola. O ETSE Open (así se chama) xa ten aberta a preinscrición.

A iniciativa, informa a USC, conta con dúas actividades interrelacionadas, unha primeira formativa sobre as bases técnicas e prácticas para abordar proxectos de tradución e unha segunda acción de localización en que se poñerán en práctica por parellas todos os contidos aprendidos ao traducir unha aplicación de software para o galego.

Os xoves 15 e 22 de abril desenvolveranse os obradoiros en que técnicos e lingüistas da Oficina de Software Libre da USC introducirán aos participantes nos principios básicos do labor de localización. Serán en horario de mañá na aula que o Departamento de Electrónica e Computación ten na Residencia Universitaria Monte da Condesa.

Xa o 30 de abril as persoas que participaron no obradoiro reuniranse de novo para compartir música, comida, conversa e traballo de localización. Haberá mesmo un premio Máis e mellor para aquel equipo que sexa quen de traducir máis cantidade de cadeas e coa maior calidade.

O II ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre está organizado de xeito conxunto coa Oficina de Software Libre e co Servizo de Normalización Lingüística.

A web Yporquenosolo convida á viaxe por conta propia


Hai iniciativas ás que lles senta Internet coma unha luva. Neste amplo feixe de propostas do máis variado que non poderían case nin existir sen o poder de convocatoria da Internet atópanse sen lugar a dúbidas os recursos en liña relacionados coas viaxes e co turismo, dous eidos de actividade que nin sequera se esgotan nas páxinas persoais ou corporativas onde participan parellas ou grupos, senón que tamén lle achegan potencial a quen concorre só. De internautas e viaxeiros a título individual é do que trata Yporquenosolo.com, páxina web sobre as amplas posibilidades de non agardar a que apareza un/unha acompañante para botarnos ao camiño (ofrece plans de viaxe para persoas que non se coñecen entre si) e que vén de facer reconto de éxitos sobre a actividade deste ano e o anterior. A páxina, face visible da axencia do mesmo nome, é visitada cada ano por máis de 300.000 persoas e conta con arredor de 45.000 internautas rexistrados recibindo cada pouco o seu boletín de noticias.

A proposta, informa o seu creador, Santiago Rey, baséase na súa propia experiencia persoal, que logo dunha ampla experiencia organizando itinerarios para diversos grupos foi quen de descubrir que os que “mellor funcionaban” eran os colectivos integrados por viaxeiros sen relación previa algunha. A cousa, informa, comezou promovendo excursións pola Serra de Madrid e arestora xa se aplica a filosofía do viaxeiro pola súa conta a todo tipo de desprazamentos internacionais. Segundo apunta Rey, o 60% das persoas que foron convocadas a través da web para participar nunha actividade desta índole repetiron experiencia. O único requirimento para formar parte dunha destas viaxes é acudir só/soa.

Gomaespuma comparte o seu arquivo radiofónico nun novo podcast

Os afeccionados ao programa de radio do dúo humorístico Gomaespuma están de parabéns, pois Juan Luis Cano e Guillermo Fesser sorprenden ao iniciar un podcast co que están a compartir o seu arquivo radiofónico coa súa audiencia, que así poderá revivir os mellores momentos do seu divertido programa. A radionovela Cándida, as primicias primiciosas, as críticas cinematográficas ou as recreacións paródicas de momentos históricos (reais ou inventados) serán algúns dos contidos accesibles dende o Podcast con Orejas, no que están a publicar máis de 6 cortes de audio case cada día, que ao ser de duracións reducidas (entre 2 e 17 minutos cada un), resultan moi prácticos para amenizar tempos mortos ou os nosos desprazamentos ao traballo ou ao centro de estudos.

Google Maps comeza a ter en consideración ás bicicletas

O servizo de mapas de Google continúa a evolucionar, e aparte de calcular rutas a pé ou en coche, agora incorpora a función de guiarnos cando imos en bicicleta, aínda que esta funcionalidade polo momento só está dispoñible nos EE.UU.

Deste xeito, en Google Maps tense en conta os carrís bici ou a pendente das costas á hora de calcular o camiño a seguir para chegar dun punto a outro, aínda que tememos que na internacionalización desta ferramenta os españois non vaiamos a poder tirar dela todo o proveito posible por ter un número de vías adaptadas ás bicicletas moi inferior do que acontece noutros países europeos.

Máis de 1.600 mozos inscríbense na undécima edición de Xuventude Galicia Net, o maior evento tecnolóxico da comunidade autónoma

Santiago acollerá os días 26, 27 e 28 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións a undécima edición de Xuventude Galicia Net, o maior evento tecnolóxico da comunidade autónoma que reunirá a todos os participantes con seus propios ordenadores para que se poidan conectar entre eles mediante unha rede local.

Xa son máis de 1.600 mozos e mozas os que cursaron a súa preinscrición na festa que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Aínda que o prazo para anotarse xa rematou, os que se quedaron fóra poderán participar nos obradoiros deste encontro informático, xa que a gran novidade desta edición é a apertura de portas aos talleres para as persoas que non se inscribiron na ‘Lan party’ (Local Area Network Party).

Con esta aposta, Xuventude Galicia Net transformarase este ano nun espazo para a aprendizaxe, xa que o público en xeral poderá acceder a obradoiros centrados en novas metodoloxías e linguaxes de desenrolo, deseño web ou software libre. Ademais, haberá obradoiros lúdicos centrados no ámbito do ocio. Estas actividades desenvolveranse durante os tres días que dura o evento e o único requisito necesario para asistir é apuntarse previamente a través da páxina web.

Tres sectores
A ‘Lan party’ será, como noutras ocasións, un espazo de encontro xuvenil, de formación, de iniciación ao mundo dixital e, en definitiva, un marco ideal para o intercambio de datos e experiencias e para dar a coñecer os últimos avances tecnolóxicos e, por suposto, para a potenciación do software libre.

Xuventude Galicia Net dividirase este ano en tres sectores cun único obxectivo: a aprendizaxe e o manexo das novas tecnoloxías.

Así, o primeiro espazo, denomínase Intranet, que será o corazón da party. Para participar só é necesario levar o ordenador e alí poranse a disposición dos asistentes 40 quilómetros de cable e velocidade de conexión de 1 xigabit.

Esta zona da party non só consiste en pasar horas diante da pantalla do ordenador, xa que dentro do recinto do Palacio de Congresos tamén se disputarán concursos, campionatos e xincanas de temática tecnolóxica.

Os concursos son unha constante neste tipo de eventos. Cada ano a oferta é máis amplía e, por iso, na undécima edición os usuarios de Intranet poderán participar por primeira vez en campionatos de lanzamento de CD, dobraxe, foto, vídeo ou deseño 2D e 3D.

Con respecto aos torneos, disporase dunha web interna de xogos onde se anunciarán todas as roldas e as horas do xogo que lle toque a cada participante.

O segundo dos espazos, Extranet, supón outra forma de participar no evento. O acceso é de balde e aberto para todos os públicos. Esta zona situarase este ano no recinto exterior do Pazo de Congresos e Exposicións. Habilitarase unha carpa cuberta de 600 metros cadrados durante os tres días, onde terán lugar diversas actividades de ocio dirixidas a toda a familia.

Extranet contará como novidade nesta undécima edición cun futbolín, un toro mecánico, obradoiros de globoflexia, de defensa persoal e de esgrima antiga europea.

Entre todos os asistentes entregaranse papeletas para unha rifa na que se sortearán diferentes premios, como xogos para consolas, o domingo 28 pola mañá no auditorio do Palacio de Congresos.

Os obradoiros
Na terceira das zonas de Xuventude Galicia Net emprazaranse os obradoiros. O obxectivo de todas as actividades que se levarán a cabo neste espazo é afondar un pouco máis nas novas metodoloxías. Entre os talleres que se ofertarán destacan temáticas de fotografía, redes sociais, traballo e modelos de negocio en Internet ou traballo e modelos de negocio en Internet.

Xuventude Galicia Net non é a única party que se celebra en Galicia. De feito, existen outras a nivel rexional como é o caso da ‘Arroutada Party’ da Coruña, a ‘Kutruparty’ da Estrada e a ‘Arousa Party’ de Vilanova.

A intención da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é crear a longo prazo unha rede de partys galegas para xuntar os esforzos e deste xeito poñer a Galicia nos primeiros postos a nivel nacional da formación continua nas novas tecnoloxías.

Sete anos de coñecemento libre en galego


Máis de 56 mil artigos na nosa lingua fan da nosa wikipedia a número 41 do mundo, dun total de 271 versións en diferentes linguas.

A Galipedia, versión da Wikipedia na nosa lingua, fai sete anos este 8 de marzo. O proxecto botou a andar nesa data de 2003. Dende entón, xa son máis de 56.200 os artigos que a integran, facendo da enciclopedia libre en galego a número 41 do total de 271 versións que existen.

Aínda que se descoñece a identidade real da primeira persoa que creou a primeira entrada da Galipedia, considérase que o seu "pai" é o usuario Agremon, Antonio Gregorio Montes, un profesor de Física de Ribadeo que fixo a súa primeira achega o 22 de xullo daquel 2003. Actualmente, o proxecto ten 12 administradores e máis de 300 usuarios activos.

O obxectivo da Galipedia é contar cunha enciclopedia colaborativa en galego coa que afondar no coñecemento. Por iso, está aberta á colaboración de todo o mundo, ás diferentes correntes de pensamento que non sexan agresivas coas demais, a calquera tema, en continuo crecemento e renovación, en contacto coas demais wikipedias para seguir mellorando e aberta ao uso por calquera persoa con acceso á internet, nas condicións da licenza GFDL.

O portal de aprendizaxe chinés-galego, entre os máis valorados da Rede


Para a Consellería de Educación, o portal que impulsa a prol á aprendizaxe de chinés cumpre os requirimentos para ser eficaz e mesmo para ir alén diso. Para certificalo, o departamento da Xunta salienta o feito de que www.chinesecom.eu (así se fai chamar a páxina en cuestión) atopase acubillo entre os catro cursos en liña desta lingua máis valorados polo principal buscador da Rede a nivel internacional, sendo ademais “un dos máis visitados”.

Un dos puntos máis salientables da web, que contou coa participación da Dirección Xeral de Educación, reside en que se trata da primeira en achegar un curso de chinés-galego e en confirmarse como a única da súa natureza (cunha lingua minoritaria de por medio) no contorno europeo. Asemade, non se limita a fornecerlle á comunidade internauta unidades de aprendizaxe (un total de dez) senón tamén datos sobre a cultura do país asiático, favorecendo ao coñecemento do mesmo entre os nosos cidadáns e as nosas empresas, nos últimos tempos moi interesadas en colaborar con compañías chinesas na achega (por pór un exemplo) de alta tecnoloxía.

Chinesecom, informa a Xunta, desenvolveuse a través dun proxecto desenvolvido dentro do marco do programa Lifelong Learning, da Unión Europea, e nel participaron socios de seis países europeos, ademais dunha universidade de Pequín. “O éxito”, engade a Dirección Xeral, “débese en gran medida ao carácter innovador do mesmo, que incorpora abundantes recursos multimedia dunha gran calidade, e ao importante esforzo que vén realizando para a súa difusión internacional”.