Microsoft vólvese "inspirar" noutros sistemas operativos para o Windows 7


O adiantado sucesor do Vista toma ideas do Mac OS X de Apple e mesmo do KDE 4 no seu redeseño gráfico e funcional.

O equipo de Microsoft traballa ás présas para ter listo canto antes o sucesor do Windows Vista. Chamarase, en principio, Windows 7, e pretende afastarse o máis posíbel da actual, e non demasiado popular, versión do seu sistema operativo. A intención do xigante do software é que o seu novo produto sexa máis rápido e máis fácil de usar.

Para iso, os programadores da empresa de Redmond centraranse en aumentar a compatibilidade de Windows 7 co hardware e co software que xa existe e mellorar a súa produtividade, cun uso máis sustentábel dos recursos.

As novidades tamén se traducen, como xa pasara en todas as anteriores versións de Windows, nun cambio de aspecto. As primeiras imaxes do que podería ser o seu próximo escritorio xa están a dar pé a todo tipo de opinións na rede. No que todo o mundo coincide é que Microsoft pretende introducir un aspecto moi semellante ao sistema operativo de Apple, o Mac OS X.

Outra das conclusións que se tiran é que tamén se achega a escritorios libres, como KDE4, que tamén aposta por introducir pequenas aplicacións no escritorio como parte fundamental. Windows 7 tamén tende, aparentemente, a eliminar a barra de tarefas e a suprimir o exceso de iconas de arquivos da área de traballo. Prevese que a primeira beta de Windows 7 saia a primeiros do ano 2009 e a versión definitiva antes do remate dese ano.

Cineuropa celebrará a despedida de Bush cunha noite temática


O festival proxectará filmes premiados en Cannes, Donostia ou Berlín, como 'Entre les murs', 'Pandora´s Vox' ou 'In Love We Trust'.

'Bye, bye, Míster Bush'. Isto é o que Cineuropa lle dirá ao presidente norteamericano a noite na que despois de oito anos o mandatario sexa substituído, ben por Obama, ben por McCain, nas eleccións do martes 4 de novembro. Esa noite Cineuropa progrma unha noite temática centrada na política norteamericana, coa proxección dos documentais Gonzo: life and work of Dr. Hunter S. Thompson (Alex Gibney, 2008), The night James Brown saved Boston (David Leaf, 2008), e Crosby, Stills, Nash & Young: Dejá Vu (Neil Young, 2008), que narra a xira que realizaron os catro artistas en 2004 para denunciar a política de Bush.

O festival, que comeza o vindeiro luns 3 de novembro e chegará até o 3 de decembro, proxecta este ano un total de 250 filmes. Entre eles están algúns dos filmes gañadores dos festivais de Cannes, Donostia ou Berlín. Do palmarés de Cannes chegan a gañadora da Palma de Ouro Entre les murs (Laurent Cantet, 2008), así como a do Grande Premio do Xurado: Gomorra (Matteo Garrone, 2008), e a do premio ao mellor director Nure Bilge Ceylan por Üç maymun / Three monkey (2008).

Dende Donostia chegan a gañadora da Cuncha de Ouro, Pandoranin Kutusu / Pandora´s Vox (Yesim Ustaoglu, 2008), que tamén recibiu o premio da Cuncha de Prata á mellor actriz. Así mesmo, poderemos asistir ao premio ao mellor director, que foi para Michael Winterbottom por Xénova (2008) e ao Premio Especial do xurado que recaeu na­­ iraniana, Asbe du-pa / Two legged horse (Samira Makhmalbaf, 2008). Tamén da pasada edición da Berlinale chegarános o premio ao mellor guión, Zuo Yuo / In Love We Trust (Xiaoshuai Wang, 2007).

Finalmente, tamén se lle dedicará unha noite temática a o director canadiano Guy Maddin. Proxectaranse o pseudo-documental My Winnipeg (2007), e mais The Saddest Music in the World (2003) e Dracula: Pages from a Virgin's Diary (2002).

A AS-PG pon na rede un novo xogo en galego: o Scrabble.gz


O uso da internet tamén ten unha vertente lúdica. Pero ese aspecto do tempo de lecer tamén pode ir sumado a outros aspectos, como a promoción da lingua galega. Así, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega pon na rede un novo xogo: o Scrabble.gz, xusto cando acaba de organizar un campionato do Trivial en galego na internet.

Segundo explican na súa web, o xogo, que ten como obxectivo completar palabras cruzadas, levou un ano de traballo. A súa versión electrónica ten o mesmo funcionamento ca o do xogo de mesa. Porén, na súa forma on-line ten unha funcionalidade ampliada, tanto para superar os límites do contorno virtual como para aproveitar as características de internet e facelo máis entretido, e mesmo poder competir contra o computador.

O scrabble é un xogo de mesa xa clásico que consiste en crear palabras entrelazadas, como se dun encrucillado se tratar, e colocalas sobre un taboleiro de tal maneira que se consiga a máxima puntuación posíbel. O nome que se lle deu á versión desenvolvida pola AS-PG foi Scrabble.gz, e está dispoñíbel na actualidade en Internet directamente no enderezo web http://www.as-pg.com/scrabble.gz, ou ben dende o portal da AS-PG.

Hai que formar palabras de dúas ou máis letras e colocalas nun taboleiro de 15x15 casas, horizontal ou verticalmente, de xeito que poidan ser lidas de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo. Despois da xogada inicial, cada palabra débese ligar con algunha das que xa están no taboleiro. Para o xogo cóntase con dous dicionarios, un básico de case 4 mil palabras e un ampliado que consta de 11 millóns de formas.
Pódense disputar partidas de varios xogadores (de 2 a 4) ou dun xogador contra o computador que fará de segundo xogador da partida.

Esta iniciativa da AS-PG liga con dúas das estratexias operativas do PEGSI: a CeS-LA1, de comunicación e ocio dixitais, e mais a CeS-LA2, de contidos galegos para a internet.

A fenda dixital de xénero e o acceso das TIC nas persoas con discapacidade, novos contidos na web

A web de Sociedade da Información presenta un novo dossier e unha nova experiencia que se suman á súa oferta informativa. Por unha banda, faise referencia a un informe presentado no Parlamento de Galicia sobre a fenda dixital de xénero. Por outra, trátase a experiencia levada a cabo para achegalles as TIC ás persoas con discapacidade intelectual.

No apartado Dossieres xa se poden consultar os datos ofrecidos pola Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, na comisión de Industria do Parlamento de Galicia, que amosan a redución das diferenzas entre homes e mulleres á hora de acceder á internet.

En Experiencias, achegámonos a seis grupos de persoas con discapacidade intelectual, que recibiron dez ordenadores cedidos pola Fundación Bip Bip a Fademga Feaps Galicia. Deste xeito, poderán socializarse e intercomunicarse a través de internet

O novo portal web de Caixanova fai máis doada a banca electrónica

A caixa de aforros Caixanova acaba de estrear un novo portal corporativo. A través da nova web, preténdese ofrecer unha estrutura máis accesíbel e intuitiva para os usuarios. De feito, os cambios que se efectuaron farán posíbel atopar a información en menos tempo e con menores dificultades.

Os cambios introducidos no portal web da entidade bancaria inclúen, tamén, cambios estéticos e melloras de navegación, aínda que o máis significativo é que se engadiron máis funcionalidades. No que respecta ao servizo de banca electrónica, fixéronse mudanzas na estrutura do menú de Enova e na información da páxina de acceso, para que a clientela poida ver unha posición global de todos os produtos que ten contratados.

Outros dos servizos que introduce o portal corporativo que se acaba de estrear no enderezo www.caixanova.es son a consulta do correo e, a petición de avisos mediante SMS ao teléfono móbil ou ao correo electrónico. Ademais, incorpora contidos multimedia para explicar como realizar as operacións, con simulacións e tutoriais en vídeo a xeito de manuais de produtos e servizos.

Coa renovación da web, a empresa contribúe ao achegamento da poboación á Sociedade da Información, tal e como pretende o PEGSI. Neste caso, o portal conta cunha versión en galego, co que aumenta a presenza da nosa lingua na rede, e tamén pon os instrumentos precisos para a realización de trámites a través da web, como portal de banca electrónica que é.

Un xornal centenario deixa de imprimirse diariamente para centrarse na súa edición en liña

Esta semana o xornal norteamericano The Christian Science Monitor anunciou que ía a deixar de imprimir as súas edicións diarias para enfocarse na súa edición dixital, transformando a edición en papel nun semanario, sendo o primeiro xornal de ámbito nacional en dar tal paso nos EE.UU., nunha operación que se concretará en abril de 2009 e sen dúbida será seguida por toda a prensa internacional polo seu potencial coma precursor da evolución da prensa a nivel mundial.

O Monitor é unha publicación a piques de cumprir os 100 anos de historia, polo que esta revolución do medio que busca incrementar os beneficios e reducir os custos é aínda máis rechamante.

Na actualidade a web do Monitor recibe millón e medio de visitas mensuais, o que combinan cun boletín diario por correo electrónico (en formato PDF para facilitar a súa impresión), quedando agora por coñecerse os prezos que terán as subscricións (en papel e electrónica) trala reestruturación do modelo de negocio desta cabeceira centenaria.

¿Os xornais morren e as revistas permanecen?

Este rechamante anuncio levou á xente de Lifehacker a preguntar aos seus lectores se botarían en falta aos xornais impresos se desaparecesen, e resulta impresionante a unanimidade acadada, pois parece que os lectores de blogs tecnolóxicos xa ven as edicións en papel como algo do pasado no que se refire a información diaria, mentres que sosteñen que continuarán a mercar revistas. ¿Será este o futuro da prensa?

Google e Microsoft analizan en Vigo o plurilingüismo nas novas tecnoloxías

Representantes de Google e Microsoft analizarán mañá martes en Vigo, ás 19:30 horas nas instalacións da Estación Marítima, a importancia de aplicar estratexias plurilingües como unha oportunidade de negocio no ámbito das novas tecnoloxías da comunicación e da información. Farano durante a celebración da xornada "A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa", organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da estancia en Vigo da exposición "As nosas palabras, os nosos mundos". Este encontro está aberto a todo tipo de públicos.

A xornada estará presidida pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e tamén intervirán o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de elecomunicacións da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada; o director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, Luis Collado; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo.

A incorporación progresiva das diferentes linguas favorece a penetración das empresas tecnolóxicas nos mercados locais. A aposta polo uso do galego nos produtos informáticos é hoxe unha realidade nas empresas punteiras de ámbito internacional.

Visitas á exposición
Durante esta semana e a seguinte, está previsto que visiten a mostra "As nosas palabras, os nosos mundos" preto de oitocentos alumnos pertencentes a unha decena de centros educativos de secundaria. Co fin de familiarizar os máis novos coa diversidade das linguas do mundo e mais coa propia lingua galega, a visita guiada acompáñase dunha unidade didáctica para profesores e alumnos.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 7 de novembro na Estación Marítima de Vigo, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Ademais, conta cun sitio web paralelo www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e achegarse a información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.

A maiores das visitas de carácter escolar, membros de asociacións culturais da cidade viguesa teñen programado visitar tamén a exposición coas explicacións e as actividades suxeridas por un monitor, que os axudará a descubrir os contidos de forma amena e didáctica.

A UDC organiza unhas xornadas de seguridade informática a finais de mes

Os vindeiros días 29 e 30 de outubro, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, vai dar acollida a unhas xornadas de seguridade informática, na que participarán diversos expertos deste eido entre os que destacan, entre outros, Alfonso Muñoz, investigador UPM; David Barroso, director de e-crime S21Sc; Angel Prado, desenvolvedor de Microsoft ou Luciano Bello, desenvolvedor de Debian.

As xornadas, que nacen como unha iniciativa da devandita facultade para desenvolver e promover a investigación científica na área da seguridade informática, darán comezo a partires das 9:00 horas e os interesados en asistir poderán entrar libremente e de balde.

Os asistentes que o desexen poderán, asemade, solicitar un crédito de libre elección sempre e cando se inscriban previamente e incluso presentar os seus traballos de investigación realizados sobre o tema.

Salceda de Caselas xa conta cun Centro de Dinamización da Sociedade da Información


Co dobre obxectivo de poder dar un mellor servizo á cidadanía de Salceda de Caselas e de poder chegar a máis xente, a Consellaría de Innovación e Industria inaugurou un novo Centro de Dinamización na OMIX do concello. Este centro conta con nove computadores en rede e con conexión a internet, impresoras a cor e en branco e negro, escáner, cámaras web, lectores de DNI electrónico e un canón proxector.

Coa inauguración deste Centro de Dinamización preténdese mellorar os xa excelentes resultados obtidos pola Rede de Dinamización no concello de Salceda de Caselas. Desde xaneiro do ano 2007, en que a Rede de Dinamización comezou a súa actividade en Salceda de Caselas, déronlles a benvida a 204 usuarios e usuarias. Así mesmo, desenvolvéronse 60 obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías, nos que participaron un total de 403 persoas, das que un 63% foron mulleres. Practicamente o 75% dos usuarios e das usuarias participantes nos nosos obradoiros son persoas adultas maiores de 25 anos; sendo o grupo máis activo o de idades comprendidas entre os 35 e os 44 anos (26%). Tamén é de destacar o alto número de persoas maiores (de máis de 55 anos) que se achegaron a realizar un obradoiro, un 20%.

Asemade, fixéronse charlas a diferentes asociacións de Salceda de Caselas co obxecto de dar a coñecer a Rede de Dinamización, así como informar sobre a oferta formativa do centro e ao mesmo tempo, recoller suxestións dos propios asociados/as acerca dos obradoiros e actividades que consideren máis interesantes.

Tamén se levaron a cabo dúas iniciativas: unha co motivo do Día da Muller Traballadora, para o que se organizou un concurso de relatos que versasen sobre a vida dunha "muller traballadora", para logo subilos a unha bitácora en internet. A outra iniciativa tivo como motivo o Día das Letras Galegas (que coincide co Día de Internet) e consistiu nun concurso, "Poesía no móbil", no cal os participantes debían adaptar un poema do escritor homenaxeado, Xosé Mª Álvarez Blázquez, a unha mensaxe de teléfono móbil. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuará levando a cabo este tipo de actividades para a veciñanza de Salceda de Caselas.

No acto estivo presente a delegada da Consellaría de Innovación e Industria, Montserrat Prado e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada.

FEUGA ensina en Santiago a comunicar ciencia e tecnoloxía

A Fundación Empresa Universidade (FEUGA), co obxectivo de axudarlles aos empresarios e responsables das empresas galegas e membros doutros colectivos relacionados coas novas tecnoloxías a mellorar a súa capacidade de comunicación, vén de anunciar a celebración da xornada, Como comunicar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que terá lugar o vindeiro luns día 3 de novembro no auditorio da súa sede en Santiago de Compostela.

Os destinatarios da devandita xornada son, segundo apuntaron os responsables encargados da xornada, “investigadores, académicos, empresarios e responsables de comunicación, prensa, marketing ou relacións institucionais de Universidades, Centros, Institutos de Investigación e empresas” que poderán recibir de primeira man, consellos de profesionais como Manuel Zahera Pérez, director de Promoción de COTEC ou Pablo Jáuregui Narváez, xefe da sección de Ciencia do diario El Mundo.

O encargado da apertura do acto, que terá lugar ás 10:30 horas, será o director
xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia, que estará acompañado do director xeral de FEUGA, Javier López Martínez, o mesmo que pechará o acto ás 12:30 horas.

Os interesados en participar nesta xornada deberán inscribirse antes do vindeiro 31 de outubro enviando o boletín de inscripción cuberto por correo electrónico (feugaformacion@feuga.es) ou ben por fax ao número, 981 524 454. A matrícula é de balde e as prazas son limitadas.

O Club Financeiro Vigo organiza esta semana unha sesión dupla sobre as vantaxes do software libre

O Foro da Sociedade da Información do Club Financeiro de Vigo está a organizar unha serie de actividades formativas de interese no eido das novas ferramentas dixitais. En primeiro lugar, este mércores 29 de outubro, a entidade galega ten programadas dúas sesións dirixidas –por unha banda- ás pequenas e medianas empresas en xeral e –pola outra- ás firmas do sector das novas tecnoloxías. Ámbalas dúas xuntanzas teñen un denominador común: o software libre e as súas vantaxes para o noso ámbito económico, tanto no que se refire á xestión interna como (sobre todo) no que atinxe á nova busca de mercados e posibilidades.

Nas xornadas, que contan coa colaboración de Caixanova, está prevista a presenza dalgúns dos máis recoñecidos especialistas galegos en materia de software libre. É o caso de Roberto Brenlla, socio fundador de Agnix e promotor de GNU/Linux para O Pobo, que participará na sesión primeira (a dedicada ás empresas en xeral, sexan do sector que sexan), que dará comezo a partir das 10 horas e que contará tamén coa intervención de Manuel Velardo, responsable de proxectos de Cenatic.

Polo que respecta á segunda das sesións, dicir que está prevista para as 17.00 horas e que, como dixemos, vai orientada principalmente ó sector TIC.

Ao longo da segunda actividade achegaranse unha serie de casos de éxito no aproveitamento do software libre como soporte e miolo dun novo tipo de comercio, ben poñendo produtos informáticos abertos no mercado, ben ofrecendo servizos de formación e consultoría apoiados neles. Participan na xornada Roberto Moreda, director de Allenta Consulting, Javier Vázquez, presidente de Agasol, Carlos Suárez, director xerente de Edisa, e Nicolás Osuna, responsable de marketing de Velneo.

Xornada sobre promoción na Rede
O Club Financeiro de Vigo tamén ten prevista (dentro do Foro da Sociedade da Información) unha nova xornada dirixida a achegar métodos, ferramentas e canles para tirar un meirande partido da Rede no eido da promoción de produtos ou servizos. A sesión, que se desenvolverá o vindeiro 4 de novembro, vai contar coa colaboración de Caixanova. Está prevista a concorrencia na xornada de empresas galegas senlleiras no sector TIC, como por exemplo Visual Publinet, Elogia Media ou Krasis, que manterán –ao longo do tempo da sesión- encontros técnicos cos representantes das empresas asistentes. O seu título é: Marketing en Internet, pequenos investimentos, grandes beneficios.

Convocada a terceira edición do certame de fotografía dixital dos Vales Pasiegos


A terceira convocatoria do Concurso de Fotografía Dixital Valles Pasiegos, evento que xa podemos consultar polo miúdo na web da dita comarca cántabra e máis na propia do certame e que xorde (como sinalamos) ao abeiro dun programa específico de reactivación económica: o Plan de Dinamización Turística dos Valles Pasiegos.

Máis polo miúdo, o obxectivo é poñer en valor a paisaxe e a etnografía dunha comarca que, como moitas bisbarras galegas (sobre todo do interior) está arestora en perigo de ficar á marxe da actividade social, cultural e demográfica do país.

Como novidade a ter en conta, a edición 2008 deste evento inclúe a concorrencia dun fotógrafo profesional de prestixio que leve a cabo un percorrido artístico-creativo pola contorna. Por certo que no certame poderán participar seareiros da fotografía dixital de calquera nacionalidade, con tal de que sexan maiores de 18 anos.

A temática das imaxes é libre, sendo o único requisito que se esixe que teñan vínculos directos coa comarca pasiega. O prazo para presentar traballos xa comezou o 20 de outubro, e ficará aberto até o 15 de decembro. Os premios serán de 1.000 euros e unha cámara réflex dixital para o gañador e de 500 euros e unha cámara réflex dixital para o finalista. Os premiados daranse a coñecer na web do concurso en xaneiro do ano que vén.

A Universidade de Vigo organiza un obradoiro de iniciación á web 2.0

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo organiza un obradoiro sobre web 2.0 e blogs. As bitácoras, os podcasts, os videoblogs ou as redes sociais son algúns dos elementos dos que se falará do 27 de outubro ao 7 de novembro. Explicarase como producir contidos sen ter coñecementos de programación.

Como informa o Diario da Universidade de Vigo, o obxectivo é abrir a universidade a toda a sociedade e por iso, segundo explicou o coordinador da Aula Tecnolóxica, Alberto García Ariza, "non son necesarios coñecementos previos, porque imos falar de ferramentas que xa empregamos no día a día, aínda que non nos deamos conta". Así, entre os contidos do curso figuran o funcionamento da rede, servizos como Facebook ou MySpace ou a creación de bitácoras persoais.

Diego Fernández Pérez é licenciado en Belas Artes e deseñador e profesor da escola de deseño Aula D de Vigo e será o encargado de impartir o curso que "terá unha dinámica de obradoiro para facelas o máis prácticas posible", apunta. Cando remate o curso, todos os participantes saberán crear galerías fotográficas, subir vídeos a YouTube e crear un blog que despois poderán seguir mantendo desde a súa casa.
O prazo para formalizar a matrícula remata este venres 24 de outubro e pode realizarse online na Aula de Posgrao Virtual.

O retoque fotográfico, protagonista do próximo curso
A programación da Aula Tecnolóxica non remata con este curso e xa ten previsto outro de retoque fotográfico que comezará o 18 de novembro, aberto a toda a sociedade. A matrícula para este curso estará aberta do 10 ao 14 de novembro e desenvolverá aspectos básicos da imaxe dixital mediante GIMP, unha aplicación en software libre, "que queremos fomentar porque é tan potente como as de pago", indica Alberto García.

A programación da Aula Tecnolóxica tamén conta con cursos de apoio á comunidade universitaria. Estes talleres, específicos para as diferentes titulacións que se imparten no campus, pretenden desenvolver aspectos que non se poden atender amplamente na carreira. O próximo, que comeza o 3 de novembro, está dirixido os docentes e consistirá na descrición do programa SPSS e dun conxunto de técnicas estatísticas.

O obradoiro Web 2.0 e blogs para todos desenvolverase en horario de 19:00 a 21:00 horas os luns, mércores e venres na Casa das Campás.

Facebook pelexa por ofrecer música en liña, de balde e sen descarga

Segundo vén de informar o xornal estadounidense New York Post, o fundador da rede social Facebook, Mark Zuckerberg, está a negociar con varios sitios de Internet que ofrecen música por “streaming” a cambio de publicidade tales como Rhapsody.com, iLike.com, Lala.com ou iMeem.com para entrar pola porta grande no negocio da música dixital e engadir este tipo de servizos ao seu portal de entretenemento.

Sabedor de que a música é un dos contidos máis demandados na Rede, este recoñecido empresario pretende engadirse á iniciativa levada a cabo por outros sitios como MySpace (que o mes pasado anunciou o lanzamento dunha división musical) máis, neste caso, Facebook non vai permitir que os usuarios descarguen as cancións no seu ordenador, senón que as poidan escoitar de balde sen sair do portal e sen posibilidade de descarga.

O xornal estadounidense afirma, asemade, que algúns executivos da rede social se reuniron con membros de varios selos discográficos para tratar de chegar a un acordo, máis aínda se descoñece a data do lanzamento do servizo.

A CMT estrea blog para mellorar a divulgación das súas competencias e resolucións


A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) estrou un blog coma nova canle para a transmisión dos seus informes, estudos e resolucións, de xeito que o ente regulador se achegará aos cidadáns interesados nas súas actividades e no sector das telecomunicacións. O blog tamén se complementará por unha conta de Twitter (dende a que tamén se avisa dos novos artigos na bitácora).

O novo espazo virtual non se limitará a ser unha zona de prensa con comunicados da CMT, senón que tamén inclúe artigos e reflexións sobre temas do sector (como ao abordar o tema da competición entre a banda larga móbil e fixa), servindo tamén para aclarar o papel da CMT nas súas resolucións (de xeito que os interesados poderán coñecer mellor o ente).

Prezos da banda larga en España

Un dos primeiros temas tratados no blog da CMT é a publicación por parte do ente regulador dun informe sobre os prezos da banda larga no primeiro semestre de 2008, que sostén que as conexións de acceso a Internet a entre 2 e 10 Mbps (combinadas con servizos de voz) son o paquete máis contratado en España, onde curiosamente a oferta é un 10,9% máis barata da media das mellores ofertas da UE, o que contrasta co feito de que Telefónica teña as ofertas máis caras que a media da UE en todas as modalidades.

Precisamente se falamos das conexións de entre 2 e 10 Mbps (as máis habituais) podemos ver cómo España ten unhas tarifas moi superiores ao resto da Unión se nos cinguimos ás operadoras históricas (que tamén son as máis contratadas habitualmente) e só a República Chega e Irlanda superarían os 48 euros/mes que cobra Telefónica por dar acceso á Rede por ADSL (cando a media comunitaria de operadores históricos sería de 35,3 euros).

Repítese así o que amosan outros informes anteriores da CMT: España ten aparentemente unha banda larga a un prezo moderado, pero na práctica pagamos máis que a media comunitaria por un servizo peor.

Premiada a web da Lei de Murphy da Consellería de Traballo


A campaña publicitaria, Movemento contra a Lei de Murphy, promovida pola Consellaría de Traballo para sensibilizar aos alumnos de FP en materia de prevención de riscos laborais, vén de gañar a décimo quinta edición dos Premios de Publicidade en Galego que outorga o Consello Asesor de RTVE-G, na modalidade de Mellor Campaña en Internet.

O proxecto informativo do organismo da Xunta, que foi seleccionado entre máis de 100 traballos de comunicación publicitaria que se emitiron ao longo do pasado ano en Galicia e en galego, aínda está operativo na Rede e pódese visitar a través desta ligazón. Trátase dunha páxina web na que o internauta, entre outras cousas, pode desafiar a Lei de Murphy xogando en liña dende o propio ordenador ou ben descargando o xogo vía bluetooth no móbil.

O Movemento contra a Lei de Murphy oponse a que as coñecidas leis de Murphy sexan válidas no lugar de traballo. A campaña, que xa resultou finalista nos premios Eganet deste ano dentro da modalidade Mellor Campaña Publicitaria Online 07, xorde dunha intención clara por comunicar co público adolescente, ao que se chega a través da rebeldía, a estética combativa e a linguaxe contestataria como xeito de máxima eficacia.

Cun plan de medios que incluíu televisión, radio, publicidade exterior ou eventos especiais nos centros de ensino, a campaña contou coa ferramenta Internet como centro principal de comunicación co público novo, lanzando unha mensaxe de esperanza á hora de evitar os riscos innecesarios no lugar de traballo dos máis novos.

Ao acto de entrega de premios, que se celebrará o mañá xoves, día 23, ás 18,00 h. na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, acudirán a subdirectora xeral de Traballo, María Coutinho, e o director de La Nuestra Comunicación Publicitaria, axencia creadora da campaña, Alejandro Vázquez.

Dispoñible para a súa descarga o OpenOffice.org 3.0 en galego


A versión 3.0 do OpenOffice.org saía oficialmente hai pouco máis dunha semana, aínda que só estaba dispoñible para a súa descarga en inglés, e agora xa é posible acceder ao paquete ofimático aberto en español e en galego.

Dende Mancomún publican toda unha serie de ligazóns para descargar o novo OpenOffice.org en galego, nas súas versión para Linux (en paquetes DEB e RPM), Windows e Mac OS X (nativo para o sistema operativo de Apple con procesador Intel ou para o seu uso con X11). Os usuarios que empreguen versión vellas de Windows (98 ou 2000) deberán descargar a versión completa do sistema noutro idioma e logo instalar o paquete de linguaxe que lle engade o soporte de galego.

Podemos agora contar non só co novo OpenOffice.org en galego, senón tamén co dicionario de galego preinstalado (o que evita complexas configuracións para poder ter unha boa corrección ortográfica na nosa fala), mellorándose así o atractivo deste grupo de aplicacións de balde que atenden as principais necesidades de escritorio para unha oficina coma son o proceso de texto, as follas de cálculo, as bases de datos, a creación de gráficos ou as aplicacións de presentacións.

A Consellería de Innovación e Industria vén de convocar unha subvención para a adquisición de ordenadores


Desta axuda poderán beneficiarse todas as traballadoras e traballadores autónomos dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social.

Poderán solicitar e beneficiarse destas axudas os traballadores por conta propia de Galiza, dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no I.A.E. para a súa actividade económica en Galiza, agás os comerciantes retallistas, dado que existen liñas de axuda desta consellería específicas para ese colectivo e para os mesmos investimentos.
O investimento irá destinado á adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa con sistema operativo LINUX e aplicativos en software libre: OpenOffice e Mozilla Firefox.

Non se considera subvencionábel a adquisición de licenzas de software adicionais á subministración básica do ordenador persoal, outros periféricos (por exemplo: impresoras, discos externos, etc), ou outro tipo de terminais (axendas electrónicas, tablet PC, teléfonos móbiles, etc). A axuda acadará o 45 % do investimento subvencionábel, cun límite máximo de 350 € para cada solicitante. O investimento subvencionábel determínase aplicando a porcentaxe de axuda sobre a base impoñíbel, excluíndo o IVE correspondente, que deberá ser achegado na súa totalidade polo beneficiario. As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas (ver listaxe de entidades colaboradoras )

Os traballadores autónomos que queiran solicitar unha destas subvencións deberán presentar na propia entidade colaboradora a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE, en vigor, no que deberá constar o enderezo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Copia de documento de pago mensual á Seguridade Social do mes anterior á solicitude, do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

c) Identificación, por declaración do solicitante, do epígrafe do IAE e localidade da Comunidade Autónoma de Galicia na que se atopa dado de alta censual no IAE.

d) Exclusivamente para o caso de que o DNI ou NIE non acredite o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá requirirse do solicitante a presentación de certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria no que figure o domicilio fiscal do solicitante. A antigüidade máxima deste certificado será de 3 meses.


A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado.

As solicitudes de axuda poderanse presentar na entidades colaboradoras a partir do 9 de outubro de 2008 e durante o ano 2009, até esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto que son: 659.400 € no ano 2008 e 999.950 € no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. Para máis información dirixirse a:


Consellería de Innovación e Industria

Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información

Edificio Administrativo San Caetano, s/n bloque 5 – 4ª andar

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

Tlfno: 981 545 583 E-mail: axudas.dxpisi@xunta.es

As pemes galegas usan Linux por riba da media do Estado

As empresas galegas están por diante da media do Estado Español na implantación de software libre. Así o afirmou o coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, que participou na Conferencia Internacional OSWC 2008, que se desenvolve na cidade andaluza de Málaga.

Baleato baseouse nos datos do INE, que indican que un 8,2% das pequenas e medianas empresas de dez ou máis empregados usan o sistema operativo Linux, mentres que no Estado Español a porcentaxe é do 7,8. A incidencia do software libre é máis importante se se ten en conta que o crecemento interanual de pemes que usan Linux foi do 14 por cento.

Os resultados respaldan as iniciativas que está a levar a cabo a Consellaría de Innovación e Industria a prol do software libre, mormente as que se desenvolven dende a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, que dirixe Helena Veiguela. Dende a consellaría saliéntase que as microempresas son as que presentan máis dificultades na súa incorporación á sociedade do coñecemento.

Outros datos favorábeis en relación coas empresas de 10 ou máis empregados de Galiza son que o 97,8% dispón de ordenador, o 93,4 acceso a internet e o 91,9 correo electrónico. Porén, o 45% aínda non dispón de páxina web.

As conferencias pódense seguir en directo dende a web de Mancomún ou no enderezo http://www.opensourceworldconference.com/streaming.

Nace en Corcubión o primeiro videoblog gastronómico galego

Aínda que en España na Internet predomine o texto e os gráficos, a multimedia vai cobrando peso paulatinamente, sendo o vídeo unha das tendencias que veñen con máis pulo, e como exemplo temos un novo videoblog gastronómico sen precedente en Galicia, Por mis fogones, que é unha produción que nace en Corcubión, onde o seu creador, Rodrigo Varela Tabuyo (coñecido pola súa labor profesional en Galinus), nos explica cómo facer certos pratos de cociña paso a paso.

A meirande parte dos vídeos corresponden a receitas sacadas dos libros do restaurante londiniense St. JOHN, e están narrados indistintamente en español e galego. Os clips veñen acompañados por unha listaxe dos ingredientes necesarios para a elaboración dos pratos e as instrucións de preparación, completando así a información dos propios vídeos.

Agardemos que esta iniciativa se manteña no tempo e sirva de exemplo para que outros autores galegos se anime pola creación de vídeo na Internet, xa que os contidos audiovisuais en galego aínda gozan de pouca presenza na Rede.

A Internet non prexudica á comunicación interpersoal

Unha enquisa elaborada nos EE.UU. e na que se consultou a 2.252 adultos amosou que a Internet está a percibirse dun xeito moi distinto ao da televisión, e así mentres a caixa parva se ve como un elemento de incomunicación familiar a Rede se considera como «un lugar no que compartir experiencias».

Dende o proxecto Pew Internet & American Life detectan que máis da metade dos usuarios da Internet que viven en parella e con algún fillo se conectan acompañados varias veces á semana, e incluso o 47% dos consultados considera que as novas tecnoloxías están a incrementar a calidade da comunicación entre os membros da familia.

O estudo realizado parece indicar que as comunicacións familiares xa non son unha illa, e a xente se relaciona con amigos e parentes valéndose da Internet, o que non parece quitar tempo ás relacións interpersoais, aínda que si ao tempo que antes pasaban vendo a televisión (que parece ser o sector máis afectado pola emerxencia da Rede).

Chamamento á blogosfera para participar no Día Internacional do Neno


O 20 de novembro celébrase a nivel mundial o Día Internacional do Neno e a blogosfera a que se está a poñer en marcha. E faino cun chamamento xeneralizado a unirse á unha campaña para participar contra a lacra da pornografía infantil. Esta iniciativa en concreto xurdida ao abeiro do Día do Neno, na que poderemos concorrer cun post a publicar a vindeira data do 20 de novembro no que critiquemos directamente os abusos á nenez, baséase en boa medida no efecto pegada mediática que ten unha proposta colectiva e simultánea na Internet.

De feito, o que se pretende é que calquera busca que se faga desa xornada en adiante sobre “pornografía” e “infantil” remita de xeito directo aos moitos blogs participantes na campaña (de aí que, para tomar partido nela, se pedira un único requisito: que cada entrada escrita para a ocasión incluíse a frase “Pornografía infantil NO”).

A campaña vén da man de La Huella Digital, o caderno do xornalista Nacho de la Fuente, e máis de Vagón-bar, o blog persoal do columnista de La Voz de Galicia, Paco Sánchez. A raizame da iniciativa está precisamente nun texto escrito polo propio Sánchez no seu caderno, o artigo Pornografía Infantil.

A mobilización contra a marcha da Sidrería Galega de Chantada recolleu na Rede máis de 8.500 sinaturas

Unha parte da rede galega estase a mobilizar estes días arredor dunha causa ben concreta: a permanencia da Sidrería Galega na vila luguesa de Chantada. A campaña, que ten como eixe principal e centro de operacións un caderno virtual, En Chantada (dende o que se lanzan convocatorias e se informa polo miúdo de actividades e xeitos de colaborar), xurdiu como unha arela colectiva de veciños, empresarios, asociacións de diversa índole e persoeiros da dita localidade, comprometidos para evitar o traslado da dita planta de produción a Monterroso. “Xa estamos cansos de ser un deserto, de ter un gran potencial e non saber aproveitalo, de deixar pasar oportunidades únicas”, puntualízase no manifesto que arestora xa foi asinado por preto de 8.500 internautas.

A idea, sinalan: evitar que a Chantada lle aconteza de novo o mesmo que lle aconteceu hai anos coa partida de Larsa ou MonteFaro.

Por certo que na devandita páxina web temos á nosa disposición pormenorizados informes sobre o caso da Sidrería Galega, material gráfico (a unión á causa das Festas de San Froilán e dos estudantes da Universidade de Santiago, cartaces das convocatorias relacionadas) amais de datos sobre as vindeiras actividades de mobilización.

Kutruparty 2008: tres días de rede ininterrompida na Estrada


A Kutruparty, un dos máis salientables encontros redeiros da nosa terra e que vai xa pola sexta edición. A party, que se celebra entre o 5 de decembro e o día 8, ten como centro de operacións a localidade pontevedresa da Estrada, máis polo miúdo o seu Pazo de Exposicións, onde se dará acollida a máis de 300 participantes.

O encontro, organizado por Auslae Omix, xa ten aberto o prazo de inscrición para concorrer nas diferentes actividades do programa. Por certo que en referencia ás accións a organizar hai unha serie de novidades que cómpre ter en conta. Por exemplo: unha baixada de até 5 euros nos prezos dos rexistros que se fagan antes do 31 de outubro.

Amais, dende a organización vense de reforzar a vontade de ofrecer unha party aberta. Ou sexa, que o fin non é limitar o eido de acción dos participantes ao seu computador e pouco máis, senón todo o contrario: serán benvidas todas as propostas de forma e contido que contribúan a achegar unha party o máis salientable e completa posible.

Entre outras moitas actividades, a xuntanza en liña estradense ten previstas unha Linux install party, obradoiros de robótica (para os que se usará a plataforma libre Arduino) e de fotografía dixital, charlas e mesas redondas sobre o novo cinema e a Web 2.0 ou as acostumadas competicións de xogos en liña.

Cómpre sinalar que, amais das infraestruturas básicas que se porán a disposición dos mozos e mozas inscritos (entre elas, acceso de 80 megas de conexión), haberá tres consolas PlayStation e unha Wii con todo o equipamento extra engadido para levar a cabo torneos de Guitar Hero, de Tennis Wii Sport e até de Dance Dance Revolution.

A Rede de Dinamización da SI, en colaboración con Mancomún, ofertan 300 horas de formación en Software Libre en diversos puntos da xeografía galega


Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Innovación e Industria, forma parte da oferta formativa en Software Libre da Rede de Dinamización da SI dirixida ás PEMES, microPEMES e sociedade en xeral

A Rede de Dinamización da Sociedade de Información en colaboración con Mancomún está a desenvolver este plan formativo composto por 1500 horas desde xuño do 2007, das que agora se ofertan as derradeiras 300 horas, nas que a Consellería de Innovación e Industria e o CESGA teñen investido uns 72.884€.

No primeiro caso, a intención é mellorar os parámetros produtivos e sociais das empresas galegas introducindo e afondando no uso das ferramentas de software libre máis implantadas e complementándose coa formación en áreas menos desenvolvidas, pero de interese estratéxico para a mellora da súa competitividade. A intervención formativa tomará como empresa de referencia a microPEME e PEME do sector servizos, poñendo especial atención ás características propias do medio rural.

No segundo caso preténdese diminuír a fenda dixital achegando a Sociedade da Información á cidadanía a través destas ferramentas de software libre en galego, xa que existe un atraso respecto aos niveis do estado español e da Unión Europea. Asemade existen tamén desequilibrios dentro da noso país, especialmente entre a Galiza urbana e a rural, que se deben compensar.

Neste marco e froito da colaboración entre a Rede de Dinamización da Sociedade da Información e Mancomún, desde xuño do 2007 téñense impartido un total de 50 cursos en toda a xeografía galega (Procesador de Textos, Bases de Datos, Construción de Páxinas Web, Comercio electrónico...)con máis de 1200 horas de formación. Para rematar este plan formativo ofértanse, para os meses de novembro e decembro, os seguintes cursos nos seus respectivos lugares de celebración:

- Bases de Datos:

Sada do 24/11/08 ao 18/12/08

Camariñas do 24/11/08 ao 18/12/08

- Contabilidade
San Sadurniño do 12/11/08 ao 17/12/08

O Barco de Valdeorras do 24/11/08 ao 18/12/08

- Procesador de Texto

O Saviñao, Escairón do 17/11/08 ao 11/12/08

- Comercio electrónico
Ribadeo do 12/11/08 ao 17/12/08


- Marketing na Rede
Allariz do 11/11/08 ao 18/12/08


- Construción de páxinas web
Centro Comarcal O Carballiño do 17/11/08 ao 11/12/08

Combarro, Poio do 17/11/08 ao 11/12/08

- Facturación
Salceda de Caselas do 24/11/08 ao 18/12/08

Na páxina da Rede de Dinamización da SI pódese consultar toda a información relativa a estas actividades formativas (datas, horarios, lugares e contidos), sendo posíbel realizar a inscrición en liña desde o banner que se atopa á esquerda na páxina principal.

iGoogle incorpora novos gadgets


iGoogle permite acceder a moitos tiras cómicas sen saír da súa páxinaO portal personalizable de Google incorpora novas prestacións, de xeito que os usuarios que gusten de empregar iGoogle para ler novas, acceder o e-mail, mirar as cotizacións bolsistas, consultar as condicións meteorolóxicas ou ver fluxos RSS contan agora con novos gadgets informativos (con novas de xornais coma o The New York Times, The Wall Street Journal ou o The Washington Post), xogos (Sudoku), de lecer (para ver información sobre a programación da televisión, as datas de concertos ou ficheiros MP3 que se ofrecen de balde na web) ou módulos de Google que facilitan o uso de Gmail ou de Google Finance. Tamén se poden colocar bloques con tiras de prensa achegadas a través de GoComics (coma Garfield ou Doonesbury) ou con vídeos de YouTube e CurrentTV.

A incorporación de novos gadgets mellora a utilidade de versatilidade de iGoogle, aínda que a meirande partes dos módulos desenvolvidos para o servizo están optimizados para usuarios norteamericanos, asegurando dende Google que están a traballar na internacionalización deste sistema.

Industria aposta pola formación en software libre dende a universidade

O pasado sábado, día 18 de outubro, tivo lugar en Ourense, o acto de inauguración do Máster en Consultoría de Software Libre, do cal se encargou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, quen deixou constancia “do compromiso decidido da Consellaría de Innovación e Industria coas tecnoloxías e os estándares abertos de cara ao desenvolvemento dunha economía do coñecemento propia”.

Segundo apuntou Veiguela durante a súa intervención no devandito acto, o esforzo do departamento autonómico oriéntase cara a unha “estratexia coherente para a potenciación do desenvolvemento do software libre na empresa galega” a fin de mellorar a competitividade da mesma e consolidar os cimentos que a forman.

A este respecto, o programa académico do curso de posgrao da Universidade de Vigo, dotará aos seus estudantes de competencias en consultoría de negocio e tecnolóxica ou en desenvolvemento de solucións e migración de datos, pasando pola interoperabilidade con sistemas propietarios ou a implantación de sistemas de seguridade e protección de datos.

Este máster, adaptado aos requirimentos do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), desenvolverase ao longo do curso 2008-2009 na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e estruturará os seus contidos en torno a catro módulos: Tecnoloxías e frameworks de desenvolvemento de software libre, Ferramentas de software libre para intelixencia de negocio, Administración e Dirección das TIC e Seguridade e lexislación. A parte teórica do curso completarase, de xeito opcional, con prácticas en empresas.

O programa formativo está dirixido a un total de 30 titulados, preferentemente Enxeñeiros en Informática, Enxeñeiros Técnicos en Informática de Xestión e Enxeñeiros Técnicos en Informática de Sistemas.

Obradoiros de informática do mes de novembro

PRAZO DE INSCRICION A PARTIRES DO DIA 23 DE OUTUBRO

Viaxa na Rede
Duración: 4 horas
Data inicio: 03/11/2008 - Data fin: 04/11/2008
Horario: 16:30-18:30

Creación de conta de correo electrónico
Duración: 6 horas
Data inicio: 10/10/2008 - Data fin: 12/10/2008
Horario: 16:30-18:30

Saúde en Internet
Duración: 4 horas
Data inicio: 05/11/2008 - Data fin: 07/10/2008
Horario: 16:30-18:30


CENTRO COMARCAL DE ORDES
N-550 KM 37

TELEFONO: 981 68 83 86

HORARIO
Luns a venres de
10:00 - 15:00
16:30 - 19:30

LUGAR DE REALIZACION
Aula de informatica da Casa da Cultura de Ordes

Melide inaugura o seu Telecentro de Comunicación

Hoxe se inaugurou en Melide un telecentro sito no Edificio Multiusos da vila, e para celebrar a incorporación deste local á Rede de Telecentros de Comunicación o director da película Pradolongo, Ignacio Villar, ofreceu unha videoconferencia sobre a evolución da curtametraxa á longametraxe e a súa experiencia como cineasta ao que seguiu unha sesión de curtas na rede.

Esta nova infraestrutura con cun equipamento de 20 ordenadores persoais, impresora láser, equipamento para a realización de videoconferencia, pantalla de plasma, cámaras, TDT, micrófonos, pantalla de proxección motorizada e distinto material que habilitan o local para encontros multimedia, conferencias, cursos ou presentacións que pretenden axudar á alfabetización dixital no rural galego.

Estréase na web a Galisfera socialista


Os blogueiros socialistas xuntáronse en Compostela o pasado mércoresOs blogueiros socialistas galegos xuntáronse en Compostela para compartir experiencias e visións sobre o fenómeno dos blogs na nosa comunidade, á vez que estrearon un punto de encontro virtual, a Galisfera, un agregador de blogs que amosará entradas do que se publica nos blogs de militantes e simpatizantes do PSdeG, nunha plataforma electrónica horizontal na que conviven deputados, alcaldes, altos cargos do partido, militantes de base ou membros das xuventudes do Partido.

Esta nova Galisfera é un proxecto desenvolvido por José-Luis Prieto, quen tamén é un dos responsables de Las Ideas (iniciativa semellante a nivel estatal), empregando o software Infante (publicado baixo licenza Creative Commons). Actualmente podemos ver en tal web anotacións de Pepe Blanco; da secretaria de organización do PSdeG, Mar Barcón; da secretaria xeral de Xuventudes Socialistas, Loli Rodríguez Amoroso; do deputado José Manuel Lage Tuñas, que fora o primeiro político galego en estrear blog; dos alcaldes de Fene e Lugo, Iván Puentes e José López Orozco; e mesmo a actriz e secretaria de organización das Xuventudes Socialistas, Tamara Canosa.

Mancomún coordinará en Málaga a comunidade galega de Software Libre

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, vai participar, a vindeira semana, no Congreso Internacional de Software Libre 2008, que terá lugar en Málaga do 20 ao 23 de outubro, co propósito de achegar a toda a comunidade internacional os logros acadados pola Administración galega en materia de tecnoloxías e estándares abertos.

O departamento que dirixe Fernando Blanco, promoveu nesta edición, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a coordinación dunha delegación galega que asistirá ao evento e que, xunto con Mancomún, estará integrada polos distintos axentes implicados na comunidade de Software Libre en Galiza; Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) e as oficinas das universidades de SwL.

Deste xeito, a comunidade galega de Software Libre asistirá ao evento de forma conxunta, baixo a coordinación da Consellaría de Innovación e Industria, quen compartirá espazo no stand asignado pola organización á Xunta de Galicia co resto de axentes.

Neste contexto, e baixo o lema Co software libre xogamos todos en Galiza,serán un total de 15 persoas as que participen das actividades previstas por Mancomún, así como pola propio programa do evento.

Entre os proxectos que o Centro exporá na conferencia estarán o DVD de ferramentas informáticas para a PEME ou o informe de O Software Libre en Galiza 2007.
Asemade amosaranse os progresos acadados no ámbito galego coas medidas adoptadas no marco do Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI).

Xa dentro do programa oficial do evento, a Administración galega ofrecerá dous relatorios, que terán lugar, ámbolos dous, o martes 21 de outubro. O primeiro deles, denominado DVD PEME: un caso de dinamización do tecido TIC mediante o Software Libre, será impartido polo coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, e versará sobre o recopilatorio de ferramentas informáticas para a PEME.

En Málaga non faltará tampouco a presenza de Código Cero, que se deixará ver a través dos exemplares do último número, o 64, dedicado case integramente ao software libre en Galicia e ás actividades do Centro Mancomún.

O Blog Action Day quere mobilizar a blogueiros de todo o mundo contra a pobreza


Hoxe celébrase a nivel mundial o Blog Action Day, unha xornada na que se pretende promover o activismo por parte de blogueiros, podcasteiros e videocasteiros no que calquera pode colaborar publicando hoxe algún tipo de contido na Internet relativo ao tema deste ano, a pobreza.

Este tipo de iniciativas buscan acadar unha concienciación global sobre temáticas sociais, pero nesta ocasión parece que non se está a prestar moita atención a este evento, que se podería comparar a moitos outros días mundiais, que na práctica só se celebran por parte de colectivos reducidos. Parece que neste caso acontece o mesmo precisamente porque non existe un colectivo global de blogueiros, senón que os blogs só son un formato de publicación na Internet e non unha comunidade pechada con ideoloxías comúns, polo que a repercusión que pode acadar unha xornada como esta sería a mesma que tería no mundo real.

Innovación e o CPEIG avanzan no uso de certificados dixitais e da sinatura electrónica

A Consellería de Innovación e Industria e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática (CPEIG) porán en marcha unha serie de actuacións para o fomento da Sociedade da Información, entre as que destacan o proxecto piloto do uso e aplicacións dos certificados dixitais e da sinatura electrónica e as Xornadas de Difusión sobre o Impacto das TIC no Exercicio do Xornalismo. Segundo o acordo asinado recentemente entre o presidente do Colexio, Fernando Suárez Lorenzo, e o conselleiro de Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, as actuacións sinaladas terán un respaldo orzamentario de 46.700 euros.

O proxecto piloto de uso e aplicacións dos certificados dixitais e da sinatura electrónica ten como obxectivo impulsar o uso axeitado destes dous elementos tecnolóxicos por parte dos/das profesionais da Enxeñaría en Informática. Tanto a certificación dixital como a sinatura electrónica son instrumentos clave para o desenvolvemento da Administración electrónica e das actividades comerciais e industriais da nova sociedade global na cal, segundo destaca o convenio asinado, "cada vez máis, as transaccións de toda índole estarán baseadas en procesos remotos que garantan a identidade, integridade e confidencialidade". Do mesmo xeito, este proxecto tamén desenvolverá módulos de software que permitirán o uso de sistemas de identificación sobre certificados dixitais para a plataforma de software libre de portais Drupal, unha das de maior uso na Internet na actualidade.

Por outra banda, e ao abeiro do mesmo convenio, o CPEIG organizará proximamente as Xornadas de Difusión sobre o impacto das TIC no Exercicio do Xornalismo, para debater e afondar no impacto que teñen hoxe as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no labor periodístico.

YouTube permite ver capítulos completos de varias series de televisión nos EE.UU.

A pasada semana YouTube estreaba nunha serie de vídeos a Vista Teatro adaptada para amosar contidos en formato panorámico e de longa duración, e avanzando nesta dirección ofrece agora a posibilidade de ver episodios completos das series de televisión Star Trek, MacGyver e Sensación de Vivir, aínda que estes contidos só se poden ver polo momento dende os EE.UU.

As series pertencen á CBS, que é a primeira canle en animarse a ofrecer as súas series de balde a través do portal de vídeos de Google de balde (pois antes cobraba polo velas a través da Internet), e aínda que esta iniciativa se limita a certas series nostálxicas, dende YouTube esperan captar a moitas canles de televisión que decidan utilizar a súa web como canle de distribución.

Cómpre destacar que os episodios de series incorporan un formato publicitario anteriormente rexeitado por YouTube, os pre-rolls ou anuncios previos, que teñen unha duración moi curta (15 segundos) e que tamén poderían vir acompañados con anuncios a posteriori e mesmo con pausas publicitarias, o que polo momento se trata dun experimento para ver cómo funcionan estes formatos publicitarios (tanto en eficacia como en aceptación).

Nos EE.UU. xa existen varias plataformas que ofrecen series de televisión de balde, mentres que en España a tendencia se limita a un par de canles de televisión que fan o propio dende a súa web, polo que parece que estamos illados a toda unha revolución audiovisual que a Europa (coa excepción do Reino Unido) podería chegar cun enorme retraso.

Os blogueiros socialistas galegos se xuntarán en Compostela este mércores


O vindeiro mércores ás 16:30 horas terá lugar na sede compostelá do PSdeG unha xuntanza de blogueiros socialistas galegos, para compartir experiencias e opinións entre eles. O evento estase a convocar dende Facebook, aínda que tamén se está a coordinar externamente a través de correo electrónico e comentarios en distintos blogs.

Sería a primeira ocasión na que se xunten os blogueiros socialistas galegos de xeito oficial, ocasión que lles servirá para pór rostro á xente que habitualmente só coñecen a través da pantalla do ordenador.

Moitos blogueiros (Mar Barcón, Eladio Osorio, José Luis Prieto, Diego Pena, Loli Rodríguez, Fidel Martín, Adriana Viz, Fran Martínez, Nacho Filgueiras, Javier Fariña, Enrique Barreiro, Julian Reina, Isa Lema, María Torres, Andrea Fernández, Delfín Feal e Blas García, entre outros) confirmaron a súa asistencia, e se agarda que o número de asistentes sexa aínda maior, pois non hai que esquecer que no PSdeG están varios blogueiros de referencia na nosa comunidade (coma o primeiro político galego en estrear blog ou o alcalde máis novo de Galicia con blog de seu).

O GULO renova a aparencia da súa páxina web


O Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Ourense, GULO, renovou a imaxe da súa páxina web, mantendo como base o xestor de contidos Joomla, pero presentando un molde máis limpo e estruturado, de xeito que non cambian os contidos da web senón a súa presentación.

Na entrada da nova web podemos ver agora unha imaxe co logotipo do grupo xunto co lema GULO, the right way, que serve para dar a benvida aos usuarios ourensáns que queiran entrar no mundo do código aberto.

Xa está aquí o OpenOffice 3.0

A nova entrega é a terceira maior actualización da suite ofimática e contén melloras significativas e avanzadas para todos os usuarios, incluíndo usuarios de Mac, pois ademais agora OpenOffice.org corre de xeito nativo na plataforma de Mac VOS X.

A nova versión de OpenOffice foi oficialmente liberada na festa de lanzamento celebrada o domingo en Paris, xusto a tempo para o oitavo aniversario do proxecto. OpenOffice 3.0 é máis que unha simple aplicación ofimática. Con este lanzamento os compoñentes básicos, que inclúen ao procesador de palabras, folla de cálculo, presentación, gráficos, fórmulas e bases de datos, pode ser complementado facilmente con extensións baixadas desde o repositorio de extensións de OpenOffice.org.

A demanda da actualización foi tan grande que o servidor do proxecto non puido soportar o elevado número de peticións e caeu ao redor da unha do mediodía do luns, no momento en que comezaban a conectarse os usuarios norteamericanos.

Sesión informativa "Software Libre contra a crisis"

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) dá inicio o vindeiro martes día 14 de outubro na Coruña, coa xornada "Software Libre contra a crisis", un ciclo de sesións informativas destinadas a dar a coñecer ás empresas galegas as vantaxes que ofrecen as tecnoloxías libres e abertas. Esta primeira cita terá lugar no salón de actos da Cámara de Comercio da Coruña (Rúa Alameda, 30, 1º) e nela intervirá como relator Roberto Brenlla, economista especializado en Tecnoloxías da información e fundador de Tegnix, unha das 24 empresas que se integran en Agasol.

A sesión dará comezo ás 19,30 horas e non estenderá máis de dúas horas. Nela está previsto desenvolver un programa dirixido a que xerentes, responsables de finanzas, estratexia ou tecnoloxías da información amplíen o seu coñecemento sobre que é o Software Libre, Linux, os Estándares Abertos e as súas vantaxes competitivas en canto a aforro de custos ou adaptabilidade. Ademais se exemplificará con implantacións desenvolvidas en empresas, institucións ou mesmo na Administración.

Os asistentes, que poderán inscribirse de maneira gratuíta no teléfono 981 21 60 72, recibirán o DVD "Ferramentas informáticas para a PEME", elaborado pola Consellería de Innovación e Industria, que inclúe un amplo recompilatorio de software de uso empresarial libre, gratuíto e legal.

Para non arrepentirse despois

O último dos laboratorios de ideas de Google vén da man do seu servizo de envío de correos electrónicos. Un novo sistema complicará que se poidan mandar e-mails no caso de que o usuario non estea en condicións de escribir.

Segundo se explica dende o blog oficial de Gmail, o que fai esta nova ferramenta é obrigar ao usuario a realizar de forma correcta unhas cantas operacións matemáticas (ben simples) para comprobar se o seu estado de conciencia é o adecuado para realizar o envío dun correo electrónico.

Deste xeito, Mail Goggles (que é como se chama o sistema) complica o envío destes correos durante as horas máis conflictivas da fin de semana co fin de evitar posibles situacións "embarazosas" que se producen tras unha noite de esmorga.

Así, o Mail Goggles só está activo durante a madrugada das fins de semana. Iso si, unha vez que entre en funcionamento, o usuario poderá modificar as horas durante as que estea en marcha segundo os seus propios gustos "festeiros".

Comezan en Santiago os encontros de AGAPI para profesionais do audiovisual e das novas tecnoloxías

Entre hoxe e mañá, o Hotel NH Obradoiro de Santiago acolle a celebración dunhas xornadas dirixidas a tomarlle o pulso ao sector das novas tecnoloxías co fin de avaliar novos e mellores xeitos de crear, promover e distribuír o noso audiovisual. Ou sexa, que o obxectivo destes encontros entre profesionais dun sector (o fílmico) e outro (o do dixital e as telecomunicacións en xeral) é afianzar as mellores alternativas cara a unha realidade que cómpre recoñecer: hoxe en día case todo vai camiño de cocerse na Rede.

O evento, organizado por AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), conta coa achega colaborativa da Consellería de Innovación e dalgunhas das empresas máis representativas dos ditos sectores, ben galegas ou ben operando en Galiza: Blusens, Sogecable, Televés, Telefónica, Alcatel ou Zed Group. Asemade, está prevista a participación da Universidade de Santiago e da Universitat Pompeu Fabra.

En total, celebraranse cinco mesas de traballo con cadanseu debate: dixitalización de contidos, as novas canles de distribución, a exhibición dixital e a explotación baixo demanda, os novos formatos para os novos medios e as oportunidades de negocio.

Por enriba de todo, este foro pretende ser un espazo de reflexión e de debate, de presentación de experiencias e exhibición de novos contidos perante o continuo proceso de incorporación e cambio das novas tecnoloxías no eido audiovisual.

Analizarase a constante evolución da obra audiovisual e de todo o seu proceso de creación, produción, realización, posprodución, distribución e exhibición así como as novas oportunidades de negocio neste novo contexto tecnolóxico do mundo audiovisual.

Comeza na Coruña a 15ª edición da Arroutada


Hoxe comeza no Coliseo de A Coruña a 15ª edición da Arroutada Party, encontro informático de gran historia a nivel galego que se celebrará dende as 10:00 horas de hoxe ata as 17:00 horas do domingo, xuntando a preto dun milleiros de amantes á informática que poderán conectar os seus equipos en rede para acceder á Internet, compartir contidos entre eles e participar en competicións e xogos.

O evento complétase con obradoiros, conferencias, concursos e campionatos (con importantes premios en metálico que chegan aos 1.200 euros no caso do primeiro clasificado no Counter Strike) que animarán as xornadas que contan coa colaboración do Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, A Xunta de Galicia e Cisco System.

A principal novidade da Arroutada XV será a velocidade da rede emprega, que en anteriores ocasións era de 1 Gbps e que se conseguiu multiplicar por 10.

O PEGSI e a Asociación de Empresarias da Coruña dan conta das súas accións formativas para este outono


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI e máis a Asociación de Empresarias da Coruña veñen de dar conta do desenvolvido e do por desenvolver a través do seu programa conxunto de obradoiros dixitais. Estas actividades colaborativas, dirixidas sobre todo a divulgar as vantaxes das novas tecnoloxías da información entre as mulleres da devandita cidade e do seu contorno, deron comezo hai agora un ano, nas instalacións que a dita entidade ten na avenida Alcalde Pérez Ardá.

En total, informan, dende o 2 de outubro a Rede e o colectivo de mulleres empresarias levaron a cabo 52 obradoiros, cun total de 366 horas impartidas e 256 participantes (na súa gran maioría mulleres, cunha porcentaxe do 87%). O programa de accións, que responde ao interese das dúas entidades responsables á hora de fomentar pola vía do tecnolóxico a actividade empresarial e económica no colectivo feminino galego, segue en activo cunha nova achega de obradoiros, dos que damos conta a continuación.

En boa medida, trátase de cursos de iniciación á Sociedade do Coñecemento:

· Ferramentas do buscador Google.
GRUPO I : 9 e 10 de outubro de 10,30 a 12,30
GRUPO II: 28 e 29 de outubro de 19,30 a 21,30

· Manexo do rato e o teclado.
GRUPO I : 13 e 14 de outubro de 18,00 a 20,00
GRUPO II: 21 e 22 de outubro de 16,00 a 18,00

· Manexo do escáner.
16 e 17 de outubro de 10,30 a 12,30
· Iniciación á informática.
20,21,27,28 de outubro de 18,00 a 20,00

· Retoque fotográfico e edición de imaxes: GIMP
9 e 10 de outubro de 10,30 a 12,30

· Viaxes por Internet
29 de outubro de 17,30 a 19,30

Para poder participar nestas actividades, cómpre levar a cabo a inscrición (de balde) na dita Asociación de Empresarias da Coruña, pola vía do presencial, a través do teléfono 981297870 (contactar con Pilar Chao Valle, dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información) ou ben mediante o enderezo pilar.acoruna@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

Mañá ábrese o prazo para que os autónomos soliciten axudas para a compra de computadores


Os traballadores autónomos de Galiza poderán pedir axudas para a adquisición de computadores a partir do xoves 9 de outubro. O investimento vai destinado á compra dun ordenador portátil ou de sobremesa con sistema operativo Linux e aplicativos de software libre OpenOffice e Mozilla Firefox.

A subvención, convocada pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, vai dirixida a traballadores dados de alta no Réxime Especial da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galiza, agás os comerciantes retallistas, para os que xa existe unha liña de axudas específica.

Non serán subvencionábeis a adquisición de licenzas de software adicional, outros periféricos ou outro tipo de dispositivos distintos do computador. A axuda acadará o 45% do investimento, cun límite máximo de 350 euros por solicitante.

As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas, e que se pode consultar no DOG deste 8 de outubro.

As persoas traballadoras autónomas que se queiran acoller ás subvencións, deberán presentar na entidade colaboradora a seguinte documentación:

Copia do DNI ou NIE, en vigor, no que deberá constar o enderezo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Copia de documento de pago mensual á Seguridade Social do mes anterior á solicitude, do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

Identificación, por declaración do solicitante, do epígrafe do IAE e localidade da Comunidade Autónoma de Galicia na que se atopa dado de alta censual no IAE.

Exclusivamente para o caso de que o DNI ou NIE non acredite o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá requirirse do solicitante a presentación de certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria no que figure o domicilio fiscal do solicitante. A antigüidade máxima deste certificado será de 3 meses.

A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado. O prazo de solicitude ábrese o 9 de outubro e seguirá vixente durante o ano 2009, até esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto, que son 659.400 € no ano 2008 e 999.950 € no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Aberto o prazo para formalizar a matrícula na UDC e optar aos ordenadores do sorteo

Dende onte, luns 6 de outubro, a Universidade da Coruña mantén aberto o prazo de matrícula para aqueles alumnos que acceden a primeiro ou segundo ciclo nas titulacións sen limite de prazas e para os alumnos que continúan cos mesmos estudos.

Ata o vindeiro 17 de outubro, data na que finaliza o período de matrícula para o devandito colectivo, estes estudantes poden realizar a súa inscrición na entidade académica achegándose ás administracións dos distintos centros (como se viña facendo tradicionalmente anos atrás) ou ben a través de Internet, unha opción máis cómoda e rápida que aforra ao usuario de ter que desprazarse ata a secretaría da facultade e agardar longas ringleiras de xente que madrugou máis que el.

Ademais da vantaxes anteriormente citadas, os alumnos que opten pola segunda alternativa, participarán no sorteo de 6 ordenadores e 100 pen-drives que será resolto o día 31 de outubro ás 10:00 horas na Reitoría da Universidade da Coruña.

A listaxe co nome dos alumnos agraciados publicarase no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Reitoría da Coruña e tamén na Vicerreitoría de Ferrol e Relación Universidade-Empresa.

O prazo para que os afortunados recollan os seus premios será dun mes contado a partires do día seguinte ao do sorteo.

Os responsables da iniciativa pretenden, con esta acción, superar a cifra de matrículas por Internet realizadas no pasado curso 2007-2008, que foi de máis do 50 por cento.

Curso de iniciación á informática para galegas en Ferrol


A Confederación de Empresarios de Ferrol está a organizar un Curso de Informática Básica, de 100 horas de duración, dirixido a mulleres con residencia en Galicia, maiores de idade ou emancipadas e que posúan o título de Graduado Escolar ou equivalente.

O curso, que está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e podo Servizo Galego de Igualdade, terá lugar do 15 de outubro ao 11 de novembro, de luns a venres en horario de 16 a 21 horas e ten como obxectivo dar a coñecer o funcionamento dun ordenador e as funcións dos seus compoñentes.

Asemade, as asistentes á actividade formativa adquirirán os coñecementos básicos para desenvolver as tarefas máis habituais cun ordenador, manexar información a través de Internet e empregar os programas de comunicación electrónica.

O programa está dividido en sete apartados ou temas que comprenden as seguintes leccións: Introdución á informática, Windows XP ou sistema operativo equivalente, Office Xp ou programas equivalentes, Internet: principios básicos da navegación e o coñecemento, Manexo do correo electrónico, Igualdade de oportunidades e Orientación profesional.

As persoas interesadas en recibir máis información ou realizar a súa inscrición deberán poñerse en contacto cos responsables da iniciativa a través do número de teléfono 981 333 322.

O 36,5% dos internautas galegos le blogs, un 5,5% por riba da media estatal

Segundo informa o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), os últimos datos proporcionados polo INE amosan que os internautas do país presentan niveis semellantes aos do resto do Estado Español no canto ao uso de servizos de comunicación avanzada pola internet. E mesmo superan a media no uso de novos fenómenos sociais.

Así, os datos estatísticos amosan que o 36,5% dos usuarios galegos le blogs, o que supera en 5,5 puntos a media estatal. Ademais, máis do 50% usa a mensaxaría instantánea e un de cada catro envía mensaxes a chats, grupos de noticias e foros de discusión.

O mesmo estudo amosa que máis da metade dos internautas do país descargou ou escoitou música a través da rede en sitios diferentes a radios en liña, e que máis do 45% fixo o mesmo con filmes ou vídeos en lugares distintos de televisións na rede, catro puntos por riba da media estatal.

Este estudo sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares para o ano 2008 mostra que os servizos usados polos internautas galegos e os seus hábitos de lecer están a evolucionar coa propia rede.

Novo telecentro con 20 ordenadores en Muros

A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual segue adiante co seu proceso de apertura de espazos/aulas de acceso a Sociedade do Coñecemento en diferentes recantos da nosa xeografía. Se os días pasados falamos nesta mesma web dos inaugurados en Arzúa e máis en Carballo, agora toca dar conta dunha nova achega, a de Muros, que pasa xa a formar parte da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) do dito departamento da Xunta.

O novo centro, que foi inaugurado este luns polo director xeral Manuel Xosé Fernández Iglesias e o alcalde Domingos Dosil, contará con 20 terminais de computador, acceso á Internet de alta velocidade e o equipamento indispensable para contribuír a afianzar aos veciños e veciñas do concello na Sociedade da Información. Máis polo miúdo, a idea dos responsables da apertura do espazo de conexión é a de convertelo, a curto e medio prazo, nun punto de partida axeitado para introducirse na comunicación audiovisual e na alfabetización dixital.


Durante o acto oficial de posta en longo do centro, no que tamén participou a través de videconferencia o alcalde de Santa Comba (dándolle a benvida ao de Muros á rede RTC e ao traballo colaborativo da mesma), deuse a coñecer a cifra do investimento achegado para a súa posta en marcha: 120.000 euros.

Entre os obxectivos da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual con esta iniciativa en concreto, cóntase tamén o seguinte: converter o telecentro de comunicación nun punto de encontro dentro do concello conseguindo incorporalo como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía. Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar este telecentro de comunicación (TC) para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, conferencias, etc...

Convocados os Premios Bitacoras.com 2008


Os responsables da rede social de cadernos persoais en liña Bitacoras.com veñen de dar a coñecer en Madrid unha nova convocatoria dos premios do mesmo nome, encamiñados un ano máis a salientar a innovación e o valor comunicativo no panorama blogueiro castelán falante. Os galardóns, que se remontan a 2004 inclúe este ano un total de 18 categorías, entre as que cómpre salientar algunha que outra nova achega, como por exemplo as de Microblogger do ano ou o Mellor Blog Medioambiental.

O certame, que na edición do ano pasado contou coa participación de 18.000 persoas inscritas, inclúe nesta convocatoria un marco de desenvolvemento especialmente senlleiro: en virtude do acordo asinado con Evento Blog España (EBE), a entrega de premios desenvolverase no transcurso destoutra xuntanza, perante milleiros de asistentes e durante a noite do sábado 15 de novembro.

Os premios contan desta volta co apoio de importantes empresas vinculadas ás redes e ás tecnoloxías da información e até dalgúns dos blogs máis seguidos no panorama hispano.

Por certo que os gañadores en cada unha das categorías recibirían un computador ultraportátil de última xeración, así como unha estatua acreditativa.

Entrevista ao gañador do I concurso de blogues


¿Por qué empezaches a escribir o blogue?

Supoño que por aburrimento. Atopeime con que o goberno regalaba dominios .es
e dixen: "pois vámonos aproveitar" e creei o meu dominio propio; non sabía
que nome poñerlle, mirei pola fiestra, vin a palleira dos veciños e.... o
resto xa o sabes. jajaja.

¿Crees que seguirás co blogue moito tempo?

A oferta de dominio.es gratuito era só por un ano, asi que cando o cumpla
terei que cambialo a outra dirección... ou non seguir con el, todo depende,
de aqui a Xuño ainda vai chover moito.

¿Que cousas te aporta?

En parte dame oportunidades para desafogarme criticando cousas que vexo e
non me parecen xustas, dame a oportunidade de compartir cos demais as miñas
opinións, os meus gustos... e ademais serve de pasatempo, asi non me vicio
ós agora tan famosos "sudokus".

¿Que queres conseguir co blogue?

Non teño ningun obxectivo, non é algo feito con ánimo de lucro... o certo é
que non está feito con ningún tipo de ánimo. jajaja.

¿Paréceche unha ferramente útil e amena?

É unha ferramenta útil, sempre e cando se utilice ben. Útil e sobre todo
amena, eu pasoo ben escribindo e supoño que a xente o pasará ben lendo
(porque hai cousas que fan risa e tal). Non me gustan os blogues que
soamente serven para poñer novas que xa se atopan na prensa, parécenme
inútiles. Os blogues son unha ferramenta para activar a creatividade das
persoas, aínda que algúns non sexan para nada creativos.

¿Cómo te enteraches do concurso?

Entereime por casualidade na páxina do concello.

¿Por qué quixeches participar?

Máis que nada participei por participar. Vin que cumplia os requisitos e
dixen: "pois vou participar, total... non perdo nada".

¿Tes algún blogue en especial que che gusta visitar?

Gústanme varios blogues: Capítulo 0 é o
blogue dun xornalista e profesor universitario chamado Manuel Gago e é un
blogue que está moi ben.

De Pinchos é un gran blogue para
coñecer as ofertas gastronómicas dos bares das cidades galegas por se queres
ir unha tarde de cañas...

Pero sobre todos eles, reina o blogue de Berto , o
humorista que colabora con Buenafuente e que agora presenta o programa
mentras Andreu está de vacacions .

¿En qué plataforma creaches o blogue? ¿Por qué elexiches esa?

Creeino en Wordpress, porque é a que mellores opcións ofrece se queres
aloxar o blogue nun dominio persoal.

¿Como ves o teu blog dentro de cinco anos?
Pechado?... jajaja