Mostrando entradas con la etiqueta Blogs. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Blogs. Mostrar todas las entradas

Xa se poden elixir os mellores blogs do mundo

Desta volta non hai bitácoras galegas finalistas. En anteriores ocasións, tres publicacións do país obtiveron o premio organizado por Deutsche Welle.

Esta semana abriuse o prazo de votación da sexta edición dos BOBs, os premios internacionais de blogs organizados por Deutsche Welle. Na web dos premios pódense elixir as mellores bitácoras nun total de 17 categorías, entre elas o máis distinguido en 11 linguas -entre elas non o galego-. En total, compiten 187 blogs, podcasts e videoblogs dun total de 8.408 suxestións recibidas.

A novidade deste ano é a inclusión da categoría Premio Especial Cambio Climático, para recoñecer as mellores publicacións dixitais arredor da materia. Ademais, en xuño, o Foro Global dos Medios de Deutsche Welle estará relacionado coa mudanza climática.

Desta volta, dos 11 finalistas de cada categoría seleccionados polo xurado -formado por "blogueiros prominentes-, non hai ningún blog galego. As anteriores edicións dos BOBs xa tiveran protagonismo do país, cos premios que recibiron o coruñés Nacho de la Fuente, con La huella digital; o betanceiro Juan Varela, con Periodistas21, e mais María Amelia, finada en 2009.

Nace un xornal gratuíto baseado exclusivamente en blogs

The Blogpaper carece de editor: os contidos escóllenos os propios internautas mediante votación na web.

Este venres comezouse a distribuír en Londres un xornal gratuíto que aspira a revolucionar a prensa en papel. The Blogpaper baseáse en temas tirados exclusivamente de blogs. Polo momento distribúese en catro estacións de metro da cidade, ademais de en Stratford. Os contidos son decididos polo voto popular a través da web do xornal.

O novo medio aspira a combinar "dous tipos de medios diferentes aínda que igual de importantes: internet e a prensa", segundo informa na súa web. Fundado por Anton Waldburg e Karl Jo Seilern, preténdese que se financie mediante publicidade, pois non pagarán os blogueiros polo seu traballo.

Mentres moitas publicacións en papel están a darlle cada vez máis importancia á versión online, The Blogpaper amosa o paso contrario: como contidos da rede poden atopar espazo en papel como prensa gratuíta.

Os blogs do país tamén se converterán nun vehículo publicitario

Os blogs do país tamén se converterán nun vehículo publicitario

A decisión do goberno dos Estados Unidos de regular os blogs patrocinados e os contidos "interesados" nas redes sociais de internet por parte de marcas, de xeito que se especifique que se publicaron a cambio dunha contraprestación, tamén terá, antes ou despois, eco no país. Falamos con Manuel Gago, blogueiro e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e con Andrés Milleiro, tamén blogueiro e dedicado ao Márketing de Medios Sociais.

En Galiza aínda non está moi estendido este método, que se está a converter nunha alternativa á publicidade tradicional. Segundo Manuel Gago, estas prácticas "empezaron a aparecer hai dous anos", cando algunhas empresas comezaron a introducilas no seu plan de medios, como adegas que envían viño co fin de dalo a coñecer e promocionalo. "Creamos un código" para que estes agasallos se indiquen "de maneira expresa", asegura Gago.

En calquera caso, os blogueiros respectan, na práctica, este código ético: "Vexo na miña experiencia no sector de blogs gastronómicos que a xente di cando lle envían produtos, aínda que até agora era algo excepcional". De feito, esa excepcionalidade fai que cando "manden algo" xa se converta en "parte da propia historia". Tamén, o feito de que estas campañas non sexan exclusivas e se repitan a moitas bitácoras fai que sexa imposíbel ocultar a súa natureza: "Resultaría ridículo que un non diga que foi un agasallo cando moitos máis o van facer".

Da mesma opinión é Andrés Milleiro, pois en Galiza "non hai moita tradición de patrocinio de blogs", e opina que "en xeral, está bastante mal visto que se fagan entradas patrocinadas e non se diga". A pesar desa evidencia, considera que "a iniciativa dos EUA pode estar ben, porque hai casos en que está bastante ben camuflado". Engade que é positivo que unha regulación que xa existía na prensa se traslade aos blogs, onde "non está de máis ser sincero".

Pero a situación aínda marxinal deste tipo de promocións está a medrar e xa empeza a ser importante nalgúns sectores. Segundo Gago, na "gastronomía, na moda e todo o relacionado cos estilos de vida" xa é "moito maior do que imaxinamos". Así, empresas "que teñen máis problemas de distribución están incluíndo este tipo de estratexias no seu plan de medios". Isto supón substituír a publicidade tradicional aproveitando a crise. Abandónase "o banner, o adsense. Hai unha transferencia cara a este tipo de prácticas". O obxectivo é "poñerse en contacto directo co consumidor".

Para Manuel Gago, "internet é tan transparente que é moi difícil ocultalo, porque vaise saber. O blogueiro pode perder a súa credibilidade". Segundo Andrés Milleiro, a diferenza "é cuestión de mercados. O dos EUA é máis grande". Aquí "ultimamente a xente xa informa de que recibiu un produto grazas a unha axencia de márketing", pero tamén se dan accións menos visíbeis como "blogs comerciais coñecidos aos que as marcas convidan a eventos", algo que se fai "máis a nivel de relacións públicas, que non son realmente patrocinios".

Aínda que é un asunto que "entra máis na ética de cada blogueiro", Milleiro pensa "que non estaría de máis" ter unha lexislación como a estadounidense: "Non vexo mal que cada cal explique máis ou menos como se monta o negocio", pois é preciso lexislar "en temas un pouco escuros, como os blogs" porque, ao final, "dálles credibilidade".

Despiden a un docente por utilizar un blog como ferramenta educativa

Varios blogs están a comentar hoxe o caso do centro educativo Orue Eskola, adscrito á Asociación de Ikastolas Católicas, no que imparten un ciclo superior de formación profesional en educación infantil, por ter despedido a un docente ao utilizar nas súas clases unha metodoloxía que «non se axusta aos parámetros establecidos pola normativa en vigor» ao utilizar coma elemento motor da materia un blog.

O docente en cuestión só impartía a clase de Desenvolvemento cognitivo e motor, e aproveitaba que a súa aula estaba dotada de proxector, Wi-Fi e 10 ordenadores portátiles para facer un uso intensivo das tecnoloxías a través dunha bitácora de Internet.

O caso sorprende especialmente por xustificar o despedimento do profesor baseándose no uso dunha ferramenta, elemento que non establece a normativa vixente, e por ser unha das poucas veces nas que penalizan o aproveitamento das TIC na educación en vez de facer xusto o contrario.

O BlogDay chega á súa 5ª edición


Por quinto ano, milleiros de blogueiros de todo o mundo aproveitaron o 31 de agosto para celebrar o BlogDay ou Día do Blog, un evento moi lonxe doutras xornadas reivindicativas, que nesta ocasión o que busca é facer que a propia blogosfera contribúa á súa potenciación, instando aos administradores de bitácoras de Internet a publicar unha entrada dedicada á celebración na que recomenden 5 novos blogs que consideren interesantes (explicando por qué), pero que procuren afastarse do círculo habitual, para evitar así caer na endogamia, e contribuír ao descubrimento de novos cadernos dixitais.

Estamos así nunha xornada de exploración, na que os blogueiros procuran compartir os seus achados co mundo, á vez que os lectores habituais poden botar unha ollada a espazos que poderían ser do seu interese, incrementando así o seu coñecemento da blogosfera.

O día 31 terá lugar un encontro de blogueiros coruñeses


O blogueiros coruñeses celebrarán o vindeiro día 31 a partires das 5 da tarde un encontro no Coffee Breaks do boulevar do Papagayo, local no que os asistentes poderán gozar dunha oferta de 2x1 nas súas consumicións e incluso instalarán unha consola de videoxogos na pantalla do establecemento para que os blogueiros máis rockeiros poidan amosar as súas habilidades no Guitar Hero.

Os autores de blogs que desexen asistir a este beers & blogs organizado por CoruBlogs deberán apuntarse no correspondente grupo de Facebook ou nos comentarios do LordMaX Blog.

A blogosfera italiana protesta contra a censura

Os blogs fixeron folga para amosar o seu descontento contra un proxecto de lei que pretende impoñer a rectificación forzosa.

Un proxecto de lei en Italia provocou que a blogosfera se declarase en folga. O denominado proxecto Alfano supoñería, segundo os convocantes da protesta, "unha mordaza á información na rede".

Os blogs que se uniron á convocatoria non publicaron este martes ningún artigo e, no seu lugar, penduraron o Manifesto polo Dereito á Rede e o logotipo da protesta: "Este blog ergue a voz. Contra a mordaza do PDL Alfano". Así mesmo, manifestáronse amordazados na Piazza Navona de Roma.

O proxecto de lei imponlles aos internautas a rectificación forzada, algo que os organizadores da protesta aseguran que foi "pensada hai 60 anos para a prensa e imposta a todos os blogs, con duras sancións económicas". Na práctica, aseguran, supoñería silenciar as conversas na rede e impedir a liberdade de expresión.

Segundo informa Público, os afectados pola medida cren que é unha escusa e unha coartada para "facerlle a vida imposíbel ao blogueiro" debaixo dunha "falsa aparencia de responsabilidade". Consideran que os posíbeis delitos de inxurias e de difamación xa abondan, en termos penais, para que lles teñan que engadir aínda multas de máis de 10 mil euros se non se retira unha determinada información.

O blogueiro Nacho Mirás inicia unha serie de cursos de iniciación ás TIC na Rede de Telecentros

A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia, dentro da campaña Comunicarte da Secretaría Xeral de Medios, vai poñer en marcha 12 titoriais interactivos para facilitar o uso e o coñecemento das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación. O primeiro deles, sobre como subir un vídeo ou unha fotografía a internet, preséntase este martes, 30 de xuño, no Centro Multimedia de Galicia e estará accesible en seis Telecentros de Galicia.

Dende Compostela, a partir das 17 horas, o xornalista e blogueiro Nacho Mirás encargarase de introducir e de presentar o primeiro dos titoriais aproveitando para facer un percorrido pola situación actual da blogosfera galega. No acto estará acompañado do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

A xornada poderase seguir por videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Abegondo, Lugo, Verín e O Barco de Valdeorras, onde se poderá traballar co titorial, accesible a partir do martes nos distintos telecentros para o seu uso.

Os titoriais, desenvolvidos coa tecnoloxía Flash, están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratarán sobre temas relacionados co mundo das TIC e cos distintos servizos e oportunidades que internet ofrece na actividade diaria: o acceso á banca electrónica, a tele-administración, a formación on-line, as redes sociais...

A campaña Comunícate pretende que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan como puntos de referencia no acceso ás novas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

Finou María Amelia, a avoa blogueira

A autora máis veterana da blogosfera, nada en Muxía, recibira varios premios pola súa bitácora, que recibiu case 1,5 millóns de visitas en dous anos.

María Amelia, coñecida como "a avoa blogueira" finou este xoves aos 97 anos, segundo informou no seu blog o betanceiro Nacho de la Fuente. A considerada autora de bitácoras máis veterana do mundo, nada en Muxía, abriu o seu espazo na rede en decembro de 2006, como un agasallo de aniversario que lle deu o seu neto.

Despois de centos de entradas, miles de amigos, un millón e medio de visitas e varios premios, María Amelia deixa o blog. A súa saúde foi empeorando paulatinamente. A derradeira publicación fíxoa o 11 de marzo de 2009.

Blogaliza está de re-estrea


A plataforma de publicación de blogs en galego muda o seu formato e achega novidades.

Abre o maio con importantes novidades no blogomillo, cuxo máis coñecido punto de encontro, a comunidade de blogs en galego Blogaliza sacou á luz a anunciada nova versión.

Polo momento inclúe novas culturais con actualización diaria, recollendo diversas sementes, entre elas a de Vieiros. Ao tempo, prevén novas seccións irán aparecendo progresivamente, e de momento temos xa á vista a de Letras. Do mesmo xeito, podemos seguir consultando o último do publicado na extensa familia de blogues na nosa lingua.

Blogaliza mantén o compromiso de que os blogs sigan a ser de balde e sen publicidade, agás nas portadas temáticas, que contarán con anuncios para contribuír á viabilidade da plataforma.

Un blogueiro recibe un toque de atención por usar unha "frase rexistrada"

O estadounidense Leo Babauta usou, sen sabelo, unha frase que resultou ser o título dun libro. Os representantes da escritora mandáronlle unha notificación.

Os dereitos de autor e as patentes están chegando a límites absurdos, até o punto de que os blogueiros que usan a lingua inglesa teñen que ter coidado co que escriben, non vaia ser que usen unha frase que estea rexistrada. Iso foi o que lle pasou a Leo Babauta.

A semana pasada, empregou inocentemente a expresión "feel the fear and do it anyway" (ten medo pero faino igual) no post titulado "A Guide to Beating the Fears That Hold You Back" (Guía para vencer os medos que te frean). Pero, ao pouco tempo, recibiu unha notificación por correo electrónico.

Os avogados da escritora Susan Jeffers comunicáronlle que estaba a infrinxir unha marca rexistrada pola súa representada. Esa frase é, ao parecer, o título dun dos seus libros, do que, evidentemente, Babauta non ouvira falar na súa vida. E, de feito, a expresión era algo que un amigo seu comentara en Twitter.

Os representantes pedíronlle que engadise o símbolo "®" detrás da frase e engadir "É unha marca rexistrada de Susan Jeffers, e úsase co seu permiso". Pero decidiu non facelo, porque pensa -como o senso común leva a crer- que non é posíbel que unha frase común se poida rexistrar, e pregúntase que acontecería se, por exemplo, a Bill Gates lle dera por rexistrar miles de frases para cobrarnos a todos polo seu uso, ou que houbese que incluír unha ligazón á web de Microsoft.

Blogaliza, o cambio


Para máis información pincha aquí.

Blogger facilita a inserción de publicidade nos seus cadernos de Internet


Blogger, o servizo de blogs de Google, vén de incorporar ao seu panel de control unha pestana chamada Monetizar que facilita a xeración de ingresos vía publicidade de AdSense (facilitando a creación dunha conta de usuario ou usando unha conta xa existente) nos cadernos de Internet. Amais, Blogger fai uso da API de AdSense para poder amosar os beneficios publicitarios directamente dende o seu panel de control.

Aínda que conseguir beneficios a través de AdSense é algo complexo por precisar dun número de visitas moi elevado, moitos usuarios agradecerán estas facilidades por parte de Google coas que poderán conseguir uns ingresos adicionais sen ter que consumir esforzos en buscar anunciantes.

Os Euro Blog Awards buscan levar o concepto do festival de Eurovisión aos blogs


O 24 de abril ás 13:30 horas entregaranse no marco da Nonick Conference que terá lugar en Bilbao os Euro Blog Awards, que aínda que están moi lonxe de ter a repercusión dos populares The BOBs, resultan curiosos, xa que o sistema de votación elixido fai uso de Facebook Connect, o que impediría os votos masivos (ou a repetición de voto por parte dun mesmo usuario).

As persoas que queiran participar poderán votar ata o día 23 a unha selección de bitácoras e videoblogs elixidos por un grupo de expertos de 12 países, o que servirá para elixir uns finalistas, tralo que entrará a valorar o xurado, que ponderará a relevancia, creatividade, interacción e historia dos blogs para elixir aos gañadores.
Este concurso de blogs ten así un funcionamento pouco transparente (especialmente na pre-selección de blogs) e amosa irregularidades coma considerar o éuscaro como unha lingua do mesmo nivel que o inglés ou o francés, pero esquecendo ao galego e ao catalán (simplemente porque o acto de entrega dos premios é en Bilbao). Tampouco conseguiu moita sona, polo que é de agardar que o seu resultado final sexa pouco significativo, aínda que non por iso desmerecerá o feito de que unha bitácora europea vexa recoñecida a súa valía cun galardón.

Javier Losada estrea blog


O alcalde da Coruña, Javier Losada, estreou un blog para comunicarse dun xeito máis directo cos seus veciños, para que os cidadáns poidan aproveitar os recursos que ofrece a Internet para aproximarse ao seu alcalde.

Este novo espazo complementaría a web oficial do alcalde, e estaría dispoñible tanto dende a web municipal como a través do nome de dominio javierlosada.es.

Polo momento, aparte de presentar o propio caderno dixital do alcalde, Losada comenta no seu blog a súa visita ás obras do Porto Exterior, dando a entender que este novo medio servirá para facer un seguimento da actividade diaria do rexedor coruñés.

Televés crea un blog dedicado á medición de sinais de radio e televisión


O rincón da medición é o nome que a compañía de telecomunicacións Televés lle puxo (moi acertadamente) ao seu novo blog, un espazo creado para aproveitar ao máximo as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías e ao que os internautas poden acceder directamente dende a súa web oficial para informarse, de xeito ameno e directo, dos temas e cuestión técnicas máis actuais do mundo das medicións de sinais de radio-televisión.

Televés pretende, con esta iniciativa, “estar cada día máis preto dos seus clientes” e poder así “responder ás súas preferencias e necesidades”; por iso, o blog permite que estes teñan ocasión de participar con comentarios, cuestións ou datos adicionais nos temas de debate e propostas que o equipo encargado vaia suxerindo cada certo tempo no espazo común.

Segundo vén de indicar Sergio Martín, responsable de Comunicación de Televés Corporación, o obxectivo deste “rincón” é, achegarlle aos técnicos e especialistas as novidades do produto e de funcionalidade dos medidores de campo de Televés, “da maneira máis obxectiva posible e sempre coa intención de aportar valor real ao seu traballo”.

A ferramenta, que se puxo en marcha en castelán, vai funcionar tamén noutros idiomas, debido, sobre todo, “á forte internacionalización de Televés”, que está presente en máis de 80 países.

Porén o blog non é a única iniciativa que esta entidade leva a cabo para achegarlle a tecnoloxía aos seus clientes, senón que forma parte dun conxunto de medidas destinadas a empregar todas as ferramentas que ofrecen as novas canles de comunicación en torno a Internet e ás redes sociais.

Suso de Toro volve bloguear


O escritor Suso de Toro foi todo un pioneiro na blogosfera hai case unha década, pero o seu espazo Botelha ao mar perdeuse no esquecemento (a súa web baixo o dominio susodetoro.com non está dispoñible actualmente, aínda que conserva copia en Archive.org) e agora retoma a súa andaina cun novo espazo na Blogaliza do que deu conta no seu blog David de Ugarte.

Suso de Toro levou o seu anterior blog durante uns 3 anos, pero tivo que deixalo por non poder dedicarlle o tempo necesario, e agora volve cun maior ritmo de publicación (antes só publicaba un ou dous textos ao mes) aínda que cos comentarios pechados, pois o autor prefire manter unha certa distancia cos seus lectores, pero será unha boa achega ao actual panorama do Blogomillo.

Un obradoiro achegará o proceso de creación do Queixo de Arzúa a blogueiros

Co gallo da 34ª Festa do Queixo de Arzúa entre os días 13 e 15 de marzo, Marina Oural, Ramón Roldán e Rodrigo Varela organizan un obradoiro de queixo con editores de blogs en colaboración con Queixería Bama, de xeito que un grupo de blogastrónomos galegos (confirmando xa a súa asistencia os responsables de La cocina Delokos, Laconada, Nueva cocina de aldea, Maxamanías, Cerveceando e Borralleira) poidan seguir o proceso de creación do queixo de Arzúa en primeira persoa, facendo o seu propio queixo na Queixería Agrodespensa, unha pequena queixería con pouco produción, orientada á divulgación.

Esta iniciativa terá un especial valor polo feito de que, previsiblemente, os blogueiros que asistan cubrirán a súa experiencia dende os seus respectivos cadernos virtuais, polo que servirán de amplificador da xornada, servindo tamén para promocionar o Queixo de Arzúa-Ulloa e a súa festa.

Santiagosiete procura o mellor blog da comarca compostelá

O xornal Santiagosiete quere servir de canle entre os blogueiros da comarca compostelá e os restantes blogueiros e/ou internautas en xeral. Con este obxectivo, vén de pór en marcha un concurso para atopar, coa axuda da comunidade de usuarios da Rede, a mellor bitácora da cidade e da súa contorna. O certame, que polo de agora xa conta con 60 cadernos inscritos, participando, fica aberto a todo tipo de propostas.

A arela dos seus responsables é que o concurso sexa máis ou menos coma a blogosfera en si mesma, pluricultural e pluritemática. Así o dan a entender nas bases do certame: “Dá igual do que nos fales: actualidade, política, crítica, poesía, viaxes, gastronomía, diario persoal, etc… O importante é o interese que esperte”, engaden. Á hora de atopar o mellor caderno teranse en conta, entre outras, as seguintes valoracións: calidade técnica do blog, estética, interese dos contidos, orixinalidade da proposta, número de lectores, comentarios e subscritores e frecuencia de actualización.

O xornal Santiagosiete, que anima a todos os blogueiros composteláns a participar na iniciativa, facilita un enderezo para a achega de propostas: blogsantiagosiente@gmail.com.

Blusens organiza este venres un encontro para blogueiros

A empresa galega Blusens terá este venres unha xornada de portas abertas para diversos profesionais dos medios de comunicación dixitais de todo o país co obxectivo de darlles a coñecer, de primeira man, algún dos segredos mellor gardados pola súa sede de I+D no Polígono de Costa Vella en Santiago de Compostela. Máis polo miúdo, a expedición estará constituída por blogueiros especializados no eido das tecnoloxías do lecer procedentes de todos os recantos de España, que comezarán a súa xornada compostelá no edificio da sede central (CNL) da compañía galega (onde serán recibidos por José Ramón García, CEO de Blusens, e Miguel Silva, vicepresidente executivo) para logo trasladárense ao emprazamento da innovación Blusens propiamente dita: o edificio CST.

A chegada a esta sede, prevista para as 10.00 horas, terá continuidade con diversas visitas guiadas, actividades e demostracións baseadas en produtos presentes e futuros da compañía. Máis en detalle, está programados encontros coas seccións de Marketing e I+D+i ou explicacións pormenorizadas sobre as funcionalidades do sistema Blubrain (concepto, aplicacións, hardware, software, etc).