Para febreiro hai xa programadas numerosas actividades de variada temática e dirixidas a diferentes colectivos

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que o pasado día 22 cumpriu dous anos, impartiu no mes de xaneiro un total de 123 obradoiros sobre as Novas Tecnoloxías, que supuxeron 931 horas e a través dos que se formou a 586 persoas.

Os máis impartidos foron “Iniciación á Informática” e “Iniciación á Internet”, nun total de 19 ocasións cada un. “Alfabetización dixital: Informática e Internet”, “Creación dunha conta de correo electrónico” e “Mecanografía” foron, por esta orde, os seguintes na lista.

A través dos obradoiros formouse a un total de 586 persoas, das que 425 foron mulleres (o que supón un 73%). Ademais, 706 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta.

Programación para febreiro


No mes de próximo, entre os numerosos obradoiros e iniciativas que se van levar a cabo, cabe destacar algúns como son:

- Monte Porreiro (Pontevedra): “Monte Porreiro en Cores” terá como obxectivo desenvolver un blog. Neste exporanse unha serie de cadros realizados polos asistentes a un curso no que a pintora Sabela Canitrot ensina as claves do traballo pictórico. Cada xoves fotografiarase un cadro; esta fotografía, xunto cun comentario do autor ou autora, subirase ao blog.

“Fieitiña na Rede”: tamén en Monte Porreiro dotarase de contido a outro blog para expoñer os traballos realizados pola “Asociación de Palilleiras A Fieitiña”.

- Cambados: impartirase a “Charla sobre o Software Libre na empresa”, que se celebrará na primeira quincena de febreiro en Cambados e que terá como destinatarios ao alumnado de IES e Ciclos de Formación Superior.

- Allariz: “Internet básico para pais e nais” é unha iniciativa que terá lugar en Allariz na primeira quincena do mes e estará dirixida á escola de familias “A orella verde”. Con esta preténdese que os pais e nais se acheguen ao mundo da Internet, ao que os rapaces e rapazas adican cada vez máis tempo. A finalidade das charlas, que se desenvolverán en 7 sesións, é cubrir un oco que moitos pais e nais teñen sobre sobre en qué páxinas navegan ou seus fillos/as ou a que contidos e riscos se poden ver expostos.

O autobús da Rede de Dinamización repartirá copias do Galinux polas vilas galegas


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, pon en marcha un autobús informativo sobre as novas tecnoloxías que, a partir do xoves 29, percorrerá 15 municipios galegos durante un total de 15 días.

O autobús permanecerá un día en cada unha das localidades -aproximadamente de 11.00 a 15.00 e de 14.00 a 20.00 horas- para dar a coñecer as actividades da Rede de Dinamización, pero tamén para presentar o Galinux, o completo sistema operativo de fontes abertas en galego desenvolvido por Mancomún.

O vehículo estará equipado con computadores instalados integramente con software libre, así como con conexión a Internet. A estes terminais poderá acceder libremente a xente que visite esta unidade móbil nas horas estabelecidas pola organización para tal fin.

Asemade impartiranse diferentes actividades en volta das novas tecnoloxías como poden ser, entre outras, a realización dun obradoiro de Alfabetización dixital: Informática e Internet, a proxección de vídeos sobre a Rede ou a distribución de folletos informativos e copias do Galinux á poboación do lugar.

A finalidade desta iniciativa, ao igual que a de todas as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é a de seguir achegando as novas tecnoloxías, baseadas en estándares e códigos abertos, e a sociedade da información a toda Galicia.

Printed Blog, o semanario feito con contidos extraídos de blogs


Nun momento no que as cabeceiras de prensa ven reducidas as súas vendas e teñen que acometer recortes no seu cadro de persoal chega a Chicago e San Francisco unha nova publicación, The Printed Blog, que vai contracorrente ao estar composta por contidos nacidos na blogosfera e que se distribuirá semanalmente.

A nova publicación contará cunha tiraxe de 2.600 copias, será de balde, e repartirase por correo e en varios puntos do centro das cidades mencionadas con anterioridade. Amais, non fai uso de grandes imprentas para trasladarse ao papel, senón que son os propios distribuidores os que imprimen o xornal para logo repartilo.
Esta iniciativa está a captar moita atención dende todo o mundo, polo que é de agardar un éxito inicial, aínda que conceptualmente pareza un erro absoluto, xa que os textos realmente escritos para a Internet non deberían poder trasladarse de xeito doado ao papel, pois se perderían as ligazóns e a interacción con lector, detalles que The Printed Blog deberá afrontar dalgún xeito convincente.

A Arteria Noroeste convoca un curso de mestura dixital para músicos

Artenet, o departamento de nova creatividade da Arteria Noroeste (SGAE) en Santiago de Compostela, segue a organizar iniciativas de formación vinculadas ás tecnoloxías como instrumentos e materias primas. Nesta liña é onde se insire o curso Mestura e Mastering Dixital, unha achega de aprendizaxe dirixida a favorecer o traballo e máis a capacidade creativa dos músicos á hora de enfrontarse cun labor de mestura. Máis polo miúdo, o que se pretende é contribuír a que os alumnos optimicen ao máximo o uso das ferramentas que os secuenciadores de audio dixital subministran a día hoxe co fin de acadar un son máis profesional e rematado.

O curso, encamiñado sobre todo a músicos e técnicos interesados no audio dixital con coñecementos básicos de algún software secuenciador de audio (ProTools, Cubase, Logic), comeza o 9 de febreiro e esténdese até o 4 de marzo, ao longo de 40 horas lectivas.

As persoas interesadas en participar na iniciativa, que vai estar dirixida por Javier Abreu, deberán contactar cos responsables de Arteria Noroeste a través do correo gnieves@sgae.es. Lembrar que a sede da SGAE en Galiza está no parque de Vista Alegre de Santiago, concretamente na rúa das Salvadas.

Nokia selecciona un proxecto galego para a súa plataforma móbil

Unha aplicación galega foi seleccionada por Nokia para contribuír ao seu desenvolvemento de cara á próxima versión da súa plataforma de código aberto para dispositivos móbiles, Maemo. Xunto a outros sete proxectos, Vagalume, reprodutor musical integrado na rede social Last.fm, recibirá axuda, promoción e financiamento da compañía finlandesa para formar parte do lanzamento de Maemo 5.

O proceso de selección iniciouse cunha enquisa entre a comunidade de Maemo para escoller os seus candidatos a recibir as Estrelas Fremantle (nome clave da nova versión da plataforma).

Vagalume é un proxecto patrocinado pola empresa galega Igalia e desenvolvido por un equipo liderado por Alberto García, aínda que, como software libre que é, recibe achegas de xente de todo o mundo. É un cliente de Last.fm que funciona en contornos de escritorio Gnome, aínda que está especialmente deseñado para a plataforma Maemo, e mesmo dispón dunha versión para Windows.

Galiza Rebelde, nova página de información alternativa e transformadora


Galiza Rebelde é unha páxina de información alternativa de carácter comunitario e transformador.

O seu obxectivo é construir un espazo colectivo de comunicación popular para difundir novas, artigos de opinión, convocatorias, etc. de Galiza e do mundo, que non teñen espazo nos medios convencionais, e no cal as achegas desde e para a comunidade son a esencia do proxecto.

Os media do sistema obedecen a intereses económicos e políticos moi concretos, polo que manipulan a realidade e silencian as novas que non lles conveñen. Fronte a iso, Galiza Rebelde pretende recompilar toda a información que proceda de medios alternativos ou sexa de interese para o proxecto de transformación social que defendemos. Desde unha óptica anticapitalista, nacionalista e antiimperialista, pretendemos ofertar un espazo no que dar voz aos diferentes movementos sociais, organizacións políticas e persoas que traballan en chave transformadora no noso país e no mundo.

En Galiza Rebelde cada quen achega as ligazóns ás novas que máis lle interesen, e é a propia comunidade a que as valora e define o lugar que lles corresponde. Ademais, os usuarios poden deixar os seus comentarios nas diferentes novas.

Aspiramos tamén a servir de punto de encontro e de debate (preferibelmente non de discusión..) dos movementos sociais e organizacións diversas do país, para que difundan aquí as súas actividades e reflexións, conformando un espazo na rede que teña como base o diálogo, o respecto mútuo e a crítica construtiva.

Google botaralle unha man aos internautas que queiran saber se os operadores pechan a billa

Malia que non hai moitos sinais que o amosen de xeito definitivo, unha boa cantidade de internautas afeitos ao intercambio de música e filmes na Rede teñen claro que as operadoras lles pechan en maior ou menor medida a billa de acceso co fin de que se descargue o menos posible. Isto, que comunmente se coñece como capar ao P2P, vén a ser a aplicación na Rede de múltiples procesos previos na vida non virtual: moi poucos produtos que se venden responden finalmente ás expectativas. Este labor constante de redución dos dereitos dos consumidores ten na Internet unha chea de facianas, pero a máis coñecida segue a ser a da limitación sutil e progresiva do que nun principio se ofrecía. Os internautas, fartos desta situación, levan meses reclamando máis e mellores xeitos de verificala. A queixa semella que non está a caer en saco roto, e xa hai quen parece botar unha man: Google.

O buscador, ultimamente moi a favor dun emprego da Internet o máis libre posible, vai poñer en funcionamento unha ferramenta que favoreza de xeito directo a comprobación do delito. Ou sexa: que nos axuda a saber se o ISP contratado ás empresas que achegan acceso á Rede se respecta.

Segundo apuntan estes días Enrique Dans ou Elpais.es, o programa de Google xa ten unha base sólida: a dun acordo asinado con diversas entidades sen arela de lucro que loitan dende hai tempo por unha Internet sen restricións e que non atente aos dereitos dos seus usuarios. En virtude deste achegamento, estes entes veñen de desenvolver Measurement Labs, plataforma de software libre aberta aos investigadores que queiran tomarlle o pulso ás conexións de toda a Rede. Polo que respecta aos redeiros de a pé, dicir quen en breve se porá ao seu alcance ferramentas que lles axuden a avaliar o nivel de tráfico de datos da súa conexión e comprobar deste xeito se o seu ISP limita determinadas accións. Con todo, xa é posible facer uso destas aplicacións dende o sitio de Measurement Labs.

Preséntase en Ribadeo o programa Memoria de muller

Este mércores presentouse en Ribadeo o proxecto Memoria da Muller, que vai desenvolver a Rede de Dinamización da Sociedade da Información. No acto participaron a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.

O programa pretende achegar as mulleres ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información e amosarlles a súa utilidade. Deste xeito, preténdese reducir a fenda dixital que lle afecta a este colectivo, especialmente no rural. Memoria de Muller, ademais, contribúe á recuperación da memoria histórica, persoal e sociocultural de cada concello a través dos relatos persoais das mulleres participantes, que se converten en protagonistas e artífices do proceso.

As asistentes actúan motivadas por unha implicación afectiva ao estar relatando pasaxes da súa vivencia recollidas da memoria. Para acadar o obxectivo, as mulleres elaboraron un vídeo con fotografías e imaxes propias, ás que lles engadiron a narración da súa propia historia dende unha perspectiva de xénero. Empregaron a súa voz e o son ou músicas que consideraron oportunas.

No ano 2008 leváronse a cabo 23 iniciativas de Memoria da Muller. En Ribadeo presentáronse cinco historias: A romaría de Santa Cruz, Nai non hai máis que unha, Muller que emigrou dúas veces, As miñas vivencias e A ría de Ribadeo.

En cada proxecto participan de 4 a 8 persoas, maiores de 50 anos, guiadas por unha persoa dinamizadora, que lles axuda a escribir a historia, seleccionar as imaxes, escanealas e tratalas, montalas, narralas e sonorizalas, labores que efectúan as mesmas participantes. Previamente reciben obradoiros que lles fornecen as destrezas necesarias para elaborar o vídeo.

A iniciativa Memoria de Muller enténdese como un proxecto de recuperación da muller galega para que se poida preservar e rescatar do esquecemento, dándolles a voz ás mulleres a través das novas tecnoloxías para transmitirlles esa memoria ás vindeiras xeracións. O paso final inclúe unha presentación, no concello onde se realizaron, dos vídeos, para o recoñecemento do traballo das súas protagonistas. Ao remate, difúndense por internet todas e cada unha das historias mediante un portal específico.

AGESTIC e Xóvenes Agricultores comezan esta semana a súa xira para a promoción da Rede no rural




O programa Impulso Rural que na nosa terra están a desenvolver AGESTIC e Xóvenes Agricultores chegou esta semana a unha fase crucial da súa aplicación práctica: a xira de espallamento dixital polos eidos da nosa xeografía máis afastados das grandes cidades. A iniciativa, que se vai desenvolver entre xaneiro e marzo e que conta co apoio do Ministerio de Industria, inclúe 60 accións formativas noutras tantas localidades das nosas catro provincias. O obxectivo: fomentar fóra das grandes cidades a aposta pola Sociedade da Información, plena de vantaxes para absolutamente todos os sectores económicos e sociais do rural: até para os teoricamente máis afastados da cousa dixital. Máis polo miúdo, o que se pretende é afianzar os usos das redes da información na xestión das explotacións agro-gandeiras, cooperativas, empresas autónomas, negocios turísticos ou teletraballo.

Uns premios recoñecen os maiores fiascos das TIC no último ano


Os Fiasco Awards son unha iniciativa privada sen ánimo de lucro que quere premiar aos mellores proxectos, ideas, produtos ou servizos do sector das TIC que remataron converténdose nun auténtico fiasco, para manter vivo o espírito crítico vivo no sector, potenciar unha actitude positiva cara ao fracaso (entendéndoo coma unha etapa no camiño do éxito) e, de paso, divertir aos participantes.

A iniciativa está apadriñada pola Asociación Catalá de Enxeñeiros de Telecomunicacións, polo que non sorprende que entre os candidatos da primeira edición aparezan varias iniciativas que se limitaron ao seu ámbito xeográfico, coma Autonòmix, Maresme Digital ou o SAGA, pero o resto de candidatos poden resultar recoñecibles a nivel estatal e mesmo global, pois son: Google Lively, a radio dixital, Mobuzz TV, o proxecto One Laptop Per Child, Second Life e Windows Vista.

A votación destes premios está aberta ata o día 25 de febreiro, para que o día 26 poida celebrarse unha festa na que se darán a coñecer os gañadores do concurso que funciona mediante votación popular.

Botando un ollo aos candidatos desta primeira edición podemos distinguir claramente a proxectos mal xestionados, servizos que non resultaron viables economicamente e produtos dos que se vendeu a moto sobrevalorándoos, polo que a realidade supuxo un duro golpe para eles. ¿Cal destas categorías é a que o público considera que digna de chamar fiasco? En poucas semanas o saberemos.

A Illa de Man impoñerá un canon ao uso de internet

Por unha libra esterlina ao mes, a cidadanía poderá descargar libremente todo o que queira, fronte aos modelos doutras áreas europeas.

A Illa de Man, territorio autónomo británico que non forma parte da Unión Europea, vai experimentar unha nova modalidade que pretende compensar os propietarios de dereitos de autor sen limitar os dereitos dos usuarios. As persoas internautas da illa non terán ningún tipo de restricións á hora de compartir arquivos, aínda que terán que pagar unha libra (1,1 euros) ao mes por gozar desa liberdade.

Segundo informa The New York Times, a iniciativa pretende "compensar" as discográficas polo seu descenso de vendas a causa da "pirataría". O importe recadado entre os provedores de internet irá a parar a unha axencia especial que o distribuirá entre as persoas propietarias dos dereitos. Este concepto de 'canon de carta branca' é comparábel á licenza que se paga en moitos países de Europa por dispoñer de televisión.

Noutros casos, como no Estado Español, impóñense taxas por mercar discos virxes ou equipamento audiovisual e informático, que se adoita destinar a apoiar as industrias culturais. Unha proposta semellante á que se vai poñer en marcha na Illa de Man debateuse no ano 2006 en Francia, pero foi rexeitada por grupos de presión de propietarios de copyright. Despois, o goberno francés decidiu forzar os fornecedores de internet a desconectar os "piratas persistentes".

A idea manesa xa espertou interese no Reino Unido, aínda que os lexisladores británicos son máis partidarios de imitar o modelo francés e estimular o desenvolvemento de "vendas legais de música". Porén, tamén hai voces en contra da medida na illa, que consideran que ese pagamento discrimina as persoas que non descargan arquivos.

A Illa de Man é coñecida pola súa condición de paraíso fiscal, ademais de por prestarlle un importante impulso ás novas tecnoloxías. Así, foi o primeiro lugar do mundo en poñer en marcha a telefonía 3G, en 2001, e todos os seus fogares teñen acceso á banda larga.

A Coruña acolle unha xornada sobre comercio electrónico para empresarios

O vindeiro xoves 29 de xaneiro, terá lugar na Coruña, unha xornada sobre comercio electrónico, que organiza AECEM para fomentar o emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na nosa comunidade.

O crecemento do comercio electrónico en España é, a pesares da crise económica que estamos a sufrir, unha proba da fortaleza da canle en liña e a súa importancia para o futuro da nosa economía.

A Asociación de Comercio Electrónico e Marketing Relacional (AECEM), vén de anunciar, a propósito disto, a celebración da devantida xornada, que reunirá a empresarios locais nunha serie de seminarios que versarán sobre o mercado en liña, os produtos máis demandados na web, os elementos dunha tenda electrónica, os medios de pago…

Esta mesma actividade terá lugar noutras 10 cidades españolas, o que permite que os profesionais interesados poidan achegarse persoalmente e coñecer, da man de expertos especializados, as ferramentas necesarias para comezar a operar a través de Internet.

Os empresarios galegos poderán beneficiarse o vindeiro xoves deste programa, intercambiando experiencias e familiarizándose coas TIC de xeito natural. A xira complementarase coa publicación dun Libro Blanco do Comercio Electrónico, unha guía práctica de balde para pequenos empresarios.

O BOP da Coruña xa non se imprimirá en marzo

Será o primeiro diario oficial do país en abandonar o formato papel e facer oficial a versión en liña. Impartiranse cursiños para familiarizar as persoas usuarias.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña será o primeiro do país en abandonar o papel. Dende o mes de marzo, a consulta e xestión da publicación formalizaranse exclusivamente a través da internet. A versión dixital terá validez xurídica e servirá de forma de acceso universal e gratuíto.

O diario coruñés naceu o 1 de xullo de 1835 e comezou a pendurarse da web da Deputación da Coruña en 1998. Dende aquela, ten unha media de case medio millón de consultas mensuais. Pola súa banda, a edición en papel foi descendendo a súa tiraxe, dende os dous mil exemplares diarios de 1998 aos 500 de hoxe. Polo de agora, a garantía xurídica outórgaselle só á versión impresa.

Iso cambiará no mes de marzo. Ademais, a versión web fará máis doada a consulta dos textos e estará accesíbel para persoas con discapacidade. Poderanse, tamén, encargar subscricións, mais a través do correo electrónico, de balde e sobre temas escollidos previamente. A deputación calcula que se aforrarán 48 toneladas de papel ao ano, o que equivale á tala de 150 árbores.

Para garantir que o funcionariado e os usuarios do boletín poidan seguir accedendo ao mesmo, vaise desenvolver unha campaña de información e formación en diferentes comarcas da área de influencia da deputación. Aínda así, editaranse catro exemplares de cada edición para a súa conservación e custodia documental.

A deputación coruñesa segue, así, os pasos iniciados no Estado Español pola Generalitat Valenciana, que deixou de publicar en papel o seu Diari Oficial en 2007; despois pola Generalitat de Cataluña, que fixo o mesmo coa súa publicación o 30 de xuño do mesmo ano, e o goberno español, que deixou de imprimir o Boletín Oficial do Estado o pasado 1 de xaneiro

Supéranse os 1.000 millóns de usuarios da Internet

A consultora ComScore anunciou que o pasado mes de decembro o mundo superou os 1.000 millóns de usuarios da Internet, destacando que China é xa o país con máis usuarios (179.710.000, mentres que as autoridades chinesas aseguran estar preto dos 300 millóns de usuarios), seguida por EE.UU. (163.300.000) e Xapón (59.993.000), quedando España nun 13º lugar con 17.893.000 internautas.

Cómpre destacar que a rexión de Asia-Pacífico tería o 41,3% dos usuarios da Internet, o que fai que Norteamérica (18,4%) diste moito de ser o corazón da Rede, estando incluso superada por Europa (28%), o que contrasta cos servizos web máis populares (que son case na súa totalidade estadounidenses). Así, o 77% dos usuarios terían accedido a páxinas web de Google, o 64% de Microsoft e o 55% de Yahoo!.

Os datos de ComScore poderían ser pouco precisos en países coma China, onde é habitual acceder á Rede dende equipos públicos (cibercafés) o que explicaría as discrepancias entre os datos oficiais e os que publica a consultora (que identifica ás conexións e non ás persoas detrás das mesmas), e podería indicar que o dominio asiático no número de usuarios da Internet é maior do que pensamos.

Crean unha web que axuda a comprender, en pequeno, quen poboa o noso planeta arestora, coas súas características, de onde proceden e as linguas que fa


Un mundo de cen habitantes. Esta é a idea dos creadores da web If the world were a village of 100 people, creada para axudar a comprender como vivimos neste planeta. Esta páxina amosa o noso mundo a escala, converténdoo nunha vila dun cento de habitantes no que cada ano morre unha persoa e nacen dúas. Nel, para que se fagan unha idea de como exemplifica a realidade, hai 61 asiáticos, 13 africanos, 13 americanos, 12 europeos, e un habitante de Oceanía; 17 deles falarían chinés, nove inglés, seis ruso, 6 español, e 54 linguas ben diferentes, coma o árabe ou o alemán. En canto ás relixións, 33 deles serían cristiáns, 19 musulmáns, 12 hindús, seis budistas e o resto -29- de relixións varias ou simplemente ateos.

Ademais disto, está ao dispor dos visitantes outras informacións importante, como que 33 destes habitantes sofren malnutrición, cinco son nenos soldado, catro refuxiados de guerra, tres teñen a sida e 10 son homosexuais. E sobre a descendencia: as familias africanas teñen oitos fillos, as asiáticas dous e as europeas un só... E entre todos teñen 24 televisores.

Un dato importante: seis dos habitantes desta pequena vila (todos eles norteamericanos) acumulan o 59% da riqueza total dos cen que son. Todo isto pode consultarse nesta páxina, que está en inglés e coreano, e que pon á disposición do visitante, gráficos interactivos e interesantes estatísticas

Galinux promocionarase por todo o país


O sistema operativo galego Galinux, impulsado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, dá un paso máis para darse a coñecer entre a cidadanía. Comezará a promocionarse a través dos medios de comunicación de masas.

Galinux presentouse o 11 de decembro de 2008 e, dende entón, pódese conseguir de balde descargándoo dende a súa web ou nos puntos da Rede de Dinamización da Sociedade da Información.

A partir de agora tamén se promocionará a través de diversos medios, como anuncios de radio e de televisión, banners na internet, valados e folletos e nun autobús da Rede de Dinamización, que distribuirá CD do sistema operativo por todo o país.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información está de aniversario


Hoxe, xoves 22 de xaneiro, cúmprense os dous primeiros anos da súa posta en marcha

A Rede de Dinamización está hoxe de noraboa, pois cumpre dous anos en funcionamento. Nunha data simbólica coma esta é toda unha honra pórse a facer balance, posto que os datos que este achega son altamente positivos.

A Rede, a través dos/as seus/súas dinamizadores e dinamizadoras, pretende rematar coa fenda dixital que afecta aínda a moitos colectivos da sociedade galega. Con esta finalidade desenvólvense charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital de temática variada, adaptándose ás diferentes necesidades dos diferentes colectivos sociais tales como poden ser as mulleres, as persoas maiores, as persoas con discapacidade, a mocidade, as asociacións e as empresas. Todo isto de xeito totalmente gratuíto e ao alcance de toda a poboación galega.


Para a consecución de tales fins, a Rede de Dinamización está presente ao longo de toda a xeografía en 70 concellos galegos, nos que desenvolven a súa labor de alfabetización dixital os dinamizadores e dinamizadoras. A Rede chega así a todos os recunchos de Galiza, fixando os seus obxectivos, principalmente, naquelas zonas do rural con menos posibilidades de acceso ás Novas Tecnoloxías e nas que, polo tanto, o risco de exclusión da Sociedade da Información se fai máis evidente. E para os que non teñen un centro de dinamización próximo, existe tamén a posibilidade da formación a través da Internet en Novas Tecnoloxías, pois vense de pór en marcha un Plan de Teleformación para a Cidadanía no que se ofertan 18 obradoiros de temática variada. Quen así o desexe pode formalizar a inscrición desde esta mesma páxina, no banner situado na parte superior esquerda.


O rexistro de usuarios/as foi en claro aumento desde a posta en marcha da Rede. Se a finais do ano 2007 os/as usuarios/as rexistrados/as eran un total de 4.150, a día de hoxe son xa 19.101 usuarios/as os/as que fan uso das infraestruturas que a Rede pon á súa disposición. Por tanto, o número de usuarios/as seguiu unha liña ascendente posto que no último ano, os/as usuarios/as rexistrados case cuadriplicaron aos/ás que se deran de alta no primeiro ano de vida da Rede.


E no que respecta á actividade formativa, hai que dicir que no primeiro ano de vida da Rede, é dicir, en xaneiro de 2008, impartíranse un total de 1.070 obradoiros. Desde esa data até o día de hoxe, a este dato hai que sumarlle outros 2.755 obradoiros impartidos -entre xaneiro de 2008 e xaneiro de 2009-, o que eleva a cifra até un total de 3.825. Por tanto, no segundo ano de vida da Rede, a impartición de obradoiros case triplicou á do primeiro exercicio, achegando un crecemento indubidábelmente positivo neste aspecto, que sitúa en 43.081 o número de horas impartidas en obradoiros desde o comezo da Rede.

No referido ao total de persoas formadas pola Rede a través dos obradoiros a día de hoxe, un total de 24.627, cabe destacar que a súa gran maioría son mulleres. Esta tendencia, que se asentou xa desde os inicios da Rede, seguiuse mantendo constante até o día de hoxe. Se en xaneiro de 2008 participaran en obradoiros 4.165 mulleres fronte a 2.339 homes, os datos actuais son de 16.692 mulleres por 7.564 homes. Por tanto, a cifra de mulleres formadas pola Rede de Dinamización duplica á de homes que asistiron aos obradoiros.

Mais con estes datos na man, lonxe de acomodarse, o sentir da Rede de Dinamización é o de seguir traballando a prol da inserción da poboación galega na Sociedade da Información, obxectivo para o que seguirá destinando tódolos seus esforzos

Roteiros da Cultura Galega na internet

O Consello da Cultura Galega e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información presentaron este xoves os Roteiros da cultura galega, unha plataforma web de roteiros culturais de Galiza. A iniciativa é o resultado do protocolo de colaboración asinado polas dúas entidades o pasado 27 de maio dentro dos obxectivos do PEGSI.

A plataforma, xa dispoñíbel no enderezo http://www.culturagalega.org/roteiros/,inaugúrana tres rutas relacionadas coas principais figuras do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Tecnicamente aparecen representados grazas a unha ferramenta baseada en Google Maps e en software libre, con abondosos elementos textuais, de audio, vídeo, imaxes e coordenadas GPS.

Os roteiros pódense consultar e imprimir segundo as necesidades das persoas usuarias e a plataforma permite a súa ampliación futura con novos roteiros. Segundo se indicaba no protocolo de colaboración, até agora non existían en Galiza webs que permitisen a cooperación entre entidades locais e autonómicas na creación de contidos culturais para a internet.

Os contidos están destinados á cidadanía galega con interese en coñecer o país en detalle no seu tempo de lecer, así como dotar dun marco de referencia ao persoal docente de primaria e secundaria para, por exemplo, organizar viaxes de estudos. Outra das posibilidades é diversificar o turismo de proximidade e mellorar o coñecemento do patrimonio local. A intención da Consellaría e do Consello da Cultura foi crear unha plataforma aberta contra a que puidesen interactuar as entidades locais, introducindo os seus roteiros nos seus sitios web nun formato estándar e flexíbel, e que os usuarios puidesen recibir esa información en múltiples formatos e dispositivos.

No acto de presentación participaron a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e o director do portal Culturagalega.org, Manuel Gago.

A aplicación cumpre con dous dos obxectivos do PEGSI, o referido á creación de software e contidos libres e o relacionado coa posta en valor na rede do noso patrimonio cultural e lingüístico. Colaboraron na súa elaboración as fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez

Cursos de teleformación na Rede de Dinamización da Sociedade da Información

A Rede de Dinamización oferta un Plan de Telefomación para a Cidadanía no que se inclúe un catálogo de obradoiros TIC en liña que contan con materiais didácticos e o asesoramento dun equipo de titores e titoras, e poderán realizarse polos usuarios cando, como e onde queiran.

A temática dos obradoiros é variada, cunha duración de entre 4 e 7 horas, e que teñen aberta a súa inscrición, comezando a primeira edición deste plan o vindeiro día 26.

Os obradoiros ofertados son os seguintes:
A Internet para persoas maiores
Aspectos legais nas Novas Tecnoloxía
Navegación segura na Internet
Opera co teu banco ou caixa a través da Internet
Recursos na Internet para inmigrantes
Sácalle rendemento á cámara dixital
Comunicacións desde o teu computador: correo electrónico, fax e teléfono
Busca de emprego a través da Internet
Axiliza os teus trámites coa Administración Pública a través da súa oficina virtual
Retoque fotográfico con GIMP
Realización de Mailing co Writer
Procesador de Textos: Writer
Folla de cálculo: Calc
Xeración de presentacións co Impress
Contas co Calc
Iniciación á Informática: Ubuntu
Iniciación á Internet: Firefox
Correo Electrónico: Thunderbird

A rede WiMAX do polígono industrial de Ordes comezará a operar este mes

Gonzalo Castro, voceiro municipal do BNG de Ordes, anunciou que a instalación da rede WiMAX que dará acceso de banda larga á Rede no polígono industrial da vila inaugurarase o vindeiro día 29 ás cinco da tarde, o que tamén confirmou o delegado provincial da Consellaría de Innovación e Industria, Luis Barcia.

A posta en funcionamento desta rede WiMAX estaba prevista para finais do ano pasado, pero se demorou por mor de problemas técnicos derivados da instalación da antena, que xa case están totalmente solucionados.

A Consellaría de Innovación e Industria realiza un investimento de preto dos 100.000 euros para que as empresas do polígono industrial de Ordes poida acceder á banda larga, para mellorar a súa produtividade e competitividade.

PorraGaliza2009


Chuza! preséntavos a meirande porra electoral da rede galega, destinada a todos os chuceiros independentemente de sexo (muito ou pouco), secta, idiosincrasia, idade física ou mental ou outras etiquetas que cada un de nós poidamos ter.

A porra consiste en prognosticar o resultado das Eleccións Nacionais que terán lugar en Galiza o vindeiro 1 de marzo de 2009, estimando o número de escanos que terán PP, PSOE, BNG e OUTROS, nesa orde, que sumarán o total dos 75 escanos dos que consta o Parlamento de Galiza.

Aprázase para maio a party CambRED

O ano pasado a V edición da xuntanza informática CambRED xuntou a 150 afeccionados á informática no pavillón polideportivo de Cambre, pero a edición deste ano non poderá continuar a tradición de ser a primeira party do ano, e quedaría aprazada posiblemente para o mes de maio.

Así, a primeira xuntanza informática da tempada en Galicia será este ano o Xuventude Galiza Net que se celebrará a primeiros de abril.

Concellos do rural participarán no proxecto Impulso Rural de promoción das TIC

Un total de 15 concellos da provincia de Ourense participarán este ano no proxecto Impulso Rural para achegarlle á poboación as avantaxes das TIC. O programa chegará a 60 municipios do país, a cargo da Asociación Galega de Empresas TIC (Agestic), en colaboración con Asaja e Caixa Galicia e coa financiación do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza.

O proxecto, presentado en Ourense, pretende superar a fenda dixital no medio rural durante o ano 2009. De carácter especializado, vai dirixido principalmente ao colectivo pequeno agrícola, ás micropemes e ao empresariado autónomo do rural, que na zona ourensá segue a ter un importante peso.

Outra das finalidades do programa é facilitar a compatibilidade do emprego das mulleres coa internet, fomentar o autoemprego e ofrecer unha visión do negocio das pemes a través da rede.

Sanxenxo estrea Centro de Dinamización

O Consello de Sanxenxo conta dende hoxe cun novo local para os obradoiros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, inaugurado nun acto que contou coa presenza de Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información; e Montserrat Prado, delegada da Consellaría de Innovación en Pontevedra.

O novo centro equiparase con 16 ordenadores con cámara web e lector de DNI electrónico, 2 impresoras, escáner e proxector de vídeo, para o que se contou cun investimento total de 227.144 euros.

Cómpre indicar que antes da inauguración do centro, a Rede de Dinamización xa estaba presente en Sanxenxo, onde se realizaron 48 obradoiros ao longo dun total de 394 horas.

O novo centro xuvenil Lug conta coas últimas novidades tecnolóxicas

Os mozos lugueses poden contar coas últimas novidades tecnolóxicas nas novas instalacións do Complexo Residencial Xuvenil Lug, que constitúe unha experiencia piloto no modelo de centro xuvenil que se pretende exportar a toda Galicia.

O centro conta con 3 aulas de informática dedicadas á formación, ao desenvolvemento multimedia e á animación por ordenador, con 30, 8 e 8 postos respectivamente, para os que a Consellaría de Innovación e Industria investiu 128.000 euros.

Fernando Blanco, conselleiro de Innovación e Industria, indicou que o obxectivo é converter o Lug nun centro multidisciplinar onde a mocidade se poida asesorar e informar sobre temas do seu interese e onde tamén se facilite a adaptación aos novos modelos de relacións e de formación que emerxen da sociedade da información.

Un verme infecta a uns 9 millóns de equipos nos últimos días

Nos últimos días un verme informático coñecido polos nomes de Downadup, Conficker e Kido, que aproveita unha vulnerabilidade de Windows corrixida o pasado mes de outubro, está a ter un rápido espallamento global, estimándose que hai uns 9 millóns de equipos infectados, que estarían expostos a outros programas maliciosos ou a formar parte dunha rede de equipos zombi, polo que se recomenda que os afectados actualicen o seus sistema operativo e actualicen a súa aplicación anti-virus, aínda que tamén existen parches específicos para eliminar este verme.

Hai que destacar que parte do éxito de propagación de Downadup vén do feito de que se espalla de distintos xeitos, pois tanto pode aproveitar a vulnerabilidade de Windows a través dunha solicitude RPC que pode chegar da Internet, a través de cartafoles compartidos doutros equipos na mesma rede local e incluso a través de memorias USB.

A meirande parte dos equipos infectados estarían en países coma Brasil, Rusia, China e India, o que podería indicar que nesas partes do mundo é máis habitual ter equipos informáticos sen as pertinentes actualizacións de seguridade instaladas por contar con copias piratas, pois un equipo ao día e cun anti-virus actualizado estaría seguro ante este tipo de ameaza de seguridade que nunca tería que terse propagado con tanta velocidade e eficiencia.

Plan de Teleformación para a Cidadanía


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información pon en marcha un Plan de Teleformación para Cidadanía, no que se oferta un catálogo de obradoiros TIC on-line. Estes Obradoiros TIC on-line contan con materiais didácticos e o asesoramento dun equipo de titores e titoras, de tal xeito que se poderán realizar cando se queira, onde se queira e ao seu ritmo.

Catálogo de obradoiros TIC on-line que se ofertan.

A inscrición a estes obradoiros pódese realizar desde xa mesmo e se realizará a través da páxina web da Rede de Dinamización. Se accededes a nosa páxina web, agora aparecerá un novo banner na dereita, "Obradoiros TIC on-line, inscrición" que da acceso ao catálogo de obradoiros que se ofertan. Para cada un deles, aparece información relativa ao número de horas, contidos e unha ligazón para realizar a inscrición ao obradoiro correspondente. Asemade, cada un dos obradoiros ten outra ligazón "Máis información" que levará a unha nova páxina onde se mostrará a mesma información máis, os obxectivos do obradoiro e na que tamén aparecerá a ligazón para realizar a inscrición.

A primeira edición comezará o 26 de xaneiro e haberá sucesivas
edicións segundo a demanda.

Posteriormente á inscrición e previo ao comezo do obradoiro, poñeránse en contacto co alumno/a dende a plataforma de teleformación, para indicarlle a data de inicio.


A duración dos obradoiros está estimada entre 5-7 horas, son moi sinxelos e levan un pdf descargable coa documentación asociada.Os/as alumnos/as recibirán un certificado de ter realizado o obradoiro.

Os usuarios de Nioibu.com marcan nun mapa as súas experiencias aromáticas, non sempre agradábeis, arredor do planeta.

O último en redes sociais, e o que faltaba por ver na internet, é unha nova web xaponesa. Dende decembro funciona Nioi bu (O club do olor), un sitio onde os seus 200 membros describen os aromas ou cheiros de distintos lugares do mundo, que se poden localizar nun mapa.

O número de descricións de olores tamén supera as 200. Como se pode imaxinar, as descricións de cheiros poden ser agradábeis ou insoportábeis, como o cheiro a "bosta de vaca" ou a "gatos con halitose", que se poden localizar en diferentes zonas do Xapón.

A web, creada pola compañía Kayac, segue o estilo kawaii de deseño xaponés e concentra a maior variedade de olores no país nipón, aínda que tamén se poden atopar descricións en todos os continentes habitados. En Europa, polo de agora, limítase a zonas como Francia, Alemaña, Italia ou Suíza, onde se analiza o cheiro dunha depuradora en Lausana.

O único que botan en falta os creadores da web é que, polo momento, non existe ningunha función na internet para poder ulir ou transmitir os olores, cousa que, nalgúns casos, tamén é de agradecer.

Innovación e Industria publica dúas novas ordes de axudas para impulsar a sociedade da información

O Diario Oficial de Galicia publica este venres dúas ordes da Consellaría de Innovación e Industria para a concesión de axudas. A primeira delas está destinada aos investimentos das empresas en materia das TIC e a segunda a actuacións de difusión e formación para a implantación da sociedade da información no marco do PEGSI e do Plan Avanza.

Estas axudas foran presentadas o pasado venres polo conselleiro, Fernando Blanco. A primeira liña convócase en réxime de concorrencia competitiva e vai destinada a empresas privadas con ánimo de lucro e empresarios individuais que teñan a súa sede social ou centro de traballo en Galiza. Hai catro posíbeis áreas de subvención: a) Infraestrutura interna das empresas; b) Aplicacións informáticas; c) Apoio ao desenvolvemento do sector TIC e d) Formación técnica e promoción do sector TIC.

O orzamento total das subvencións, cofinanciadas nun 80% con fondos FEDER, é de cinco millóns de euros, cun máximo de 80 mil por solicitante, que pode ascender a 160 mil para as factorías de software certificada CMM nivel 2. A meirande parte do importe lévana as axudas da liña B, con 2.750.000 euros, seguida da C, cun millón de euros, a A, con 750 mil e a D, con medio millón de euros.

Todos os detalles sobre a convocatoria pódense consultar na páxina da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
A segunda orde, que subvenciona accións de formación, difusión e desenvolvemento de contidos no ámbito das TIC, ademais de promover a produción de contidos dixitais en lingua galega, vai destinada a entidades sen ánimo de lucro.

As cinco liñas de axudas en que se divide son para a) Actuacións de promoción e difusión da Sociedade da Información; b) Actuacións formativas dirixidas á cidadanía en xeral; c) Actuacións formativas especializadas no ámbito das TIC; d) Actuacións formativas dirixidas ás pemes e e) Xeración de contidos dixitais.

O orzamento total é de 2,3 millóns de euros, cofinanciado con fondos do Plan Avanza. Desa cantidade, resérvanse 300 mil euros para cada unha das liñas A á D, e 1,1 millóns de euros máis para a E. Estas axudas son compatíbeis con outras subvencións públicas ou privadas, e poderán acadar o 85% dos investimentos subvencionábeis, até un máximo de 45 mil euros.

Agasol abre unha serie de xornadas de promoción do software libre nas pemes


A asociación galega de empresas de software libre, Agasol, vai desenvolver a partir deste martes tres novas xornadas divulgativas sobre as vantaxes deste tipo de aplicacións dirixidas a pequenas e medianas empresas. A acción forma parte da colaboración que está a manter coa Consellaría de Innovación e Industria.

A primeira das xornadas terá lugar en Ferrol, o 20 de xaneiro, no local da Cámara de Comercio, na Malata, ás sete do serán. Á mesma hora o día 28, desenvolverase unha acción semellante en Compostela, na sede de San Pedro de Mezonzo. En Lugo tocará o 5 de febreiro, tamén na Cámara de Comercio e ás 19 horas, na rúa Ramón Ferreiro.

Estas xornadas seguen a liña das que se desenvolveron o pasado 17 de decembro en Pontevedra. Aquela charla, tamén froito do convenio asinado entre Agasol e Innovación e Industria, foi un grande éxito, ao contar coa asistencia de máis de 40 persoas. Á sesión divulgativa do día seguinte, en Ourense, asistiron máis de 50 estudantes.

Máis información na web de Agasol.

Exeria, nova ferramenta informática para promover a linguaxe non sexista


As persoas traballadoras da Administración xa dispoñen dunha ferramenta para promover unha linguaxe non sexista. Exeria é unha aplicación de código aberto que se integra no paquete ofimático OpenOffice.org. Desenvolvida a través do traballo das empresas Tagen Ata e Imaxin, foi froito da colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellaría de Innovación e Industria.

A encargada de presentar a nova aplicación foi a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, quen explicou que o obxectivo básico da ferramenta foi elaborar un dicionario ou glosario lingüístico de linguaxe non sexista para facilitar o uso dunha linguaxe non discriminatoria. Pero Exeria vai máis alá, e non é só un glosario, senón que analiza o texto, detecta termos susceptíbeis de uso sexista e ofrece até cinco alternativas.

Obxectivos

O obxectivo da aplicación foi servir de orientación na revisión de documentación para xerar discursos en que a linguaxe sexa de carácter inclusivo. Tagen Ata desenvolveu a ferramenta a través da análise de textos do ámbito da Administración, para ter en conta o uso actual da lingua. O carácter aberto de Exeria permite que toda a comunidade se beneficie do desenvolvemento. Ademais, intégrase en OpenOffice.org para permitir a análise directa dos textos á hora de elaborar documentos.

En principio, inclúe os mil termos máis empregados no eido administrativo, que poden dar até máis de 129 millóns de combinacións. O repertorio irá ampliándose coas suxestións que faciliten as persoas usuarias a través da web de Exeria. Nese mesmo enderezo pódese descargar o software para GNU/Linux, Windows e Mac, ademais do código fonte.

Entrevista a Carme Adán

Despois do acto de presentación, Carme Adán explicou que as novas tecnoloxías son "grandes aliadas da igualdade", e é unha idea "recollida en todos os plans do goberno nacionalista da Xunta". Ademais, a aplicación permítenos "descubrir o uso sexista que se fai da linguaxe" e demostrar que "é posíbel facer un uso da linguaxe administrativa non sexista".

As TIC, segundo a secretaria xeral, "tamén contribúen ao labor das mulleres", mediante o teletraballo, por exemplo, e xa se levaron a cabo "ordes de axudas para combater a fenda dixital que lles afecta ás mulleres nas novas tecnoloxías. Fíxose un esforzo moi importante para superar esa fenda dende a Consellaría de Industria", con accións dirixidas a mulleres maiores e do rural a través da dinamización e a "alfabetización dixital".

Outro exemplo da contribución que as TIC están a facer a prol da igualdade é o "uso telemático da administración", que permite "avanzar máis a prol da igualdade, pois unha parte moi importante das usuarias da administración son mulleres", ademais da súa vertente ecolóxica, pois permite un "aforro moi importante de papel. Hai que desenvolver unha administración telemática en función das persoas usuarias".

Exeria é unha aplicación libre, polo que permite a "democratización do coñecemento, e que se difunda porque é obriga da Administración usar unha linguaxe non sexista". Tamén salientou o esforzo innovador e investigador no eido lingüístico que se tivo que levar a cabo para etiquetar e clasificar os termos non sexistas.

Biodiversidade virtual


Biodiversidadevirtual, un proxecto do que se dá conta estes días na Plataforma SINC e que consiste basicamente nunha gran base de datos (con face na web) sobre o medio natural na que se recompilan e catalogan fotografías de especies animais e vexetais realizadas por fotógrafos, naturalistas e seareiros voluntarios. O portal, segundo explica un dos seus responsables na dita plataforma, é un portal do noso tempo: aberto na súa integridade á participación. Esta vontade de ampliar o laboratorio até onde sexa posible tradúcese basicamente no seguinte: calquera fotógrafo afeccionado pode poñer a súa pedra no edificio. O único que se require, amais de non ir a ningures sen a cámara dixital, é respectar e querer á natureza. O resultado: estamos moi posiblemente ante a web participativa de temática natural de maior envergadura.
O modo de funcionamento do sistema é o seguinte: os usuarios, logo de facer o rexistro pertinente dos nosos datos, podemos subir e ver no servidor fotografías das plantas e animais que teñamos atopado nas nosas excursións.

A continuación, teremos que clasificalas como especie. Máis tarde, un grupo de traballo constituído por un centenar de científicos voluntarios levará a cabo o labor de revisión e concreción, até onde sexa posible na escala, “xa que ás veces a imaxe en si non permite o detalle”, di Ordóñez. Asemade, sinalar que tamén se vai tirar partido dos novos recursos de emprazamento no mapa dos achados: todas as imaxes aparecen xeolocalizadas, incluíndo datos sobre a latitude e altitude do sitio exacto onde se tirou a imaxe.

O proxecto, que non ofrece compensación económica polas achegas dos usuarios en xeral, incorpora tamén unha plataforma enciclopédica chamada Wikibv, onde se tira proveito do ronsel da Wikipedia pero cunha vontade máis específica de dar conta do coñecemento, neste caso o da natureza. Amais dos científicos que se encargan de facer as devanditas revisións, no proxecto participan arestora 1.200 fotógrafos, maquetadores e programados. Actualmente a base de datos ten xa 65.000 imaxes.

A aula de dinamización dixital de Ordes fai reconto dos froitos acadados

O Centro Comarcal de Ordes, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, ten programado para o día 27 de xaneiro unha charla de presentación sobre o dito tecido de promoción dixital e o traballo que levou a cabo durante o pasado 2008 no Concello de Ordes. A encargada desta tarefa no Centro Comarcal falará entre outras cousas da función xeral da Rede de Dinamización (dependente da Consellería de Innovación), dos diversos proxectos levados a cabo en Ordes, do acadado durante 2008 no concello, etc...

Con esta charla, informan os seus responsables, preténdese dar a coñecer a Rede de Dinamización e o súa labor en Ordes. O encontro coas veciñas e veciños do Concello coruñés celebrarase no salón de actos do Centro Comarcal da vila o día 27 de xaneiro a partir das cinco da tarde, tendo unha duración aproximada dunha hora.
Para máis información sobre esta iniciativa pódense por en contacto a través desta dirección de correo: rebeca.ordes@dinamiza.sociedadedainformacion.eu, ou chamando ao 981.688.386 no seguinte horario: luns-xoves 10:30-14:00/16:00-20:30 e venres 9:30-15:00.

A web sobre unha moza que quere operarse o peito, gañadora do certame Hazruido


Ter éxito na Rede require ter bo ollo para detectar aquilo que a xente quere ler. Neste senso, o traballo en cuestión ten un aquel de psicoloxía e coñecemento fondo dos gustos do ser humano: cómpre empregar certo tempo en ver cales son as novas que máis se len. Premiar este sexto sentido á hora de propagar andazos informativos na Internet é o gran obxectivo de Alianzo e Strands a través do seu concurso Hazruido, . Máis polo miúdo, a idea é recoñecer o mellor labor do ano nunha tarefa cada vez máis dura: o posicionamento en Google. O obxectivo dos participantes, que para este caso concreto constitúen algo así como un obradoiro de reclamos en liña, é facer que a primeira páxina que devolve Google un día concreto a unha palabra inventada sexa a súa. Sinalar que este ano o termo inventado foi comunicactivo, e que o gañador final (aquel que acadou o meirande número de ollos, ou, mellor dito, de clikcs), foi o veciño de Elxe Francisco José García, que concorreu no certame coa proposta Tetas ou Vista. Esta páxina, que foi cualificada polo xurado do concurso como especialmente orixinal, tira partido (e tamén ironiza) do interese que espertan nas canles audiovisuais todos aqueles programas onde hai unha operación de estética de por medio.

A idea, posta en marcha por Francisco e os seus compañeiros de traballo, era coller polo camiño do humor nun escenario onde cada vez hai menos crítica san e máis vontade de facer escarnio a costa de alguén. O caso é que na súa páxina contábanse as aventuras dunha moza que lle preguntaba á comunidade de internautas se debía operarse ou non o peito, tendo para tal fin 5.000 euros aforrados. A campaña, como se pode supoñer, resultou ser un éxito e os internautas participaron de maneira moi activa, non só na votación senón tamén comentando o que a suposta moza ía achegando sobre o día a día do seu proxecto no caderno blog tetasovista.com/blog.

Segundo informa a organización do certame, tamén houbo premio para Todo por mi vecina, unha tentativa de promoción a prol dun filme do que ninguén escoitou falar.

XORNADAS DE ACCESIBILIDADE NA WEB

AGESTIC e Xóvenes Agricultores informarán das vantaxes das redes en 60 núcleos do noso rural

Recoller o modelo irlandés de dinamización das redes no rural a través dunha proposta que non carece de lóxica: o aproveitamento das entidades que xa dinamizaban antes da chegada da Internet. Por exemplo: as asociacións agrarias. Este é un dos alicerces do novo programa de espallamento dixital apoiado polo Ministerio de Industria que está a preparar na nosa terra o colectivo AGESTIC: Impulso Rural. A iniciativa, que se vai desenvolver entre xaneiro e marzo en estreita colaboración con Xóvenes Agricultores, incluirá entre outras actividades até 60 accións formativas noutras tantas localidades das nosas catro provincias. O obxectivo: fomentar fóra das grandes cidades a aposta pola Sociedade da Información, plena de vantaxes para absolutamente todos os sectores económicos e sociais do rural: até para os teoricamente máis afastados da cousa dixital. Máis polo miúdo, o que se pretende é afianzar os usos das redes da información na xestión das explotacións agro-gandeiras, cooperativas, empresas autónomas, negocios turísticos ou teletraballo.

Segundo informou AGESTIC en Santiago esta semana, aos obxectivos devanditos hai que engadir con esta medida un compromiso pola mellora de condicións de traballo dun colectivo especialmente ligado ao noso ámbito non urbano: o dos autónomos e autónomas, que arestora representan unha cifra de 234.000 cidadáns en Galiza. Para a asociación, unha iniciativa como Impulso Rural é positiva non só para informar polo miúdo das utilidades das redes entre amplas franxas da nosa sociedade que aínda non tiveron sequera un primeiro contacto con aquelas, senón tamén para relembrarlles ás empresas responsables de achegar accesos dixitais e ás institucións a importancia de habilitar conectividade naquelas zonas (moitas) que aínda non dispoñen dela.

“Na actualidade”, comentou o responsable de AGESTIC, José María López Bourio, “o ADSL no rural vai dez veces máis lento ca na cidade, e se pode dicir que hai máis de 8.000 núcleos de poboación aos que aínda non chegou a conectividade”. Para López Bourio, non é preciso facer grandes e custosas estatísticas para dar conta de primeira man do desleixo de Telefónica á hora de contar con clientes illados nas aldeas. Nunha liña crítica semellante situouse tamén o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores, Juan Orozco, quen durante a rolda de prensa de presentación de Impulso Rural, tivo palabras de queixa respecto ao que considera unha marxinación dixital do noso agro por parte dos entes públicos: “No campo exprópiannos as fincas para facer autovías, para instalar parques eólicos, para instalar redes eléctricas…, pero logo non podemos gozar deses adiantos. Agradecemos ao Ministerio de Industria que apoie esta iniciativa, pero ten que saber que, polo menos en Galicia, os seus propios obxectivos non están cumpridos en absoluto, como de xeito trabucado presumen na súa web”. A seu xuízo, o problema da ausencia de Internet en amplas áreas da nosa xeografía é un problema herdado de décadas, mesmo de antes da chegada da Rede: relembroulles aos presentes os graves atrancos que aínda teñen algunhas familias para ter un servizo de telefonía básica en condicións. Para Orozco, é preciso facilitarlles aos agricultores ferramentas que lles eviten os desprazamentos ás vilas: “Queremos poder facer todo o papeleo das Consellerías do Medio Rural e Medio Ambiente, pero tamén queremos sacar os permisos de caza e pesca, e beneficiarnos da banca electrónica”.

Recursos da campaña

Segundo informou AGESTIC, a iniciativa de dinamización Impulso Rural contará con profesionais especializados que atenderán aos interesados que teñan explotacións ou negocios non só no sector primario senón tamén no comercio e os servizos, os obradoiros ou os profesionais como carpinteiros ou electricistas. Ademais de aprenderlles a usar os buscadores de Internet na procura de emprego ou teletraballo, familiarizaranos coas ferramentas de intercomunicación internáutica ou as vantaxes de contar con factura e sinatura electrónica, ademais de ensinalos a pedir cita no médico ou na ITV do coche, facer a declaración da renda, consultar o catastro, matricularse na universidade ou facer cursos on-line.

O software libre protagoniza os obradoiros de alfabetización dixital da Rede de Dinamización

Dende Mancomún informan de que os distintos centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información están a publicar os seus programas de actividades de alfabetización dixital de cara aos vindeiros meses, destacando que o software libre preséntase coma un dos contidos fundamentais, con obradoiros de iniciación a Linux e a aplicacións coma o procesador de textos Writer, o programa de presentacións Impress ou o software de tratamento de imaxes Gimp.

O Concello de A Coruña e Red.es presentan o proxecto Urbanismo en Rede


A tenente de alcalde responsable da área de Urbanismo de A Coruña, Mar Barcón, e o Director de Planificación de Programas de Red.es, Francisco Javier García Vieira, presentaron o desenvolvemento do proxecto piloto realizado por técnicos municipais do Concello dentro do proxecto Urbanismo en rede.

Este proxecto piloto permítelles a todos os usuarios obter información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web do Concello, o que supón un paso máis no impulso á Administración electrónica, a aplicación das tecnoloxías da información na tramitación administrativa e a transparencia na información á cidadanía.

A través deste novo desenvolvemento, os usuarios poderán acceder a toda a información urbanística que necesiten mediante dúas vías: premendo directamente sobre o mapa na zona que desexen ou introducindo datos concretos referidos ao planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona que se quere consultar.

A web móstralle ao usuario todos os niveis de información dispoñibles sobre a parcela ou área do seu interese: clasificación, categorías do planeamento e cualificación do solo, e permitiralle descargarse a ficha urbanística completa. A información compleméntase con outros datos de gran utilidade como a información catastral. Ademais o novo desenvolvemento permitirá incorporando novas funcionalidades para facilitar aínda máis o acceso da cidadanía á información urbanística.

O proxecto piloto presentado hoxe é froito do programa Urbanismo en Rede promovido pola entidade pública empresarial Red.es, adscrita do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, xunto coa FEMP. Dada a complexidade inherente ao lanzamento dun programa destas características, Red.es determinou a necesidade de organizar un Foro de Expertos en Urbanismo e TIC no ámbito local, que permitiu acometer unha etapa previa de análise, definición e normalización urbanística e unha etapa posterior de posta en valor e verificación das recomendacións, de sistematización e solución técnica, nunha serie de proxectos piloto. A Coruña é o primeiro dos 15 municipios seleccionados que materializou o seu proxecto piloto.

O CESGA colabora nun proxecto europeo de axuda á mocidade en risco de exclusión laboral


A tecnoloxía galega avanzada en materia de informática estase a converter tamén nun xeito de botar abaixo atrancos físicos de comunicación e participación a todos os niveis. Un exemplo disto é o labor do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que está arestora a participar –entre outros proxectos activos- como socio na iniciativa europea YES, unha proposta que, como o seu propio nome indica, ten moito de abrir portas no canto de pechalas. O proxecto YES, polas súas siglas en inglés Youth Employment Support, vai encamiñado a achegar novos formatos e recursos de aprendizaxe, favorecendo deste xeito a inserción laboral de mozos e mozas con risco de exclusión. Máis polo miúdo, diríxese a ampliar os coñecementos teóricos e prácticos de rapaces que non puideron completar os seus estudos obrigatorios ou que teñen algún tipo de diversidade funcional ou desvantaxe socioeconómica.

A achega galega neste proxecto europeo baséase concretamente na implantación e adaptación dun sistema de xestión da aprendizaxe construído sobre software libre. A idea é facer uso deste alicerce tecnolóxico para o desenvolvemento dos cursos piloto do proxecto YES a través da Rede.

O CESGA tamén contribuíu á iniciativa coa posta en marcha dun contorno de traballo colaborativo virtual co obxectivo de que os diferentes integrantes da proposta estean en disposición de compartir coñecemento e colaborar entre eles. Segundo informa o Centro de Supercomputación galego, o proxecto abrangue unha etapa de posta en práctica que vai desde novembro de 2007 a outubro de 2009. Esta iniciativa está coordinada por Die Berater (Austria), e nel participan organismos europeos procedentes dunha chea de países, tales como: Meter Silesia (República Checa), Local Mission Agenais and Albret (Francia), Training Centre of the Saxonian Economy (Alemaña), Reflexion Foundation Transfer (Países Baixos), Further Training Centre for the Saxonian Economy (Alemaña), Glotta Nova (Eslovenia) e o Centro de Supercomputación de Galicia (España).

O proxecto arestora

Arestora e segundo sinala a Consellería de Innovación, YES atópase nun dos intres máis importantes do seu desenvolvemento: na fase de aplicación práctica dos cursos piloto para o persoal responsable dos recursos humanos de case medio centenar de empresas (oito por cada país participante) de xeito simultáneo en Austria, República Checa, Francia, Alemaña, Países Baixos e Eslovenia. Cada un destes cursos consta de cinco módulos cunha temporalización cada un deles de 3 horas presenciais e 10 horas a través de e-learning. É dicir, a metodoloxía a utilizar para impartir a formación é o blended-learning (que, podería traducirse por aprendizaxe mixto). Os cinco módulos tratan sobre os seguintes aspectos: Perfil do persoal de recursos humanos; Lexislación nacional; Comportamento dos xoves; Habilidades sociais e Aspectos pedagóxicos.

Subvencións aos investimentos das empresas en materia TIC

Prazo de presentación de solicitudes: até o 19 de febreiro de 2009
Organismo convocante: Consellaría de Innovación e Industria. Xunta de Galicia.

Obxecto da convocatoria: As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto promover a realización de actuacións das empresas galegas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, para o ano 2009.

Actuacións subvencionables:

a) Infraestrutura interna das empresas para a Sociedade da Información.

Destinada para que as empresas adopten e utilicen eficientemente as TIC a través de melloras substanciais nos seus sistemas de información. Esta actuación está destinada para as empresas de calquera sector económico. Porén, polas especiais características tecnolóxicas do sector audiovisual, considéranse tamén investimentos específicos para as empresas deste sector.

Poderanse considerar solicitudes nas cales se recolla:

a1) Implantación ou mellora da rede de datos interna da empresa, que pode incluír tamén os elementos físicos necesarios para o acceso á internet.


a2) Investimento en bens de equipo que supoñan unha muda tecnolóxica substancial para as empresas do sector audiovisual galego, ou que contribúan a consolidar procesos xa iniciados de implantación de tecnoloxías emerxentes neste sector.


b) Aplicacións informáticas nas empresas para a Sociedade da Información.

Destinada para que as empresas de calquera sector económico, adopten e utilicen eficientemente as TIC a través de melloras substanciais nos seus sistemas de información.

Poderanse considerar solicitudes, de calquera empresa, nas cales se recolla:

b1) Implantación de aplicacións informáticas baseadas en código aberto e realizadas a medida para o solicitante, ou adaptación de librarías informáticas baseadas en código aberto, destinadas aos sistemas de información e de xestión da empresa solicitante.

b2) Adquisición e implantación de aplicacións informáticas (software) de carácter produtivo.

c) Apoio ao desenvolvemento do sector das TIC.

Destinadas para que as empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.

Poderanse considerar solicitudes nas cales se recolla:

c1) Desenvolvemento de aplicacións informáticas baseadas en código aberto.

c2) Desenvolvemento de novos produtos ou servizos TIC, que sexan propiedade do solicitante, e que estean suxeitos a un pagamento por uso, licenza ou adquisición, por parte de terceiros.

d) Formación técnica e promoción do sector das TIC.

Destinadas para que as empresas que desenvolvan a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.

Poderanse considerar solicitudes en que se recolla:

d1) Presenza da empresa TIC e do seu persoal propio en foros especializados de comercialización, formación tecnolóxica ou estandarización, tanto en calidade de visitantes profesionais como expositores.

d2) Asistencia do persoal propio da empresa TIC a cursos de formación especializada nos medios de produción necesarios para o desenvolvemento dos seus produtos e servizos.

d3) Actividades de promoción dos servizos e produtos da empresa TICentre os seu clientes.

Convocatoria DOG: Orde do 31 de decembro de 2008. DOG. Nº11 venres, 19 de xaneiro de 2009

A data límite para a presentación de solicitudes é o día 19 de febreiro de 2009

Subvencións para accións de difusión, formación e desenvolvemento de contidos no ámbito das TIC

Prazo de presentación de solicitudes: até o 20 de febreiro de 2009
Organismo convocante: Consellaría de Innovación e Industria. Xunta de Galicia.

Obxecto da convocatoria: As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto impulsar a realización de actuacións de difusión, de sensibilización e formativas, así como promover a produción e difusión de contidos dixitais en lingua galega, relacionadas especificamente co desenvolvemento e implantación da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan estratéxico galego da sociedade da información e o Plan Avanza.

Actuacións subvencionables:

Liña A: Actuacións de promoción e difusión da sociedade da información.

Poderán ser subvencionables os proxectos encamiñados á organización e celebración de eventos neste ámbito, tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e as tecnoloxías da información e a sociedade da información en xeral.

Liña B: Actuacións formativas dirixidas á cidadanía en xeral.

Poderán ser subvencionables as actuacións orientadas a satisfacer as necesidades formativas no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións da cidadanía en xeral.

Liña C: Actuacións formativas especializadas, no ámbito das TIC.

Poderán ser subvencionables as actuacións orientadas a satisfacer as necesidades formativas específicas das persoas que desenvolvan ou vaian desenvolver a súa actividade profesional no sector das TIC, entendéndose por tal toda actividade económica relacionada coa electrónica, a informática, o tratamento da información, as telecomunicacións, e os servizos de valor engadido sobre os anteriores.

Liña D: Actuacións formativas dirixidas ás Pemes.

Poderán ser subvencionadas as actuacións orientadas a proporcionar a empresarios e traballadores coñecemento sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías, que os capaciten para un mellor desempeño do seu posto de traballo actual ou futuro, de xeito que mellore a empregabilidade do traballador e a profesionalidade do empresario.

Liña E: Xeración de contidos dixitais.

Poderán ser subvencionables o deseño e creación de novos contidos dixitais, a dixitalización de contidos xa existentes, categorización, indexación, presentación e programas de interactividade.

Mediante esta liña de axudas preténdese apoiar as entidades sen ánimo de lucro á difusión na internet de distintos proxectos asociativos de pequena e mediana dimensión xa realizados pola entidade nos últimos anos noutros formatos (exposicións, talleres, difusións en papel, etc.) que non teñen actualmente reflexo na rede. Neste caso serán obxecto da axuda só os custos de edición e difusión na internet excluíndo os custos de produción ao tratarse de contidos existentes noutros formatos.

Os contidos obxecto de axuda terán que ser liberados mediante licenzas tipo Creative Commons ou Copy Left que garantan o acceso público.

Os desenvolvementos e o software utilizados na realización dos proxectos deberán estar baseados en software libre, sempre que sexa posible.

Todos os sitios web que sexan obxecto da subvención deberán cumprir as directrices para a accesibilidade ao contido de páxinas web do Consorcio World Wide Web W3C (http://www.w3.org) mediante a norma de accesibilidade WAI nalgunha das súas tipoloxías.


Convocatoria DOG: Orde do 31 de decembro de 2008. DOG Nº11 venres, 19 de xaneiro de 2009

A data límite para a presentación de solicitudes é o día 20 de febreiro de 2009

As mellores obras do Museo do Prado pódense ver con detalle dende Google Earth


Para visitar as grandes obras do Museo do Prado xa non hai que viaxar a Madrid, xa que o podemos facer dende o ordenador grazas ao programa Google Earth, que vén de incorporar cun altísimo nivel de detalle os 14 cadros máis representativos do Prado, sobre os que nos podemos mover coma se fose un mapa, aínda que o director do Museo, Miguel Zugaza, asegura que «unha imaxe non substitúe á experiencia da obra en directo, pero estas reproducións a tamaño natural aportan un realismo prodixioso».

A dixitalización dos cadros correu por conta de Google en colaboración coa compañía madrileña Mad Pixel, que realizou un total de 8.200 fotografías para poder compor as obras pictóricas a unha resolución de 14.000 Mpíxeles.

As obras dispoñibles son A Crucifixión de Juan de Flandes, O cabaleiro da man no peito do Greco, A familia de Felipe IV (As Meninas) de Velázquez, O soño de Jacob de Ribera, 3 de maio de Goya, A Anunciación de Fra Angelico, O Cardeal de Rafael, O emperador Carlos V, a cabalo, en Mühlberg de Tiziano, Inmaculada Concepción de Tiepolo, O Descendemento de Roger van der Weyden, O xardín das Delicias (A pintura do madroño) do Bosco, As tres Gracias de Rubens, Autorretrato de Durero e Artemisa de Rembrandt.
Aparte da selección
de obras do Prado, tamén é posible ver o Museo nun modelo 3D dende Google Earth.

O Centro Ramón Piñeiro pon na rede a biblioteca virtual das letras galegas

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presentou a nova web da Biblioteca das Letras Galegas, que terá o enderezo letrasgalegas.org. O espazo nace coa vocación de se converter en referencia sobre o patrimonio literario galego dende a Idade Media até a actualidade. A iniciativa foi desenvolvida pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes en colaboración co Centro Ramón Piñeiro.
O espazo aspira a poñer á disposición do público obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos. Actualmente conta con preto de 100 autores e permite o acceso a diversas seccións con información exhaustiva sobre, por exemplo, Martín Codax ou Rosalía de Castro. Outros dos servizos que ofrece son unha fonoteca con textos literarios en formato sonoro, con cantigas medievais ou poemas de Rosalía, e unha hemeroteca con publicacións periódicas xa desaparecidas.

En letrasgalegas.org tamén se poden consultar edicións facsímiles de textos medievais e boa parte do catálogo do Centro Ramón Piñeiro en formato PDF, con obras como unha recompilación de estudos sobre o Cancioneiro de Ajuda, do século XIII, a cargo de Mercedes Brea, ou a guía de recursos electrónicos Libros galegos en internet, realizada por Henrique Neira.

O sitio web é froito dun convenio subscrito en xuño de 2007 entre as dúas entidades promotoras. As obras galegas que suscitaron máis interese até o momento foron Cantares gallegos, con 12.475 consultas; Cartas, con 12.081, e En las orillas del Sar, con 11.266 consultas, todas elas de Rosalía de Castro.

Climántica: educación ambiental na web

O proxecto de educación ambiental na rede Climántica está a incorporar novos vídeos dos diferentes seminarios organizados pola iniciativa, a través do apartado Climántica TV. O servizo comezou a funcionar en setembro de 2006 dende a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

A sección de vídeos da web contén sesións formativas sobre educación ambiental a cargo de expertos na materia, ademais de documentais. As últimas achegas son as tres partes do seminario "Compromisos para a sostibilidade derivados dos riscos naturais e da sobreexplotación dos recursos", impartido polo doutor en xeoloxía Emilio Pedrinaci, dentro do curso de Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo desde a sostibilidade e as TIC.

Climántica conta con catro grupos de traballo: didáctica, edición gráfica, multimedia e asesoría científica, coordinados nunha plataforma colaborativa na súa intranet. Entre os contidos da súa web inclúense oito unidades didácticas destinadas ao alumnado de secundaria. Nelas expóñense os grandes problemas ambientais e a súa relación co cambio climático dun xeito interesante, sinxelo e atractivo. Tamén dispón dun apartado dirixido ao ensino primario, con contidos máis lúdicos e de fantasía, e outro dirixido á cidadanía en xeral, con blogs, documentais e revistas

Danse a coñecer os mellores blogs fotográficos do ano 2008


A web Cool Photoblogs acaba de facer pública a listaxe dos Photoblog Awards 2008. O directorio seleccionou as que considera mellores bitácoras fotográficas da rede no último ano. Aínda que os premios están divididos en nove categorías, o fotoblog que levou o premio absoluto foi Un paseo polo concello de Durham, Pensilvania, de Kathleen Connaly, especializado en fotografías das fermosas paisaxes da contorna.

O traballo premiado xa obtivera no ano 2007 dous recoñecementos ao mellor fotoblog americano, tanto nos Photoblogs Awards como nos Photobloggies, que aínda non publicaron as gañadoras de 2008. Na web dos premios pódense consultar as bitácoras finalistas nas categorías de fotoblog do ano, do máis popular, o mellor de América, de Europa, de Asia e Oceanía, mellor novo blog fotográfico, mellor fotografía paisaxística, mellor en branco e negro e mellor deseño.

A distinción ao fotoblog máis popular levouna o europeo Chromasia, mentres que traballos de autores da área ibérica quedaron finalistas en varias categorías, como Oskarfoto ou o do mallorquín Enrique Vidal, en 'novos fotoblogs', ou o da catalá Marta Barceló entre os mellores de Europa.

Aínda que en moitos dos representantes se pode apreciar un uso extensivo e excesivo do Photoshop, pódense atopar algunhas pequenas obras mestras da fotografía dixital contemporánea.

Google facilita a importación/exportación de bitácoras en Blogger

Facer copias de seguridade ou mudar de servidor un blog é unha tarefa que en moitos casos resulta bastante complexo, de aí que naza o proxecto Google Blog Converters, dende o que desenvolven en Python unha serie de scripts que se poden executar no noso equipo ou a través de versións en liña hospedadas no Google App Engine e que fai doada a migración de blogs de Blogger a MovableType, Wordpress ou LiveJournal e viceversa, conservando deseño, entradas en comentarios no proceso, polo que os usuarios non se ven así atados aos seus servizos de publicación de blogs actuais e teñen máis doada a súa mudanza a plataformas alternativas.

Resulta curioso que dende Google publiquen ferramentas que permiten que os seus usuarios actuais poidan levar os seus blogs á competencia, aínda que ao ter en conta que tamén permiten o proceso contrario quedará por ver se gañan ou perden usuarios con este proxecto.

A Rede de Dinamización inaugura hoxe unha nova aula propia en Nigrán (


O centro estará equipado con quince computadores de software libre, dúas impresoras, un escáner, un proxector, cámara de fotos dixital e webcams.

A Rede de Dinamización inaugura hoxe ás 13.00 horas un novo Centro de Dinamización da Sociedade da Información en Nigrán. Este sitúase na Rúa Curros Enríquez, nº 3, baixo.

A aula está totalmente equipada para que o persoal dinamizador da Rede poda achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. O novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como pode ser de iniciación á Internet, á Informática ou a outras ferramentas.

O investimento realizado pola Consellaría de Innovación e Industria para este novo centro ascendeu a 120.500 euros, cos que se dotou á aula de quince ordenadores con lectores de DNI e cámaras web, dúas impresoras, un proxector, unha cámara de fotos dixital e un escáner. A configuración do equipamento é totalmente en software libre.

Quen estea interesado/a en utilizar a aula poderá facelo a partires de hoxe no horario seguinte:

- Luns a xoves: de 10.30 a 14.00, e de 16.00 a 20.30 horas.

- Venres: de 9.30 a 15.00 horas.

Todas as persoas que desexen máis información poden solicitala no teléfono 986.366.765.

Ao acto de inauguración acudirán Helena Veiguela Martínez, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Montserrat Prado Cores, Delegada de Innovación e Industria, Xosé Lois Villasante, xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e David Giráldez Fernández, tenente de alcalde do concello de Nigrán.

A Xunta activa a web das Eleccións ao Parlamento de Galicia


O vindeiro día 1 de marzo, todos os galegos maiores de 18 anos teremos a oportunidade de exercer o noso dereito a voto para elexir aos representantes do parlamento galego que nos gobernarán nos vindeiros catro anos.

A fin de ofrecer a meirande información posible sobre este proceso, a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de activar unha páxina web sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia na Rede.

O sitio está dispoñible en galego e castelán e, entre outras cousas, ofrécelle ao elector, datos sobre o proceso electoral, resultados de anos anteriores, calendarios… así como a posibilidade de recibir por SMS os avances de resultados en tempo real.

A web, á que tamén se pode acceder dende unha ligazón directa na páxina oficial da Xunta, conta con varios apartados nos que se organiza a información sobre os distintos aspectos do proceso electoral; de modo que en Información ao elector, por exemplo, pódense atopar datos sobre a acreditación do dereito a voto, os métodos de votación (presencial, por correo, accesible, do electorado temporalmente no estranxeiro, dos inscritos no censo especial de residentes ausentes no estranxeiro, do persoal embarcado ou en situacións excepcionais vinculadas á defensa nacional e dos electores en penitenciarías), as mesas e locais e a posibilidade de recibir os resultados por SMS.

Sobre isto, o cidadán que o desexe poderá solicitar a recepción no seu móbil dos resultados de avances e o reconto provisional mediante o envío de SMS durante a xornada electoral. Poderase pedir a información dun momento preciso do reconto ou mediante unha subscrición na que se darán os datos do reconto en cada fase do mesmo (ao 25%, 50%, 75% e 100%). A mensaxe conterá os porcentaxes de escrutinio e de abstención e o número de cargos obtidos por cada candidatura.

Compostela avanzará en servizos para os cidadáns e na implantación de software libre

O Concello de Santiago de Compostela continuará avanzando no acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos a través de proxectos que se concretarán a través de 2 plans directores que darán como resultado unha maior accesibilidade e navegabilidade do web municipal, da intranet do Concello, a integración das aplicacións informáticas que usa e unha serie de proxectos específicos segundo explicou Rosa Fernández Somoza, concelleira de Reforma Administrativa.

Estas medidas procuran o seguimento da Lei de Acceso Electrónico, e nunha primeira etapa farase un inventario e un estudo de viabilidade de adaptación das aplicacións informáticas de xestión, das bases de datos, dos sistemas informáticos e de telecomunicacións, do portal web e da intranet, para o que contan cun orzamento de 12.000 euros. A continuación deseñarase un sistema informático e un plan de acción que entre outras cousas permitirá crear un sistema de información municipal integrado e capaz de crear novos servizos cara os cidadáns.

Aparte deste mencionado plan director, tamén existe outra liña de traballo na que buscarán a implantación de software libre en todos os ámbitos do sistema informático, especialmente de cara aos servizos públicos, para o que se realizarán os pertinentes estudos e desenvolvementos.

As mulleres lideran a demanda de formación en liña


Segundo unha análise presentada polo buscador de cursos en Internet, Infocurso.com, o colectivo femenino e as persoas que ostentan estudos secundarios e superiores “son os que lideran as procuras de formación en liña na actualidade”.

O estudo realizado por Infocurso indica que as mulleres encabezan a listaxe de grupos sociais “máis proclives” a buscar formación na Rede, cun 60 por cento de usuarias, fronte ao preto do 49 por cento dos homes.

Asemade, a meirande parte dos usuarios desta web son “persoas cun nivel de estudos secundarios no 36 por cento dos casos, cunha licenciatura no 33 por cento e cunha diplomatura no 20 por cento do total”.

Por tipoloxías, os estudos que espertan máis interese entre os e as internautas son os másters, cun 49 por cento de solicitudes de información, seguidos da preparación para as oposicións (17 por cento) e os cursos para desempregados (6 por cento).

En canto á modalidade, a formación a distancia é a máis solicitada cun 47 por cento; fronte ao 29 por cento dos cusos presenciais e o 19 por cento dos cursos en liña.

Finalmente, por temática, os responsables do estudo realizado por Infocurso informan que a formación relacionada coa informática é a que ocupa o primeiro posto, co 13 por cento de solicitudes, seguida do ámbito da saúde e a veterinaria, cun 13 por cento e a educación cun 6 por cento de solicitudes de información.

Os Oscar renovan a súa imaxe na Rede


A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de Hollywood vén de presentar oficialmente a renovación da súa páxina web, que agora inclúe, entre outras cousas, contidos multimedia, acceso a arquivos e ligazóns a unha canle propia en YouTube.

Despois de oito meses de intenso traballo, o portal vese agora máis moderno e completo, xa que aumentou o seu volume de contidos considerablemente e abriu un acceso virtual aos arquivos de películas e guións que constaban na base de datos da organización.

Este cambio permítelle aos fans dos premios realizar tarefas nunca antes posibles na antiga web, tales como, coñecer os segredos mellor gardados da Academia, saber as opinións persoais dos membros da institución ou revivir a entrega das estatuillas aos antigos gañadores a través de vídeos en liña.

Din os seus responsables que o sitio “é un máis que extenso homenaxe aos Premios da Academia”, onde os visitantes poden descubrir, ademais de unha gran cantidade de películas e guións arquivados, programas educativos dirixidos a xoves directores, material gráfico de vindeiras exhibicións da Academia (como por exemplo algún bosquexo de Fellini que se atopa actualmente en exposición) ou as persoas que votan nos Oscars por medio de vídeo.

Botando unha primeira ollada, descubrimos que o portal inclúe, asemade, fotografías históricas de tódalas edicións dos Oscar, dende Clara Bow a Javier Bardem, así como varias coleccións privadas de pósters clásicos, como o de Margaret Herrick.

Canle propia en YouTube

A Academia ten agora a súa propia canle no popular sitio de descargas de vídeos YouTube, onde os internautas máis cinéfilos poden revivir momentos clásicos dos Oscar como o premio que Marlon Brando nunca recolleu polo seu papel de Don Corleone en El Padrino (no seu lugar enviou á apache Sacheen Pequena Pluma en protesta pola política dos Estados Unidos contra os nativos americanos) ou o ataque frontal de Adrien Brody a Halle Berry na edición dos premios de 2003.