Red.es dá comezo ao seu itinerario de divulgación dixital pola nosa terra

Red.es está xa a presentar na nosa terra as súas iniciativas de promoción das redes no eido empresarial. A entidade do Ministerio de Industria vén de inaugurar o seu percorrido na Coruña, este martes 11 no Hotel Eurostars Palace, onde (entre outros) se deron cita o xefe da Área de Sociedade e Pemes de Red.es, Jaime Castellano, e o xefe de Gabinete do Delegado do Goberno en Galicia, José María Álvarez. O encontro cos empresarios da cidade galega, que terá continuidade os vindeiros días noutras cidades da nosa xeografía, serviu entre outras cousas para dar conta das novas convocatorias de programa NEW (Ningunha Empresa sen Web), dirixido a facilitar con axudas económicas e máis técnicas a entrada das firmas españolas na Sociedade da Información.

Innovación e Industria publica as subvencións do programa Concellos Dixitais

O DOG deste martes 11 de novembro publica a resolución do 31 de outubro da Consellaría de Innovación e Industria que publica as subvencións concedidas dentro do programa Concellos Dixitais 2008-2009, no marco do PEGSI e do Plan Avanza.

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, destina un crédito máximo de 100.000 euros para o ano 2008 e de 1.000.000 de euros para o ano 2009. Complétase o financiamento coa achega do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que transferirá á Comunidade Autónoma o importe de 1.270.245,00 € para o ano 2008.

As axudas acadan como máximo dende o 55% até o 90% dos investimentos subvencionables recollidos na solicitude, en función da poboación de dereito do concello solicitante. Así, hai unha grupo dedicado a cidades de 35 mil habitantes, que contou cun total de 236.000 euros en subvencións concedidas para 2008 e 2009; outro formado por concellos de 10.001 a 35.000, con 527.000; un terceiro para municipios de 5.000 a 10.000, aos que se lles concederon 772.000 euros en total, e outro para os concellos de menos de 5.000 habitantes, cun total de 813.782 euros.

Os investimentos totais superan o 1,020 millóns, no caso dos concellos máis pequenos; os 1,010 millóns, para os de entre 5.000 e 10.000 habitantes; 938.000 euros, para os de máis de 10.000 habitantes, e 574.000, para as cidades superiores a 35 mil habitantes.

A natureza dos proxectos subvencionados foi de 22 relacionados coa e-administración, 29 planos directores e 29 de tipo mixto, relacionados habitualmente co turismo. En total, foron 80 proxectos de 75 concellos, dos que 35 proxectos beneficiaron a concellos menores de 5.000 habitantes, 23 aos de 5.000 a 10.000, 15 aos de 10.001 a 35.000 e 7 ás grandes cidades.

DOG

No Diario Oficial de Galicia publícase a relación de beneficiarios das subvencións de cooperación con entes locais en materia de sociedade da información, que contan co cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. A relación pódese consultar na táboa do Anexo I deste arquivo PDF. Así mesmo, os solicitantes poden obter información detallada da resolución accedendo ao taboleiro electrónico da Consellaría de Innovación e Industria.

Para o acceso ao contido do taboleiro electrónico, cada solicitante deberá introducir o código electrónico situado na parte inferior esquerda das follas da solicitude ou, de ser o caso, facilitado por esta dirección xeral, o que garante a intimidade do acceso á información.

Querote.org fai reconto do acadado ao longo dos seus dous primeiros anos de vida


A Rede Galega de Centros de Asesoramento Afectivo-Sexual, Quérote, vén de dar conta do total de consultas que atendeu a través da súa páxina web dende a súa posta en funcionamento hai dous anos.

O número de mozas e mozos galegos atendidos por Quérote.org ao longo deste tempo foi de 5.000 en toda Galiza, unha cifra que pon de manifesto o éxito acadado por este servizo posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude para cubrir as necesidades da xuventude galega en materia de información afectivo-sexual.

A meirande parte das consultas rexistradas a través da web foron realizadas por mulleres (un 69 por cento) e o grupo que máis consultas fixo por idades foron os mozos e mozas de entre 16 e 20 anos (46 por cento), seguido dos grupos de entre 11 e 15 anos e de entre 21 e 25 anos.

Segundo indicaron os seus responsables, isto pon de manifesto que, polo xeral, “é o sector máis mozo da poboación o que escolle a consulta a través da web, mentres que as persoas de máis idade prefiren achegarse persoalmente aos centros da Rede Quérote para expoñer as súas dúbidas”.

Este sistema electrónico garante o acceso igualitario de todas as persoas á información afectivo-sexual, independentemente do lugar no que residan e da hora que o soliciten polo que é unha ferramenta ideal para aqueles usuarios que non dispoñan dun centro Quérote na súa localidade ou que non teñan horarios axeitados para acudir de xeito presencial.

Resposta en 48 horas

A Rede de Centros Quérote atende as consultas tanto de xeito presencial como a través da súa web, medio este último que se erixiu como o máis empregado polas persoas que solicitan información. De feito, o 60 por cento das consultas recibidas no primeiro semestre deste ano foron a través da web.

A confidencialidade, a rapidez na resposta, a profesionalidade e o acceso e gusto da xuventude polos medios tecnolóxicos converten á consulta electrónica no medio máis valorado á hora de facer consultas arredor de sexualidade.

O sistema de consulta comeza cando unha persoa envía unha pregunta a través da web www.querote.org, a páxina xera unha clave que se remite automaticamente á persoa que realiza a consulta, unha clave coa que logo poderá consultar a súa resposta na propia web. Só os profesionais e a persoa que realizou a pregunta terán acceso ao contido da resposta que se emite, como moito, 48 horas despois de terse realizado a consulta.

Obama estrea unha páxina web para ilustrar a súa chegada á Casa Branca


O dominio na nova web leva o cambio no seu nomeRematadas as eleccións norteamericanas, e definido quen será o novo presidente dos EE.UU., o equipo de Barack H. Obama que conduce o proceso de cambio de mando na Casa Branco lanzou unha nova web baixo o dominio Change.gov para documentar o cambio e recibir ideas dos cidadáns.

Continúa así a aposta que fixeron os demócratas pola Internet nos pasados comicios, de xeito que seguen a apoiarse na Rede para conservar o espírito de unidade por un obxectivo común para que a nova presidencia non decepcione.

A transparencia parece ser a chave deste proceso de transición, que incluso se pode seguir a través dun blog, e como exemplo do achegamento ao público incluso se pode consultar en Flickr unha colección de fotografías nas que se pode ver cómo foi a noite electoral para o futuro presidente.

Certame Comarcal de Fotografía Dixital



O Centro Comarcal de Ordes en colaboración co Concello da vila presentan o Certame Comarcal de Fotografía Dixital. O que se pretende acadar con esta actividade é que a poboación do Concello de Ordes participe nunha iniciativa lúdica e creativa, poñendo en práctica os seus coñecementos e destrezas coas novas tecnoloxías.

Trátase dun concurso destinado á poboación xeral que consiste en que as persoas que desexen participar deben enviar unha fotografía dixital da Comarca de Ordes. Pode ser unha paisaxe, un monumento, algún lugar con historia... Poden aparecer persoas, fauna, etc.

Trátase de que os destinatarios da actividade non sexan meros consumidores das TIC senón que aporten a súa visión do entorno que os rodea a través da fotografía dixital.

Obxectivos
1.O obxecto deste Certame é promover o emprego das Novas Tecnoloxías
2.Fomentar o uso das cámaras dixitais
3.Fomentar a creatividade
4.Fomentar o uso do correo electrónico, como unha vía máis de comunicación rápida e efectiva

Datas e participantes
O periodo de participación comeza o día 10 de novembro e remata o 9 de decembro, e non se admitirá ningunha obra remitida fóra dese prazo.

O día 16 de decembro será publicado no fotoblogue o gañador do concurso. Todas as fotografías dos participantes serán publicadas no fotoblogue: www.blogoteca.com/ordes

Poden presentarse fotógrafos tanto aficionados como profesionais, maiores de 18 anos.

O número de fotografías a presentar por participante está limitado a 2.

Deberanse enviar en formato dixital ao seguinte correo electrónico:
rebeca.ordes@dinamiza.sociedadedainformacion.eu, indicando nome, apelidos e un número de contacto.

Normas
•As fotografías deben ser orixinais, exclusivas do autor
•Todas as fotografías deben respectar o dereito á intimidade das persoas e á propia imaxe de acordo coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe.
•Calquera fotografía que non reúna estas condicións non se admitirá.
•O fallo do xurado será inapelábel.
•Todas aquelas obras que se presenten ao Certame quedan en poder da organización, podendo publicalas do xeito que se considere convinte, figurando sempre o nome da autora ou autor.
•A participación neste certame significa a aceptación total das bases.
•Admitiranse fotos en cor e en branco e negro.

Premios
Concederáse un único premio á mellor fotografía.

A Rede de Comercio Rural Galego recibe 17 novas incorporacións


A Rede de Comercio Rural Galego vén de incrementar a súa participación, co que deixa formalmente de ser un proxecto piloto para converterse en realidade con fondas raizames. En concreto, aos seus catro primeiros integrantes (Casa Varela no concello de Touro, Casa Xustáns en Pontecaldelas, Casa Rosa en Maceda e Casa Balsa en Ourol) cómpre sumar xa 17 novas tendas multiservizo procedentes das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, segundo vén de anunciar a Dirección Xeral de Comercio, que investirá na apertura destes establecementos até un total de 1.488.051,86 euros. As tendas acabadas de incorporar, que ficarán deste xeito activas as 24 horas do día na Rede, teñen o seu emprazamento físico en núcleos de poboación que non superan os 5.000 habitantes.

A súa integración na dita iniciativa, tal e como se recolle nas bases da mesma (posta en marcha hai un ano e medio pola Dirección Xeral), responde a un obxectivo ben concreto: axudar na medida do posible a que o rural galego teña as canles de promoción e dinamización precisas para dar a coñecer o seu amplo potencial.

Das novas tendas, informa Comercio, oito están na provincia da Coruña (A Ponte Arcediago-Santiso, Visantoña-Mesía, Calo-Teo, Artes-Ribeira, Ponte Carreira-Frades, A Castañeda-Arzúa, A Picota-Mazaricos, Treos-Vimianzo); catro en Lugo (Salcedo-Pobra de Brollón, Bretoña e Campo da Rosa-A Pastoriza e Doncos-As Nogais); e cinco en Pontevedra (Bora-Vilares, Covelo-A Cañiza, Soutelo de Montes-Forcarei, Barro e A Lagoa-Campo Lameiro). Por certo que o feito de figurar na dita Rede posibilítalles a estes negocios a obtención do selo Comercio Rural Galego, certificación que avala a calidade dos seus produtos e servizos, tendo en conta a exhaustiva auditoría sobre fiabilidade e calidade que superaron estas empresas para acceder ao proxecto.

Desde finais do pasado mes de marzo, toda a información relativa á Rede de comercio rural galego está dispoñible na web www.comercioruralgalego.eu ou a través do portal da Dirección Xeral de Comercio www.conselleriaiei.org/ga/dxcc/index.php.

Ábrese o prazo de preinscrición ao curso de Peritaxes e Informática Forense organizado polo CPETIG


A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela acollerá entre os días 28 e 29 de novembro o curso de Peritaxes e Informática Forense que organizan o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e a Dirección Xeral de Promoción Industria e Sociedade da Información, que durará 10 horas e será de balde para colexiados e precolexiados.

O prazo de preinscrición ao curso xa está aberto e remata o 15 de novembro (aínda que se ampliará no caso de non cubrir as súas 60 prazas). Estas xornadas formativas servirán para iniciar ao mundo legal e xudicial da peritaxe e da informática forense, e servirá para posibilitar a incorporación ao Corpo Oficial de Peritos Informáticos do CPETIG, cunhas listaxes de integrantes que se remitirán aos xulgados o ano que vén.

Vueling renova a súa web con novas funcionalidades


Vueling, a compañía de baixo custo española, vén de estrear unha nova versión do seu sitio web, que introduce notables melloras respecto do deseño anterior e simplifica a procura de servizos dándolles máis visibilidade ás últimas promocións de prezos lanzadas pola empresa.

Deste xeito, os clientes da liña aérea que se conecten á páxina web oficial, accederán á información que lles interese de maneira moito máis doada e poderán mercar os billetes máis comodamente.

Con esta mellora, Vueling agarda incrementar o seu “nivel de conversión”, é dicir, aumentar o número de clientes que, unha vez que acceden á web, rematen “consumando o proceso de compra”.

O cambio máis obvio do novo sitio web de Vueling, prodúcese na súa aparencia, que conta cun deseño “máis lóxico” e cunha maneira máis cómoda de acceder aos diferentes segmentos de compra en liña: venda directa individual, a grupos, a axencias e a empresas. Estas catro canles representan hoxe máis do 75 por cento das vendas da firma.

Asemade, a remodelación contén menos ligazóns polo é máis doado navegar por el e atopar mellor as ofertas de voos atractivas para os nosos petos.

Santiago acolle a presentación da Plataforma Tecnolóxica do Produto Gráfico e do Libro Galego

O vindeiro luns, día 10 de novembro, vai ter lugar no Hotel Los Abetos de Santiago de Compostela, a presentación da Plataforma Tecnolóxica do Produto Gráfico e do Libro Galego, levada a cabo polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco e pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

Na cita non faltará o presidente da Plataforma Tecnolóxica do Produto Gráfico e do Libro Galego, Rafael Fernández, representante deste organismo que ten como principal obxectivo fomentar e producir sinerxías entre os axentes galegos interesados no deseño, na produción e na comercialización do produto gráfico e do libro, para facilitar a súa entrada en novos mercados.

Esta plataforma, impulsada polo Clúster en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, pretende, asemade, participar na planificación da I+D+i do devandito sector en Galicia e posicionalo como líder entre os sectores estratéxicos galegos.

Os asistentes á xornada de presentación, recibirán unha Axenda Estratéxica de Investigación (AEI), que recolle as liñas de investigación prioritarias, das que derivan os distintos proxectos da Plataforma.

A asociación PuntoGal pide unha aceleración dos trámites para a concesión de novos dominios e que se rebaixen os requisitos económicos.


A asociación PuntoGal amosou o seu descontento polos atrasos que está a sufrir o proceso de aprobación de novos dominios por parte da ICANN. Por iso, presentou emendas ao borrador de requisitos que o organismo internacional presenta esta semana no Cairo. As peticións de PuntoGal céntranse en acelerar os prazos o máximo posíbel, reducir o prezo que esixen para conceder os novos nomes de dominio, en principio de 185 mil dólares, e pulir algúns outros aspectos técnicos.

Segundo lle explicou a Vieiros o secretario de PuntoGal, Darío Janeiro, as súas alegacións coinciden coa maioría das presentadas polos internautas: reducir prazos e requisitos económicos. Janeiro confiou en que a ICANN atenda esas peticións, aínda que o comité é quen ten a última palabra.

Unha vez presentado o borrador, ábrese aínda un longo prazo de trámites por diante. En primeiro lugar, poderanse presentar alegacións durante 45 días. Despois, publicarase o mesmo texto traducido ás seis linguas oficiais da ONU e iniciarase outro prazo máis de 45 días para alegacións. Rematado ese tempo, o comité da ICANN elaborará o documento definitivo, que podería estar listo no primeiro trimestre de 2009. A partir dese momento, abrirase o prazo de presentación de candidaturas, probabelmente no mes de setembro.

O .gal, no 2010
PuntoGal aspira a estar no grupo de cabeza dos novos dominios aprobados, pois xa ten lista a documentación, no que se refire á parte técnica e financeira. Porén, este trámite podería non estar completo, como moi cedo, até o nadal de 2009, o que é altamente improbábel. A data máis realista para que o .gal estea operativo sería mediados de 2010.

A petición de PuntoGal remóntase a dous anos e medio atrás. O atraso da ICANN á hora de coincidir novos dominios é tal que xa se anunciara no seu día que o .gal podería ser realidade en xuño de 2008. Agora, parece que non pasará menos dun ano e medio ou dous anos antes de que se materialice.

PuntoGal considera que o principal motivo do atraso se debe a que a corporación que regula os dominios da internet tenta homoxeneizar os criterios á hora de dar nomes ás comunidades lingüísticas, como a galega, e aos novos dominios abertos, que permitirían que calquera entidade privada puidese obter o seu propio nome a cambio dunha certa cantidade económica.

Precisamente, o número de solicitudes de dominios abertos que se presenten cando se inicie o prazo, no outono de 2009, influirá no tempo que tardará a ICANN en conceder o .gal,

Un colectivo ferrolán imparte un obradoiro de risoterapia a través das TIC

Uns obradoiros de risoterapia postos en marcha pola Asociación Socio-Cultural de Minusválidos de Ferrol (ASCM) están a empregar as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como método para aliviar estados depresivos en persoas, maioritariamente, con discapacidades sensoriais.

Segundo informa a axencia Europa Press, a psicóloga que imparte os obradoiros, Beatriz Dorrío, asegura que a innovación servirá para romper os pensamentos obsesivos que existen en cada un dos participantes "e desconectar dos seus problemas". O uso dos recursos TIC é "un medio de liberar a risa sincera, que achega beneficios fisiolóxicos, psicolóxicos, emocionais e sociais".

O obxectivo é que, cando un dos participantes "entre nunha situación de rumiación, envíe unha mensaxe de texto simpática" mediante o teléfono móbil a outro dos asistentes aos obradoiros para "sacarlle ferro a ese problema e arrancar un sorriso propio e alleo".

Segundo a psicóloga, con ese sistema prolónganse os efectos da terapia fóra dos talleres e permite que os usuarios sigan interconectados e retroalimenten as súas emocións, para evitaren car en episodios de ansiedade ou depresión.

Dorrío afirmou que "este sistema funciona" e que o obxectivo "é dar un paso máis e abrir a risoterapia TIC a todo o mundo".

A XIII Noite Galega das Telecomunicacións estará dedicada á tecnoloxía espacial

Este venres de novembro terá lugar a XIII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A gala, punto de encontro dos profesionais das telecomunicacións, da sociedade da información e das TIC, desenvolverase no Gran Hotel Hesperia da Toxa.

O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, estará presidido polo xefe do Executivo, Emilio Pérez Touriño. Prevese que se superen as marcas das anteriores edicións, e que asistan máis de 300 profesionais do sector TIC.

O evento presentárono o secretario xeral do COETG, Ramón María Lois Santos, o xerente do Colexio, Ricardo Fernández Fernández, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.

O programa deste ano irá dedicado ás Telecomunicacións e o Espazo. Así, a xuntanza abriraa o cosmonauta da Federación Rusa Sergei Krikalev, que ten o récord de permanencia e paseos no espazo, con 803 días, 9 horas e 39 minutos e 8 paseos espaciais. Foi considerado por moitos o "derradeiro cidadán da URSS", dado que pasou, entre 1991 e 1992, 311 días a bordo da estación Mir mentres na Terra se derrubaba a Unión Soviética.

Esta primeira reunión, á que asistirán representantes do sector espacial, tecnolóxico e colexiados, terá lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, o venres ao mediodía. Xa pola tarde, na Toxa, haberá unha mesa redonda sobre a Industria Espacial e as Telecomunicacións, con empresas tecnolóxicas galegas, integrantes do sector espacial a través de representantes da asociación Proespacio e enxeñeiros de telecomunicación do COETG.

Deseguido, dará comezo a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información: as Telecomunicacións e o Espazo. Durante o acto, entregaranse as tradicionais distincións anuais, compostas polos Premios Galicia das Telecomunicacións (Premio á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC, patrocinado pola Fundación Ingeniero Gerardo García Campos; Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais e Premio á Mellor Aplicación TIC), pola distinción do Socio de Honra do COETG e polo recoñecemento ao Enxeñeiro do Ano.

Así mesmo, Sergei Krikalev recibirá unha placa conmemorativa a modo de distinción ao Mérito Científico e Tecnolóxico Global 2008 en recoñecemento ao programa espacial da Federación Rusa.

No acto estará tamén Barry Reynolds, presidente da Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación dos Estados Membros da Unión Europea, quen anunciará a escolla de Galiza como punto de encontro para desenvolver o congreso FITCE 2010, coincidindo co Ano Xacobeo.

Premios
Este ano o Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC outorgaráselle á empresa Wireless Galicia, en recoñecemento ao esforzo nos labores de I+D no campo das TIC aplicadas a proxectos de interese sociosanitario, así como á traxectoria e proxección da empresa. No tocante á Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, o premio recaeu na iniciativa Taboleiro Dixital, un proxecto dirixido pola directora do Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago, Fátima García, quen será a encargada de recoller o galardón, en colaboración co director da ETSET da Universidade de Vigo, José María Pousada.

A empresa Bit Oceans Research fíxose co premio á Mellor Aplicación TIC coa proposta Fividoc, unha iniciativa contra a falsificación documental. Por outro lado, o COETG e a AETG concedéronlle o premio de Enxeñeiro do Ano ao director xeral de Sistemas Audiovisuais Itelsis, Gerardo García Alvela, a súa aposta persoal pola defensa do patrimonio industrial de Galicia no sector TIC.

Allariz acollerá as súas primeiras xornadas dedicadas ás TIC


O Concello de Allariz organiza para os días 20, 21 e 22 de novembro as primeiras Xornadas de Participación Cidadá a través das TIC, unha iniciativa que contará con relatorios prácticos, experiencias demostradoras e novidades tecnolóxicas.

As xornadas quérense converter nun escaparate práctico de propostas e ideas de cara a crear un modelo que sirva de exemplo para concellos de poboacións rurais dispersas, así como presentar de maneira práctica ferramentas e aplicacións que permitan crear contidos para chegar de maneira rápida e sinxela en calquera comunidade sexa de ámbito social, educativo ou técnico.

Con este fin, proponse durante as xornadas obter un documento práctico cuxa difusión leve a crear redes sociais nos propios concellos ou institucións, incorporando o uso normalizado das TIC a todos os membros que compoñan dita comunidade.

Poderán inscribirse nestas xornadas, de carácter gratuíto, os técnicos e responsábeis da administración local das áreas de Novas Tecnoloxías e/ou Participación Cidadá, persoal das comunidades educativas, responsábeis de asociacións e colectivos de calquera índole interesados en aplicar as novas tecnoloxías no seu contorno e/ou profesionais en xeral relacionados coas TIC e outras persoas interesadas nestas áreas.

A inscrición pódese realizar a través da páxina www.allariz.com/dixital/xornadas ou chamando por teléfono ao Centro de Promoción Económica (988 44 22 10).

Ao remate das xornadas teórico-prácticas, que durarán 20 horas, os asistentes recibirán un certificado acreditativo de asistencia. O programa pódese consultar tamén na web do concello alaricano.

O Parlamento Europeo presenta un novo programa a prol dunha internet máis segura

O Parlamento Europeo aprobou, cunha gran maioría, o lanzamento dun programa a prol dunha internet máis segura. O programa terá unha duración de cinco anos (de 2009 a 2013) e unha dotación orzamentaria de 55 millóns de euros.

A proposta, aprobada en febreiro pola Comisión Europea, pretende loitar contra os contidos ilícitos na rede e contra os comportamentos ilícitos e prexudiciais, como a manipulación psicolóxica ou o acoso electrónico. O programa para unha internet máis segura é unha continuación do precedente, posto en marcha en 2005, e ampliarase a outros servizos que xurdiron dende aquela, como as redes sociais.

Financiará proxectos de sensibilización de nenos, pais e profesores, os que poñan puntos de contacto de denuncia de contidos e comportamentos ilícitos, principalmente os de tipo pedofílico, os que promovan iniciativas de autorregulación e que estabelezan unha base de coñecemento sobre os riscos das novas tecnoloxías e o seu uso axeitado.

Este programa é un dos contidos que se inclúen na última edición do boletín de actualidade europea da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Económico de Galicia, que se vai recompilando na web do Observatorio Galego da Sociedade da Información, no enderezo http://ogsi.sociedadedainformacion.eu/actualidade_europea2008/. Alí pódense consultar todos os números e descargalos en formato PDF.