Mostrando entradas con la etiqueta Congreso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Congreso. Mostrar todas las entradas

Madrid convérsese, durante unha semana, na capital da World Wide Web


Xusto cando se cumpren dúas décadas do nacemento da web no CERN, Madrid vén de converterse na súa capital mundial, ao acoller a celebración do 18º Congreso Internacional World Wide Web, WWW 2009, un evento que se desenvolverá no Palacio Municipal de Congresos dende hoxe ata o vindeiro venres, 24 de abril.

Ao longo de cinco intensas xornadas, máis dun milleiro de expertos procedentes de todo o mundo achegaranse á capital para debater sobre o pasado, o presente e o futuro da Rede, e sobre todo do que se coñece como a World Wide Web, creada por Berners-Lee cando era aínda un mozo e traballaba para o Centro Europeo de Investigacións Nucleares (CERN) de Xenebra.

O Congreso sobre Turismo e TIC remata hoxe coa intervención do managing director de Google Travel Spain

A segunda edición do congreso sobre Turismo e novas tecnoloxías que promove a Consellaría de Innovación e Industria e que dende onte se está a celebrar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, prosegue a súa xornada de hoxe con información de interese dirixida ao eido de comercialización e posicionamento do produto turístico.

O director de marketing de Transhotel, o xerente de CN Travel e o managing director de Google Travel Spain serán algúns dos relatores expertos nesta temática que se achegarán á capital galega para intervir na xornada de hoxe mércores, 10 de decembro.

O obxectivo deste segundo (e último) día é que os asistentes coñezan as claves sobre as accións de promoción e posicionamento na Rede ou recursos tan útiles como aprender a facer atractiva a web dunha empresa turística.

Mancomún coordinará en Málaga a comunidade galega de Software Libre

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, vai participar, a vindeira semana, no Congreso Internacional de Software Libre 2008, que terá lugar en Málaga do 20 ao 23 de outubro, co propósito de achegar a toda a comunidade internacional os logros acadados pola Administración galega en materia de tecnoloxías e estándares abertos.

O departamento que dirixe Fernando Blanco, promoveu nesta edición, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a coordinación dunha delegación galega que asistirá ao evento e que, xunto con Mancomún, estará integrada polos distintos axentes implicados na comunidade de Software Libre en Galiza; Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) e as oficinas das universidades de SwL.

Deste xeito, a comunidade galega de Software Libre asistirá ao evento de forma conxunta, baixo a coordinación da Consellaría de Innovación e Industria, quen compartirá espazo no stand asignado pola organización á Xunta de Galicia co resto de axentes.

Neste contexto, e baixo o lema Co software libre xogamos todos en Galiza,serán un total de 15 persoas as que participen das actividades previstas por Mancomún, así como pola propio programa do evento.

Entre os proxectos que o Centro exporá na conferencia estarán o DVD de ferramentas informáticas para a PEME ou o informe de O Software Libre en Galiza 2007.
Asemade amosaranse os progresos acadados no ámbito galego coas medidas adoptadas no marco do Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI).

Xa dentro do programa oficial do evento, a Administración galega ofrecerá dous relatorios, que terán lugar, ámbolos dous, o martes 21 de outubro. O primeiro deles, denominado DVD PEME: un caso de dinamización do tecido TIC mediante o Software Libre, será impartido polo coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, e versará sobre o recopilatorio de ferramentas informáticas para a PEME.

En Málaga non faltará tampouco a presenza de Código Cero, que se deixará ver a través dos exemplares do último número, o 64, dedicado case integramente ao software libre en Galicia e ás actividades do Centro Mancomún.

Arranca a modalidade presencial de Edutec perante a presenza de investigadores de toda Iberoamérica


A Universidade de Santiago (USC) acolle a partir de hoxe e até este venres 5 o desenvolvemento da face presencial do Congreso Edutec, un encontro encamiñado a favorecer o intercambio de coñecemento arredor de diferentes procesos de innovación na ensinanza. A xuntanza, que se centra en boa medida no que poden facer as novas tecnoloxías da información para a mellora educativa (mellora na transmisión dos datos, achega de diferentes linguaxes para completalos, meirandes facilidades para afrontar o proceso formativo), dá comezo ás 9.30 no Colexio de Fonseca para logo enfiar cara a un dos seus puntos álxidos coa inauguración oficial no salón nobre do dito recinto, ás 11.00 horas.

O congreso, coordinado polas profesoras da USC Beatriz Cebreiro e Carme Morante, comezou o pasado día 1 na súa modalidade virtual, cunha serie de debates organizados a través de sesións en liña. Amais do acto de apertura de hoxe (no que participarán, entre outros, a consellería de Educación, Laura Sánchez, o reitor da USC, Senén Barro, e o director xeral de I+D, Salustiano Mato), o programa da xornada vén completo abondo.

Así, está previsto que inclúa un relatorio de Alejandro Piscetelli (sobre as 12.00 horas en Fonseca), obradoiros sobre recursos TIC para o eido educativo (a partir das 16.00 na Facultade de Ciencias da Educación), mesas de debate sobre métodos de aprendizaxe a distancia (sobre as 17.30) e unha nova charla de Juan Carlos Tedesco, ministro de Educación de Arxentina (a partir das 18.30 horas).

Xoves e venres
A sesión do xoves centrarase no uso de software social no contexto educativo, a formación en liña para hospitais e o pasado e futuro dos obxectos de aprendizaxe. Tamén se farán mesas redondas e talleres destinados a tratar o deseño de contidos didácticos ou a mellora dos espazos de formación na rede, entre outros aspectos.
Xa o venres 5, Edutec acollerá a presentación da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos e do libro As TIC para a igualdade. Tratarase o e-learning en Europa ou as novas tecnoloxías para crear pontes entre culturas. O acto de clausura será, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.

Presentación do Congreso Nacional Internet na Aula


O director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, mailo director xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, Miguel soler, van presentar, mañá xoves 5 de xuño, o Congreso Nacional Internet na Aula que organiza o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para dar conta dun proxecto innovador no que se alíen as tecnoloxías da información e a comunicación co ensino.

Neste acto, que terá lugar a partires das 12:00 horas no Auditorio de Red.es, tamén se presentarán os resultados obtidos polo programa Internet na Aula do Plan Avanza do Goberno de España nos centros educativos españois durante os últimos catro anos.

O co-fundador de Mozilla Europa explica en Barcelona por que non hai aínda unha tradución oficial do navegador na nosa lingua.

Do martes ao xoves desenvólvese en Barcelona o Bdigital Global Congress, un espazo de reflexión aberta ao mundo dixital onde participarán máis de 2.500 asistentes. Na xornada inaugural interviu, entre outros, Tristan Nitot, co-fundador de Mozilla Europa, quen analizou a traxectoria e as características do proxecto que pariu, entre outros, o navegador Firefox e o cliente de correo Thunderbird.

Ademais de presentar a próxima versión do Firefox, a 3.0, que sairá en xuño, Nitot tivo unhas palabras para os desenvolvedores e os voluntarios que traducen o software. Neste aspecto, o noso país e a nosa lingua non saíron ben parados. "Hai unha versión en catalán de Firefox construída por voluntarios aos que lles importa o seu idioma, ao igual que a hai en éuscaro. Pero aínda non hai unha versión en Galiza", explicou o co-fundador de Mozilla.

"Moitas veces pregúntanmo", dixo Nitot, "e a miña resposta é que se ninguén de Galiza se presenta, non haberá unha versión en galego. Estamos dispostos a que a xente traballe connosco". As palabras do responsábel de Mozilla parecen amosar que non hai conexión entre os equipos de tradución de Firefox á nosa lingua e a propia fundación, como si existe con outros idiomas.

A Rede de Dinamización participa nun encontro de telecentros nas Illas Canarias


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información vai estar presente na sétima edición do Congreso Nacional de Telecentros e Redes de Telecentros, que se vai desenvolver o 17 e 18 de abril no Auditorio de Corralejo do municipio de La Oliva, en Fuerteventura. O Congreso pretende converterse nun espazo adicado ao intercambio e á difusión do coñecemento por parte dos participantes, tentando chegar a novas liñas de investigación que permitan avanzar no xeito de achegar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación a toda a cidadanía e facela así partícipe das vantaxes da Sociedade do Coñecemento.

A Rede de Dinamización vai presentar a candidatura de E-SignoVisual para o concurso da mellor iniciativa levada a cabo durante o 2007. Esta iniciativa do dicionario tecnolóxico signado presentarase na xuntanza da Comunidade de Telecentros do día 16 de abril en Lanzarote. Ademais, unha representación da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información formará parte da mesa redonda sobre boas prácticas e experiencia de desenvolvemento da Sociedade da Información que terá lugar o venres día 18 de 9:00 a 10:10.

O Congreso contará coa asistencia de representantes de numerosas redes de todo o estado e mesmo de Latinoamérica a traveso de múltiples relatorios e catro obradoiros simultáneos na tarde do día 16 sobre compartir coñecemento, software libre nos telecentros, novos xeitos de conexión á rede en zonas afastadas e empresas.

Un congreso en Santiago analizará este venres o valor das TIC na inserción laboral de discapacitados

As novas tecnoloxías da información, se cadra máis que calquera outra porta de acceso, poden dar tantas oportunidades de inserción laboral como atrancos. Todo depende de entender o seguinte: non todos temos porqué ver o mesmo tamaño de letra, empregar o mesmo rato ou teclear no mesmo teclado. Sobre todo, se o que está en xogo é algo tan valioso como a información e, polo tanto, as posibilidades de acadar un posto de traballo. Avaliar todo isto e procurar novos xeitos de botar abaixo as barreiras (neste caso, as virtuais) é o obxectivo das II Xornadas sobre Emprego e Discapacidade Intelectual.

A cita será este venres 18, na Escola Galega de Administración Pública de Santiago, e está prevista a participación de representantes de institucións (a Xunta, o Concello de Santiago), empresas (Banco Popular, Caja España) ou entidades sen arela de lucro (FADEMGA FEAPS Galicia).

Un dos grandes obxectivos das xornadas (amais do devandito) é continuar coa información achegada na anterior edición celebrada en abril de 2007.

Ata o día de hoxe hai rexistradas unhas 120 inscricións de máis de 28 asociacións diferentes, entre elas, FAXPC (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia), CIG, AFEXDI (Asociación de Formación e Emprego de Xóvenes Discapacitados), Concello de Boiro, Concello de Arzúa, UGT, AFEM (Asociación FEAPS para o Emprego) ou a Fundación ADCOR; así como varias das 41 asociacións federadas a FADEMGA FEAPS GALICIA.