Mostrando entradas con la etiqueta Google. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Google. Mostrar todas las entradas

Google Maps comeza a ter en consideración ás bicicletas

O servizo de mapas de Google continúa a evolucionar, e aparte de calcular rutas a pé ou en coche, agora incorpora a función de guiarnos cando imos en bicicleta, aínda que esta funcionalidade polo momento só está dispoñible nos EE.UU.

Deste xeito, en Google Maps tense en conta os carrís bici ou a pendente das costas á hora de calcular o camiño a seguir para chegar dun punto a outro, aínda que tememos que na internacionalización desta ferramenta os españois non vaiamos a poder tirar dela todo o proveito posible por ter un número de vías adaptadas ás bicicletas moi inferior do que acontece noutros países europeos.

Novas de Youtube

Dende Google levan tempo proban os seus sistemas de recoñecemento de voz aplicados a YouTube, e finalmente decidiron abrilos ao público en xeral, de xeito que os usuarios que conten con vídeos en inglés poden solicitar a creación automática de subtítulos para os mesmos, incrementando así a súa accesibilidade (o que agradecerán os usuarios con problemas auditivos) e a súa internacionalización (posto que aos subtítulos tamén pode aplicarse a tradución automática).

Esta nova funcionalidade de YouTube fai moi sinxela o traballoso proceso de subtitular vídeos, e os responsables dos vídeos poden tamén descargar os subtítulos xerados automaticamente para optimizalos e resubilos aos servidores de Google, mellorando así a precisión destes textos.

Aínda que inicialmente só aparecen automaticamente as transcricións dos vídeos que o soliciten expresamente, pretenden que esta funcionalidade chegue a todos os vídeos dispoñibles nos que o proceso sexa posible (principalmente en clips con xente falando, polo que contidos coma os vídeos musicais serían imposibles de tratar con esta tecnoloxía).

Nos vindeiros meses irán ampliando o número de linguas recoñecidas por YouTube para a creación de subtítulos automáticos.

Google estrea unha aplicación para engadirlle comentarios ás webs visitadas


O xigante americano Google, sabedor de que as grandes vantaxes da Rede radican basicamente na posibilidade de poder compartir coñecementos e experiencias con outros internautas (daí o grande éxito que están a ter na actualidade as redes sociais), vén de lanzar a Sidewiki, unha ferramenta que lle permite aos usuarios e usuarias facer comentarios ou dar opinións e información adicional mentres visitan un sitio web, e compartilos con outros internautas.

Para acceder a esta nova ferramenta, a persoa interesada tan só terá que facer click no botón correspondente na barra e, ao instante, despregarase na marxe esquerda da páxina un espazo sobre o que se poderá redactar aquela infomación que se pretenda compartir co resto de internautas.

Estes comentarios e opinión son públicos para todos aqueles usuarios e usuarias que teñan instalada a barra Google, e permiten enriquecer o contido das páxinas, aportando información adicional, que dependendo de quen veña poderá ser máis ou menos seria e fiable.

Segundo informou o director de Xestión de Produtos de Google, Tom Stocky, “moitos daqueles que visitan unha web teñen coñecementos, opinións ou experiencias que poderán mellorar moito as visitas que fagan no futuro outras persoas a esa mesma web”; “ao engadir un elemento interactivo á visualización dunha páxina web”, continúa, “Sidewiki permite incrementar o intercambio de información en liña e mellorar a experiencia xeral da xente en Internet”.

As entradas feitas a través desta ferramenta tamén se poden compartir en Facebook ou Twitter, ademais de enviar a ligazón directamente por correo electrónico.
Por poñer un exemplo da utilidade desta ferramenta, a propia compañía achegou o seguinte: “se estás a ver unha páxina da Wikipedia sobre Rajmáninov e ti publicaches un vídeo no que saes tocando o preludio deste compositor, xa podes insertalo de xeito doado nunha anotación de Sidewiki para que outros internatuas o vexan”.

Este non creo que sexa o caso de ningún internauta coñecido noso, pero se hai algo que sobre na Rede, iso son usuarios con ganas de saltar á fama a calquera prezo... o tempo dirá se a utilidade da ferramenta radica en complementar as webs con información ou, pola contra, en entorpecer a lectura dos usuarios con insercións de contidos absurdos e sen xeito.

Google Sync permite acceder a Gmail mediante push

A comezos de ano lanzouse Google Sync coma un servizo que permite sincronizar os contactos de Gmail e o calendario de Google con terminais móbiles con Windows Mobile ou S60, así coma co iPhone e o iPod Touch, e son precisamente os usuarios dos dispositivos de Apple os que agradecerán que veñan de mellorar o servizo para incorporar a tecnoloxía push para as mensaxes de correo de Gmail, o que implica que os usuarios poidan recibilas no seu terminal de xeito pasivo, ou sexa, que os correos electrónicos irán a parar case instantaneamente aos dispositivos móbiles sen ter que entrar na aplicación de correo electrónico para consultar se hai mensaxes novas.

O iPhone incorporou o soporte da tecnoloxía push para poder competir cos terminais Blackberry, pero ata o momento estaba limitado a contas de correo subministradas por Apple (de pago), e agora tamén pode empregarse con contas de Gmail, o que agradecerán os usuarios, pois poden contar así cunha prestación avanzada sen custos adicionais.

Aparte de no iPhone e o iPod Touch, o correo push de Google Sync tamén funciona con terminais co sistema operativo Android e incluso co Palm Pre.

O buscador líder decide non incluír na súa versión .es a ligazón conmemorativa do aniversario de H. G. Wells.



Algúns días sinalados do ano, Google cambia o seu logotipo para conmemorar algún día mundial ou aniversario. Este 21 de setembro era a quenda do escritor H. G. Wells, autor de clásicos da ciencia-ficción como A máquina do tempo ou A guerra dos mundos. Google decidiu celebrar o aniversario do autor cunha imaxe que representa uns pratos voadores sobrevoando unha aldea.

Pero este luns, moita xente puido comprobar que, ao pasar o punteiro do rato por riba da imaxe, aparecía unha estraña mensaxe: "Not for Spain". Que querería dicir iso? Que os extraterrestres non invadirían o Estado Español por algún escuro motivo?

A explicación é moito máis simple, aínda que tamén escura. Google está a bloquear as agresivas estratexias de posicionamento en buscadores (SEO) que se desenvolven no Estado Español. As imaxes conmemorativas do buscador ligan a unha busca relacionada co autor ou coa efeméride, o que significa que as webs que aparecen entre os primeiros resultados desa busca reciben miles de visitas.

Os 'doodles', que así se chaman as modificacións do logotipo de Google, convertéronse nun dos obxectivos dos especialistas españois en posicionamento, que tentan colocar, a cambio de diñeiro, unha web determinada entre os primeiros resultados, o que, ao final, contravén o obxectivo de Google, que é atopar o que se busca. Ese parece ser o motivo dese "Not for Spain", unha sorte de aviso a navegantes, segundo conta a web de novas Menéame. Así, a versión do buscador para o Estado Español non inclúe ligazón, e quizais siga sen facelo nas próximas efemérides.

Google permitirá que os usuarios recuperen e trasladen os seus datos


O buscador Google semella non ter parada na súa arela de implicar aos internautas na construción da Rede. Segundo se nos conta hoxe, a multinacional estaría neste intre a desenvolver un sistema íntegro para abrirlles aos seus usuarios a posibilidade de facerse coa información que teñan depositada en servizos como Blogger ou GMail. A iniciativa, que amais de ampliar a marxe de manobra dos internautas forma parte dunha estratexia do buscador para conseguir que as persoas que empregaron as súas ferramentas non deixen de facelo, é a xuízo de Google un xeito de poñelo todo máis doado na Internet. Deste xeito, engade, todo aquel que queira recuperar a información do seu correo (en Gmail) ou das súas entradas nos blogs (en Blogger), estarán en disposición de facelo.

En opinión de Google, a manobra en cuestión está lonxe de traballar no que algúns xa cualifican de omnipresencia dos seus servizos. Para o buscador, está claro que os datos eran dos internautas e que había que facer algo para devolverllos en canto quixeran.

É nesta liña, precisamente, onde se insire a Fronte de Liberación de Datos que creou a compañía hai dous anos co obxectivo de facer máis doado o traslado da información persoal cara aos seus directos responsables, os internautas. Esta Fronte basea unha boa parte do seu traballo na crenza de que cómpre deixar abertas as portas dos servidores da Rede para que os internautas pasen a ser plenamente construtores da Internet.

Google Fast Flip permite botar olladas rápidas á prensa en liña


Dende os laboratorios de Google están a experimentar fórmulas para achegar as novas aos usuarios dun xeito revolucionario, e froito deste traballo presentan Google Fast Flip, que consiste nunha plataforma semellante a Google News na que só aparece o máis relevante da xornada publicado nun grupo limitado de medios (que participan activamente na iniciativa, e cos que Google repartirá os ingresos publicitarios) dun xeito orixinal, xa que os contidos desta web non son os titulares das novas, senón unha captura de pantalla das páxinas web nas que se publican, coa posibilidade de acceder ás mesmas con só picar sobre elas, permitindo unha visualización moi rápida que poderiamos comparar coa mecánica de ollar as páxinas dun xornal ou dunha revista nos seus soportes físicos.

O servizo permite que o usuarios rexistrados definan os medios que queren ver na portada de Google Fast Flip, de xeito que en poucos segundos un pode dar un repaso da información de actualidade, aínda que polo momento este experimento está limitado a medios en inglés.

O mesmo sistema de visualización pode aplicarse tanto para ver novas repartidas en medios, temáticas e categorías, como para resultados de busca, resultando especialmente elegante a versión móbil, que permite que en terminais coma o iPhone poidamos desprazarnos entre as distintas novas arrastrándoas graficamente na pantalla, replicando a interface de visualización de fotografías no terminal telefónico de Apple, que é semellante a pasar follas.

Aprendendo dos problemas con Google News, dende a empresa de Mountain View decidiron pechar acordos con 36 grandes grupos de medios dos EE.UU. antes de lanzar este servizo, de xeito buscan unha colaboración que beneficie a todas as partes, e todo parece apuntar a que a reacción será a oposta ao servizo de novas de Google: en vez de denunciar a Google, os medios serán os que soliciten a súa incorporación no servizo. De feito, Google tamén ofreceu a súa plataforma de pagamentos Checkout para que os medios que o desexen poidan facer uso dos micropagos para abrir o acceso aos seus contidos.

Google incrementa as súas opcións de busca

Google presentou durante o vento Searchology unha serie de novas ferramentas para o seu servizo de busca web, entre as que destaca a posibilidade de despregar á esquerda dos resultados de busca unha serie de opcións que permiten limitar os resultados segundo o tipo de contido (imaxes, vídeos, comentarios en foros, análises de produtos…) ou a súa data de publicación, podendo tamén elixirse entre novos modos de presentación: buscas relacionadas (que suxire novas consultas), Timeline (que sitúa os resultados no tempo) e unha orixinal Wonder Wheel, que distribúe buscas relacionadas en nodos (presentados graficamente) polos que podemos navegar para chegar a distinta información publicada na web dun xeito bastante curioso.

Google tamén incorpora aos resultados de busca elementos que chama snippets e que permiten dar información de utilidade como amosar valoracións dos clientes de restaurantes ou o seu rango de prezos (algo que polo momento só está visible para uns poucos establecementos, coma o Drooing Dog Bar B Q, do que podemos ver que ten puntuacións positivas en Yelp.com sen ter que visitar tal web). Esta nova funcionalidade medrará segundo os responsables de certas páxinas web vaian adaptando certos estándares e microformatos que permitan a Google achegar a súa información para tela en conta nos resultados de busca (e que Google pretende aproveitar para mellorar as buscas de críticas, perfís persoais, negocios e produtos).

Google organiza un concurso fotográfico

A páxina personalizada de Google , iGoogle, leva tempo permitindo personalizar a súa aparencia mediante un bo catálogo de deseños cada vez máis condados, que vai ampliarse en boa medida grazas ás obra que se presenten ao Concurso de Fotografía de Google organizado en colaboración coa Galería Saatchi de Londres, e que permitirá que os estudantes de educación superior de todo o mundo poidan presentar ata o 31 de maio fotografías que poderán optar a un grande premio de 5.000 libras esterlinas e unha invitación para pasar un día co fotógrafo Martin Parr.

Amais, os 36 mellores proxectos serán seleccionados para unha votación pública (e incorporaranse coma temas seleccionables de iGoogle), de xeito que os 6 primeiros cualificados viaxarán a Londres para presentar a súa obra na noite inaugural da exposición que terá lugar na Galería Saatchi, e das que un panel de críticos e artistas decidirán ao gañador.