Presentado por videoconferencia un titorial para protexer á nenez na Rede

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta vén de presentar unha nova ferramenta dixirida a fomentar unha Rede segura para a nenez. Máis polo miúdo, trátase do titorial A protección dos menores no acceso aos medios de comunicación, e, como o seu propio nome indica, pon en xogo unha serie de recursos para que os nosos cativos saiban identificar de xeito doado de que maneira se poden dar riscos ou ameazas no acceso ás canles da información. O manual, que foi dado a coñecer no Centro Multimedia de Galicia de Santiago e, a través de videoconferencia, en telecentros da nosa xeografía (Vilagarcía, A Cañiza, Oroso, O Barco, Lugo e Betanzos), ficará dispoñible para todas e todos os interesados nos diferentes espazos de conexión que a Rede de Telecentros da Secretaría Xeral ten espallados por toda a nosa terra.

Sobre a súa feitura, dicir que o titorial foi desenvolvido en Flash, e, como tódolos outros recursos semellantes que puxo en xogo a campaña Comunícate da Secretaría, está pensado para formar e informar a un público con escasos coñecementos informáticos.

Nace un xornal gratuíto baseado exclusivamente en blogs

The Blogpaper carece de editor: os contidos escóllenos os propios internautas mediante votación na web.

Este venres comezouse a distribuír en Londres un xornal gratuíto que aspira a revolucionar a prensa en papel. The Blogpaper baseáse en temas tirados exclusivamente de blogs. Polo momento distribúese en catro estacións de metro da cidade, ademais de en Stratford. Os contidos son decididos polo voto popular a través da web do xornal.

O novo medio aspira a combinar "dous tipos de medios diferentes aínda que igual de importantes: internet e a prensa", segundo informa na súa web. Fundado por Anton Waldburg e Karl Jo Seilern, preténdese que se financie mediante publicidade, pois non pagarán os blogueiros polo seu traballo.

Mentres moitas publicacións en papel están a darlle cada vez máis importancia á versión online, The Blogpaper amosa o paso contrario: como contidos da rede poden atopar espazo en papel como prensa gratuíta.

Abre o portal iMIT para divulgar as actividades en materia de Sociedade da Información que se están a impulsar desde o Goberno galego

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou as liñas de actuación claves para o desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia na inauguración do evento ‘Movimiento Avanza’ na Coruña.

Mar Pereira puxo onte en valor os proxectos en materia de novas tecnoloxías do Executivo autonómico durante o acto de inauguración na Coruña do evento itinerante 'Movimiento Avanza', un proxecto integrante do 'Plan Avanza' que o Ministerio de Industria desenvolve en Galicia en colaboración coa Xunta, e que se atopa xa na súa segunda fase.

A secretaria xeral remarcou o compromiso da Xunta co desenvolvemento da Sociedade da Información, tendo como eixes da súa actuación o Plan director de telecomunicacións, a implantación do e-goberno, a dinamización do uso das TIC e o fomento do sector empresarial da Sociedade da Información.

Na súa intervención, Mar Pereira afirmou que a Xunta quere robustecer as telecomunicacións non só como instrumento para acadar novas oportunidades a nivel nacional e internacional, senón tamén para lograr a cohesión social interna, que definiu como imprescindible para construír a Galicia única na que todos os cidadáns teñan igualdade de oportunidades.

Nese marco situou o deseño da Estratexia global de telecomunicacións na que traballa o Executivo galego, e que suporá o investimento de máis de 260 millóns de euros nesta lexislatura, incluíndo o Plan director de banda larga, o despregamento da TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Xunta e a mellora das redes de alta capacidade para a comunidade científica.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica lembrou que Galicia continúa a ser unha das comunidades menos desenvolvidas no acceso aos servizos de telecomunicacións, polo que a Xunta se marcou o obxectivo de dar resposta a esta demanda social, garantindo o acceso á banda larga a todos os galegos cunha capacidade e custo axeitados.

Impulso ao e-goberno en todas as administracións
En relación coa implantación da administración electrónica ou e-goberno, Mar Pereira subliñou que está a supor a posta en marcha de importantes proxectos de modernización dos servizos públicos coa colaboración de concellos e deputacións, ademais de actuacións integrais de dinamización do uso das novas tecnoloxías, especialmente nas pequenas empresas e autónomos.

A responsable de Modernización lembrou a recente posta en marcha da nova web da Xunta, un primeiro paso de cara á converter o portal institucional na ferramenta de referencia da Administración fronte á cidadanía, co obxectivo de reforzar a súa misión como canle de información e servizos públicos para a sociedade.

Ademais, a titular de Modernización anunciou a apertura do sitio web imit.xunta.es , Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica iMIT, como espazo de comunicación e divulgación das diversas actividades que se están a impulsar desde o Goberno galego en materia de Sociedade da Información.

A secretaria xeral salientou que esta iniciativa ten a súa razón na estratexia que en materia de promoción, desenvolvemento e difusión da Sociedade da Información e as Comunicacións está a xogar a Xunta, unha estratexia integradora na que o seu departamento xoga o papel fundamental de desenvolver e coordinar todas as iniciativas.

Ferramentas para un modelo de crecemento competitivo
Mar Pereira sinalou que o Plan director de banda larga, que terá a súa execución en 2010, e a iniciativa e-goberno farán un especial fincapé nos sectores que acumulan un maior retraso tecnolóxico, sobre todo Educación e Xustiza. Ademais, puxo en valor a creación da nova Rede galega de centros (Telecentros) de servizos á Sociedade da Información e a posta en marcha dun centro demostrador de software para PEMES. Deste xeito, apuntou que a Xunta procura contribuír a un modelo de crecemento baseado no aumento da competitividade e da produtividade, na promoción da igualdade social e a mellora do benestar dos cidadáns.

Pereira destacou que con estes proxectos, Galicia será unha das primeiras comunidades autónomas en dar cumprimento ao chamamento feito pola Comisión Europea aos estados membros e aos gobernos rexionais para que adopten, non máis tarde de 2010, programas específicos para o desenvolvemento das TIC na nosa Comunidade.

Chega á Coruña a exposición dixital Movemento Avanza


A Rede tamén viaxa, e máis se do que se trata é de informar polo miúdo das súas vantaxes para empresas, institucións e cidadáns de a pé. Nisto precisamente consiste a iniciativa móbil que vén de arribar á Coruña da man do Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia: o evento itinerante Movemento Avanza, arestora na súa segunda fase.

Máis polo miúdo, trátase dunha exposición tecnolóxica sen base fixa e encamiñada a acurtar a distancia que afasta ás vantaxes das novas canles do coñecemento dunha boa parte da sociedade. Amais da exposición en si mesma, a iniciativa dá acubillo a todo tipo de actividades participativas, entre obradoiros e conferencias encamiñados a afondar na utilidade práctica das novas tecnoloxías. A día de hoxe, calcúlase que xa participaron na mostra arredor de 150.000 persoas de todo o Estado español.

Na inauguración desta etapa galega da iniciativa, que ficará na dita cidade até este 29 de novembro, participaron representantes do Goberno central e máis da Xunta, como por exemplo Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen aproveitou a oportunidade para enumerar os esforzos que o seu departamento está a desenvolver no impulso á Sociedade da Información, esforzos como por exemplo o Plan director de telecomunicacións, o afianzamento da Administración Electrónica ou o pulo ás novas tecnoloxías no eido empresarial.

Nun plano máis concreto, a secretaria xeral sinalou que o orzamento do programa global de telecomunicacións (abranguendo iniciativas como o devandito Plan director ou o despregamento da TDT) do Goberno galego é de máis de 260 millóns de euros para esta lexislatura. Dentro deste programa, engadiu, cobra especial importancia o impulso ao e-goberno, ou, o que é o mesmo, un novo tipo de relación -a través do dixital- entre as institucións públicas e os cidadáns. Neste senso, salientou a posta en marcha da nova face virtual da Xunta (un primeiro paso de cara á converter o portal “na ferramenta de referencia na Administración fronte á sociedade”, puntualizou) ou o desenvolvemento da páxina imit.xunta.es, un espazo habilitado para informar polo miúdo das accións que a Xunta leva a cabo en materia de Sociedade da Información.

Nova tenda en liña de marisco galego


Nos últimos anos varias son as iniciativas que antes do Nadal aparecen dende Galicia para comercializar marisco a través da Internet, e desta volta temos a Emarisco.com, plataforma de venda de marisco tanto fresco coma cocido, que conta co descritivo dominio mariscosadomicilio.es, así coma un espazo en Facebook.

Este novo establecemento virtual de venda a domicilio ofrece mariscadas completas en distintos formatos segundo o número de comensais e con prezos que oscilan entre os 59 e os 169 euros para de 6 a 8 persoas. Tamén permite a compra por separado de lubrigantes, lagostinos, polbo, mexillóns, etc.

Os pedidos realizados antes das 10:00 horas recibiranse no domicilio do cliente antes das 13:30 horas do día seguinte, aínda que cómpre destacar que os domingos e luns non hai reparto.

Haberá que agardar para ver se esta plataforma consegue manterse no tempo neste sector tan arriscado, no que a calidade dos produtos ten tanto peso como a loxística, sendo este último elemento crítico, e o que leva a fracasar a moitas outras tendas en liña.

Novas xornadas sobre software libre na UDC


Os días 1, 2 e 3 de decembro na Facultade de Informática do coruñés Campus de Elviña terá lugar unhas Xornadas de Software Libre, que buscan dar un enfoque xeral práctico sobre o software libre centrándose nos sistemas GNU/Linux, repartindo este curso en 10 horas repartidas en 3 sesións que comezarán ás 5 da tarde de cada un dos días das xornadas.

Xa está aberta a inscrición para este curso que só conta con 30 prazas que cubriranse por orde de chegada.

Os contidos repartiranse nas seguintes sesións:

Día 1
- Conceptos básicos<
- Un pouco de historia
- Que é GNU/Linux?
- Vantaxes
- Distribucións e escritorios

Día 2
- Instalando desde Windows
- Particionando o disco
- Instalación de Ubuntu 9.10
- Configurando o noso novo equipo

Día 3
- Que son os repositorios?
- Conseguindo novas aplicacións
- Introdución aos novos programas
- Alternativas libres a aplicacións privativas

A Secretaría Xeral de Medios presenta un titorial sobre a TDT dispoñible na Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia

A xefa de servizo de Programación Multimedia, da Secretaría Xeral de Medios, Felicitas Rodríguez, e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Pereira, presentaron hoxe un titorial sobre a TDT co obxectivo de amosar a todos os usuarios da Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia as vantaxes que ofrece este novo sistema fronte á forma tradicional de ver a televisión. O titorial presentouse hoxe no Centro Multimedia de Galicia de Santiago de Compostela e puido seguirse a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Abegondo, Tui, Vilagarcía de Arousa, Guitiriz e O Barco de Valdeorras.

Felicitas Rodríguez lembrou que este titorial «desenvólvese no marco do proxecto multimedia de formación da campaña Comunícate», que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para dar a coñecer a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC).

Trátase dunha serie de titoriais interactivos que teñen o obxectivo común de facilitar aos usuarios dos Telecentros de Comunicación determinadas funcionalidades e potencialidades que se poden realizar dende os mesmos.

Dende hoxe, o titorial sobre a TDT estará dispoñible, para todos aqueles interesados, nos telecentros de comunicación que a Secretaría Xeral de Medios ten repartidos nas catro provincias galegas. O acabado de nomear decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, José Pereira, felicitou durante a súa intervención á Secretaría Xeral de Medios por este tipo de iniciativas «necesarias para que os cidadáns coñezan todos os pasos a seguir e poidan estar preparados de cara ao tan anunciado apagamento analóxico».