A delegación coruñesa do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) organiza para o vindeiro mércores, 24 de febreiro, de 18:00 a 21:00 horas, unha xornada sobre Márketing en Redes Sociais, impartida polo enxeñeiro industrial Alberto Lázaro Araújo, profesor na Escola de Negocios Caixanova, no local da delegación local sito na rúa Alameda nº 30, 7º andar. A inscrición para este relatorio é libre e de balde, debendo comunicarse con anterioridade por teléfono (981 225 826), fax (981 210 216) ou correo electrónico (cingalc@icoiig.es)
Con esta iniciativa preténdese que os empresarios coñezan os cambios tecnolóxicos e sociais que están a acontecer ao redor das redes sociais, entendan a oportunidade que representan para os negocios en xeral e servizos profesionais en particular, identifiquen as principais plataformas de redes sociais e dispoñan dunha metodoloxía para o deseño dunha estratexia de redes sociais.
Xornada sobre redes sociais na delegación coruñesa do ICOIIG
19/2/10 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Novas xornadas sobre software libre na UDC
Os días 1, 2 e 3 de decembro na Facultade de Informática do coruñés Campus de Elviña terá lugar unhas Xornadas de Software Libre, que buscan dar un enfoque xeral práctico sobre o software libre centrándose nos sistemas GNU/Linux, repartindo este curso en 10 horas repartidas en 3 sesións que comezarán ás 5 da tarde de cada un dos días das xornadas.
Xa está aberta a inscrición para este curso que só conta con 30 prazas que cubriranse por orde de chegada.
Os contidos repartiranse nas seguintes sesións:
Día 1
- Conceptos básicos<
- Un pouco de historia
- Que é GNU/Linux?
- Vantaxes
- Distribucións e escritorios
Día 2
- Instalando desde Windows
- Particionando o disco
- Instalación de Ubuntu 9.10
- Configurando o noso novo equipo
Día 3
- Que son os repositorios?
- Conseguindo novas aplicacións
- Introdución aos novos programas
- Alternativas libres a aplicacións privativas
23/11/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
O Ateneo Ferrolán organiza unhas completas xornadas sobre software libre
Trátase duns encontros a celebrar os días 28, 30 e 31 de outubro, todas as actividades inseridas nas Xornadas GNU/Linux, xornadas que tal e como o seu nome indica van dirixidas á promoción deste sistema.
As sesións contará cun extenso abano de contidos a distribuír desta maneira:
· Mércores 28 de outubro: "Sen medos que é libre"
GNU/Linux: O proxecto GNU e o núcleo Linux.
Software libre: Filosofía e licenzas libres.
A comunidade: grupos de usuarios e participación.
Vantaxes e compatibilidade: En ocasións non todo funciona.
Distribucións: A variedade está chea de posibilidades.
Entendendo GNU/Linux: Usuarios, grupos, permisos, sistema de ficheiros, cartafoles...
Escritorios: Gnome, KDE e moitos outros...
Recursos en rede: Descarga, instalación e actualización.
· Venres 30 de outubro: "Festa de instalación"
Obradoiro de instalación de GNU/Linux(Calquera pode levar o seu computador e un cable de rede para aprender a instalalo)
· Sábado 31 de outubro: "Máis a fondo"
Instalación de aplicacións e repositorios.
Libre ou non libre: Códecs, controladores e engadidos.
Aplicativos e equivalencias libres: Ofimática, redes, gráficos, multimedia, xogos... e todo o que precises.
Configuración de redes con e sen fíos.
Emuladores e máquinas virtuais.
22/10/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Lugo acolle a V Xornada do Proxecto EmprendeTIC
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo vai acoller, este xoves 24, a quinta xornada demostrativa do Proxecto EmprendeTIC, que organiza a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) baixo a temática, Traballar con plataformas de portais e xestores documentais, para dar acollida a calquera empresa interesada en dispoñer de plataforma propia na Rede.
Unha plataforma de portais permítelles ás grandes, medianas e pequenas empresas, segundo afirman os responsables da iniciativa, “dispoñer dunha única plataforma na que integrar todas as súas iniciativas web”, asemade, continúan, “serve como repositorio documental corporativo, posibilita o acceso a ela dende fóra da oficina e organiza a comunicación cos empregados, clientes e provedores”. Por outra banda, engaden, “cun xestor documental pódese ordenar, conservar e compartir toda a información que a miúdo se atopa dispersa por distintos departamentos e arquivos”, facilitando o labor dos empregados de calquera empresa ou negocio.
O acto, que dará comezo a partir das 19:00 horas, contará coa presenza, entre outros, de Diego Grande Varela, da multinacional española Tecnocom, e Víctor Fariña Infante e Julián Cerviño Iglesia, da firma galega Queres Tecnologías, que relatarán a súa propia experiencia ao mando de cadansúa consultora TIC onde ofrecen os devanditos servizos.
Logo das súas exposicións, a xornada proseguirá coa presentación de dous casos prácticos de empresas que están a funcionar cun xestor documental no noso país: a asesoría e xestoría Álvarez Real e consultoría técnica integral Proitec.
A xornada rematará co sorteo dun escáner entre os asistentes.
24/9/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Xornadas na Coruña para fomentar o uso dos Servizos Públicos a través da rede
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio organiza na Coruña as Xornadas de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza, que comezan hoxe mércores. Os encontros teñen como obxectivo garantir o acceso da cidadanía aos servizos municipais a través de internet e complétanse cunha exposición sobre as vantaxes do uso das novas tecnoloxías para relacionarse coa administración.
As Xornadas de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza e mais o conxunto de aplicacións Avanza Local Soluciones teñen por obxectivo promover a modernización das administracións locais para garantir o dereito da cidadanía a relacionarse coa administración municipal a través da rede. O acto de presentación celebrarase ás 11 horas no Auditorio da Fundación Caixa Galicia da Coruña.
As xornadas están dirixidas aos técnicos do concello e ás empresas locais de servizos tecnolóxicos para que poidan prestar servizos de administración electrónica. Terán un carácter formativo, con sesións sobre a implantación e o manexo de LocalWeb, LocalGis e SIGEM, ferramentas orientadas á posta ao día das administracións locais.
En paralelo, abrirase unha exposición dirixida á cidadanía. Co título “e-Administración, aberto 24 horas”, a mostra achegará información sobre as vantaxes do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas xestións que se realizan coa administración pública. Estará na Coruña do 23 ao 28 de setembro.
Por último, do 5 ao 8 de outubro celebrarase un curso de formación nas aplicacións da plataforma Avanza Local Soluciones. As sesións impartiranse na sede da Deputación Provincial da Coruña en horario de 9 a 15 horas.
23/9/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Jacobo Lázare falará das súas experiencias en comercio electrónico no Iniciador Galicia de outubro
O venres 2 de outubro ás 19:00 horas terá lugar no ITE Caixa Galicia de A Coruña (sito no número 31 da Ronda de Nelle) unha nova edición dos encontros Iniciador Galicia, que nesta ocasión conta coma relator a Jacobo Lázare, o fundador da tenda en liña DiscoAzul.com e que nos últimos meses lanzou a plataforma de compra-venda a través da Internet BiboBido.com, de xeito que este emprendedor lugués dará conta dos retos que supón o comercio electrónico en Galicia.
Lázare xa participou nas anteriores convocatorias de Iniciador Galicia coma patrocinador, polo que o seu compromiso con estas xornadas participativas, nas que pretenden que emprendedores e interesados no sector tecnolóxico poidan dialogar sobre cómo superar os atrancos que van xurdindo na aventura empresarial, está máis que confirmado.
A asistencia ao evento é gratuíta, aínda que agradecen a inscrición por correo electrónico ou a través de Facebook.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
O futuro dos medios na rede debátese en Santiago
A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organiza o próximo martes en Santiago a xornada 'Presente e futuro da prensa escrita e a televisión', no que directivos de diversos medios de comunicación analizarán as "claves" do novo modelo de negocio en prensa e televisión.
O acto, que se desenvolverá no hotel Porta do Camiño dende as 9.15 ata as 19.30 horas, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios de la Xunta, a Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia (DirCom Galicia) e o Cluster Audiovisual Galego.
Segundo destacou a APD hoxe, o encontro busca "explorar as claves do novo modelo de negocio, xurdido a raíz da xeneralización de internet e os cambios nos patróns de consumo da información e o entretemento".
Así, directivos de medios de comunicación e de diversas empresas vinculadas ao sector "afondarán nas causas e consecuencias" do "punto de inflexión" en que se atopan as empresas de comunicación, que indicou que "foi motivado" pola crise global e a revolución dixital.
Os asistentes ás charlas analizarán o impacto que están a causar estes cambios, "tanto na organización operativa interna dos medios, coma nas súas contas de resultados".
O director xeral de APD Noroeste, Santiago Sesto, e o vicepresidente de DirCom, Manuel Vázquez, inaugurarán a xornada xunto ao secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, ás 9.30 horas.
A continuación, o especialista en tecnoloxía, información, comunicación e entretemento de PricewaterhouseCoopers, José Antonio Ortega, tratará o valor da marca no futuro dos medios de comunicación.
Tras a súa intervención, a xerente do Cluster Audiovisual Galego, Carla Reyes, moderará o debate 'A televisión dixital en España. Horizonte 2010', con tres bloques temáticos.
O primeiro deles centrarase na nova regulación do sector e contará coa participación da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; o director de TVE en Galicia, Xabier Fortes; o secretario xeral de Unión de Televisións Comerciais Asociadas (Uteca), Jorge del Corral; e o directivo de Academia TV, Florencio Carrera.
O segundo, pola súa parte, sobre o apagamento analóxico e a televisión de pagamento, terá como protagonistas o presidente de Impulsa TDT, Eladio Gutiérrez; o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Albertis Telecom, Josep Ventosa; o director xerente de Retegal, Jesús García Porto e o director xeral de Estratexias de Televés, José Luis Fernández.
Ás 12.45 comezará o terceiro e último bloque, no que o xerente de R, Antonio Rodríguez; o director da área audiovisual da Corporación Voz de Galicia, Carlos Carballo; o director xeral de Popular Televisión, Rafael Ramos e a delegada en Galicia de Filmax, Inmaculada Castiñeiro, falarán sobre os contidos no novo contexto audiovisual e a segmentación de audiencias.
A sesión da mañá pecharase coas intervencións dos directores de Soitu, Gumersindo Lafuente, e de Xornal.com e Xornal de Galicia, Xosé Luis Gómez. Ambos os dous serán moderados polo responsable en Galicia de PricewaterhouseCoopers, Juan Carlos Maneiro, para charlar sobre 'Os medios dixitais. Novos modelos de negocio'.
O debate retomarase ás 16.30 horas co tema 'Reformulación e respostas ante a contracción do mercado publicitario. Modelos alternativos de negocio', co presidente de Ecovigo, Carlos Prado; o director xeral de Eloxia Media, Rubén López; e o conselleiro delegado de Consultoría Empresarial de Comunicacións, Matías Branso.
'A prensa escrita: crise e supervivencia. Novos modelos de negocio' e 'Medios impresos: outros modelos de negocio' completan o programa.
22/9/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
A edición dezaseis da Arroutada Party ofrecerá catro xornadas de rede ininterrompida
A Arroutada Party vai camiño de converterse nun clásico dos maratóns informáticos e non xa a nivel galego. De feito, os encontros redeiros que superasen a liña psicolóxica da 10ª edición e seguisen dando sinais de vitalidade cóntase arestora cos dedos dunha man. Pois ben, a Arroutada Party hai tempo que deixou ese límite atrás: os seus organizadores están a preparar xa a 16ª convocatoria e non queren que a ninguén se lles escape a importancia do dato. E non é un dato calquera, posto que a Arroutada Party comezou a súa andaina só un lustro despois de que esa cousa chamada Rede comezase a ser un pouco coñecida. Con este motivo, contan, haberá máis actividades ca nunca, dende concursos de todo tipo a mesas redondas, relatorios, exposicións, obradoiros, torneos e sesións de xogos.
O lugar no que estamos citados: o Coliseum da Coruña. Por certo que serán catro días (do 9 ao 12 de outubro), nada máis e nada menos, de actividade internauta ao servizo dos seareiros das novas tecnoloxías da información.
Todo isto significa (entre outras cousas) o seguinte: que falta ben pouco para que se abran as portas do encontro, e que os que desexen acudir, en calquera dos formatos dispoñibles (formato de seareiro en xeral ou formato de internauta inscrito-participante), cómpre que estean atentos. Detrás da xuntanza está a Asociación da Mocidade Informática Galega (AMIGA), que facilitará a conexión a Internet para unhas 1.500 persoas ao longo dos devanditos catro días.
Polo que respecta aos asistentes, disporán dunha rede local para interconectalos (a eles e aos restantes internautas) así como dunha conexión de alta velocidade.
Asemade, e xa que a Rede non só se navega, senón que tamén se fala e se debate, terán a posibilidade de intervir nun amplo abano de actividades que van dende os relatorios, as mesas redondas e as exposicións até a posta en longo de todo tipo de produtos, concursos, xogos e proxeccións videográficas. Amais disto e sen saírmonos do programa de contidos da Arroutada, dicir que haberá tamén sesións divulgativas arredor do software libre e do movemento Scene, fronte social de artistas do eido da informática presente durante as catro xornadas en que se vai desenvolver o evento.
No tocante á extranet, unha das áreas máis visitadas polas persoas alleas á party en si, este ano estará composta por varias consolas con xogos, un futbolín, unha mesa de ping-pong e varias mesas con cartas, sobre todo con vistas a que os participantes “poidan descansar un pouco de tanto ordenador e consigan un anaco de lecer”.
Co obxectivo de que todo saia o mellor posible, a asociación AMIGA conta co apoio dunha importante listaxe de institucións e empresas: o Concello da Coruña, IMCE (responsable da xestión do propio Coliseum), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática), a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o operador R, Microsoft, Xbox 360, Dynos Informática, Cisco Systems, Antec, TakeMS ou Hauppauge, entre outras.
A xuízo da organización, falar de Arroutada Party non é falar de calquera reunión máis ou menos concorrida de internautas: “O noso maratón é un paradigma da influencia da informática na sociedade galega. No intre do seu comezo, en 1995, conseguiu reunir a preto de cen persoas cos seus respectivos computadores e a máis do dobre desta cifra no que respecta a visitantes en xeral, e todo isto nuns tempos en que as redes aínda estaban a arrincar no seu espallamento mundial”.
18/9/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Vigo acollerá unhas xornadas do programa Empresas en Rede
A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a través da entidade pública empresarial Red.es, desenvolve en Vigo o programa Xornadas Empresas en Rede. Esta iniciativa englóbase nun proxecto que consiste en sesións de traballo de sensibilización e promoción do uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) entre pemes, micropemes e autónomos de toda España até decembro de 2009.
Este Programa, xunto co programa NEW -Ningunha Empresa sen Web- enmárcase na liña de capacitación TIC a pemes do Plan Avanza2 a través do programa marco Empresas en Rede e está cofinanciado con fondos FEDER.
Xornadas Empresas en Rede é un Programa de sensibilización tecnolóxica no que se mostra ás pemes como incrementar a súa rendibilidade, reducir custos e aforrar tempo na súa xestión diaria a través da aplicación das TIC. En Vigo o programa Xornadas Empresas en Rede arrinca o vindeiro martes 15 de setembro. Estas sesións de traballo realizaranse a partir das 12:00 e até as 16:00 horas no Hotel Tres Luces, na rúa Cuba, 19.
Os empresarios da provincia de Pontevedra que o desexen xa poden inscribirse para participar a través da páxina web www.jornadasempresasenred.es e do teléfono 902 012 094. O programa Xornadas Empresas en Rede conta coa participación do BBVA, Hewlett-Packard, ICG, Intel, Orange, a Asociación de Novos Empresarios (AJE) e Servipyme como empresas colaboradoras.
9/9/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
A lingüística e o software libre, a exame en Compostela
A oferta formativa de verán da Oficina de Software Libre da USC aínda non dixo a súa derradeira palabra para este 2009. Sen ir máis lonxe, o departamento da Universidade de Santiago máis fondamente vinculado á promoción da programación aberta ten ultimada para os vindeiros 21, 22, 23 e 24 de setembro unha actividade encamiñada a salientar os froitos da breve (relativamente) aínda que frutífera relación entre usuarios e deseñadores de código aberto e investigadores da lingua. O curso, oficialmente chamado O Software Libre e a Lingüística, xorde cos seguintes obxectivos: dar a coñecer aspectos senlleiros da informática aplicada á lingüística e á tradución, ferramentas de normalización e para a tradución asistida, recursos para a aprendizaxe a distancia, e datos completos sobre o papel da Universidade na investigación lingüística, entre outros temas.
A iniciativa vai dirixida ao público xeral, se ben resultaralles de especial interese a aquelas persoas que académica ou persoalmente están ligadas a proxectos de tradución e investigación lingüística. Esta actividade en concreto está inscrita no marcos dos Cursos de verán da USC que promove a Vicerreitoría de Cultura.
Grazas á actividade, os asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia e para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecíbel como 1 crédito de libre configuración.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Xornada sobre a innovación en Vilagarcía de Arousa
No ámbito da 1ª Semana Europea das PEME a Fundación CEER (ente formado polas universidades públicas de Galicia e o norte de Portugal) organiza as xornadas de traballo As 5 W’s da innovación, evento dirixido a empresarios, profesores e alumnos do ensino superior, persoal das Cámaras de Comercio, empresas e asociacións empresariais, axentes de desenvolvemento local e outras persoas interesadas, que contarán coa participación de representantes das oficinas de innovación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, UTAD, Minho e Porto, para informar do papel das universidades como xeradoras de coñecemento e innovación.
7/5/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Cambred, a party tecnolóxica de Cambre
O Pavillón Municipal do concello coruñés de Cambre acollerá os días 8, 9 e 10 de maio o evento Cambred 09, que segundo se anuncia en http://www.cambred.gxic.org "son unhas xornadas tecnolóxicas nas que durante tres días poderás participar en diferentes actividades relacionadas coa informática, á parte de entreterte coas últimas novidades do lecer dixital. A organización desta concentración corre a cargo da Concellería de Xuventude do Concello de Cambre e das asociacións xuvenís GXiC e Axoi". As persoas que participen nas xornadas poderán probar distintos xogos informáticos.
29/4/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Melide celebra a súa I Semana do Software Libre
A vila de Melide celebra estes días a súa I Semana do Software Libre, comezando este luns cunha charla no Instituto de Ensino Secundario local para que os mozos de 4º da ESO e 2º de Bacharelato puidesen coñecer mellor o mundo do Software Libre e o sistema operativo Galinux (do que se lles regalou unha copia), continuando na xornada de mañá cunha presentación aos membros da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) ás 20:30 horas, aos que se lles darán a coñecer aplicacións de Software Libre para a oficina e, especialmente, solucións de facturación e contabilidade, centrándose no ERP Abanq (antes coñecido coma Facturalux) grazas á colaboración de José Limeres (da arousá BoroTelecom) coa organización do evento, a nova Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide (MeLISA) que terá na fin de semana a súa posta de longo, xa que contará cun expositor na V Foliada de Melide.
Durante esta celebración, a Asociación presentará a súa nova páxina web e tamén presentará Galinux, completando as súas actividades cunha zona de xogos infantís, a demostración do simulador Flightgear, talleres GNU/Linux… permitindo que os visitantes poidan achegarse a este mundo.
22/4/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Software Libre, Xornadas
A SITE de Lugo inaugura mañá o seu Proxecto EmprendeTIC 2009
A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial (SITE), dentro do seu Proxecto EmprendeTIC 2009, deseñou sete xornadas demostrativas de temática variada co firme obxectivo de achegar aos emprendedores/as e novos empresarios/as as tecnoloxías da información e comunicación dispoñibles neste momento no mercado.
Á hora de confeccionar o programa pretendeuse dar unha orientación eminentemente práctica ás xornadas, tanto no que se refire aos contidos elixidos, coma aos relatores designados para impartilos. Aos temas máis usuais de constante demanda polos empresarios como a mercadotecnia tecnolóxica, a xestión documental e o comercio electrónico, quixéronse engadir outros que se consideran de grande interese pola súa repercusión social, como a que versará sobre "NTIC e discapacidade", a que se centrará nas NTIC no medio rural e a que estudará as denominadas web 2.0.
Dentro das accións puramente formativas, a Fundación CEL-Iniciativas por Lugo desenvolverá seis obradoiros titorizados, cos que de forma individualizada, ou en pequenos grupos homoxéneos, os usuarios poderán, en espazos curtos de tempo axeitados ás súas xornadas, solucionar dúbidas sobre o manexo do hardware e software, as oficinas en rede, as copias de seguridade e o manexo e aproveitamento do xestor de correo, así como asesorarse noutras materias relacionadas coas TIC que supoñan unha mellora de proceso nas súas empresas.
Todos os obradoiros levaranse a cabo ininterrompidamente do 15 de maio ao 15 de novembro de 2009 (con axenda concertada), deixando o mes de agosto de descanso.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Xornadas en Santiago
O programa de actividades informativas da Cámara de Comercio de Santiago conta cunhas xornadas sobre as vantaxes de facer mercado no dixital promovidas en colaboración con Camepyme. As xuntanzas, presentadas baixo o lema Plantexamento da empresa tradicional en Internet (aquí) contarán coa presenza dun bo número de especialistas no eido dixital e máis concretamente en experiencias concretas de éxito na Sociedade da Información para empresas de toda índole e tamaño. Ese será precisamente o cometido do grupo de expertos reunidos en Santiago o mércores 22 de abril: dar conta polo miúdo perante as firmas da cidade das vantaxes múltiples de estar na Rede.
A xuntanza, que se desenvolverá a partir das 9.30 horas na sede da Cámara, incluirá un amplo abano de temas tecnolóxicos e informáticos a tratar. Así, a mañá dará acubillo a pormenorizados debates sobre os beneficios de ter unha páxina web propia e de levar a cabo unha actividade de promoción en liña. Asemade, está previsto tocar a fondo temas como a tramitación ou sinatura electrónica, o posicionamento en buscadores ou as vantaxes de pór en marcha unha iniciativa comercial en Google.
16/4/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
IX Xornadas Sobre Software Libre
O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux organiza, por novena ocasión, as Xornadas sobre Software Libre, na Facultade de Informática de Coruña.
Seguindo a tradición en GPUL, estas xornadas son unha oportunidade para compartir experiencias e coñecementos adquiridos polos poñentes, sobre temas variados que van dende a administración de sistemas á edición de partituras, coa comunidade universitaria, aficionados e profesionais.
Este ano terán lugar un total de 13 ponencias nestas xornadas organizadas pola nosa asociación.
E coma sempre, o acceso é libre, soamente limitado polo aforo e darase un certificado de asistencia as persoas que o soliciten.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Blusens organiza este venres un encontro para blogueiros
A empresa galega Blusens terá este venres unha xornada de portas abertas para diversos profesionais dos medios de comunicación dixitais de todo o país co obxectivo de darlles a coñecer, de primeira man, algún dos segredos mellor gardados pola súa sede de I+D no Polígono de Costa Vella en Santiago de Compostela. Máis polo miúdo, a expedición estará constituída por blogueiros especializados no eido das tecnoloxías do lecer procedentes de todos os recantos de España, que comezarán a súa xornada compostelá no edificio da sede central (CNL) da compañía galega (onde serán recibidos por José Ramón García, CEO de Blusens, e Miguel Silva, vicepresidente executivo) para logo trasladárense ao emprazamento da innovación Blusens propiamente dita: o edificio CST.
A chegada a esta sede, prevista para as 10.00 horas, terá continuidade con diversas visitas guiadas, actividades e demostracións baseadas en produtos presentes e futuros da compañía. Máis en detalle, está programados encontros coas seccións de Marketing e I+D+i ou explicacións pormenorizadas sobre as funcionalidades do sistema Blubrain (concepto, aplicacións, hardware, software, etc).
26/2/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Blogs, Novas Galiza, Tecnoloxía, Xornadas
Integración do turismo rural e activo na sociedade da información
AGADER PRESENTA O PROXECTO INTEGRACIÓN DO TURISMO RURAL E ACTIVO NA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN DIRIXIDO A CASAS DE TURISMO RURAL E EMPRESAS DE TURISMO ACTIVO
Agader lidera o proxecto "Integración do turismo rural e activo na sociedade da información", co obxectivo de obter un produto adaptado ás necesidades de cada casa de turismo rural e empresa de turismo activo. Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Avanza (2006-2010) para o Desenvolvemento da Sociedade da Información e a Converxencia con Europa e entre as Comunidades Autónomas.
A participación nesta iniciativa é totalmente gratuíta para as casas de turismo rural e as empresas de turismo activo.
25/2/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
AGESTIC e Xóvenes Agricultores comezan esta semana a súa xira para a promoción da Rede no rural
O programa Impulso Rural que na nosa terra están a desenvolver AGESTIC e Xóvenes Agricultores chegou esta semana a unha fase crucial da súa aplicación práctica: a xira de espallamento dixital polos eidos da nosa xeografía máis afastados das grandes cidades. A iniciativa, que se vai desenvolver entre xaneiro e marzo e que conta co apoio do Ministerio de Industria, inclúe 60 accións formativas noutras tantas localidades das nosas catro provincias. O obxectivo: fomentar fóra das grandes cidades a aposta pola Sociedade da Información, plena de vantaxes para absolutamente todos os sectores económicos e sociais do rural: até para os teoricamente máis afastados da cousa dixital. Máis polo miúdo, o que se pretende é afianzar os usos das redes da información na xestión das explotacións agro-gandeiras, cooperativas, empresas autónomas, negocios turísticos ou teletraballo.
29/1/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
A Coruña acolle unha xornada sobre comercio electrónico para empresarios
O vindeiro xoves 29 de xaneiro, terá lugar na Coruña, unha xornada sobre comercio electrónico, que organiza AECEM para fomentar o emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na nosa comunidade.
O crecemento do comercio electrónico en España é, a pesares da crise económica que estamos a sufrir, unha proba da fortaleza da canle en liña e a súa importancia para o futuro da nosa economía.
A Asociación de Comercio Electrónico e Marketing Relacional (AECEM), vén de anunciar, a propósito disto, a celebración da devantida xornada, que reunirá a empresarios locais nunha serie de seminarios que versarán sobre o mercado en liña, os produtos máis demandados na web, os elementos dunha tenda electrónica, os medios de pago…
Esta mesma actividade terá lugar noutras 10 cidades españolas, o que permite que os profesionais interesados poidan achegarse persoalmente e coñecer, da man de expertos especializados, as ferramentas necesarias para comezar a operar a través de Internet.
Os empresarios galegos poderán beneficiarse o vindeiro xoves deste programa, intercambiando experiencias e familiarizándose coas TIC de xeito natural. A xira complementarase coa publicación dun Libro Blanco do Comercio Electrónico, unha guía práctica de balde para pequenos empresarios.
27/1/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas