Mostrando entradas con la etiqueta Concursos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concursos. Mostrar todas las entradas

En marcha un certame de fotografía na Rede para celebrar o Día Mundial da Auga

O vindeiro 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga e a Rede xa comeza a tomar posicións sobre este importante evento. E máis aínda se temos en conta a gravidade do cambio climático que xa comezou e o descontrol que está a sufrir no mundo o ciclo da auga por mor do quecemento da Terra, con países como o noso onde definitivamente chove de máis e outros como Kenya onde levan case cinco anos sen ver caer unha pinga do ceo. Volvendo ás iniciativas da Rede, sinalar que a problemática está presente en blogs como Ecologismo.com e Fotografia.net, dous espazos onde (segundo informan os seus responsables directos) se quere mobilizar á comunidade internauta para que caia na conta da importancia da auga e a súa calidade, co fin de contribuír á conservación do medio e do benestar social.

Así, dende os devanditos portais, pertencentes á rede Ocio Networks, veñen de pór en marcha o concurso de fotografía A auga é vida para celebrar o 22 de marzo, efeméride que este ano se dedica á calidade da auga co fin de demostrar que esta é tan importante como a calidade á hora de xestionar os recursos hídricos.

O certame, que xira arredor da auga como temática principal e unificadora (auga como fonte de vida, procedente de océanos, ríos ou lagos), fica xa aberto a tódolos internautas que queiran participar.

O único requirimento que se lles pide é que lle fagan chegar á organización do certame un máximo de tres fotografías en formato electrónico a través do seguinte enderezo: comunicación@dmdima.com. O prazo de recepción dos traballos remata o vindeiro 21 de marzo. Os gañadores daranse a coñecer ao día seguinte.

Para a elección da imaxe gañadora non só se terá en conta a calidade da fotografía, senón tamén a súa capacidade para reflectir a importancia da calidade da auga como achega a prol da conservación dos ecosistemas sans. O premio a recibir non será outra cousa que un ecosistema en miniatura, o que se coñece como ecoesfera, un desenvolvemento dos científicos da Nasa que constitúe o primeiro sistema de equilibrio natural autosuficiente e pechado.

Eganet abre o prazo de candidaturas para os seus sextos premios

A asociación de empresas dedicadas á internet incorpora este ano un novo premio ao mellor ambiente laboral. Entregaranse o 15 de decembro.

A Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet (Eganet) acaba de abrir a convocatoria da sexta edición dos seus premios anuais. O prazo remata o 13 de novembro, mentres que a entrega de premios está prevista para o 16 de decembro en Compostela.

A presentación de candidaturas, en nove categorías, pódese facer cubrindo o formulario incluído na web da entidade. Segundo Eganet, os premios son unha plataforma de lanzamento para as empresas do sector e un xeito de achegar a Sociedade da Información e do Coñecemento á cidadanía, por representaren o acto anual de maior repercusión para o sector TIC do país.

Poden postularse empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos ou calquera organismo con sede social en Galiza que realicen proxectos no campo das TIC. As categorías, ademais do premio especial de Eganet, son E-Emprendedores, Cultura Dixital, Software Libre, Tecnoloxía Accesíbel, Comunicación Web, Publicidade Online, E-Commerce, Mellor Aplicación Online e, como novidade, Mellor Ambiente Laboral.

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións premiará as mellores webs .es

Con motivo do 20 aniversario da existencia dos dominios .es, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de Rede.es, convoca un concurso para premiar as mellores webs .es das últimas dúas décadas.

O obxectivo é galardoar as webs máis notorias dos últimos 20 anos, con maior repercusión mediática, número de seguidores e un contido actualizado, atractivo e de calidade. Así mesmo, preténdese recoñecer as entidades ou empresas que consigan, a través da súa web baixo o dominio .es, un incremento do seu posicionamento, prestixio ou vendas. Do mesmo xeito, tamén se premiaran aquelas persoas físicas que sexan titulares de webs .es destacadas.

Os aspirantes poden presentar as súas candidaturas até o próximo 9 de outubro ás 12 horas, enviando ao correo electrónico lasmejoreswebs@dominios.es a documentación que se solicita nas bases, que pode descargarse desde a web www.dominios.es ou ben solicitalas a través do teléfono 902 010 755.

Os premios entregaranse no transcurso da terceira edición de FICOD (www.ficod2009.es), que se celebra do 17 ao 19 de novembro en Madrid.

Vacacións dixitais


A partires do día 14 de setembro ábrese o prazo de participación para o concurso de fotografía “Vacacións Dixitais”.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta o concurso de fotografía “Vacacións Dixitais”. As bases deste son as que seguen:

Obxectivos
1. Promover o emprego das Novas Tecnoloxías.
2.Fomentar o uso das cámaras dixitais.
3. Fomentar a creatividade.
4. Fomentar o uso do correo electrónico, como unha vía máis de comunicación rápida e efectiva.

Descrición
Descubrir novos lugares sempre é un pracer, compartir eses lugares visitados é o que propón este concurso de fotografía. Se este verán viaxaches e visitaches algún lugar interesante, exótico, con fermosas paisaxes, interminábeis praias, grandiosos monumentos... participa no concurso enviando unha fotografía dese lugar. A mellor de todas aquelas que recibamos será a gañadora do concurso.
A fotografía debe ir acompañada dunha pequena descrición das vacacións.


Normas
1.As fotografías deben ser orixinais, exclusivas do autor.
2.Admitiranse fotos en cor e en branco e negro.
3.A fotografía e a descrición deben ser enviadas ao seguinte enderezo: rebeca.betanzos@dinamiza.sociedadedainformacion.eu antes do día 14 de outubro xunto cos datos persoais do autor/a (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto, enderezo de correo electrónico)
4.Calquera fotografía que non reúna estas condicións non se admitirá.
5.A fotografía será publicada no blog: www.betanzosdinamiza.blogspot.com
6.Tódalas obras presentadas quedan en poder dos organizadores, podendo publicalas no xeito que consideren convinte, figurando sempre o nome do autor/a.
7.A participación neste concurso significa a aceptación total das bases.
8.O xurado poderá considerar desertos os premios.

Participantes
Poderán participar tódalas persoas que así o desexen sen límite de idade.

Datas
O período de participación para o concurso “Vacacións Dixitais” empeza o día 14 de setembro e remata o día 14 de outubro. Non se admitirán obras fóra dese prazo.

O fallo do xurado darase a coñecer a partires do día 16 de outubro no seguinte enderezo: www.betanzosdinamiza.blogspot.com

Premios
Haberá un único premio á mellor fotografía. O fallo será inapelábel.

Os premios consistirán na entrega dun lote de productos da Rede de Dinamización.

Concurso de Fotografía Dixital “Galicia e literatura”

Obxectivos e repercusión

1. Mobilizar cunha iniciativa atractiva e sinxela ao conxunto da poboación do Concello.
2. Fomentar o uso das cámaras dixitais como instrumento tecnolóxico cotiá cada vez máis común entre a poboación.
3. Fomentar o uso do correo electrónico como unha vía máis de comunicación rápida e efectiva.
4. Dar a coñecer a Rede de Dinamización.
5. Fomentar a creatividade

Descrición:

Con motivo da celebración do 17 de maio a Rede de Dinamización pon en marcha este concurso de fotografía para que todas aquelas persoas que o desexen participen nesta iniciativa lúdica e creativa.

Trátase de enviar unha fotografía dixital que exprese a súa opinión sobre a literatura galega. Deben envialo ao email da dinamizadora tendo como data límite o 28 de maio.

PARTICIPANTES

Poderán participar neste concurso todas as persoas que o desesen calquera que sexa a sua nacionalidade e residencia.

OBRAS FOTOGRAFICAS

Cada participante poderá presentar ate 2 fotografías en formato JPG e de dimensións mínimas, en píxeles de 600 x 800 , e non deberá superar os3 Mb. de carga.

Deberan ter título e ser orixinais e exclusivas do autor. Cada participante debe ser autor e propietario dos dereitos de autor da fotografía que presenta. Os participantes debenránresponder ante as reclamacións de autoría que poidan formular terceiras persoas con respecto a isto.

Todas as fotografías deben respectar o dereito á intimidade das persoas e á propia imaxe de acordo coa lei orgánica 1/1982, do 5 de marzo, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe.

Calquera fotografía que non reúna estas condicións non será admitida no concurso.

INSCRIPCIÓN E ENTREGA DAS FOTOGRAFIAS

A entrega das fotografías farase correo electrónico a rebeca.betanzos@dinamiza.sociedadedainformacion.eu incluindo os datos personais do participante ( nome, apelidos, direccion, teléfono de contacto e correo electrónico ) e o título da fotografía.

CALENDARIO

Envio das fotografías: Do 12 de Maio ata o 28 de Maio

Publicación das persoas gañadoras: a partir do 29 de Maio

O xurado do concurso pola dinamizadora S.I

PREMIOS

O premio consistirá en diverso material da Rede de Dinamización

ACEPTACION

A participación no concurso implica a aceptación das bases e da votación popular.

EXPOSICIÓN DAS OBRAS

As obras serán colgadas no blog

www.betanzosdinamiza.blogspot.com

Para mais información contacte co dinamizador/a: Rebeca Sánchez Andrade

Publican os gañadores dos Premios Webby

Un ano máis dáse a coñecer a listaxe de gañadores dos Premios Webby, que nesta 13ª edición contou con preto de 10.000 candidaturas de 60 países de todo o mundo para designar gañadores de preto de 70 categorías, entre as que predominan espazos totalmente descoñecidos para o público español. Poderiamos destacar ao británico The Guardian coma o mellor xornal, a BBC coma mellor web de novas, Club Penguin coma o mellor xogo, Flickr como a mellor comunidade e Digg coma mellor web social.

Concurso


Desde a Asociación Comunidad de Telecentros y Redes de Telecentros
acaban de pór en marcha o concurso *INTERNET Y TELECENTROS: UNA
OPORTUNIDAD PARA LA CRISIS ECONÓMICA.

*Para participar, en
http://www.comunidaddetelecentros.net/diainternet2009/ están todos os
detalles, sendo os máis destacados:

* *Proxecto ou idea*: hai dúas categorías de participación,
dependendo do desenvolta que estea a concepción da oportunidade
que oferta a Rede.
* *Máximo tres *proxectos ou ideas por participante.
* *Prazo do concurso *do 17 ao 13 de xuño.
* *Prazo votación* (on-line) do 14 ao 21 de xuño.
* *Gañador*: o 22 de xuño ás 17.00 h.

Rei Zentolo, gañadora duns dos premios ás mellores webs galegas

A iniciativa, organizada pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, escolleu a Jujel.es, o clon galego do buscador Google, como mellor web informativa. Nesta categoría, o portal de envío de novas Chuza! quedou segundo e a web do diario Xornal de Galicia terceiro.

Na categoría de mellor web empresarial o gañador foi Rei Zentolo, a empresa de venda de camisetas cos slogans galegos. Rei Zentolo venceu os outros candidatos, o Bar Aturuxo e Gadis, pola web da súa campaña de Vivamos como Galegos.

Blogaliza, o servizo de aloxamento e promoción de blogs en galegos, triunfou na categoría de páxinas culturais, diante de Flocos.tv e do portal do Festival de Cans, ambas as dúas adicadas ao audiovisual.

No eido das páxinas musicais gañou o Consello da Cultura, coa canle especializada MEGA. Detrás ficaron a web Galiza Electrónica e do sello discográfico A Regueifa Plataforma. O Consello da Cultura tamén gañou entre os portais institucionais.

'Vespadicto', unha bitácora sobre a recuperación destes vellos modelos de motocicletas, é a vencedora na categoría de blogs. No segundo lugar quedou 'Apocalipse do porco' e en terceiro 'Malmequer'. Por último, entre as páxinas das axencias de publicidade a gañadora foi Mabel Aguayo.

Lingua de amor 09


Lingua de amor

Envía as túas cancións ou declaracións de amor en galego e poderás gañar estupendos premios!

O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, presenta a terceira edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico.

Un dos principais obxectivos de Lingua de Amor é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros... O galego é unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión, perfectamente válida para a música. O galego ábreche as portas á hora de coñecer xente, de facer amigos e... por que non? Tamén para formar parellas!

Para poder participar neste concurso debes seguir os pasos seguintes:

1 Rexístrate: debes cubrir o formulario de rexistro. Recorda que todos os campos son obrigatorios.

2 Ingreso: para poder acceder á túa conta, debes introducir o enderezo de correo e mais o contrasinal co que te rexistraches. No caso de xa estares rexistrado/a pero non recordas o correo electrónico co que te rexistraches ou o contrasinal de acceso, envíanos un correo a linguadeamor@cxg.org indicando o teu nome, apelidos e DNI e facilitarémosche os datos de acceso.

3 Unha vez que entraches na túa conta, na banda da esquerda preme sobre "engadir declaración" ou sobre “engadir audio”.

- O número máximo de caracteres para as declaracións é de 350 (con espazos incluídos) e cada participante poderá escribir un máximo de dúas declaracións.
- Para a modalidade de cancións non hai ningún máximo establecido.

4 Lista das miñas declaracións /lista de audio: nestes apartados poderás ler as declaracións ou escoitar as cancións coas que participas neste concurso.

5 Dende a túa conta persoal, no apartado "Datos usuario", poderás actualizar e modificar os teus datos sempre que o consideres oportuno, así como o teu correo electrónico e o contrasinal.

O concurso Lingua de Amor está divido en dúas categorías: declaracións e cancións.

Os premios divídense do xeito seguinte:

Modalidade 1: declaracións de amor en galego a través da rede

Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Un ordenador portátil
2.º Unha videoconsola PlayStation3
3.º Un Ipod

Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Un ordenador portátil + unha cea para dúas persoas
2.º Unha videoconsola PlayStation3 + unha cea para dúas persoas
3.º Un Ipod + unha cea para dúas persoas

Ademais, todas as persoas premiadas recibirán un lote de libros en galego.

Modalidade 2: cancións de amor en lingua galega

1.º Un ordenador portátil + unha fin de semana nunha casa de turismo rural
2.º Unha videoconsola PlayStation3 + unha fin de semana nunha casa de turismo rural
3.º Un Ipod + unha fin de semana nunha casa de turismo rural

O prazo para participar permanecerá aberto ata o 10 de maio de 2009.

O prazo para as votacións será do 11 ao 17 de maio.

Vieiros pon os untos a ferver


Volve Ferve a Rede, o certame de microrrelatos eróticos para poñer a rede a ferver, para andar pinachos e pinachas, chocas e chocos, axaneirados todos e todas agora que chega a primavera. O pasado ano recibimos case que trescentos relatos en catro semanas, textos necesariamente curtos pero intensos: máis ou menos eróticos, máis ou menos porcos ou humorísticos, tranqueiros e retranqueiros. O relato gañador, Mírote, valeulle a Mercedes Folgueira unha viaxe a Venecia.

Nun vaivén de suor núa, alzo a mirada para te ollar mellor.
Quéresme? Disme docemente.
Eu arqueo as cellas...
...nunca souben falar coa boca chea.

Este ano mudamos a Venecia do sur pola Venecia do norte, a feiticeira Bruxas, cruzada tamén por canais e cun centro histórico declarado patrimonio da humanidade. Ademais, entre todos aqueles que participen sortearase unha estadía dunha fin de semana en Amarante, á beira do río Támega. Mudamos os premios, e tamén aumentamos a extensión máxima dos relatos (pasamos de 550 a 690 caracteres con espazos), para deixarlle máis lugar á vosa imaxinación. Polo demais, o concurso é o mesmo e o obxectivo tamén. Incitarvos a dar coas imaxes máis eróticas que poidades, coas verbas que poñan a ferver a quen as escoite ou as lea. Algo conseguimos o pasado ano. A lingua hai que empregala en todos os lugares, e hai que saber usala.

Bruxas, a máis fermosa cidade flamenca, ben vale un relato. Flandres, espazo de desamor na literatura medieval (é o lugar que na tradición occitana separaba a Guillem da súa namorada, Flamenca). A través do soño o noso Cunqueiro xunta aos amantes de volta no seu poema Dona Flamenca, publicado en Herba aquí ou acolá, o libro que leva décadas sendo fonte ineludíbel para quen faga por ver se son como dicían os poetas a lúa, o lume, os espellos. O libro do feitizo.

Dona Flamenca (Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou acolá)
Alguén que vén coa noite a preguntarme
por ti, e ensinarme quere a túa torre
que eu soamente maxinei e nunca vin
e que te pecha, oh Flamenca de meu!
acolá lonxe, mais aló dos montes.
Pro prefiro seguir o fío do meu soño
que é un prado verde cunha pomba branca
e o áer cheo de fitas de cores
e don Galaz me leva da man onde sorrís
como a Xinebra levou a Lanzarote,
e bícote na luz, que se desfai en rosas,
Ab cest baiser mon cor vos liure,
dices, e todo o que é vidro quebra,
caen das ponlas as mazás ao chan,
baixan as estrelas a beber nas fontes
e as rulas da mañán póusanse nos lombos
dos cervos que veñen dende o mar
de escoitar o enorme silencio das sereas.
E eu dígoche que en vez do meu o teu corazón tomo.
Flamenca, como cortesa,
vaise co fino amor sob o arco-da-vella,
e déixamos pra mañán a carne e o que é dela.
Cando esperto e sallo ao mundo,
a xente dime qué me pasa, que teño outra sorrisa.
¡O teu bico, Flamenca, que florece!

Convócase o sétimo premio Galicia Innovación Júnior


Este luns, o Diario Oficial de Galicia publica as bases do sétimo Premio Galicia Innovación Júnior, convocado pola Consellaría de Innovación e Industria. O certame premiará os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que acheguen solucións innovadoras a situacións cotiás e se interesen polo coñecemento científico e tecnolóxico.

O prazo para a presentación de propostas remata o 14 de marzo. Haberá dúas categorías: de 12 a 15 e de 16 a 18 anos, e poderán participar tanto candidaturas individuais como grupos de até tres persoas. Deberanse presentar memorias coa descrición da proposta, os seus destinatarios, a súa utilidade social e o xeito de levala a cabo. O xurado valorará a orixinalidade, a aplicación, a innovación e o grao de desenvolvemento do produto.

As persoas autoras dos traballos gañadores recibirán un ordenador portátil e un lote de material divulgativo, mentres que o segundo premio será un ordenador portátil. Tamén se entregarán mini-portátiles para as propostas que merezan un accésit. Se se acredita a participación do profesorado no traballo, o docente levará como premio un Tablet PC.

Na pasada elección presentáronse 168 candidaturas. Como novidade, este ano só se poderá efectuar a inscrición a través da aplicación telemática situada en www.xunta.es/presentacion-electronica, clicando no procedemento IN822C.

Máis información sobre a convocatoria na web de galiciainnovacion.com e no propio DOG. As persoas interesadas poden inscribirse no servizo de novas para recibir información no teléfono móbil sobre o concurso. Ademais, entre todas as inscritas sortearase un reprodutor de MP3 Apple iPod nano de 8 Gb.

A web sobre unha moza que quere operarse o peito, gañadora do certame Hazruido


Ter éxito na Rede require ter bo ollo para detectar aquilo que a xente quere ler. Neste senso, o traballo en cuestión ten un aquel de psicoloxía e coñecemento fondo dos gustos do ser humano: cómpre empregar certo tempo en ver cales son as novas que máis se len. Premiar este sexto sentido á hora de propagar andazos informativos na Internet é o gran obxectivo de Alianzo e Strands a través do seu concurso Hazruido, . Máis polo miúdo, a idea é recoñecer o mellor labor do ano nunha tarefa cada vez máis dura: o posicionamento en Google. O obxectivo dos participantes, que para este caso concreto constitúen algo así como un obradoiro de reclamos en liña, é facer que a primeira páxina que devolve Google un día concreto a unha palabra inventada sexa a súa. Sinalar que este ano o termo inventado foi comunicactivo, e que o gañador final (aquel que acadou o meirande número de ollos, ou, mellor dito, de clikcs), foi o veciño de Elxe Francisco José García, que concorreu no certame coa proposta Tetas ou Vista. Esta páxina, que foi cualificada polo xurado do concurso como especialmente orixinal, tira partido (e tamén ironiza) do interese que espertan nas canles audiovisuais todos aqueles programas onde hai unha operación de estética de por medio.

A idea, posta en marcha por Francisco e os seus compañeiros de traballo, era coller polo camiño do humor nun escenario onde cada vez hai menos crítica san e máis vontade de facer escarnio a costa de alguén. O caso é que na súa páxina contábanse as aventuras dunha moza que lle preguntaba á comunidade de internautas se debía operarse ou non o peito, tendo para tal fin 5.000 euros aforrados. A campaña, como se pode supoñer, resultou ser un éxito e os internautas participaron de maneira moi activa, non só na votación senón tamén comentando o que a suposta moza ía achegando sobre o día a día do seu proxecto no caderno blog tetasovista.com/blog.

Segundo informa a organización do certame, tamén houbo premio para Todo por mi vecina, unha tentativa de promoción a prol dun filme do que ninguén escoitou falar.

Danse a coñecer os mellores blogs fotográficos do ano 2008


A web Cool Photoblogs acaba de facer pública a listaxe dos Photoblog Awards 2008. O directorio seleccionou as que considera mellores bitácoras fotográficas da rede no último ano. Aínda que os premios están divididos en nove categorías, o fotoblog que levou o premio absoluto foi Un paseo polo concello de Durham, Pensilvania, de Kathleen Connaly, especializado en fotografías das fermosas paisaxes da contorna.

O traballo premiado xa obtivera no ano 2007 dous recoñecementos ao mellor fotoblog americano, tanto nos Photoblogs Awards como nos Photobloggies, que aínda non publicaron as gañadoras de 2008. Na web dos premios pódense consultar as bitácoras finalistas nas categorías de fotoblog do ano, do máis popular, o mellor de América, de Europa, de Asia e Oceanía, mellor novo blog fotográfico, mellor fotografía paisaxística, mellor en branco e negro e mellor deseño.

A distinción ao fotoblog máis popular levouna o europeo Chromasia, mentres que traballos de autores da área ibérica quedaron finalistas en varias categorías, como Oskarfoto ou o do mallorquín Enrique Vidal, en 'novos fotoblogs', ou o da catalá Marta Barceló entre os mellores de Europa.

Aínda que en moitos dos representantes se pode apreciar un uso extensivo e excesivo do Photoshop, pódense atopar algunhas pequenas obras mestras da fotografía dixital contemporánea.

Convocada a terceira edición do certame de fotografía dixital dos Vales Pasiegos


A terceira convocatoria do Concurso de Fotografía Dixital Valles Pasiegos, evento que xa podemos consultar polo miúdo na web da dita comarca cántabra e máis na propia do certame e que xorde (como sinalamos) ao abeiro dun programa específico de reactivación económica: o Plan de Dinamización Turística dos Valles Pasiegos.

Máis polo miúdo, o obxectivo é poñer en valor a paisaxe e a etnografía dunha comarca que, como moitas bisbarras galegas (sobre todo do interior) está arestora en perigo de ficar á marxe da actividade social, cultural e demográfica do país.

Como novidade a ter en conta, a edición 2008 deste evento inclúe a concorrencia dun fotógrafo profesional de prestixio que leve a cabo un percorrido artístico-creativo pola contorna. Por certo que no certame poderán participar seareiros da fotografía dixital de calquera nacionalidade, con tal de que sexan maiores de 18 anos.

A temática das imaxes é libre, sendo o único requisito que se esixe que teñan vínculos directos coa comarca pasiega. O prazo para presentar traballos xa comezou o 20 de outubro, e ficará aberto até o 15 de decembro. Os premios serán de 1.000 euros e unha cámara réflex dixital para o gañador e de 500 euros e unha cámara réflex dixital para o finalista. Os premiados daranse a coñecer na web do concurso en xaneiro do ano que vén.

Convocados os Premios Bitacoras.com 2008


Os responsables da rede social de cadernos persoais en liña Bitacoras.com veñen de dar a coñecer en Madrid unha nova convocatoria dos premios do mesmo nome, encamiñados un ano máis a salientar a innovación e o valor comunicativo no panorama blogueiro castelán falante. Os galardóns, que se remontan a 2004 inclúe este ano un total de 18 categorías, entre as que cómpre salientar algunha que outra nova achega, como por exemplo as de Microblogger do ano ou o Mellor Blog Medioambiental.

O certame, que na edición do ano pasado contou coa participación de 18.000 persoas inscritas, inclúe nesta convocatoria un marco de desenvolvemento especialmente senlleiro: en virtude do acordo asinado con Evento Blog España (EBE), a entrega de premios desenvolverase no transcurso destoutra xuntanza, perante milleiros de asistentes e durante a noite do sábado 15 de novembro.

Os premios contan desta volta co apoio de importantes empresas vinculadas ás redes e ás tecnoloxías da información e até dalgúns dos blogs máis seguidos no panorama hispano.

Por certo que os gañadores en cada unha das categorías recibirían un computador ultraportátil de última xeración, así como unha estatua acreditativa.

Arrinca a 3ª edición dos premios 20Blogs

Abriuse o prazo de inscrición para os premios 20Blogs, que chegan así á súa terceira edición e que repartirán 22 galardóns repartidos en 20 categorías (ás que habería que engadir o premio do xurado e outro dos blogueiros inscritos no concurso).

O premio organizado polo diario 20 Minutos entregará 3.000 euros, un diploma de honra e a invitación a converterse en columnista do xornal gratuíto máis lido de España ao mellor blog elixido, mentres que o máis votado tamén recibirá 3.000 euros e un diploma de honra. O resto dos galardoados recibirán un diploma acreditativo.
O prazo de inscrición remata o 12 de outubro, e as votacións serán entre o 15 do mesmo mes e o 2 de novembro, dándose a coñecer os gañadores o 17 de novembro.

Este certame conta historicamente con moita presenza galega, pois na súa primeira edición o blogueiro asentado en Compostela, Pedro Jorge Romero, recibiu o galardón ao mellor blog persoal, mentres que Días Estranhos foi recoñecido coma o mellor blog en linguas constitucionais distintas do castelán. O pasado ano, nesta última categoría 2 dos 3 finalistas eran galegos (aínda que finalmente gañou un catalán).

Tamén hai presenza galega no xurado, pois constan coma vogais Javier Wicho Pedreira e Juan Varela.

Publícase a segunda convocatoria de premios a recursos educativos para a Sociedade da Información

O DOG deste mércores 21 de maio publica a convocatoria dos Premios a recursos educativos para a Sociedade da Información 2008, que organizan conxuntamente as consellarías de Innovación e Industria e de Educación e Ordenación Universitaria. Destinaranse 52.000 euros aos galardóns, que están divididos en catro categorías.

Os premios pretenden promover a creación e divulgación de contidos dixitais de calidade na rede, impulsar o coñecemento do software libre por parte da comunidade educativa e recoñecer e valorar o esforzo do profesorado na adopción das tecnoloxías da información e da comunicación no seu traballo cotián.

A primeira modalidade, dedicada ás ferramentas de autor, conta cun primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 4.000 e un terceiro de 3.000, mentres que as contías dos premios para a segunda categoría, que distingue os materiais curriculares para a web e para os encerados dixitais, é tamén de 6.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 3.000 para o terceiro, coa diferenza de que se outorgarán tres galardóns da terceira categoría.

A modalidade C, para galerías de imaxes e vídeos didácticos, destina un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 e dous terceiros de 1.000. Finalmente, resérvase unha cuarta modalidade para aplicacións de software libre, para as que se destinan 6.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 3.000 para o terceiro.

Poden participar na convocatoria, de xeito individual ou colectivamente, o profesorado de centros non universitarios financiados con fondos públicos. O prazo de presentación comeza o xoves 22 de maio, o día seguinte á súa publicación no DOG e remata o 15 de setembro.

Pódense consultar as bases completas no Diario Oficial de Galicia.

Máis Internet,Máis Galego,Máis Futuro invita aos internautas a seguir achegando as súas mellores propostas para o uso da tecnoloxía comunicativa

O domingo 25 de maio ás doce da noite rematará o prazo para participar no concurso. .

As mellores utilidades das novas tecnoloxías de cara a nosa vida cotiá están aínda por descubrir. Con esa filosofía, Máis Internet, Máis Galego, Máis Futuro propuxo aos navegantes que enviasen a Ti+D os seus usos ideais da nova conectividade. E nada mellor para incentivar a creatividade que a perspectiva dun bon premio.

Como non podía ser doutra maneira, os regalos son tres interesantes trebellos tecnolóxicos: un i-Pod Touch con oito Gigas de memoria, para levar nel toda a música que poidas imaxinar; unha radio Phoenix wi-fi, para escoitar emisoras on-line desde calquera lugar, ou un simpático coelliño Nabaztag, que se comunica cos outros da súa comunidade tamén con tecnoloxía wi-fi. Estes premios serán para aquelas ideas que o xurado considere máis orixinais, creativas e útiles.

Entre as ideas recibidas en Ti+D ata agora atópase unha feira de toda a vida, adaptada a tecnoloxía Bluetooth para sacarlle todo o partido aos cruzamentos diarios con descoñecidos. Outra maneira que propón un internauta de aproveitar innovacións para solucionar necesidades tradicionais é a de aplicar a tecnoloxía GPS para controlar movementos nos marcos das leiras.

Volve por 3º ano o concurso A polo ghit

Despois do éxito das dúas edicións anteriores, o concurso A polo ghit, organizado por Vieiros e a Radio Galega, abre o prazo de recepción de candidaturas, polo que as agrupacións e solistas que aspiren ao ghit de 2008 poden remitir as súas pezas sonoras (e mesmo vídeos musicais) xunto cos seus datos, un breve texto descritivo, a letra da canción e fotografías do intérpretes por correo electrónico ou mediante envío postal tradicional.

Para fomentar a creatividade dos artistas galegos, desta volta só se aceptarán temas orixinais propios, e non versións. Nun par de semanas dará comezo a parte interactiva do concurso, de xeito que se poderán escoitar, descargar, votar e opinar as cancións presentadas, que tamén soarán no programa Extrarradio da Radio Galega.

Xa se poden presentar vídeos en MÍVICO, o certame da imaxe dixital de Ponteareas

Xa está aberta a convocatoria dun dos encontros do audiovisual e do dixital de máis proxección de Galiza: a Mostra Independente de Videocreación do Condado, MÍVICO 08. O certame, que xa enfía cara a súa segunda convocatoria, manterá aberto o prazo para presentación de obras até o 3 de agosto, nas tres categorías que abranguen as súas bases: videocreación, curtametraxe e documental.

Segundo apunta a organización, a firma Quadra Producións, poderá participar na mostra toda persoa e produtora que así o desexe. Asemade, aceptaranse todos os formatos cunha calidade óptima para a súa reprodución (videocámaras profesionais, telefonía móbil, cámara de fotos, webcam).

As obras presentadas ó certame, que se vai desenvolver en Ponteareas, terán que ser posteriores ao 1 de xaneiro de 2006. O certame, por certo, tamén ten sitio en MySpace.