Unha fenda dixital divide a Galicia costeira da interior


O Instituto Galego de Estadística vén de publicar os datos da Enquisa de condicións de vida das familias no ano 2008 e no tocante ás novas tecnoloxías, a sorpresa foi que unha fenda dixital divide o interior de Galicia das provincias costeiras. Segundo o IGE, o 33 por cento dos fogares contaba con conexión a Internet no ano 2008, pero a distribución por áreas era moi irregular e mentres no entorno de A Coruña era do 45,9 por cento, no sur de Ourense, era de tan só un 14,1 por cento. A distribución dos fogares con conexión a Internet no ano 2008, lonxe do que cabería agardar, está moi lonxe de ser uniforme, e a porcentaxe varía moito en función da área xeográfica na que nos atopemos. A principal causa de que os fogares galegos non teñan conexión a Internet, segundo apunta a enquisa son fundamentalmente que “non queren porque non lles parece interesante ou útil” nun 40,7 por cento dos casos, “os altos custes” no 27 por cento dos enquisados e a “falta de coñecementos” nun 20,1 por cento dos fogares. Cabe destacar que o uso da Rede por parte dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos supera xa o 50 por cento e tamén está moi extendido entre os mozos e mozas de entre 15 e 19 anos, que xa o empregan nun 89,9 por cento. Porén as porcentaxes de poboación que emprega Internet vai diminuíndo a medida que incrementamos a idade dos usuarios e deste xeito, a porcentaxe da poboación de 30 a 39 anos que usa a Rede no noso país baixa ata o 69,7 por cento, mentres que a de idades comprendidas entre os 40 e os 54 non chega nin ao 50 por cento. No tocante ao uso de teléfono móbil, no ano 2008, sete de cada dez cidadáns galegos de 5 ou máis anos empregárono algunha vez, unha cifra moi superior á rexistrada no ano 2002, que se situaba un pouco por enriba do 42 por cento.

Brión oferta cursos de formación en liña de balde

O Concello de Brión, que este ano ofrece máis de trinta cursos de formación en liña, decidiu eliminar as cotas de inscrición dos mesmos para que tódolos veciños e veciñas do lugar, independentemente do seu nivel de ingresos, poideran acceder en igualdade de condicións á formación ofertada polo Goberno local.

Os cursos, aos que se accede a través da páxina web do Concello, inclúen dende o manexo de programas do entorno Office, tales como Excel, Word, Access ou Power Point, ata programas informáticos especializados en deseño, tales como Indesign, Photoshop, Dreamweaver... pasando polo uso de contas de correo electrónico e a procura de emprego na Rede.

Os máis creativos tamén poden aprender a crear o seu propio blog en Internet ou xestionar a súa propia conta nalgunha das redes sociais que se atopan hoxe en día na Rede. Ademais, os cursos inclúen algo de edición dixital (audio e vídeo) e programas máis especializados como o SIXPAC e Catastro, Contaplus ou Nominaplus, para as persoas máis aventaxadas no emprego das TIC e dos ordenadores.

O Concello de Brión, que segundo veñen de informar os seus membros, “é consciente da situación de crise económica que están a vivir as familias do municipio e da importancia que ten nestes tempos a formación”, decidíu que este ano todos os cursos de formación en liña que se impartan serán gratuitos para os veciños e veciñas de Brión. Así, calquera persoa poderá anotarse naqueles cursos que desexe a través da web oficial.

Unha vez inscritas, as persoas que desexen acceder aos cursos, terán reservadas as súas prazas na formación escollida, que comezará en canto se fixe un mínimo de 8 ou 10 persoas. Nese intre, o Concello de Brión enviará a cada alumno ou alumna unha mensaxe ao seu correo electrónico indicándolles o inicio do curso e as datas para a súa realización. Asemade, as persoas inscritas recibirán a ligazón para poder acceder ao temario do curso e ao sistema de seguemento e titorización, así como para poder realizar as probas pertinentes. Ao finalizar as clases, haberá unha proba que dará acceso a un diploma acreditativo dos coñecementos do alumno.

Facebook instálase en España


Os oito millóns de usuarios que ten Facebook en España, levaron aos responsables da rede social con máis contas do mundo a abrir unha sede no noso país, que será liderada por Irene Cano, e dende a que se tratará de xestionar o papel das marcas locais na comunidade. A fin de poder chegar a tódolos anunciantes sen excepcións, Facebook España contará con tres áreas diferenciadas, unha para grandes marcas, unha segunda para pequenas e medianas empresas e unha última para particulares que queiran anunciarse na rede social máis importante do mundo. Segundo informan dende a compañía, “catro millóns de españois conéctanse a Facebook cada día e empregan unha media de 47 minutos en conversar cos seus amigos nesta comunidade”, é por isto que esta ferramenta virtual pode ser moi útil para os anunciantes do noso país, que poden respirar tranquilos xa que os responsables de marketing afirman non ter prezos pechados e que “cada aunciante establecerá ou seu tope”.

A Xunta está a deseñar un Plan estratéxico de acción para impulsar a implantación e a difusión do software libre na Comunidade

A Xunta de Galicia está a traballar no deseño dun Plan de acción destinado a impulsar a implantación do software libre desde a Administración autonómica e a difundir e impulsar o seu uso entre o conxunto da cidadanía. Este proxecto está dirixido e xestionado pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, que centraliza todas as iniciativas públicas relacionadas co fomento e a promoción do software libre, de acordo coas estratexias marcadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT).

Este Plan de acción, cuxas directrices xa foron adiantadas as asociación do Sector TIC, nunha recente xuntanza de traballo, e que poden consultarse na web http:// imit.xunta.es, xurde do interese do Goberno galego por fomentar o software libre, dada a súa importancia para reducir a fenda dixital e para acadar un uso máis eficiente dos recursos públicos. Por ese motivo, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica decidiu apostar firmemente por procurar un aumento da eficacia das medidas que se están a executar para a difusión do software libre.

Ata este momento, foron varias as iniciativas postas en marcha desde a Administración galega para impulsar a implantación do software libre. Entre estas iniciativas figura mancomun.org, posta en marcha pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, pero que en ningún momento chegou a ter o rango de organismo ou de oficina, senón que se trata dun proxecto, que segue vixente.

As mencionadas accións a prol do software libre postas en marcha foron medidas illadas e carentes de coordinación e dunhas liñas estratéxicas que permitisen enmarcalas dentro dunha política xeral e global de promoción do software libre e garantisen a súa maior penetración entre a cidadanía, a Administración pública e o tecido empresarial.

Superar esas carencias é obxectivo das liñas de acción nas que traballa o Goberno galego, que buscará aumentar o retorno do investimento en software libre da Xunta de Galicia. O Plan de acción será cooperativo co resto das políticas e programas estratéxicos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e transversal a todos os departamentos da Xunta.

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia lanzou a contratación dun concurso público aberto co obxectivo de contar co apoio dunha oficina técnica que lle dea soporte na elaboración das iniciativas e na execución das actividades de difusión e promoción do software libre. Esta oficina técnica, tal e como se especifica nos pregos do concurso, prestará apoio técnico á Fundación na definición e execución das actividades e iniciativas de software libre, mentres que continuará a ser responsabilidade da Fundación a coordinación integral do proxecto en todas as súas facetas e a relación cos axentes implicados: universidade, Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre, etc.

Ademais, dentro da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia traballan técnicos encargados especificamente da coordinación e execución das actuacións relacionadas co software libre, que reciben o apoio do resto do persoal especializado da propia entidade e coordinados co resto de iniciativas e proxectos encadrados nas políticas de desenvolvemento da Sociedade da Información da SXMIT.

Apple presenta oficialmente o seu iPad

Pincha aquí.

As Redes Sociais xunto con outros catro obradoiros e unha charla serán serán os contidos formativos de febreiro no CDSI de Betanzos.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Betanzos anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de febreiro en Betanzos. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

“Alfabetización dixital: informática e internet” O usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de manexar de forma básica un computador, así como, de acceder a Internet e utilizar algúns dos recursos básicos dispoñibles. Desenvolverase do 1 ao 4 e do 8 ao 10 de febreiro en horario de 10:30h. 12:30h.

“Presentacións: Impress”: O usuario/a, ao finalizar este obradoiro, será capaz de empregar OpenOffice Impress para crear unha presentación. Terá lugar do día 1 de febreiro ao 4 do mesmo mes de 18:00h a 20:00h.

“Procura de información en internet”: con este obradoiro os usuarios/as aprenderán a manexar correctamente o navegador Google e sacarlle todo o partido a esta ferramenta. Desenvolverase os días 8, 9 e 10 de febreiro de 18:00h. a 20:00h.

“Comunidades Sociais”: ao rematar este obradoiro, os usuarios/as coñecerán páxinas webs 2.0 para aproveitalas no seu beneficio persoal e/ou profesional. Este obradoiro, desenvolverase do 15, 17, 18 e 22 de febrerio de 18:00h. a 20:00h.

“Mecanografía”: o usuario/a será capaz, ao finalizar o obradoiro, de manexar o teclado e o rato con soltura. Terá lugar do 15, 17, 18, 22, 23 e 24 de febrerio en horario de 10:30h. a 12:30h.

Asemade, está prevista a realización dunha charla sobre as posibilidades da formación on-line que ofrece a Rede de Dinamización a través da súa páxina web. Esta charla levarase a cabo o venres 26 de febreiro a partires das 11:30h.

Recordar que para os obradoiros hai límite de prazas por riguroso orde de inscrición.

Sae oficialmente o Firefox 3.6

Mozilla lanzou oficialmente unha nova versión, de xeito que xa podemos descargar o Firefox 3.6 de balde e incluso en galego, no que supón unha interesante mellora desta aplicación informática, especialmente no tocante a velocidade (que mellora aproximadamente un 20%) e estabilidade.

Entre as novidades está que agora acepta a reprodución nativa de vídeo en formato aberto (que pode verse a pantalla completa), renovación do seu motor de JavaScript, posibilidade de execución de scripts de xeito asíncrono (mellorando os tempos de carga), soporte de novos atributos CSS, soporte de novas especificacións DOM e HTML5 e un importante cambio no xeito de comportarse coas aplicacións de terceiros, que busca evitar colgues no navegador.

Os oficios tradicionais reviven na internet


A Rede de Dinamización en Xunqueira de Ambía, Boborás e Moaña elabora vídeos sobre usos laborais do rural en perigo de extinción.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información segue a ofrecer nos seus centros actividades co obxectivo de recuperar e preservar a memoria. Unha desas experiencias é Memoria dos Oficios, que se desenvolve nos centros de Xunqueira de Ambía, Boborás e Moaña. A rede está a incorporar novos vídeos, que serven de xeito de almacenamento e divulgación para preservar usos laborais do rural que semellan esmorecer fronte aos usos urbanos.

Os vídeos son elaborados grazas ás lembranzas directas dos vellos ou doutros colectivos interesados na recuperación da memoria. Consisten en documentos audiovisuais en formato de videomontaxe. Ademais, tratan de aproveitar ese compromiso etnográfico para achegar internet ás franxas de idade con máis risco de exclusión dixital, ao tempo que se xeran contidos na nosa lingua.

En Xunqueira de Ambía trátanse temas como a minaría, o traballo da muller ou a motoniveladora, mentres que a esfolla, a gandaría, a matanza ou a vendima son os vídeos achegados por Boborás. En Moaña, as atadeiras, a carpintaría de ribeira ou os estaleiros son os oficios lembrados. Nos tres casos, as pezas complétanse cun vídeo onde se amosa todo o proceso de elaboración.

Enna, un novo centro multimedia aberto

Transformar o ordenador nun centro de reprodución multimedia é posible grazas a distintas aplicacións informáticas e sistemas operativos, entre os que hai moitas opcións abertas, como Enna, un centro multimedia dos autores da distribución GNU/Linux GeeXboX, que facilita escoitar música, ver fotografías e reproducir películas e series de televisión dun xeito moi completo que vén de estrear a versión 0.4.0, que muda a súa licenza de BSD a LGPLv2.1 e que durante o mes de xaneiro estará dispoñible dentro dunha nova entrega de GeeXboX, de xeito que poderemos gozar dunha distribución de Linux que permite converter un PC nun Media Center de xeito rápido e doado.

Skype levará a videoconferencia en alta definición aos televisores


O servizo de videoconferencias de Skype dá un importante salto evolutivo incorporando alta definición a 720 liñas en progresivo e incluso saltando do PC a televisores de LG e Panasonic, o que podería contribuír á popularización deste tipo de comunicación interpersoal.

Para poder facer videochamadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles a 30 cadros por segundo é preciso que os usuarios conten con webcams de alta definición (en febreiro e marzo a tenda en liña de Skype incorporará un par de cámaras compatibles), un ordenador cun procesador de dobre núcleo a 1,8 GHz coma mínimo, o Skype 4.2 Beta para Windows e un acceso á Rede de banda larga.

Pero o máis rechamante é que os televisores VIERA CAST de Panasonic e os de LG que conten coa tecnoloxía NetCast Entertainment Access, que estarán á venda a mediados de 2010, poderán contar cunhas webcams especialmente deseñadas para eles que abriranlles a porta á videoconferencia de alta definición.

Cómpre destacar que dende Skype recomendan conexións de banda larga cunha velocidade simétrica de 1 Mbps para poder gozar de vídeo a 720p sen interrupcións.