Mostrando entradas con la etiqueta PuntoGal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PuntoGal. Mostrar todas las entradas

A Asociación PuntoGal renova a súa web


A Asociación PuntoGal, entidade que aspira a acadar un dominio propio na internet para a nosa lingua e cultura, aproveita o seu terceiro aniversario para estrear unha nova web. O portal ofrece un novo deseño e melloras en navegabilidade.
PuntoGal

A partir de agora, a web de PuntoGal inclúe tres seccións, a de Noticias relacionadas coa actividade da entidade, a de Información sobre os seus obxectivos e mais Apóianos, onde se achegan datos das entidades que se sumaron ao proxecto. A web está dispoñíbel en galego, castelán e inglés.

Así mesmo, a asociación informa de que a ICANN, o organismo que outorga os dominios, está a ter problemas na concesión de novos nomes por protección de marcas, entre outras, e que dilatarán as discusións até final do verán. Porén, espera que se abra o proceso no primeiro trimestre do 2010.

A asociación PuntoGal pide unha aceleración dos trámites para a concesión de novos dominios e que se rebaixen os requisitos económicos.


A asociación PuntoGal amosou o seu descontento polos atrasos que está a sufrir o proceso de aprobación de novos dominios por parte da ICANN. Por iso, presentou emendas ao borrador de requisitos que o organismo internacional presenta esta semana no Cairo. As peticións de PuntoGal céntranse en acelerar os prazos o máximo posíbel, reducir o prezo que esixen para conceder os novos nomes de dominio, en principio de 185 mil dólares, e pulir algúns outros aspectos técnicos.

Segundo lle explicou a Vieiros o secretario de PuntoGal, Darío Janeiro, as súas alegacións coinciden coa maioría das presentadas polos internautas: reducir prazos e requisitos económicos. Janeiro confiou en que a ICANN atenda esas peticións, aínda que o comité é quen ten a última palabra.

Unha vez presentado o borrador, ábrese aínda un longo prazo de trámites por diante. En primeiro lugar, poderanse presentar alegacións durante 45 días. Despois, publicarase o mesmo texto traducido ás seis linguas oficiais da ONU e iniciarase outro prazo máis de 45 días para alegacións. Rematado ese tempo, o comité da ICANN elaborará o documento definitivo, que podería estar listo no primeiro trimestre de 2009. A partir dese momento, abrirase o prazo de presentación de candidaturas, probabelmente no mes de setembro.

O .gal, no 2010
PuntoGal aspira a estar no grupo de cabeza dos novos dominios aprobados, pois xa ten lista a documentación, no que se refire á parte técnica e financeira. Porén, este trámite podería non estar completo, como moi cedo, até o nadal de 2009, o que é altamente improbábel. A data máis realista para que o .gal estea operativo sería mediados de 2010.

A petición de PuntoGal remóntase a dous anos e medio atrás. O atraso da ICANN á hora de coincidir novos dominios é tal que xa se anunciara no seu día que o .gal podería ser realidade en xuño de 2008. Agora, parece que non pasará menos dun ano e medio ou dous anos antes de que se materialice.

PuntoGal considera que o principal motivo do atraso se debe a que a corporación que regula os dominios da internet tenta homoxeneizar os criterios á hora de dar nomes ás comunidades lingüísticas, como a galega, e aos novos dominios abertos, que permitirían que calquera entidade privada puidese obter o seu propio nome a cambio dunha certa cantidade económica.

Precisamente, o número de solicitudes de dominios abertos que se presenten cando se inicie o prazo, no outono de 2009, influirá no tempo que tardará a ICANN en conceder o .gal,

PuntoGal supera os nove mil apoios individuais

A Asociación PuntoGal continúa coa campaña de recollida de sinaturas a prol do dominio para a cultura e a lingua galegas, e que acaba de superar os 9 mil apoios. A convocatoria abriuse en xaneiro de 2007, e segue a medrar.

Ademais das sinaturas, a iniciativa a prol do dominio .gal conta con 75 entidades adheridas, entre asociacións culturais, empresas, colexios profesionais e medios de comunicación, entre outras.

A todas elas hailles que sumar os 20 centros galegos na diáspora que están a apoiar explicitamente a campaña. PuntoGal segue a traballar en conseguir o apoio das asociacións galegas no exterior. A web segue a recoller sinaturas a prol do dominio, dentro da sección 'Apoios individuais'.

Dende a Asociación PuntoGal detallan que os novos gTLD deberán cumprir con condicións estritas para a súa creación

Representantes da Asociación PuntoGal nunha pasada xuntanza de ICANNA pasada semana a ICANN presentou na súa 32ª xuntanza internacional en París un breve programa actualizado sobre a introdución dos novos dominios xenéricos de primeiro nivel (gTLD) a través da GNSO (Organización de Apoio de Nomes Xenéricos), que elaborou unha política para guiar a introdución destes novos dominios que inclúen unha serie de criterios de selección, que os solicitantes deberán cumprir para conseguir a creación dun novo dominio, como serían a demostración da súa capacidade organizativa, técnica, operativa e financeira para poder levar a cabo as operacións de rexistro de dominios. As candidaturas tamén deberían ter que contar co respaldo unánime das comunidades ás que representan.

Todo isto o detallan dende a Asociación PuntoGal, que queren así desmentir as informacións que daban a entender que os novos gTLD se poderían rexistrar libremente, cando o proceso real é moi diferente. Tamén indican que os requisitos que se deberán cumprir non se coñecerán ata finais de 2008, e incluirán o pago dunhas taxas de solicitude nun proceso que se podería iniciar na primavera de 2009.
Durante o encontro parisino, os representantes da Asociación PuntoGal xuntáronse con Karla Valente, directora do programa de dominios xenéricos, para presentarlle persoalmente a iniciativa dun dominio de Internet para a lingua e a cultura galega; así como tamén mantiveron conversas con membros doutras candidaturas lingüísticas e culturais asistentes á xuntanza de ICANN.

A Icann ábrelle a porta a crear calquera dominio de internet


A Icann, organismo encargado de regular os dominios da internet, aprobou este xoves en París liberalizar completamente o nomes de primeiro nivel, o que pode supoñer unha revolución no xeito de entender os enderezos na rede. A decisión, que xa se daba como posíbel, permitirá que as compañías ou individuos poidan converter marcas e nomes en enderezos e que deixen de depender dos xenéricos ou territoriais.

Icann
A iniciativa aprobouse por unanimidade. Tamén se lle deu o visto e prace a que se poidan usar outros alfabetos nos enderezos, como o arábigo, o cirílico ou o chinés.

A Icann leva seis anos traballando en abrir os enderezos da internet. Segundo explicou Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación PuntoGal, Camilo Regueiro, a liberalización farase de xeito escalado, e nun primeiro momento haberá que cumprir uns requirimentos moi estritos.

PuntoGal espera estar entre os primeiros novos dominios que se concedan, no primeiro semestre de 2009, pero todo "dependerá das condicións que impoñan", que serán tanto de tipo técnico como económico.

O presidente da ICANN asegura que haberá novos dominios para 2009 (¿máis preto o .gal?)

Entre o 22 e o 26 deste mes ten lugar en París un encontro internacional da ICANN no que se discute o futuro dos dominios de Internet, que parece moi prometedor a tenor das declaracións do presidente da organización, Paul Twomey, que nunha entrevista a Les Echos asegurou que «aparte de .com, .net ou .org, a partir do primeiro trimestre de 2009, os 1,3 millóns de internautas poderán adquirir enderezos de Internet baseados en palabras comúns coma .amor, .odio ou .cidade ou nomes propios».

Cómpre destacar que estas declaración son bastante esaxeradas, xa que ICANN non pensa abrir totalmente os dominios de Internet de primeiro nivel, senón que flexibilizarán as condicións para conceder estes dominios a entidades que se encargarían da súa xestión.

Actualmente hai 20 gTLD (dominios de primeiro nivel xenéricos) en funcionamento, como .cat, .tel, .aero, .museum, .mobi ou .info, e os que se creen no futuro deberán acatar unha serie de normas que aínda están por determinar, pero que nun principio podería ser unha boa nova para a pronta consecución dun dominio .gal para a lingua e cultura galegas, pois dende ICANN parecen decididos a incrementar o número de dominios xenéricos de primeiro nivel.

PuntoGal aparece no International Herald Tribune


O xornal estadounidense The International Herald Tribune faise eco da petición da Asociación PuntoGal a prol do dominio para a lingua e a cultura galegas. O medio dedícalle unha ampla información á xuntanza da Icann que se desenvolve en París.

Segundo informa Vieiros, aínda que no interior da nova non se fai mención explícita ao .gal, úsase o seu logotipo para acompañar o titular de portada. Ademais, a nova, dá a entender que a Icann está disposta a abrir a man para que se poidan crear novos dominios de primeiro nivel, entre eles o destinado á cultura galega.

Hai que lembrar que unha delegación da Asociación PuntoGal está a participar en París na conferencia, co fin de promover e dar a coñecer a súa candidatura, que podería ser realidade a comezos do ano 2009.

PuntoGal presentará a candidatura ao dominio galego na internet en París

Unha delegación da Asociación PuntoGal participará en París na 32ª edición do encontro internacional da ICANN, no que se abordarán distintos aspectos sobre o funcionamiento do sistema de dominios en Internet.

Entre o 22 e o 26 de xuño, as máis de mil persoas inscritas na convención analizarán en detalle cuestións como o funcionamiento interno da organización ou a normativa aplicable ás candidaturas. Terán especial importancia os debates en torno á transición do Ipv4 ao Ipv6 e o seu impacto na comunidade de usuarios da rede, e os asuntos relacionados coa tradución de documentos e procesos da ICANN a outras linguas distintas do inglés.

Ademais, na reunión de París, a ICANN dará protagonismo ao mundo dos negocios coa programación, por vez primeira, de presentacións e conferencias relacionadas coa actividade comercial.

Os membros da GNSO (Organización de Apoio aos Nomes Xenéricos) explicarán brevemente a situación actual do proceso de implementación de novos dominios durante un obradoiro centrado no futuro de Internet. Nesta sesión de traballo participarán tamén representantes de diferentes sectores e industrias, que darán a súa opinión sobre os cambios que se producirán co lanzamento do programa de novos dominios no espazo de Internet.

Todos os informes elaborados pola ICANN–o organismo responsable dos dominios en Internet- insisten nalgunhas cuestións fundamentais para a consecución con éxito do proceso: que sexa unha petición unánime, respaldada pola comunidade no seu conxunto e que os distintos informes que se teñan que presentar sexan impecables tanto no aspecto técnico, como no económico, como no de xustificación.

Durante a reunión, os representantes de PuntoGal manterán distintos encontros e entregarán información aos asistentes sobre a proposta dun dominio para a cultura e a lingua galega na rede. Aproveitando a ocasión, tamén se reunirán con membros dos centros galegos de Francia para presentarlles persoalmente a iniciativa do PuntoGal.

O concello de Redondela apoia a creación do dominio PuntoGal

O concello de Redondela vén de aprobar unha moción para apoiar a creación do dominio puntogal para a lingua e a cultura galega en Internet.

A adhesión do concello de Redondela a esta proposta aprobouse en sesión ordinaria o pasado 29 de abril, cun acordo no que se salienta a importancia do .gal para dar visibilidade na rede á realidade cultural e lingüística galega.

Deste xeito, Redondela convértese no segundo concello en apoiar o PuntoGal, despois de Rianxo, sumándose ás máis de 60 entidades adheridas á iniciativa da Asociación PuntoGal. Ademais, xa son máis de 8.500 as persoas que, a título individual, apoian o proxecto para conseguir un dominio propio na rede para a lingua e a cultura galega.