O buscador de Internet Yahoo! maila rede social Twitter, dúas aplicacións que van respectivamente á sombra de Google e Facebook na Rede, veñen de asinar un acordo de colaboración global polo que integran as actualizacións en tempo real dos máis de 600 millóns de usuarios que ten Twitter nos sitios de Yahoo!. Concretamente, esta alianza virtual permitirá que os internautas poidan ver e escribir tweets (mensaxes de 140 caracteres creados polos usuarios de Twitter) directamente nos sitios web de Yahoo!, así como publicar as súas propias mensaxes de Twitter sen sair do portal. Os responsables do buscador afirman que este acordo enmárcase dentro do obxectivo de Yahoo! de ser “o centro da vida online das persoas, e de ofrecerlles información relevante a nivel persoal de todas as fontes de Internet”, e únese ao asinado recentemente con Facebook, a outra gran rede social por excelencia. Estes acordos, segundo afirman os responsables de Yahoo!, transformarán ao buscador “nunha experiencia social persoalizable” que lle permite aos usuarios unificar a actividade de todas as súas experiencias sociais en Internet sen ter que ir abrindo unha e outra ferramenta. A compañía, asemade, planea mostrar procuras en tempo real de tweets ordeados por categorías como deportes, entretenemento e finanzas a finais deste ano, porén iso dependerá de como evolucione este novo servizo de dubidosa utilidade. Malia que Yahoo! non quixo comentar os termos financieiros do acordo asinado con Twitter, algunhas fontes aseguran que Microsoft e Google pagaron conxuntamente un total de 25 millóns polo dereito de incluir datos de Twitter nos seus resultados de procuras.
Yahoo! alíase con Twitter para ofrecer as súas actualizacións en tempo real
26/2/10 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
O Dalai Lama estrea conta en Twitter

O microblogging está a converterse nunha moda que chega a case todos os ámbitos, e o último en sumarse á febre do Twitter non é outro que o Dalai Lama, que estrea conta verificada en tal plataforma, de xeito que garántese que estea actualizada polo propio Dalai Lama ou por xente da súa confianza, pois hai que lembrar que anteriormente existía un suplantador desta popular figura pública.
Polo momento a conta do Dalai Lama en Twitter emprégase para promocionar os contidos da páxina web oficial do Lama e das súas aparicións en medios de comunicación, de xeito que os interesados no seu día a día poden estar ben informados, e no momento de escribir estas liñas xa superou os 66.000 seguidores, aínda que dificilmente conseguirá o seguimento masivo doutros persoais, pois parece quedar claro que é un gabinete de comunicación o encargado de actualizar este espazo, de xeito que non é de agardar que haxa interacción cos seguidores, o que limita moito o atractivo de seguir a este líder relixioso a través da Internet.
24/2/10 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Twitter
Twitter entra en beneficios por venderlles as súas mensaxes aos buscadores
A rede social de mensaxes curtas obtén 17 millóns de euros a cambio de facilitarlles as súas mensaxes en tempo real a Google e a Microsoft.
A rede social Twitter xa se pode considerar rendíbel despois dos acordos asinados con Google e con Microsoft para que os seus contidos poidan aparecer nos dous principais buscadores da internet. En total, Twitter recibirá 25 millóns de dólares (uns 17 millóns de euros), dos que 15 proceden de Google e 10 de Microsoft.
Este diñeiro permitiralle á compañía con base en San Francisco rematar o exercicio 2009 cun lixeiro beneficio, despois de pagar uns custos operativos de entre 20 e 25 millóns de dólares. Twitter conta, segundo a súa propia web, con 105 persoas empregadas.
Dende o seu nacemento en 2006, a compañía reuniu 155 millóns de dólares en investimento privado. Porén, até este ano carecía de ingresos e, polo tanto, de beneficios. Os millóns de usuarios que se uniron ao servizo gratuíto de Twitter, que permite compartir mensaxes de até 140 caracteres, fixeron eses contidos moi gorentosos para os buscadores.
Tanto Google como Microsoft consideraban que os resultados das súas buscas estaban incompletos sen os millóns de mensaxes de Twitter, que se incorporarán en tempo real aos buscadores.
28/12/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Twitter
Twitter ampliará a súa oferta de idiomas
Cando accedemos a Twitter atopamos que nas súas opcións de idioma só podemos elixir entre inglés ou xaponés, o que resulta un tanto rechamante, e que poderá cambiar en breve segundo anuncian no blog corporativo da compañía de microblogging, xa que abriron unha ferramenta de tradución do seu sistema (que funciona coa colaboración de usuarios selectos) de xeito que nun primeiro momento poderemos gozar de versión de Twitter en francés, italiano, alemán e español, para pasar máis adiante a aplicarse a outras linguas (aínda que sorprende que identifiquen coma linguas o catalán de Valencia e ao éuscaro, mentres esquecen ao galego).
Polo momento non concretaron cando poderemos acceder a Twitter en español.
13/10/09 | Inserido Rebeca Sánchez 1 comentarios
Etiquetas: Twitter
Twitter dá os primeiros pasos para introducir publicidade

A rede social de mensaxes curtas modificou os seus termos de uso, que tamén son máis duros contra o spam.
O servizo de microblogs Twitter modificou as súas condicións de uso para abrirlle a porta á posibilidade de incluír publicidade no futuro. O seu cofundador, Biz Stone, envioulles unha mensaxe de correo electrónico a todos os usuarios e publicou no blog oficial do servizo as novas condicións.
Outra das novidades é que Twitter queda autorizado a "usar, copiar, reproducir, procesar, adaptar, modificar, publicar, transmitir, amosar e distribuír" as mensaxes, que seguen a ser propiedade dos seus autores, explicando que "porque iso é precisamente o que facemos". Tamén se endurecerán as medidas contra o spam, ultimamente en crecemento exponencial.
A posíbel introdución da publicidade sería un xeito de obter ingresos, practicamente inexistentes até o momento. Os fundadores do servizo sempre amosaron a súa reticencia a gañar diñeiro coa rede, que consiste no envío de mensaxes de até 140 caracteres sobre o que se pensa ou se fai en cada momento. Xa en marzo, Twitter aprobara introducir publicidade nas páxinas de usuarios que só publicasen mensaxes corporativas.
15/9/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Twitter

