Mostrando entradas con la etiqueta Galipedia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galipedia. Mostrar todas las entradas

Sete anos de coñecemento libre en galego


Máis de 56 mil artigos na nosa lingua fan da nosa wikipedia a número 41 do mundo, dun total de 271 versións en diferentes linguas.

A Galipedia, versión da Wikipedia na nosa lingua, fai sete anos este 8 de marzo. O proxecto botou a andar nesa data de 2003. Dende entón, xa son máis de 56.200 os artigos que a integran, facendo da enciclopedia libre en galego a número 41 do total de 271 versións que existen.

Aínda que se descoñece a identidade real da primeira persoa que creou a primeira entrada da Galipedia, considérase que o seu "pai" é o usuario Agremon, Antonio Gregorio Montes, un profesor de Física de Ribadeo que fixo a súa primeira achega o 22 de xullo daquel 2003. Actualmente, o proxecto ten 12 administradores e máis de 300 usuarios activos.

O obxectivo da Galipedia é contar cunha enciclopedia colaborativa en galego coa que afondar no coñecemento. Por iso, está aberta á colaboración de todo o mundo, ás diferentes correntes de pensamento que non sexan agresivas coas demais, a calquera tema, en continuo crecemento e renovación, en contacto coas demais wikipedias para seguir mellorando e aberta ao uso por calquera persoa con acceso á internet, nas condicións da licenza GFDL.

A Galipedia supera os 50.000 artigos

A versión galega da Wikipedia, a Galipedia, está a gozar de boa saúde, e así, nos últimos días superou os 50.000 artigos, o que supón dobrar o seu tamaño nos 2 últimos anos. Amais, o servizo chegou aos 12.680 usuarios, dos que 265 estiveron activos nos últimos 30 días.

Aparte de que na enciclopedia libre en galego se sumen unha media de 1.000 artigos ao mes, hai que destacar que os artigos preexistentes tamén precisan de mantemento, polo que o traballo desenvolvido na creación de contidos ten aínda máis mérito.