A Rede de Telecentros de Comunicación participa no II Maratón Fotográfico de Vimianzo


O Telecentro de Comunicación de Vimianzo participará o vindeiro sábado no II Maratón Fotográfico que organiza o Servizo de Desenvolvemento Local do concello no marco das actividades relacionadas co programa de desenvolvemento sostible.

A saída terá lugar na praza do concello ás 9:30 horas e realizarase un percorrido de 11 quilómetros aproximadamente (Vimianzo – Campo da Areosa – Castrobuxán – Pasarela – Vimianzo). Estableceranse cinco temas para os roteiros fotográficos, que se darán a coñecer o mesmo día do maratón, sendo obrigatorio realizar cando menos unha fotografía de cada tema. Os participantes só poderán empregar cámaras dixitais e poderán volcar as súas fotografías no Telecentro de Comunicación a partir das 16:00 horas, co fin de que o xurado faga a selección das mellores fotos.

Haberá dúas categorías segundo a idade: junior (de 12 a 17 anos) e senior (adultos) e elixiranse as tres mellores fotografías de cada categoría. A exposición das mesmas terá lugar o 6 de novembro no Telecentro de Comunicación do municipio.

A Rede de Telecentros de Comunicación da Secretaría Xeral de Medios únese así a esta iniciativa do Servizo de Desenvolvemento Local de Vimianzo, a través da súa campaña Comunícate, coa que pretende dar a coñecer toda as posibilidades que ofrecen os TC para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego. O obxectivo de Comunícate é que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía.

Obradoiros para o mes de novembro

Centro de Dinamización do Concello de Betanzos, vén de anunciar os obradoiros que vai desenvolver en novembro e que van dirixidos a aquelas persoas interesadas en iniciarse na informática e incorporar as novas tecnoloxías paseniñamente ao seu día a día.

Os obradoiros son os que seguen:

- Mecanografía para nenos e nenas: os días 2, 3, 4 e 5 de novembro de 19:00 a 20:15 horas.

- Mecanografía: este obradoiro, que vai dirixido a tódalas persoas sen límite de idade, desenvolverase tamén os días 2, 3, 4 e 5 de novembro, en horario de 16:30 a 18:30.

- Iniciación á informática: os días 2, 3, 4 e 5 de novembro a partir das 10:30 e até as 12:30.

- Recursos de interese na Internet: este obradoiro ten como finalidade dar a coñecer unha serie de páxinas web de grande interese para tódolos usuarios das novas tecnoloxías e Internet en xeral. Terá lugar os días 10, 11 e 12 de novembro de 18:30 a 20 horas.

- Iniciación ao procesador de textos Writer: os días 16, 17, 18 e 19 de novembro a partir das 10:30.

- Obradoiro de creación de blogs: os días 23, 24, 25 e 26 de novembro de 18:30 a 20:30 horas.

Asemade, este Centro, levará a cabo unha serie de charlas para presentar a iniciativa Memoria de Muller, que se levarán a cabo os días 16 e 17 de novembro a partires das 17 horas no devandito Centro.

As empresarias da Coruña levan a informática ao pequeno comercio

A Asociación de Empresarias da Coruña, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), organiza o vindeiro mércores 4 de novembro un encontro formativo encamiñado a amosar as moitas vantaxes que o uso dos recursos dixitais teñen para as pequenas e medianas empresas e para o pequeno comercio. Máis polo miúdo, trátase dun seminario práctico a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: A importancia de informatizar o comercio. A sesión, que será impartida polo Centro Europeo de Innovación de Galicia (BIC Galicia), terá lugar na aula de formación da dita Asociación (avenida Alcalde Pérez nº 53) entre as 20.30 e as 22.30 horas.

Segundo contan os organizadores, trátase dun seminario gratuíto dirixido sobre todo a xerentes e traballadores do pequeno comercio. Os obxectivos do curso, que achegará ao seu remate certificados de asistencia, son os de configurar ou mellorar as novas tecnoloxías no devandito sector e achegar os coñecementos precisos para o seu uso. O curso será impartido por Óscar Doce López.

Aquelas persoas interesadas en asistir ao seminario poden realizar a súa inscrición ou ampliar a información chamando ao teléfono 981 297 870 ou ben a través do correo electrónico info@aeco.org.es.

O Ateneo Ferrolán organiza unhas completas xornadas sobre software libre


Trátase duns encontros a celebrar os días 28, 30 e 31 de outubro, todas as actividades inseridas nas Xornadas GNU/Linux, xornadas que tal e como o seu nome indica van dirixidas á promoción deste sistema.

As sesións contará cun extenso abano de contidos a distribuír desta maneira:

· Mércores 28 de outubro: "Sen medos que é libre"
GNU/Linux: O proxecto GNU e o núcleo Linux.
Software libre: Filosofía e licenzas libres.
A comunidade: grupos de usuarios e participación.
Vantaxes e compatibilidade: En ocasións non todo funciona.
Distribucións: A variedade está chea de posibilidades.
Entendendo GNU/Linux: Usuarios, grupos, permisos, sistema de ficheiros, cartafoles...
Escritorios: Gnome, KDE e moitos outros...
Recursos en rede: Descarga, instalación e actualización.

· Venres 30 de outubro: "Festa de instalación"
Obradoiro de instalación de GNU/Linux(Calquera pode levar o seu computador e un cable de rede para aprender a instalalo)

· Sábado 31 de outubro: "Máis a fondo"
Instalación de aplicacións e repositorios.
Libre ou non libre: Códecs, controladores e engadidos.
Aplicativos e equivalencias libres: Ofimática, redes, gráficos, multimedia, xogos... e todo o que precises.
Configuración de redes con e sen fíos.
Emuladores e máquinas virtuais.

Ábrese a inscrición á Kutruparty 7

Esta semana abriuse a inscrición para a sétima edición do encontro informático Kutruparty que terá lugar entre os días 4 e 8 de decembro no recinto feiral da Fundación de Exposicións e Congresos de A Estrada.
Os interesados en asistir a este evento organizado pola Asociación de Usuarios de Software Libre de A Estrada (AUSLAE) deberán reservar a súa praza, e o prezo da inscrición en liña é de 25 euros (recibindo os 35 primeiros usuarios unha camiseta exclusiva de regalo), mentres que os que agarden á propia party deberán pagar 35 euros.

Eganet abre o prazo de candidaturas para os seus sextos premios

A asociación de empresas dedicadas á internet incorpora este ano un novo premio ao mellor ambiente laboral. Entregaranse o 15 de decembro.

A Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet (Eganet) acaba de abrir a convocatoria da sexta edición dos seus premios anuais. O prazo remata o 13 de novembro, mentres que a entrega de premios está prevista para o 16 de decembro en Compostela.

A presentación de candidaturas, en nove categorías, pódese facer cubrindo o formulario incluído na web da entidade. Segundo Eganet, os premios son unha plataforma de lanzamento para as empresas do sector e un xeito de achegar a Sociedade da Información e do Coñecemento á cidadanía, por representaren o acto anual de maior repercusión para o sector TIC do país.

Poden postularse empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos ou calquera organismo con sede social en Galiza que realicen proxectos no campo das TIC. As categorías, ademais do premio especial de Eganet, son E-Emprendedores, Cultura Dixital, Software Libre, Tecnoloxía Accesíbel, Comunicación Web, Publicidade Online, E-Commerce, Mellor Aplicación Online e, como novidade, Mellor Ambiente Laboral.

Esta semana comeza o envío de lectores de DNIe da campaña de Red.es


A campaña de Red.es coa que achegan 500.000 lectores de DNI electrónico de balde (cobrando 2 euros de portes) avanza a bo ritmo, de xeito que incluso 9 comunidades autónomas esgotaron o número de dispositivos asignados para as súas demarcacións, e dende Tractis xa anuncian que prevén que este mércores comece o envío dos lectores de DNIe ao domicilio dos solicitantes, de xeito que serían entregados por correo ordinario dentro de 1 ou 2 semanas.

Amais, tamén aproveitan esta campaña para dar a coñecer a web usatudni.es, na que publican moita información relativa a cómo utilizar o DNI electrónico e aproveitar as posibilidades que ofrece. Este espazo explica qué é o DNIe, cómo hai que facer para utilizalo, cales son os servizos dispoñibles para o mesmo e incluso informa puntualmente dos distintos eventos formativos que percorren a xeografía española.

Gañador de Vacacións Dixitais



Descrición: Esta fotografía esta sacada en Londres, no "London eye", vacacións que
realicei logo de rematar os estudos.

O BNG denuncia o desmantelamento de Mancomún

A deputada do BNG, Ana Luísa Bouza, denuncia que o Goberno da Xunta está a desmantelar Centro de Referencia e Servizos de Software Libre Mancomún, pois en resposta a unha pregunta da deputada nacionalista a pasada tarde no Pleno da Cámara Galega, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, asegurou que os 500.000 euros destinados a Mancomún «supuñan un custo excesivo» para as arcas da administración galega.

Bouza asegura que o pasado 14 de setembro o Goberno despediu a 7 persoas relacionadas con Mancomún, ao que habería que sumar que «recentemente fixeron un aviso de despedimento a máis de 100 traballadores e traballadoras da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e do Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia» que viñan traballando en iniciativas de extensión da Sociedade da Información, e que cesarían a súa actividade o vindeiro 31 de decembro.

Estas medidas supoñen «a supresión das medidas de apoio ao software libre que puxo en marcha o Goberno Bipartito», coas que conseguiron que o 10 das empresas galegas utilicen software libre e que triplicasen o seu uso nas escolas galegas.

Brión xa ten Telecentro


O Secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, e o alcalde de Brión, José Luís García García, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do municipio (ubicación na Casa do Concello) co que a Secretaría Xeral de Medios pretende achegar aos veciños as novas canles de comunicación, convertindo este telecentro de comunicación nun espazo apropiado para familiarizar á cidadania coas canles e soportes audiovisuais de comunicación. Desde Oroso, a través de videoconferencia, o alcalde do municipio, Manuel Mirás Franqueira, deu a benvida ao concello de Brión á Rede de Telecentros de Comunicación.

Dende Brión o alcalde afirmou que era para el unha grande satisfacción inaugurar hoxe o Telecentro de Brión e deu a benvida tanto aos nenos de 5º de primaria do Colexio de Pedrouzos (Brión), como aos de Oroso, os cales ao final do acto tiverono turnos para saudarse e poñer temas en común entre os dous Concello.

José Luís García, aproveitou tamen esta ocasión para anunciar a incorporación do Concello de Brión ao programa de "Aula mentor", un sistema de educación a distancia a través de Internet que se pretende implantar coa axuda das instalacións do Telecenro.

Como colofón ao o Alcalde deu as gracias a Secretaría Xeral de Medios, e a todas as persoas implicadas para que este Telecetro de Brión sexa hoxe posible.

Potenciar as novas tecnoloxías entre o empresariado con discapacidade, un obxectivo da Xunta

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, recibiu o presidente da Asociación de empresarios discapacitados de Galicia, Gerardo Crespo, no seu despacho de San Caetano, unha xuntanza na que decidiron colaborar co obxectivo de que as novas tecnoloxías faciliten a inserción laboral das persoas que sofren algún tipo de discapacidade.
Entrevista

"Apoio total da Xunta a este obxectivo, sendo plenamente conscientes de que a tecnoloxía é un instrumento fundamental para a adaptación dos postos de traballo", destacou Mar Pereira, quen salientou a proposta da asociación de realizar un estudo para coñecer a situación actual do uso destas ferramentas nas empresas galegas e identificar ás posibles necesidades para poder poñer en marcha estratexias de actuación. "Partimos sempre da premisa de que as novas tecnoloxías non poden ser un elemento que dificulte esta inserción, senón todo o contrario", afirmou a secretaria xeral.

Gerardo Crespo destacou, pola súa banda, a importancia de usar as novas tecnoloxías para favorecer a inserción laboral do colectivo de persoas con dispacidade, tal e como se está a facer noutros países. "Vemos a tecnoloxía como unha ferramenta moi positiva para a inclusión; pretendemos que non sirva para facer unha brecha, que non provoque diferencias entre uns e outros senón que sirva para incluírnos a todos", asegurou.

O presidente da Asociación de empresarios valorou que a Secretaría Xeral de Modernización encabece o traballo das diferentes consellerías da Xunta para determinar qué ferramentas tecnolóxicas poden ser máis útiles para facilitar a inserción laboral deste colectivo.

Unha web permite saber se nos roubaron a clave do correo

Serversniff incorporou unha aplicación que determina se un determinado enderezo forma parte das listaxes de contrasinais filtradas na rede.

Nos últimos días filtráronse na internet miles de enderezos de correo electrónico cos seus respectivos contrasinais. Púidose saber que eses datos foron obtidos a través de software malicioso instalado nos computadores das persoas afectadas. Agora, a web Serversniff.net permítenos saber se a nosa conta foi afectada, para que tomemos a medida básica de cambiar a clave de acceso.

Segundo informa Vilaweb, unha das aplicacións incluídas no portal, destinado a ofrecer utilidades relacionadas coa seguridade informática, ofrécenos a posibilidade de detectar se un enderezo se viu comprometido. Para iso, abonda con introducir o nome de usuario (o que vai antes da @), sen ningunha outra información e premer "check". Aparecerá unha mensaxe que nos dirá se hai algunha conta con ese nome que se vira afectada.

Fin de Vacacións Dixitais

Último día do concurso de fotografía Vacacións Dixitais. O vindeiro 16 de outubro anunciarase o nome do gañador/a.

Os blogs do país tamén se converterán nun vehículo publicitario

Os blogs do país tamén se converterán nun vehículo publicitario

A decisión do goberno dos Estados Unidos de regular os blogs patrocinados e os contidos "interesados" nas redes sociais de internet por parte de marcas, de xeito que se especifique que se publicaron a cambio dunha contraprestación, tamén terá, antes ou despois, eco no país. Falamos con Manuel Gago, blogueiro e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e con Andrés Milleiro, tamén blogueiro e dedicado ao Márketing de Medios Sociais.

En Galiza aínda non está moi estendido este método, que se está a converter nunha alternativa á publicidade tradicional. Segundo Manuel Gago, estas prácticas "empezaron a aparecer hai dous anos", cando algunhas empresas comezaron a introducilas no seu plan de medios, como adegas que envían viño co fin de dalo a coñecer e promocionalo. "Creamos un código" para que estes agasallos se indiquen "de maneira expresa", asegura Gago.

En calquera caso, os blogueiros respectan, na práctica, este código ético: "Vexo na miña experiencia no sector de blogs gastronómicos que a xente di cando lle envían produtos, aínda que até agora era algo excepcional". De feito, esa excepcionalidade fai que cando "manden algo" xa se converta en "parte da propia historia". Tamén, o feito de que estas campañas non sexan exclusivas e se repitan a moitas bitácoras fai que sexa imposíbel ocultar a súa natureza: "Resultaría ridículo que un non diga que foi un agasallo cando moitos máis o van facer".

Da mesma opinión é Andrés Milleiro, pois en Galiza "non hai moita tradición de patrocinio de blogs", e opina que "en xeral, está bastante mal visto que se fagan entradas patrocinadas e non se diga". A pesar desa evidencia, considera que "a iniciativa dos EUA pode estar ben, porque hai casos en que está bastante ben camuflado". Engade que é positivo que unha regulación que xa existía na prensa se traslade aos blogs, onde "non está de máis ser sincero".

Pero a situación aínda marxinal deste tipo de promocións está a medrar e xa empeza a ser importante nalgúns sectores. Segundo Gago, na "gastronomía, na moda e todo o relacionado cos estilos de vida" xa é "moito maior do que imaxinamos". Así, empresas "que teñen máis problemas de distribución están incluíndo este tipo de estratexias no seu plan de medios". Isto supón substituír a publicidade tradicional aproveitando a crise. Abandónase "o banner, o adsense. Hai unha transferencia cara a este tipo de prácticas". O obxectivo é "poñerse en contacto directo co consumidor".

Para Manuel Gago, "internet é tan transparente que é moi difícil ocultalo, porque vaise saber. O blogueiro pode perder a súa credibilidade". Segundo Andrés Milleiro, a diferenza "é cuestión de mercados. O dos EUA é máis grande". Aquí "ultimamente a xente xa informa de que recibiu un produto grazas a unha axencia de márketing", pero tamén se dan accións menos visíbeis como "blogs comerciais coñecidos aos que as marcas convidan a eventos", algo que se fai "máis a nivel de relacións públicas, que non son realmente patrocinios".

Aínda que é un asunto que "entra máis na ética de cada blogueiro", Milleiro pensa "que non estaría de máis" ter unha lexislación como a estadounidense: "Non vexo mal que cada cal explique máis ou menos como se monta o negocio", pois é preciso lexislar "en temas un pouco escuros, como os blogs" porque, ao final, "dálles credibilidade".

O Goberno galego colabora na II Campaña de Software Legal do Ministerio de Industria


A redución en dez puntos do índice de piratería, de aquí a 2011, suporía a creación de dous mil empregos adicionais e 194 millóns de euros en impostos

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica traballa no fomento do uso de software libre mediante o impulso dunha oferta de calidade

A Xunta amosou hoxe o seu apoio á II Campaña de Software Legal promovida polo Ministerio de Industria. Neste sentido, desde o Goberno galego seguiranse a impulsar distintas iniciativas para loitar contra a ‘piratería’ aumentando o uso do software legal por parte dos cidadáns e das empresas da comunidade, co obxectivo de acadar o respecto pola propiedade intelectual do mesmo e dos beneficios que supón. Entre estes cabe citar a redución de riscos legais e de negocio, un mellor soporte técnico e un mantemento adecuado (ausencia de virus, etc.). Ademais, o software legal contribúe o desenrolo da economía ao tempo que reforza o sector das tecnoloxías da información e xera empregos de alta cualificación. Así o explicou o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, Adrián Lence Paz, que participiou na presentación da II Campapa de Software legal impulsada polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio.

A presente situación do mercado de software legal ven marcada por un índice de piratería do 42% no ano 2008. Esta cifra, se ben é certo que se sitúa catro puntos por debaixo da rexistrada no anterior exercicio, mantense aínda un 7% por enriba dos datos da Unión Europea. A redución en dez puntos deste índice de piratería, de aquí ao ano 2011, suporía a creación de mais de 2.000 empregos no mercado nacional, ao tempo que incrementaría en mais de 1.400 millóns a facturación do sector tecnolóxico e en 194 millóns de euros a recadación por impostos.

Ante estes datos, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica traballa na promoción do uso de software legal mediante o impulso dunha oferta de calidade que inclúe distintas iniciativas entre as que destacan a negociación de acordos marco con provedores co obxecto de lograr unha maior eficacia no gasto público, a potenciación do uso de ferramentas de control dos softwares instalados e a adecuada convivencia entre software libre e software propietario.

Neste sentido, enténdese por software libre aquel que pode ser distribuído, modificado, copiado e usado, e, polo tanto, debe vir acompañado dun código para facer efectivas as liberdades que o caracterizan; así, sendo mais sinxelo o acceso a el conserva todas as características do software legal.

A promoción do uso deste software plasmarase a través de numerosas actuacións como a elaboración dunha campaña que impulse a oferta de solucións libres de calidade, a creación dun centro demostrador de softwares libres ou a posta en marcha dun procedemento para licenciar como software de fontes abertas.

Twitter ampliará a súa oferta de idiomas

Cando accedemos a Twitter atopamos que nas súas opcións de idioma só podemos elixir entre inglés ou xaponés, o que resulta un tanto rechamante, e que poderá cambiar en breve segundo anuncian no blog corporativo da compañía de microblogging, xa que abriron unha ferramenta de tradución do seu sistema (que funciona coa colaboración de usuarios selectos) de xeito que nun primeiro momento poderemos gozar de versión de Twitter en francés, italiano, alemán e español, para pasar máis adiante a aplicarse a outras linguas (aínda que sorprende que identifiquen coma linguas o catalán de Valencia e ao éuscaro, mentres esquecen ao galego).

Polo momento non concretaron cando poderemos acceder a Twitter en español.

Os despidos da Xunta en I+D poden deixar sen servizo a 26.000 persoas

Dende a posta en marcha no 2007 de Rede de Dinamización, un dos proxectos do Plan Estratéxico Galego da Sociedade Información, un total de 49 centros localizados en distintos puntos de Galicia, en especial no rural, contribuiron á difusión das novas tecnoloxías da información (TIC) a través de obradoiros, cursos online ou aulas de informática. Estes espazos contan xa cun total de 26.000 usuarios en toda Galicia, que poderían verse afectados polo despido de 45 responsables técnicos destes proxectos.

O pasado 15 de setembro, a Administración iniciou un proceso de rescisión de contratos co despedimento de 14 traballadores do Centro de Referencia e Servizos de software libre (Mancomún) e doutros programas tecnolóxicos, namentras esta semana notificou a uns 120 empregados máis da Fundación Calidade a data de finalización do seu proxecto laboral, o 31 de decembro, segundo confirma a CIG. Todos eles pertencen a iniciativas que impulsara o Goberno bipartito, mentres a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, da que dependen os proxectos afectados, aínda non concreta os plans que ten para eles.

Precisamente, un dos programas máis afectados sería a Rede de Dinamización, que incide, fundamentalmente, en reducir a fenda dixital de sectores como maiores, discapacitados, mulleres ou colectivos con dificultades de acceso ás novas tecnoloxías. Este programa contaba tamén con asesores que orientaban a distintas entidades sobre a mellor maneira de implementar o uso das TIC e que mesmo se desprazaban pola vilas galegas fomentando o uso deste tipo de tecnoloxías.

Este servizo está presente en máis de 70 concellos, localizados, sobre todo en zonas rurais onde existen máis dificultades de acceso a internet. Estes centros están equipados con ordenadores que empregan un sistema operativo libre e en galego como o Galinux. Así mesmo, a Rede Dinamización conta con 49 telecentros, dotados de material informático e audiovisual para familiarizar aos cidadáns coa linguaxe multimedia.

A comunidade de usuarios de software libre xa manifestou a súa inquietude ante a falta de concreción da Xunta sobre estes proxectos e sobre a posibilidade de que non continúen, polo que se dirixirá á Administración para transmitir a súa postura. Porén, nalgúns casos, recoñecen a necesidade de “desvincular da política as cuestións asociadas ao manexo de estándares abertos e difusión das TIC”, explica David Martínez, voceiro do GUL (grupo de usuarios de Linux) Ousli.

Chega Fillos 4.0


A rede social da Galiza exterior convértese, a nivel numérico, no sétimo maior centro galego do mundo.

O portal da Asociación Cultural Fillos de Galicia acaba de renovarse. Coincidindo co momento en que superaba os 6.700 usuarios, o que o converte no sétimo maior centro galego do mundo, inaugurouse Fillos 4.0.

Como todas as actualizacións, o proceso de mudanza é complicado e poden producirse algunhas incidencias, segundo avisaron dende a web. O obxectivo é construír unha rede social máis participativa e con contidos máis accesíbeis no que xa é o punto de encontro na internet da comunidade galega no exterior.

E, como sempre que hai cambios, non todos os usuarios están cómodos cos inevitábeis desprazamentos de menús e novas incorporacións. Haberase que adaptar.

Fillos.org leva 12 anos na rede e márcase xa como seguinte obxectivo chegar ás sete mil persoas usuarias. Na renovación do portal tivo un papel decisivo o técnico Martín Vázquez, que tivo que coordinar a transición dun portal con máis de 100 megas de datos.

Os servizos sociais, máis preto grazas a un novo titorial dos Telecentros


A Rede é un servizo de información de primeira orde. As posibilidades de tirarlle partido para mellorar no posible a nosa calidade de vida son ben grandes. Porén, ás veces o coñecemento que nos pode axudar, malia estar preto, non está cen por cen visible. Facer que non pasemos de largo sen velo é o gran obxectivo dos titoriais que está a presentar a Secretaría Xeral de Medios: recursos para que obteñamos o mellor da Rede na Rede de Telecentros espallada por toda a nosa xeografía e pertencente ao devandito departamento.

Se hai uns días falabamos do titorial encamiñado a favorecer o noso día a día, agora toca facelo dunha nova entrega presentada hoxe: o titorial Servizos Sociais na Rede.
A achega, avaliada en detalle polo subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicacións, Ignacio Otero, vai dirixida a amosarnos as facilidades que a Rede nos pode achegar na obtención de coñecemento práctico sobre as áreas que abranguen os servizos sociais.

A presentación da iniciativa, na que tamén estivo presente Modesto Rouco (subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal), celebrouse en espazos diferentes da nosa xeografía e de xeito simultáneo: en Santiago (sede física da presentación), A Cañiza, Tui, Ourense, Lugo, Betanzos e Oroso. A clave: tirar partido da videoconferencia dende os Telecentros de Telecomunicacións.
Por certo que o titorial, que é un engadido formativo para as usuarias e usuarios dos ditos Telecentros, xurde no marco do proxecto multimedia da campaña Comunícate, da Secretaría Xeral de Medios. Como dixemos, o gran obxectivo desta nova entrega é facilitar o camiño da cidadanía aos servizos sociais, recursos que a día de hoxe se teñen convertido “no cuarto piar dos sistemas de benestar da sociedade”, subliñou Modesto Rouco durante a presentación. En definitiva, trátase dunha guía para coñecer de primeira man o que poden facer por nós as institucións e organizacións en materia de atención á discapacidade, dependencia, inclusión social ou políticas destinadas á mocidade. Asemade, serve tamén para facer máis doado, a través da Rede, o camiño da posta en marcha e desenvolvemento dos trámites dispoñibles.

Seguen os despedimentos nos proxectos de promoción tecnolóxica do anterior equipo da Xunta

Unha boa parte dos proxectos de promoción tecnolóxica xurdidos ao abeiro do anterior Goberno galego son a día de hoxe unha fonte de incógnitas, sobre todo no que se refire ao nivel de apoio que van recibir do actual Executivo. Segundo conta estes días Xornal, ao despedimento recente de sete traballadores do Centro Mancomún (iniciativa de pulo á programación aberta que, ao noso xuízo, non tería porqué estar politizada e, tendo en conta as súas vantaxes, cumpriría que seguise adiante) e doutros programas vinculados, hai que engadir agora a saída doutros sete empregados de proxectos de investigación e desenvolvemento. A maiores, engade, os profesionais da Fundación Calidade xa foron postos ao tanto da vindeira finalización dos seus contratos. Polo tanto, estaríamos xa a falar de 120 persoas despedidas co remate do ano.

Para sindicatos como a CIG, trataríase dunha decisión que vai en contra da aposta polo desenvolvemento, que é o que teoricamente debería importar aos departamentos da Xunta con competencia sobre os devanditos programas de promoción tecnolóxica. Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Modernización alega que o devandito proceso responde a unha necesidade de adaptar os proxectos de divulgación dixital ás liñas estratéxicas do novo Goberno, que non implica nin moito menos o seu peche. De feito, Modernización xa advertiu que continuarán operativos.

Por certo que entre os proxectos máis afectados, informa o devandito sindicato, atópase a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, iniciativa que xa deu probados exemplos de éxito no que se refire a promover o emprego das redes no noso rural (onde os accesos e as posibilidades de formación non abondan) e que segundo explica a CIG quedará a finais de ano sen 45 dos seus traballadores.

Meteogalicia mellora o seu servizo web cunha nova páxina

Xa está dispoñible a nova páxina web de MeteoGalicia, que incorpora importantes novidades co obxectivo de mellorar a súa navegabilidade e ofrecer aos usuarios mais información, novas ferramentas e servizos e unha distribución dos mesmos mais personalizada, xa que o internauta poderá organizar a páxina de inicio segundo as súas preferencias.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou o novo portal, nunha visita á sede central do organismo na que aproveitou para coñecer de preto as instalacións e saudar aos profesionais que traballan na axencia galega de meteoroloxía.

A páxina web de MeteoGalicia recibe un promedio de 380.000 visitas diarias, alcanzando a cifra de 92 millóns de páxinas vistas nos primeiros 8 meses do 2009. No mes de agosto superouse o millón de usuarios diferentes que visitaron a páxina web no ano 2009. Segundo o ranking de Alexa, MeteoGalicia está entre as 10 web mais visitadas de Galicia e entre as 1.000 mais consultadas de España.

Actualización constante

Hernández destacou que MeteoGalicia actualiza os contidos da web para adaptar a páxina aos novos retos tecnolóxicos. O novo portal estivo exposto a consulta pública durante uns meses, ao longo dos cales os usuarios mandaron diversas suxestións que foron incorporándose.

Así, a nova web incorpora os elementos principais de MeteoGalicia baseados na predición diaria e os datos en tempo real da rede de observación meteorolóxica e oceanográfica. Unha das novidades mais salientables reside en permitir a súa configuración polo usuario, o que lle posibilitará ter os produtos de predición dispoñibles inmediatamente sen necesidade de buscalos. Asemade, tense configurado un servidor RSS para que o cidadán poida recibir suscripcións aos diferentes servizos de MeteoGalicia, co cal se pode compartir a información e usala noutros sitios web ou programas.

Outra das melloras importantes consiste nun sistema de alertas por adverso meteorolóxico en forma de mapas con cores por concello, que indicarán a gravidade do fenómeno para os próximos dous días. Tamén se mellora a predición a medio prazo para os pŕoixmos 10 días, que agora permite a territorialización por localidades.

Engádense, ademais, novos produtos derivados do satélite Meteosat (isobaras, índices de risco de incendios, niveis de irradiación solar, temperatura da auga...) así como unha publicación dos mesmos que pasa de ser cada 6 horas a ter dita información cada 15 minutos. A nova páxina web e as innovacións introducidas permitirán incorporar en breve novos servizos, como redes de observación; detección de raios, radar, etc. dun xeito máis amigable para o público.

Despiden a un docente por utilizar un blog como ferramenta educativa

Varios blogs están a comentar hoxe o caso do centro educativo Orue Eskola, adscrito á Asociación de Ikastolas Católicas, no que imparten un ciclo superior de formación profesional en educación infantil, por ter despedido a un docente ao utilizar nas súas clases unha metodoloxía que «non se axusta aos parámetros establecidos pola normativa en vigor» ao utilizar coma elemento motor da materia un blog.

O docente en cuestión só impartía a clase de Desenvolvemento cognitivo e motor, e aproveitaba que a súa aula estaba dotada de proxector, Wi-Fi e 10 ordenadores portátiles para facer un uso intensivo das tecnoloxías a través dunha bitácora de Internet.

O caso sorprende especialmente por xustificar o despedimento do profesor baseándose no uso dunha ferramenta, elemento que non establece a normativa vixente, e por ser unha das poucas veces nas que penalizan o aproveitamento das TIC na educación en vez de facer xusto o contrario.

A Universidade de Vigo presenta un curso sobre a Web 2.0 na educación

A Universidade de Vigo quere tirarlles partido a todas as novidades da Rede para mellorar na medida do posible a súa oferta docente. Máis polo miúdo, a intención é centrarse en todo aquilo que favorece a comunicación libre, a colaboración activa e san entre usuarios e, sobre todo, a posibilidade de construírmos, coas nosas propias mans e dende unha postura de simples internautas, a Internet mesma. En definitiva, do que se trata é de adaptar a Rede 2.0 á docencia, e viceversa. Este é o gran obxectivo do curso Aplicacións Educativas da web 2.0 que organiza a Vicerreitoría de Formación, unha iniciativa nova (vai pola primeira edición) e que se dirixe a familiarizar aos profesores coas ferramentas máis salientables da Rede social e guialos logo na aplicación á súa actividade diaria.

Máis polo miúdo e segundo conta a Universidade, o gran obxectivo do curso é achegar aos docentes o pulo inicial para que entren nas ferramentas 2.0, das que non deberían ficar á marxe nin permitir que o seu alumnado chegase a desaproveitalas como métodos de comunicación e formación.

A iniciativa, tras unha primeira toma de contacto cos fundamentos básicos da Rede social, entrará de cheo na presentación de aplicativos e servizos como Google e seus apartados Groups, Calendar ou Talk; o soporte para publicar presentacións Slideshare, marcadores sociais como Mister-Wong ou comunidades de traballo cooperativo como Xing. Máis adiante, a iniciativa docente abordará cuestións vinculadas ao fenómeno blog (onde o internauta se converte en xestor dun espazo propio de seu dende o que se comunica co mundo e permite que o mundo se comunique con el) e a súa vertente máis didáctica.

A previsión é finalizar o curso coa creación dun wiki, espazo web colectivo que se abre á colaboración de múltiples internautas a través do navegador web. Os interesados en participar nesta actividade, que se desenvolverá os días 23, 25, 27 e 30 de novembro e 2 de decembro en horario de 10.00 a 14.00 horas, poderán formalizar a matrícula ata o 20 de outubro.