Actividade en Betanzos


No marco do proxecto multimedia de formación da campaña “Comunícate”,
presentarase en diversos Telecentros a través de videoconferencia, entre
eles o de Betanzos o cuarto turtorial “Servizos da Rede” o día 2 de
outubro a partires das 12:30.

Este titorial pretende amosar aos usuarios as facilidades que a rede pode
ofrecer no referente a tarefas de primeira necesidade, como solicitar e
reservar unha cita co médico de cabeceira a través de Internet, consultar
listas de espera ou acceder a información sobre servizos sociais para
maiores, rapaces ou persoas en situación de dependencia.

Os titoriais, desenvolvidos en Flash, están pensados para un público con
escasos coñecementos informáticos e tratarán sobre distintos temas
relacionados co mundo das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación e
cos distintos servizos e oportunidades que a rede ofrece na actividade
diaria da cidadanía: o acceso á banca electrónica, a administración
electrónica, a formación on-line, as redes sociais, etc…

Horario de inverno da RDSI


O horario de inverno comeza este xoves 1 de Outubro e será de luns a xoves de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 e o venres de 9.30 a 15.00.

10 persoas con discapacidade intelectual fórmanse en novas tecnoloxías na capital galega

Fademga Feaps Galicia, a Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual do noso país, que conta na actualidade con máis de 40 entidades galegas federadas para prestarlle servizo a un total de 4745 persoas con discapacidade intelectual, vén de anunciar que dende o pasado luns, e ata o vindeiro mércores 30 de setembro, está a formar a un total de 10 persoas deste colectivo, en Internet e informática, dúas ferramentas óptimas para mellorar a autonomía dos alumnos, así como a súa capacitación para o mercado laboral.

Esta acción formativa, que se está a desenvolver en Santiago de Compostela estes días, consta de dous cursos, un de informática básica e outro de iniciación a Internet, impartidos de xeito consecutivo para optimizar a comprensión de conceptos.

Cada un deles ten unha duración de 12 horas, dedicadas a impartir contidos eminentemente prácticos, para que os alumnos inscritos poidan traballar de primeira man, as técnicas explicadas polos formadores.

Esta acción formativa ten como principais obxectivos adquirir una visión xeral sobre Internet e os ordenadores conectados á Rede e coñecer os principais servizos que ofrece a mesma, tales como a World Wide Web, o correo electrónico, os FTP, os servizos de novas, blogs...

Os cursos tamén buscan que os usuarios aprendar as operacións habituais para o manexo do navegador e realicen con éxito accións tan habituais para os internautas como son enviar e recibir mensaxes de correo electrónico, buscar información empregando buscadores ou traballar cos vínculos contidos nas webs, entre outras cousas.

Asemade, no tocante á parte física do ordenador, os asistentes a esta acción formativa, tamén aprenderán a traballar cos periféricos de entrada básicos, tales como o rato ou o teclado, e a usar a impresora ou o escáner.

Os responsables de Fademga encargados da formación en novas tecnoloxías das persoas con discapacidade intelectual pertencentes á federación, aseguran que a informática, como ferramenta fundamental na sociedade actual, vaille servir a este colectivo tanto para a súa socialización como para a búsqueda de emprego ou desempeño do mesmo en igualdade de condicións. Por iso, para que as persoas con discapacidade intelectual non queden excluídas da sociedade do coñecemento, afirman, “é necesario que adquiran as suficientes competencias que garantan un dominio mínimo das novas tecnoloxías, que permita o seu desenvolvemento social e persoal e mellore a súa integración efectiva na sociedade actual”. Por este motivo, a federación decidiu programar esta actividade, que será levada a cabo por técnicos da mesma, e que se verá ampliada noutras localidades galegas, polo éxito da convocatoria.

Os EUA poñerán en marcha webs propagandísticas camufladas

O Comando de Operacións Especiais especifica que as páxinas, en diversos idiomas, "orienten" a cidadanía a prol dos intereses dos EUA.

O goberno dos Estados Unidos contratou unha empresa para cree webs que difundan propaganda a prol dos EUA. Ademais, rastrexará e almacenará datos persoais das persoas que visiten a web da Casa Branca a través de redes sociais.

O Comando de Operacións Especiais (SOCOM) asinou coa empresa General Dynamics un contrato de 10 millóns de dólares (6,8 millóns de euros) para xestionar esta rede de sitios web. O obxectivo é apoiar as operacións especiais estadounidenses en determinados países do mundo. O Reino Unido e Francia foron designadas como "áreas obxecto de aprendizaxe".

Segundo informa a web francófona Planète Non Violence, a difusión da información de propaganda militar deberase presentar como "independente". General Dynamics, a cuarta con máis contratos do goberno federal estadounidense e a quinta mundial no sector da defensa, terá un ano para poñer en marcha a iniciativa.

Especifícase que se han crear entre dous e 12 sitios destinados á propaganda. Tamén se prevé que as webs sexan accesíbeis as 24 horas do día e dispoñan de "programación orixinal, noticias, deportes, entretemento, política, cultura, economía", mediante todas as ferramentas multimedia dispoñíbeis. Ademais, han de estar dispostas a publicar de inmediato toda a propaganda que lle ordene o SOCOM. O organismo militar tamén terá a potestade de aprobar o deseño e o logotipo da web.

O papel deses sitios é influenciar a opinión pública estranxeira usando conceptos aprobados polo goberno estadounidense e combater os "inimigos de internet" que fornecen información que non cumpre cos intereses do exército dos EUA.

Para "orientar" a cidadanía desas áreas empregaranse linguas como o árabe, o urdú, o persa, o ruso ou o malaio, pero tamén o francés, o inglés británico e o chinés. O Pentágono xa dispón de webs informativas nos Balcáns, o Magreb, o Iraq, América Latina e Asia. E todo isto, a pesar do anuncio de Obama de substituír a guerra contra o terrorismo por "operacións de emerxencia".

Por outra banda, unha empresa privada encargarase de gardar durante oito anos os datos persoais das persoas que visiten as webs do goberno dos EUA. Tamén ten contratos con varias redes sociais como YouTube, MySpace, Facebook, e Flickr que permiten controlar as visitas aos sitios do goberno "para fins publicitarios".

Nova demanda á Wikipedia por ofrecer información supostamente deformada


En ocasións, o coñecemento é unha lousa. Ter lido moito non nos sitúa en posesión de toda a verdade… nin tampouco o contrario. A cousa se complica cando falamos de varias persoas achegando información, tendendo a pornos ao límite da vertixe cando do que se trata é dunha comunidade internauta por enteiro subministrando datos. Que isto xere vantaxes e inconvenientes é case inevitable. Así llo debe parecer a unha boa parte dos internautas logo de asistir aos ataques da filla adoptiva de Jacques Chirac contra un dos grandes símbolos do coñecemento colectivo en liña: a Wikipedia.

Segundo se conta en Silicon News Francia, as queixas xa remataron en demanda en toda regra contra a enciclopedia en liña. A razón? Ao parecer, Anh-Dao Traxel (a filla de Chirac, quen foi presidente de Francia) non viu con bos ollos a reconstrución da súa vida achegada pola Wikipedia, máis en detalle o período que abrangue entre o seu casamento e o seu divorcio.

Segundo informa Traxel, a información que subministra a enciclopedia está deformada, xa que segundo se conta nela, a demandante tería abandonado aos seus fillos e mans do seu home, sendo o seu obxectivo refacer a súa vida co seu segundo marido e así gozar do seu apelido e das vantaxes ligadas ao mesmo. Para Traxel, como se pode supoñer, a realidade é outra.

Porén, a Wikipedia nin lle dá nin lle quita a razón, pero deixa claro que ela non é responsable do artigo senón máis ben a persoa que o redactou e que se agocha baixo o pseudónimo Homminex. Asemade, advirte que este tipo de situacións van camiño de chegar á súa fin coa posta en marcha dunha serie de medidas que contribúan a verificar a información, como por exemplo a aplicación de cores distintivas que sirvan para dar conta da fiabilidade do texto e deixen fóra de xogo aos internautas que non se cinguen á verdade.

Novos obradoiros da RDSI na Asociación de empresarias da Coruña


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración coa Asociación de Empresarias da Coruña, está a organizar novas actividades formativas para o mes de outubro. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes: Manexo básico da cámara dixital (de luns a venres, do 13 ao 23 de outubro, de 10 a 11 horas), Iniciación á Internet (desenvolverase entre o 13 e o 29 de outubro, os martes, mércores e xoves de 16.30 a 17.30 horas) e Manexo do rato e o teclado (de luns a venres, dende o 26 até o 30 de outubro, de 10.30 ás 11.00 horas).

Todas as actividades devanditas van dirixidas a conseguir que as asistentes se introduzan nas vantaxes do uso das novas tecnoloxías, aplicables non só á súa vida diaria senón tamén á comunicación coas persoas da súa contorna ou mesmo á modernización das súas respectivas empresas ou negocios.

Ademais dos obradoiros de informática, a Rede de Dinamización e a Asociación de Empresarias van organizar unha charla formativa, Foros na rede, acerca dunha das ferramentas máis útiles que nos ofrece Internet: os foros. Será o día 6 de outubro entre as 16.30 e las 18.00horas.

O prazo de inscrición para estas actividades rematará o día previo ao seu comezo.

Unha páxina web promoverá o uso do coche compartido entre a cidadanía e visitantes de Ferrol

Redución de emisións nocivas á atmosfera e aforro económico para a cidadanía. Tales son as metas de 'Compartes coche?', a nova web que promoveu o Concello de Ferrol a través da súa Concellaría de Medio Ambiente e Servizos. A páxina permite aos usuarios ofertar percorridos e solicitalos, poñéndoos en contacto por correo electrónico.

Compartes coche? foi desenvolvida desde o propio Concello e está integrada no portal municipal. Trátase dunha aplicación sinxela destinada a que os usuarios se inscriban, ben para ofrecer un traxecto, ben para apuntarse a outro preestablecido. O programa ofrece vantaxes para a poboación local en especial, pero tamén para aquelas persoas que visitan Ferrol esporádica ou puntualmente.

A persoa que procure acompañantes para o seu traxecto deberá rexistrase na web cubrindo un formulario cos seus datos persoais, se ben só se mostrará publicamente o seu nome. Unha vez rexistrado, o usuario poderá introducir a información relativa ao traxecto: orixe, destino, frecuencia, motivo, hora de saída e regreso e comentarios adicionais.

Aquelas persoas interesadas nun traxecto dado tamén deberán rexistrarse na web. A súa solicitude chegaralle á persoa ofertante, que poderá aceptala ou rexeitala. O contacto establécese sempre vía correo electrónico, a fin de manter o anonimato das persoas participantes.

A iniciativa presentouse no marco da Semana da Mobilidade e do Día sen Coches que está a celebrarse en Ferrol. A través dela, a cámara municipal quere mellorar a eficiencia do sistema de transportes e incrementar a ocupación dos turismos privados. Nos percorridos urbanos, a ocupación é de tan só 1,2 pasaxeiros por turismo.

As estatísticas indican que un de cada tres traxectos realizados nas cidades se desenvolven en vehículo privado. As viaxes compartidas xogan, xa que logo, a favor da redución das emisións de CO2 e dos gastos derivados do combustible e o mantemento do vehículo. E tamén permiten reducir outros custos derivados, como a conxestión viaria, a contaminación acústica ou a accidentabilidade.

A plataforma galega de redes sociais Cabozo chega á súa versión 2.0


Dende o pasado 11 de setembro, a rede social galega Cabozo.com, creada polo viveirense Antonio Mariño coa colaboración do tamén viveirense Ánxel Folgueira, pon a disposición dos internautas galegos unha nova versión da popular rede social.
A principal novidade desta nova versión é o redeseño total da estrutura da web para dotar a Cabozo dunha nova interface, máis intuitiva e ordenada, ademais de achegar novas ferramentas e utilidades aos seus usuarios.

Esta nova versión entrou en funcionamento o mesmo día no que, a cada día máis popular rede social galega, superaba os 1.100 usuarios rexistrados nos pouco máis de 7 meses que leva a disposición dos internautas.

As principais novidades incorporadas a Cabozo son:

- Redeseño por completo da estrutura principal da web para facilitar o uso e goce das moitas e novas utilidades que ofrece aos seus usuarios.
- Acceso directo ao noso espazo persoal (Taboleiro) dende o cal poderemos acceder, a través dun sinxelo e cómodo menú de pestanas, ás principais ferramentas de Cabozo.
- Agora, para facilitar o manexo da web, o primeiro que verán os novos usuarios ao entrar en Cabozo serán dous videotitoriais onde se explica, de forma xeral, o funcionamento da web.
- Cabozadas: Novo servizo de micro-blogging (mensaxes curtas de non máis de 140 carácteres) onde poderemos manter conversacións ao mesmo tempo con todos os usuarios da web en tempo real. Unha das novidades mellor acollidas polos usuarios de Cabozo.
- Lox: Novo sistema de avisos automáticos para estar ao tanto de todo o que sucede na web e das actualizacións dos usuarios que seguimos.
- Novas: Novo servizo onde poderemos ver as noticias dos principais medios de comunicación galegos e non galegos. Ademais engádese unha ferramenta a través da cal se poden contrastar estas noticias co publicado noutros medios de comunicación. Estas noticias poderán ser enviadas sen saír de Cabozo a Chuza.org.
- Agora tamén podes coñecer o tempo que vai facer na túa localidade sen saír de Cabozo.
- Notas: novo espazo persoal onde gardar as nosas anotacións persoais de forma privada.
- Coa nova versión ofrécese a posibilidade de conectarse a través de Cabozo á web galega Lareta.net (Microbloguexo dende Galicia)
- Novo perfil de usuario que introduce unha ferramenta que nos avisa daqueles usuarios con gustos similares aos nosos. Ademais facilítase o código para enlazar ao noso perfil en Cabozo dende outras webs, blogs, foros, etc.
- Posibilidade de crear álbums persoais públicos ou privados.
- Posibilidade de enviar convites dende Cabozo a aqueles colegas que aínda non son usuarios da web.
- Nova ferramenta para buscar usuarios na web.
- Ranking dos usuarios de Cabozo máis activos.
- Usuario do mes (entrevista incluída)
- Xogos. Agora en Cabozo poderás xogar a algúns dos xogos máis populares como o Tetris, Solitario, Xadrez, Conecta 4, Bomb Jack, Bouncing Balls, Sudoku, Damas, Black Jack, Pang, Mini Golf ou Snow Trouble.
- Novo reprodutor dos vídeos de YouTube subidos aos distintos grupos e posibilidade de descarga directa destes.
Amais de todas estas novidades os usuarios poderán seguir gozando de todas as posibilidades que xa ofrecía Cabozo.com antes desta nova versión como a creación de grupos públicos ou privados, unirse aos máis de 100 grupos xa existentes na web.

O Centro de Dinamización de Moaña desvela os segredos das redes sociais


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Moaña, achégalle á veciñanza unha charla de achegamento ás novas tecnoloxías da información. O encontro divulgativo desenvolverase este 25 de setembro no Centro de Dinamización da vila pontevedresa. A charla versará sobre o fenómeno das redes sociais (as que permiten que as persoas, comunicándose entre si, lle dean forma e fondo á propia rede) e dará comezo a partires das 9:30 da mañá. Segundo informa a organización, os/as asistentes descubrirán unha nova forma de comunicarse e manterse en contacto a través de Internet. Máis polo miúdo, e para que a introdución nas redes sociais (tamén chamadas Web 2.0) sexa o máis completa posible, daranse a coñecer portais representativos como Facebook, Tuenti ou Hi5.

Asemade, informa o Centro de Dinamización de Moaña afondando na súa achega formativa, está programado un obradoiro para os días 28, 29 e 30 en horario de 9:30 a 11:30 para todo aquel veciño que queira aprender a manexar dita ferramenta.

Google estrea unha aplicación para engadirlle comentarios ás webs visitadas


O xigante americano Google, sabedor de que as grandes vantaxes da Rede radican basicamente na posibilidade de poder compartir coñecementos e experiencias con outros internautas (daí o grande éxito que están a ter na actualidade as redes sociais), vén de lanzar a Sidewiki, unha ferramenta que lle permite aos usuarios e usuarias facer comentarios ou dar opinións e información adicional mentres visitan un sitio web, e compartilos con outros internautas.

Para acceder a esta nova ferramenta, a persoa interesada tan só terá que facer click no botón correspondente na barra e, ao instante, despregarase na marxe esquerda da páxina un espazo sobre o que se poderá redactar aquela infomación que se pretenda compartir co resto de internautas.

Estes comentarios e opinión son públicos para todos aqueles usuarios e usuarias que teñan instalada a barra Google, e permiten enriquecer o contido das páxinas, aportando información adicional, que dependendo de quen veña poderá ser máis ou menos seria e fiable.

Segundo informou o director de Xestión de Produtos de Google, Tom Stocky, “moitos daqueles que visitan unha web teñen coñecementos, opinións ou experiencias que poderán mellorar moito as visitas que fagan no futuro outras persoas a esa mesma web”; “ao engadir un elemento interactivo á visualización dunha páxina web”, continúa, “Sidewiki permite incrementar o intercambio de información en liña e mellorar a experiencia xeral da xente en Internet”.

As entradas feitas a través desta ferramenta tamén se poden compartir en Facebook ou Twitter, ademais de enviar a ligazón directamente por correo electrónico.
Por poñer un exemplo da utilidade desta ferramenta, a propia compañía achegou o seguinte: “se estás a ver unha páxina da Wikipedia sobre Rajmáninov e ti publicaches un vídeo no que saes tocando o preludio deste compositor, xa podes insertalo de xeito doado nunha anotación de Sidewiki para que outros internatuas o vexan”.

Este non creo que sexa o caso de ningún internauta coñecido noso, pero se hai algo que sobre na Rede, iso son usuarios con ganas de saltar á fama a calquera prezo... o tempo dirá se a utilidade da ferramenta radica en complementar as webs con información ou, pola contra, en entorpecer a lectura dos usuarios con insercións de contidos absurdos e sen xeito.

Curso de Blogs para profesores

O programa educativo Prensa-Escola, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia, convocou o primeiro curso de blogs para profesores da edición 2009-2010, actividade formativa que terá lugar na sala web do Telecentro de Comunicación da Facultade de Ciencias de Comunicación de 18:00 a 21:00 horas os días 14 e 15 de outubro e de 18:00 a 20:00 horas o día 16 do mesmo mes, podendo participar nesta actividade os docentes dos centros educativos galegos.

O encargado de impartir este obradoiro (que tamén levarase a outras cidades galegas) será o profesor Alberto Sacido, que informará aos participantes das chaves para crear e xestionar unha bitácora de Internet e tirar o máximo partido ás TIC aplicándoas á educación.

Os profesores interesados en participar poden inscribirse no curso por correo electrónico ou a través do teléfono 902 103 156.

Cidadáns de España e Portugal poderán realizar trámites administrativos electrónicos nas dúas marxes da fronteira

Os trámites administrativos interestatais veranse axilizados grazas a un convenio asinado polos gobernos de España e Portugal. A cidadanía española poderá empregar o DNI electrónico ante a Administración portuguesa e, de maneira recíproca, a poboación lusa poderá valerse en España do seu Cartão de Cidadão.

O Ministerio español da Presidencia manifestou que este acordo será especialmente beneficioso para a poboación das zonas limítrofes dos dous estados. Isto afecta especialmente ao sur de Galicia, na que se dá unha relación crecente de cidadáns galegos e galegas coa administración portuguesa, á vez que a poboación do norte portugués toma un contacto maior coa administración galega.

O acordo asinárono a secretaria de Estado española para a Función Pública, Carmen Gomis, e a secretaria de Estado portuguesa de Modernización Administrativa, María Manuel de Lemos Leitão Marques. Trátase dun convenio de colaboración para prestar servizos de validación dos certificados electrónicos de ambos os estados.

Estes certificados poden ser os do DNI electrónico -do que xa foron expedidos 12 millóns-, os outorgados pola Casa de la Moneda ou calquera outra administración con autoridade de certificación. Desde 2006 opera en España unha aplicación informática denominada "@firma" que permite asegurar a validez do certificado electrónico empregado pola cidadanía á hora de realizar trámites coa Administración Pública vía Internet. Portugal, pola súa banda, tamén emite o seu Cartão de Cidadão electrónico e está a desenvolver o Sistema de Certificación Electrónica do Estado.

Primeiro proxecto continental

Esta é unha das poucas iniciativas de tales características en Europa e segue a liña do proxecto europeo STORK, do que forman parte 14 estados membros para o recoñecemento mutuo das súas identidades electrónicas. De feito, a colaboración hispanolusa é un paso pioneiro de integración, previo aos proxectos piloto de interoperabilidade a grande escala entre todos os estados.

Lugo acolle a V Xornada do Proxecto EmprendeTIC

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo vai acoller, este xoves 24, a quinta xornada demostrativa do Proxecto EmprendeTIC, que organiza a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) baixo a temática, Traballar con plataformas de portais e xestores documentais, para dar acollida a calquera empresa interesada en dispoñer de plataforma propia na Rede.

Unha plataforma de portais permítelles ás grandes, medianas e pequenas empresas, segundo afirman os responsables da iniciativa, “dispoñer dunha única plataforma na que integrar todas as súas iniciativas web”, asemade, continúan, “serve como repositorio documental corporativo, posibilita o acceso a ela dende fóra da oficina e organiza a comunicación cos empregados, clientes e provedores”. Por outra banda, engaden, “cun xestor documental pódese ordenar, conservar e compartir toda a información que a miúdo se atopa dispersa por distintos departamentos e arquivos”, facilitando o labor dos empregados de calquera empresa ou negocio.

O acto, que dará comezo a partir das 19:00 horas, contará coa presenza, entre outros, de Diego Grande Varela, da multinacional española Tecnocom, e Víctor Fariña Infante e Julián Cerviño Iglesia, da firma galega Queres Tecnologías, que relatarán a súa propia experiencia ao mando de cadansúa consultora TIC onde ofrecen os devanditos servizos.

Logo das súas exposicións, a xornada proseguirá coa presentación de dous casos prácticos de empresas que están a funcionar cun xestor documental no noso país: a asesoría e xestoría Álvarez Real e consultoría técnica integral Proitec.
A xornada rematará co sorteo dun escáner entre os asistentes.

A USC recibe aos novos estudantes do Grao de Enxeñaría Informática cunha Install Party

No encontro instalaranse os sistemas operativos Galinux e UbuntuUSC

A Oficina de Software Libre da USC, en colaboración co GGUL AUSLUSC, ofrecerá os días 28 e 29 de setembro un obradoiro Install Party. Esta actividade terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC e dirixirase aos alumnos da nova titulación do Grao de Enxeñaría Informática, quen aprenderán , no transcurso do obradoiro, a instalar no seu computador os sistemas operativos UbuntuUSC e Galinux.

A actividade formativa completarase co curso “Introdución a Linux”, no que os asistentes iniciaranse no traballo en escritorio e en terminal nos sistemas operativos previamente instalados.

Todas as sesións desenvolveranse nas aulas I5 e I6 da ETSE en horario de 9 a 11 horas, agás o día 1 de outubro no que terá lugar entre as 12 e as 14 horas.

Ofertaranse un total de 50 prazas para cada un dos obradoiros, polo que será requirida inscrición previa, mediante o envio dun correo electrónico antes do venres 25 de setembro á secretaría da ETSE (aula.profesional@usc.es). Nel deberá indicarse no asunto "Linux", e no texto se se inscriben no curso de Instalación, no de "Uso básico" ou en ambos.

Os cursos están inscritos dentro da Aula Profesional ETSE recoñecíbeis posteriormente mediante créditos de libre elección.

UbuntuUSC é unha personalización da distribución Ubuntu. Este sistema operativo foi desenvolvido polo persoal técnico da OSLUSC baseándose no metapaquete araOS, para dotalo da estética corporativa da universidade e as configuracións de hardware necesarias para operar no entorno universitario.

Para máis información, vexa: http://www.usc.es/etse/?q=gl/node/1160

A aplicación de organización de fotografías Picasa chega á súa versión 3.5


A aplicación de organización de fotografías Picasa chega á súa versión 3.5 incorporando a posibilidade de etiquetar a nosa colección de fotografías aproveitando a tecnoloxía de recoñecemento facial de Picasa Web Albums e permitindo a xeolocalización de fotografías integrándose con Google Maps.
O servizo de identificación de rostros funciona bastante ben, de xeito que cando etiquetemos a unha persoa en 2 ou 3 fotografías veremos coma é identificada noutras fotografías nas que tamén aparece, o que facilita a organización das nosas imaxes, así como a busca de instantáneas en concreto.

O computador matará a caligrafía?

A caligrafía está en perigo de extinción. Asegúrano persoas estadounidenses expertas en pedagoxía. No sistema educativo cada vez se lle dá menos importancia a esta disciplina. O estudantado só precisa escribir a man para si mesmo e non para manter comunicacións con outras persoas, que se fan a través do teclado, polo que o ensino da arte da "boa letra" vai perdendo protagonismo.

Unha reportaxe de Tom Breen para Associated Press reflicte a experiencia dunha nai de Virxinia Occidental que comprobou que a súa filla de oitavo curso escribía como unha nena pequena. De feito, nese estado só se ensina caligrafía en terceiro curso. A tecnoloxía actual fixo que esa disciplia quedase obsoleta.

As avaliacións nacionais do progreso educativo, uns exames que se efectúan nos Estados Unidos para comprobar estatisticamente a eficacia do ensino, pasarán a ser exclusivamente a través do computador no ano 2011 para o estudantado de oitavo e 11º cursos, e tamén para o de cuarto no ano 2019.

Nun mundo onde cada vez é máis necesario saber empregar un teclado, hai cada vez menos tempo para practicar a boa escrita manual. Segundo algúns expertos consultados, como a profesora Cheryl Jeffers, da Universidade Marshall, córrese o perigo de que algún día os textos escritos resulten indescifrábeis para a xente.

Porén, non todo está perdido. Nos Estados Unidos existen competicións anuais de caligrafía, do mesmo xeito que as hai de soletreado. A responsábel dun deles, Kathleen Wright, asegura que este ano se bateu a marca de inscricións, con máis de 200 mil solicitudes. Outras expertas aseguran que a escrita manual nunca morrerá, pois a meirande parte das tarefas escolares fanse a man e sempre se amosa o exemplo de "que farías nunha illa deserta onde non haxa electricidade?".

As estatísticas do sistema educativo dos EUA amosan que o maior grao de lexibilidade na escrita acádase no cuarto curso, e despois vaise perdendo esa disciplina. Na idade adulta, a meirande parte das persoas acaban empregando unha mestura de escrita cursiva e de imprenta. En calquera caso, é máis alarmante a perda de capacidade da expresión escrita: o 26 por cento do alumnado de 12º curso (equivalente a segundo de Bacharelato) carece das aptitudes básicas.

Xornadas na Coruña para fomentar o uso dos Servizos Públicos a través da rede

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio organiza na Coruña as Xornadas de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza, que comezan hoxe mércores. Os encontros teñen como obxectivo garantir o acceso da cidadanía aos servizos municipais a través de internet e complétanse cunha exposición sobre as vantaxes do uso das novas tecnoloxías para relacionarse coa administración.

As Xornadas de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza e mais o conxunto de aplicacións Avanza Local Soluciones teñen por obxectivo promover a modernización das administracións locais para garantir o dereito da cidadanía a relacionarse coa administración municipal a través da rede. O acto de presentación celebrarase ás 11 horas no Auditorio da Fundación Caixa Galicia da Coruña.

As xornadas están dirixidas aos técnicos do concello e ás empresas locais de servizos tecnolóxicos para que poidan prestar servizos de administración electrónica. Terán un carácter formativo, con sesións sobre a implantación e o manexo de LocalWeb, LocalGis e SIGEM, ferramentas orientadas á posta ao día das administracións locais.

En paralelo, abrirase unha exposición dirixida á cidadanía. Co título “e-Administración, aberto 24 horas”, a mostra achegará información sobre as vantaxes do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas xestións que se realizan coa administración pública. Estará na Coruña do 23 ao 28 de setembro.

Por último, do 5 ao 8 de outubro celebrarase un curso de formación nas aplicacións da plataforma Avanza Local Soluciones. As sesións impartiranse na sede da Deputación Provincial da Coruña en horario de 9 a 15 horas.

Jacobo Lázare falará das súas experiencias en comercio electrónico no Iniciador Galicia de outubro

O venres 2 de outubro ás 19:00 horas terá lugar no ITE Caixa Galicia de A Coruña (sito no número 31 da Ronda de Nelle) unha nova edición dos encontros Iniciador Galicia, que nesta ocasión conta coma relator a Jacobo Lázare, o fundador da tenda en liña DiscoAzul.com e que nos últimos meses lanzou a plataforma de compra-venda a través da Internet BiboBido.com, de xeito que este emprendedor lugués dará conta dos retos que supón o comercio electrónico en Galicia.

Lázare xa participou nas anteriores convocatorias de Iniciador Galicia coma patrocinador, polo que o seu compromiso con estas xornadas participativas, nas que pretenden que emprendedores e interesados no sector tecnolóxico poidan dialogar sobre cómo superar os atrancos que van xurdindo na aventura empresarial, está máis que confirmado.

A asistencia ao evento é gratuíta, aínda que agradecen a inscrición por correo electrónico ou a través de Facebook.

Google Sync permite acceder a Gmail mediante push

A comezos de ano lanzouse Google Sync coma un servizo que permite sincronizar os contactos de Gmail e o calendario de Google con terminais móbiles con Windows Mobile ou S60, así coma co iPhone e o iPod Touch, e son precisamente os usuarios dos dispositivos de Apple os que agradecerán que veñan de mellorar o servizo para incorporar a tecnoloxía push para as mensaxes de correo de Gmail, o que implica que os usuarios poidan recibilas no seu terminal de xeito pasivo, ou sexa, que os correos electrónicos irán a parar case instantaneamente aos dispositivos móbiles sen ter que entrar na aplicación de correo electrónico para consultar se hai mensaxes novas.

O iPhone incorporou o soporte da tecnoloxía push para poder competir cos terminais Blackberry, pero ata o momento estaba limitado a contas de correo subministradas por Apple (de pago), e agora tamén pode empregarse con contas de Gmail, o que agradecerán os usuarios, pois poden contar así cunha prestación avanzada sen custos adicionais.

Aparte de no iPhone e o iPod Touch, o correo push de Google Sync tamén funciona con terminais co sistema operativo Android e incluso co Palm Pre.

Actividades da Rede de Dinamización para o mes de outubro


Obradoiro de mecanografía

Comezo: Martes, 6 de outubro
Horarios: os días 6, 7, 8 e 9 de 16:30-18:30
Destinatarios: persoas que desexen aprender ou mellorar o uso do teclado
Fin: venres, 9 de outubro
Duración: 8 horas
Obxectivos: manexar con soltura o teclado ou perfeccionar a súa habilidade co mesmo.


Obradoiro de mecanografia II

Comezo: martes, 13 de outubro
Horarios: os días 13, 14, 15 e 16 de 16:30-18:30
Destinatarios: persoas que desexen aprender ou mellorar o uso do teclado.
Fin: venres, 16 de outubro
Duración: 8 horas
Obxectivos: O usuario/a será capaz ao finalizar este obradoiro de manexar o teclado con soltura.


Obradoiro de iniciación a Informática

Comezo: Luns, 19 de outubro
Horario: os días 19, 20, 22 e 23 de 16:30-18:30
Destinatarios: todas aquelas persoas queiran usar por primeira vez un ordenador
Fin: venres, 23 de outubro
Duración: 8 horas
Obxectivos: O usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de manexar de forma
básica un computador


Obradoiro de correo electrónico

Comezo: martes, 27 de outubro
Horarios: os días 27, 28, 29 e 30 de 16:30-18:30
Destinatarios: persoas que saiban manexar un ordenador e que queiran aprender a
comunicarse a través co email.
Fin: venres, 30 de outubro
Duración: 8 horas
Obxectivos: aprender a crear unha conta de correo electrónico e xestionala.


Redes Sociais ¿Qué son? - Charla


Horarios: o día 26 de outubro de 16:30-17:30 Obxectivos: Aprender que son as redes sociais: Facebook, Tuenti....


Todos os obradoiros celebraranse na Aula de Informática da Rede de Telecentros de Betanzos sito na Rúa Emilio Romay s/n (a carón do museo).

Máis información na propia aula, no teléfono 981.771300,no enderezo electrónico
rebeca.betanzos @dinamiza.fundacioncalidade.org e www.redededinamizacion.eu

A Rede de Dinamización supera os 25.000 usuarios e usuarias


Neste mes, as persoas participantes en actividades formativas foron xa preto de 400

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información traspasou a barreira das 25.000 persoas rexistradas; concretamente, os seus usuarios e usuarias supoñen xa 25.569 desde que este proxecto botara a andar en xaneiro do ano 2007. Desa data até hoxe impartíronse 5.216 obradoiros tecnolóxicos variados, nos que se formaron 33.476 participantes que acudiron ás 43.163 horas que supuxeron.

Tamén se realizaron 357 iniciativas (que contaron con 14.400 participantes) e 617 actividades de difusión, ás que asistiron 3.498 persoas. Asemade, a Rede puxo en marcha 61 cursos de formación específica para PEMES e microPEMES, que supuxeron 1.508 horas e nos que se formaron a 674 alumnos e alumnas. 300 charlas contaron con 2.539 asistentes. Por último cabe subliñar tamén a realización dun plan de teleformación para a cidadanía, no que participaron 1.026 persoas.

Tras o descanso estival, o mes en curso está a deixar uns datos plenamente satisfactorios, con 411 novos rexistros e 5.308 usos das instalacións da Rede. É de rigor destacar así mesmo os 133 obradoiros desenvoltos nestas case tres semanas, así como os seus 383 participantes e as súas 1.050 horas formativas, e tamén hai que pór de manifesto as 39 charlas programadas para setembro e os seus, polo de agora, 219 participantes.

Facebook da máis opcións


En xuño Facebook abriu a posibilidade de personalizar o nome de usuario no seu servizo web de xeito que sirva de atallo para acceder aos perfís de cada persoa, e agora levan máis adiante esta iniciativa permitindo que os usuarios poidan identificarse no sistema empregando o nome de usuario personalizado en vez do seu enderezo de correo electrónico (que continúan a funcionar).

Deste xeito os nomes de usuario non só servirán para crear enderezos web doados de lembrar, senón que tamén servirán para ingresar en Facebook dun xeito máis rápido e intuitivo.

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións premiará as mellores webs .es

Con motivo do 20 aniversario da existencia dos dominios .es, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de Rede.es, convoca un concurso para premiar as mellores webs .es das últimas dúas décadas.

O obxectivo é galardoar as webs máis notorias dos últimos 20 anos, con maior repercusión mediática, número de seguidores e un contido actualizado, atractivo e de calidade. Así mesmo, preténdese recoñecer as entidades ou empresas que consigan, a través da súa web baixo o dominio .es, un incremento do seu posicionamento, prestixio ou vendas. Do mesmo xeito, tamén se premiaran aquelas persoas físicas que sexan titulares de webs .es destacadas.

Os aspirantes poden presentar as súas candidaturas até o próximo 9 de outubro ás 12 horas, enviando ao correo electrónico lasmejoreswebs@dominios.es a documentación que se solicita nas bases, que pode descargarse desde a web www.dominios.es ou ben solicitalas a través do teléfono 902 010 755.

Os premios entregaranse no transcurso da terceira edición de FICOD (www.ficod2009.es), que se celebra do 17 ao 19 de novembro en Madrid.

A web do Sergas xestionou case un millón de citas médicas no primeiro semestre


Un total de 951.233 citas médicas foron tramitadas a través da páxina Sergas.es durante o primeiro semestre deste ano. E ese número segue a aumentar. As citas de Atención Primaria medraron en máis de 360 mil, comparado co ano anterior.
Servizo Galego de Saúde

Por número de pacientes, as áreas onde máis se emprega esta modalidade son a de Vigo, con 235 mil, e a da Coruña, con 161 mil, seguida da de Santiago, con 149 mil.

A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a administración sanitaria galega perseguía o obxectivo de facilitarlles aos cidadáns as interacción e relacións coa administración sanitaria.

Dende o seu inicio, o Servizo Galego de Saúde garantiu que todas as transacións efectuadas mediante este procedemento nas que interveñen datos de carácter persoal son feitas coas máximas garantías de seguridade.

Ademais, a través da páxina Sergas.es ofrécese un amplo catálogo de servizos, entre os que se inclúe a petición de cita previa, pero tamén outros como cambiar de médico, ou realizar trámites de tarxeta sanitaria. Tamén se pode coñecer o abano de facultativos dispoñibles e os lugares e horarios de consulta de cada un dos centros de saúde.

O buscador líder decide non incluír na súa versión .es a ligazón conmemorativa do aniversario de H. G. Wells.



Algúns días sinalados do ano, Google cambia o seu logotipo para conmemorar algún día mundial ou aniversario. Este 21 de setembro era a quenda do escritor H. G. Wells, autor de clásicos da ciencia-ficción como A máquina do tempo ou A guerra dos mundos. Google decidiu celebrar o aniversario do autor cunha imaxe que representa uns pratos voadores sobrevoando unha aldea.

Pero este luns, moita xente puido comprobar que, ao pasar o punteiro do rato por riba da imaxe, aparecía unha estraña mensaxe: "Not for Spain". Que querería dicir iso? Que os extraterrestres non invadirían o Estado Español por algún escuro motivo?

A explicación é moito máis simple, aínda que tamén escura. Google está a bloquear as agresivas estratexias de posicionamento en buscadores (SEO) que se desenvolven no Estado Español. As imaxes conmemorativas do buscador ligan a unha busca relacionada co autor ou coa efeméride, o que significa que as webs que aparecen entre os primeiros resultados desa busca reciben miles de visitas.

Os 'doodles', que así se chaman as modificacións do logotipo de Google, convertéronse nun dos obxectivos dos especialistas españois en posicionamento, que tentan colocar, a cambio de diñeiro, unha web determinada entre os primeiros resultados, o que, ao final, contravén o obxectivo de Google, que é atopar o que se busca. Ese parece ser o motivo dese "Not for Spain", unha sorte de aviso a navegantes, segundo conta a web de novas Menéame. Así, a versión do buscador para o Estado Español non inclúe ligazón, e quizais siga sen facelo nas próximas efemérides.

O futuro dos medios na rede debátese en Santiago

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organiza o próximo martes en Santiago a xornada 'Presente e futuro da prensa escrita e a televisión', no que directivos de diversos medios de comunicación analizarán as "claves" do novo modelo de negocio en prensa e televisión.

O acto, que se desenvolverá no hotel Porta do Camiño dende as 9.15 ata as 19.30 horas, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios de la Xunta, a Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia (DirCom Galicia) e o Cluster Audiovisual Galego.

Segundo destacou a APD hoxe, o encontro busca "explorar as claves do novo modelo de negocio, xurdido a raíz da xeneralización de internet e os cambios nos patróns de consumo da información e o entretemento".

Así, directivos de medios de comunicación e de diversas empresas vinculadas ao sector "afondarán nas causas e consecuencias" do "punto de inflexión" en que se atopan as empresas de comunicación, que indicou que "foi motivado" pola crise global e a revolución dixital.

Os asistentes ás charlas analizarán o impacto que están a causar estes cambios, "tanto na organización operativa interna dos medios, coma nas súas contas de resultados".

O director xeral de APD Noroeste, Santiago Sesto, e o vicepresidente de DirCom, Manuel Vázquez, inaugurarán a xornada xunto ao secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, ás 9.30 horas.

A continuación, o especialista en tecnoloxía, información, comunicación e entretemento de PricewaterhouseCoopers, José Antonio Ortega, tratará o valor da marca no futuro dos medios de comunicación.

Tras a súa intervención, a xerente do Cluster Audiovisual Galego, Carla Reyes, moderará o debate 'A televisión dixital en España. Horizonte 2010', con tres bloques temáticos.

O primeiro deles centrarase na nova regulación do sector e contará coa participación da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; o director de TVE en Galicia, Xabier Fortes; o secretario xeral de Unión de Televisións Comerciais Asociadas (Uteca), Jorge del Corral; e o directivo de Academia TV, Florencio Carrera.

O segundo, pola súa parte, sobre o apagamento analóxico e a televisión de pagamento, terá como protagonistas o presidente de Impulsa TDT, Eladio Gutiérrez; o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Albertis Telecom, Josep Ventosa; o director xerente de Retegal, Jesús García Porto e o director xeral de Estratexias de Televés, José Luis Fernández.

Ás 12.45 comezará o terceiro e último bloque, no que o xerente de R, Antonio Rodríguez; o director da área audiovisual da Corporación Voz de Galicia, Carlos Carballo; o director xeral de Popular Televisión, Rafael Ramos e a delegada en Galicia de Filmax, Inmaculada Castiñeiro, falarán sobre os contidos no novo contexto audiovisual e a segmentación de audiencias.

A sesión da mañá pecharase coas intervencións dos directores de Soitu, Gumersindo Lafuente, e de Xornal.com e Xornal de Galicia, Xosé Luis Gómez. Ambos os dous serán moderados polo responsable en Galicia de PricewaterhouseCoopers, Juan Carlos Maneiro, para charlar sobre 'Os medios dixitais. Novos modelos de negocio'.

O debate retomarase ás 16.30 horas co tema 'Reformulación e respostas ante a contracción do mercado publicitario. Modelos alternativos de negocio', co presidente de Ecovigo, Carlos Prado; o director xeral de Eloxia Media, Rubén López; e o conselleiro delegado de Consultoría Empresarial de Comunicacións, Matías Branso.

'A prensa escrita: crise e supervivencia. Novos modelos de negocio' e 'Medios impresos: outros modelos de negocio' completan o programa.

Vacacións Dixitais



Beleza na Fraga

Vacacións Dixitais


Esta fotografía esta sacada en Londres, no "London eye".

Vacacións Dixitais



Río Eume

As redes sociais contribúen á creación de contidos na internet


As redes sociais son as plataformas dominantes e integrais en internet para a creación de contidos, e estanse convertendo nunha parte cada vez máis importante do consumo nos medios dixitais, segundo revelou hoxe un estudo realizado entre 22.729 internautas de 38 países. O estudo Wave.4 sobre o uso global das redes sociais, elaborado por Universal Mccann, reflicte que o 33 por cento dos usuarios activos de redes sociais soben vídeos desde estas páxinas, e non mediante a web de aloxamento de vídeos.

Segundo o estudo, o 64 por cento dos usuarios activos de internet empregan tempo en actualizar regularmente a súa rede social, sobre todo a actividade máis común é a subida de fotos para mostralas neses espazos virtuais, segundo o 76 por cento dos enquisados.

O director de contas de Universal Mccann Madrid, Idelfonso Tébar, explicou que a importancia das redes sociais radica en que os internautas activos entre 16 e 54 anos "úsanas como un navegador, todo o que necesitan téñeno alí".

No estudo tamén se apreciou un ascenso na utilización de "widgets" (aplicacións de contido), xa que o 34 por cento dos usuarios intégranas nas súas redes sociais, e o 24 por cento faio para "impresionar os seus amigos".

Os responsables do estudo informaron de que dous terzos dos usuarios actualizan cada día a súa rede social e que o 71 por cento empregan "moito tempo en visitar os perfís dos demais".

"As redes sociais son multimedia, xa non son tanto ferramentas para contactar con xente, senón tamén son unha ferramenta de expresión de gustos e afeccións", afirmou Tébar.

Ademais, destacou que o emprego do móbil en internet segue en aumento, chegando ao 50 por cento dentro dos usuarios activos, e dentro desta porcentaxe, o 17 por cento usa o móbil para actualizar a súa rede social en calquera momento e lugar.

Por último, o estudo estimou que unha de cada trece persoas é usuario de internet (625 millóns de persoas), e destes, un de cada tres é un usuario activo, é dicir, que se conectan a diario a internet.

A edición dezaseis da Arroutada Party ofrecerá catro xornadas de rede ininterrompida

A Arroutada Party vai camiño de converterse nun clásico dos maratóns informáticos e non xa a nivel galego. De feito, os encontros redeiros que superasen a liña psicolóxica da 10ª edición e seguisen dando sinais de vitalidade cóntase arestora cos dedos dunha man. Pois ben, a Arroutada Party hai tempo que deixou ese límite atrás: os seus organizadores están a preparar xa a 16ª convocatoria e non queren que a ninguén se lles escape a importancia do dato. E non é un dato calquera, posto que a Arroutada Party comezou a súa andaina só un lustro despois de que esa cousa chamada Rede comezase a ser un pouco coñecida. Con este motivo, contan, haberá máis actividades ca nunca, dende concursos de todo tipo a mesas redondas, relatorios, exposicións, obradoiros, torneos e sesións de xogos.

O lugar no que estamos citados: o Coliseum da Coruña. Por certo que serán catro días (do 9 ao 12 de outubro), nada máis e nada menos, de actividade internauta ao servizo dos seareiros das novas tecnoloxías da información.

Todo isto significa (entre outras cousas) o seguinte: que falta ben pouco para que se abran as portas do encontro, e que os que desexen acudir, en calquera dos formatos dispoñibles (formato de seareiro en xeral ou formato de internauta inscrito-participante), cómpre que estean atentos. Detrás da xuntanza está a Asociación da Mocidade Informática Galega (AMIGA), que facilitará a conexión a Internet para unhas 1.500 persoas ao longo dos devanditos catro días.

Polo que respecta aos asistentes, disporán dunha rede local para interconectalos (a eles e aos restantes internautas) así como dunha conexión de alta velocidade.

Asemade, e xa que a Rede non só se navega, senón que tamén se fala e se debate, terán a posibilidade de intervir nun amplo abano de actividades que van dende os relatorios, as mesas redondas e as exposicións até a posta en longo de todo tipo de produtos, concursos, xogos e proxeccións videográficas. Amais disto e sen saírmonos do programa de contidos da Arroutada, dicir que haberá tamén sesións divulgativas arredor do software libre e do movemento Scene, fronte social de artistas do eido da informática presente durante as catro xornadas en que se vai desenvolver o evento.

No tocante á extranet, unha das áreas máis visitadas polas persoas alleas á party en si, este ano estará composta por varias consolas con xogos, un futbolín, unha mesa de ping-pong e varias mesas con cartas, sobre todo con vistas a que os participantes “poidan descansar un pouco de tanto ordenador e consigan un anaco de lecer”.

Co obxectivo de que todo saia o mellor posible, a asociación AMIGA conta co apoio dunha importante listaxe de institucións e empresas: o Concello da Coruña, IMCE (responsable da xestión do propio Coliseum), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática), a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o operador R, Microsoft, Xbox 360, Dynos Informática, Cisco Systems, Antec, TakeMS ou Hauppauge, entre outras.

A xuízo da organización, falar de Arroutada Party non é falar de calquera reunión máis ou menos concorrida de internautas: “O noso maratón é un paradigma da influencia da informática na sociedade galega. No intre do seu comezo, en 1995, conseguiu reunir a preto de cen persoas cos seus respectivos computadores e a máis do dobre desta cifra no que respecta a visitantes en xeral, e todo isto nuns tempos en que as redes aínda estaban a arrincar no seu espallamento mundial”.

A Ciberirmandade pide que Tuenti estea na nosa lingua

A Ciberirmandade, agrupación de internautas a prol da galeguización da rede e do software, sumouse á campaña posta en marcha por usuarios da rede social Tuenti para que se traduza ao galego, ao catalán e ao éuscaro.

Tuenti é unha rede social creada no Estado Español e unha das máis usadas, sobre todo entre a xente máis nova. Unhas 12 mil persoas xa apoiaron a iniciativa de que a interface da web deixe de estar só en castelán e inclúa as outras linguas oficiais.

Como adoita facer con todas as súas accións, a Ciberirmandade pon as cousas moi doadas para enviarlle unha petición á dirección de Tuenti e sumarse á campaña. Deste xeito, compuxo un texto que só hai que copiar e remitir por correo electrónico, e que argumenta, entre outras cousas, que a rede social rival, Facebook, xa ten esas traducións.

Google permitirá que os usuarios recuperen e trasladen os seus datos


O buscador Google semella non ter parada na súa arela de implicar aos internautas na construción da Rede. Segundo se nos conta hoxe, a multinacional estaría neste intre a desenvolver un sistema íntegro para abrirlles aos seus usuarios a posibilidade de facerse coa información que teñan depositada en servizos como Blogger ou GMail. A iniciativa, que amais de ampliar a marxe de manobra dos internautas forma parte dunha estratexia do buscador para conseguir que as persoas que empregaron as súas ferramentas non deixen de facelo, é a xuízo de Google un xeito de poñelo todo máis doado na Internet. Deste xeito, engade, todo aquel que queira recuperar a información do seu correo (en Gmail) ou das súas entradas nos blogs (en Blogger), estarán en disposición de facelo.

En opinión de Google, a manobra en cuestión está lonxe de traballar no que algúns xa cualifican de omnipresencia dos seus servizos. Para o buscador, está claro que os datos eran dos internautas e que había que facer algo para devolverllos en canto quixeran.

É nesta liña, precisamente, onde se insire a Fronte de Liberación de Datos que creou a compañía hai dous anos co obxectivo de facer máis doado o traslado da información persoal cara aos seus directos responsables, os internautas. Esta Fronte basea unha boa parte do seu traballo na crenza de que cómpre deixar abertas as portas dos servidores da Rede para que os internautas pasen a ser plenamente construtores da Internet.

Facebook incorpora as mencións a amigos


Despois do fracaso das negociacións entre Facebook e Twitter, parece que dende a compañía fundada por Mark Zuckerberg están dispostos a ocupar o lugar da plataforma de microblogging, ou tal parecía canto co seu polémico cambio de deseño e coa última novidade: permitir etiquetar a amigos nas actualizacións de estado e anotacións. Deste xeito, cando un usuario escribe un texto en Facebook, ao utilizar o símbolo da arroba (@) o servizo inicia unha busca entre os nosos amigos para facilitarnos a creación dun atallo aos seus perfís, o que lembra ao sistema de mencións de Twitter.

De todos os xeitos, a arroba non queda visible na publicación final das anotacións, pero os usuarios mencionados si recibirán un aviso, o que podería servir para mellorar a conversa dentro deste servizo (aínda que tamén podería facilitar o spam).

A Xunta márcase como obxectivo potenciar as TIC nas empresas como xeradoras de riqueza

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica avoga pola potenciación e mellora do uso das novas tecnoloxías nas empresas galegas como instrumentos xeradores de riqueza. Así o manifestou esta mañá en Vigo o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, quen participou nas xornadas "Empresas en Red", concibidas para aumentar a produtividade das pemes a través da adopción e uso eficiente das TIC.

O subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información salientou, no transcurso da súa intervención, o Plan TIC de medidas urxentes da Xunta de Galicia aprobado polo Executivo autonómico este verán como o primeiro paso na planificación estratéxica no ámbito tecnolóxico do Goberno galego. Cristóbal Varela explicou que este plan, cuxo período de vixencia é ata decembro de 2010, ten como obxectivo identificar e pór en marcha actuacións dinamizadoras que se enmarcan na situación actual de incerteza económica e no vixente marco normativo, que esixe un impulso decidido da e-Administración.

Neste sentido, Varela adiantou que as actuacións no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación estarán orientadas a pór en marcha o modelo para coordinar a organización TIC da Xunta e de garantir o correcto funcionamento dos servizos tecnolóxicos que dan soporte aos sistemas corporativos do Goberno galego. Este proxectos servirán tamén para impulsar proxectos clave aliñados cos obxectivos estratéxicos da Xunta, incorporar á Administración autonómica medidas e actuacións que dean resposta aos imperativos legais e normativos no novo contexto dixital e establecer mecanismos de xestión e control que optimicen os investimentos e gasto en tecnoloxía no marco de austeridade e mellora da eficiencia.

"Empresas en red"

Estas xornadas forman parte das medidas incluídas no Plan Avanza, un programa posto en marcha pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (dependente do Ministerio de Industria), en colaboracións coas comunidades autónomas. O Plan Avanza pretende conseguir a adecuada utilización das TIC para contribuír ao éxito dun modelo de crecemento económico baseado no incremento da competitividade e a produtividade, a promoción da igualdade social e rexional; e a mellora do benestar e da calidade de vidas dos cidadáns.

As xornadas "Empresas en Red" que se celebraron esta mañá en Vigo buscan a máxima participación dos empresarios asistentes e a apertura de canles de comunicación entre a Administración e os autónomos e pequenos e medianos empresarios co obxectivo final de dar a coñecer as novas tecnoloxías da comunicación e incentivar á comunidade empresarial a introducilas nos seus negocios para aumentar a súa competitividade.

As xornadas continuarán mañá na cidade de Ourense, onde tamén haberá representación da Xunta de Galicia.

Google Fast Flip permite botar olladas rápidas á prensa en liña


Dende os laboratorios de Google están a experimentar fórmulas para achegar as novas aos usuarios dun xeito revolucionario, e froito deste traballo presentan Google Fast Flip, que consiste nunha plataforma semellante a Google News na que só aparece o máis relevante da xornada publicado nun grupo limitado de medios (que participan activamente na iniciativa, e cos que Google repartirá os ingresos publicitarios) dun xeito orixinal, xa que os contidos desta web non son os titulares das novas, senón unha captura de pantalla das páxinas web nas que se publican, coa posibilidade de acceder ás mesmas con só picar sobre elas, permitindo unha visualización moi rápida que poderiamos comparar coa mecánica de ollar as páxinas dun xornal ou dunha revista nos seus soportes físicos.

O servizo permite que o usuarios rexistrados definan os medios que queren ver na portada de Google Fast Flip, de xeito que en poucos segundos un pode dar un repaso da información de actualidade, aínda que polo momento este experimento está limitado a medios en inglés.

O mesmo sistema de visualización pode aplicarse tanto para ver novas repartidas en medios, temáticas e categorías, como para resultados de busca, resultando especialmente elegante a versión móbil, que permite que en terminais coma o iPhone poidamos desprazarnos entre as distintas novas arrastrándoas graficamente na pantalla, replicando a interface de visualización de fotografías no terminal telefónico de Apple, que é semellante a pasar follas.

Aprendendo dos problemas con Google News, dende a empresa de Mountain View decidiron pechar acordos con 36 grandes grupos de medios dos EE.UU. antes de lanzar este servizo, de xeito buscan unha colaboración que beneficie a todas as partes, e todo parece apuntar a que a reacción será a oposta ao servizo de novas de Google: en vez de denunciar a Google, os medios serán os que soliciten a súa incorporación no servizo. De feito, Google tamén ofreceu a súa plataforma de pagamentos Checkout para que os medios que o desexen poidan facer uso dos micropagos para abrir o acceso aos seus contidos.

Comezan os despidos en Mancomun

Nas últimas horas comezaron a recibir as cartas de despedimento os membros de Mancomun, organismo público, dependente da Consellaría de Presidencia, dedicado ao software libre.

A pesar de que o Goberno anunciara que mantería o pulo polo software libre iniciado na anterior lexislatura, a Consellaría da Presidencia comezou a liquidación de Mancomun, o organismo público creado xustamente para desenvolver este tipo de tecnoloxías en Galiza e en galego. Estes días, os empregados empezaron a recibir as cartas de despedimento e é posíbel que o propio organismo desapareza ou se manteña con novo persoal e novos obxectivos.

Nos últimos meses, os membros do equipo de Mancomun, dirixidos por Xesús Baleato, denunciaran a intención do Goberno de reducir o investimento en software libre ao tempo que asinaban novos contratos con empresas do sector, caso de Microsoft, que manteñen unha política totalmente oposta en canto ao acceso da tecnoloxía por parte dos usuarios e as empresas.

Mancomun naceu no 2005 como parte do pacto de goberno entre PSdeG e BNG. Baixo a estrutura da Consellaría de Innovación iniciou diversos proxectos para introducir programas de software libre no tecido produtivo e tamén nos computadores da Administración. O seu deseño estrela foi o Galinux, un sistema operativo completo en galego que permitía facer un uso do computador completo (internet, ofimática, vídeo e audio...) sen necesidade de comprar software engadido. As súas vantaxes foron gabadas por diferentes representantes da industria e incluso da política. Nas últimas semanas, até o alcalde de Lalín, o popular Xosé Crespo, se mostrou favorábel ao seu desenvolvemento.

Fontes de Mancomun lamentaron a decisión da Xunta mais recordaron que o desenvolvemento de proxectos de software libre desde Galiza seguirá en pé grazas ao traballo de iniciativas particulares agrupadas en diversas redes.

Twitter dá os primeiros pasos para introducir publicidade


A rede social de mensaxes curtas modificou os seus termos de uso, que tamén son máis duros contra o spam.

O servizo de microblogs Twitter modificou as súas condicións de uso para abrirlle a porta á posibilidade de incluír publicidade no futuro. O seu cofundador, Biz Stone, envioulles unha mensaxe de correo electrónico a todos os usuarios e publicou no blog oficial do servizo as novas condicións.

Outra das novidades é que Twitter queda autorizado a "usar, copiar, reproducir, procesar, adaptar, modificar, publicar, transmitir, amosar e distribuír" as mensaxes, que seguen a ser propiedade dos seus autores, explicando que "porque iso é precisamente o que facemos". Tamén se endurecerán as medidas contra o spam, ultimamente en crecemento exponencial.

A posíbel introdución da publicidade sería un xeito de obter ingresos, practicamente inexistentes até o momento. Os fundadores do servizo sempre amosaron a súa reticencia a gañar diñeiro coa rede, que consiste no envío de mensaxes de até 140 caracteres sobre o que se pensa ou se fai en cada momento. Xa en marzo, Twitter aprobara introducir publicidade nas páxinas de usuarios que só publicasen mensaxes corporativas.

Panamá creará unha rede nacional de acceso a internet sen fíos

O goberno de Panamá está a impulsar un proxecto de acceso a internet sen fíos, aberto e gratuíto, que beneficiará case a metade da poboación. Segundo os responsables, Panamá colocarase á vangarda de Latinoamérica en contar cun proxecto nacional desa magnitude.

A primeira fase do proxecto comezará a funcionar en outubro, coa instalación de 200 puntos de acceso ao alcance de 1,5 millóns de persoas. O programa contempla chegar a 2,3 millóns dos arredor de 3,3 millóns de panameños, incluíndo zonas de poboación indíxena.

O proxecto pretende chegar ao estrato con menos posibilidade económicas de cara a reducir a fenda dixital que existe, principalmente, entre os centros urbanos e as áreas rurais de Panamá, informou o secretario de Innovación, Eduardo Jaén, que salientou que, por primeira vez, se lles levará o servizo a áreas remotas.

A empresa panameña Liberty Technology será a encargada de montar a rede, usando a mesma plataforma que se empregou na cidade estadounidense de Baltimore.

A rede nacional de acceso a internet non competirá coa iniciativa privada, pois terá a velocidade limitada a 256 kbps, coa posibilidade de ampliala a 512.

Política Lingüística renova a súa web con novos contidos

Coincidindo co inicio do curso escolar, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de incorporar á web dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) novos contidos de interese para os centros. Unha das novidades máis interesantes da web, que tamén incorpora un novo deseño, é o espazo no que os ENDL poden compartir as experiencias e iniciativas levadas a cabo nos seus centros.

Ademais, a web dos ENDL incorpora información de utilidade que vai desde recomendacións para a elaboración do proxecto de dinamización lingüística dos centros ata propostas de traballo para o comezo do curso. A través desta web, que se pode consultar na dirección www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion, os ENDL tamén poden obter información sobre blogues de interese, iniciativas para a familia ou recomendacións bibliográficas sobre diversas temáticas como o ensino de alumnado inmigrante.

Política Lingüística puxo en marcha o pasado mes de xuño este espazo na rede co obxectivo de difundir e axudar a facer máis visible as experiencias dinamizadoras levadas a cabo polos ENDL, onde ademais poden compartir recursos, ferramentas e información.

O papel dos ENDL

Os ENDL, formados por profesorado, representantes dos alumnos e persoal non docente, comezaron a funcionar nos centros de ensino galegos no curso 1990-1991. A súa creación responde ao obxectivo da Lei de normalización lingüística de 1983 de conseguir que os alumnos e alumnas adquiran unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia. Na actualidade, a súa misión central é fomentar o uso do galego nos centros educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación lingüística nos centros educativos.

Renovación do boletín sobre novas do galego

O boletín semanal sobre a actualidade da lingua galega que se distribúe a través do correo electrónico tamén acaba de estrear novo deseño e xa conta con máis de 1.000 subscritores. Para recibilo e estar informado das novidades do galego, pódese realizar a subscrición na páxina web www.xunta.es/linguagalega.

O BNG de Marín estrea páxina web


A agrupación do Bloque Nacionalista Galego en Marín vén de estrear web, un espazo de seu na Rede que funciona baixo a plataforma WordPress para darlle feitura de blogue, co que buscan socializar a vida da formación política na web, para o que tamén potenciarán a súa participación noutras plataformas de redes sociais. De todos os xeitos, sorprende que os comentarios do blogue (incluso nas seccións de opinión) estean pechados.

A nova web detalla cómo está constituído o grupo municipal do BNG, presenta a historia da sede do partido (edificio que forma parte do Patrimonio Histórico-Artístico de Marín) e divide as anotacións no blogue nas categorías de Actividades, Concello, Deputación, Opinión e Parlamento Galego. Completan o espazo con ligazóns de interese a distintas páxinas web galegas e a outras webs locais do BNG.

A Xunta edita un titorial en liña para levármonos ben con Internet

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia vén de anunciar que, no marco do proxecto multimedia de formación da campaña Comunícate, o vindeiro luns 14 de setembro, vai acoller a presentación do titorial Internet na túa vida, unha publicación en liña que pretende amosarlle aos usuarios e usuarias que se inician nas novas tecnoloxías e Internet, as vantaxes e facilidades que a Rede de redes lles pode proporcionar na súa vida cotiá.

A xornada desenvolverase a través de videoconferencia dende o Centro Multimedia de Galicia e poderase seguir a través en rede dende o Telecentro de Comunicación da Cañiza ademais do de Tui, Abegondo, Betanzos, Monterroso, Sarria, Xinzo de Limia e Verín, onde os interesados poderán traballar co titorial e coñecer de primeira man a información e trucos que o mesmo ofrece.

Os titoriais, desenvolvidos en flash, están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratan principalmente sobre diversos temas relacionados co mundo das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación e cos distintos servizos e oportunidades que a Rede ofrece na actividade diaria da cidadanía, como pode ser o acceso á banca electrónica, a administración electrónica, a formación en liña, as redes sociais, as tendas virtuais…

As persoas interesadas en asistir, poderán informarse e inscribirse chamando ao número 981 555 291.

As videomontaxes de Memoria de Muller achéganse ás 9.000 reproduccións

A web conta polo de agora con 64 vídeos realizados en 15 concellos, que pronto irán en aumento

Os vídeos de www.memoriademuller.eu foron reproducidos xa en 8.603 ocasións desde que a páxina web se fixera pública o xoves 16 de xullo. Á cabeza das máis vistas está a videomontaxe "A miña vida no campo", de Josefa Torres Corbillón, da Bola, que foi visionada en 715 ocasións.

Actualmente están dispoñíbeis en www.memoriademuller.eu 64 vídeos, pero iranse subindo máis, até deixar para os e as internautas todas as videomontaxes realizadas polas 92 mulleres que participaron na iniciativa. Os que xa se poden ver son os realizados na Bola, Allariz, ASORLU, Boiro, Caldelas, Celanova, Chantada, Curtis, Fundación CEL, O Grove, Pontevedra: Ponte Sampaio, Ribadeo, San Sadurniño, Valdeorras e Vilasantar.



Memoria de Muller

O proxecto de Memoria de Muller, aínda en marcha, nace no marco da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Este levouse polo momento a cabo en 20 concellos galegos e nel participaron 92 mulleres, cada unha das cales foi narradora e directora da súa propia producción. Pronto estarán dispoñíbeis tamén na web os vídeos de Pontevedra: Monte Porreiro, Valga, Carballedo, FAVEC (Federación de Asociacións Veciñais de Vigo) e Ames.

A Rede de Dinamización ten entre os seus obxectivos fundamentais promover o uso das Novas Tecnoloxías na poboación. Dentro desta tarefa, a Rede fai especial fincapé naqueles colectivos onde a fenda dixital é máis evidente. Un destes grupos particularmente sensíbel son as mulleres de máis idade e, sobre todo, do rural. Memoria de Muller nace coa intención de propiciar un achegamento de ditas mulleres ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información.

Esta iniciativa consiste en que cada muller, despois de ter recibido a formación tecnolóxica básica para crear un vídeo, faga o seu propio, contando o que cada unha considera oportuno das súas vivencias persoais. O esquema que se segue é o propio dunha creación audiovisual: primeiro escollen a historia que cada unha delas quere contar e, coa axuda do procesador de textos Writer, elaboran un guión. Logo escollen as fotografías, escaneánas e retocan aquelas que o necesitan coa ferramenta Gimp. O seguinte paso é escoller unha música axeitada a través das múltiples posibilidades que ofrece a Rede para atopar música libre de dereitos. Unha vez realizado isto, proceden a narrar e gravar coa súa propia voz en formato dixital a historia que previamente escribiran. O último proceso é o da montaxe, no cal ensamblan todas as pezas anteriores e onde lle dan o aspecto final que os vídeos presentan na páxina.

A Asociación de Empresarios de Bergondo organiza cursos de iniciación aos segredos da informática


A Asociación de Empresarios de Bergondo en colaboración co Concello, organiza dous Cursos de Iniciación á Informática de sesenta horas de duración e a desenvolver durante o mes de outubro.

Segundo informa a dita Asociación, as sesións formativas serán en horario de mañá e de tarde (a elixir) e están dirixidos a todas/os aquelas/es que queiran abrirse camiño na era dixital e nos seus recursos, especialmente axeitados para ampliar currículo, formación e máis posibilidades de comunicación.

Máis polo miúdo, achegaranse claves teóricas e prácticas para adquirir coñecemento básico sobre o manexo dun computador, programas de ofimática, acceso e navegación por Internet ou manexo do correo electrónico.

Segundo informa a organización, as persoas interesadas poderán formalizar de balde a súa inscrición na Casa de Cultura do Concello de Bergondo ou na sede da Asociación de Empresarios de Bergondo entre os días 14-25 de setembro. Para calquera dúbida poden chamar aos teléfonos 981 791252 / 981 795062.

O Centro de Dinamización de Sada remata agosto con máis de 40 novos usuarios e usuarias

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en agosto co seu traballo decidido en prol da inmersión da sociedade galega nas TIC na localidade de Sada, formando a 26 persoas en actividades que se estenderon ao longo de 36 horas.
Ao longo do pasado mes impartíronse na localidade coruñesa, diversos obradoiros de alfabetización dixital como Iniciación á Informática, Iniciación a Internet e Iniciación ao correo electrónico dando resposta á gran demanda que se viña dando no concello no tocante á alfabetización dixital.

Asemade, 44 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar (sempre de balde) as instalacións e iniciativas que o devandito Centro oferta nas horas de aula aberta, a cal foi empregada nun total de 834 ocasións.

En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Sada en xaneiro de 2008, foron xa 853 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 142 obradoiros nos que se formou a 1084 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 12 relatorios e 3 iniciativas, nas que participaron 231 persoas.

Para este mes de setembro, o devandito Centro ten programada a realización de novos obradoiros tecnolóxicos, como é Procesador de textos: Writer, así como un relatorio de procura de emprego por Internet, que terá lugar o vindeiro 25 de setembro no CDSI de Sada.

Arzúa acollerá obradoiros sobre a busca de traballo e a solicitude de cita médica a través da Rede

O telecentro arzuán da Rede de Dinamización da Sociedade da Información acollerá na segunda quincena do mes un par de obradoiros sobre o uso da Internet para atender a demandas da cidadanía, de xeito que os días 14 e 15 de 10 a 12 horas poderán coñecer de primeira man a mecánica da Solicitude de Cita Médica en Internet (servizo en liña de moito éxito, pois evita acudir aos centros de saúde a pedir cita e resulta máis áxil e efectivo que o sistema de cita telefónica); e dos 21 ao 29 de setembro, tamén de 10 a 12 horas, a Procura de Emprego por Internet será o tema a tratar, de xeito que os asistentes aprenderán a elaborar o seu currículo e coñecerán os principais servizos de busca de emprego na web.

O programa de actividades mensual do telecentro remata cunha Charla de Difusión do Software Libre o día 30.

Muda a web da biblioteca da Deputación de A Coruña


Para facilitar o acceso á información de xeito sinxelo e rápido a páxina web da biblioteca da Deputación Provincial de A Coruña mudou, nun proceso de modernización e actualización de contidos que ofrece agora información sobre novidades relativas á biblioteca, axenda de eventos, acceso ao catálogo dos fondos bibliográficos, enquisas de opinión, solicitudes de documentos para a súa incorporación no catálogo da biblioteca, propostas de lectura e outros detalles.

O novo espazo está integrado na rede de sedes web de bibliotecas públicas españolas.

A Xunta saca a concurso a súa planificación estratéxica no ámbito das TIC

O Goberno galego convocou esta semana a contratación do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta de Galicia (2010-2013) e o Plan de sistemas TIC na Administración de Xustiza.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, como órgano superior da Administración autonómica a quen lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicación, vén de sacar a concurso a elaboración do anunciado Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta de Galicia (PETGX 2010-2013).

O prego de prescricións técnicas para a contratación dos servizos necesarios para a elaboración PETGX, define o propio plano como a ferramenta ou guía fundamental, tanto estratéxica coma operativa, para a posta en marcha de todas as iniciativas no ámbito das TIC que se derivan da comprensión das funcións asignadas á Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica no período 2010-2013.

Por outra banda, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica tamén convocou esta semana a contratación do servizo relativo á elaboración do plano de sistemas TIC na Administración de Xustiza en Galicia. Este plano proporá a definición dunha serie de actuacións e un escenario obxectivo, pragmático e realista para o marco temporal 2010-2012. Esta medida vén acompañada da licitación do servizo de implantación de aplicacións na Administración de Xustiza de Galicia. Este servizo abrangue a implantación, xestión de aplicacións e formación dos usuarios.

Ademáis estes días tamén se fixo pública a licitación do servizo de atención a usuarios de sistemas de información da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Vigo acollerá unhas xornadas do programa Empresas en Rede


A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a través da entidade pública empresarial Red.es, desenvolve en Vigo o programa Xornadas Empresas en Rede. Esta iniciativa englóbase nun proxecto que consiste en sesións de traballo de sensibilización e promoción do uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) entre pemes, micropemes e autónomos de toda España até decembro de 2009.

Este Programa, xunto co programa NEW -Ningunha Empresa sen Web- enmárcase na liña de capacitación TIC a pemes do Plan Avanza2 a través do programa marco Empresas en Rede e está cofinanciado con fondos FEDER.

Xornadas Empresas en Rede é un Programa de sensibilización tecnolóxica no que se mostra ás pemes como incrementar a súa rendibilidade, reducir custos e aforrar tempo na súa xestión diaria a través da aplicación das TIC. En Vigo o programa Xornadas Empresas en Rede arrinca o vindeiro martes 15 de setembro. Estas sesións de traballo realizaranse a partir das 12:00 e até as 16:00 horas no Hotel Tres Luces, na rúa Cuba, 19.

Os empresarios da provincia de Pontevedra que o desexen xa poden inscribirse para participar a través da páxina web www.jornadasempresasenred.es e do teléfono 902 012 094. O programa Xornadas Empresas en Rede conta coa participación do BBVA, Hewlett-Packard, ICG, Intel, Orange, a Asociación de Novos Empresarios (AJE) e Servipyme como empresas colaboradoras.

A lingüística e o software libre, a exame en Compostela


A oferta formativa de verán da Oficina de Software Libre da USC aínda non dixo a súa derradeira palabra para este 2009. Sen ir máis lonxe, o departamento da Universidade de Santiago máis fondamente vinculado á promoción da programación aberta ten ultimada para os vindeiros 21, 22, 23 e 24 de setembro unha actividade encamiñada a salientar os froitos da breve (relativamente) aínda que frutífera relación entre usuarios e deseñadores de código aberto e investigadores da lingua. O curso, oficialmente chamado O Software Libre e a Lingüística, xorde cos seguintes obxectivos: dar a coñecer aspectos senlleiros da informática aplicada á lingüística e á tradución, ferramentas de normalización e para a tradución asistida, recursos para a aprendizaxe a distancia, e datos completos sobre o papel da Universidade na investigación lingüística, entre outros temas.

A iniciativa vai dirixida ao público xeral, se ben resultaralles de especial interese a aquelas persoas que académica ou persoalmente están ligadas a proxectos de tradución e investigación lingüística. Esta actividade en concreto está inscrita no marcos dos Cursos de verán da USC que promove a Vicerreitoría de Cultura.

Grazas á actividade, os asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia e para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecíbel como 1 crédito de libre configuración.

A banda larga poderase considerar servizo universal no Estado Español

O Ministerio de Industria abrirá unha consulta pública para determinar a partir de que velocidade e a que prezo se poderá acceder universalmente a internet.

O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, anunciou que a banda larga será considerada servizo universal. A afirmación realizouna no discurso de clausura do XXII Encontro das Telecomunicacións da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, en Santander.

O Ministerio de Industria convocará unha consulta pública para que os operadores acheguen as súas propostas. Preténdese instituír o dereito a que calquera persoa, independemente de onde resida, poida acceder cun mínimo de velocidade -que haberá que determinar- e a un prezo asequíbel, á internet.

Até o momento, só se podía apelar ao servizo universal para dispoñer de liña telefónica convencional, con acceso á internet mediante o tradicional módem, o que permitía velocidades consideradas moi baixas para os estándares actuais. O operador dominante, Telefónica, non instala ADSL nas zonas onde non lle resulta rendíbel, polo que hai aínda moitas áreas, especialmente en Galiza, onde é imposíbel contratar este tipo de conexións.

Vacacións dixitais


A partires do día 14 de setembro ábrese o prazo de participación para o concurso de fotografía “Vacacións Dixitais”.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta o concurso de fotografía “Vacacións Dixitais”. As bases deste son as que seguen:

Obxectivos
1. Promover o emprego das Novas Tecnoloxías.
2.Fomentar o uso das cámaras dixitais.
3. Fomentar a creatividade.
4. Fomentar o uso do correo electrónico, como unha vía máis de comunicación rápida e efectiva.

Descrición
Descubrir novos lugares sempre é un pracer, compartir eses lugares visitados é o que propón este concurso de fotografía. Se este verán viaxaches e visitaches algún lugar interesante, exótico, con fermosas paisaxes, interminábeis praias, grandiosos monumentos... participa no concurso enviando unha fotografía dese lugar. A mellor de todas aquelas que recibamos será a gañadora do concurso.
A fotografía debe ir acompañada dunha pequena descrición das vacacións.


Normas
1.As fotografías deben ser orixinais, exclusivas do autor.
2.Admitiranse fotos en cor e en branco e negro.
3.A fotografía e a descrición deben ser enviadas ao seguinte enderezo: rebeca.betanzos@dinamiza.sociedadedainformacion.eu antes do día 14 de outubro xunto cos datos persoais do autor/a (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto, enderezo de correo electrónico)
4.Calquera fotografía que non reúna estas condicións non se admitirá.
5.A fotografía será publicada no blog: www.betanzosdinamiza.blogspot.com
6.Tódalas obras presentadas quedan en poder dos organizadores, podendo publicalas no xeito que consideren convinte, figurando sempre o nome do autor/a.
7.A participación neste concurso significa a aceptación total das bases.
8.O xurado poderá considerar desertos os premios.

Participantes
Poderán participar tódalas persoas que así o desexen sen límite de idade.

Datas
O período de participación para o concurso “Vacacións Dixitais” empeza o día 14 de setembro e remata o día 14 de outubro. Non se admitirán obras fóra dese prazo.

O fallo do xurado darase a coñecer a partires do día 16 de outubro no seguinte enderezo: www.betanzosdinamiza.blogspot.com

Premios
Haberá un único premio á mellor fotografía. O fallo será inapelábel.

Os premios consistirán na entrega dun lote de productos da Rede de Dinamización.