A fundación fai un chamamento aos usuarios a conseguir que o navegador sexa o programa máis descargado en 24 horas.

A Fundación Mozilla pretende celebrar o lanzamento do Firefox 3 por todo o alto, así que, desta volta, ten a intención de bater unha marca Guinness: conseguir que o navegador libre máis popular sexa o programa con máis descargas en 24 horas da historia. Para iso convocou o Download Day 2008, unha iniciativa para a que xa se están a recibir apoios.

Presentan o programa de xestión de explotación agrogandeiras AinfoVac 0.4.1


Hoxe preséntase en Coristanco unha nova versión do programa AinfoVac, que é unha aplicación de código aberto para a xestión de explotacións agrogandeiras, que chega así á versión 0.4.1. A presentación faise no marco da xornada Ainfogra.com. Software Libre e Eido rural, presente e futuro que terá lugar no Centro de Promoción Rural de Fonteboa ás 16:30 horas.

A nova entrega de AinfoVac supón un avance cuantitativo e cualitativo con respecto da versión publicada en novembro de 2007. O programa preséntase como unha completa aplicación ERP cos seguintes módulos:

Facturación: Permite un control total sobre compras, ventas, stocks, prezos medios, evolución de prezos, cantidades, etc.

Gandeiría: Rexistro dos animais, xestión de incidencias, Alimentación, Racionamento, Control xenético, etc.

Cultivos: Control de cultivos, custes, producións, etc.

Custos Fixos: Amortizacións, Cálculo custo maquinaria, Man de Obra, etc.

Informes: Índices de rendemento, Conta de resultados, compras, ventas, incidencias, etc.

Axudas para a adquisición de equipamento tecnolóxico nos centros de ensino


A Fundación Aula_Smart, a través do seu Programa de Equipamento Tecnolóxico, Axudas Proxectores 2008, vén de anunciar que lle vai conceder unha serie de bolsas á comunidade educativa para a adquisición de 200 unidades de proxectores Sanyo PLC-XW56 de xeito doado a un prezo de 499 euros/unidade (portes incluídos).

A devandita Fundación prestaralle a súa axuda de financiamento a calquera centro educativo que a solicite antes de que este merque o equipamento, algo que facilita de xeito considerable a adquisición deste tipo de material de apoio educativo.
Os interesados en acceder a estas axudas so teñen que encher este formulario e envialo por fax ao número 902 367 964 ou ben a través da seguinte dirección electrónica: proyectos@fundacionaulasmart.org . O centro recibirá información relativa á concesión da axuda por parte da Fundación, que posteriormente ingresará a axuda para que o centro realice a compra do equipamento TIC.

Para beneficiarse destas axudas, é de obrigado cumprimento que os solicitantes sexan profesores do centro educativo ou formen parte dalgunha asociación de mestres ou de centros de ensino e se inscriban de balde na Fundación a través desta ligazón.

Os equipos adxudicaranse por orde de entrada da solicitude e cada centro poderá adquirir máis de unha unidade.

Profesionais da informática e dos negocios do rural galego víronse as faces na Estrada


Para un establecemento comercial calquera figurar en Internet é como ter a tempo completo unha liña telefónica aberta ao mundo. Ou unha xanela, ou unha ponte. E se cadra moito máis barata. Se isto dáse nos negocios situados nas cidades, pero as vantaxes son aínda máis grandes se pensamos nas empresas do rural. En certa maneira, poñer ao seu alcance a Rede é como turrar delas cara ao urbano, e sen necesidade de que muden de espazo físico e perdan a súa identidade. Este, e máis concretamente o emprego do comercio electrónico, foi o eixe sobre o que xiraron as V Xornadas de Emprendemento Rural, organizadas os días 28 e 29 no concello da Estrada, no hotel Summa.

A xuntanza, convocada por Agader, participou máis que nunca do gran obxectivo de calquera evento destes características: mover ao encontro e fomentar o intercambio de experiencias.

O esforzo neste senso de organizadores e participantes foi duplo: tratábase de facer un evento con feitura de Internet, minimizando o factor distancia e convertendo á Estrada nun foro 2.0. O encontro, ao que asistiron profesionais do ámbito rural e do eido informático procedentes de toda Galiza, serviu entre –outras cousas- para dar conta de proxectos e actividades e presentalos en sociedade. Como por exemplo:

· O portal granxafamiliar.com Trátase dun proxecto galego de inspiración irlandesa (polo que ten de traballar en mancomún dende o rural e tirando partido arreo da Internet) e no que participan unhas 30 explotacións familiares dos concellos de Antas de Ulla e Brión. Basicamente, a medida consiste en poñer ó alcance da man destas familias as vantaxes de xestión, promoción e distribución que achega Internet. Con este fin, cada granxa conta na dita web cun espazo para o seu uso, un microsite onde presentará os seus produtos concretos, ofrecendo servizos de información e a posibilidade de recibir visitas. Detrás do proxecto está a Fundación Feiraco (en labores de financiamento), o Grupo Gis-T-Idega e a Universidade de Santiago.

· Tourline Express, a empresa de mensaxeiría, afondou na súa visión das Necesidades loxísticas das tendas virtuais. É dicir: puxo de manifesto como o feito de apostar por facer negocio na Rede debe levar parello de xeito obrigado un bo servizo de distribución, e máis aínda se temos en conta que unha boa parte dos produtos comercializados son carretados en itinerarios non precisamente curtos: dende o rural á cidade, sobre todo. Juan Arrieta de Juan, director comercial da Zona Norte de Tourline, fixo fincapé na achega da súa empresa cara á dixitalización dos negocios galegos afastados dos espazos urbanos. A primeira parte do seu relatorio tratou sobre a complexidade da loxística de distribución, e a segunda sobre as solucións en concreto que a súa compañía (que ten prevista a apertura de 34 oficinas en toda España a engadir ás 334 existentes) achega neste tipo de negocios.

Un estudo da URJC deixa a España fóra da primeira liña europea na Sociedade da Información

Un estudo do grupo ANIMA+D da Universidade Rei Xoán Carlos (URJC) sobre a receptividade cidadá a Internet analiza a fenda dixital entre os distintos países europeos e comunidades autónomas españolas.

Na análise autonómica destacan que aínda que mentres en Madrid a penetración da Rede é do 49,9%, seguida por Cataluña (46,7%) e País Vasco (45,4%), non hai que esquecer as comunidades máis atrasadas que serían Estremadura (cunha penetración de só o 22,8), Castela A Mancha (31,5%) e Galicia (31,6%). O estudo analiza os distintos factores que influirían na adopción da Internet, destacando que as variables económicas e educativas teñen unha incidencia notable.

A nivel europeo os resultados tampouco son optimistas, pois entre os 32 países europeos que aparecen no Eurobarómetro, España aparece na posición 20, o que deixaría ao noso país fóra do grupo de alto desenvolvemento da sociedade da información, quedando así nivel medio-alto, ao mesmo nivel de Bélxica e Estonio e por debaixo de Alemaña do Este.

Neste ámbito parece quedar claro que a fenda xeracional tamén é moi importante, de xeito que queda constancia de que a meirande parte da poboación non conectada á Rede ten máis de 55 anos, polo que o envellecemento poboacional tamén xoga en contra da consolidación das TIC.

Padrón renova a súa aula de informática


O Concello de Padrón vén de renovar e mellorar a súa aula aberta de informática (sita no centro social do Campo do Souto) ampliando a memoria RAM os seus 11 equipos informáticos (para poder migrar de Windows 2.00 a Windows XP), adquirindo 4 equipos novos e instalando unha rede Wi-Fi que supón un cambio substancial no servizo que se presta alí dende hai 6 anos. Para estas melloras precisouse dun investimento de 6.800 euros.

Tamén se pretende contratar a unha segunda persoa para atender a aula de xeito que se poida ampliar o horario de apertura (que actualmente é de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas), o que permitirá atender a máis sectores de poboación.

Convocada pola Rede unha nova Marcha Ciclonudista na Coruña

O caso é que a Coruña vai ser escenario dunha nova mobilización nada ó abeiro da Internet, a segunda edición da súa Marcha Ciclonudista (amais da quinta a nivel mundial), encamiñada a facer uso de certos recursos visuais (o feito de pedalear espido ou espida nunha bici polas rúas non causa indiferenza) para denunciar o devandito problema da sobrepresenza do coche privado.

Mais, porque se lle declara a guerra a esta práctica de coller o automóbil para desprazármonos a todos os recantos das cidades? Segundo a organización convocante, o foro galego de Masa Crítica, o coche privado non só colapsa os espazos urbanos, converténdoos en lugares hostís e perigosos senón que tamén mata. De xeito directo (atropelando ós peóns e acabando tamén coa vida dos ocupantes) e de xeito indirecto (contribuíndo ós intereses das multinacionais belicistas do petróleo).

Por certo que a marcha da Coruña, que se celebra o sábado 7 de xuño e que ten como punto de partida a praza de María Pita ás 12 horas, non vai ser a única do Estado en que se celebre o evento. Amais de na dita cidade, hai convocatorias en Zaragoza, Madrid, Barcelona, Iruña, Huesca, A Coruña, Alacant, Murcia, Valladolid, Valencia, Granada, Santander, Cuenca e Salamanca.

Unha recomendación de cine XVIII

La niebla de Stephen King


La Niebla de Stephen King é a historia dunha vila de Maina, na que, tras unha tormenta que se inicia repentinamente aparece unha espesa néboa. Esta néboa va atrapando a xente e un grupo queda atrado no supermercado, tamén añadir que mata a todo aquel que se adentra nela. ¿Qué a produce? ¿Qué son esas criaturas que se moven por ela?

A Coruña acolle hoxe un festival de solteiros e solteiras convocados pola Rede

Malia que a primeira vista semella (polo seu nome) unha feira do disco antigo, El mundo del single vai por outros vieiros, senón opostos, si que completamente diferentes. Do que trata en liñas xerais esta iniciativa é de ofrecer recursos para que as persoas ceibas e solteiras (singles en inglés) se atopen. A proposta, que inclúe quedadas, viaxes, cenas ou excursións, non tería as características requiridas para ser comentada nunha web tecnolóxica como Código Cero (como o uso de calquera aparello ou sistema dixital) senón fose por dous detalles que a tocan de preto: apóiase en boa medida no emprego da Rede como peza fundamental da súa actividade e, ademais, está a piques de ser presentada na Coruña.

Será este venres 30 de maio ás 22 horas no pub Loft 36 cando se dea a coñecer a proposta perante os 200 usuarios e usuarias de todos os recantos de Galiza que xa confirmaron a súa asistencia.

O encontro, que incluirá xogos e encontros para que a xente se coñeza e crebe o xeo canto antes e de xeito natural, constitúe a primeira das actividades oficiais da sección galega da empresa, promovida por dous emprendedores novos da Coruña: Luciano Cotelo e Isabel Loureiro. Como dixemos, unha boa parte do día a día desta iniciativa lévase a cabo na Rede e a través da web específica da empresa, na que se ofrece información sobre a mesma, recursos para a inscrición e a comunicación directa, amais dun boletín mensual para os rexistrados. Neste intre, a páxina conta xa con 8.000 usuarios rexistrados en toda España.

Google Earth xa se pode integrar en páxinas web

Na conferencia Google I/O anunciouse que o servizo de Google Earth xa se pode integrar en páxinas web, de xeito que os mapas tridimensionais se poden consultar dende o navegador sen ter cargar a aplicación informática de Google Earth, o que resulta especialmente práctico para páxinas web que desexen publicar contidos relativos a mapas 3D. Para acceder a estes contidos é preciso instalar un engadido que funciona en boa parte dos navegadores actuais.

Saimos na Galega

Curso de organización de viaxes pola Internet en Ordes

Pincha aquí para ver a entrevista.

O Goberno sitúa no 15% a porcentaxe de persoas maiores que accede á Rede

O Ministerio de Industria deu conta os días pasados do acadado polo seu Plan Avanza en materia de facilitar o acceso das persoas maiores á Sociedade da Información en 2006 e 2007. As cifras do devandito Plan (dirixido a poñernos a Rede un pouco máis preto) son as seguintes: 12 millóns de euros mobilizados para favorecer a inclusión do dito colectivo na Sociedade do Coñecemento e unha porcentaxe do 15% das persoas maiores conectándose xa (con maior ou menor frecuencia: o abano é amplo) aos recursos da Internet (fronte ao 7,8% rexistrado en 2003).

Na achega da dita cantidade de cartos o Ministerio de Industria concorreu con 6 millóns de euros. O resto foi subministrado polas Comunidades Autónomas e outros organismos públicos e privados. A idea do Ministerio é proseguir con estes traballos (canalizados a través do Plan Avanza) e mesmo incrementalos.

De aí que os días pasados se teñan convocados 18 millóns de euros máis para proxectos en catro áreas (igualdade de xénero, maiores e discapacitados, nenez e adolescencia e contorno rural). Ademais, o Goberno vén de presentar o proxecto Comunidad Seniors, desenvolvido por Fundetec e Secot e encamiñado a tirar partido da experiencia de persoas maiores para o asesoramento de emprendedores novos e pequenos empresarios.

O BNG considera irreal que o 99% do rural galego teña cobertura de Internet

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, vén de afirmar que a cifra que garante o Goberno en relación á cobertura de Internet de banda larga no rural galego, situada no 99 por cento, “é irreal”, xa que nestas zonas, asegura, “non existe unha oferta con condicións semellantes ás dispoñibles nas zonas urbanas, e iso é algo que pode contrastar calquera cidadán que intente contratar acceso a Internet no rural”.
Pérez Bouza preguntou esta mesma mañá no Pleno do Senado pola “cobertura real” de poboación en zonas rurais e illadas de Galicia que o Goberno garante dentro do Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) para o presente 2008 ao que o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, lle respondeu que “o 99 por cento do rural galego ten cobertura para acceder a Internet de banda larga”.

Na súa resposta, Sebastián, engadiu que Telefónica “está a cumprir as tres condición que tiña marcado o Goberno para esta etapa: cobertura en tódolos núcleos de poboación de Galicia (chegando como mínimo ao 90 por cento da poboación), e cumprir as condicións de prezos e técnicas marcadas”.

Para o senador do BNG a resposta do Ministro de Industria tivo un ton “triunfalista que non se corresponde coa realidade” e, neste senso, asegurou que “o 20 por cento da poboación destes núcleos segue sen posibilidades de acceder á banda larga”.
Pérez Bouza tamén denunciou que “a calidade do servizo que se ofrece é inferior á das áreas urbanas e o custo é maior para os usuarios”.

O BNG vén de esixirlle ó Goberno que “obrigue” a Telefónica a cumprir coas condicións establecidas, é dicir, acceso á banda larga en tódolos núcleos incluídos no Plan PEBA, cun ancho de banda non inferior a 1 Mb, cun prezo non superior a 40 euros mensuais e que permita contratar servizos como o DUO.

O CPEIG convoca un curso de peritaxe e informática forense

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia organiza un curso de peritaxes e informática forense, que se vai desenvolver o venres e o sábado en Compostela. A actividade está destinada a formar os colexiados para crear un corpo oficial de peritos.

O labor dos peritos será axudar a determinar os feitos para que o xuíz, que non ten por que ter coñecementos informáticos, poida decidir se constitúen un delito. O programa do seminario inclúe formación sobre o funcionamento da xustiza e o seu vocabulario, ademais dos coñecementos prácticos do que significa facer unha peritaxe xudicial na área da informática.

As actividades desenvolveranse no Hotel Puerta del Camino, en San Lázaro. Posteriormente, o Colexio sera o encargado de xestionar unha lista de peritos onde se inscribirán os profesionais interesados en prestar eses servizos e que cumpran os requisitos, como ter superado o curso.

12 Lúas: artistas galegos á procura de novas linguaxes no dixital


A cultura ten atrancos, algúns deles impostos por quen participa directamente nela e outros por quen a recibe ou está en disposición de recibila. A enleada é tan complexa ás veces son todos os axentes implicados os que constrúen os muros e as restricións. Tirar abaixo unha boa parte destes facendo uso da nova vaga de recursos web de tipo aberto social é o gran obxectivo de 12 Lúas, un proxecto galego nado ó abeiro da pasada celebración do 17 de maio. A iniciativa, que xira arredor dun blog (símbolo por excelencia da Internet de índole participativa, a orde 2.0), ten como misión tirar proveito da mestura de dous ingredientes encamiñados a atoparse: as artes e a Rede.

E todo presentado cun compoñente que lles pon á cultura e á Internet un altofalante diante: as licenzas Creative Commons (CC) con base derivativa, de recoñecemento e eido non comercial.

Trala proposta, atópanse artistas que tocan moi diversos ámbitos de expresión: Veronika Cernadas, Alberte Muíño, José M. Olveira, Esperanza Porto, Francisco Porto, Gabriela Rodríguez e Eugenio Sánchez.

A USC libera o código de tres ferramentas de análise lingüística

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de liberar tres ferramentas de uso lingüístico baixo licenza GPL e desenvolvidas, concretamente, polo Grupo de Investigación en Gramática de Español da Facultade de Filoloxía. Todas estas aplicacións foron desenvolvidas para galego, portugués, inglés, español e francés.

O código fonte destas ferramentas está dispoñible para descarga na páxina web da USC. Segundo informa na súa web o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, trátanse dun analizador sintáctico multilingüe baseado en dependencias, un xerador automático de tesauros multilingüe e un extractor multilingüe de termos multipalabra.

Os requisitos técnicos para a instalación deste software son:

Distribución Linux
Intérprete perl situado por defecto en /usr/bin
Previa instalación de Freeling (opcional)

Blogs e podcasts en español participarán nunha maratón a vindeira fin de semana

O vindeiro sábado a partir das 13:00 horas blogueiros e podcasteiros de todo o mundo en fala hispana celebrarán a III Maratón Podcastblog que durará máis de 36 horas e dende o que se debaterán en directo e en formato podcast unha serie de temas sobre a Rede, a tecnoloxía, o fenómeno dos blogues, a censura na Internet e moitos outros asuntos relacionados.

As distintas intervencións poderán seguirse en directo a través da Internet (mediante streaming) ou descargar en diferido a xeito de podcast, pero tamén se poderán coñecer os detalles do evento a través dun blog constantemente actualizado (e mesmo vía Twitter). Os debates e charlas realizaranse dende máis de 60 cidades de todo o mundo e prevén unha participación directa de máis de 500 persoas que actuarán coma tertulianos, moderadores, técnicos e participantes.

A maratón completarase con promos de podcasts actualmente activos en español e música con licenza Creative Commons.

Videoconferencia con Canadá dende un colexio galego

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, non quixo deixar de comprobar por ela mesma como funciona a comunicación por videoconferencia a través da Rede con xente de outro país, polo que se desprazou até o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Eladia Mariño de Cabanas para compartir esa experiencia cos estudantes e os profesores do centro.

Dende alí, por primeira vez na nosa terra, os alumnos galegos puideron compartir experiencias cos estudantes e docentes do Senator Patrick Burns School, de Calgary (Canadá), que se conectaron á Rede para establecer contacto por videoconferencia.
Esta actividade tiña por obxectivo contribuír ó intercambio de culturas entre o alumnado e avanzar na aprendizaxe de linguas estranxeiras xa que ámbolos dous centros contan con programas de anticipación da lingua inglesa dende os 3 anos (no caso do centro de ensino galego) e de educación bilingüe en inglés e español (no caso do centro do Canadá), polo que esta experiencia permitiulle ó alumnado pór en práctica os seus coñecementos.

Asemade, esta iniciativa que xurdiu dos contactos establecidos pola Administración educativa na súa visita ao devandito país o pasado mes de novembro, contribúe a fomentar a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos centros educativos, un dos obxectivos prioritarios da Consellaría.

O alumnado galego e o canadense intercambiaron experiencias sobre os programas bilingües, así como sobre gustos, pasatempos e materias favoritas. Os estudantes galegos despedíronse cunha canción en inglés, que foi coreada polos alumnos canadenses; mentres que os estudantes de Calgary convidaron aos galegos a visitar a súa cidade. Á espera da visita, nós agardamos que a experiencia se repita máis veces neste e noutros colexios e centros de ensino galegos.
Na imaxe, o centro de ensino do Canadá.

Culturagalega.org muda de deseño para converterse nunha plataforma de contidos

O portal de divulgación do Consello da Cultura Galega, Culturagalega.org, estrea un novo deseño para abrir unha nova etapa na publicación que irá incorporando distintas novidades ao longo do ano procurando incrementar o contido atractivo e de calidade, así como buscando achegarse ao usuario como unha ferramenta útil.

A web de Curtocircuíto está a captar atención internacional


A web do V Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, recibiu a máis de 2.000 visitantes de 65 países en só 11 días, o que augura un bo resultado para o certame que ten aberto o seu prezo de recepción de curtas en concurso ata o vindeiro 27 de xuño.

O concurso de curtas conta con 7 categorías (premio á mellor curtametraxe internacional de ficción, animación, e documental, premio á mellor curtametraxe da sección Explora, premio á mellor curta española e á mellor curtametraxe galega), pero a web tamén acolle outras iniciativas, coma o concurso de guións Compostela Plató, os premios Onda Curta e Curtocircuíto na Rúa, e información sobre distintas actividades relativas ao audiovisual coma obradoiros e proxeccións de curtametraxes nas prazas do casco histórico compostelán durante o verán.

O presidente de Mozilla Europa anuncia que haberá versión oficial de Firefox en galego


O presidente e co-fundador da Fundación Mozilla-Europa, Tristan Nitot, rectificou unhas declaracións sobre a tradución ao galego de Firefox, o navegador libre para a web máis coñecido, nas que afirmaba que non existía unha versión en galego do programa e que non a habería se ningúen se presentaba. A comunidade galega de tradución de software interpelou a Fundación Mozilla por estas declaracións, xa que leva máis de dez anos traducindo software, incluído o navegador Firefox dende as súas primeiras versións.

Esta interpelación foi respaldada pola Consellaría de Innovación e Industria ao constatar que era a propia Fundación Mozilla quen impedía a normalización do galego na tradución do Firefox ao rexeitar sucesivamente as distintas propostas de coordenación que se lle foron presentando ao longo dos últimos anos. Finalmente foi o proprio presidente da Fundación Mozilla, Tristan Nitot, quen emitiu un comunicado público rectificando as súas declaracións iniciais.

Con todo, o resultado máis importante destas xestións coordenadas a través do Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre de Galiza, da Consellaría de Innovación e Industria, é que o presidente da Fundación Mozilla-Europa confía en que moi pronto Firefox 3 poida estar dispoñibel en galego, confirmando que Mozilla e Mancomún traballan conxuntamente na mesma dirección.

A CEF organiza unha Xornada sobre a Lei Orgánica de Protección de Datos

Co principal obxectivo de darlle a coñecer ás empresas e profesionais galegos a LOPD (Lei orgánica da Protección de Datos), a Confederación de Empresarios de Ferrol vai organizar unha xornada informativa na que se tratarán o réxime xurídico da protección de datos e as medidas legais e físicas da implantación.

O acto terá lugar o vindeiro martes 27 de maio de 2008 na Fundación Caixa Galicia de Ferrol en horario de 19:00 a 21:00 horas e, entre outros, contará coa presenza de responsables da Axencia Española de Protección de Datos, das Axencias Autonómicas de Protección de Datos de Carácter Persoal e de empresas privadas especializadas nas medidas legais de implantación da devandita Lei.

Unha ferramenta en liña permitirá detectar a linguaxe sexista na web

A web T-incluye permitirá analizar, mediante unha ferramenta en liña, a linguaxe incluída nos sitios da internet, para detectar as posíbeis expresións sexistas e ofrecer alternativas. O servizo aínda non destá dispoñíbel, pero está previsto que se presente "en datas próximas".

A ferramenta está a ser creada pola Fundación CTIC, institución asturiana privada sen ánimo de lucro que conta co apoio do goberno do Principado e xestiona o proxecto "Web con Género". O seu obxectivo é promover actividades de desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación en todos os campos para o fortalecemento da Sociedade da Información.

Até que non entre en funcionamento o analizador automático, a web do proxecto xa ofrece acceso a diversos recursos sobre linguaxe non sexista e mais a convocatoria do premio T-incluye, que recoñecerá as mellores prácticas de utilización de contidos non sexistas na internet.

Preséntase Ainfogra, software para o medio rural

Este vernes 30 de maio a partir das 16.30 horas vaise presentar no Centro de Promoción Rural de Coristanco o proxecto Ainfogra, que é unha iniciativa encamiñada a levar o software libre ó medio rural. Neste acto está previsto botar luz sobre aa nova versión do Software Libre AinfoVac 0.4.1 (Xestión Integral de Explotacións AgroGandeiras). O traballo de desenvolvemento levado a cabo nos últimos meses supón un avance cuantitativo e cualitativo importante respeito da última versión publicada (novembro 2007), informa mancomun.org.

Poñen en marcha unha escolma en liña de prospectos farmacéuticos


Esta web, Prospectos.net, promete recompilar a gran maioría de prospectos, se non todos, dos medicamentos que se poden achar no mercado español. Outro servizo público que engancharía aos noso vellos á rede de dispoñeren dunha conexión en condicións. A situación de responsabilidade legal desta web é unha incógnita polo de agora. Vía: www.genbeta.com/2008/05/23-prospectosnet-se-acabo-buscar-la-caja-de-las-pastillas

Eltiempo.es: nova tentativa de achegar máis exactitude nos partes meteorolóxicos


Eltiempo.es, nova presenza na Web que, como o seu propio nome indica ben ás claras, ten unha feitura de previsión climática en liña e, tamén, de cousa proposta para ser lembrada sen necesidade de acudir a favoritos ou á axenda.

FEUGA e Infonomía achegan en Santiago claves para sermos empresarios actualizados


A información despista. Ou mellor dito: a sobrecarga de información. Por exemplo: o Google xa hai tempo que deixou de ser unha ferramenta aconsellable se imos ir de viaxe e andamos a procurar aloxamento fiable, bo, barato e ben situado. Cos termos que temos máis a man e sen tempo posible para afondar nos resultados da procura, só nos moveremos nas webs máis comerciais, que son as que –que casualidade- figuran nos mellores postos da operación e xeralmente as menos fiables para acadar algo barato. Isto pasa con case toda a información. Esta enleada vén a conto para pór de manifesto a necesidade de ferramentas e recursos que ordenen o coñecemento e nolo sinteticen, que nos sirvan (tamén) para facer o que a falta de tempo e dispoñibilidade nos impide: acceder a máis e mellores ideas de valor. Este é un dos grandes obxectivos de Update 08 Galicia, un evento empresarial organizado por FEUGA e Infonomía o vindeiro xoves 29 de maio en Santiago.

O encontro en cuestión, que se desenvolve entre as 11.00 e as 13.00 horas na sede que a devandita fundación galega ten no Campus Sur, estase a presentar xa na Rede (vémolo en pdf) como unha “síntese dos artigos, libros, casos que non tiveches ocasión de ler e dos relatorios ós que non puideches asistir”. Este é, en definitiva e con outros termos, o fin do evento: dar ideas clave (10) para estar ó día no eido dos negocios e sen necesidade de perder mañás e seráns enteiros separando na Rede o gran (pouco) da palla (moita).

O encontro, que contará coa presenza de importantes especialistas en todo tipo de recursos de xestión do coñecemento (como Alfons Cornellá ou Antonella Broglia), vai dirixido sobre todo a directivos e profesionais galegos. O evento, amais de cun amplo historial de éxitos de participación (pois forma parte dun itinerario por diversos países) contará cunha boa listaxe de recursos multimedia para dar conta polo miúdo do máis innovador a día de hoxe en materia de tendencias nos negocios a nivel internacional.

O custo da inscrición na xornada é de 175 euros para non socios de FEUGA e de 150 para socios. Para máis información, cómpre pórse en contacto coa entidade a través da súa web ou do teléfono 981 534 180.

Unha recomendación de cine XVII

Indiana Jones y el reino de la calavera de cristal

A nova e esperada aventura de Indiana Jones iníciase no deserto do sudoeste no ano 1957, en plena guerra fría. Indy e MAc, o seu compañeiro, escapan dunha emboscada de axentes soviéticos nunha zoa militar.

O profesor Jones regresa o seu colexio para comprobar que as cousas están indo francamente mal. O decano explícalle que as súas actividades levantaron sospeitas e que o goberno presiona para que o despidan. Tras isto coñece a Mutt, un xoven rebelde que lle propón unha aventura, e Jones acaba aceptando e andan a procura da caveira de cristal de Akator, un obxecto lexendario.

O Google Street View pode converterse nun problema


A Axencia de Protección de Datos da Unión Europea vén de alertar que as fotografías vía satélite que ofrece Google son tan detalladas e tan próximas que poderían violar as normas que existen na Unión sobre protección de datos e privacidade.

"Facer fotos en todas partes, certamente, vai crear algúns problemas", sinalou Peter Hustinx, supervisor do Sindicato de Protección de Datos da Unión Europea. En Estados Unidos, o Google Street View xa é todo un éxito, sobre todo entre os conductores, xa que ofrece vistas de 360 graos das rúas de 30 cidades estadounidense. No entanto, o éxito vén acompañado pola polémica. Se primeiro foron as autoridades do Pentágono as que fixeron que Google retirase aquelas imaxes que eran consideradas como unha ameaza para a seguridade das bases militares estadounidenses, máis tarde chegaron as queixas dos cidadáns de a pé.

E é que as fotografías de Google "descubriron" a un home saíndo dun local de "striptease" e a unha muller tomando o sol. Son circunstancias banais, pero que entran no terreo que as leis protexen como "dereito á intimidade".

O solitario: o xogo que fai perder máis tempo na oficina

A pesar da súa simplicidade, o programa preinstalado en Windows converteuse nun dos videoxogos máis practicados en horario laboral.

O solitario de Windows, versión dixital do xogo de cartas, é o programa de computador que máis tempo lles fai perder aos usuarios. Un artigo de Josh Levin na publicación estadounidense Slate analiza o éxito do xogo, "favorito dos traballadores lacazáns e pasatempo intelectual dos aparvados", e que George Bush practicaba cando era gobernador.

Para o autor, o solitario supuxo unha revolución informática e cambiou para sempre a cultura de oficina, axudoulle ao ser humano a sobrevivir a eternas conferencias e viaxes de avión e é un dos programas máis importantes da historia, xunto ao buscaminas.

As tácticas monopolísticas da compañía de Bill Gates conseguiron que as tres versións do solitario que veñen preinstaladas nos computadores con Windows se convertesen nos xogos máis practicados, a pesar da súa simplicidade. Multinacionais como Coca-Cola ou Boeing xa prohibiron o seu uso nos anos 90.

Porén, o autor do artigo considera que o xogo de cartas pode ser positivo para os negocios, pois pode ser un xeito de manter o traballador diante do computador e evitar que faga pausas para o tabaco, para o café ou mesmo para xantar.

Lanzan Google Health, un servizo para gardar «en liña» o historial médico


Google acaba de lanzar a versión beta da súa plataforma gratuíta Google Health, logo dun período de proba, iniciado en febreiro con datos médicos de dez mil pacientes voluntarios da Clínica Cleveland en Estados Unidos.

Entre os servizos ofrecidos a través dela, atópase a posibilidade de almacenar «en liña» o historial médico do usuario. Isto permitiralle compatir eses datos cos médicos, familiares ou coidadores. Google Health ten enlaces con farmacias, clínicas e laboratorios de diagnóstico, ademais de noticias e guías relacionadas coa sanidade. Neste espazo os pacientes poden gardar prescricións, resultados de probas, operacións, calendario de vacinacións, síntomas, medicación...

O servizo conta con detractores polas dúbidas en canto á privacidade de datos tan sensibles como os médicos. E Google deféndese dicindo que puxo «a máis firme política de privacidade que se pode construír», en palabras de Marissa Mayer, vicepresidenta de procura de produto e experiencia da compañía. «É o afastado oeste «en liña». Os riscos son masivos», sostén, con todo, Deborah Peel, unha psiquiatra que fundou PatientPrivacyRights.org.

Microsoft lanzou en outubro unha ferramenta similar, chamada Health Vault, coa mesma filosofía de que os usuarios xestionen a súa información de saúde.

O co-fundador de Mozilla Europa explica en Barcelona por que non hai aínda unha tradución oficial do navegador na nosa lingua.

Do martes ao xoves desenvólvese en Barcelona o Bdigital Global Congress, un espazo de reflexión aberta ao mundo dixital onde participarán máis de 2.500 asistentes. Na xornada inaugural interviu, entre outros, Tristan Nitot, co-fundador de Mozilla Europa, quen analizou a traxectoria e as características do proxecto que pariu, entre outros, o navegador Firefox e o cliente de correo Thunderbird.

Ademais de presentar a próxima versión do Firefox, a 3.0, que sairá en xuño, Nitot tivo unhas palabras para os desenvolvedores e os voluntarios que traducen o software. Neste aspecto, o noso país e a nosa lingua non saíron ben parados. "Hai unha versión en catalán de Firefox construída por voluntarios aos que lles importa o seu idioma, ao igual que a hai en éuscaro. Pero aínda non hai unha versión en Galiza", explicou o co-fundador de Mozilla.

"Moitas veces pregúntanmo", dixo Nitot, "e a miña resposta é que se ninguén de Galiza se presenta, non haberá unha versión en galego. Estamos dispostos a que a xente traballe connosco". As palabras do responsábel de Mozilla parecen amosar que non hai conexión entre os equipos de tradución de Firefox á nosa lingua e a propia fundación, como si existe con outros idiomas.

A iniciativa posta en marcha por un xornalista navarro para financiar a igrexa tamén dá resultados contra as ideas do Vaticano.

O Buigle (Buscador iglesia), posto en marcha por un xornalista navarro para axudar a financiar igrexa católica tamén ofrece resultados que non teñen moito que ver coa súa doutrina. O "buscador católico" foi creado por Carlos Menco e pretende entregarlle os ingresos á diocese de Pamplona e Tudela.

Anúnciase que o primeiro pagamento se fará efectivo en xuño. Porén, non consta se a igrexa será quen de aceptar cartos "manchados" por usuarios que empregaron a web para buscar pornografía, información sobre métodos anticonceptivos ou os actos do próximo día do orgullo gai, que se poden introducir sen ningún impedimento no formulario de busca.

Nos termos de uso da web xa se advirte de que os resultados son exactamente os mesmos ca os das buscas de Google. De todos os xeitos, ofrece a posibilidade de acceder a buscas filtradas para menores, como o buscador do que procede.

Un blog gastronómico feito dende Teo amósase coma un exemplo de superación da fenda xeracional


Esther Fernández e Edita Cobas, de 82 e 61 anos respectivamente, dos dúas teenses que acoden á aula de informática de A Ramallosa para introducirse ao mundo da Internet, pero lonxe de permanecer pasivas á Rede decidiron montar o seu propio blog, dende o que publican receitas moi variadas, que van dende torta de queixo sen enfornar ou empanada galega de bacallau ata carne guisada con chocolate.

As dúas novas blogueiras contaron coa axuda da dinamizadora informática Marta Vázquez, que as instrúe sobre cómo tirar proveito da Internet e de distintos programas informáticos. Unha curiosa historia da que dan conta en La Voz de Galicia, e que supón todo un exemplo de superación da fenda xeracional como xa pasou coa aboa blogueira de Muxía.

Melide acollerá unha xornada sobre software libre

O vindeiro sábado ás 18:00 horas terá lugar a I Xornada de divulgación de Software Libre en Melide, un evento organizado a título persoal por Rafael Rodríguez Gayoso e Jorge Lama Varela co que pretenden difundir o software libre mediante unha charla introdutoria, un coloquio e un taller.

O evento é de entrada gratuíta, e está aberto a calquera persoa interesada, animándose aos asistentes a asistir co seu propio ordenador portátil para probar as aplicacións das que se fale.

Google Sites ábrese aos usuarios particulares


O servizo Google Sites estreado hai uns poucos meses como parte de Google Apps para empresas e asociacións que permite crear de xeito doado páxinas web baixo dominios personalizados ábrese agora a calquera, de xeito que permite que teñamos a nosa páxina web baixo un enderezo do estilo de http://sites.google.com/site/a-nosa-paxina-web, e que será totalmente de balde.

Google Sites permite xuntar nunha única web moita da información dos servizos web de Google, polo que serve para incrustar documentos, calendarios, fotografías vídeos de gadgets (pequenas aplicacións web), podendo xestionarse este espazo a través de ferramentas visuais moi doadas de utilizar.

Os administradores destas novas webs tamén poden dar permiso a outros usuarios para engadir e editar contidos, polo que o seu potencial colaborativo tamén é elevado.

Asorlu e a Rede de Dinamización reciben o premio de Tecnoloxía Accesíbel de Eganet


A Asociación de empresas galegas dedicadas a internet e ás novas tecnoloxías (Eganet) entregou este xoves os seus quintos galardóns anuais. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, a través da Asociación de Persoas Xordas de Lugo, recibiu o premio na categoría de Tecnoloxía Accesíbel.

O premio especial recaeu en Retegal, empresa pública de telecomunicacións, mentres que, na categoría de E-emprendedores, distinguiuse a empresa compostelá Thermosentinel, polo seu servizo de supervisión telemática; en Software Libre, a tamén santiaguesa Sixtema, polo desenvolvemento do catálogo GIS; en Cultura Dixital, a viguesa Pixel Grafics, coa campaña SQR; en Aplicación On-line, a oleirense Netex Knowledge Factory, por Kubbe.

O galardón Sociedade Web correspondeulle á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, polo espazo web do Voluntariado Galego; a Comunicación de Web Empresarial para Pedro Figueras Comunicación, de Vigo, polo redeseño d'A Nosa Terra Diario; o premio de Comercio Electrónico correspondeulle a Visual Publinet, por La Manzana del Cuento, e a Publicidade on-line á axencia La Nuestra Comunicación Publicitaria, de Oleiros, que quedou finalista pola campaña Movemento contra a Lei de Murphy e polas xornadas de publicidade Marca Galicia.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información resulta finalista dos Premios EGANET 2008

O dicionario virtual de termos tecnolóxicos E-SignoVisual atópase entre os catro proxectos que optan ao Premio Tecnoloxía Accesible e Segura

Un proxecto da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, desenvolvido en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), vén de ser nomeado finalista dos Premios EGANET 2008 que convoca a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (EGANET).

O proxecto E-SignoVisual, un dicionario virtual de termos tecnolóxicos que combina Linguaxe de Signos, galego e castelán para favorecer a accesibilidade ás Persoas Xordas ás Novas Tecnoloxías, foi escollido xunto a outras tres candidaturas para optar á máxima distinción que outorga o Premio Tecnoloxía Accesible e Segura.

Esta é a quinta edición deste certame, ao que se presentaron 182 candidaturas (fronte ás 173 recibidas na edición do ano pasado) e 74 empresas (3 máis ca en 2007). A gala de entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro día 22 de maio, no Hotel Monumento San Francisco en Santiago de Compostela, e estará presentada polo xornalista radiofónico Fran Hermida.

A carteleira cinematográfica xa se pode consultar dende Google


Resultados aparecidos ao buscar a «indiana jones» en GoogleGoogle leva tempo incluíndo información sobre películas e cines nos EE.UU., e finalmente tamén está dispoñible tal funcionalidade en España, de xeito que podemos facer buscas sobre estreas cinematográficas (probemos por exemplo buscando «indiana jones») para que se nos presente un recadro no que se pregunta pola nosa localidade para indicarnos os cines nos que se está a exhibir a última película de Harrison Ford.

Este sistema (accesible tamén dende google.es/movies) permite achegar información incluso sobre os cines galegos, de xeito que podemos consultar de xeito doado as películas que se poden ver en, por exemplo, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e mesmo Lalín. O buscador de películas tamén serve para localizar críticas (en inglés) das mesmas.

Este servizo sería un paso máis na universalización das buscas que persegue Google, de xeito que procurarán presentar a maior información posible sobre as nosas pescudas, sen limitarse a páxinas web.

Chegan a Europa as curas de saúde para nenos enganchados á televisión e ás consolas

Son tempos estes que vivimos de certa tiranía da comunicación. Polo menos, da comunicación que vén polo dixital. Así, do mesmo xeito que as armas de lume no salvaxe oeste, son ben poucas as persoas que tendo como teñen móbil desaproveitan unha ocasión de empregalo. De feito, moitos de nós interrompemos ás persoas que temos diante polo que nos chega polo teléfono (habendo como hai moitas opcións de que o que nos chega polo móbil sexa menos relevante: por exemplo unha campaña de promoción da operadora).

O caso é que cómpre reflexionar sobre o tema, que toca de cheo outros como a dependencia tecnolóxica, a incomunicación dixital e o exceso de consumo. Con este fin, estanse a organizar iniciativas como a do Instituto europeo Eco-Consello, da que dan conta estes días o xornal Le Parisien e máis La Voz. O proxecto en cuestión consiste en deixar durante 10 días sen televisión, vídeo xogos e computador a 250 alumnos de entre seis e once anos dun centro de estudos francés.

O obxectivo, en contra do que se pode supoñer, non é facelos tolear, senón máis ben todo o contrario. Ou sexa: aprenderlles que a vida non ten porqué ser vista sempre coma se olla un power point. Máis polo miúdo e segundo informa Xavier Rémy, o director do instituto que acolle a dita campaña (o centro de Ziegelwasser, preto de Estrasburgo), é informar doutros xeitos de ollar e de outros xeitos de lecer, alén das novas tecnoloxías. A proposta non é nova, xa que se puideron ver proxectos semellantes en Canadá (o xermolo deste tipo de iniciativas) e Estados Unidos, pero si que se trata da primeira vez que se desenvolve en Europa. Segundo os responsables do Instituto Eco-Consejo, está comprobado que os nenos ceibes do exceso de tele e de vídeo xogos reducen os seus comportamentos violentos á metade e incrementan o seu nivel de aprendizaxe.

Publícase a segunda convocatoria de premios a recursos educativos para a Sociedade da Información

O DOG deste mércores 21 de maio publica a convocatoria dos Premios a recursos educativos para a Sociedade da Información 2008, que organizan conxuntamente as consellarías de Innovación e Industria e de Educación e Ordenación Universitaria. Destinaranse 52.000 euros aos galardóns, que están divididos en catro categorías.

Os premios pretenden promover a creación e divulgación de contidos dixitais de calidade na rede, impulsar o coñecemento do software libre por parte da comunidade educativa e recoñecer e valorar o esforzo do profesorado na adopción das tecnoloxías da información e da comunicación no seu traballo cotián.

A primeira modalidade, dedicada ás ferramentas de autor, conta cun primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 4.000 e un terceiro de 3.000, mentres que as contías dos premios para a segunda categoría, que distingue os materiais curriculares para a web e para os encerados dixitais, é tamén de 6.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 3.000 para o terceiro, coa diferenza de que se outorgarán tres galardóns da terceira categoría.

A modalidade C, para galerías de imaxes e vídeos didácticos, destina un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 e dous terceiros de 1.000. Finalmente, resérvase unha cuarta modalidade para aplicacións de software libre, para as que se destinan 6.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 3.000 para o terceiro.

Poden participar na convocatoria, de xeito individual ou colectivamente, o profesorado de centros non universitarios financiados con fondos públicos. O prazo de presentación comeza o xoves 22 de maio, o día seguinte á súa publicación no DOG e remata o 15 de setembro.

Pódense consultar as bases completas no Diario Oficial de Galicia.

Alumnos de Xornalismo da USC traballan nunha novela colectiva en liña: Rigor Mortis


Unha das vantaxes que ten a Rede é que non tes porqué facer as cousas por ti só. Para cada proxecto que teñas en mente, haberá sempre outra iniciativa semellante e outra mente pensando nela. O bo do traballo colectivo non é que o resultado sexa mellor có feito a título individual (a suma de cerebros pode devir en resta), pero si que será ben diferente. Só por isto, é probable que pague a pena. Disto, de traballar poñendo unha man enriba da outra, e do que trata Rigor Mortis, unha aventura de 29 estudantes de Xornalismo da Universidade da Santiago que están a unir talentos para crear un relato conxunto e, en última instancia, novos espazos para a creación artística. A chave: tirar partido do que ofrece a Internet en cuestión de redes sociais.

Os lugueses poderán ter e-mail baixo o dominio lugo.eu

O Concello de Lugo pon a disposición dos seus cidadáns a posibilidade de obter un enderezo de correo electrónico baixo o dominio lugo.eu, coma un servizo integrado na súa nova páxina web municipal (que supuxo un investimento de 170.000 euros). Os enderezos de correo electrónico dos lugueses terán o formato nome.apelido@lugo.eu.
Esta iniciativa é unha das moitas que impulsan dende o programa Lugo dixital, que avanzará na posibilidade de efectuar trámites municipais a través da Rede.

Bill Gates fixo a súa primeira aparición holográfica no WCIT 2008

O World Congress on Information Technology 2008 que se está a celebrar en Kuala Lumpur contou cunha orixinal intervención de Bill Gates, que apareceu durante 5 minutos proxectado nun holograma de 4,6 metros ante uns 400 asistentes. A imaxe de Gates capturouse en alta definición e proxectouse nunha lámina plástica ante o asombro da audiencia, que aplaudiu o que foi a primeira aparición holográfica do fundador de Microsoft, quen falou das marabillas da computación e cómo está a crear novas oportunidades en todo o mundo.

O comercio electrónico e as novas tecnoloxías no medio rural analízanse na Estrada


Os vindeiros 28 e 29 de maio vanse desenvolver no hotel Summa da Estrada as quintas xornadas de Emprendemento Rural, organizadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Este ano, estarán dedicadas ao "Comercio electrónico e novas tecnoloxías no medio rural de Galiza".

Nelas, expoñerase a importancia das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na revitalización do espazo rural, un activo fundamental no país, fronte á tendencia ao despoboamento e illamento dos últimos tempos.

Mediante o emprego das TIC, poderá mellorar a calidade de vida e o traballo da poboación residente, aumentando a capacidade de investimentos produtivos, tanto en sectores tradicionais como nos novos, permitindo que estes espazos se integren e participen da economía do coñecemento. A aposta tecnolóxica é fundamental, xa que esta crea maiores oportunidades, mellorando a competitividade das empresas e os servizos permitindo recortar a distancia co mundo urbano.

Con este fin, as xornadas responden a unha dobre necesidade: servir como punto de encontro dos empresarios rurais e agroindustriais que xa puxeron de relevo o valor da internet e as TIC, e fomentar o intercambio de experiencias e obter novas ideas nas que se poida traballar dende o rural de Galiza.

O programa das xornadas é o seguinte:

Mércores 28

10:30 Inauguración das xornadas
Edelmiro López Iglesias: Director Xeral de Desenvolvemento Rural
José Antonio Dono López: Alcalde da Estrada

11:00 A sociedade da información no medio Rural
Helena Veiguela Martínez: Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información

11:30 Pausa café

12:00 Produción artesanal e comercio electrónico, ou como vender produtos naturais en internet
Salvador Umbert: O caso directodelcampo.com

13:00 Mesa redonda: Experiencias de comercio electrónico e estratexias de marketing en internet; aplicación á venda de produtos do medio rural
Moderador: Manuel Vilas: Xornalista director sector NTIC "A Nosa Terra"
Manuel Gago: Portal de divulgación da Cultura Galega http://www.culturagalega.org/
Salvador Umbert: Directo del Campo. Grupo Intercom. http://www.directodelcampo.com/
Rubén López Ferreiro: Comunicación en medios interactivos. Elogia Media. http://www.galiciabanner.com/
Yolanda García Vázquez: Proxecto Granxa Familiar. IDEGA-USC. http://www.granxafamiliar.com/

14:00 Aperitivo- Buffet

16:30 Mesa redonda: Experiencias en Galiza de distribución on-line de produtos agroalimentarios
Moderador: Carlos Ferrás Sexto. Universidade de Santiago de Compostela
Carne ecolóxica de Galicia. Javier Villanueva. http://www.xatogal.com/
Patacas de Galicia. Manuel Fuentes Fraga. http://www.todopatatas.com
Marrón Glacé. José Posada. http://www.marronglace.net
Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. Marta Rey. http://www.mercadodeabastosdesantiago.com/
Adegas Regina Viarum. Iván Gómez. http://www.reginaviarum.es/

Xoves 29

10:00 Os medios de pago no comercio electrónico
Maximino Ameneiro: responsable de Galeria Activa de Caixa Galicia. http://www2.lagaleriactiva.com/

10:45 As necesidades loxísticas das tendas virtuais
Javier Arrieta de Juan: Director Comercial zona Norte de Tourline Express. http://www.tourline express.com/

11:30 Pausa Café

12:00 O papel das TIC nas políticas de Desenvolvemento rural
Fernando Veiga Fernández: Subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural. AGADER

13:00 Situación en Euzkadi en relación ao emprego das TIC no medio rural
Isabel Sola Brea: Dirección del Gabinete del Consejero. Consejería de Agricultura, Pesca y Alimentación de Euskadi

14:00 Aperitivo- Buffet

16:30 Mesa redonda: Experiencias en Galiza de aplicación de novas tecnoloxías no medio rural
Moderador: Antonio Pérez Casas: Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información
Proxecto Wimax en Ancares-Courel. Francisco Díaz. Empresa Colabora
Software libre para unha granxa leiteira. José Manuel Campos. Programa "Ainfogra"
Aplicación NTIC nunha explotación de gando. Granxa Miguel Anxo Seixas
Guarnicionería Hermanos Gómez. Equitación, Hípica, Cabalos. Miguel Gómez. http://www.hermanosgomez.com/

Clausura das Xornadas
Conselleiro do Medio Rural
Delegado Provincial da Consellería do Medio Rural

Mundo Quente: un blog erótico galego

A mediados de abril iniciouse un blog centrado en contidos eróticos que sorprende por estar escrito en galego. Non se trata dun espazo de contidos pornográficos, senón que segue a liña doutras webs semellantes en español e inglés (coma PutaLocura, NSFW ou Fleshbot), de xeito que segue temas de actualidade sobre a sexualidade, a moda, o cine, a televisión ou a arte dende unha perspectiva peculiar que lle vale o seu nome: Mundo Quente.

Este novo blog recolle contidos que aparecen en medios galegos, portugueses, brasileiros, españois, norteamericanos e doutros países que encaixan coa temática deste espazo que tamén destaca polo seu humor.

Mundos Dixitais achegará á Coruña o mellor da animación, os efectos especiais e os videoxogos


O Festival Internacional de Animación Mundos Dixitais achegará á Coruña un total de 216 curtametraxes procedentes de 35 países entre os días 2 e 5 de xullo, que nesta edición contará coa entrega dos Premios 3DAwards, coñecidos coma os Óscar da infoarquitectura, que empregará á Torre de Hércules como tema, co gallo da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.

A organización do Festival corre a cargo da Universidade da Coruña co patrocinio da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e da Fundación Caixa Galicia, e incluirá talleres e conferencias sobre a creación dixital (na que inclúe o cine de animación, os efectos especiais e os videoxogos).

Mundosdigitales.tv promove o sector da animación e dos efectos especiaisMundos Dixitais conta cunha canle de vídeo a través da Internet para promover a animación e os efectos especiais dixitais, que serve para difundir distintos contidos entre os que destaca a cobertura de eventos relacionados co Festival e outras actividades relacionadas.

Educación convoca axudas para a aplicación das TIC nos centros de ensino galegos

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte, un total de 54 premios á innovación educativa para profesorado e centros públicos galegos de ensino non universitario. O devandito departamento investirá 87.500 euros nesta iniciativa coa que quere recoñecer aquelas experiencias innovadoras que se están a desenvolver nos centros educativos galegos e que supoñen unha mellora da calidade do ensino.

Educación convocará, polo tanto, galardóns en catro modalidades diferentes, unha das cales corresponde a proxectos de centros, que engloba o plan anual de lectura, plan de convivencia, plan de introdución ás tecnoloxías da información e comunicación (TIC), e plans que recollan medidas organizativas e curriculares para a escolarización de alumnado procedente do estranxeiro.

Esta modalidade está dirixida aos centros educativos públicos de ensino non universitario que teñan realizado o proxecto educativo no curso 2007/08.

O prazo de presentación de solicitudes para tódalas modalidades comeza hoxe martes, 20 de maio, e remata o vindeiro 15 de setembro de 2008.

Unha recomendación de cine XVI

Honeydripper

Dirección y guión: John Sayles.
Género: Drama, musical.
Interpretación: Danny Glover (Tyrone Purvis), Lisa Gay Hamilton (Delilah), Yaya DaCosta (China Doll), Charles S. Dutton (Maceo), Mary Steenburgen (Amanda Winship), Vondie Curtis Hall (Slick), Gary Clark Jr. (Sonny Blake), Dra. Mable John (Bertha Mae), Stacy Keach (sheriff Pugh), Absalom Adams (Lonnie).

Na Alabamoa rural de 1950, Tyrone, pianista e dono dun pequeno bar espera salvar o local da ruina contratando o máis famoso guitarrista de blues do momento. Cando chega o día da actuacón o músico non aparece, así que Tyrone terá que buscar unha solución para non perder o seu local.

Unha web recolle iniciativas do Día da internet en todo o mundo


A web, dispoñíbel en galego entre outras linguas, dá conta das actividades das celebracións que fomentan o uso de Internet desde Monforte ata Chile. Os eventos pódense atopar clasificados por país de celebración, por tipo de evento ou por idade dos participantes.

Máis Internet,Máis Galego,Máis Futuro invita aos internautas a seguir achegando as súas mellores propostas para o uso da tecnoloxía comunicativa

O domingo 25 de maio ás doce da noite rematará o prazo para participar no concurso. .

As mellores utilidades das novas tecnoloxías de cara a nosa vida cotiá están aínda por descubrir. Con esa filosofía, Máis Internet, Máis Galego, Máis Futuro propuxo aos navegantes que enviasen a Ti+D os seus usos ideais da nova conectividade. E nada mellor para incentivar a creatividade que a perspectiva dun bon premio.

Como non podía ser doutra maneira, os regalos son tres interesantes trebellos tecnolóxicos: un i-Pod Touch con oito Gigas de memoria, para levar nel toda a música que poidas imaxinar; unha radio Phoenix wi-fi, para escoitar emisoras on-line desde calquera lugar, ou un simpático coelliño Nabaztag, que se comunica cos outros da súa comunidade tamén con tecnoloxía wi-fi. Estes premios serán para aquelas ideas que o xurado considere máis orixinais, creativas e útiles.

Entre as ideas recibidas en Ti+D ata agora atópase unha feira de toda a vida, adaptada a tecnoloxía Bluetooth para sacarlle todo o partido aos cruzamentos diarios con descoñecidos. Outra maneira que propón un internauta de aproveitar innovacións para solucionar necesidades tradicionais é a de aplicar a tecnoloxía GPS para controlar movementos nos marcos das leiras.

A Xunta estrea un tradutor web de español a galego


Probamos a tradución automática coa web de videoxogos Vandal.netA Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de aloxar no portal web da Xunta o tradutor automático español-galego que permite traducir textos de ata 2.500 caracteres e páxinas web completas, o que facilita a lectura de contidos na nosa lingua.

Este tradutor vén a desenvolverse dende hai uns 2 anos e xa se distribuíron licenzas desta aplicación en concellos, no Parlamento de Galicia, nos centros de ensino, na Administración de xustiza, nos medios de comunicación e na Administración periférica do Estado, entre outras entidades, co que se pretende axudar á xeración de contidos en galego.

A nova ferramenta foi desenvolvida no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en colaboración coa empresa Incyta Multilanguage, e agora ponse á disposición de toda a cidadanía de balde.




Polo momento o tradutor só permite pasar textos de español a galego, pero xa se adxudicou nunha convocatoria pública a creación dun tradutor do inglés ao galego e viceversa.

Charla sobre a situación do galego na Rede en Ordes

Co gallo do Día das Letras Galegas e o Día da Internet, a Rede de Dinamización organiza unha charla no Centro Comarcal de Ordes sobre a situación do galego na Rede, que terá lugar entre as 17:00 e as 19:00 horas deste xoves, contando coa presenza de Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación PuntoGal, que achegará a súa visión sobre a situación da lingua galega na Internet.

Tamén intervirán no debate O galego na Rede os seguintes oradores: Ramón Vilar Landeira, director de Vieiros; Carlos G. Meixide, autor do libro O home inédito e Víctor Fresco Barbeito, editor da Galipedia.

Nace unha rede de blogueiros en defensa da lingua galega


Os responsables dos blogues Contradiscurso 3.0, Selva de Esmelle, Sempre en Galiza, O caderno do Silvio, Galiza Subversiva e O do Alberte xuntáronse para subscribir un manifesto na defensa do noso idioma, no que se destaca o seu compromiso completo e activo coa lingua galega coma principal alicerce da nosa identidade conectiva, se avoga polo uso do galego coma lingua vehicular dos galegos na Internet, se rexeita todo ataque contra o galego, se reclama o dereito a vivir con normalidade na lingua propia de Galicia, se adhiren ao anterior manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e se anima á participación na concentración que a Mesa organizou para o vindeiro domingo, convidando a outros blogueiros a sumarse a esta iniciativa que se leva a cabo baixo o título de Blogues pola Lingua.

Esta nova rede de blogueiros en defensa do galego pretende así defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da Web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado, e os seus responsables xa recoñecen que están a recibir moitos apoios doutros blogueiros interesados en apoiar esta iniciativa.

Traballo presenta unha ferramenta dixital que mellora a calidade das solicitudes de axudas


A Consellería de Traballo vén de presentar unha ferramenta en liña para poñerlles aos cidadáns as cousas máis doadas en materia de relación e comunicación con eles. Concretamente, trátase dunha iniciativa encamiñada a favorecer a cumprimentación de solicitudes para acceder ás liñas de subvencións dos programas da Consellería. A aplicación, que se encadra dentro da política de dixitalización dos procesos administrativos seguida nos últimos tempos polo departamento que dirixe Ricardo Varela, constitúe o chanzo previo á posibilidade de presentar as solicitudes a distancia co único requisito de achegar sinatura electrónica, segundo explicou a Consellería.

Ou sexa, que a concorrencia desta aplicación non vai ceibar ós cidadáns da presenza do papel (as peticións teñen que ir aínda neste formato) pero si que asegura un mínimo número de erros e de repetición de datos.

Outra das principais vantaxes desta ferramenta, amais da devandita de mellorar a calidade da solicitude, reside na redución dos tempos de tramitación, “pois ademais de aumentar a calidade das solicitudes, aforra o paso de mecanización das mesmas por parte dos funcionarios encargados da tramitación”, informou a Consellería.

Innovación e Industria colabora coas universidades na implantación do software libre

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou na mañá de hoxe varios convenios de colaboración coas tres Universidades galegas, representadas polos seus reitores: José María Barja Pérez, da Universidade da Coruña, Senén Barro, da Universidade de Santiago de Compostela, e Alberto Gago, da Universidade de Vigo. Grazas a estes acordos, o departamento dirixido polo nacionalista Fernando Xabier Blanco achegará 465.012 euros para o desenvolvemento de distintos actos formativos así como de implantación do software libre.

Por un lado, asinouse un convenio entre a Consellaría de Innovación e Industria e as tres universidades de Galiza para a creación e consolidación de oficinas de software libre universitarias. Para tales efectos, dende o departamento autonómico reservouse unha partida orzamentaria de 240.000 euros, que se reparten en 80.000 euros para cada unha das tres universidades durante o bienio 2008-2009.

Polo presente convenio realizaranse as actuacións destinadas á creación e consolidación das oficinas de software libre nas tres universidades que respondan ás seguintes características: que conten cun coordinador a tempo completo responsable da coordinación con outras oficinas de software libre universitarias e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellaría (Mancomún); contar cun coordinador e un equipo de apoio; a creación dun espazo web específico da oficina de software libre universitaria onde se recolla os seus obxectivos, estrutura, contacto e principais actividades; o compromiso de presentar nos dous primeiros meses de vixencia deste convenio un plano anual de actuación da oficina correspondente ao 2008 e 2009; e a proposición de novas iniciativas para o desenvolvemento do software libre no ámbito das súas institucións.

Asemade, tamén se fixará o marco de coordinación e colaboración co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia (Mancomún) mediante a creación dunha comisión de coordinación técnica das actividades desenvolvidas polas tres oficinas universitarias de software libre e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellaría. As oficinas tamén terán que incorporar contidos á web de mancomun.org e colaborar na difusión das actividades e información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

USC
Por outra banda, a Consellaría de Innovación e Industria asinou varios convenios coa Universidade de Santiago de Compostela. Un deles estabelece as condicións de colaboración para a organización da VII edición do curso de Posgrao ‘Economía e Xestión da Innovación’, no que se investirán 45.000 euros, e mais o desenvolvemento do ‘III Máster en Xestión e Dirección de Empresas de Deseño e Moda’, durante o presente ano 2008, cun orzamento total de 70.000 euros.

Volve por 3º ano o concurso A polo ghit

Despois do éxito das dúas edicións anteriores, o concurso A polo ghit, organizado por Vieiros e a Radio Galega, abre o prazo de recepción de candidaturas, polo que as agrupacións e solistas que aspiren ao ghit de 2008 poden remitir as súas pezas sonoras (e mesmo vídeos musicais) xunto cos seus datos, un breve texto descritivo, a letra da canción e fotografías do intérpretes por correo electrónico ou mediante envío postal tradicional.

Para fomentar a creatividade dos artistas galegos, desta volta só se aceptarán temas orixinais propios, e non versións. Nun par de semanas dará comezo a parte interactiva do concurso, de xeito que se poderán escoitar, descargar, votar e opinar as cancións presentadas, que tamén soarán no programa Extrarradio da Radio Galega.

A web 17demaio.org afonda na vida e na obra de Álvarez Blázquez


O espazo 17demaio.org ben podería definirse como unha porta de referencia na que petar no caso de que queiramos obter imformación completa sobre un caso concreto, a celebración do 17 de maio (as Letras Galegas), e outro máis específico, a celebración do 17 de maio de mans da Consellería de Cultura. Dito doutro xeito: trátase dunha web feita exclusivamente co gallo de conmemorar o noso patrimonio literario e (asemade) de resolverlles ós internatuas o maior número de preguntas e consultas que lles poidan xurdir sobre o tema.

Ten polo tanto un fondo e un espírito de enciclopedia virtual e de recurso que che sae ao paso mesmo antes incluso de que te propoñas procurar información.
Como vén sendo costume cos autores recoñecidos noutros anos, a información sobre o autor elixido este ano (Xosé María Álvarez Blázquez) é completa: inclúese unha cronobiografía (a súa biografía con imaxes, ano por ano e fito por fito), unha galería de imaxes, a historia do apelido Álvarez ó longo do tempo (moi ligado á defensa da nosa cultura), o contexto histórico no que transcorreu a vida do autor homenaxeado, os seus libros na rede (información bibliográfico) e unha serie de apartados sobre as súas diferentes ocupacións (editor, articulista, escritor e arqueólogo).

Tamén se inclúe unha axenda de actos que ben pode sernos de utilidade se queremos participar nalgunha das moitas actividades de festexo.

Unha recomendación de cine XV

Iron Man

Moitos son os heroes da Marvel que deron o salto do cómic ao cine, uns con maior fortuna que outros. No caso de Iron Man decir que non é a típica tópica película de superheroes. É unha película feita para entreter e o consegue pero sen insultar a intelixencia do espectador. Un espectáculo ben calculado de efectos especiais e aventuras. Recomendable.

+Internet +Galego +Futuro: a Rede de Dinamización pon en marcha concursos e bitácoras


Ao longo do mes de maio, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información propón obradoiros, blogues colectivos e concursos para celebrar o Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información en Carballo, Poio, Porriño e Pontedeume.

Boa parte das iniciativas da Rede de Dinamización está directamente relacionada cos diferentes usos dos blogues. Blogotica de Bergantiños, que se está a levar a cabo no Concello de Carballo, pretende achegar ás mulleres da zona o manexo dos procesador de texto e Internet coa fin de que poidan compartir nunha bitácora os seus trucos e consellos, e esas receitas da familia que non deben esquecerse.

Co mesmo espírito, Vagalumes do Eume pon en contacto aos maiores de Pontedeume coa creación dun diario electrónico colectivo para que as historias, cancións e lendas da comarca do Eume sobrevivan ao paso do tempo. Pola súa banda Blogues móbiles, a charla-obradoiro que ofrecerá Pedro Silva o 17 de maio no Porriño, quere dar a coñecer o mundo do blogomillo e especialmente a posibilidade de subir artigos aos blogues desde o teléfono móbil.

Ademais, o título de Conécta-T e Navega no mes de Maio agrupa a un conxunto de actividades que se están a desenvolver nas cinco parroquias do Concello de Poio. As accións inclúen dous concursos: un de cartaces sobre o 17 de maio, para que os nenos de Primaria do concello plasmen visualemente as súas ideas sobre Internet e o galego, e un de fotografía dixital Vive Poio aberto a todos os participantes que o desexen. Por último, Internet é para min... diríxese as asociacións de Poio para pescudar que experiencia usos fan da rede.

Por último, aunando a conmemaración do Día das Letras co obxectivo de achegar á xente as novas tecnoloxías da comunicación, a Rede de Dinamización xunto cos Concellos de Tomiño e A Guarda propón Poemas e Novas Tecnoloxías. O proxecto consiste en realizar unha curtametraxe cuxa banda sonora será a lectura de poemas de Álvarez Blazquez por parte dos usuarios das aulas destes concellos.

A empresa Telefónica crea unha división para potenciar a sinatura electrónica

A importancia que está a cobrar cada vez máis a sinatura electrónica, coa implantación do DNI electrónico, xa está a ter consecuencias nas estratexias empresariais. Así, Telefónica anunciou que creará unha división para aumentar a fiabilidade do sistema, chamada Mediador de Confianza. O departamento dedicarase a validar os certificados, autentificar as transaccións e custodiar os documentos electrónicos.

A empresa de telecomunicacións leva máis dun ano traballando no proxecto, no que leva investidos máis de 400 millóns de euros para se converter na primeira de Europa en ofrecer o servizo.

Actualmente, no Estado Español hai catro millóns de persoas con DNI electrónico e outro millón con certificados dixitais. Prevese que a finais de 2009 haxa 10 millóns con documentación electrónica, xa que a lei obriga o seu uso para as administracións e empresas de máis de 100 empregados ou máis de 6 millóns de euros de operacións.

Innovación e as universidades organizan unha xornada 2.0 sobre a nova ágora galega


Seguimos dando conta paseniño pero sen pausa dunha boa parte das actividades –e non son poucas– que este ano se encamiñan a poñer en valor dous conceptos de gran interese para Galiza, por separado (e sobre todo) xuntos: as nosas Letras e Internet. Unha destes eventos vai ser a Xornada 2.0, A nova ágora galega, un congreso presencial dirixido a conmemorar esta festividade dupla (ou tripla, mellor dito, xa que tamén se celebra o Día Mundial das Telecomunicacións) e do que está a informar a Consellería de Innovación. O encontro 2.0 desenvolverase o 14 de maio en colaboración coas tres universidades galegas na Escola de Informática do Campus de Ourense, e nel abordarase a aplicación das tecnoloxías web participativas en diferentes ámbitos.

As diferentes mesas desta xornada xirarán arredor do estado actual desta web social (esa que se apoia no “faino ti mesmo”) e das posibilidades que estas tecnoloxías están a abrir en ámbitos tan diversos como o desenvolvemento de aplicacións de software libre, a educación, os negocios ou a literatura. Entre as 9.45 e as 19:30 desenvolverase esta xornada incluíndo cinco áreas de discusión. Contarase coa participación de responsábeis universitarios, da Dirección Xeral da Sociedade da Información, escritores, empresas e bloggers.

Programa da xornada

9:15 - 9:45: Recollida de credenciais.

9:45 - 10:00: Apertura da xornada.

10:00 - 11:15: Estratexias TIC na Administración e a Universidade, coa participación de Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia; Pedro Rey, director da Oficina Web da USC; Víctor Manuel Carneiro, adxunto ao vicerreitor de Calidade e Novas Tecnoloxías da UdC; Anxo Manuel Sánchez, vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade da UVigo. A mesa estará moderada por José María Barja, reitor da UdC.

11:15 - 12:15: As comunidades no desenvolvemento de proxectos de software libre, na que participan: Xurxo Cegarra de Wireless Galicia; Susana Álvarez de Redegal; Manuel Pacior de Ilumax Software; e Jordi Mas de OpenBravo. Modera Xesús Benítez Baleato, coordinador de Mancomun.org.

12:15 - 12:45: Café.

12:45 - 14:00: A empresa 2.0, coa participación de: Daniel Seijo de Weblogssl e coordinador de motorpasion.com; Berto Yáñez de Chuza!; Javier Martín de Loogic.com; e Álvaro Ibáñez ’Alvy’ de Microsiervos. Modera Antonio Pérez Casas, asesor para a Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

16:30 - 17:45: Aplicacións e experiencias educativas das redes sociais coa participación de: Daniel Martí de comunisfera.blogspot.com; Francesc Balagué de blocdeblocs.net; e Tíscar Lara de tiscar.com. Modera Pedro Cuesta Morales da UVigo.

17:45 - 18:00: Café.

18:00 - 19:15: Escritores na blogosfera con Rubén Ruibal (escritor, Premio Nacional de Literatura Dramática 2007); Xerardo Méndez (escritor); e Manuel Bragado (director xeral de Edicións Xerais de Galicia). Modera Domingo Docampo (ex reitor da UVigo e vogal do Consello da Cultura Galega).

19:15 - Clausura.

Desconto do 14% na compra de Macs para os universitarios españois


O desconto para universitarios fai moi atractiva a compra dun MacOs estudantes universitarios españois poderán aproveitar unha promoción publicada a través do portal Universia para acadar un desconto do 14% en toda a gama de ordenadores de Apple, tanto portátiles coma sobremesa, válida ata o 1 de xuño e que se anuncia baixo o lema ¿Has pecado ya? Atrévete...

Este desconto, sumado ás últimas rebaixas de prezos, fai que sexa posible mercar un portátil MacBook dende 817 euros e mesmo un iMac por 860 euros, o que fai que o prezo sexa un menor atranco á hora de adquirir un equipo informático do fabricante de Cupertino.

A Mesa reforza na Rede a súa campaña Polo Dereito a vivirmos en galego


A Mesa pola Normalización Lingüística está a facer estes días un esforzo especial por vincular ao galego con todos os niveis do noso tecido social, económico e informativo. A idea é non deixar nada por cubrir, relembrando que a nosa lingua é cen por cen válida para ser empregada até en aquilo que aínda está por inventar. E xa que falamos de cousas por desenvolver ou en fase constante de desenvolvemento, cómpre sinalar que un dos eidos onde máis fincapé fai a Mesa é o da Rede. En certa maneira, non é casual que así sexa: estamos a piques xa de celebrar as nosas Letras e, tamén, de celebrar a Internet (o mesmo día).

Para esta data, a Mesa ten proxectado reforzar aínda máis a campaña Polo Dereito a vivirmos en galego, que podemos ver reflectida a partir de agora e polo miúdo no fotolog da Mesa (posto en marcha estes días) e tamén na web mesma da organización galega.

A devandita campaña, que xunto co certame de vídeo Mobilízate pola túa lingua! centra unha boa parte do espazo virtual do fotolog, está a ser obxecto dun importante número de mostras de apoio, non só de Concellos senón de todo tipo de colectivos (máis de 70), tal e como se reflicte no espazo web da mesa, onde tamén se anima a participar.

Por certo que o día despois da celebración das Letras e da Internet, o 18, está prevista unha manifestación en Santiago para defender o lema mesmo da iniciativa, a fin de contas unha declaración de intencións en si mesmo: Polo dereito a vivirmos en galego.

O COETG presenta o Diccionario Enciclopédico Galego das TIC

No marco da celebración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia vai levar a cabo a presentación do Diccionario Enciclopédico Galego das TIC da man do escritor e enxeñeiro Xavier Alcalá así como unha reflexión sobre O futuro da lingua galega na era dixital por parte do secretario xeral do COETG, Ramón María Lois Santos e a profesora de filoloxía da UDC, Pilar García Negro.

Ámbalas dúas actividades terán lugar mañá martes día 13 de maio no hotel Porta do Camiño en Santiago de Compostela ás 13:00 horas nun acto que será clausurado polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco.

Os médicos comezan a pasar consulta en Second Life


A Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (semFYC) e a Coalición de Cidadáns con Enfermidades Crónicas colaboran na creación de La Isla de la Salud, un espazo virtual dentro de Second Life que nun principio serve para a publicación de paneis informativos sobre hábitos saudables e mesmo para realizar consultas gratuítas orientadas ao público mozo, que será atendido por dous doutores do Grupo de Atención ao Adolescente de semFYC durante 2 días á semana (os luns de 19:30 a 21:00 horas e os xoves de 22:30 a 24:00 horas).

O ADSL rural incrementará de velocidade (ou baixará de prezo) a partir de xuño

Descrición do servizo actual aparecida na web de TelefónicaOs usuarios de liñas de ADSL rural, tras denunciar en numerosas ocasións a discriminación que padecían no tocante aos prezos e velocidades das súas conexións á Rede verán coma nos seguintes meses as súas liñas pasarán a ter condicións urbanas, pois a partir de xuño Telefónica mellorará as velocidades destas conexións de 512 Kbps a 1 ou 3 Mbps (segundo zonas) conservando o prezo de 39,90 euros/mes.

Pero a distancia das centrais de telefonía de moitos domicilios imposibilita en moitos casos mellorar a velocidade actuais, e en tal caso Telefónica reducirá o seu prezo a 29,90 euros/mes, o que só debería producirse no 20% dos 66.863 usuarios que actualmente teñen este tipo de conexións.

Esta iniciativa precisa dun investimento de 70 millóns de euros para adecuar as centrais para dar un servizo igualitario para todos os usuarios de liñas ADSL en España, e suporá o adeus definitivo ao ADSL rural.

Actualmente hai 8.061 usuarios do ADSL rural en Galicia que verán así satisfeitas as súas reivindicacións, pois ata o momento están a pagar máis e recibir menos que os usuarios urbanos.

Cómpre destacar que o servizo de ADSL Ámbito Rural está asociado ao PEBA do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e está cofinanciado por fondos FEDER en Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Murcia.

Xornadas 'G11n: Eu traduzo o teu software'

Mancomun.org, con ocasión do seu segundo aniversario celebra unhas xornadas sobre ferramentas metodolóxicas de tradución de software libre ao galego e xuntará por dous días aos membros máis activos/as da comunidade de tradución de software galega.

O obxectivo de G11n: Eu traduzo o teu software é o de identificar os principais problemas que os/as axentes concernidos/as atopan no seu labor e atopar conxuntamente solucións que permitan resolvelos.

O evento G11n: eu traduzo o teu software divídese en dúas xornadas, a primeira delas aberta ao público e a segunda dedicada ao traballo interno da comunidade.

A primeira destas xornadas, que se desenvolverán no Hotel AC Palacio del Carmen, é de caracter congresual, abríndose cunha ponencia sobre terminoloxía que impartirá Xusto A. Rodríguez Río, responsábel da Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Tras esta ponencia ten lugar unha Intervención Institucional con ocasión do 2º Aniversario de Mancomún de Helena Veiguela, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Consellaría de Innovación e Industria (Xunta de Galiza). Esta intervención precede a unha mesa redonda, moderada pola Directora Xeral, na que persoas destacadas no eido da localización galega exporán a súa perspectiva na matéria. Tras unha comida que require inscrición previa completará a xornada de portas abertas dúas ponencias de grande interese: a protagonizada por Albert Astals Cid, sobrecoordenador de KDE 4.0 e a impartida por Juan Rafael Fernández, experto en tradución de software e Profesor de Educación Secundaria en Andalucía.

A segunda xornada ten un caracter máis interno e aínda que é posíbel a participación de público está orientada principalmente aos distintos axentes que conforman a comunidade galega de localización de software libre (voluntariado individual, grupos de voluntarios/as, asociacións, empresas e administración pública así como a expertos/as convocados pola propria comunidade).

G11n é un numerónimo informático que significa galeguización

Programa do día 10

09:30. Apertura das xornadas.
10:30. Terminoloxía, charla impartida por Xusto A. Rodríguez Río do Servizo Normalización Lingüística USC.
11:30. Café.
12:00. 2º Aniversario Mancomún, onde falará Helena Veiguela.
12:45. Mesa redonda arredor das Perspectivas na localización do software libre.
14:00. Xantar.
16:30. KDE, charla impartida por Albert Astals Cid, sobrecoordenador de KDE 4.0.
17:45. Café.
18:00. Tradución de software, charla impartida por Juan Rafael Fernández, experto tradución software.
20:30. Cea.

Programa do día 11

10:00. Sesión plenaria para a asignación grupos de traballo.
11:30. Sesións simultáneas dos grupos de traballo.
13:30. Sesión plenaria para a exposición das conclusións.
14:00. Clausura e xantar.