A Ciberirmandade remodela a súa web para fomentar a participación

Unifica o sistema de usuarios da web e dos foros e permitirá que calquera poida publicar novas e convocatorias.

A Ciberirmandade da Fala ten en marcha, en período de probas, a súa nova páxina web. O colectivo, que ten como obxectivo fomentar o uso da nosa lingua na internet, introduciu unha serie de novas características, que serán definitivas dependendo das suxestións que lles propoñan os internautas.

A nova páxina unifica a web e os foros, de xeito que se poderá acceder a ambos os contidos co mesmo rexistro e identificación. O obxectivo é fomentar a participación das persoas usuarias nos dous eidos.

Así mesmo, todas as persoas rexistradas poderán publicar novas na web, do mesmo xeito ca os antigos usuarios, xa engadidos ao sistema. Así, só sairán na portada as novas máis lidas de entre as enviadas. Tamén é posíbel publicar datas de acontecementos e anuncios de balde.

Outra das seccións novas que se inclúe no espazo da Ciberirmandade é o de titulares de prensa, con algunhas das informacións destacadas de medios dixitais, como é o caso de Vieiros.

Este martes sae o novo Firefox


A versión 3.5 do navegador de Mozilla promete ser máis rápida e incorpora funcións como a reprodución de vídeo sen engadidos.

Se non hai máis atrasos, este martes 30 de xuño a Fundación Mozilla publica a versión 3.5 do seu coñecido navegador de código aberto Firefox. Deste xeito, conta con cubrir a promesa de que se podería descargar a nova versión definitiva antes de rematar o mes, despois de varias versións de proba.

O novo Firefox poderase descargar tamén en galego. Entre as principais novidades deste navegador están a maior velocidade (nalgúns casos moi notábel), tanto de representación gráfica como de execución de código javascript, e maior estabilidade. Tamén incorpora soporte para os principais elementos de HTML5 que permite, por exemplo, ver vídeo sen necesidade de engadidos.

O navegador de Mozilla segue a captar cada vez máis usuarios, cunha cota de mercado de entre o 20 e o 25% fronte ao Internet Explorer de Microsoft, que está entre o 65 e o 70% do uso na rede. Na web oficial de Firefox hai máis información sobre as novidades que traerá o novo navegador.

O blogueiro Nacho Mirás inicia unha serie de cursos de iniciación ás TIC na Rede de Telecentros

A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia, dentro da campaña Comunicarte da Secretaría Xeral de Medios, vai poñer en marcha 12 titoriais interactivos para facilitar o uso e o coñecemento das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación. O primeiro deles, sobre como subir un vídeo ou unha fotografía a internet, preséntase este martes, 30 de xuño, no Centro Multimedia de Galicia e estará accesible en seis Telecentros de Galicia.

Dende Compostela, a partir das 17 horas, o xornalista e blogueiro Nacho Mirás encargarase de introducir e de presentar o primeiro dos titoriais aproveitando para facer un percorrido pola situación actual da blogosfera galega. No acto estará acompañado do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

A xornada poderase seguir por videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Abegondo, Lugo, Verín e O Barco de Valdeorras, onde se poderá traballar co titorial, accesible a partir do martes nos distintos telecentros para o seu uso.

Os titoriais, desenvolvidos coa tecnoloxía Flash, están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratarán sobre temas relacionados co mundo das TIC e cos distintos servizos e oportunidades que internet ofrece na actividade diaria: o acceso á banca electrónica, a tele-administración, a formación on-line, as redes sociais...

A campaña Comunícate pretende que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan como puntos de referencia no acceso ás novas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

A tarde máis curta


Xa está en marcha "A tarde mais curta". Dende o día 25 comezara a proxección das curtas gañadoras das tres anteriores edicions da "Curtas na rede". Con este evento tratamos de que a xente este ao tanto do traballo que se fixo no mundo das curtas en Galicia, e sobre todo para espertar ese director de cine que levades dentro, e vos animedes a participar e facer a vosa propia curta. Para iso, poñemos en cada Telecentro participante unha camara a disposición dos que queiran realizar a sua grabación, e que poidan editala no propio telecentro. A continuación, poñemos os Telecentros participantes e as datas. Para os horarios podedes poñervos en contacto co responsable de cada TC, para que vos informen:


TC ABEGONDO, 25, 26 e 29 de Xuño, en horario de mañan. Traballaran cun grupo de adultos, e a ver si se animan a preparar a súa propia curta.

TC BETANZOS( a partires das 8 da tarde), TC VERÍN E TC CHANTADA, 25 de Xuño e 2 e 9 de Xullo en sesión de tarde.

TC VEDRA, TC SARRIA, TC O BARCO DE VALDEORRAS e TC CATOIRA, 16, 23 e 30 de Xullo, en sesión de tarde.

TC OROSO, 16, 23 e 28, en sesión de tarde.

Monterroso e Bos Aires, uniranse este venres por videoconferencia


A Secretaría Xeral de Medios, a través da Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC), vai facer posible que varias familias do Concello de Monterroso poidan establecer contacto cos seus seres queridos emigrados na Arxentina (por primeira vez en moitos anos na maioría dos casos), a través de videoconferencia.

O encontro, que terá lugar este venres 26 de xuño, vai acurtar as distancias existentes entre Monterroso e o Centro Galego de Bos Aires, permitindo que moitos veciños e veciñas se comuniquen cos seus familiares a través de milleiros de kilómetros de distancia e comproben de primeria man a eficacia das novas tecnoloxías e a súa utilidade incluso para as persoas máis maiores que nunca antes pensaron ter que usar un ordenador na súa vida.

En total serán unhas vinte as familias que poidan comunicarse virtualmente cos seus familiares de Bos Aires o vindeiro venres, nunha conexión que dará comezo ás 16:00 horas e á que asistirá o alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas.

Porén esta non vai a ser a primeira vez que esta localidade e Bos Aires se unan a través de videoconferencia, xa que o Telecentro de Comunicación da vila lucense leva organizados varios encontros deste tipo para que as persoas con familiares e amigos no extranxeiro, poideran verse e nalgúns casos incluso coñecerse.

A actividade enmárcase dentro da campaña de dinamización da Rede de Telecentros de Comunicación Comunícate, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Medios, nos distintos centros dependentes do Centro Mulltimedia de Galicia (CMG) co fin de dar a coñecer á poboación as distintas posibilidades que ofrecen os Telecentros de Comunicación (TC).

Os responsables da campaña aseguran que con este tipo de actividades pretenden “incorporar aos Telecentros como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e facer que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías”.

YouTube estrea canle de tráilers


Para facilitar o acceso a tráilers cinematográficos dende YouTube veñen de crear unha canle propia para os mesmos, nos que os avances das últimas películas están accesibles en boa calidade (case todos en alta definición) e organizados en 3 categorías: Popular, Máis recente, En carteleira e Vindeiras Estreas.

Desafortunadamente, a información que serve para indicar que unha película está ou non estreada dentro da canle de tráilers de YouTube baséase no calendario norteamericano, polo que aínda que a interface desta sección do portal de vídeos de Google estea traducida, non acontece o mesmo cos contidos, á vez que tampouco aparecen os vídeos en español.

Novas tecnoloxías, discapacidade e empresa, a debate en Lugo

As Tecnoloxías da Información e a Comunicación desempeñan, a día de hoxe, un papel fundamental no proceso de integración laboral de calquera persoa; case sen excepcións, nos tempos que corren, o que máis e o que menos debe demostrar coñecementos mínimos e formación en novas tecnoloxías para acceder a un posto de traballo calquera e isto agrávase cando as persoas demandantes de emprego sofren algún tipo de discapacidade, pois as esixencias, tanto na empresa ordinaria como a través da fórmula do autoemprego, son as mesmas, mentres que a posibilidade de acceso ás TIC (debido moitas veces aos propios servidores) dificúltanse por mor da falta de funcionalidade das webs e das ferramentas tecnolóxicas ofertadas.

É por isto que a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) quixo incluir no programa do Proxecto ETIC, a xornada Novas tecnoloxías e discapacidade, que organiza en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

A devandita xornada estruturarase en dúas partes. Por unha banda, haberá catro relatorios nos que se falará das axudas ás empresas en materia de accesibilidade e se exporán varios casos de acceso ao mercado de traballo de persoas con discapacidade; ao seu fin terá lugar o sorteo entre os asistentes dun netbook Toshiba con software adaptado.
Por outra banda, ao longo da mañá realizaranse noutra sala, nunha xornada de portas abertas, demostracións do funcionamento de equipos informáticos adaptados na súa totalidade e mais de equipos con hardware ordinario e software adaptado.
O acto terá lugar mañá xoves día 25 na Facultade de Humanidades do campus de Lugo das 9:30 ás 14:00 horas, e nel participarán, entre outras personalidades, o alcalde de Lugo, José López Orozco, a deputada provincial Regina Polín Rodríguez e o representante da Obra Social de Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez Rodríguez.

Convocado dende a nosa terra un encontro virtual de artistas 2.0


O proxecto cultural 12 Lúas segue adiante na súa teima de afondar nas posibilidades dunha estrada de dobre vía: aquela na que circulan as novas expresións artísticas e as tecnoloxías da información. Nesta liña é precisamente onde se insire un dos proxectos estrela do seu segundo ano de actividade: a primeira edición do Evento Internacional de Arte, Redes Sociais e Web 2.0. O encontro, que como o seu propio nome indica sae á procura do sitio onde a creatividade a título persoal se converte en participativa, non se pecha a unha única disciplina nin a un número limitado de artistas e/ou internautas: a idea é abranguelo todo. Trátase polo tanto dun “gran evento da web 2.0” que se abre como tal á comunidade e que só esixe unha serie de requisitos imprescindibles: ter un blog (unha das ferramentas por excelencia desta nova orde da Rede) como unha xanela para amosar os traballos, estar presente nalgunha rede social (Facebook, Tuenti, hi5, etc) co mesmo obxectivo ou ter empregado ferramentas como YouTube se a achega é audiovisual ou como Flickr no caso da expresión plástica, gráfica ou fotográfica.

Amais, hai un cuarto requisito fundamental que lle achega aínda máis coherencia a esta proposta de cultura con altofalantes 2.0: todos os traballos deberán estar rexidos por licenzas Creative Commons, o que significa que ficarán dispoñibles para seren usados por segundos ou terceiros sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal.
Segundo informa a organización, unha vez cumpridos os requirimentos cómpre enviar á conta de correo 12luas@gmail.com as ligazóns correspondentes para a comprobación.

Logo, procederase a enviarlle un correo electrónico ao artista co logotipo do evento para que o pendure nas respectivas plataformas e incluirase no caderno de 12 Lúas. “Aquel que teña máis comentarios feitos por usuarios únicos será publicado en todas as nosas redes xunto coa súa obra”, informan os responsables do certame. Por certo que a data límite para participar é o 4 de outubro de 2009.

Os usos diarios das instalacións da Rede sobrepasan os 225.000

A cifra de usuarios e usuarias con carné da RDSI achégase aos 24.000

Desde que en xaneiro de 2008 comezaran a contabilizarse os usos diarios dos Centros de Dinamización da Sociedade da Información, estes foron utilizados en 225.561 ocasións.

Asemade, desde que a Rede de Dinamización iniciara a súa andaina en xaneiro de 2007, as persoas que fixeron o carné de usuarios foron xa 23.896. Neste período de tempo leváronse a cabo 4.914 obradoiros, nos que se formaron 31.554 persoas e que se estenderon por 40.698 horas.

Xunto cos obradoiros, principal actividade formativa da Rede, é tamén destácabel a realización de 352 iniciativas diversas, destinadas a achegar as Novas Tecnoloxías á poboación galega, e que acolleron a 14.352 participantes.

aCentral Folque renova a súa web para achegar a música tradicional á sociedade

O Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, renovou a súa páxina web para darlle cabida a novas iniciativas, ao tempo que supón un "lavado de cara" e unha estrutura "dinámica", segundo incidou o responsábel de comunicación do centro, Mauro Sanín. Tamén servirá para acceder a novos servizos.

Permite consultar dun xeito máis sinxelo as novidades do mundo da música, as actividades incluídas na axenda do centro e informacións útiles sobre os seus centros de estudo. O proxecto xa pasou por tres versións anteriores dende o seu nacemento, en Lalín no ano 2002.

Conta con varias seccións, como aCentral, con información sobre o espírito do centro, coñecer o equipo de produción e contactar con mesmo; Ensino, con datos sobre os centros de estudos xestionados polo colectivo, información de matrícula e planos de estudos.

A parte multimedia está presente no apartado +Folque, onde se pode acceder a un listado de vídeos, ligazóns, textos de interese e unha relación de artistas relacionados coa música tradicional. Na mesma sección publicaranse os mellores traballos de investigación nese eido producidos polo estudantado de aCentral Folque nos últimos anos.

A nova web é dinámica e usa código aberto. Ademais, a súa xestión faise a través da intranet, o que permite a súa actualización dun xeito máis axil, segundo explicou Denís Mariño, da empresa Acordar Comunicación en Internet, creadora da páxina.

Aplicación para espertar o ordenador a unha hora determinada


Os usuarios que queiran utilizar o seu ordenador coma espertador ou que queiran programar funcións para que realicen de xeito desatendido no medio da noite poden optar pola aplicación de balde WakeupOnStandBy, que facilita a programación de eventos cando o ordenador está en espera ou en hibernación.

O programa permite fixar unha hora para espertar o equipo, tras a que pode abrirse un programa ou unha páxina web e incluso facer que volva ao colocarse en espera tras un período de tempo. Incorpora moitas outras funcionalidades e é compatible con equipos con soporte ACPI que funcionen baixo Windows 98/ME/2000/XP/Vista.

A Wikipedia permitirá a incorporación de vídeo

A Wikipedia é unha fonte de información moi completa, pero contaba cunha carencia impresionante, pois non aceptaba vídeo nas súas entradas, pero agora xa anuncian que están a preparar a posibilidade de engadir clips de vídeo, pero restrinxindo estes aos presentes no Internet Archive, Wikimedia Commons e Metavid, mantendo así a súa filosofía aberta.

Esta mellora da Wikipedia incluirá unha ferramenta para facer sinxela a transferencia e edición dos vídeos, de xeito que os editores poderán limitarse a marcar so puntos de entrada e saída dos vídeos que queiran destacar sen preocuparse pola conversión entre formatos de ficheiros.

Pero non é esta a única nova que circula ao redor da Wikipedia, senón que agora Google tamén recoñece especialmente a esta enciclopedia aberta incluíndoa coma unha das fontes de Google News, o que polo momento é un experimento que busca completar a información enlazada, o que supón a confirmación da Wikipedia como unha fonte de información actualizada.

Tuenti comezará a pedirlle o documento de identidade aos seus usuarios

Tuenti, unha das redes sociais máis populares entre os mozos galegos, prometeu en abril limitar o acceso á súa rede de menores de 14 anos. Nesa liña, e respondendo a moitas das críticas que recibiu recentemente, decidiu cambiar as súas condicións de uso. Unha das novidades clave é que poderán solicitar copia do DNI para verificar a idade do usuarios, e cancelar a túa conta en caso de non achegala.

Ademais, prohíbese a calquera persoa enlazar directamente aos contidos, baixo ameaza de iniciar accións legais.

Actividades da Rede de Dinamización en Betanzos para o mes de xullo


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello de Betanzos anuncia novos obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xullo no concello. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

“Mecanografía para nenos/as”: aprender a manexar con soltura o teclado é a finalidade deste obradoiro. Os días 1, 2, 3, 6, 7, 8, 9 e 10 de xullo de 10 a 11:15.

“Búsqueda de emprego a través da Internet”: con esta actividade preténdese que o usuario/a ao finalizar este obradoiro sexa capaz de identificar as ferramentas necesarias para elaborar un currículo e promocionalo pola Internet. Desenvolverase os días 1, 2, 3, 6, 7, 8, 9, 10 de 11:30 a 13 horas.

“Creación de blogs”: o usuario/a será capaz ao finalizar este obradoiro de crear e manter o seu propio blog. Os días 13, 14, 15 e 16 de 9:30 a 11.

“Alfabetización dixital: Informática e Internet”: aprender a manexar de forma básica un computador, así como acceder a Internet son os obxectivos que se perseguen. Os días os días 20, 21, 22, 23, 24, 27, 28 de 9:30 a 11:30.

“Procesador de textos: Writer”: o usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de crear e modificar un documento de texto empregando o OpenOffice Writer. Levarase a cabo os días 20, 21, 22, 23, 24, 27, 28 de 12 a 13:30.

Asemade, está prevista a realización da charla “Prensa en Internet”, que terá lugar o día 6 de xullo a partires das 15 horas. Tamén se levará a cabo a iniciativa “Receitas para o verán” que ten como finalidade a creación dun recetario por parte dos participantes.

O prazo de inscrición para estas actividades será do 18 de xuño.

Para máis información poden dirixirse ao Centro de Dinamización, sito na rúa Emilio Romay, s/n, enviar un correo electrónico ao enderezo rebeca.betanzos@dinamiza.sociedadedainformacion.eu ou chamar ao teléfono 981.771.300.

Máis dunha ducia de Memorias dos Oficios xa están en marcha


Entre os participantes atópanse un muiñeiro, ferreiro, naseiro, telleiro, tecedeira, palilleiro, canteiro ou un zoqueiro, entre outros moitos

Memoria dos Oficios, iniciativa da Rede de Dinamización encamiñada a preservar os oficios tradicionais galegos a través das Novas Tecnoloxías, estase a desenvolver en catorce localidades galegas, ás que proximamente se irán sumando outras moitas.

Polo momento, estanse a buscar participantes en Pontevedra , Mondoñedo e O Porriño.

Nun estado máis avanzado atópanse xa están os proxectos de Teo , onde están a elaborarse vídeos sobre o oficio de xastre, costureira, muiñeiro e de ferreiro. Moi preto, en Ames, o proxecto está tamén en marcha. Alí narrarase cómo é o traballo no coiro. En Boiro un naseiro, un telleiro, unha conserveira e un mariñeiro relatarán as súas experiencias nestas labores.

Na localidade coruñesa de Sada estanse a facer videomontaxes sobre o sector da carpintería, da construcción, do agro, da palillería, da cantería, e da follalata. Asemade, unha tecelá explicará o seu oficio e outra das participantes relatará os acaeceres da vida do mar a través da experiencia do seu marido.

Tamén na provincia da Coruña, pero en Vilasantar, os e as participantes están facendo vídeos sobre o traballo dun modisto, así como sobre cómo se elaboraban antigamente os cestos, os queixos e o pan. En Boborás , Memoria dos Oficios versará sobre os traballos do campo, representados a través do coidado de gando, da vendimia, da esfollada e da matanza.

Pola súa banda, a dinamizadora de Salceda de Caselas está a traballar cunha tecedeira, un agricultor (primeiro da zona en mercar un tractor) e un home do máis polivalente que combinou o oficio de zapateiro co seu traballo nunha orquestra. Noutra localidade pontevedresa, en Moaña, os proxectos realizados versarán sobre a carpintería de ribeira, as carreiras (como se lle chama ás cordeleiras na zona) e as atadeiras.

En Lugo, a iniciativa estase desenvolvendo en Ribadeo e na Mariña Occidental. En ribadeo están rememorando as súas vivencias un xastre, unha modista, un ebanista e unha muller do mar, mentres que na Mariña os participantes desempeñaron os oficios de carpinteiro, zoqueiro e muiñeiro.

A Rede achégase aos 24.000 usuarios e usuarias

O número de obradoiros impartidos está a piques de superar a barreira dos 5.000

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2007, conta xa cun total de 23.783 usuarios e usuarias rexistrados.

Nestes dous anos e medio de actividade, os dinamizadores e dinamizadoras, espallados ao longo de toda a xeografía galega, impartiron 4.919 obradoiros tecnolóxicos, que se estenderon por 40.698 horas e nos que se formou a 31.347 persoas.

Cabe tamén resaltar que desde xaneiro de 2008 rexistráronse 222.824 usos diarios das instalacións da Rede, isto é, usos das mesmas nas horas de aula aberta e libre acceso.

Aínda que a principal actividade formativa da Rede recae nos obradoiros, estes non son a única actividade da RDSI, que tamén puxo en marcha 363 iniciativas (que acolleron a 14.404 participantes), 533 actividades de difusión sobre as Novas Tecnoloxías (que contaron con 2.997 asistentes) e 223 charlas (ás que acudiron 2.059 persoas).

O morcego Fervello xogará cos cativos en galego

Estrean un portal lúdico-educativo destinado a crianzas de tres a seis anos. Por outra banda, o Instituto Cervantes fai balance de matrículas na nosa lingua.

Política Lingüística ampliou os servizos que ofrece a través da súa web cunha páxina dedicada aos cativos e cun espazo dedicado aos equipos de normalización e dinamización da lingua dos centros de ensino non universitario. O primeiro deles é o portal Xoga con Fervello, unha iniciativa pensada para a rapazada de entre tres e seis anos de idade.

O Xoga con Fervello pretende que os pequenos se familiaricen coa lingua galega de xeito lúdico, mediante xogos interactivos que tamén os instrúen nas habilidades básicas dos primeiros anos de idade, como a memoria visual, auditiva e numérica, a atención, a coordinación óculo-manual, o razoamento, a imaxinación ou a creatividade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística salienta que o seu obxectivo é dinamizar e promocionar de xeito activo a lingua a través das novas tecnoloxías.

O xogo ten como personaxes Xana e Fuco, dous rapaces, acompañados do can Farragús e do morcego Fervello, que guían os pequenos en cada unidade lúdica: vestir a Xana e a Fuco segundo o tempo que vai, preparar unha merenda, recoller o cuarto ou pintar.

Medra a comunidade galega de software libre: nace Ghandalf

O fomento dos formatos abertos na administración pública e do uso do galego da informática, entre os seus obxectivos.

Os colectivos relacionados co uso, desenvolvemento e difusión do software libre en Galiza xa contan cun novo membro. A Asociación GHANDALF (GHandalf ANaliza Difunde e ALenta o Floss) xa dispón de web oficial e duns obxectivos marcados.

GHANDALF considérase un GUL (grupo de usuarios de GNU/Linux) que aspira a colaborar na construción dunha sociedade do coñecemento baseada nos principios do software e da información de acceso libre; divulgar a filosofía do Software Libre, principalmente en centros educativos, administracións públicas, empresas e asociacións do país, e fomentar as vantaxes que facilita este tipo de software.

Outros dos aspectos que pretende fomentar GHANDALF son os estándares tecnolóxicos e as licenzas libres, e garantir a neutralidade tecnolóxica nas relacións cos poderes públicos. Así mesmo, quere promocionar o uso da lingua galega no eido informático.

Memoria dos Oficios

BUSCANSE PERSOAS INTERESADAS EN PARTICIPAR NESTA INICIATIVA

Con Memoria dos Oficios, o que se trata é de tirar proveito da capacidade de almacenamento e divulgación das redes para preservar a memoria da nosa sociedade enteira, personificada neste caso concreto polos usos laborais do rural que semellan esmorecer fronte aos que proveñen das cidades.

Esta iniciativa, máis en detalle, ten como obxectivo crear documentos audiovisuais atendendo ao esquema dunha videomontaxe para dixitalizar todo o coñecemento posible sobre oficios tradicionais a través das lembranzas directas dos nosos maiores ou outros colectivos interesados nesta temática.

Ademais, trátase de aproveitar este compromiso coa recuperación do pasado para achegar as redes ás franxas deidade con máis risco de exclusión dixital, á vez que se xeran contidos no noso idioma.

Para máis información contactar coa Dinamizadora da Sociedade da Información: rebeca.betanzos@dinamiza.sociedadedainformacion.eu

O Barco de Valdeorras e Tenerife, conectados por videoconferencia

A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC) fixo posible que a gran maioría dos alumnos de 1º e 2º de ESO do CEIP Julio Guirriarán do Barco de Valdeorras, visitaran por primeira vez o parque temático de Tenerife, o Loro Parque, mais iso sí, de xeito virtual, a través de videoconferencia.

A experiencia tivo lugar hoxe ás 11:00 horas no Telecentro de Comunicación (TC) do Barco de Valdeorras, ubicado no segundo andar da Casa do Concello, e posibilitou que, por primeira vez, os nenos deste colexio traballaran de xeito virtual e interactivo cos responsables dun dos zoolóxicos con máis sona de España, os cales lles amosaron algún dos animais cos que contan no recinto así como a súa área estrela: o acuario.

O Loro Parque de Tenerife alberga a colección de loros máis importante do mundo que supera as 300 especies, un extraordinario espectáculo de leóns mariños, así como de delfíns e loros, un acuario con Túnel de Tiburóns, gorilas, chimpancés, tigres, caimáns, tartarugas, a Casa de Orquídeas, o cine ’’NaturaVision’’ e o maior pingüinario do mundo con reprodución do clima Antártico no que caen 12 toneladas de neve por día.

Unha vez máis, a Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), a través do seu proxecto Comunícate, fixo desaparecer por un intre as distancias que hai entre Galicia e Tenerife, a través da videoconferencia, unha das grandes ferramentas que ofrecen estas aulas de uso público. A través da campaña Comunícate, os responsables da Rede de Telecentros de Comunicación buscan que estas ferramentas se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías, co fin de crear unha comunidade virtual que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios.

O que Internet pode facer por nós, ao descuberto en Moaña


A Rede de Dinamización, en colaboración co concello de Moaña, vén de realizar, a pasada semana, un relatorio sobre os usos e vantaxes que a Rede lle pode aportar a tódolos seus usuarios e usuarias, en concreto aos veciños e veciñas do lugar, que comprobaron de primeira man, o doado que pode chegar a ser facer a compra por Internet.

O relatorio, O que Internet pode facer por ti: A cesta da compra, tivo lugar no Centro de Dinamización da vila pontevedresa, sito na rúa Donato Bernárdez Sotelo, nº 6, e a el asistiron con entusiamo as persoas que de cote acoden ao devandito centro para formarse no uso das TIC e de Internet, para aplicalas logo á súa vida cotiá.

Os e as asistentes tiveron ocasión, entre outras cousas, de percorrer de maneira virtual as diferentes seccións de un supermercado e encher o carriño da compra con todo tipo de artigos, tales como alimentos frescos e conxelados, perfumes, deterxentes, bebida... e, en xeral, todo o que podían atopar nunha tenda calquera de Moaña, mais coa vantaxe de non ter que moverse do seu fogar, ou como sucedeu neste caso, do centro no que levaron a cabo a experiencia virtual.

As persoas que tiveron o privilexio de asistir a esta iniciativa pioneira no lugar, sabedores de que dispoñen na Rede dun cómodo e completo catálogo de produtos para comparar e mercar sen ter que moverse do sillón se así o desexan, de seguro han volver repetir a operación, mais desta volta, completando o proceso e realizando a compra comodamente dende as súas casas.

Esta iniciativa, ao igual que o resto das que leva a cabo a Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) por toda Galicia, é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axuda a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A Rede, que conta na actualidade con 51 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, desenvolve charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas…

A Asociación PuntoGal renova a súa web


A Asociación PuntoGal, entidade que aspira a acadar un dominio propio na internet para a nosa lingua e cultura, aproveita o seu terceiro aniversario para estrear unha nova web. O portal ofrece un novo deseño e melloras en navegabilidade.
PuntoGal

A partir de agora, a web de PuntoGal inclúe tres seccións, a de Noticias relacionadas coa actividade da entidade, a de Información sobre os seus obxectivos e mais Apóianos, onde se achegan datos das entidades que se sumaron ao proxecto. A web está dispoñíbel en galego, castelán e inglés.

Así mesmo, a asociación informa de que a ICANN, o organismo que outorga os dominios, está a ter problemas na concesión de novos nomes por protección de marcas, entre outras, e que dilatarán as discusións até final do verán. Porén, espera que se abra o proceso no primeiro trimestre do 2010.

O portal divulgacion360.org aglutinará a ciencia e a tecnoloxía galegas


A Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria puxo en marcha unha nova web que servirá para divulgar a ciencia que se fai en Galicia. O portal divulgacion360.org aspira a se converter nun punto de encontro da divulgación e a comunicación da ciencia, da tecnoloxía e da innovación no país.

Coa iniciativa, I+D+i quere atender as demandas das persoas e entidades que veñen traballando no ámbito da divulgación en Galicia nos últimos anos. Divulgacion360.org quere crear unha estrutura estable para a difusión e o potenciamento da divulgación da ciencia e a I+D+i en Galicia; aglutinar, unificar e coordinar nun único espazo toda a oferta de actividades de divulgación; ofrecer ao público interesado un único espazo no que informarse das actividades e recursos para a divulgación científica; ofrecer ás entidades organizadoras un espazo no que intercambiar ideas, experiencias, recursos, etc. e difundir e potenciar as actividades de divulgación que cada ano se realizan na Comunidade.

O nome da web vén dado polo feito de que a súa vocación é a de fomentar a participación colectiva e abranguer os 360 graos da comunicación e divulgación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. No portal poderá participar calquera persoa ou entidade relacionada coa divulgación en calquera das súas vertentes: asistindo ás actividades, organizando accións, colaborando na divulgación, asesorando no deseño... A finalidade é darlle máis coherencia ás actividades que se realicen.

A web tamén lle dedica un espazo ás citas que se conmemoran no ano 2009: o Ano Darwin, o Ano Europeo da Creatividade e a Innovación, o Ano Internacional da Astronomía e a Semana da Ciencia. As demais actividades de divulgación que se celebran en Galicia teñen un apartado específico: Máis divulgación. Dentro de cada unha destas cinco seccións os visitantes atoparán novas, avisos, ligazóns, recursos e actividades de interese ás que asistir.

Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, cuxo obxectivo é fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e a tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e dos resultados que delas se derivan, e está apoiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.

A Xunta promete un 'e-Xacobeo' millonario en Google

600 millóns de visitas e 200 millóns de anuncios na internet a través de Google.

Trátase dun plan para promocionar o Ano Santo na rede, e especialmente a través da multinacional americana. O presidente da Xunta dixo esta mañá está que o acordo con Google se atopa "pechado". Con todo, o Executivo aínda non é quen de facilitar o gasto suporá para o seu orzamento, tan maltreito despois do suposto malgasto do bipartito.

O que prometeu Feixóo é que será a "campaña máis completa realizada nunca" polo buscador para un evento concreto. O líder conservador tamén presumiu da promoción que terá o Xacobeo nas redes sociais, entre as que citou Twiter e Facebook.

O Camiño no Google Earth

Polo de agora a Xunta promete Google qie facilitará o posicionamento do evento en todas as súas ferramentas, como Youtube, e a creación de rutas en Google Maps e Google Earth. De feito, Feixóo asegura que o buscador xa comezou a filmar o Camiño de Santiago para que se poida visitar a través da rede.

O máis concreto que se sabe até hoxe da alianza con Google é que o buscador permitirá visitar lugares emblemáticos do Camiño a través do Google Earth, de xeito similar á aplicación que xa dispón o Museo do Prado.

Sete millóns para promoción

Pola súa banda, a secretaria xeral para ou Turismo, Carmen Pardo, presentou xa o Plan de Mercadotecnia, que, destacou, nace con dous "problemas", a "limitación temporal", dado que se aproba seis meses antes do inicio do Ano Santo; e as "restricións presupostarias", cunha inversión por parte pública de case sete millóns, 6.915.016 euros.

O presidente comprometeuse, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, a que toda a programación do Xacobeo será presentada o 20 de outubro deste ano. Feixóo fixo un xogo de palabras entre o Ano Santo, 2010, e a data de prensentación, o día 20 do mes 10.

A Fundación Félix Rodríguez de la Fuente lanza unha web interactiva sobre consumo responsable


A Fundación Félix Rodríguez de la Fuente (FFRF) quere facerlle honra ao seu nome (o padriño naturalista de milleiros de nenos, hoxe xa non tan nenos) nestes tempos tan necesitados de líderes que procuren alternativas ao suicidio medioambiental, e está a facelo pola vía dunha plataforma que chega a todas e todos: a Rede. Máis polo miúdo, e segundo deu a coñecer hoxe mesmo a propia Fundación en Madrid, a iniciativa colle corpo a través da Axenda Viva Dixital, a primeira guía interactiva que promove o lecer e o consumo responsable. A proposta, que vai orientada ao cidadán de a pé, foi presentada en todos os seus detalles pola presidenta da Fundación, Marcelle Parmentier e a súa directora xeral, Odile Rodríguez de la Fuente. Segundo explicaron, a Axenda Vida Dixital asume plenamente o legado do naturalista e aplícao aos tempos que corren.

O portal, como dixemos, vai encamiñado a facerlle ver ao consumidor que tipo de elección pode facer cando consume, para que o faga con conciencia e que deste xeito “cada unha desas decisións individuais poida exercer un cambio positivo no medio ambiente”.

Tirando proveito desta mestura entre este espírito de loita a prol da natureza de antes do xurdimento da Rede e a tecnoloxía 2.0 (a participativa) que vén logo da Internet, o portal ofrece unha serie de servizos para que a achega dos visitantes non fique en simple lectura: permítelles interactuar, de maneira que non só reciben datos, senón que poden transmitir as súas impresións e propostas sobre hábitos de consumo responsables vinculados ao lecer, ás compras, a alimentación, ao coidado persoal ou aos nenos.

O espazo en liña toma como modelo a revista trimestral da Fundación, Axenda Vida, publicada en papel dende 2005. Entre outros contidos, incorpora artigos de divulgación científica, arte, cultura, personaxes e experiencias, lugares, rutas, libros, revistas e páxinas web.

Durante o transcurso da presentación, Parmentier lembroulles aos presentes a contribución de Rodríguez de la Fuente ao movemento ecolóxico e sostible de hoxe: “Félix quería crear unha nova conciencia, non antropocéntrica (home centro do universo), senón biocéntrica (home como parte dun conxunto de seres vivos). Se tivera vivido 25 anos máis, teríase atopado con Internet e tería ocasión de empregala, non como un instrumento pasivo como é a televisión, senón como un instrumento interactivo”.

O Defensor do Menor presenta un spot dirixido a fomentar o uso do sentido común entre os adolescentes en liña

O Defensor do Menor, que, en colaboración coa Obra Social Caja Madrid, a Fundación Telefónica e Telemadrid, vén de lanzar un spot televisivo dirixido a fomentar a responsabilidade da rapazada á hora de pendurar imaxes na Rede. A peza audiovisual, que reproduce a dita canle autonómica de xeito gratuíto ao longo do vindeiro mes e en todos os treitos horarios, será en breve cedido a outras canles do eido estatal, autonómico e local que desexen emitila.

O spot ten un lema que fala sen axuda: Antes de pendurar a túa imaxe na web, pénsao. A idea dos responsables da iniciativa é concienciar aos adolescentes sobre unha cuestión na que se cadra non reparen todo o que deberían: poñer algo na Rede é igual que poñelo nun taboleiro de anuncios por onde pasasen multitudes, coa diferenza de que o que se pon no taboleiro remata case sempre por ir ao lixo, e o que se pon na Internet tende a perdurar anos e anos.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica asume as competencias de Sociedade da Información


A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica asumirá as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información e ao Servizo de Desenvolvemento da Sociedade da Información en canto a infraestruturas e promoción das novas tecnoloxías no ámbito da cidadanía e das administracións públicas, mentres que as devanditas competencias de promoción no ámbito empresarial seguirán correspondendo á Consellería de Economía e Industria.

A Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, que estaba adscrita á Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, quedará igualmente adscrita á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

O DOG do martes 9 de xuño publica unha orde do día 2 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que determina a adscrición dos órganos dependentes da antiga Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Estas competencias quedarán repartidas entre o Instituto Galego de Promoción Económica, da Consellería de Economía e Industria, e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

O proxecto Aporta publica a súa guía de reutilización da información do sector público

O proxecto Aporta de reutilización da información do sector público, enmarcado dentro do Plan Avanza 2 do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio acaba de publicar a súa guía oficial. O documento pódese descargar dende a web en formato PDF.

O arquivo ofrécese en dúas versións, de 3 e de 11 megabytes de peso, e pódese acceder a el de balde, introducindo uns datos persoais. Nel infórmase sobre a natureza da reutilización da información do sector público, cales son os seus axentes, que información se pode reutilizar e para que e como empregala.

Así mesmo, a guía Aporta inclúe un anexo con recomendacións sobre protección de datos. Tamén fai referencia á posibilidade de aproveitar a información xerada polo sector público obtendo, a cambio, contraprestacións económicas.

Tamén a administración galega dispón dun proxecto cos mesmos obxectivos, Reutiliz@, de reutilización da información do sector público de Galicia e que dispón, así mesmo, dunha guía que se pode descargar ou consultar en liña.

China obrigará a instalar un "bloqueador de webs" en todos os computadores

A partir do 1 de xullo, os equipos que se vendan no país asiático deberán levar preinstalado ou nun CD un software para bloquear, en principio, a pornografía.

O goberno chinés proxecta obrigar os fabricantes de computadores a que, a partir do 1 de xullo, inclúan software que bloquee o acceso a determinadas webs, o que supoñería un paso máis na censura que se aplica no país ao tráfico da internet. O executivo da China xa se puxo en contacto coas empresas fabricantes, pero aínda non fixo público o anuncio.

A administración chinesa pretende, deste xeito, protexer os menores de contidos "daniños", principalmente pornografía. Porén, na práctica, a China non bloquea exclusivamente webs con imaxes de tipo sexual, senón que o seu filtro é bastante máis estrito. Os fabricantes de computadores veranse obrigados a escoller entre rexeitar unha orde gobernamental nun importante mercado ou seren acusados de colaborar coa censura polo resto do mundo.

Segundo os fabricantes contactados, o software poderá ir preinstalados nos novos computadores, ou ben entregado conxuntamente nun CD. Pero expertos consultados aseguran que o software pode transmitir información persoal, provocar o mal funcionamento dos computadores e facelos máis vulnerábeis a ataques informáticos. Tamén impide que os usuarios saiban exactamente que contidos se lles están a bloquear.

Empresas como Hewlett-Packard (HP) xa anunciaron que tentarán asegurar a mellor experiencia para os consumidores e mais cumpriren cos requirimentos gobernamentais. O software chinés chámase "Encoro verde, escolta da mocidade", en referencia á vía libre (verde) de pornografía. Conectarase a unha base de datos de webs prohibidas actualizada constantemente.

A Universidade de Santiago estrea centro de proceso de datos

A Universidade de Santiago de Compostela presentou o seu novo Centro de Proceso de Datos, que centralizará nun único espazo os sistemas, aplicacións e os nodos de voz e datos da institución académica. Cun investimento aproximado de 315 mil euros, a execución deste centro inscríbese nas directrices do Plan Estratéxico das TIC 2007-2010 (PETIC-II). As novas instalacións están emprazadas no Pavillón de Servizos do Campus Sur.

A sala principal, de 65 metros cadrados, alberga os sistemas e equipos de comunicacións e está deseñada para satisfacer as necesidades de crecemento que neste eido experimente a USC nos vindeiros anos. A sala técnica anexa, cunha superficie de 20 metros, acolle equipos eléctricos e paneis de interconexión e telefonía.

No proxecto tendéronse mais de 8.000 metros de cableado de alta capacidade de transmisión; déronse acubillo a 12 mangueiras de fibra óptica exterior; e unificáronse nun mesmo punto servidores e aplicacións ata o momento dispersos ou albergados noutras máquinas. Ademais, dotáronse as instalacións con materiais resistentes ao lume e sistema de climatización e refrixeración para o correcto funcionamento dos equipos. Tamén se incluíu a xestión centralizada de todos os equipos e alarmas, o control de detección e un circuíto pechado de televisión.

O Centro de Proceso de Datos permitirá acadar solucións aos problemas de indispoñibilidade da rede da USC por fallos na alimentación eléctrica, ao dispor dun sistema de alimentación ininterrompida de alto rendemento, coa potencia e autonomía escalables e módulos susbstituíbles en quente. Trátase dun grupo electróxeno de emerxencia con máis de oito horas de autonomía, e mediante liñas de alimentacións e cadros independentes, para asegurar a súa operatividade en todo momento.

Novas sobre a Rede en Betanzos

Codigo Cero.

La Voz De Galicia

Publican na rede o Xogo da Curuxa

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) puxo na rede un novo xogo, que se suma aos xa existentes Trivial.gz e Letrad@s.gz. Trátase do Xogo da Curuxa, un divertimento baseado no Xogo da Oca e que, polo momento, permite practicar partidas individuais, mais axiña será tamén multixogador a través da rede.

O xogo en liña consiste en lanzar o dado e ir movendo a ficha ao longo dun taboleiro virtual en espiral formado por diferentes cadros. Algunhas desas casas teñen asociadas accións especiais como bonificacións ou castigos. A diferenza do xogo de mesa, cando o xogador ou xogadora cae nun cadro terá que superar unha proba para poder nel ou evitar un castigo.

Para gañar a partida é preciso chegar até o último cadro e superar a súa proba. Dende a AS-PG confían en mellorar esta versión monousuario de cara a que, a comezos do verán, se poida participar na versión final, de varios xogadores.