A USC libera dous documentos sobre Licenzas de Software Libre

Os gráficos, en versión galega e castelá, formarán parte dun estudo posterior sobre o licenzamento de distinta tipoloxía de obra. Representan o esquema e tipoloxía das licenzas, sen esquecer da base legal dunha licenza. A licenza dos mesmos é GFDL 1.2.

A Oficina de Software Libre (OSL) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) créase no ano 2008 coa colaboración da Consellería de Industria da Xunta de Galiza, para promover o uso e difusión do software libre na universidade, e de servir de nexo coa comunidade de software libre no seu entorno. As funcións da OSL son principalmente de análise, estudo, planificación, consulta e dinamización. Desenvolve o seu traballo en colaboración cos órganos existentes na universidade para mellorar alí onde sexa posible as súas prácticas.

A OSL vén de liberar dous documentos sobre Licenzas de Software Libre. Os gráficos, en versión galega e castelá, formarán parte dun estudo posterior sobre o licenzamento de distinta tipoloxía de obra. Representan o esquema e tipoloxía das licenzas, sen esquecer a base legal dunha licenza. A licenza dos mesmos é GFDL 1.2.

Os cinco países nos que Google non é o buscador líder

A nivel global o dominio de Google é esmagador, cun 60% do mercado nos Estados Unidos, un 80% na Unión Europea e mesmo un espectacular 98% no Estado Español. Porén, nestes cinco Estados alternativas como Yandex, Seznam, Baidu ou Naver deixan ao xigante norteamericano nunha posición minoritaria.

O dominio de Google non chega a Estados da importancia de Rusia, China, Corea ou Xapón, onde outros buscadores controlan a parte do león do mercado. En Rusia, por exemplo, o moi sinxelo Yandex leva o 46%. Na República Checa é Seznam o líder, o que o converte na 195ª páxina máis visitada de Internet, segundo Alexa.

Baidu é a páxina máis visitada en China, acumulando o sesenta por cento do tráfico de búsquedas, o que a converte na undécima web máis visitada do planeta. Baidu é chamado, precisamente, o 'google chinés', e compite directamente co xigante, ofrecendo un completo servizo de novas e máis introducíndose no mercado xaponés.

En Xapón o líder tampouco é Google, senón Yahoo Japan, con máis do cincuenta por cento das búsquedas. O mesmo sucede en Corea do Sur, onde domina Naver, co sesenta por cento da audiencia.

O 16 de outubro, nova quedada de bitacoreiros de toda España na Politécnica de Madrid

Os blogs, malia non ser xa unha novidade, seguen a dar que falar e a coller cada vez máis corpo como o pretexto perfecto para comunicármonos. E tanto que é así, tendo en conta o elocuente título da xuntanza prevista para o vindeiro 16 outubro na Universidade Politécnica de Madrid: Blogs. La Conversación. O encontro, que xa vai pola terceira edición, xirará este ano arredor dunha serie de eixes de moi diversa índole todos eles vinculados dalgún xeito ao eido blogger: o impacto dos cadernos persoais en liña entre nenos, maiores e inmigrantes, as redes sociais e a máis a pegada da Internet de nova xeración no sector da banca española.

Amais, o obxectivo dos organizadores da xuntanza vén a ser o mesmo que o dunha boa parte dos autores alí reunidos no seu día a día blogueiro, sendo desta volta unha arela colectiva: facer que a meirande cantidade de xente participe, ben sexa informándose, interactuando ou simplemente divertíndose.

O programa inclúe, ademais dos relatorios e as mesas redondas de rigor, a feitura propia dunha quedada entre bitacoreiros de toda España. A inscrición é de balde e fica aberta a todo o mundo, se teña ou non se teña un caderno persoal na Web. Por certo que o evento xa está presente en redes sociais: en Twitter, en Facebook, e en Xing.

Arzúa inaugura este martes o seu telecentro

O subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual, Manuel Conde Mouzo, e o alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso, inauguran o telecentro de comunicación do concello co que a Secretaría Xeral de Comunicación pretende achegar aos veciños as novas canles de comunicación, convertindo este telecentro nun “espazo apropiado para iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e a alfabetización dixital”, sinala o departamento da Xunta nun comunicado. A cita, que enlazará por videoconferencia co Concello de Vimianzo, será ás 12 horas o Edificio de Servizos Múltiples de Arzúa.

A Rede de Dinamización fai públicos os seus premios anuais


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información fixo pública a listaxe de iniciativas gañadoras do seu concurso, que fomenta a posta en marcha de iniciativas da rede que promovan o uso do galego e das TIC en diferentes colectivos. O premio creouse co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, Día da Internet, Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, o 17 de maio.

A muller, a empresa, os maiores, as asociacións, as persoas con discapacidade, o software libre e a poboación en xeral foron os colectivos aos que se lles dedicaron as iniciativas premiadas nesta segunda edición do concurso. O xurado concedeu os galardóns ás seguintes iniciativas:

Asociacións: Recordos de Caldelas. Déborah Táboas García, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Centro Comarcal Terra de Caldelas.

Empresa: Web+Activa. Noelia Rafael Cabaleiro, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor na Asociación de Empresarios de Mos.

Muller: Un paseo por As Pontes. Raquel Hermida Sueiras, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Concello das Pontes.

Persoas con discapacidade: CONCIENCIA-T: Coñecendo e rachando as barreiras. Maria Francisca García Correa, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu na Asociación de Persoas Xordas de Lugo, e Emilio González Carballo, dinamizador da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor na Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba.

Maiores: Outros fíos na rede. Oscar Fernández Clapés, dinamizador da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Concello de Camariñas.

Software Libre. II XORNADAS DE SOFTWARE LIBRE: Software Libre e Asociacións. Ana María Rosales García, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Concello do Grove; Ana Lorenzo Rivas, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Concello de Sanxenxo; Alberto Fandiño Mariño, dinamizador da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Centro Comarcal O Salnés, e Eliana Bouzas Collado, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Centro Comarcal O Salnés.

Poboación Xeral: Presenta o 17 de Maio. Carolina Patiño Freire, dinamizadora da Rede de Dinamización que está a desenvolver o seu labor no Concello de Curtis. Tradición dos Ferreiros de Riotorto. Vanesa Pérez Álvarez, Alejandro Rancaño Herrán, Mª del Camino Rando García, dinamizadores/ras da Rede de Dinamización que están a desenvolvero seu labor nos Concellos de Riotorto e Ribeira de Piquín.

O Portal Galego da Língua renóvase na web


O Portal Galego da Língua estrea deseño e nome de dominio. A Associaçón Galega da Língua (Agal) renovou a súa páxina web e mudou do dominio de Internet agal-gz.org a pglingua.org, operación que aproveitaron para ampliar os seus contidos, que xa suman máis de 4.500 artigos ao longo dos 6 anos que este espazo leva publicándose na Rede.

O novo espazo deixa a súa estrutura cronolóxica e toma unha aparencia de xonal, con seccións máis definidas e unha organización xerarquizada.

O Portal Galego da Língua busca así consolidarse coma web de referencia do reintegracionismo da lingua galega.

Obradoiros para o mes de outubro


O prazo de inscrición ábrese o día 25 de setembro.

Iniciación á Informática
Duración:10 horas
Data inicio: 13/10/2008 - Data fin: 17/10/2008
Horario: 17:00-19:00

Iniciación a Internet
Duración:10 horas
Data inicio: 20/10/2008 - Data fin: 24/10/2008
Horario: 18:00-20:00

Creación dunha Conta de Correo Electrónico
Duración:8 horas
Data inicio: 06/10/2008 - Data fin: 09/10/2008
Horario: 18:00-20:00

Viaxes en Internet
Duración:4 horas
Data inicio: 01/10/2008 - Data fin: 02/10/2008
Horario: 16:30-18:30


Para apuntarse poñerse en contacto co Centro Comarcal de Ordes.
Enderezo: Estrada Nacional-550 Km. 37 (As Casillas)
Código Postal: 15680
Poboación: Ordes
Provincia: A Coruña
Teléfono: 981 688 386

Unha web localiza e clasifica todos os novos vídeos da internet

A guía, creada por un usuario farto de navegar por todo tipo de páxinas, permite seleccionar as creacións audiovisuais segundo a súa temática.

O aumento da popularidade dos vídeos na internet fixo indispensábel crear unha web onde se poida atopar o último de cada unha das webs especializadas. Esa foi a idea de Derrik Frost cando puxo en marcha Invision.tv. Aínda que está en fase de proba (como todo na web 2.0), a páxina xa se está a converter nun xeito de atopar todas as novidades dun xeito rápido.

A páxina permite escoller por tipo de canles, por intereses temáticos, e mesmo se pode personalizar e crear listas de reprodución propias.

Saramago estrea blog cunha alta afluencia de visitantes

O Premio Nobel portugués de Literatura, José Saramago, autor de obras como Todos os nomes, Cadernos de Lanzarote ou A viaxe do Elefante, vén de afianzarse de cheo nas novas tecnoloxías (que, por certo, lle veñen como anel ao dedo para dar renda solta á súa característica imaxinación) coa estrea dun blog propio no que se achega máis (e mellor) aos seus lectores e da a coñecer o seu peculiar estilo entre os bitacoreiros da Rede.

O propio Saramago recoñece que este novo xeito de interactuar cos seus seguidores vaille permitir “comentar acontecementos, expresar opinións, reflexionar en voz alta e comportarse como un blogueiro máis dos que abondan no ciberespazo”, dun xeito máis directo e intuitivo, a través da páxina oficial da súa fundación ou da ligazón directa: blog.josesaramago.org.

O blog, que pode visitarse en portugués, inglés e español, xa conta con dúas entradas asinadas polo escritor así como con diversas novas relacionadas co seu traballo e co transcorrer do seu día a día.

A bitácora contén, asemade, unha presentación con fotos de Lisboa de Luis Pavao e a música de Carlos Paredes, que fai máis amena, se cabe, a visita do blog.

Xeito Novo ofrece cursos gratuítos en liña para empresarios galegos en Arxentina

A Fundación Xeito Novo e (en labores de financiamento) a Fundación Galicia Emigración están a presentar estes días unha iniciativa de ensinanza en liña encamiñada a favorecer o día a día das empresas de orixe galega que desenvolven a súa tarefa en Arxentina. Máis polo miúdo, o Proxecto Formación Galicia Exterior (así é como se denomina o programa educativo) ten o obxectivo de tirar partido das novas tecnoloxías dixitais para difundir os coñecementos elementais que permitan seguir incentivando o intercambio de información, produtos e tecnoloxías entre Galiza e o dito país.

O proxecto consta de dúas actividades concretas con feitura de cursos a distancia e dunha plataforma de teleformación específica habilitada para o seu desenvolvemento. Os dous cursos programados, que son de balde, son os seguintes: Comercio Exterior (de 60 horas, orientado a dar a coñecer as claves para abrirse camiño no mercado exterior) e Desarrollo de un Proyecto Empresarial (de 80 horas, dirixido a achegar unha serie de conceptos chave para a xestión da empresa).

As persoas interesadas en participar nestas actividades terán que ter a nacionalidade española. Para a inscrición e matriculación é preciso achegar a fotocopia do pasaporte español ou o documento de identificación que corresponda á seguinte conta de correo electrónico: secretaria@xeitonovo.org.ar.

Igalia pon en marcha a segunda edición do Máster de Software Libre


Igalia, empresa galega do sector TIC, colabora coa Universidade Rey Juan Carlos na organización da segunda edición do Máster de Software Libre promovido por Caixanova. O máster capacita para dirixir, analizar e participar en proxectos de software libre de ámbito internacional e liderar proxectos de liberación, desenvolvemento e publicación de software libre.

Esta opción conta cunha crecente demanda por parte de empresas e administracións públicas, concienciadas cada vez máis pola oportunidade que supón o código aberto en canto á mellora en produtividade e redución de custos.

Trátase dun programa que combina a visión académica da Universidade Rei Juan Carlos, con ampla experiencia na participación de proxectos de I+D europeos baseados en software libre, e a visión empresarial de Igalia, compañía galega de organización cooperativa, que conseguiu consolidarse como referencia na oferta de software libre desde Galicia para o mundo e na aposta por GNOME, o principal proxecto a nivel mundial para crear aplicacións baseadas en código aberto que xa é asumido polas principais empresas do sector TIC.

O programa docente do máster desenvolverase durante o próximo curso académico e impartirase venres e sábados a partir do próximo mes de outubro no Centro Social Caixanova de Vigo. O plan de estudos ten un enfoque práctico-técnico e oriéntase a recentemente titulados e profesionais da área da enxeñaría superior e técnica das Telecomunicacións, Informática ou Industrial e, en xeral, a todos os titulados superiores que teñan os coñecementos informáticos precisos para alcanzar os obxectivos do máster, que se plasmarán nun proxecto final de carácter práctico dirixido por un titor. Os impresos de solicitude pódense descargar desde a web de Caixanova (www.caixanova.es) e desde www.mastersoftwarelibre.com e poden entregarse cumprimentados en calquera das sucursais da entidade financeira.

A Fundación Caixanova asume un custo da matrícula do máster. Ademais unha serie de entidades e empresas colaboradoras como o Cenatic (Centro Nacional de Referencia de Aplicación do TIC), Mancomún (Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, dependente da Consellería de Innovación e Industria), a propia Igalia, e-Box Technologies, Telefónica I+D ou Trabe Solucións ofrecen bolsas e prácticas remuneradas aos alumnos. Existe tamén a posibilidade, ofrecida por Caixanova, de obter unha liña preferente de crédito para financiar o importe do máster.

Santiago e Vigo incorporaranse ao servizo Google Street View

O impresionante servizo Google Street View nos permite explorar as rúas das cidades de xeito inmersivo, pois emprega fotografías de 360º tomadas dende un coche para facilitarnos o recoñecemento das distintas localizacións, mellorando substancialmente a calidade e utilidade dos seus mapas.

Esta opción só se atopaba dispoñible nalgunhas cidades norteamericanas, pero dende hai meses varios coches percorren as rúas europeas para tomar as instantáneas que se integrarán no servizo, e dende A Nosa Terra informan de que tanto Vigo como Santiago de Compostela están a recibir as visitas dun Opel Astra cunha cámara nun mastro que lle permite recoller o contorno, polo que as dúas cidades galegas se incorporan ao selecto club de cidades españolas que se engadirán a Google Street View (coma Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Salamanca e Bilbao).

Para evitar a posible invasión da intimidade, as fotografías tomadas deformarán as caras dos transeúntes, para que non se poida identificar ás persoas. Amais, o servizo vén de incorporarse á versión móbil de Google Maps, de xeito que os usuarios de terminais Blackberry ou móbil con Java poden consultar as imaxes tomadas a pé de rúa.

Librofilia.com


Librofilia.com, unha web que se está dando a coñecer e que inclúe serias posibilidades de crear comunidade e, todo iso, achegándolle aos lectores internautas unha base de datos de libros que arestora anda a rentes do medio millón de volumes.

Esta escolma de obras, que parte dos alicerces subministrados polo catálogo que ten o Ministerio de Cultura de obras publicadas en español, está suxeita (como boa rede social en liña que é) ás incorporacións que desexen facer os usuarios do servizo en cuestión. Librofilia.com, que comparte un pouco o espírito de Filmaffinity (web na que se substituíu a figura do crítico único facilitando unha soa crítica por película pola dunha comunidade de seareiros do cine subministrando cualificacións que logo se converten en promedios), leva só un mes en aberto, pero xa conseguiu deixar atrás a cifra do milleiro de usuarios rexistrados. Na páxina web, como se pode supoñer, non só é posible levar a cabo votacións ou propostas de libro para que os demais acheguen os seus propios puntos de vista, senón tamén deixar notas persoais nos libros, participar en foros ou entrar en contacto con persoas cos mesmos gustos.

12 Lúas pon a disposición dos internautas o seu podcast

O proxecto galego 12 Lúas vén de habilitar na Rede o seu propio podcast. O obxectivo dos responsables desta iniciativa cultural e creativa de tipo aberto non é outro que achegar as súas propostas (e o espírito da cultura libre) aos iPods e reprodutores mp3 en xeral dos internautas galegos.

Os arquivos de audio que ficarán a disposición dos usuarios inclúen música, recitais poéticos, contos, entrevistas ou comentarios de cinema. A idea básica, tal e como nos conta Francisco Porto, un dos promotores da posta en marcha do caderno colectivo 12 Lúas, é tirar partido dos propios soportes polos que se transmite esta información, fomentando “a participación no colectivo e co colectivo”.

O único paso que teremos que dar para acceder aos arquivos sonoros é premer no logo de podcast habilitado no blog do colectivo. Neste intre, entre outras achegas, están dispoñibles no devandito caderno entrevistas e declaracións sobre proxectos culturais postos en marcha por esta fronte de artistas da nosa terra unidos arredor do espírito das Creative Commons (licenzas sen arela comercial).

Por exemplo: os datos referentes á realización do documental Galegas no mar, que se está a rodar en Malpica (na imaxe) en estreita colaboración coa Asociación de Redeiras O Fieital.

Arrinca a 3ª edición dos premios 20Blogs

Abriuse o prazo de inscrición para os premios 20Blogs, que chegan así á súa terceira edición e que repartirán 22 galardóns repartidos en 20 categorías (ás que habería que engadir o premio do xurado e outro dos blogueiros inscritos no concurso).

O premio organizado polo diario 20 Minutos entregará 3.000 euros, un diploma de honra e a invitación a converterse en columnista do xornal gratuíto máis lido de España ao mellor blog elixido, mentres que o máis votado tamén recibirá 3.000 euros e un diploma de honra. O resto dos galardoados recibirán un diploma acreditativo.
O prazo de inscrición remata o 12 de outubro, e as votacións serán entre o 15 do mesmo mes e o 2 de novembro, dándose a coñecer os gañadores o 17 de novembro.

Este certame conta historicamente con moita presenza galega, pois na súa primeira edición o blogueiro asentado en Compostela, Pedro Jorge Romero, recibiu o galardón ao mellor blog persoal, mentres que Días Estranhos foi recoñecido coma o mellor blog en linguas constitucionais distintas do castelán. O pasado ano, nesta última categoría 2 dos 3 finalistas eran galegos (aínda que finalmente gañou un catalán).

Tamén hai presenza galega no xurado, pois constan coma vogais Javier Wicho Pedreira e Juan Varela.

Xa se pode probar o novo OpenOffice 3.0 en galego


Xa está dispoñíbel a primeira versión candidata de OpenOffice.org 3.0, o paquete ofimático aberto máis coñecido, en galego. Hai que lembrar que este software foi traducido á nosa lingua no último encontro Xuventude Galiza Net coa coordinación de Mancomún.

Aínda que esta versión non é a definitiva, pois quedan posíbeis erros por corrixir, si nos ofrece a posibilidade de probar todas as súas novas características e funcións. Unha das máis novidosas é a importación de arquivos PDF, que xa antes podía crear, mais non editar.

A saída do OpenOffice.org 3.0 final está prevista para arredor do 16 de setembro. Até entón, pódese descargar a versión para Windows, Mac, Linux e Solaris dende varios servidores de réplica, como a da Universidade da Coruña.

Quintana apúntase á moda dos videoblogs

O vídeoblog leva por nome quin.tv e nel pódense ver as diferentes facianas de Anxo Quintana.

A secretaria de Comunicación do BNG, María Xosé Bravo, foi a encargada de presentar publicamente o novo espazo na rede. Segundo explicou Bravo, a actualización vai ser case diaria e os contidos estarán achegados ao xénero documental.

Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia nace para potenciar o uso das TIC

Entrou en funcionamento en Compostela o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, que supuxo un investimento de 4,5 millóns de euros da Consellaría de Traballo. Segundo explicou o presidente da Xunta, o seu obxectivo é sensibilizar, promover e potenciar o uso das TIC no país, impartindo cursos especializados de xeito "gratuíto" e "certificábel polo fabricante".

Segundo Pérez Touriño o proxecto do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia cobra "más valor" no actual contexto de dificultade económica, ao formar parte das políticas activas que está a desenvolver o Goberno galego para dinamizar a economía e promover e favorecer a mobilidade e recolocación dos traballadores no actual momento de desaceleración.

O Centro de Novas Tecnoloxías xa ten definida unha programación até o mes de xuño. O programa inclúe preto de 50 cursos especializados en TIC. A programación formativa arranca coa organización dun total de 16 actividades de formación, que se impartirán ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. A modo de exemplo, en outubro dará comezo un cursos dedicado á administración de sistemas Windows Server 2008 - MCITP Server Administrator, cunha duración total de 96 horas; en novembro impartirase unha actividade relacionada co aprendizaxe de fundamentos de ITIL (metodoloxía para a organización e desenvolvemento de proxectos). A media de persoas participantes é de 15 alumnos.

Traballo asinou protocolos de colaboración con empresas punteiras para estabelecer unha liña de traballo. Adobe Systems Ibérica; CA IT Management Solutions Spain; Cisco Systems International; Hewlett Packard Española; International Business Machines; Microsoft Ibérica; Novell Spain; Oracle Ibérica; SAP; e Sun Microsystems Ibérica sumáronse ao proxecto.

Castrelo de Miño inaugura rede sen fíos e Centro de Dinamización

O concello de Castrelo de Miño xa conta con rede sen fíos municipal, que dará acceso á internet a máis de 150 veciños. A infraestrutura supuxo un investimento de preto de 160.000 euros por parte da Consellaría de Innovación, que pretende que o rural dispoña das mesmas oportunidades de desenvolvemento.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou tamén este luns no concello ourensán o Centro de Dinamización dá Sociedade da Información, que conta con equipamento informático e cos dispositivos para a cobertura de telecomunicacións. En total instalaranse catro postes emisores que enviarán o sinal aos núcleos rurais de seis das sete parroquias do municipio mediante unha rede Wimax.

Segundo o alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez, a posibilidade de contar cunha rede de banda larga será un factor que "dinamizará a economía" no concello, especialmente nas 32 adegas que alí se asentan, ademais de favorecer a fixación de poboación no rural.

Pola súa parte, Fernando Blanco destacou a importancia desta iniciativa e asegurou que a implantación da banda larga e da Sociedade da Información no medio rural é "primordial se se quere facer un aposta firme polo medio rural". No acto inaugural tamén estivo presente a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.

O alcalde e mais o conselleiro resaltaron a resposta da cidadanía á iniciativa, pois xa se superaron as 150 solicitudes. Ademais, en virtude deste convenio, gozarán de 20.000 euros para a adquisición de equipos informáticos, ademais de dispoñer dunha aula de dinamización que contribuirá a mellorar os coñecementos informáticos de quen o desexe.

Na aula desenvolverá o seu traballo unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que lles ofrecerá formación a aqueles colectivos con maior dificultade no uso das TICs. Compoñen o equipamento da aula once computadoras, unha impresora a cor, un proxector con pantalla e unha cámara de fotos dixital.

Curso de Google Analytics, na Cámara de Comercio de Vigo

A Cámara de Comercio de Vigo vén de anunciar na súa páxina web un curso de Google Analytics para o vindeiro día 29 de setembro.

A iniciativa, que organiza a empresa especializada en marketing e publicidade na Rede, Gestiberia, terá unha duración de 4 horas e os asistentes aprenderán, entre outras cousas, a empregar a devandita ferramenta para medir e optimizar os aspectos críticos de todo sitio web: a súa usabilidade, campañas de promoción, navegación, contidos, posicionamento en buscadores...

Os encargados da formación dos asistentes serán profesores certificados por Google Analytics.

Unha recomendación de cine XXV

El tren de las 3:10’

Dan Evans (Christian Bale) é un veterán do exército da Unión que está a piques de perdelo seu rancho. A fortuna ofrecelle unha oportunidade a Dan cando o foraxido Ben Wade (Russell Crowe) é capturado. Ben é un home violento e despiadado que durante anos leva asaltando a línea férrea da Southern Pacific. Ben ten que ser escoltado por un grupo de homes moi ben pagados, entre eles Dan, ata Contention. Alí debe tomar un tren a Yuma para ser xulgado por un tribunal federal. Este viaxe de tres días convertirase nun pesadelo porque tras un aspecto atractivo e encantador Wade no fondo é un manipulador capaz de sacar partido a menor debilidade.


Google Chrome

O software, aínda en beta, xa conta co seu primeiro fallo de seguridade grave. A súa rapidez, o principal punto a favor.

Pasadas as oito do serán (hora galega) do martes 2, Google facía dispoñíbel o seu navegador Chrome, chamado a "revolucionar" a web. Porén, aínda se trata dunha versión beta e, polo momento, só para Windows. A compañía anunciou que "despois" se sacarán versións para Mac e Linux. Tampouco está en galego, mais si, por exemplo, en catalán.

As persoas que o probaron xa experimentaron a súa rapidez á hora de interpretar javascript, o seu principal punto forte. O resto das súas innovacións, cando menos a nivel externo, están na liña das novas versións en desenvolvemento dos principais navegadores.

E, como calquera software en beta, xa se atopou o seu primeiro fallo de seguridade grave. Chrome herda unha vulnerabilidade dunha versión antiga de Webkit, o motor que emprega para representar as páxinas web.

En todo caso, Google volveu triunfar no que se refire á transcendencia mediática. Medios de comunicación que raramente se ocupan de información relacionada coas novas tecnoloxías fixéronse eco do lanzamento.

A adicción a Internet xa ten nome propio:Googlite!

Segundo un estudo realizado pola empresa YouGov por encargo do servizo de información telefónica 118118, o 44 por cento dos británicos séntense estresados e con niveis altos de ansiedade ante a “imposibilidade de poder conectarse a Internet” polo motivo que sexa. Para levar a cabo o informe, YouGob entrevistou a 2.100 cidadáns daquel país durante a primeira semana de xullo, e concluíu que os síntomas que presentaban estes afectados coincidían cos que presenta unha doenza bautizada hai pouco como discomgoogolation, é dicir, googlite, ou adición a Internet.
Este cadro clínico foi detectado polo psicólogo David Lewis, que deu con el medindo as pulsacións e a actividade cerebral dos doentes que acudían á súa consulta cos devanditos síntomas.

A palabra ven da unión do termo discombobulate, que significa confundir ou frustrar, e Google, o popular buscador da Rede (que hoxe volve a ser nova por crear o seu propio navegador web).

Segundo palabras do propio Lewis, “cando non podes conectarte á Rede, a discomgoogolation apodérase de ti” e os niveis de estres rexistrados supoñen un incremento da actividade cerebral e da presión sanguínea considerables, que poden danar a saúde.

A enquisa tamén determinou que o 76 por cento dos británicos non poderían vivir sen Internet e que a metade da poboación emprega a Rede entre unha e catro horas ó día; mentres que o 19 por cento dos enquisados pasa máis tempo en liña que coa súa familia nunha semana.

Preséntase en Compostela o libro Las TIC para la igualdad

O vindeiro venres día 5 de setembro, no marco XI Congreso Edutec (vinculado ó lema As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa, vaise presentar, en Santiago de Compostela, o libro Las TIC para la igualdad, unha obra deseñada para darlle a entender ao lector a utilidade das novas tecnoloxías na atención á diversidade.
Julio Cabero, Margarita Córdoba e José María Fernández son os coordinadores deste título integrado na Colección Educación e Psicoloxía, da Editorial MAD Eduforma, no que se ofrece unha análise das tecnoloxías da información e a comunicación dispoñibles no contexto educativo para persoas con determinados tipos de discapacidade.

A obra, de grande utilidade para mestres e expertos en Educación Especial, será presentada no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) ás 9.45 horas.
A Editorial MAD Eduforma, conta cunha experiencia de máis de 25 anos na publicación de libros cunha orientación práctica e a este título súmanse outras obras como Ensino con TIC no século XXI ou A escola 2.0, entre outras.

Arranca a modalidade presencial de Edutec perante a presenza de investigadores de toda Iberoamérica


A Universidade de Santiago (USC) acolle a partir de hoxe e até este venres 5 o desenvolvemento da face presencial do Congreso Edutec, un encontro encamiñado a favorecer o intercambio de coñecemento arredor de diferentes procesos de innovación na ensinanza. A xuntanza, que se centra en boa medida no que poden facer as novas tecnoloxías da información para a mellora educativa (mellora na transmisión dos datos, achega de diferentes linguaxes para completalos, meirandes facilidades para afrontar o proceso formativo), dá comezo ás 9.30 no Colexio de Fonseca para logo enfiar cara a un dos seus puntos álxidos coa inauguración oficial no salón nobre do dito recinto, ás 11.00 horas.

O congreso, coordinado polas profesoras da USC Beatriz Cebreiro e Carme Morante, comezou o pasado día 1 na súa modalidade virtual, cunha serie de debates organizados a través de sesións en liña. Amais do acto de apertura de hoxe (no que participarán, entre outros, a consellería de Educación, Laura Sánchez, o reitor da USC, Senén Barro, e o director xeral de I+D, Salustiano Mato), o programa da xornada vén completo abondo.

Así, está previsto que inclúa un relatorio de Alejandro Piscetelli (sobre as 12.00 horas en Fonseca), obradoiros sobre recursos TIC para o eido educativo (a partir das 16.00 na Facultade de Ciencias da Educación), mesas de debate sobre métodos de aprendizaxe a distancia (sobre as 17.30) e unha nova charla de Juan Carlos Tedesco, ministro de Educación de Arxentina (a partir das 18.30 horas).

Xoves e venres
A sesión do xoves centrarase no uso de software social no contexto educativo, a formación en liña para hospitais e o pasado e futuro dos obxectos de aprendizaxe. Tamén se farán mesas redondas e talleres destinados a tratar o deseño de contidos didácticos ou a mellora dos espazos de formación na rede, entre outros aspectos.
Xa o venres 5, Edutec acollerá a presentación da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos e do libro As TIC para a igualdade. Tratarase o e-learning en Europa ou as novas tecnoloxías para crear pontes entre culturas. O acto de clausura será, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.

PuntoGal supera os nove mil apoios individuais

A Asociación PuntoGal continúa coa campaña de recollida de sinaturas a prol do dominio para a cultura e a lingua galegas, e que acaba de superar os 9 mil apoios. A convocatoria abriuse en xaneiro de 2007, e segue a medrar.

Ademais das sinaturas, a iniciativa a prol do dominio .gal conta con 75 entidades adheridas, entre asociacións culturais, empresas, colexios profesionais e medios de comunicación, entre outras.

A todas elas hailles que sumar os 20 centros galegos na diáspora que están a apoiar explicitamente a campaña. PuntoGal segue a traballar en conseguir o apoio das asociacións galegas no exterior. A web segue a recoller sinaturas a prol do dominio, dentro da sección 'Apoios individuais'.

Preséntase en Sada un novo centro da Rede de Dinamización

Sada xa dispón dun novo centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, foi o encargado de presentalo este xoves, acompañado da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e do alcalde da vila de Sada, Abel López Soto.

A nova aula que se vai abrir ao público está totalmente equipada para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación ás Novas Tecnoloxías. A aula está equipada con dez ordenadores de mesa máis un portatil, equipados con software libre en galego cunha estrutura de rede sen fíos wi-fi, once cámaras web, unha impresora en branco e negro e outra a cor, un escáner, un proxector e mais unha cámara de fotos dixital.

A Rede de Dinamización leva dende xaneiro de 2007 levando a cabo en Sada actividades que inclúen obradoiros, charlas e cursos de formación específica que se adaptan ás necesidades dos colectivos sociais do concello para achegalos ás novas tecnoloxías, especialmente os máis desfavorecidos.

Así, organizáronse 68 obradoiros nos que participaron 484 persoas, das cales un 70% foron mulleres. Hai que destacar que a franxa de idade maioritaria foi a de persoas de entre 55 e 64 anos. Os obradoiros máis demandados foron os referidos á iniciación á Internet, á informática e á creación e manexo dunha conta de correo electrónico. A Rede obtivo en Sada un total de 255 persoas rexistradas, das que 157 foron mulleres, segundo informa a propia Rede de Dinamización.

O encontro informático de Mugardos chega á súa 5ª edición a finais de mes


Entre os días 19 e 21 de setembro a Casa da Cultura de Mugardos acollerá o V Ciberencontro Concello de Mugardos, unha xornada orientada especialmente ao Software Libre, aínda que se completa con actividades de xogos, conferencias e mesmo unha laconada.

Esta nova edición supón todo un reto para a organización, que agarda xuntar a 65 participantes (que xa se poden inscribir) e conta co apoio de institucións e empresas (coma o Concello de Mugardos, a Concellaría de Cultura e Mocidade, MYC, Telefónica e Academia Postal).

Coma novidade o encontro contará cun ciclo de cine que se desenvolverá entre os días 19 e 20 ás 22:00 horas. Os torneos de xogos, pola súa banda, comezarán o venres 19 ás 20:30 horas e rematarán no serán do domingo, sendo os xogos nos que se competirá o Pro Evolution Soccer 2008 e o Call of Duty. Para amenizar a xornada do sábado tamén terán un orixinal campionato de lanzamento de hardware.