Mostrando entradas con la etiqueta No mundo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta No mundo. Mostrar todas las entradas

O dominio .com cumpre 25 anos


Este ano o dominio .com (punto com) celebra o seu 25 aniversario. En marzo de 1985 rexistrábase o primeiro nome de dominio .com, symbolics.com, dando paso a unha Internet de consumidores que, 25 anos máis tarde, continúa a transformas as comunicacións, o comercio e a sociedade, informa VeriSign.

E para conmemorar as vodas de prata, lanzouse a web para 25yearsof.com para celebrar a innovación na rede, e exhibir os innovadores e empresarios que viñeron dando forma a Internet e contribuíron ao seu desenvolvemento.

Como parte desta celebración, VeriSign anunciou os "top 75" entre persoas e empresas que supuxeron un gran impacto no desenvolvemento de Internet e o noso mundo. Desta lista de persoas e empresas influíntes, un xurado elixirá os "25 .com". Anunciaranse os gañadores durante unha gala que terá lugar en primavera en San Francisco.

En 1995, internet seica ía "fracasar"

Un blog revive un artigo publicado en Newsweek hai 15 anos que aseguraba que o mundo virtual non triunfaría pola falta de contacto humano.

Hai exactamente 15 anos, Newsweek publicaba un artigo moi pouco optimista sobre o futuro da internet. Grazas ao blog Three Word Chant podemos recuperar aquel texto, que hoxe pode parecer bastante inxenuo, aínda que algúns dos argumentos se seguen a escoitar na actualidade.

Así, non se confiaba en poder ler as novas a través da web fronte aos xornais en papel, nin nas posibilidades educativas da informática ou na administración electrónica. Mesmo se amosaba escepticismo fronte ás afirmacións do 'gurú' Nicholas Negroponte, que confiaba na venda de libros e de xornais a través da rede.

A reportaxe, escrita por Clifford Stoll titulábase "Por que o ciberespazo non é, e nunca será o nirvana". O autor preséntase como un experto no mundo das redes pero que non lle ve futuro ao mundo virtual como substituto do real. O certo é que as limitacións que tiña a rede nos anos 90 fóronse superando e que as posibilidades aumentaron en 15 anos.

Así, alude á enorme cantidade de información que se pode atopar na rede e á súa escasa organización fronte á que ofrecen os medios tradicionais. O que non tiña en conta foi a posterior aparición de xeitos de organizar a información de xeito colaborativo, a partir das redes sociais, ou escollendo fontes de información a través dos RSS, por exemplo.

Tamén se refire a eivas como a incomodidade que supón ler textos nun computador, ou aos cortes constantes da conexión e as limitacións dos servidores da época. Naquel momento, ademais, as experiencias que se puxeron en marcha arredor da democracia electrónica fracasaron polo escaso interese dos internautas. Así mesmo, introducir computadores nas aulas resultaba extremadamente caro e precisaba da formación do profesorado.

Sobre o comercio electrónico, o autor do artigo amosábase reticente a pagar a través da internet e a mercar algo sen ter un vendedor diante. A falta de "contacto humano" e o "illamento" que producirían os computadores eran, para Stoll, un dos principais motivos do seu irremediábel fracaso. Faltoulle prever que as relacións sociais na rede non substituirían, senón que complementarían, e mesmo potenciarían, as da rúa.

Apple presenta oficialmente o seu iPad

Pincha aquí.

A posible regulación de Internet provoca unha polémica en EE.UU.

As novas medidas do Goberno

O "spam" crecerá no ano 2010


As predicións sobre a evolución do spam para 2009 non se cumpriron e lonxe de decrecer, este tipo de ataques incrementáronse notablemente. A brecha dixital é a principal explicación pois pon nunha situación máis vulnerable a aqueles usuarios con menos experiencia na Rede e nas súas trampas, informa Revista de Internet.

Spamfighter recompilou un conxunto de ameazas que cobrarán protagonismo o vindeiro ano, co fin de advertir aos usuarios da importancia de estar alerta ante posibles fraudes. Martin Thorborg, cofundador de SPAMfighter, explica ademais que " o 2010 será peor xa que os spammers están constantemente desenvolvendo novos métodos".

Entre as principais ameazas identificadas estarían o timo nixeriano ou phishing. Uns ataques cada vez máis sofisticados grazas ao envío de correos personalizados que se aproveitan dos hábitos dos consumidores en Internet (bancos que se visita, ou artigos nos que está interesado). As estafas relacionadas con mensaxes de redes sociais tamén serán máis frecuentes en 2010.

A estas prácticas sumaríase o bombardeo publicitario a través do móbil. Este continuará, xa que a protección non é tan boa como nun computador e con todo son dispositivos cada vez máis usados para conectarse. Os avisos falsos sobre Windows 7 tamén serán aproveitados polos spammers. Hai que ter especial coidado cos posibles corres electrónicos fraudulentos pois os tradutores en rede son cada vez mellores e os erros menos frecuentes, aínda que sempre haxa algún e sexan estes os indicativos máis frecuentes de que o que se está lendo é unha mensaxe falsa. A compañía de seguridade tamén alerta de enlaces a dominios perigosos pola súa similitude cos máis coñecidos, esta práctica incrementarse sobre todo nas mensaxes escritas en chinés.

Os EUA poñerán en marcha webs propagandísticas camufladas

O Comando de Operacións Especiais especifica que as páxinas, en diversos idiomas, "orienten" a cidadanía a prol dos intereses dos EUA.

O goberno dos Estados Unidos contratou unha empresa para cree webs que difundan propaganda a prol dos EUA. Ademais, rastrexará e almacenará datos persoais das persoas que visiten a web da Casa Branca a través de redes sociais.

O Comando de Operacións Especiais (SOCOM) asinou coa empresa General Dynamics un contrato de 10 millóns de dólares (6,8 millóns de euros) para xestionar esta rede de sitios web. O obxectivo é apoiar as operacións especiais estadounidenses en determinados países do mundo. O Reino Unido e Francia foron designadas como "áreas obxecto de aprendizaxe".

Segundo informa a web francófona Planète Non Violence, a difusión da información de propaganda militar deberase presentar como "independente". General Dynamics, a cuarta con máis contratos do goberno federal estadounidense e a quinta mundial no sector da defensa, terá un ano para poñer en marcha a iniciativa.

Especifícase que se han crear entre dous e 12 sitios destinados á propaganda. Tamén se prevé que as webs sexan accesíbeis as 24 horas do día e dispoñan de "programación orixinal, noticias, deportes, entretemento, política, cultura, economía", mediante todas as ferramentas multimedia dispoñíbeis. Ademais, han de estar dispostas a publicar de inmediato toda a propaganda que lle ordene o SOCOM. O organismo militar tamén terá a potestade de aprobar o deseño e o logotipo da web.

O papel deses sitios é influenciar a opinión pública estranxeira usando conceptos aprobados polo goberno estadounidense e combater os "inimigos de internet" que fornecen información que non cumpre cos intereses do exército dos EUA.

Para "orientar" a cidadanía desas áreas empregaranse linguas como o árabe, o urdú, o persa, o ruso ou o malaio, pero tamén o francés, o inglés británico e o chinés. O Pentágono xa dispón de webs informativas nos Balcáns, o Magreb, o Iraq, América Latina e Asia. E todo isto, a pesar do anuncio de Obama de substituír a guerra contra o terrorismo por "operacións de emerxencia".

Por outra banda, unha empresa privada encargarase de gardar durante oito anos os datos persoais das persoas que visiten as webs do goberno dos EUA. Tamén ten contratos con varias redes sociais como YouTube, MySpace, Facebook, e Flickr que permiten controlar as visitas aos sitios do goberno "para fins publicitarios".

Cidadáns de España e Portugal poderán realizar trámites administrativos electrónicos nas dúas marxes da fronteira

Os trámites administrativos interestatais veranse axilizados grazas a un convenio asinado polos gobernos de España e Portugal. A cidadanía española poderá empregar o DNI electrónico ante a Administración portuguesa e, de maneira recíproca, a poboación lusa poderá valerse en España do seu Cartão de Cidadão.

O Ministerio español da Presidencia manifestou que este acordo será especialmente beneficioso para a poboación das zonas limítrofes dos dous estados. Isto afecta especialmente ao sur de Galicia, na que se dá unha relación crecente de cidadáns galegos e galegas coa administración portuguesa, á vez que a poboación do norte portugués toma un contacto maior coa administración galega.

O acordo asinárono a secretaria de Estado española para a Función Pública, Carmen Gomis, e a secretaria de Estado portuguesa de Modernización Administrativa, María Manuel de Lemos Leitão Marques. Trátase dun convenio de colaboración para prestar servizos de validación dos certificados electrónicos de ambos os estados.

Estes certificados poden ser os do DNI electrónico -do que xa foron expedidos 12 millóns-, os outorgados pola Casa de la Moneda ou calquera outra administración con autoridade de certificación. Desde 2006 opera en España unha aplicación informática denominada "@firma" que permite asegurar a validez do certificado electrónico empregado pola cidadanía á hora de realizar trámites coa Administración Pública vía Internet. Portugal, pola súa banda, tamén emite o seu Cartão de Cidadão electrónico e está a desenvolver o Sistema de Certificación Electrónica do Estado.

Primeiro proxecto continental

Esta é unha das poucas iniciativas de tales características en Europa e segue a liña do proxecto europeo STORK, do que forman parte 14 estados membros para o recoñecemento mutuo das súas identidades electrónicas. De feito, a colaboración hispanolusa é un paso pioneiro de integración, previo aos proxectos piloto de interoperabilidade a grande escala entre todos os estados.

O computador matará a caligrafía?

A caligrafía está en perigo de extinción. Asegúrano persoas estadounidenses expertas en pedagoxía. No sistema educativo cada vez se lle dá menos importancia a esta disciplina. O estudantado só precisa escribir a man para si mesmo e non para manter comunicacións con outras persoas, que se fan a través do teclado, polo que o ensino da arte da "boa letra" vai perdendo protagonismo.

Unha reportaxe de Tom Breen para Associated Press reflicte a experiencia dunha nai de Virxinia Occidental que comprobou que a súa filla de oitavo curso escribía como unha nena pequena. De feito, nese estado só se ensina caligrafía en terceiro curso. A tecnoloxía actual fixo que esa disciplia quedase obsoleta.

As avaliacións nacionais do progreso educativo, uns exames que se efectúan nos Estados Unidos para comprobar estatisticamente a eficacia do ensino, pasarán a ser exclusivamente a través do computador no ano 2011 para o estudantado de oitavo e 11º cursos, e tamén para o de cuarto no ano 2019.

Nun mundo onde cada vez é máis necesario saber empregar un teclado, hai cada vez menos tempo para practicar a boa escrita manual. Segundo algúns expertos consultados, como a profesora Cheryl Jeffers, da Universidade Marshall, córrese o perigo de que algún día os textos escritos resulten indescifrábeis para a xente.

Porén, non todo está perdido. Nos Estados Unidos existen competicións anuais de caligrafía, do mesmo xeito que as hai de soletreado. A responsábel dun deles, Kathleen Wright, asegura que este ano se bateu a marca de inscricións, con máis de 200 mil solicitudes. Outras expertas aseguran que a escrita manual nunca morrerá, pois a meirande parte das tarefas escolares fanse a man e sempre se amosa o exemplo de "que farías nunha illa deserta onde non haxa electricidade?".

As estatísticas do sistema educativo dos EUA amosan que o maior grao de lexibilidade na escrita acádase no cuarto curso, e despois vaise perdendo esa disciplina. Na idade adulta, a meirande parte das persoas acaban empregando unha mestura de escrita cursiva e de imprenta. En calquera caso, é máis alarmante a perda de capacidade da expresión escrita: o 26 por cento do alumnado de 12º curso (equivalente a segundo de Bacharelato) carece das aptitudes básicas.

As redes sociais contribúen á creación de contidos na internet


As redes sociais son as plataformas dominantes e integrais en internet para a creación de contidos, e estanse convertendo nunha parte cada vez máis importante do consumo nos medios dixitais, segundo revelou hoxe un estudo realizado entre 22.729 internautas de 38 países. O estudo Wave.4 sobre o uso global das redes sociais, elaborado por Universal Mccann, reflicte que o 33 por cento dos usuarios activos de redes sociais soben vídeos desde estas páxinas, e non mediante a web de aloxamento de vídeos.

Segundo o estudo, o 64 por cento dos usuarios activos de internet empregan tempo en actualizar regularmente a súa rede social, sobre todo a actividade máis común é a subida de fotos para mostralas neses espazos virtuais, segundo o 76 por cento dos enquisados.

O director de contas de Universal Mccann Madrid, Idelfonso Tébar, explicou que a importancia das redes sociais radica en que os internautas activos entre 16 e 54 anos "úsanas como un navegador, todo o que necesitan téñeno alí".

No estudo tamén se apreciou un ascenso na utilización de "widgets" (aplicacións de contido), xa que o 34 por cento dos usuarios intégranas nas súas redes sociais, e o 24 por cento faio para "impresionar os seus amigos".

Os responsables do estudo informaron de que dous terzos dos usuarios actualizan cada día a súa rede social e que o 71 por cento empregan "moito tempo en visitar os perfís dos demais".

"As redes sociais son multimedia, xa non son tanto ferramentas para contactar con xente, senón tamén son unha ferramenta de expresión de gustos e afeccións", afirmou Tébar.

Ademais, destacou que o emprego do móbil en internet segue en aumento, chegando ao 50 por cento dentro dos usuarios activos, e dentro desta porcentaxe, o 17 por cento usa o móbil para actualizar a súa rede social en calquera momento e lugar.

Por último, o estudo estimou que unha de cada trece persoas é usuario de internet (625 millóns de persoas), e destes, un de cada tres é un usuario activo, é dicir, que se conectan a diario a internet.

Panamá creará unha rede nacional de acceso a internet sen fíos

O goberno de Panamá está a impulsar un proxecto de acceso a internet sen fíos, aberto e gratuíto, que beneficiará case a metade da poboación. Segundo os responsables, Panamá colocarase á vangarda de Latinoamérica en contar cun proxecto nacional desa magnitude.

A primeira fase do proxecto comezará a funcionar en outubro, coa instalación de 200 puntos de acceso ao alcance de 1,5 millóns de persoas. O programa contempla chegar a 2,3 millóns dos arredor de 3,3 millóns de panameños, incluíndo zonas de poboación indíxena.

O proxecto pretende chegar ao estrato con menos posibilidade económicas de cara a reducir a fenda dixital que existe, principalmente, entre os centros urbanos e as áreas rurais de Panamá, informou o secretario de Innovación, Eduardo Jaén, que salientou que, por primeira vez, se lles levará o servizo a áreas remotas.

A empresa panameña Liberty Technology será a encargada de montar a rede, usando a mesma plataforma que se empregou na cidade estadounidense de Baltimore.

A rede nacional de acceso a internet non competirá coa iniciativa privada, pois terá a velocidade limitada a 256 kbps, coa posibilidade de ampliala a 512.

Messenger celebra o seu 10º aniversario


O servizo de mensaxería instantánea de Microsoft, o MSN Messenger, cumpre hoxe 10 anos de vida, chegando a imporse como plataforma de comunicación en tempo real en boa parte do mundo (coma en España, onde a aplicación coñécese directamente coma Messenger obviando a existencia de alternativas de Yahoo! ou AOL, entre outros).

O Windows Live Messenger (nome que recibe actualmente o servizo) conta actualmente con 323 millóns de usuarios en todo o mundo (16 millóns en España) e agora celebra a súa primeira década de actividade dende unha páxina web creada para a ocasión, na que os usuarios poden compartir as súas experiencias, descargar emoticonas de balde e facer un repaso da vida do servizo.

Inicialmente o Messenger limitábase a comunicación de texto, pero pouco a pouco foi medrando en posibilidade, incorporando funcionalidades propias do Netmeeting e doutras aplicacións, de xeito que agora serve tamén para establecer conferencias de audio e vídeo, compartir arquivos, xogar ou tomar o control remoto do escritorio (para axudar a resolver problemas puntuais) e incluso desligouse do escritorio, contando con versións móbiles.

China obrigará a instalar un "bloqueador de webs" en todos os computadores

A partir do 1 de xullo, os equipos que se vendan no país asiático deberán levar preinstalado ou nun CD un software para bloquear, en principio, a pornografía.

O goberno chinés proxecta obrigar os fabricantes de computadores a que, a partir do 1 de xullo, inclúan software que bloquee o acceso a determinadas webs, o que supoñería un paso máis na censura que se aplica no país ao tráfico da internet. O executivo da China xa se puxo en contacto coas empresas fabricantes, pero aínda non fixo público o anuncio.

A administración chinesa pretende, deste xeito, protexer os menores de contidos "daniños", principalmente pornografía. Porén, na práctica, a China non bloquea exclusivamente webs con imaxes de tipo sexual, senón que o seu filtro é bastante máis estrito. Os fabricantes de computadores veranse obrigados a escoller entre rexeitar unha orde gobernamental nun importante mercado ou seren acusados de colaborar coa censura polo resto do mundo.

Segundo os fabricantes contactados, o software poderá ir preinstalados nos novos computadores, ou ben entregado conxuntamente nun CD. Pero expertos consultados aseguran que o software pode transmitir información persoal, provocar o mal funcionamento dos computadores e facelos máis vulnerábeis a ataques informáticos. Tamén impide que os usuarios saiban exactamente que contidos se lles están a bloquear.

Empresas como Hewlett-Packard (HP) xa anunciaron que tentarán asegurar a mellor experiencia para os consumidores e mais cumpriren cos requirimentos gobernamentais. O software chinés chámase "Encoro verde, escolta da mocidade", en referencia á vía libre (verde) de pornografía. Conectarase a unha base de datos de webs prohibidas actualizada constantemente.

As marcas sedúcennos… tamén na Rede


Se ata o de agora os anuncios das grandes marcas nos aparecían ata na sopa, invandindo tódolos recunchos habidos e por haber do noso entorno (valos, autobuses, televisión, radio, packaging, folletos, carteis…) para darnos a coñecer os seus “marabillosos” produtos e servizos, que non farán agora que o fenómeno das redes sociais satura case todo o tempo libre dos nosos e das nosas adolescentes?

Pois ben, como era de agardar, as grandes marcas (sobre todo as que teñen como público obxectivo as persoas novas, usuarias de Internet e das novas tecnoloxías e afeccionadas aos dispositivos electrónicos e aos videoxogos), non deixaron pasar este “boom” e apuraron a facerse ver onde máis tempo pasan estes adolescentes: na Rede.
Pero ata que punto é efectiva a publicidade en liña?, prestan atenciónos internautas ás mensaxes que insiren os anunciantes nas súas contas de usuario? iso foi o que se preguntou Microsoft cando lle encargou a Synovate a realización dunha enquisa global, da que a compañía vén de dar conta.

O devandito estudo revela que os mozos e mozas usuarios de Internet “están dispostos a interactuar e comprometerse coas marcas como parte das súas actividades cotiás en liña”. Cando se lles preguntou acerca do seu compromiso coas marcas en liña durante o último mes, case un tercio (28 por cento) tiña faladod unha marca nun foro ou rede social, preto dun cuarto (23 por cento) tiña engadido comentarios relacionados coa marca ao seu servizo de Messenger e do redor de un de cada cinco (19 por cento) engadira contidos dalgunha marca á súa páxina de inicio ou rede social.

A enquisa Young Adults Revealed, realizada a 12.603 mozos e mozas de entre 18 e 24 anos, e procedentes de 26 países de todo mundo, proporciónalle, non só a Microsoft (que foi a que encargou o estudo) senón a tódalas marcas e anunciantes, un coñecemento valioso das condutas en liña deste grupo demográfico, que pasa de media 2,5 horas do seu tempo libre conectado a Internet. Estas persoas afirman que non só fan “clic” regularmente en publicidade en liña (47 por cento), senón que, asemade, acceden a información sobre marcas ou produtos a través de portais (18 por cento) e interactúan coas marcas (case un cuarto deles, un 24 por cento, xa cargaron activamente anuncios publicitarios ou de marketing en redes sociais e portais de vídeos no pasado mes).

Hábitos en liña dos máis novos e novas

As redes sociais veñen de converterse nun espazo natural onde socializar máis alá do espazo físico e os mozos e mozas españois sóen pasar preto de 6 horas á semana neste tipo de “sitios on line”.

Isto supón para as marcas a oportunidade de conectar con este segmento da poboación de distintas maneiras, ben mentres realizan as súas actividades virtuais ao longo do día, tales como revisar a súa conta de correo (o 94 por cento fano regularmente), ler temas de actualidade (80 por cento), acceder á descarga de música, películas ou xogos (76 por cento) ou chatear a través da mensaxería instantánea (76 por cento).

Se aplicamos estes resultados aos mozos e mozas españois, temos que no último mes, case 3 de cada 4 rapaces e rapazas visitaron a web dalgunha marca ou algunha compañía e, ao igual que o resto dos enquisados, signifícanse a través do consumo e adquiren a súa identidade colectiva a través da Rede.

Internet converteuse nun lugar natural eles onde eles adquiren a súa identidade colectiva, un espazo de expresión comunitario que os identifica e conforma. As marcas non poden obviar esa realidade e deben aproveitar as ferramentas TIC e os portais en liña para facilitar esas vías de relación e darse a coñecer da maneira máis espontánea posible.

Por outra banda, tamén hai que ter en conta que o acceso a Internet a través do móbil é una práctica cada vez máis popular entre os e as adolescentes de hoxe en día e, neste senso, a enquisa revelou que máis dun tercio dos enquisados empregan o seu terminal para navegar mentres se desprazan (34 por cento). As actividades en liña máis habituais que realizan dende os seus teléfonos móbiles inclúen:

1.Escoitar a radio (15 por cento)
2.Acceder a xogos (13 por cento)
3.Visitar sitios de redes sociales (11 por cento)
4.Ver secuencias de videos (10 por cento)
5.Ler sobre deportes (9 por cento)

Young Adults Revealed realizouse entre xuño e xullo do pasado ano e para a súa elaboración entrevistáronse a persoas en Bulgaria, Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Noruega, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, España, Suecia, Turquía, Reino Unido, Australia, Brasil, Canadá, China, Exipto, Xapón, México, Marrocos, Nova Zelanda, Arabia Saudí, Sudáfrica y os Estados Unidos.

Un novo buscador revolucionará a rede

A sociedade do inmediato promete selo aínda máis grazas ao "Wolfram Alpha", un poderoso motor de procura de coñecemento cuxa investigación se mantivo en segredo durante anos e que verá a luz da rede a finais de maio. A gran innovación deste programa constitúea a capacidade de resolver preguntas concretas no momento. Así, pode calcular o PIB de calquera país ou a altura dun cumio, resolver ecuacións matemáticas complexas, ou achegar respostas precisas a cuestións científicas, se llo pedimos. As consecuencias son aínda impredecíbeis pero moitos as agoiran tan revolucionarias como as do propio Google.

O proxecto funciona través da linguaxe natural, o que significa que recoñece as interrogacións directas. Implica que o que teremos que facer para saber, por exemplo, canto choverá en Lugo, é preguntarllo directamente. Non porque dispoña dunha gran listaxe de respostas, senón porque é capaz de calculalas a partir dunha serie de bases de datos e de algoritmos.

O seu creador, Stephen Wolfram presentouno no seu blog o 5 de marzo, e tan só dous días máis tarde aparecía unha nota en Twine firmada por Spivack, explicando o proxecto. "A comparación fala por si mesma -escribe-; Google recupera simplemente os documentos baseados en buscas de palabras clave. Google non entende a pregunta ou a resposta, e non computa as respostas baseadas nos modelos de varios campos do coñecemento humano. "Wolfram Alpha" crea para pór ao alcance do usuario coñecemento experto de gran complexidade".



O medo á intelixencia artificial

A sensación de que a intelixencia dos supercomputadores acabará por dominar o planeta ocupa metros de celuloide e toneladas de páxinas de libros na aínda curta historia da informática -a famosa Xogos de Guerra, ambientada nos últimos anos da Guerra fría, co heroe hacker e o profesor salvador, é a responsábel de que moitos hoxe se dediquen á profesión-. "O medo está aí", escribe Spivack, pero "non hai risco de que o "Wolfram Alpha" chegue a asumir o control o mundo".

Porque "Tan intelixente como parece", o "Wolfram Alpha", "non ten un sentido do eu ou as opinións ou as sensacións". Non é intelixencia artificial tal como adoi-tamos entendela; é dicir, non é unha simulación dunha mente humana, senón que se trata dunha calculadora de gran alcance que traballa sobre infinidade de preguntas que teñen respostas (computábeis) inequívocas.

No blog do visionario Spivack aparece o post dun usuario: "Poderá dicirnos cal é o sentido da vida?". Non hai resposta, pero alguén lembra A guía do viaxeiro intergaláctico, aquela comedia de ciencia ficción escrita por Douglas Adams a final dos setenta, en plena avidez de futurismo informático, que incluía a curiosa personaxe de Pensamento Profundo, unha supercomputadora que se definía a si mesma como a segunda mellor do universo. Cando se lle preguntaba cal era a "resposta definitiva", isto é, o sentido do universo e todo o demais, a supercomputadora calculaba que tardaría sete millóns e medio de anos en dar con ela. E finalmente atopábaa: "42". Mais era incomprensíbel para a mente humana.

Un blogueiro recibe un toque de atención por usar unha "frase rexistrada"

O estadounidense Leo Babauta usou, sen sabelo, unha frase que resultou ser o título dun libro. Os representantes da escritora mandáronlle unha notificación.

Os dereitos de autor e as patentes están chegando a límites absurdos, até o punto de que os blogueiros que usan a lingua inglesa teñen que ter coidado co que escriben, non vaia ser que usen unha frase que estea rexistrada. Iso foi o que lle pasou a Leo Babauta.

A semana pasada, empregou inocentemente a expresión "feel the fear and do it anyway" (ten medo pero faino igual) no post titulado "A Guide to Beating the Fears That Hold You Back" (Guía para vencer os medos que te frean). Pero, ao pouco tempo, recibiu unha notificación por correo electrónico.

Os avogados da escritora Susan Jeffers comunicáronlle que estaba a infrinxir unha marca rexistrada pola súa representada. Esa frase é, ao parecer, o título dun dos seus libros, do que, evidentemente, Babauta non ouvira falar na súa vida. E, de feito, a expresión era algo que un amigo seu comentara en Twitter.

Os representantes pedíronlle que engadise o símbolo "®" detrás da frase e engadir "É unha marca rexistrada de Susan Jeffers, e úsase co seu permiso". Pero decidiu non facelo, porque pensa -como o senso común leva a crer- que non é posíbel que unha frase común se poida rexistrar, e pregúntase que acontecería se, por exemplo, a Bill Gates lle dera por rexistrar miles de frases para cobrarnos a todos polo seu uso, ou que houbese que incluír unha ligazón á web de Microsoft.

Comeza a semana da 'Desintoxicación Dixital'


Días para apagar todos os trebellos electrónicos que teñan pola casa, e para facer máis vida lonxe do sofá, reconectando co mundo natural e a xente do redor.

Este semana hai dúas citas coa defensa do medio e as relacións humanas que se complementan entre elas. O caso é cumprilas. A primeira é a Semana da Desintoxicación Dixital e a segunda a Semana sen Televisión.

A Semana da Desintoxicación Dixital está convocada polo colectivo norteamericano Adbusters, e, baseándose nos lemas da Semana sen TV, anima a apagar os aparellos electrónicos que levemos todo o día enriba: as PDA, os móbiles, os MP3, MP4, as consolas de peto e mesmo os computadores. Convencidos de que o uso cotián destes trebellos é prexudicial para a nosa saúde e a do medio, os membros de Adbusters queren que se siga o seu exemplo para non acender até o domingo a calquera pantalla, baixo o lema "durante sete días, reconecta co mundo natural e a xente que está ao teu carón".

Para axudar a dar un paso que a máis de un lle resulta ben complicado, este colectivo propón un plan de afastamento gradual das pantallas, para que poidamos centrar o tempo que adoitamos dedicar a andar nestes aparellos a pasear, ler ou conversar cos amigos. A campaña, lanzada dende os EUA e Canadá, está a ser seguida en todo o mundo, ademais de polos membros de Adbusters do Xapón, Australia e Europa, por organizacións como a francesa Casseurs de Pub, a italiana Esterni e a internacional White Dot.

A segunda cita coa defensa do medio: a semana sen televisión
A outra cita, entre o 20 ao 26 de abril, e que tamén se desenvolve, a nivel internacional, é a Semana sen Televisión. Dende o colectivo Ecoloxistas en Acción chaman a secundar esta convocatoria, sinalando que a TV "illa as persoas, deteriora o medio e incita, constantemente, a un consumo irracional", polo que ven "preciso" denunciar o "papel que cumpre na destrución do planeta".

Esta semana, ademais de denunciar os resultados perniciosos do uso da TV, servirá para repensar, de novo, o seu lugar, afastado do que hoxe ocupa de "destrutor das relacións sociais e promotor dun consumo insustentábel".

Corea do Sur aprobou unha lei que obriga a facilitar a identidade real ao participar en webs con máis de 100 mil visitantes diarios.

O goberno de Corea do Sur, un dos estados con mellores conexións á internet do mundo, acaba de aprobar unha batería de normas que limitarán a liberdade dos internautas. As restricións son tales que Google decidiu desactivar temporalmente a posibilidade de subir vídeos a YouTube dende o estado asiático.

A nova Lei de Ciberdifamación entrou en vigor o día 1 de abril. Por unha banda, o decreto facilítalle ao goberno o trámite de pechar webs "problemáticas"; por outra, obriga a que cada persoa que deixe un comentario ou achegue algún tipo de contido a unha web que teña máis de 100 mil visitantes únicos diarios deba dar o seu nome real.

Este requisito obrigaríalle a YouTube a ofrecer un sistema de rexistro de usuarios específico para Corea do Sur. Actualmente, as principais webs surcoreanas piden o número da seguridade social á hora de rexistrar unha nova conta.

Como adoita acontecer nestes casos, a lei xurdiu como resposta a un feito anecdótico. No ano 2005, unha universitaria foi pillada despois de non limpar os excrementos do seu can na vía pública. Un peón decatouse e publicou fotos dela na rede, o que provocou que a historia se difundise e amplificase, até o punto de que se chegou a descubrir a identidade da muller, que acabou abandonando a facultade e mudando de cidade.

Entra en vigor a directiva europea de retención de datos de internet

Os operadores europeos de internet están obrigados dende este luns a reter os datos de correo electrónico, visitas a webs e chamadas telefónicas dos seus usuarios, segundo unha directiva da Unión Europea. A norma aprobouse no ano 2005, despois dos atentados que sufriran ese ano Londres e, en 2004, Madrid.

Empresas de telecomunicacións e grupos de usuarios xa amosaron a súa oposición á medida, contestada nalgúns estados europeos. A directiva require que os operadores garden os rexistros de internet durante un ano. Outra relativa a manter as gravacións telefónicas durante 12 meses xa estaba vixente. A información gardada non inclúe o contido de correos, webs nin o audio das chamadas, pero si información necesaria para determinar o contacto entre individuos. As autoridades poderán acceder a estes rexistros cunha orde.

A directiva estase a traspoñer á lexislación de cada un dos estados membros da UE. Entre os favorábeis están o Reino Unido ou o Estado Español, que inclúe esas obrigas na Lei Xeral de Telecomunicacións.

Porén, os fornecedores de servizos de internet da Unión Europea queixáronse do custo que lles vai supoñer conservar os rexistros. No caso británico, o goberno comprometeuse a compensar este gasto.

Suecia xa anunciou que ignorará a directiva, mentres que os tribunais alemáns están a estudar un recurso.

Brasil aforrou 167,8 millóns de dólares en 2008 grazas ao software libre

O software libre é por natureza social: non lle chega coa máis mínima compaña, busca sempre a meirande porcentaxe de usuarios/as. Esta é unha das moitas razóns do bo intre de forma que vive arestora: quen usa e desenvolve programas abertos vai facer todo o posible para informar a quen non os emprega das súas vantaxes. Esta é a liña do Goberno de Brasil, un dos países que máis firmemente ten apostado pola implantación do software libre no administrativo e no cidadá e, en consecuencia, maiores esforzos ten realizado a prol de que se saiba. Segundo vén de informar o Servizo Federal de Procesos de Datos (Serpro), a Administración do país irmán acadou un aforro de 370 millóns de reais (uns 167,8 millóns de dólares) en 2008 grazas á súa aposta intensiva polo código aberto a todos os niveis dos emprazamentos oficiais: sistemas operativos, navegadores de Internet, programas de correo electrónico e outras ferramentas.

Por certo que este aforro, engade o Serpro para contribuír a facérmonos unha idea sobre a magnitude do acadado grazas ao código aberto, representa o dobre có investimento dirixido a dar apoio ao sistema de declaración do imposto da renda por Internet. Amais, equivale a un cuarto do orzamento destinado á operatividade do propio Serpro.

No que se refire a usos concretos desta cantidade de cartos retida (non gastada en virtude dun menor índice de pago de royalties por licenzas de propiedade de software), sinalar que entre outras cousas posibilitou a posta en marcha de 5.000 puntos de conexión á Rede en todos aqueles recantos de país onde as novas tecnoloxías aínda non se afianzaran. Segundo engade devandito servizo estatal, o vindeiro 15 de abril haberá novidades no proceso imparable de deseño, presentación e liberalización de novos programas abertos xurdidos ao abeiro da aposta institucional: a devandita data ficará accesible a plataforma para a desenvolvemento de ferramentas informáticas Demoiselle (chamada así na honra do piloto brasileiro Santos Dumont, quen en 1907 deixou aberta para toda a sociedade a patente do avión ao que deu corpo en Francia. Na imaxe, telecentro en São Paulo.

O 21 de abril inaugúrase a Biblioteca Dixital Mundial


A UNESCO e 21 institucións asociadas estrearán publicamente o vindeiro 21 de abril a Biblioteca Dixital Mundial, unha iniciativa que pretende ofrecer virtualmente manuscritos, mapas, libros, partituras, gravacións, películas, gravados e fotografías procedentes de bibliotecas e arquivos repartidos por todo o mundo e no que se traballa dende hai preto de 4 anos.

A Biblioteca do Congreso dos EE.UU. foi a promotora e desenvolvedora deste proxecto, aínda que logo foi incorporando achegas doutras entidades, de xeito que a exipcia Biblioteca de Alexandría proporcionou asistencia técnica, a Biblioteca Nacional de China subministrou información sobre osos e estrelas, a Biblioteca Nacional de Brasil fixo o propio con fotografías de América Latina… e non só as achegas veñen de todo o mundo, senón que o novo espazo dixital cultural tamén estará aberto globalmente, funcionando dende o principio en inglés, francés, español, chinés, árabe, portugués e ruso, e incorporando tamén ferramentas de tradución para facilitar a difusión dos seus contidos.