Inaugurouse o novo Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información en Combarro, Poio


A inauguración estivo presidida pola Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e tamén asistiu a Delegada Provincial da Consellaría de Innovación e Industria, Montserrat Prado

O Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información en Combarro, en Poio, foi posto en marcha a resultas da colaboración entre a Rede de Dinamización da Sociedade da Información,da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria e o Concello de Poio.

Este novo centro que vén de inaugurarse, situado na rúa Carreiro do Campo de Combarro, está totalmente equipado coa tecnoloxía máis avanzada e con software libre para desenvolver todo tipo de actividades relacionadas coa formación nas Novas Tecnoloxías. Compoñen o equipamento deste centro 10 ordenadores, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, webcams e 9 lectores de DNI.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, iniciou a súa actividade neste concello en xaneiro do 2007 poñendo en marcha vintetrés obradoiros ao longo dun total de 200 horas, nos cales participaron máis de 79 usuarios/as. Destes usuarios/as un 60% foron mulleres, cunha franxa de idade maioritaria entre os 25 e os 55 anos . Estes obradoiros leváronse a cabo nas aulas de informática do IES de Poio e da biblioteca de Poio, impartidos por unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital, aínda que tamén se realizaron outros obradoiros sobre ocio e servizos da Rede ou ofimática.

A Universidade de Washington desenvolveu unha ferramenta web de código aberto.


Un equipo de informáticos da Universidade de Washington, nos EUA, crearon unha ferramenta que lles facilita ás persoas cegas a navegación pola internet sen necesidade de que instalen ningún software. A ferramenta, denominada WebAnywhere, é un servizo web que transforma o texto en voz e que, pola súa natureza, funciona en todos os sistemas operativos e navegadores. Ademais, é software libre.

O proxecto é obra do grupo WebInsight, da universidade estadounidense, e que ten como obxectivo analizar as barreiras que impiden o acceso á internet das persoas con discapacidade e achegar solucións.

WebAnyWhere presentarase a vindeira semana na convención anual da Federación de Cegos dos EUA. Segundo os seus creadores, a ferramenta está pensada, sobre todo, para as persoas cegas que acceden á rede mediante computadores públicos, xeralmente moi protexidos e que impiden a instalación de software.

Ademais, por ser un proxecto de código aberto, calquera pode contribuír á súa mellora ou instalalo no seu servidor web. Tamén se pode axudar a que estea dispoñíbel en máis linguas, pois de momento só se pode usar en inglés.

Primeira festa informática do Concello de Narón: a Naronline 2008


O Concello de Narón vén de anunciar a celebración da súa primeira festa informática, a Naronline 2008, que organiza coa axuda da Universidade da Coruña, da Fundación Tecnolóxica Río do Pozo e de diversas empresas relacionadas co sector das novas tecnoloxías da zona.

Os responsables deste evento, pensado para o lecer, a diversión, a aprendizaxe e o intercambio de experiencias entre os seus participantes, pretende dar acollida a unhas 400 persoas procedentes de toda a comarca e do resto de Galicia e España para, por uns días, animalos a dedicárense a realizar todo tipo de actividades relacionadas coa Rede, os videoxogos e as novas tecnoloxías en xeral.

O encontro terá lugar na Praza do Concello de Narón do 18 ao 20 de xullo e, amais de actividades “lúdico-festivas”, os asistentes poderán participar en obradoiros, competicións e relatorios baseados no futuro das comunicacións e no “novo negocio baseado nas TIC”.

I fin de semana tecnolóxico de Narón
Coincidindo coa celebración da súa primeira “Party”, o Concello ferrolán tamén vai celebrar o I Fin de Semana Tecnolóxico da vila, orientado ao mundo empresarial da comarca, que pretende ser un nexo de unión dos empresarios TIC da zona onde poidan “comentar as súas inquedanzas” e “atopar solucións” aos seus problemas técnicos máis comúns.

O Cesga e a UDC achegan as persoas con diversidade funcional á Sociedade da Información

O Cesga e a Universidade da Coruña están a colaborar en favorecer o acceso á rede ás persoas con diversidade funcional. Deste feito, preténdese acabar coas barreiras que lles pechan as portas á Sociedade da Información.

En Galiza, un dos entes que máis está a traballar para que as redes sexan lugar de traballo, de comunicación e de integración destes colectivos é o Cesga, que volve estar de actualidade pola súa colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) para perfeccionar un sistema de atención virtual destinado ás persoas con este tipo de diversidade.

Así, o traballo da Unidade Clínico Asistencial de Trastornos de Espectro Autista e Xerais do Desenvolvemento (UCATEA) da UDC e mais do Cesga baséase na formación tecnolóxica de varias familias da Coruña e de Lugo para poñelas ao día no emprego do contorno virtual, que implica a achega dun equipo informático e acceso á Rede de banda larga.

Coa achega do Cesga favorécese a realización de todo tipo de actividades ligadas ao medre da calidade de vida no eido familiar: Benestar emocional, Saúde física, Benestar económico, Apoios, Produtividade, Relacións e funcionamento familiar, Implicación na comunidade e defensa, Ocio e tempo de lecer e Autodeterminación.

Mentres, o equipo da UDC analiza até onde poden chegar os valores e vantaxes das novas tecnoloxías e deste proxecto en concreto para as persoas con diversidade funcional e as súas familias.

Chaval.es presenta un decálogo para pais e nais contra a pedofilia en Internet

O portal Chaval.es vén de presentar o Decálogo do bo uso de Internet, dirixido a nais e pais que lles explica cómo ensinar aos seus fillos a navegar dun xeito seguro e sen expoñerse a situacións non desexadas.

O portavoz de Red.es, (entidade pública que promove esta web) Rafael Chávarri, presentou a iniciativa durante o Congreso Internet na Aula, onde explicou que os pais, nais, titores e titoras “deben instalar o ordenador das nenas e dos nenos nunha habitación na que se poidan controlar para que non naveguen de noite e acompañalos sempre nas súas primeiras conexións”.

O decálogo recomenda, entre outras cousas, que os pais e nais controlen cál é a rede social das e dos cativos por medio de programas de software avanzado que gravan os chats para que non entren en “ámbitos de pedofilia” e alerta sobre o perigo de entregar certos datos persoais como a idade, dirección ou número de teléfono a páxinas sospeitosas.

Chaval.es vén de renovarse cara a tecnoloxía 2.0, baseada na interactividade, con novas seccións como Reporteiro Chavales, Xanela ao mundo e Club Chavales, que constitúe unha comunidade virtual para os máis pequenos e pequenas da casa.

Convócase unha nova edición de Evento Blog España


Tralo éxito das dúas anteriores edicións do Evento Blog España, convócase para os días 14, 15 e 16 de novembro o EBE 08, que terá lugar no Hotel Barceló Renacimiento de Sevilla.

O encontro xa se considera como a grande cita dos blogueiros e a Web 2.0 en fala hispana e a segunda a nivel europeo, aspirando a xuntar a un milleiro de persoas (dobrando a asistencia da pasada edición).

A pasada edición acadou un grande éxito de asistenciaXa se coñece o programa do evento, que atende a asuntos de interese para a blogosfera como a neutralidade da Rede, o español na Internet, a publicidade, as redes sociais, as repercusións da crise económica na Internet, a evolución dos blogs, os novos formatos ou mesmo o crecente fenómeno do usuario sempre conectado.

O EBE 08 está patrocinado pola Consejerría de Innovación, Ciencia y Empresa de la Junta de Andalucía e Microsoft España, e os interesados en acudir deben inscribirse o antes posible, pois este certame tende a cubrir as súas prazas a grande velocidade.

Unha recomendación de cine XXII

Los Cronocrímenes

Dirixida por Nacho Vigalondo. Un home descobre a través dos seus prismáticos a unha rapaza e intenta atopala na profundidade do bosque. De súpeto, un individuo armado cunhas tesoiras e a cara vendada o ataca. Consegue fuxir e alcanza un complexo científico na metade do bosque. Alí, unha máquina transportarao o pasado, pouco máis dunha hora. A partir de ahí o misterio empeza a resolverse e todo se complica.

Innovación e Industria inaugura en Monte Porreiro un novo Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información


O Centro está equipado coa tecnoloxía máis avanzada e con software libre para desenvolver todo tipo de actividades relacionadas coa formación nas novas tecnoloxías

A Consellería de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, puxo hoxe en marcha en colaboración co Concello de Pontevedra, o novo Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información de Monte Porreiro, coa intención de achegar a cidadanía ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información. O acto de inauguración do centro estivo presidido pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e nel tamén participou a delegada provincial da Consellería en Pontevedra, Montserrat Prado.

O novo centro –situado no Centro Socio Cultural de Monte Porreiro da rúa Alemaña–está totalmente equipado coa tecnoloxía máis avanzada e con software libre para desenvolver todo tipo de actividades relacionadas coa formación nas Novas Tecnoloxías. Compoñen o equipamento 10 ordenadores para usuarios/as, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, webcams e lectores de DNI. O centro estará aberto a disposición da poboación, para permitir o acceso libre e gratuíto ao emprego de todo o seu equipamento, así como tamén será libre e gratuíta a participación en todas as actividades de formación e obradoiros que na aula se programen e desenvolvan.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria e está enmarcada dentro do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria) como unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na Sociedade da Información e o desenvolvemento rural.

A Rede contribúe a desenvolver iniciativas relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos e conta con 85 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

A Rede iniciou a súa actividade no Concello de Pontevedra en xaneiro do 2007 poñendo en marcha 77 obradoiros ao longo de case 800 horas, nos cales participaron preto de 700 usuarios/as. Destes usuarios/as 3 de cada 4 foron mulleres, cunha franxa de idade maioritaria entre os 35 e os 65 anos. Estes obradoiros leváronse a cabo nas aulas de informática do Pazo da Cultura e no IES Luís Seoane de Monte Porreiro, impartidos por unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital. Entre as actividades destaca a que se está a desenvolver nestes días, chamada Memoria de Muller, que pretende achegar ás mulleres ás Novas Tecnoloxías e, ao mesmo tempo, recuperar a memoria histórica, persoal, social ou cultural do lugar. Contando cada unha a súa propia historia a través das imaxes, a súa voz e o son, crearán con isto un vídeo que servirá para gardar e difundir os seus recordos, vivencias ou intereses ao resto da sociedade.

Estes datos reflicten a boa acollida que tiveron as actividades programadas pola Rede no Concello de Pontevedra, polo que a Consellería de Innovación e Industria decidiu poñer en marcha un centro propio, inserido na Rede de Dinamización da Sociedade da Información.

Os nenos suecos, preocupados pola adicción dos seus pais á internet

Unha asociación do país escandinavo recibe cada vez máis queixas pola mala conduta de pais 'enganchados' á rede.

O uso da internet está tan estendido en países como Suecia que alí son os cativos os que se queixan do excesivo uso que fan da rede os seus pais. Segundo un informe do organismo Barnens Rätt i Samhället (BRIS, Dereitos dos nenos na sociedade), no último ano producíronse 1.895 denuncias relacionadas coa informática, e delas, máis de cen foron de nenos preocupados pola conduta paterna perante a internet.

A queixa máis habitual, segundo informa The Local, son os pais que visitan webs pornográficas ou que cometeron infidelidades na rede. Achegaron testemuñas como "semella que o meu pai é infiel", escrita por un rapaz de quince anos ou "lin os seus rexistros do messenger, só por curiosidade. E entón vin que estaba falando con rapazas novas. A parte máis desagradábel é que ten 53 anos!".

Outros rapaces entran en máis detalles: "e falan de sexo e de como se van coñecer e todo. Danme ganas de vomitar", e tamén amosan a súa preocupación: "non sei se llo teño que dicir a mamá porque estou preocupada por se se divorcia. Por favor, que podo facer?"

O informe evidencia que a xente nova non é a única que pasa unha cantidade excesiva de tempo diante do computador. Unha rapaza de 12 anos chamou á organización para explicar que xa case nunca fala coa súa nai. Segundo ela, a nai pasa a meirande parte do tempo medio espida diante do computador e enviando todos de si mesma pola internet.

Outra nena, de 13 anos, explica: "Sei que soa ridículo pero a miña nai comezou a xogar ao World of Warcraft. Este verán pasou sentada día e noite e esqueceu o que é importante para min. E cando non está no computador é como unha alma perdida. Só mira á fronte e non di nada".

Porén, a pesar de que a conduta dos pais na internet é un problema crecente, a maioría dos casos tratados pola asociación están relacionados con amor e amizade (47%), insultos e ameazas (15%) e sexo (10%).

A Icann ábrelle a porta a crear calquera dominio de internet


A Icann, organismo encargado de regular os dominios da internet, aprobou este xoves en París liberalizar completamente o nomes de primeiro nivel, o que pode supoñer unha revolución no xeito de entender os enderezos na rede. A decisión, que xa se daba como posíbel, permitirá que as compañías ou individuos poidan converter marcas e nomes en enderezos e que deixen de depender dos xenéricos ou territoriais.

Icann
A iniciativa aprobouse por unanimidade. Tamén se lle deu o visto e prace a que se poidan usar outros alfabetos nos enderezos, como o arábigo, o cirílico ou o chinés.

A Icann leva seis anos traballando en abrir os enderezos da internet. Segundo explicou Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación PuntoGal, Camilo Regueiro, a liberalización farase de xeito escalado, e nun primeiro momento haberá que cumprir uns requirimentos moi estritos.

PuntoGal espera estar entre os primeiros novos dominios que se concedan, no primeiro semestre de 2009, pero todo "dependerá das condicións que impoñan", que serán tanto de tipo técnico como económico.

A Consellaría contará con 3 millóns máis para apoiar a inclusión na Sociedade da Información

O Consello da Xunta aprobou hoxe a ampliación do convenio de colaboración entre a Consellaría de Innovación e o Ministerio de Industria para desenvolver o programa Cidadanía Dixital no marco do Plan Avanza. A addenda prevé unha achega de 1,2 millóns de euros por parte da consellaría e de 1,8 dende o ministerio.

O programa Cidadanía Dixital enmárcase na área de actuación de "Fogar e Inclusión de Cidadáns" do Plano Avanza e ten por obxecto incrementar o número de usuarios de internet. A nova addenda que se asinará habilita a Consellaría de Innovación e Industria para desenvolver varias actuacións, como a convocatoria dunha liña de axudas para a produción e publicación en rede de contidos dixitais (publicación de contidos xa existentes ou produción e publicación de novos contidos), innovadores e de calidade, fomentándose a creatividade e a innovación.

Tamén permitirá desenvolver outra convocatoria de premios ao desenvolvemento dos mellores contidos para internet, especialmente relacionados coa lingua e cultura galegas, ademais de colaborar cos colexios profesionais de Galiza para o desenvolvemento de actuacións de fomento da sociedade da información.

O canon dixital, o copyright e a propiedade do software libre, a debate na USC

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela vai acoller, do vindeiro 14 ao 18 de xullo, o curso A canonización do mercado inmaterial. A mercantilización do coñecemento, de 30 horas de duración e convalidable por dous créditos de libre configuración para os estudantes das tres universidades galegas que asistan.

O prazo para inscribirse nestas xornadas estará aberto ata o vindeiro 4 de xullo e, ao igual que os demais cursos ofertados pola USC para este verán de 30 horas ou máis de duración, o prezo da matrícula é de 70 euros para estudantes de calquera universidade, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. A tarifa xeral normal é de 120 euros.

A matrícula pódese formalizar a través desta ligazón

YouTube crea unha plataforma de difusión de curtametraxes

Cada semana ofrecerá catro producións internacionais "de prestixio", que se poderán ver a alta resolución

A rede social de vídeos YouTube, onde tamén teñen cabida as curtametraxes que os seus propios autores soben, conta agora cunha nova sección dedicada especificamente ás producións audiovisuais. A YouTube Screening Room preséntase como un escaparate para as mellores curtas do mundo que, por fin, se poden ver con alta calidade de imaxe.

A iniciativa ten certo paralelismo coas salas de cine. Cada semana exhibiranse catro producións de prestixio, que se renovarán os venres, e que, ademais, se poderán mercar en liña. A 'sala de proxección' convértese, así, nunha plataforma de difusión "para que as mellores curtas do mundo atopen a audiencia que merecen", dado que non sempre atopan espazo nas salas tradicionais. Ademais, na rede pódense ver de balde.

Publicatuslibros.com


Publicatuslibros.com, unha web na que calquera usuario da Rede pode publicar as súas novelas, ensaios ou poemarios pero que (certamente) o vai ter difícil para competir con Lulu e máis con Bubok, dous servizos xa consolidados que se están a repartir, a día de hoxe, case todo o pastel da literatura en liña.

Sexa como sexa, bazas non lle faltan a Publicatuslibros.com, un espazo que non é novo (xurdiu en 2004 en Xaén) pero que vén de superar xa a liña das 100 obras achegadas, acontecemento que se celebrou coa publicación da obra 6 encuentros con Dalí. Segundo se conta en Baquia.com, todas as obras se poden descargar de xeito libre en formato pdf, correndo os gastos de maquetación e de engadidura ó catálogo do dito servizo a conta do autor do libro (50 euros). A páxina, que ten o castelán como lingua principal (aínda que tamén é posible acceder a obras en inglés ou alemán), ofrécelles aos autores varias vantaxes: deseño exclusivo da portada do libro, difusión dixital e labores de promoción. A web complétase cun apartado para dar a coñecer fotos, pinturas e esculturas.

Innovación e Industria contrata as redes sen fíos para os polígonos industriais

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar unha resolución da Consellaría de Innovación e Industria para o desenvolvemento de redes sen fíos de acceso á internet de banda larga nos polígonos industriais do país.

A resolución, do 18 de xuño de 2008, anuncia a contratación por procedemento aberto do contrato administrativo especial que consiste na adquisición e implantación das redes, ademais da súa explotación e conservación.

O orzamento destinado á licitación do servizo é de 1,6 millóns de euros e o prazo límite da posta en funcionamento é o 30 de novembro de 2008. O prego de condicións atópase no enderezo http://www.xunta.es/contratacion/resultado.jsp?N=9848.

Unha vez se cumpra este trámite, os polígonos industriais e parques empresariais de Galiza poderán dispoñer de conexións á rede de calidade, o que contribuirá a ampliar a súa produtividade, competitividade e posibilidades de negocio.

O presidente da ICANN asegura que haberá novos dominios para 2009 (¿máis preto o .gal?)

Entre o 22 e o 26 deste mes ten lugar en París un encontro internacional da ICANN no que se discute o futuro dos dominios de Internet, que parece moi prometedor a tenor das declaracións do presidente da organización, Paul Twomey, que nunha entrevista a Les Echos asegurou que «aparte de .com, .net ou .org, a partir do primeiro trimestre de 2009, os 1,3 millóns de internautas poderán adquirir enderezos de Internet baseados en palabras comúns coma .amor, .odio ou .cidade ou nomes propios».

Cómpre destacar que estas declaración son bastante esaxeradas, xa que ICANN non pensa abrir totalmente os dominios de Internet de primeiro nivel, senón que flexibilizarán as condicións para conceder estes dominios a entidades que se encargarían da súa xestión.

Actualmente hai 20 gTLD (dominios de primeiro nivel xenéricos) en funcionamento, como .cat, .tel, .aero, .museum, .mobi ou .info, e os que se creen no futuro deberán acatar unha serie de normas que aínda están por determinar, pero que nun principio podería ser unha boa nova para a pronta consecución dun dominio .gal para a lingua e cultura galegas, pois dende ICANN parecen decididos a incrementar o número de dominios xenéricos de primeiro nivel.

Coloring.com simula na web os cadernos para colear dos cativos


Os cativos afeitos aos cadernos para colorear poden optar por non luxar as mans e non gastar papel grazas a Coloring.com, páxina web que presenta ducias de debuxos para colorear mediante unha ferramenta de coloreado elixindo cores e texturas a aplicar no debuxo orixinal en branco e negro.

Os debuxos rematados poden enviarse por correo electrónico, gardarse, imprimirse ou mesmo incrustarse en páxinas web e blogs. Os usuarios rexistrados tamén poden completar as súas propias galerías de creacións. Un lugar virtuais ideal para que os cativos amosen a súa creatividade.

PuntoGal aparece no International Herald Tribune


O xornal estadounidense The International Herald Tribune faise eco da petición da Asociación PuntoGal a prol do dominio para a lingua e a cultura galegas. O medio dedícalle unha ampla información á xuntanza da Icann que se desenvolve en París.

Segundo informa Vieiros, aínda que no interior da nova non se fai mención explícita ao .gal, úsase o seu logotipo para acompañar o titular de portada. Ademais, a nova, dá a entender que a Icann está disposta a abrir a man para que se poidan crear novos dominios de primeiro nivel, entre eles o destinado á cultura galega.

Hai que lembrar que unha delegación da Asociación PuntoGal está a participar en París na conferencia, co fin de promover e dar a coñecer a súa candidatura, que podería ser realidade a comezos do ano 2009.

Nenas e nenos de Castrelo de Miño entraron na era dixital a través dun concurso de debuxo


O Concello de Castrelo de Miño e máis a Rede de Dinamización da Sociedade da Información veñen de anunciar a resolución dun concurso encamiñado a favorecer o uso das novas tecnoloxías entre as nenas e nenos mediante actividades colectivas de lecer. O certame, que tamén foi dirixido ao contrario (ou sexa: a contribuír a que as rapazas e os rapaces se expresen e se comuniquen coa escusa das canles dixitais), veu proposto coma un xogo, e así se deduce do título: Navega polos ríos dixitais coa anguía de Castrelo de Miño.

Asemade, a idea dos responsables do concurso foi a de traballar na normalización tecnolóxica alén dos límites da Aula da Rede de Dinamización da localidade, achegando logo a cada fogar de Castrelo de Miño un mestre en novas tecnoloxías (o propio neno ou nena dando conta da súa aprendizaxe perante nais, pais, avoas ou avós.

Na imaxe, o debuxo que se fixo co primeiro premio, feito pola nena Sara González Senra. Os finalistas foron Joaquín Álvarez e Candela Justo.

Os participantes na iniciativa (Gabriel, Adriana, Lucas, Ismael, Cristian, Candela, Sara, Joaquín, Ruth e Aaron) recibiron como agasallo diverso material tecnolóxico de lecer (portátiles, reprodutores dixitais de música, memorias USB, etc).

Seminario de balde sobre Final Cut Studio 2 en Vigo

O vindeiro xoves 26 de xuño ás 19:30 horas a tenda AS Computer de Vigo (sita na rúa Porta do Sol, nº 9) acolle un seminario gratuíto para profesionais creativos sobre a aplicación Final Cut Studio, unha das ferramentas de edición de vídeo máis valoradas do mercado.

Para poder asistir só é preciso inscribirse previamente por correo electrónico ou por teléfono (886 13 88 81 / 886 13 88 82).

PuntoGal presentará a candidatura ao dominio galego na internet en París

Unha delegación da Asociación PuntoGal participará en París na 32ª edición do encontro internacional da ICANN, no que se abordarán distintos aspectos sobre o funcionamiento do sistema de dominios en Internet.

Entre o 22 e o 26 de xuño, as máis de mil persoas inscritas na convención analizarán en detalle cuestións como o funcionamiento interno da organización ou a normativa aplicable ás candidaturas. Terán especial importancia os debates en torno á transición do Ipv4 ao Ipv6 e o seu impacto na comunidade de usuarios da rede, e os asuntos relacionados coa tradución de documentos e procesos da ICANN a outras linguas distintas do inglés.

Ademais, na reunión de París, a ICANN dará protagonismo ao mundo dos negocios coa programación, por vez primeira, de presentacións e conferencias relacionadas coa actividade comercial.

Os membros da GNSO (Organización de Apoio aos Nomes Xenéricos) explicarán brevemente a situación actual do proceso de implementación de novos dominios durante un obradoiro centrado no futuro de Internet. Nesta sesión de traballo participarán tamén representantes de diferentes sectores e industrias, que darán a súa opinión sobre os cambios que se producirán co lanzamento do programa de novos dominios no espazo de Internet.

Todos os informes elaborados pola ICANN–o organismo responsable dos dominios en Internet- insisten nalgunhas cuestións fundamentais para a consecución con éxito do proceso: que sexa unha petición unánime, respaldada pola comunidade no seu conxunto e que os distintos informes que se teñan que presentar sexan impecables tanto no aspecto técnico, como no económico, como no de xustificación.

Durante a reunión, os representantes de PuntoGal manterán distintos encontros e entregarán información aos asistentes sobre a proposta dun dominio para a cultura e a lingua galega na rede. Aproveitando a ocasión, tamén se reunirán con membros dos centros galegos de Francia para presentarlles persoalmente a iniciativa do PuntoGal.

Fexdega estrea web e canle corporativa en YouTube

A Fundación feiral Fexdega vén de presentar, esta mesma mañá, a súa nova web corporativa, Fexdega.es, un espazo desenvolvido integramente en tecnoloxía .net polo equipo de Dos Espacios Internet Consulting que destaca polo seu “coidado deseño” e pola súa “boa organización e estrutura de contidos”.

Esta ferramenta combina textos, gráficos e vídeos e presenta a información de tódolos eventos de xeito detallado, organizándoos por pestañas para facerlle a procura moito máis doada aos visitantes.

O espazo ábrese por defecto en galego, aínda que tamén está dispoñible en castelán e inglés, e é accesible dende os principais navegadores do mercado como Explorer ou Firefox.

Portal en YouTube
Por outra banda, á par que se publicou a nova web, creouse na canle YouTube un portal corporativo coa imaxe de Fexdega, na que se poden visionar e descargar todos os vídeos das distintas feiras que se celebren.

Na presentación da web estiveron presentes, Rosa Abuín, xerente en funcións da Fundación Fexdega e concelleira municipal, así como Santiago Paz, director de proxectos de Dos Espacios Internet Consulting, quen destacou ‘a decidida aposta que fixo a xerencia de Fexdega pola renovación da súa imaxe na rede e a organización da información ao servizo do usuario’.

Novo curso de verán da USC sobre o audiovisual galego e portugués


Baixo o título de Filminho: reflexións sobre o audiovisual galego e portugués englobarase o conxunto de todas as actividades dedicadas á formación e á produción do Filminho. Unha proposta dirixida polo profesor Carlos Quiroga que conseguiu o respaldo da Universidade de Santiago de Compostela dentro das súa oferta de Cursos de verán 2008.

O Filminho, a festa do audiovisual galego e portugués vai a celebrar a súa primeira edición do 22 ao 27 de xullo en Vila Nova de Cerveira e en Goián (Tomiño), un evento que adquire o cualificativo de internacional porque decorrerá ao mesmo tempo a ambas ribeiras do Miño.

O prazo de inscrición xa está aberto. Desde o 21 de maio os interesados xa se poden inscribir a través da Internet, desde o 11 de xuño ao 11 de xullo poderase facer a matrícula de maneira presencial ou por correo ordinario. Filminho, reflexións sobre o audiovisual galego e portugués conta con 30 horas lectivas (23 aulas + 15 sesións con proxeccións + 6 galas especiais + 6 actividades de lecer) cun prezo de inscrición de 70 euros. Facer a matrícula do curso serve para asistir de balde a todas as proxeccións retirando previamente as entradas de cada sesión.

Os participantes tamén contarán cun seguro académico e a posibilidade de conseguir créditos da universidade. O curso ten prazas limitadas de 80 alumnos.

Innovación e Industria ampliará a cobertura WiMAX de Cuntis, Curtis, Manzaneda, Riotorto e San Sadurniño

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco, asinou esta mañá cinco convenios de colaboración cos alcaldes dos concellos de Cuntis, Curtis, Manzaneda, Riotorto e San Sadurniño para a ampliación da cobertura WiMAX nestes municipios. Nos devanditos concellos a Consellaría desenvolveu o ano pasado un proxecto piloto mediante o cal se implantaron redes de telecomunicación sen fíos de acceso público a Internet cun investimento total nestes municipios de 500.000 euros.
Innovación e Industria compromete con esta nova sinatura a ampliación da cobertura xeográfica da rede WiMAX co fin de garantir un mellor nivel de penetración das novas tecnoloxías no territorio dos concellos asinantes. A esta ampliación Innovación e Industria destina 342.928,22 euros (Cuntis -70.489,35-; Curtis -57.983,17-; Manzaneda -74.484,4-; Riotorto -55.481,94-; San Sadurniño
84.489,35-), que sufragará as infraestruturas precisas para a distribución do sinal nas áreas xeográficas que determinará unha comisión constituída para o seguimento do proxecto piloto. A maiores, os convenios asinados hoxe con Manzaneda e San Sadurniño permitirán dotar estes dous termos de dinamizadores da sociedade da información.

Unha recomendación de cine XXI

El Increíble Hulk

O científico Bruce Banner (Edward Norton) percorre o mundo na procura dun antídoto que lle permita librarse do seu alter ego. Perseguido polo exército e pola súa propia rabia interna, é incapaz de olvida a Betty Ross (Liv Tyler). Así que decide regresar a civilización onde debe enfrentarse a unha criatura creada polo KGB. a cidade de New York será o campo de batalla destas dúas criaturas.

O Festival Brincadeira de Ordes xa quece motores na Rede


Festival Brincadeira 08 que organiza o Concello de Ordes xa quece motores na Internet.

Na face virtual do certame, que ten lugar na dita localidade coruñesa os días 8 e 9 de agosto, podemos atopar xa toda a información relativa ao evento: o programa, quen toca, como se chega, quen patrocina e que actividades se van desenvolver alén das estritamente musicais.

Tamén podemos poñernos ao tanto dos grupos convidados ao festival, que, por certo, é cen por cen de balde: Amparanoia, Def con Dos, Krakovia Che Sudaka, Obrint Pas, Machina, Los Coronas e máis o Chícharo Psicótico. Respecto ás actividades “non estritamente musicais” do certame cómpre sinalar que se dirixe non só a dar conta do máis salientable da maridaxe actual entre expresión artística e novas tecnoloxías da comunicación, senón tamén a animar aos participantes a traballar nela e amosar os seus froitos.

De aí que xa estean convocados (entre outros) un Festival de Videoclips para os dous días de certame e máis un Concurso de Guitar Hero (o vídeo xogo de simulación) para que os participantes poidan dar conta no escenario do Campo da Feira das súas habilidades coa guitarra.

Segundas xornadas de programación web con software libre en Ourense


A Asociación Ourensá de Software Libre, OuSLi, organiza do 23 ao 27 de xuño as súas segundas xornadas de Programación Web con Software Libre. O encontro pretende achegar as últimas novidades nese eido para estudantes e profesionais das TIC. As xornadas contan co apoio de Mancomún e da Universidade de Vigo no campus ourensán.

Ousli
Os organizadores cualificaron de éxito a primeira edición, polo que aspiran a converter as xornadas nun referente sobre o desenvolvemento web. Para iso, contarán coa participación de relatores de prestixio, como webmasters, programadores e empresarios do país coñecedores das posibilidades do software libre.

A inscrición segue aberta na web das xornadas, encontros.ousli.org, onde tamén se pode atopar información sobre os relatores, a programación ou como chegar a Ourense. Así mesmo, preténdese que se converta nun punto de encontro entre o mundo universitario e empresarial.

As escolas valencianas aforran 22 millóns de euros usando software libre


A Generalitat implantou nos centros eductativos o LliureX, que permite introducir os programas de código aberto nas aulas e, de paso, aforrar en licencias.

Co LliureX a Consellería de Educación da Comunitat Valenciana pretende introducir as Tecnologías da Información e a Comunicación dentro do sistema educativo da comunidade.

Esta é a terceira versión do LliureX que permite traballar en doce idiomas distintos e inclúe douscentos programas adicionais en lingua valenciana, o que o converte nunca peza fundamental na difusión do valenciano nas escolas.

O software preséntase nun Congreso en Alicante no que expertos nacionais e internacionais e docentes van compartir as súas experiencias no uso do software libre no sistema educativo e no mundo empresarial.

Queplaya.es nos permite localizar as praias españolas


Queplaya.es nos permite localizar praias por toda a costa española, incluíndo información das mesmas (como se contan co distintivo de bandeira azul ou o seu grao de ocupación) e incluso presentando distintas fotografías dos enclaves, polo que resulta moi útil para descubrir novas praias durante os días de verán.

Os lugares de interese (museos restaurantes, campings...) próximos ás praias tamén aparecen no mapa, e para redondear o servizo permite consultar o vento e as ondas (algo moi útil para surfeiros e afeccionados a deportes de vela) ou localizar praias nudistas. En definitiva, unha web de grande utilidade para os vindeiros meses.

O Firefox 3 supera os 8 millóns de descargas en 24 horas

O lanzamento do Firefox 3, pese aos problemas iniciais, foi un grande éxito, superando en 24 horas os 8,2 millóns de descargas, co que pretenden gañarse un posto no Libro Guinness dos Records.

Os responsables da estrea do navegador esperaban superar os 5 millóns de descargas, polo que superaron as previsión sobradamente, especialmente se temos en conta que Firefox 2 só rexistrara 1,6 millóns de descargas no seu primeiro día. Durante os vindeiros días os xuíces do Guinness verificarán os números rexistrados pola Fundación Mozilla (eliminando duplicados) e pronto teremos unha cantidade oficial de descargas para que consten como referencia para futuras iniciativas semellantes.

Os usuarios que descargaran o Firefox 3 tamén poden agora descargar un ficheiro PDF no que se certifica e agradece a súa participación no Download Day, xornada na que se produciron máis de 6.000 descargas por minuto, con picos de ata 14.000 descargas por minuto.

O navegador descargouse dende máis de 200 países, liderados por Estados Unidos, Alemaña, Xapón, España e Reino Unido.

Mancomún ofrece a posibilidade de usar Firefox 3 en galego

O Firefox 3.0, nova versión do navegador de código aberto máis estentido, que se lanzou onte 17 de xuño, xa se pode usar en galego. Mancomún puxo a disposición dos internautas un paquete para localizar o software á nosa lingua, que aínda se atopa en período de probas.

Dende a web do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia ofrécense as instrucións para personalizar o navegador para poder empregalo na nosa lingua. A Fundación Mozilla aspira a converter Firefox 3 no programa máis descargado en 24 horas para figurar no libro Guinness dos Récords.

A versión oficial de Firefox en galego, que se poderá descargar dende a propia web de Mozilla directamente no noso idioma, prevese que estea dispoñíbel para o Día da Patria, o vindeiro 25 de xullo.

Os ilustradores galegos estrean nova páxina web


A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) vén de inaugurar un novo sitio web cunha chea de contidos pensados e organizados “de xeito intelixente” para seren usados por profesionais do debuxo, medios de comunicación e todo aquel que teña interese no eido do deseño gráfico.

Os internautas que se acheguen a esta nova páxina web poderán atopar, entre outras cousas, novas do sector actualizadas de xeito permanente, exposicións virtuais, información xeral dos obxectivos da Asociación ou todo o relativo ás actividades que organiza a AGPI pola nosa Comunidade.

O ensino de informática estendido ao resto de cárceres

Un programa de ensino de informática, mediante clases que son impartidas por persoas maiores que se desenvolve no penal de Teixeiro será estendido ao resto de centros penitenciarios españois, en virtude dun convenio que subscribirán o Ministerio de Interior e a Obra Social de La Caixa, que promove este proxecto.

La Caixa explicou nun comunicado que, dado o notable interese que os presos manifestaron por este programa, a Obra Social de La Caixa e o Ministerio do Interior asinarán un acordo para estender o programa ao resto de cárceres.

A Infanta Dona Cristina, en calidade de directora da área social da Fundación La Caixa, asistirá o próximo mércores no cárcere de Teixeiro á presentación do programa de ensino de informática aos internos.

'Ciberaulas Solidarias' consiste en que dez persoas maiores, membros da Asociación de Voluntarios Informáticos da Galiza, ensinan novas tecnoloxías a un colectivo de 44 internos de Teixeiro.

Máis de 60 blogueiros foron detidos no mundo polos seus textos

A tendencia a limitar a liberdade de expresion na rede segue a aumentar, segundo o informe anual da Universidade de Washington.

Cada vez máis blogueiros están a sufrir represalias por denunciaren violacións dos dereitos humanos ou por criticaren os seus gobernos. Segundo o informe anual da Universidade de Washington, 64 persoas foron arrestadas dende o ano 2003 polos contidos dos seus blogs.

Os casos seguen a aumentar cada ano. Deste xeito, no ano 2007 triplicáronse os arrestos de blogueiros por motivos políticos en relación a 2006. Máis da metade das detencións dos últimos cinco anos producíronse na China, Exipto e Irán.

O informe World Information Access (WIA), do que se fai eco a BBC, explica que os arrestos e encarceramentos se deberon a artigos sobre a corrupción gobernamental, abuso dos dereitos humanos ou represión de protestas. Os blogueiros afectados criticaron determinadas políticas públicas ou puxeron en evidencia figuras políticas.

O aumento das detencións está relacionado, segundo o documento, pola crecente importancia política dos blogs. Apunta que os arrestos tenden a medrar durante épocas de "incerteza política", como datas próximas ás eleccións xerais ou durante protestas a grande escala.

Moitos dos autores acabaron na prisión, con sentenzas medias de 15 meses. A condena máis longa detectada polo WIA foi de oito anos. Porén, o informe recoñece que o verdadeiro número de blogueiros arrestados podería ser moito máis alto do detectado, pois é moi difícil verificar se se produciu algunha detención e onde. Por exemplo, o WIA non puido comprobar se 344 persoas arrestadas en Birmania eran ou non blogueiros.

A todo isto hailles que sumar as restricións tecnolóxicas que se producen en arredor de 30 estados, e que impiden que a poboación se poida expresar a través da rede. E as limitacións non se producen só en Asia. O informe detectou que nos últimos catro anos tamén se produciron detencións de blogueiros británicos, franceses, canadenses e estadounidenses. As previsións son que as cifras sigan a aumentar.

Mestres e programadores afondan esta semana en Vilalba nas vantaxes do software libre


A celebrar os días 20 e 21 de xuño no Instituto de Educación Secundaria Lois Peña Novo de Vilalba e tendo ao software libre e as súas vantaxes para o académico, o social e o empresarial no seu punto de mira.

Se trata da segunda edición destes encontros gratuítos e que contarán no seu programa con oito representantes da comunidade galega de usuarios e desenvolvedores de software libre, todos eles vinculados aos eidos da docencia e/ou da programación en si mesma. Este sería o programa das xornadas:

Venres 20, 17:15 a 20:15

· Educación musical con SwL. Jose M. Campello - Conservatorio As Pontes
· Robótica e SwL. Jose L. Álvarez - IES A Pinguela Monforte
· Pizarra dixital e pizarra wii. Diego Vázquez - IES A Pinguela Monforte
· Maquetación en SwL - SCRIBUS. Vicente Martínez de Cestafe - IES A Piringalla Lugo

Sábado 21, 10:00 a 14:00

· Capacitación profesional en SwL. Roberto Brenlla - CTI TEGNIX
· Voz ip con SwL: asterisk. José Limeres - Bora Telecom
· Implantación dun sistema informático real con SwL. Carlos Carrión - Adega Rosalía de Castro
· Ferramentas web 2.0 para a interacción social e empresarial. Pedro Silva - Blogaliza.org

A rede rebélase contra a semana de 65 horas


Miles de internautas únense a unha campaña que inclúe o envío de correos electrónicos aos eurodeputados.

A proposta da Unión Europea de aumentar a semana laboral até as 65 horas provocou a reacción inmediata dos internautas. Deste xeito, xa hai unha campaña na rede que cada vez conta con máis apoios. A cibercampaña, impulsada dende o blog NetoRatón, ten como lema "¿65 horas? Ni de coña".

Segundo o artífice da idea, César Calderón, a proposta europea é unha "lamentábel involución e un atentado contra os dereitos dos traballadores". "Internet debe converterse na vangarda da oposición á mesma", engade, que "nos devolve ao século XIX", polo que convida a comunidade a incluír un banner nas webs ou blogs, facer un post sobre o tema, envialo por correo electrónico aos amigos, mandarlles e-mails de protesta aos eurodeputados e traducir a campaña aos diferentes idiomas.

A iniciativa xa conta con cadanseu grupo nas redes sociais Facebook e Tuenti (beta privada). Polo de agora, xa se enviaron máis de 40.000 mensaxes aos europarlamentarios, sumáronse centos de blogs e hai máis de 7.500 persoas apuntadas nos grupos.

Cultura concede novas axudas para a creación de contidos interactivos en galego


A Consellaría de Cultura e Deporte convoca axudas para producir contidos interactivos en lingua galega. Os proxectos poden ter como canle internet, televisión dixital interactiva, consolas de videoxogos ou dispositivos móbiles. O prazo de presentación das solicitudes remata o 12 de xullo.

Segundo a convocatoria, enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento e codificadas dixitalmente). Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou web corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos.

As axudas buscan impulsar o uso da Sociedade da Información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e a cultua propias e reforzar a industria galega de produción de contidos.

Pódense consultar máis detalles da convocatoria na sección correspondente do Observatorio Galego da Sociedade da Información.

Seguen as obxeccións á proposta europea para que os blogueiros se identifiquen


Se cadra coa arela de garantir a liberdade de expresión e respecto polas minorías, se cadra coa de meter man onde aínda quedan moitos cabos ceibos (na Internet), o caso é que no Parlamento Europeo vese estes días certa actividade con respecto á regulación de certas facetas da Rede e máis concretamente deses -máis ou menos persoais- medios de comunicación chamados “blogs”. Se os días pasados puidemos afondar algo na proposta encamiñada a que se dea un paso adiante no marco regulador das bitácoras ó poñer ao alcance dos blogueiros un etiquetado voluntario (unha tarxeta de presentación) que dea conta da súa identidade e das súas intencións, agora xa sabemos un pouco máis sobre a emenda en cuestión, que está dispoñible na páxina web do Parlamento Europeo e que vén da man da eurodeputada estoniana Marianne Mikko.

Por exemplo: sabemos que vai encamiñada a “desintoxicar a Rede, o que é debido principalmente é exceso de datos” e que se apoia sobre todo na arela de “promover en Europa a pluralidade de medios”.

Ou sexa, que para a devandita eurodeputada a principal ameaza contra a variedade de ideas, pareceres, opinións e linguas no universo bitacoreiro é que exista moito anonimato, unha boa cantidade de intencións non confesadas até que se chega á letra pequena e, tamén, moito caderno descoidado coma un obra propia da que se renega.
A medida está a ser recibida na Internet con puntos de vista de todo tipo, pero abondan máis as obxeccións. Na web galega e máis concretamente en Chuza! atopamos opinións variadas, aínda que é certo que prevalecen con moto as que se sitúan en contra. O mesmo podemos dicir dos blogueiros en xeral. Unha boa parte deles (como por exemplo Guillem Alsina, de Imatica.org, ou José María Mateos no blog Las Penas del Agente Smith) coinciden neste punto: de pouco vai servir a proposta do Parlamento Europeo. As posibilidades de ser cen por cen anónimo e escribir o que se queira nun blog existiron e existirán. Isto é, sosteñen, o que limita e ao mesmo tempo fai grande á Internet: que é libre e que todo o mundo ten posibilidades de expresarse nela. De aí á consecución dunha intelixencia colectiva (moitos cerebros en liña que fagan o que cada un de nós, pola nosa conta, moi dificilmente acadaremos) que se encargue de separar o gran da palla só hai un paso. E se se limitan as posibilidades de expresión na Rede, limítanse tamén as desa intelixencia que é a suma de moitos e moitas.

Sacado de Código Cero.

Santiago acolle este martes unha xornada sobre I+D nas cooperativas galegas


Este martes 17 a Consellería de Traballo organiza un encontro encamiñado a promover as vantaxes da innovación tecnolóxica en toda a cadea de xestión das cooperativas galegas. A xornada de I+D+i, que dá comezo ás 9.45 horas no Hotel Os Abetos de Santiago, contará coa presenza de Pilar Cancela, directora xeral de Relacións Laborais do dito departamento da Xunta. Máis polo miúdo, a idea que sostén o encontro (que conta co apoio do Consello Galego de Cooperativas) é evitar que no tecido económico e empresarial do noso país o eido das explotacións en réxime colaborativo fique de costas a un proceso máis que inevitable: a chegada da innovación a todos os niveis.

Asemade, daranse a coñecer as vantaxes dese proceso (maior competitividade, máis axilidade na xestión, etc) e avaliarase a situación do sector cooperativa na nosa terra.

A xornada, que inclúe no seu programa unha mesa redonda e tres casos de éxito en relación a iniciativas de I+D no sector, servirá tamén para presentar a web desenvolvida como instrumento de apoio e recollida de datos para os e as cooperativistas. Asemade, faráselle entrega aos presentes das dúas publicacións elaboradas coa temática da I+D.

Mancomún anima á comunidade galega de software libre a participar na Conferencia Internacional

A Conferencia Internacional de Software Libre, os días 20, 21 e 22 de outubro na cidade de Málaga. O evento que ten neste intre aberto o prazo para a presentación de relatorios, obradoiros e actividades en xeral (até o 30 de xuño), contará con presenza galega. De feito, a idea é reforzar ao máximo a nosa pegada a todos os niveis do dito encontro.

Co fin de que esa pegada galega sexa o máis fonda e ampla posible, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) anunciou xa que participará no evento en labores de coordinación. A plataforma, que aproveitará para dar a coñecer os seus obxectivos e os seus traballos en materia de difusión do software libre e de tradución ao galego de programas de todo tipo, anima deste xeito á comunidade galega de usuarios, colectivos e empresas ligadas ó código aberto a que participen nesta xuntanza de importancia internacional. Con este fin de coordinar a delegación galega, Mancomún vén de abrir un espazo específico no seu wiki.

Obradoiros do mes de xullo


O luns día 16 de xuño iníciase o prazo de inscrición para os obradoiros do vindeiro mes de xullo.

Obradoiros

Procura de emprego
Nª de prazas: 10
Duración: 6 horas
Datas: 1-3 xullo
Horario: 10:00-12:00

Mecanografía
Nª de prazas: 10
Duración: 14 horas
Datas: 7-15 xullo
Horario: 10:00-12:00

Intern@te na receita
Nª de prazas: 10
Duración: 14 horas
Datas: 16-24 xullo
Horario: 10:30-12:30

Crea un blog
Nª de prazas: 10
Duración: 8 horas
Datas: 28-31 xullo
Horario: 10:30-12:30

Información e inscrición no Centro Comarcal de Ordes ou chamando o 981 68 83 86.

O prazo de inscrición:16-26 xuño

Lugar de realización: Aula de informática da Casa da Cultura de Ordes.

Unha recomendación de cine XX

El incidente

Dirección:M. Night Shyamalan
Reparto:Mark Wahlberg (Elliott Moore), Zooey Deschanel (Alma Moore), John Leguizamo (Julian), Betty Buckley (Sra. Jones).

Todo comeza sen previo aviso. Parece vir da nada. En cuestión de minutos, prodúcense casos de estranas mortes nas principais cidades de América que non teñen explicación. ¿Qué causa este repentino e total colapso das persoas? ¿é algún tipo de ataque terrorista, un experimento, un virus descontrolado? ¿transmítese polo aire, auga, contacto...? Para o profesor de ciencias dun instituto de Filadelfia o máis importante e atopar o modo de escapar de ese letal fenómeno. Ainda que él e a súa muller están nun mal momento. Intenta escapar destes ataques, eles dous, a súa filla de oito anos e un amigo del, tamén profesor. Ainda que moi pronto entenden que ninguén está a salvo, non hai sitios seguros.




AGESTIC presenta en Lugo o seu documental Igualdade de Xénero na Sociedade da Información

O vindeiro xoves día 12 de xuño ás 11:30 horas terá lugar, na sede da Fundación Caixa Galicia en Lugo, a estrea do documental NI+NI- Igualdade de Xénero na Sociedade da Información na que intervirán, entre outros, o presidente de AGESTIC, José María López Bourio, o subdelegado de goberno en Lugo, Jesús Otero Calvo, o vicepresidente de FEAGA, Javier Pérez e o representante da Obra Social Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

No acto, asemade, levarase a cabo a presentación das conclusións deste proxecto, realizado por AGESTIC no marco do Plan Avanza do Ministerio de Industria sobre as Mulleres Emprendedoras e TIC en Igualdade.

Máis de 27 mil persoas forman parte da iniciativa estatal 'Jóvenes en la red'


Dende a súa posta en marcha, máis de 27 mil persoas menores de 30 anos de todo o estado xa se sumaron á campaña 'Jóvenes en Red', do Ministerio de Industria. A iniciativa pretende fomentar a presenza da mocidade na rede, cun espazo web e un dominio .es. Galiza ocupa o quinto lugar do Estado en participantes, cun 6% do total.

O programa 'Jóvenes en Red' ofrécelles ás persoas menores de 30 anos a opción de escolleren o seu dominio .es e despois escoller un dos paquetes de servizos que se ofrecen até o 15 de xullo.

Ademais, o número de dominios .es achégase ao millón a principios de xuño, o que supón un aumento de 168.500 con respecto a decembro. Neste caso, Galiza ocupa o sexto lugar en porcentaxe de nomes de dominio rexistrados, co 4,36%.

O Concello de Melide avanza cara á administración dixital renovando a súa páxina web


Nos últimos días o Concello de Melide estrea novo portal web e novo dominio na Internet co gallo do 75º aniversario da edición do libro Terra de Melide da editorial Nós. A nova web convértese nunha canle de comunicación e servizos para os seus visitantes, supondo un importante paso adiante con respecto do espazo anterior.
A nova web do Concello achega a actualidade da vila coruñesa, información sobre convocatorias (emprego, concursos, premios), avisos, axenda cultural e mesmo a posibilidade de facilitar os trámites máis habitual do Concello.

Os turistas atoparán na nova web moita información de interese sobre a vila, mentres que os cidadáns tamén poderán coñecer máis de preto as áreas do Concello e os seus responsables. Xunto coa información sobre concurso públicos e licitacións, o novo espazo convértese nunha ferramenta para dotar de transparencia parte da xestión municipal.

O desenvolvemento da nova web, que serve como punto de comezo para a implantación da administración dixital no Concello de Melide, nace dunha iniciativa cun investimento duns 30.000 euros nas anualidades de 2007 e 2008 dentro do proxecto Cidades Dixitais 2007-2010, financiado pola Consellaría de Innovación e Industria, o Ministerio de Industra, Turismo e Comercio e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Faille un clic ao galego fai balance positivo con máis de 11.000 descargas acadadas

A campaña de difusión e uso da lingua galega no ámbito das novas tecnoloxías, Faille un clic ao galego, vén de facer entrega dos merecidos premios ás 6 persoas que acadaron o maior número de descargas de balde das interfaces de Windows Vista e Microsoft Office 2007 na nosa lingua, nun acto celebrado onte en Santiago de Compostela.

A iniciativa, que foi promovida por Microsoft Ibérica xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, fixo posible a descarga de 11.000 interfaces e a día de hoxe “son xa máis de 13.000 as rexistradas”, segundo vén de anunciar a secretaria xeral, Marisol López.
Rubén Vilar, Óscar Fernández, Julio Lema, Julio Ares, Jesús Pérez e Fátima Solloso foron os galardoados e recibiron distintos produtos relacionados coas novas tecnoloxías, dende ordenadores de última xeración a programas Windows Vista completos.

A secretaria xeral de Política Lingüística felicitou aos premiados e ás entidades que colaboraron nesta iniciativa. As novas tecnoloxías, segundo explicou, “son unha locomotora para a lingua”, polo que animou ás empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación a que sigan avanzando na incorporación do galego aos seus produtos.

Sanxenxo súmase a un proxecto para atraer «ao novo turista» ao Concello vía Internet

O Concello de Sanxenxo acolleu unhas xornadas para dar a coñecer o proxecto O Salnés a medida, unha iniciativa promovida pola Mancomunidade do Salnés para dar resposta a través de Internet ás demandas do denominado novo turista, «un visitante cada vez máis esixente e que desexa coñecer antes de viaxar todo o que o destino lle pode ofrecer, para o que precisa dunha maior cantidade de información adaptada aos seus gustos e preferencias».

Para iso púxose en marcha unha páxina web que permitirá aos usuarios acceder ás ofertas da empresas do sector turístico da comarca, con prezos e dispoñibilidade, ademais das propostas de lecer. De feito, os empresarios poderán colgar do portal de Internet fotografas dos seus negocios, así como os servizos que ofertan. A utilización de Salnés a medida é sinxela, aínda que o día 11 do presente mes levará a cabo unha sesión informativa no edificio de usos múltiples de Portonovo para detallar o funcionamento da web.

No marco da iniciativa, os restaurantes que se somen ao proxecto comprometeranse a ofrecer diariamente o menú As cociñas do Salnés.

A Wikipedia e Google tamén concorren nos Príncipe de Asturias

O buscador e máis a enciclopedia en liña, que concorren até este mércores (data para o fallo do premio) na modalidade de Comunicación e Humanidades, figuran nas roldas previas por motivos semellantes e, tamén, diversos: coinciden na súa vontade de achegármonos algo útil ós internautas (Google ordena en certa medida o coñecemento da Rede e fai procuras por nós, e a Wikipedia cumpre na Rede o papel de enciclopedia rápida, accesible, multilingüe e libre), pero difiren nos seus obxectivos, xa que Google é ante todo unha empresa privada.

Por certo que dentro da listaxe de candidatos (un total de 24) na devandita categoría tamén atopamos a David Attenborough, o coñecido investigador e presentador da BBC, e a Daniel Cohn-Bendit, un dos actores principais das revoltas de Maio do 68. Tamén figuran entre os nomeados a axencia Magnum Photos, creada a mediados do século XX por Robert Capa e, a día de hoxe, un dos medios informativos de maior recoñecemento a nivel mundial.

Volvendo a Google e Wikipedia dicir que as razóns por telas proposto para os ditos premios teñen relación co directa co feito de que o primeiro sexa o buscador en liña máis popular (sendo así unha importante porta de entrada a Internet) e que a segunda (que ten edicións en máis de 253 linguas) constitúa na Rede o máis semellante que existe a unha escolma total do coñecemento humano, accesible dende calquera recanto do mundo e aberta á participación da xente.

Nova edición do Máster sobre Software Libre de Caixanova


Caixanova, en colaboración coa Universidade Rei Juan Carlos e Igalia, vén de anunciar que para o vindeiro curso académico 2008-2009 vai levar a cabo unha nova edición do Máster sobre Software Libre que se impartirá os venres e sábados no Centro Social Caixanova de Vigo.

Esta iniciativa, que segundo informan en Mancomun.org “nace cunha clara orientación práctica e profesional”, está dirixida principalmente a titulados ou profesionais que queiran complementar a súa formación con coñecementos de software libre de ámbito internacional así como para todos aqueles que desexan traballar en empresas do sector TIC e liderar proxectos de liberación, desenvolvemento e publicación de software libre.

Os contidos, que serán impartidos por profesionais avalados por un comité asesor, terán un enfoque práctico, incluíndo ademais un practicum en empresas ou institucións en proxectos de software libre.

A finalidade deste máster é que os asistentes obteñan as aptitudes necesarias para participar con éxito en calquera proxecto libre, un campo que sufriu unha importante evolución en canto a melloras en produtividade e redución de custos polo que a demanda de persoal especializado increméntase considerablemente ano tras ano.

O prazo de inscrición ordinario estará aberto ata o vindeiro 4 de xullo aínda que haberá un prazo extraordinario que non pechará antes do 26 de setembro de 2008-06-09
Os impresos de solicitude poderanse descargar dende a web de Caixanova e entregaranse en calquera das súas sucursais ou mediante correo convencional, unha vez formalizados e acompañados da información que se solicite.

A formalización da matrícula realizarase como data límite antes do 10 de outubro e os correspondentes impresos tamén se poderán descargar a través da devandita páxina web.

Brión actualiza os equipos da súa aula de informática

O Concello de Brión segue a traballar en materia de difusión da informática, de software libre e demais eidos relacionados coas novas tecnoloxías. Desta volta, vén de anunciar a actualización dos once equipos da súa aula de informática situada na Casa da Cultura dende a que tódolos veciños e veciñas teñen acceso libre e de balde a Internet (todo un exemplo a seguir por outros concellos galegos nos que a conexión á Rede brilla pola súa ausencia incluso naqueles fogares que poden pagar pola liña e aínda así non teñen posibilidade de acceder a ela). Pois ben, neste Concello actualizouse o sistema operativo de tódolos equipos (agora dispoñen de Windows XP) e instaláronse novos lectores e gravadoras de DVD.

Porén, segundo veñen de informar os responsables desta iniciativa, a “maior novidade” foi a instalación de cámaras web con auriculares en cada un dos equipos que, unidos a un software especial, permitirán a realización de videoconferencias dende a Casa de Cultura de Brión con calquera parte do mundo.

Esta aula de informática foi “froito dun acordo de colaboración coa Deputación Provincial” e está aberta a todos os veciños e veciñas do municipio en horario de 9 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas.

A AEDE organiza na Coruña as súas V Xornadas sobre Prensa e Novas Tecnoloxías

O encontro terá como anfitrión a La Voz de Galicia, socio da Asociación de Editores de Diarios Españoles, que ofrecerá un cóctel de benvida aos asistentes a noite do día 18. Así mesmo, Xosé Luís Vilela, director do xornal herculino, será o encargado de moderar a primeira mesa redonda.

Entre os relatores destaca Roberto de Celis (director de Internet de ABC), Pilar Gómez-Borrero (directora xeral de Zeta Digital), José Manuel Calvo (subdirector de El País), Chris Bauer (profesor de Xornalismo en liña da City University de Londres), Miguel Aguado Rubio (Ericsson España) ou Dominique Loumaye, director xeral para España de Wunderloop, quen fará unha análise do xeito de comportarse dos internautas co obxectivo de definir que tipo de publicidade é a que máis lles interesa.

A AEDE organiza todos os anos estas xornadas, contando en cada ocasión como anfitrión cun dos seus xornais asociados.

Todos os concellos terán administración electrónica en 2009


No ano 2009, a totalidade dos procedementos administrativos dos concellos galegos poderanse tramitar electronicamente. Así o anunciou a directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, que deu conta das actuacións levadas a cabo polo Goberno para impulsar a administración electrónica nos concellos.

Segundo a directora xeral, para este exercicio 2008, o seu departamento afronta "unha fase que entende como decisiva" da implantación da administración electrónica nos concellos e que se reflicte en tres actuacións fundamentais: unha análise pormenorizada da situación dos concellos para "implementar métodos de actuación e dotacións específicas", o desenvolvemento dunha plataforma informática específica que permita as relacións administrativas Xunta-Concello de xeito telemático e, por último, dotar a todos os concellos galegos do equipamento informático necesario para materializar a administración dixital.

Con estas iniciativas, Begoña Rodríguez considera que a finais do 2009 a tramitación tradicional "en papel" quedará "totalmente superada", permitindo que, independentemente da súa situación, "todos os concellos poidan ofertar os mesmos servizos a toda a súa cidadanía". Segundo a directora de Administración Local, este será o xeito de acadar unha administración "moderna, áxil e eficiente", adaptada ás novas necesidades da sociedade, e propia do século XXI.

Doutra banda, Rodríguez Rumbo lembrou que, na procura da busca de solucións para os concellos galegos, a Consellería de Presidencia ten feito diversas actuacións tendentes a "concienciar, formar e facilitar as ferramentas necesarias" para que todas as administracións locais galegas poidan acadar o obxectivo da lei 11/2007, 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos ("recoñecese o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos").

Entre as accións ás que se referiu a directora, atópanse o impulso, redeseño e reforzamento do portal das administracións de Galiza: eidolocal; a cesión de equipos informáticos ás entidades locais (un total de 705 equipos a 302 entidades, o que supón "a totalidade de solicitudes presentadas"); a cesión e posta en funcionamento de encamiñadores de última xeración e a formación específica a cargos públicos e persoal das entidades locais -as que acudiron 373 persoas ás que se lles dotou de tarxetas de sinatura dixital-.

Así mesmo, a titular de Administración Local tamén fixo referencia ao manual Administración electrónica nos concellos galegos 2007, realizado pola Consellería de Presidencia mediante unha enquisa aos 315 concellos, e do cal anunciou que xa se está a elaborar o correspondente ao exercicio presente.

Mancomún organiza un curso para favorecer a implantación do Software Libre nas empresas TIC


O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, abriu o prazo de inscrición dun curso de capacitación dirixido á empresa TIC galega para que poida elaborar proxectos de implantación e soporte de servizos en Software Libre. Este curso xorde como complemento ao DVD - Ferramentas informáticas para a PEME, compilación de aplicacións informáticas útiles para a PEME lanzado en novembro de 2007.

A iniciativa, denominada Plano de Capacitación TIC en Software Libre, desenvolverase nunha primeira fase piloto que terá lugar entre o 13 de xuño e o 19 de xullo de 2008. Dado o seu carácter experimental, este curso desenvolverase unicamente en Santiago de Compostela. Posteriormente, e unha vez analizados os resultados obtidos, afrontarase a segunda fase do proxecto, prevista para o último trimestre do ano.

A estruturación do Plano en dúas fases de achegamento ten como obxectivo adaptar os contidos do curso, baseados nas ferramentas informáticas incluídas no actual DVD da PEME, ás necesidades reais das empresas TIC galegas. Ademais, a experiencia axudará a avaliar os contidos do DVD, que poderán sufrir variacións como resultado das opinións das empresas participantes. Deste xeito, a segunda etapa do programa ofrecerá unha perspectiva máis idónea dende o punto de vista dos contidos e cunha cobertura máis ampla, tanto en número de empresas participantes como en ámbitos xeográficos abarcados.

Plano de Capacitación TIC

Os contidos do plano estruturaranse en dous módulos subdivididos en bloques, que se impartirán nun total de 56 horas. O primeiro dos módulos ofrecerá unha introdución ao Software Libre na empresa co obxectivo de dar a coñecer os modelos de negocio entorno ao Software Libre, os aspectos legais así como unha orientación cara á planificación deste tipo de proxectos e as posibilidades de subvencións públicas. Este bloque está dirixido fundamentalmente a persoal directivo ou de xefatura de proxectos.

A implantación e soporte de servizos básicos en Software Libre será a temática do segundo dos módulos, dirixido ao persoal técnico das empresas. Neste apartado, achegaranse as bases para a implantación e o posterior soporte das ferramentas básicas dunha oficina informatizada: ofimática, internet e intranet.

O curso distribuirase en sesións intensivas de 4-5 horas, permitindo un equilibrio entre a conciliación da vida familiar e laboral e o bo aproveitamento da formación. Impartiranse os venres de 16:00 a 20:00 e o sábado de 10:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 horas.

Co fin de maximizar o número de empresas que reciban formación só poderá asistir unha persoa por empresa a cada un dos módulos. A asignación de prazas será por orde de recepción da ficha de inscrición que deberá ser enviada a formar@mancomun.org indicando como asunto Inscrición Capacitación SwL.

Novos obradoiros para o mes de xuño


O remate do prazo de inscrición para os obradoiros do mes de xuño é o día 12 de xuño.

Iniciación á Informática
Duración:12 horas
Data inicio: 09/06/2008 - Data fin: 18/06/2008
Horario: Luns-venres: 10:00-11:30 da mañá

Iniciación a Internet
Duración:12 horas
Data inicio: 09/06/2008 - Data fin: 18/06/2008
Horario: Luns-venres: 12:00-13:30

Creación dunha Conta de Correo Electrónico
Duración:8 horas
Data inicio: 23/06/2008 - Data fin: 26/06/2008
Horario: Luns a xoves : 11:00-13:00

Debuxo por Ordenador
Duración:4 horas
Data inicio: 19/06/2008 - Data fin: 20/06/2008
Horario: Xoves e venres de 11:00-13:00

Para máis información contactar coa Dinamizadora.

Unha recomendación de cine XIX

Aritmética emocional

Unha historia de redención e reconciliación que se inicia a partires da reunión de tres supervivente de Drancy, o campo de reclusión instalado polos alemáns nas aforas de París durante a II Guerra Mundial. No 1945, Jakob Bronski, un xoven disidente polaco encarcelado en Drancy decide protexer a dous nenos, Melanie e Christopher. 40 anos máis tarde, Melanie descobre que segue vive. Sempre pensara que morrera en Auschwitz, así que o invita a súa casa en Canadá. Jakob non aparece só, chega con Christopher. Melanie e Christopher deberán recoñecelo poderoso vínculo que ainda os une. O pasado explota no presente nunha tenra e inesperada historia de amor.

A SGAE achega en Santiago seis cursos de tecnoloxía e creación musical


A sede que a SGAE abriu hai ben pouco no barrio de Vista Alegre de Santiago está a dar conta do seu programa de actividades formativas vinculadas ás novas tecnoloxías e s creación musical para este verán e comezos do outono. Son en total seis cursos –polo de agora-, desenvolvidos en colaboración coa Fundación Autor, e de 40 horas de duración repartidas en dúas semanas, catro horas ao día de luns a venres ou cinco horas ó día de luns a xoves. Segundo informa a Arteria Noroeste, que é o nome da sede da SGAE en Compostela, para participar neste cursos non é preciso ningún requisito alén que o do pago da matrícula correspondente.

Estas son as actividades programadas: Pro Tools (do 9 ao 19 de xuño), Avid (setembro), Cubase (setembro), After Effects (outubro), Informática Músical (outubro) e Creación Audiovisual (novembro).

Para máis información, cómpre contactar coa responsable da oferta formativa a través da conta de correo gnieves@sgae.es ou dos teléfonos 981569183 e 636574911.

Benestar organiza unha xornada sobre protección da nenez en Internet

A Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia, a prol de loitar contra o problema da inseguridade que vai en aumento, vén de anunciar que mañá venres, 6 de xuño, vai levar a cabo en Santiago de Compostela a xornada Infancia e Internet: Prevención e detección de situacións risco, un evento no que se analizarán as problemáticas xeradas polo uso das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) na infancia.

O acto terá lugar no Edifico Administrativo San Caetano da capital galega e dará comezo ás 10:00 horas coa intervención de Mª Xesús Lago Vilaboa, secretaria xeral de Benestar.

A continuación, o fiscal provincial de Pontevedra e delegado do Servizo de Criminalidade informática, Luis María Uriarte Valiente, ofrecerá un relatorio sobre os Hábitos de Internet en menores e o xeito de prever e detectar as condutas de risco seguidas polos mesmos.

Posteriormente, ás 12:00 horas, terá lugar, da man do fiscal de menores de Pontevedra o relatorio Delitos na Rede que advertirá aos asistentes da (xa sabida por todos) presenza de persoas delitivas en Internet que poden facer dano tanto aos menores como aos adultos por máis experiencia que teñan coas novas tecnoloxías.

Presentación do Congreso Nacional Internet na Aula


O director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, mailo director xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, Miguel soler, van presentar, mañá xoves 5 de xuño, o Congreso Nacional Internet na Aula que organiza o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para dar conta dun proxecto innovador no que se alíen as tecnoloxías da información e a comunicación co ensino.

Neste acto, que terá lugar a partires das 12:00 horas no Auditorio de Red.es, tamén se presentarán os resultados obtidos polo programa Internet na Aula do Plan Avanza do Goberno de España nos centros educativos españois durante os últimos catro anos.

O ITG dá a coñecer na Coruña as axudas dispoñibles en I+D

A Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Cámara de Comercio da Coruña organizan este xoves 5 de xuño ás 19.30 horas no salón de actos da segunda das entidades (na rúa Alameda) unha sesión informativa sobre axudas para a xestión da I+D+i na empresa. O evento, que ten a finalidade de promover entre as pequenas e medianas empresas galegas as vantaxes e axudas para pór en marcha actividades de desenvolvemento, contará coa presenza de Juan Luis Sobreira, director da Área de Innovación Tecnolóxica e I+D da Fundación.

Imaxin presentou o seu tradutor automático portugués-galego

Imaxin Software presentou este xoves o Opentrad galego-español-portugués, desenvolvido coa colaboración do Grupo Talg da Universidade de Vigo e de Paulo Gamallo, da USC.

Na presentación da ferramenta, Xavier Alcalá, Enxeñeiro en Telecomunicacións ademais de escritor, salientou a importancia da aplicación para evitar seguir desaproveitando as "oportunidades naturais" coas que conta Galiza "neste mundo competitivo". "Brasil", dixo Alcalá, "é unha inmensa potencia necesitada de ser atendida na súa lingua", o mesmo que as economías emerxentes africanas como Angola e Mozambique. "O que paga manda e se o que paga fala en portugués, hai que usar o portugués". Tradutores deste tipo, concluíu Alcalá, "evitan ridiculeces e falsos compañeiros á hora de facer negocios; non se poden facer en castelán ou nun mal galego".

Galiza é a primeira comunidade autónoma do Estado en volume de importacións dende Portugal, e as relacións económicas do Estado Español con Lisboa superan ás que realiza con toda América Latina. O tradutor, salientou Diego Vázquez, director de marketing de Imaxin, era unha vella demanda das empresas.

De código aberto e personalizábel

Entre as súas características destaca a súa bidireccionalidade entre as tres linguas, o uso do código aberto, xa dispoñíbel para o seu desenvolvemento en sourceforge, a efectividade nas traducións (grazas aos máis de 12 mil termos cos que conta a súa base de datos) e as posibilidades de personalización dos resultados. A nova aplicación do Opentrad permite adaptar o tradutor ao libro de estilo dunha empresa ou medio de comunicación, e adáptase el propio aos fondos textuais dunha fonte, para ofrecer unha tradución máis exacta.

Aberto o prazo para a inscrición nas II Xornadas de Programación Web con Software Libre


Do 23 ao 27 de Xuño, Ousli organiza as II Xornadas de Programación Web con Software Libre. Nesta segunda edición veranse as últimas tecnoloxías do eido do desenvolvemento web e relatorios sobre o fenómeno das redes sociais e da Web 2.0. As xornadas pretenden ser un punto de encontro de estudantes, docentes, desenvolvedores web e profesionais das TIC, no que se vexan de modo práctico as alternativas, plataformas e frameworks con Software Libre.

O prazo de inscrición está aberto e pódese facer vía web dende o seguinte enderezo:

http://encontros.ousli.org/

Os relatorios tratarán temas como os frameworks de desenvolvemento rápido (django, cakephp e ruby on rails), sistemas de xestión de contidos (TYPO3, WordPress, MediaWiki, Joomla!), comunidades sociais (menéame, chuza, blogaliza, barrapunto), ferramentas de desenvolvemento web en software libre, ...

Pódese ver o programa das xornadas dende a web do evento.

Xornalistas e profesionais das TIC avaliarán na Coruña novas vías de colaboración


Xornalistas ao tanto de campañas políticas (tamén vía Internet) vistos por Ken Cedeno en The New York Times.Coa prensa acontece un pouco coma coa industria tradicional da música. Mantívose máis ou menos igual durante anos e sen mudar moito os seus modelos en boa parte porque as cousas non lle ían precisamente mal con eses modelos. Até que co afianzamento das novas tecnoloxías (con cidadáns máis e mellores informados sobre elas e sobre outras alternativas posibles de informarse), constatouse unha realidade: ou se aplicaban cambios fondos na achega aos usuarios ou se ía perder a atención destes para sempre. Disto, de avaliar a natureza desas transformacións e de albiscar o porvir é do que tratan en boa medida as quintas Xornadas sobre a Prensa e as Novas Tecnoloxías que organiza a Asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE) na Coruña os días 18 e 19 de xuño no Hotel Meliá María Pita.

No encontro, que contará con La Voz de Galicia en labores de anfitrioa, participarán profesionais de toda España vinculados de maneira estreita ó traballo de preparar a Rede para informar nela e de afacer a propia información para traballar na Rede.

Entre os relatores que xa confirmaron a asistencia a esta xuntanza (que se vai inaugurar o día 18 ás 21.00 horas cun cóctel de benvida no devandito hotel coruñés), atopamos a Roberto de Celis (director de Internet de ABC), Pilar Gómez-Borrero (directora xeral de Zeta Digital) ou José Manuel Calvo (subdirector de El País) quen falarán arreo sobre oportunidades redaccionais e informativas; ou a Chris Bauer, profesor de Xornalismo en liña da City University de Londres, quen avaliará o seguinte cruzamento de vieiros: o da interrelación das novas tecnoloxías e a comunicación tradicional.

Tamén fará acto de presenza (entre outros moitos profesionais do xornalismo e das TIC) Dominique Loumaye, director xeral para España de Wunderloop, quen fará unha análise do xeito de comportarse dos internautas co obxectivo de definir que tipo de publicidade é a que máis lles interesa. Asemade, participará na xuntanza Miguel Aguado Rubio, de Ericsson España, que falará sobre as novas vías que podería adoptar a promoción comercial nos móbiles a través –principalmente- das mensaxes de texto, sms.