Xornadas sobre os riscos naturais e as posibles respostas fronte a eles

Terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) na edición do 16 de xaneiro

O prazo para apuntarse ás xornadas –que se desenvolverán en horario de mañá e tarde na sede da EGAP en Santiago- remata o día 29 de xaneiro. Os destinatarios son tanto o persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega como persoas interesadas en xeral. Ao remate de ambas as dúas xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que tivesen unha asistencia igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas.

Os principais temas que se desenvolveran ao longo das xornadas serán o cambio climático e os seus riscos, as ondas estrañas e o risco no mar, a socioloxía do risco, a reacción persoal e social fronte ao risco, a problemática da teoría económica tradicional e as verteduras accidentais de hidrocarburos no mar e risco na costa, no que se tratará a experiencia concreta do Prestige.

Os riscos naturais implican un perigo crecente para o normal desenvolvemento da sociedade. O cambio climático e as ondas estrañas constitúen dous exemplos destes riscos. Aínda así, estes riscos poden controlarse dun xeito económico e que ademais supoña ganancias de riqueza para a sociedade. Para conseguilo cómpre coñecer os riscos, as reaccións sociais cara a estes, e as novas teorías que enfrontan a economía desde unha postura de non-equilibrio.

A xornada estrutúrase en dous bloques: no primeiro describiranse os dous aspectos mencionados, o cambio climático e as ondas estrañas, pola súa importancia, e porque representan dous bos exemplos de riscos naturais aos que o ser humano estivo exposto desde sempre, e que arestora están nun proceso de aceleración.

No segundo bloque analizaranse as reaccións sociais fronte ao risco e as respostas posibles tanto desde o punto de vista social como empresarial e económico. Insistirase sobre todo neste último aspecto porque na economía tradicional adóitase dicir que é demasiado "caro" atallar os riscos, "verbi gratia", a adopción de medidas contra o cambio climático. Os resultados das novas teorías económicas, non lineais e afastadas do equilibrio, indican que non só non é custoso combater os riscos, senón que é altamente beneficioso para a sociedade.

0 comentarios: